DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Mércores, 11 de agosto de 2010 Páx. 14.581

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 6 de agosto de 2010, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se convoca proceso selectivo para o acceso á categoría superior da subescala de intervención-tesouraría da escala de funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

De conformidade co establecido no Decreto 443/2009, do 30 de decembro de 2009, polo que se aproba a oferta de emprego público para o ano 2009 do persoal funcionario con habilitación de carácter estatal no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe o artigo 15.1º do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, en concordancia cos artigos 48 e 52 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal,

DISPÓN:

Convocar proceso selectivo para o acceso á subescala de intervención-tesouraría, categoría superior, da escala de funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, con suxeición ás seguintes:

Bases da convocatoria.

I. Normas xerais.

I.1. O obxecto do proceso selectivo será a cobertura de sete (7) prazas de funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, subescala de intervención-tesouraría, categoría superior (subgrupo A1), polo procedemento de concurso-oposición.

I.1.1. De conformidade coa disposición adicional sétima do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, e co Decreto 443/2009, do 30 de decembro de 2009, polo que se aproba a oferta de emprego público para o ano 2009 do persoal funcionario con habilitación de carácter estatal no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, do total de prazas reservarase unha praza para ser cuberta por persoa con discapacidade cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33%.

No suposto de que as prazas cubertas por persoas con discapacidade acaden a taxa do 3% das prazas convocadas, as prazas non cubertas pasarán a integrarse ás restantes prazas de acceso xeral.

No suposto de que as ditas prazas cubertas non acadasen a taxa do 3% das prazas convocadas, as prazas non cubertas acumularanse á cota do 7% da oferta seguinte, cun límite máximo do 12%.

Así mesmo, no suposto de que algún aspirante con minusvalidez que se presentase pola cota de reserva de discapacitados superase os exercicios correspondentes, pero non obtivese praza, e a súa puntuación fose superior á obtida por outros aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluído pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral.

As prazas que non fosen cubertas de acordo co disposto anteriormente acumularanse ás da oferta de emprego público do ano seguinte.

Nas probas selectivas, incluíndo os cursos de formación ou os períodos de prácticas, estableceranse para as persoas con discapacidade que o soliciten as adaptacións e os axustes razoables necesarios de tempo e medios para a súa realización, de acordo co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño, pola que se establecen criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade, para asegurar que estas persoas participen en condicións de igualdade.

I.1.2. A este proceso selectivo seralle aplicable a Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, o Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, o Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos dos candidatos.

Para seren admitidos á realización das probas selectivas os aspirantes deberán posuír, no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como funcionarios, os seguintes requisitos:

I.2.1. Idade e nacionalidade: non exceder a idade máxima de xubilación forzosa e cumprir os requisitos de nacionalidade segundo o artigo 57 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público.

I.2.2. Pertencer como funcionario de carreira á subescala de intervención-tesouraría, categoría de entrada, da escala de funcionarios con habilitación de carácter estatal tendo, polo menos, dous anos de antigüidade na categoría de entrada, computados a partir da publicación do nomeamento no diario oficial correspondente.

I.2.3. Capacidade funcional: non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

I.2.4. Habilitación: non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial.

I.2.5. Ademais dos requisitos anteriores, os aspirantes que se presenten pola cota de reserva de discapacitados terán que ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33 por cento.

I.2.6. Sen prexuízo do disposto na base I.3 e IV.2 da presente convocatoria, a Dirección Xeral de Administración Local poderá revisar de oficio o cumprimento dos requisitos anteriormente establecidos, de conformidade cos datos que figuran no Rexistro autonómico e estatal de funcionarios con habilitación de carácter estatal. Para estes efectos expedirase certificación, que se incorporará ao expediente.

I.3. Solicitudes.

I.3.1. Os que desexen tomar parte no proceso selectivo deberán facelo constar mediante unha solicitude e aboar os dereitos de exame, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos, no prazo de vinte días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

En relación cos dereitos de exame, a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, exixe como requisito necesario para participar no proceso selectivo o aboamento en tal concepto do importe da taxa que estea vixente no momento de presentación da solicitude.

1) Formalización da solicitude:

O modelo de solicitude estará á disposición de todos/as os/as que desexen participar no proceso na páxina web da Xunta de Galicia (http://www.eidolocal.es), premendo a icona «habilitación estatal», en dúas modalidades, segundo se dispoña ou non de certificado dixital da FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre) ou DNI electrónico.

Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, os/as solicitantes deberán cubrir todos os datos que aparecen en pantalla e posteriormente validalos e confirmalos.

Os aspirantes cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33%, a que se refire a base I.2.5 deberán indicalo expresamente na solicitude, especificando claramente o tanto por cento de discapacidade recoñecido polo órgano competente, e poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria, todo isto conforme o contido na Lei 13/1982, do 7 de abril, e no Decreto 443/2009, do 30 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público para o ano 2009 para o persoal funcionario con habilitación de carácter estatal no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2) Pagamento das taxas:

Unha vez confirmada a alta da solicitude, o/a solicitante, segundo estea ou non nos supostos previstos, deberá seguir os seguintes pasos:

*Exento de pagamento: de acordo co sinalado no artigo 23.5º da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, modificado pola Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, estarán exentas do pagamento:

-As persoas con minusvalidez igual ou superior ao 33%.

-As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial (no caso de membros de categoría xeral terán unha bonificación do 50%).

-As persoas que figuran como demandantes de emprego dende, polo menos, o mes anterior á data de convocatoria de probas selectivas de persoal convocadas para a selección de persoal da comunidade autónoma en que soliciten a súa participación. Serán requisitos para o gozo da exención que, no prazo de que se trate, non rexeitasen a oferta de emprego adecuado nin se negaran a participar, excepto causa xustificada, en accións de promoción, formación ou reconversión profesionais e que, así mesmo, carezan de rendas superiores, en cómputo mensual, ao salario mínimo interprofesional.

Unha vez elixida esta opción, o/a solicitante poderá imprimir dende ese intre a solicitude cuberta e deberá presentar antes do remate do prazo fixado, orixinal ou copia debidamente cotexada do documento que xustifique a exención do pagamento, nas oficinas do rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de correos e demais lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Neste suposto, considerarase como data válida de presentación a da confirmación da solicitude realizada de acordo co disposto anteriormente, condicionada en todo caso á presentación dentro do mesmo prazo da documentación sinalada para acreditar a exención do pagamento.

*Non exento de pagamento: o/a solicitante poderá realizar o pagamento dun dos seguintes xeitos:

Pagamento presencial.

-Imprimindo o documento de pagamento, modelo AI, seleccionando esta opción na pantalla, e realizando o ingreso do importe da taxa que figura nel, en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante.

Pagamento telemático.

Sen certificado dixital:

-Introducindo os datos da tarxeta de crédito ou débito na opción de pagamento telemático, obtendo nese intre o xustificante 730 correspondente.

Con certificado dixital:

-Poderá realizar o pagamento con cargo á conta do titular do certificado dende a opción de pagamento telemático, obtendo nese intre o xustificante 730 correspondente.

En ambos os dous casos, considerarase como data válida de presentación da solicitude a da realización da operación de ingreso da taxa, sen que sexa necesario presentar ningún dos documentos xerados nos lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O importe aboado en concepto de dereitos de exame devolveráselles, logo dos trámites correspondentes, só aos/ás solicitantes excluídos que o soliciten no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución definitiva da Dirección Xeral de Administración Local a que fai referencia o punto cuarto da base I.4.2.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento polos/as solicitantes seguindo as instrucións iniciais (páxina web da Xunta de Galicia, http://www.eidolocal.es, icona «Procesos selectivos habilitación estatal») e seleccionando a opción de consulta na pantalla.

I.3.2. O/A solicitante deberá presentar antes do remate do prazo fixado orixinal ou copia debidamente cotexada do documento que xustifique a exención do exame obrigatorio de galego, segundo a base II nas oficinas do rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de correos e demais lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dirixido á Dirección Xeral de Administración Local.

I.3.3. Así mesmo, os/as solicitantes deberán presentar a documentación acreditativa dos seus méritos autonómicos para os efectos do concurso segundo a base II.

Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, os/as solicitantes poderán poñerse en contacto telefónico co Centro Informático CIXTEC no número 981 54 13 00, das 8.30 ás 20.00 horas, de luns a venres e os sábados das 10.00 ás 14.00 horas.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Expirado o prazo de presentación de instancias, o titular da Dirección Xeral de Administración Local ditará resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, así como nos lugares que oportunamente se determinen nela e na cal se declarará aprobada a listaxe provisoria de admitidos e excluídos, así como as causas da súa exclusión e a indicación do lugar en que se atopan expostas as listaxes de admitidos e excluídos. Nas listaxes deberán constar, en todo caso, os apelidos, o nome e o número de documento nacional de identidade.

I.4.2. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución, para poderen emendar, se for o caso, o defecto que motivou a exclusión.

Para tal efecto, a estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderanse implícitas na resolución pola cal se publique a listaxe definitiva de admitidos e excluídos.

En todo caso, co fin de evitar erros e, que no suposto de producirse, se posibilite a súa emenda en tempo e forma, os aspirantes comprobarán non só que non figuran recollidos na relación provisional de excluídos senón, ademais, que os seus nomes e datos constan correctamente nas pertinentes relacións de admitidos.

Unha vez transcorrido o dito prazo, a Dirección Xeral de Administración Local ditará resolución definitiva, contra a cal se poderá interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado dende o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses contados dende a mesma data, de conformidade co disposto no artigo 8.2º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, en relación co artigo 10.1º do mesmo texto legal.

O feito de figurar na relación de admitidos non prexulga que se lles recoñeza aos interesados a posesión dos requisitos exixidos no procedemento que se convoca. Cando da documentación que deben presentar, no caso de superar o proceso selectivo, se desprenda que non posúen algún dos requisitos, os interesados decaerán en todos os dereitos que puideren derivar da súa participación no procedemento.

II. Proceso selectivo.

II.1. Fase de oposición.

II.1.1. Exercicio práctico, de carácter obrigatorio e eliminatorio, consistente no desenvolvemento por escrito, no prazo máximo de catro (4) horas, dun informe sobre o un ou varios supostos prácticos que o tribunal determine e que estará relacionado con temas de orzamentos, contabilidade superior pública e privada, facendas locais, tesouraría, recadación, cálculo, matemática financeira e estatística. Para o desenvolvemento deste exercicio poderán consultarse textos legais sen comentarios, excluíndose os libros de consulta, así como utilizar máquinas de calcular non programables nin financeiras.

Este exercicio será corrixido directamente polo tribunal e na súa cualificación valorarase, fundamentalmente, a precisión e o rigor técnico na formulación, exposición e resolución do suposto práctico proposto.

O exercicio cualificarase de cero (0) a corenta (40) puntos, e será necesario obter un mínimo de vinte (20) puntos para superalo, correspondendo ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar a puntuación mínima

As puntuacións publicaranse, en todo caso, no lugar onde se realizou o exercicio, no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Administración Local e na páxina web (http://www.eidolocal.es), unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios, e concederase un prazo de dez días os efectos de formular alegacións perante o tribunal.

Este exercicio realizarase no prazo máximo de corenta días desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.

II.1.2. Os aspirantes deberán presentarse para a realización do exercicio provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal.

II.1.3. O exercicio realizarase a porta pechada sen máis asistencia que a dos opositores, membros do tribunal e os colaboradores designados por este.

O tribunal adoptará as medidas necesarias para garantir o anonimato dos aspirantes, utilizando para iso modelos de impresos de exame nos cales non poderá constar ningún dato de identificación do aspirante na folla normalizada de exame que teña que ser corrixida polo tribunal cualificador, se este for o caso. Quedarán excluídos aqueles candidatos en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a identidade do aspirante.

II.2. Coñecemento da lingua galega.

II.2.1. Posuír e acreditar o coñecemento do idioma galego do nivel requirido para as funcións propias da subescala obxecto desta convocatoria. O solicitante deberá estar en posesión do certificado de lingua galega, Celga 4, ou do seu equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, ou superar unha proba selectiva con carácter eliminatorio.

II.2.2. Os solicitantes que non acrediten a posesión do título Celga 4 deberán realizar unha proba de carácter eliminatorio. Esta proba, que se valorará co resultado de apto ou non apto, está destinada a avaliar un grao de coñecemento do galego equivalente ao exixido para a obtención do Celga 4 ou equivalente.

II.2.3. Para a realización desta proba o tribunal incorporará asesores especialistas en lingua galega designados polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

II.3. Desenvolvemento dos exercicios.

II.3.1. A orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente por aquel cuxo primeiro apelido empece pola letra D, de conformidade co establecido na Resolución da Consellería de Facenda do 29 de xaneiro de 2009, pola que se publica o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 24, do 4 de febreiro).

II.3.2. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal correspondente coa finalidade de acreditar a súa identidade.

II.3.3. Os aspirantes serán convocados para o exercicio en único chamamento e será excluído da oposición quen non compareza.

Non entanto o anterior, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización do exercicio polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando a comunicación ao correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse nas 48 horas seguintes ao anuncio da data do exame e levará consigo o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal decidirá en cada caso, con base na información de que dispoña, se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo ou ben un aprazamento da proba, ou ben ambas as medidas conxuntamente. Non se admitirá recurso ao respecto das decisións do tribunal neste punto, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

II.3.4. O anuncio de realización do exercicio publicarase no Diario Oficial de Galicia, no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Administración Local e na páxina web (http://www.eidolocal.com) con corenta e oito horas polo menos de anticipación á sinalada para a súa iniciación.

II.3.5. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento ou dúbidas fundadas de que algún aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos pola convocatoria, comunicaralle isto á Dirección Xeral de Administración Local, para os efectos de que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

No caso de que o/a opositor/a non acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral de Administración Local ditará resolución de exclusión do proceso selectivo. Contra a resolución do dito órgano poderán interporse os recursos administrativos ou reclamacións que procedan.

II.4. Fase de concurso.

II.4.1. A fase de concurso consistirá no outorgamento aos aspirantes que superaron a fase de oposición da puntuación que lles corresponde polos méritos xerais (ata un máximo de 19,5 puntos) que figuran recoñecidos nos rexistros habilitados e de conformidade co establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994 na data de publicación do extracto da presente convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

Os méritos xerais dos aspirantes que superaron o proceso selectivo acreditaraos de oficio a Dirección Xeral de Administración Local ao tribunal cualificador.

Así mesmo, nesta fase o tribunal valorará os méritos autonómicos (ata un máximo de 3 puntos) que se recollen no Decreto 49/2009, conforme as regras previstas nos seus artigos 22 a 26, á data de publicación do extracto desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado, para cuxos efectos os aspirantes que superaron a fase de oposición disporán dun prazo de dez días hábiles desde a publicación no Diario Oficial de Galicia das notas do exercicio práctico para a presentación da documentación acreditativa dos méritos autonómicos segundo o establecido no parágrafo seguinte. Esta documentación irá dirixida á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Dirección Xeral de Administración Local, praza de Europa 5A, 4º Polígono das Fontiñas en Santiago de Compostela.

Para acreditar os méritos establecidos no artigo 24 do Decreto 49/2009 dos aspirantes, o tribunal solicitará de oficio á Dirección Xeral de Administración Local a certificación correspondente.

Para acreditar os méritos recollidos nos artigos 23, 25 e 26 do Decreto 49/2009, os aspirantes deberán presentar copia cotexada dos documentos acreditativos correspondentes.

A puntuación total obtida na fase de concurso virá dada pola suma da puntuación asignada polos méritos xerais e autonómicos e será publicada polo tribunal na páxina web www.eidolocal.com e no Diario Oficial de Galicia.

II.4.2. Contra a baremación dos méritos xerais e autonómicos os aspirantes que o consideren oportuno poderán presentar reclamación perante o propio tribunal no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da dita baremación.

Á vista das reclamacións presentadas e realizadas, de ser o caso, as oportunas correccións á baremación inicialmente asignada a cada aspirante, o tribunal procederá á publicación no Diario Oficial de Galicia da baremación definitiva da fase de concurso.

Contra esta resolución poderán os/as interesados/as interpoñer recurso de alzada conforme o previsto no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

II.4.3. A orde de prelación dos aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa suma das puntuacións obtidas nas fases de oposición e de concurso, non podendo superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

Non obstante o anterior, sempre que órganos de selección propuxeran o nomeamento de igual número de aspirantes que o de prazas convocadas e co fin de asegurar a súa cobertura, cando se produzan renuncias dos aspirantes seleccionados, antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir do órgano de selección relación complementaria dos aspirantes que sigan os propostos, para a súa posible nomeamento coma funcionarios de carreira.

III. Tribunal.

III.1. O tribunal cualificador do proceso será designado por orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 7 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta o previsto polo artigo 36 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e axustarse ao disposto no artigo 60 do EBEP (Lei 7/2007).

III.2. Os membros dos tribunais deberán absterse de intervir, notificándolle á Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou se realizasen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria e, igualmente, se colaborasen durante ese período dalgún modo con centros de preparación de opositores.

O presidente deberá solicitar dos membros do tribunal declaración expresa de non atoparse incursos nas circunstancias previstas no citado artigo 28 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común nin nas demais causas de abstención previstas nesta base. Esta declaración deberá ser tamén realizada polos asesores especialistas previstos na base III.10 e polo persoal auxiliar que o tribunal incorpore aos seus traballos.

Así mesmo, os aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorra neles algunha das circunstancias previstas nesta base, conforme o artigo 29 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

III.3. A autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia resolución pola que se nomeen os novos membros do tribunal, que substituirán os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base III.2.

III.4. Logo da convocatoria do presidente constituirase o tribunal. Tal constitución entenderase válida coa presenza da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso do/a presidente/a e do/a secretario/a.

A celebración da sesión de constitución terá lugar no prazo máximo de quince días a partir da publicación do tribunal.

Na dita sesión, o tribunal adoptará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

III.5. A partir da sesión de constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presenza da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso do/a presidente/a e do/a secretario/a.

III.6. O procedemento de actuación dos tribunais axustarase en todo momento ao disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

III.7. Correspóndelle ao tribunal:

Dar publicidade, a través do anuncio correspondente, do lugar, data e hora de realización do exercicio.

III.8. O tribunal cualificador resolverá cantas consultas, interpretacións e criterios de valoración e de unificación se poidan presentar sobre as normas da convocatoria.

III.9. Por cada sesión do tribunal redactarse acta, que será lida ao principio da sesión seguinte e, de ser o caso, feitas as rectificacións que procedan, e autorizarase coa sinatura do secretario e o visto e prace do presidente.

III.10. Cada tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que estime pertinente, limitándose os ditos asesores a prestaren a súa colaboración nas súas especialidades técnicas, e terán voz pero non voto. O nomeamento de tales asesores corresponderalle á Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

III.11. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que os aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para a realización dos exercicios que as dos restantes participantes. Neste sentido estableceranse, para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3, as adaptacións posibles de tempo e/ou medios para a súa realización.

Se na súa realización se lle suscitasen dúbidas ao tribunal respecto da capacidade dun aspirante para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos funcionarios do corpo a que opta, poderá solicitar o correspondente ditame do órgano competente.

III.12. O tribunal que actúe no proceso selectivo terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño.

O número máximo de sesións do tribunal será fixado por resolución da Dirección Xeral de Función Pública, que poderá amplialo con base en causa xustificada.

III.13. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

Para estes efectos, terase en conta o disposto na II.4.3.

III.14. As comunicacións que formulen os aspirantes aos tribunais dirixiranse á Consellería de Presidencia, Administracións Pùblicas e Xustiza, Dirección Xeral de Administración Local, Praza de Europa 5A, 4º, Polígono das Fontiñas en Santiago de Compostela.

IV. Lista de aprobados, presentación de documentación e nomeamento de funcionarios.

IV.1. A cualificación do concurso-oposición virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nas fases de oposición e de concurso.

No caso de que exista unha diferenza porcentual de polo menos 20 puntos entre o número de mulleres e o número de homes, o primeiro criterio de desempate será a pertenza ao sexo feminino (artigo 37 da Lei 7/2004).

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, acudirase para dirimir o empate a quen obtivese a puntuación máis alta no exercicio da fase de oposición e se iso non fora suficiente acudirase para resolvelo á puntuación outorgada a cada un dos méritos xerais sinalados no artigo 1 da Orde do 10 de agosto de 1994 pola orde de prelación establecida segundo a súa orde de enumeración no dito artigo.

De persistir o empate, dirimirase acudindo á puntuación obtida por cada un dos méritos autonómicos recollidos nos artigos 23, 24, 25 e 26 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, por este orde. De persistir o empate, resolverase pola orde alfabética a que se refire a base II.3.1.

IV.2. Rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no Diario Oficial de Galicia a relación de aspirantes que superaron o proceso selectivo, por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu documento nacional de identidade, e elevará dita relación ao titular da Dirección Xeral de Administración Local para que elabore a proposta de nomeamento. Con carácter excepcional, poderase renunciar á participación no proceso selectivo ata a data en que o tribunal eleve ao titular da Dirección Xeral de Administración Local a relación de aprobados.

A partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da relación de aprobados, os aspirantes disporán dun prazo de vinte días naturais para a presentación dos seguintes documentos:

A) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial.

No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración xurada ou promesa de non atoparse inhabilitado ou en situación equivalente nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria.

B) Os aspirantes con discapacidade cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33% que superen a oposición deberán, ademais, acreditar tal condición mediante certificación dos órganos competentes de Traballo e Benestar e, de ser o caso, da Administración correspondente.

Así mesmo, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza requirirá, respecto das persoas que accedan por esta cota de reserva, documento acreditativo do órgano competente sobre a compatibilidade da discapacidade co desempeño das correspondentes funcións.

C) Documentación acreditativa de pertencer como funcionario de carreira á subescala de secretaría, categoría de entrada, da escala de funcionarios con habilitación de carácter estatal tendo, polo menos, dous anos de antigüidade na categoría de entrada, computados a partir da publicación do nomeamento no diario oficial correspondente.

IV.3. Os que dentro do prazo fixado, salvo os casos de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2, non poderán ser nomeados funcionarios da subescala de intervención-tesouraría, categoría superior, e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

IV.4. Rematado o proceso selectivo, e unha vez cumpridos os requisitos exixidos con anterioridade, os que o superasen serán nomeados funcionarios de carreira mediante orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza remitirá a relación de funcionarios nomeados ao Ministerio de Política Territorial para que este proceda a acreditar a habilitación estatal obtida e a súa inscrición no correspondente rexistro.

V. Disposición derradeira.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderase impugnar directamente ante o xulgado do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co disposto no artigo 8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, en relación co artigo 14.2º do mesmo texto legal.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2010.

José Norberto Uzal Tresandí

Director xeral de Administración Local

ANEXO

D./Dna..., con domicilio en..., con DNI/pasaporte..., declara baixo xuramento ou promete, para efectos de ser nomeado funcionario da subescala de intervención-tesouraría, categoría superior, que non se atopa inhabilitado ou en situación equivalente nin foi sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de …, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.