DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Martes, 17 de agosto de 2010 Páx. 14.801

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

RESOLUCIÓN do 5 de agosto de 2010, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón o rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo do comité intercentros polo que se modifica o texto do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, publicado no Diario Oficial de Galicia número 203, do 3 de novembro de 2009, tras a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 27 de xaneiro de 2010.

Mediante sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, derivada de demanda de impugnación de convenio promovida polo sindicato CC.OO., declárase a nulidade dos seguintes artigos do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia: «3.2)f, 7.2)a, a.1), 7.2)a, a.8), 8.3, 11.1 parágrafo 2, 21, último parágrafo, 45.2.a), a.1) e 45.2.a), a.6».

En xuntanza que tivo lugar o 27 de xullo de 2010 do comité intercentros do persoal laboral da Xunta de Galicia, negociouse a modificación do V Convenio que se substancia nas distintas epígrafes do texto, e que son os seguintes: a) corrección de erros, b) supresión de artigos ou puntos de artigos declarados nulos, c) substitución de artigos ou puntos declarados nulos e d) mellora do texto de convenios; as modificacións recollidas nos anteriores puntos foron aprobadas nas ditas xuntanzas polo comité intercentros (a favor das organizacións sindicais (UGT e CIG) e os representantes da Administración.

Vista a acta da citada reunión, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto legislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, de 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos.

Esta Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro-Ordenar a inscrición do referido acordo no Rexistro Xeral de Convenios desta Dirección Xeral, con notificación ao comité intercentros.

Segundo-Remitir o texto orixinal ao correspondente servizo deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2010.

Odilo Martiñá Rodríguez

Director xeral de Relacións Laborais

ANEXO

Modificación do V Convenio colectivo do persoal laboral

da Xunta de Galicia

A) Corrección de erros.

Primeiro.-Corríxese o artigo 3.1.

A remisión do artigo 3.1 ao artigo ao 85.2.e) ET, debe referirse ao artigo 85.3.e) ET.

B) Supresión artigos ou puntos declarados nulos.

Segundo.-Suprímese a letra f) do artigo 3º.2.

C) Sustitución artigos ou puntos declarados nulos.

Terceiro.-Dáse nova redacción aos artigos que se sinalan a continuación.

1. Artigo 7.2. Provisión definitiva:

a) Concurso de traslados.

a.1.1 A provisión de postos de traballo mediante o sistema de concurso realizarase logo de convocatoria pública para o efecto na cal, entre outros aspectos, se fará constar:

-Vacantes que se ofertan e requisitos para o seu desempeño.

-Fase ou fases de resultas, de ser o caso.

-Baremo de méritos aplicable a cada convocatoria No primeiro concurso de traslados que se convoque despois da entrada en vigor deste convenio, respectarase a preferencia dos/as traballadores/as que ocupen provisionalmente un posto de traballo ao abeiro do artigo 7.4 c) e, en segundo lugar, do artigo 7.4 b) do IV Convenio colectivo único.

(...)

-Nos concursos posteriores ao do 2010 o persoal laboral poderá concursar a todas as categorías do mesmo grupo sempre que o/a interesado/a posúa a titulación e demais requisitos para poder participar. No concurso que se convocará no ano 2010 esta medida aplicarase na segunda fase de resultas aos laborais do grupo V unha vez que se publique o nomeamento das/dos traballadores/as da oferta de emprego público de 2005, dada a situación extraordinaria de destino provisional deste colectivo. Para estes efectos negociaranse as bases específicas que o posibiliten establecéndose a prelación da antigüidade e méritos en atención á afinidade funcional das categorías a que se concorra vista a proposta presentada polo grupo de traballo técnico.

(...)

a.8. Unha vez resolto o concurso previsto para o ano 2010 coa finalidade de facer efectivos os concursos anuais do persoal laboral, implantarase un concurso de traslados permanentemente aberto, que terá como mínimo unha periodicidade semestral. As vacantes ofertaranse a medida que se vaian producindo, e a elas poderán concorrer todos aqueles laborais fixos da Xunta de Galicia, que pertenzan ao mesmo grupo e posúan a titulación e demais requisitos indispensables para o desempeño do posto de traballo. Para a efectividade deste concurso tanto a oferta de prazas como a solicitude de participación nel efectuaranse por medios telemáticos e non haberá fase de resultas. No baremo establecerase a prelación da antigüidade e méritos en atención á afinidade funcional das categorías. A implantación desta modalidade de concurso iniciarase polo grupo ou grupos que determine pola Dirección Xeral da Función Pública, vista a proposta presentada polo grupo de traballo técnico e negociada no órgano

competente.

2. Artigo 8º.3.

O órgano competente para convocar as probas de acceso será a consellería competente en materia de función pública; as bases das convocatorias negociaranse no órgano competente oída/as a/s proposta/s do grupo de traballo ténico.

3. Artigo 11º.1 parágrafo segundo.

A Xunta de Galicia acordará coas organizacións sindicais, dentro do respecto á legalidade vixente, as formas de colaboración que no marco do convenio colectivo fixen a actuación das organizacións sindicais no desenvolvemento dos procesos selectivos.

4. Artigo 21º. Último parágrafo.

-Negociarase no órgano competente a extensión ao persoal laboral das licenzas e permisos que en normativas posteriores a este convenio se puidesen establecer para o persoal funcionario, oído o grupo de traballo técnico.

5. Artigo 45º. 2. Dos/as delegados/as sindicais.

(...)

a.1. Os créditos horarios que poidan corresponder aos/ás delegados/as sindicais de cada unha das organizacións sindicais poden acumularse nunha bolsa única correspondente ao ámbito territorial de Galicia.

(...)

a.6. Cada organización sindical poderá constituír unha bolsa de horas de ámbito correspondente ao territorio, que pode estar integrada polas horas que corresponden aos seus membros dos comités de empresa, delegados/as de persoal e as que corresponden aos seus delegados/as sindicais. En ningún caso se superará o crédito horario total que lle corresponde á organización sindical.

(...)

6. Disposición transitoria décimo primeira. 2.

No ano 2010 a Administración convocará un concurso de traslados para o persoal laboral fixo en que se ofertarán a totalidade das prazas vacantes, incluídas as de nova creación derivadas dos procesos de consolidación da primeira e segunda parte da disposición transitoria décima. As prazas adxudicadas ao persoal da OEP do 2005 terán a condición de vacante e serán ofertadas neste concurso de traslados.

Neste concurso de traslados o persoal laboral do grupo V poderá solicitar na segunda fase de resultas postos de traballo de categorías distintas á de pertenza, sempre que posúa os requisitos da nova. Para estes efectos establecerase un baremo que será negociado co comité intercentros, oído previamente o grupo de traballo técnico, onde se terá en conta, entre outros méritos, a proximidade funcional de categorías.

Os que como consecuencia do acto de elección de destino provisional, derivadas da letra a), soliciten a excedencia voluntaria por incompatibilidade non poderán participar no concurso de traslados establecido para o ano 2010 e ofertaráselles destino definitivo unha vez rematado este nas vacantes que se produzan nel.

(…)

D) Mellora texto convenio.

A. Establecemento no artigo 7.2 de fases de resultas:

-Fase ou fases de resultas, de ser o caso.

No concurso que se convocará no ano 2010 esta medida aplicarase na segunda fase de resultas aos laborais do grupo V unha vez que se publique o nomeamento das/dos traballadores/as da oferta de emprego público de 2005, dada a situación extraordinaria de destino provisional deste colectivo.

B. Inclusión dos postos creados como consecuencia da disposicion transitoria décima:

No ano 2010 a Administración convocará un concurso de traslados para o persoal laboral fixo en que se ofertarán a totalidade das prazas vacantes incluídas as de nova creación derivadas dos procesos de consolidación da primeira e segunda parte da disposición transitoria décima. As prazas adxudicadas ao persoal da OEP do 2005 terán a condición de vacante e serán ofertadas neste concurso de traslados.

Neste concurso de traslados o persoal laboral do grupo V poderá solicitar na segunda fase de resultas postos de traballo de categorías distintas á de pertenza, sempre que posúa os requisitos da nova. Para estes efectos establecerase un baremo que será negociado co comité intercentros, oído previamente o grupo de traballo técnico, onde se terán en conta, entre outros méritos, a proximidade funcional de categorías.

C. Intervención cirúrxica sen hospitalizacion:

Cuarto.-Introdúcese un novo artigo 21 bis.

Artigo 21 bis.

a) Se a hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización ten cabida no concepto de accidente ou enfermidade grave, aplicarase o artigo 21 do convenio e o/a traballador/a dispoñerá de tres ou cinco días hábiles segundo o suceso teña ou non lugar na mesma localidade por familiares de 1º grao e dous ou catro días segundo o suceso teña ou non lugar na mesma localidade por familiares de 2º grao.

b) Se a hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización non ten cabida no concepto de accidente ou enfermidade grave, aplicarase o artigo 37.3.b do ET e o/a traballador/a dispoñerá de dous ou catro días hábiles segundo o suceso teña lugar ou non lugar na mesma localidade tanto por familiares de 1º como de 2º grao.

D. Grupo de traballo técnico:

Quinto.-Introdúcese unha nova disposición adicional décimo novena.

Disposición adicional

Décimo novena.-Grupo de traballo técnico.

Grupo de traballo técnico: créase un grupo de traballo formado por dous membros, como máximo, por cada unha das organizacións sindicais asinantes deste convenio e igual número de membros por parte da Administración, que terá como finalidade facer propostas á Dirección Xeral da Función Pública sobre a homoxeneización do réxime de licenzas do persoal funcionario e do persoal laboral e as demais establecidas no convenio.

O grupo constituirase no prazo de quince días da publicación da modificación do V Convenio colectivo para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Cada organización asinante do convenio e pola súa participación no grupo de traballo técnico disporá dun crédito horario mensual de sesenta horas non acumulables, que se destinarán, logo de aviso e posterior xustificacion, á asistencia ás xuntanzas que se convoquen.