DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Xoves, 02 de setembro de 2010 Páx. 15.385

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FACENDA

ORDE do 28 de xullo de 2010 pola que se aproba o Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia e se regula o seu procedemento.

As leis 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, e 31/2007, da mesma data, sobre procedementos de contratación nos sectores da auga, a enerxía, os transportes e os servizos postais, na liña marcada polas directivas comunitarias 2004/17/CE e 2004/18/CE, asumen as novas tendencias a favor da desmaterialización dos procedementos, optando pola plena inserción dos medios electrónicos, informáticos e telemáticos no ámbito da contratación pública. Equiparan o uso destes medios cos sistemas tradicionais de relación cos licitadores e, en concreto, coa forma clásica de presentación de ofertas en papel, con que se prevé unha convivencia efectiva de varios anos ata a total implantación e aceptación das novas tecnoloxías por parte dos intervenientes no proceso.

É de destacar que tanto a normativa comunitaria coma a estatal prevén a existencia de procesos, como a poxa electrónica ou os sistemas dinámicos de contratación, que se efectuarán exclusivamente por medios electrónicos, informáticos e telemáticos. Así mesmo, segundo declara expresamente a exposición de motivos da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, unha das grandes novidades que a norma introduce é pasar da declaración de impulso dos medios electrónicos e informáticos -que se concretan na práctica na simple posibilidade de que algunhas administracións, ou algúns dos seus órganos, permitan as comunicacións por medios electrónicos- a que estean obrigadas a facelo porque a lei recoñece o dereito dos cidadáns a establecer relacións electrónicas.

Estas previsións xustifican a necesidade de implementar sistemas e plataformas que sirvan de base para un escenario en que todas as relacións cos axentes participantes na licitación poidan, nalgún momento, efectuarse por medios telemáticos, sen menoscabo do mantemento do sistema tradicional de presentación de ofertas.

Entre eses medios, a licitación electrónica preséntase en toda a Unión Europea como un dos proxectos de maior interese no campo do comercio electrónico, tanto no ámbito do sector público como no das empresas, e a ela dedícanse varias referencias no citado escenario normativo, especialmente nas disposicións adicionais décimo oitava e décimo novena da Lei 30/2007, de contratos do sector público.

O Estatuto de autonomía de Galicia atribúe a esta comunidade autónoma a competencia para o desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do Estado en materia de contratos administrativos, nos termos que esta estableza (Lei orgánica 1/1981, artigo 28.2º). Ademais, esta comunidade posúe competencias sobre a organización das súas institucións de autogoberno e sobre os procedementos administrativos derivados da organización propia dos poderes públicos galegos (Lei orgánica 1/1981, artigo 27.1º e 5º).

O Decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, que regula o sistema de facturación electrónica e a utilización de medios electrónicos, informáticos e telemáticos en materia de contratación pública da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e entes do sector público dela dependentes, abriu o camiño para regular o sistema global e modular deseñado pola Xunta de Galicia con fin de axilizar os procesos de adxudicación da Administración autonómica e facilitar a información e a accesibilidade aos seus expedientes de contratación, tal e como se prevé na normativa vixente.

Esta orde aproba o Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (Silex) a que se dedica o capítulo III do citado Decreto 3/2010. A través do sistema substitúese a presentación de documentos en papel pola presentación de documentos electrónicos, a sinatura manuscrita pola sinatura electrónica e a presentación de sobres no rexistro físico pola presentación de sobres electrónicos a través da aplicación. Os axentes intervenientes, licitadores e órganos de contratación do sector público poderán realizar todos estes procesos coas garantías técnicas e legais previstas no artigo 12 do citado Decreto 3/2010 e no anexo 10 da Directiva 2004/18/CE:

a) Que os programas e aplicacións necesarias para a presentación electrónica de ofertas e solicitudes de participación son de amplo uso, doado acceso e non discriminatorios.

b) Que a súa dispoñibilidade e accesibilidade polos interesados non limita nin restrinxe a concorrencia.

c) Que determinan con precisión a identidade do remitente, do órgano destinatario e a data e hora de presentación da documentación.

d) Que garanten que ninguén teña acceso ás solicitudes de participación e das proposicións antes de que finalicen os prazos especificados.

e) Que o acceso ao contido das solicitudes de participación e das proposicións unicamente se produce nas datas establecidas e pola acción simultánea das persoas autorizadas a través de medios de identificación segura.

f) Que os formatos dos documentos electrónicos que integran os expedientes de contratación se axustan a especificacións técnicas que garanten a súa libre e plena accesibilidade polo órgano de contratación, os órganos de fiscalización e control, os órganos xurisdicionais e polos interesados, durante o prazo que deba conservarse o expediente.

En consideración ao exposto, e de conformidade co Decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula a factura electrónica e o uso de medios electrónicos, informáticos e telemáticos en materia de contratación pública da Comunidade Autónoma de Galicia e entes do sector público dependentes, en virtude das funcións atribuídas polos artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto aprobar o Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (Silex) e regular os seus procedementos de tramitación ao abeiro do artigo 13 do Decreto 3/2010, polo que se regula a factura electrónica e a utilización de medios electrónicos, informáticos e telemáticos en materia de contratación pública da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e entes do sector público dela dependentes.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. O Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia será utilizado por todo o sector público autonómico, que comprende a Administración xeral da comunidade autónoma e as entidades relacionadas no artigo 2 do Decreto 217/2008, do 25 de setembro, polo que se regula o contido mínimo das propostas de creación de novas entidades do sector público autonómico.

2. Poderá, así mesmo, ser utilizado polo resto das entidades do sector público galego, por acordo da entidade interesada e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en atención ao que se dispón na disposición adicional única do Decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula a factura electrónica e a utilización de medios electrónicos, informáticos e telemáticos en materia de contratación pública da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e entes do sector público dependentes desta.

Artigo 3º.-Enderezo da internet.

O enderezo da internet (URL) do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia será:

http://www.conselleriadefacenda.es/silex

Artigo 4º.-Acceso ao Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia.

O acceso ao Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia será a través de certificado electrónico recoñecido e polo procedemento que se detallará no propio sistema.

Os certificados admitidos, así como as súas características, faranse públicos no portal de contratación pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Integración con outros sistemas de información.

O Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia integrarase cos sistemas de información operativos vinculados á materia de contratación pública, en concreto co Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia, co perfil de contratante de cada órgano a través da Plataforma de Contratos Públicos de Galicia (PCG), co sistema de presentación telemática de avais regulados na Orde do 23 de maio de 2008 e con todos aqueles que, no seu momento, se implementen.

Capítulo II

O procedemento de licitación electrónica

Artigo 6º.-Funcionalidades e ámbito de utilización.

1. A través do sistema poderase:

-Acceder á tramitación telemática das ofertas (preparación e presentación).

-Consultar por vía telemática os trámites realizados.

-Preparar e remitir as emendas de erros ou defectos.

-Acceder á bandexa de notificacións do sistema.

-Remitir comunicacións.

-Asinar os contratos de adxudicación.

2. O procedemento de licitación electrónica poderá ser utilizado naqueles expedientes en que a invitación ou o prego de cláusulas administrativas particulares así o prevexa, e deberá constar, ademais, unha referencia á páxina web a través da cal se poden obter os documentos e/ou procedementos de acceso ao sistema.

3. A través do portal de contratación pública da Comunidade Autónoma de Galicia darase publicidade das características que en cada momento deben cumprir os expedientes de contratación para ser susceptibles de ser licitados electronicamente.

Artigo 7º.-Requisitos para licitar de forma telemática.

Ademais do certificado electrónico recoñecido, os interesados que desexen licitar electronicamente deberán estar dados de alta e con certificación vixente no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia. A existencia e vixencia da certificación será comprobada de oficio e quedarán os interesados exentos de presentala por outros medios e, para tal fin, a presentación dunha oferta mediante o Sistema supón a aceptación expresa e o consentimento do licitador para a obtención dos datos no dito rexistro.

Artigo 8º.-Perfís de usuario.

Os perfís de usuario considerados no Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia son:

a) Usuario consultor, que poderá acceder á aplicación en nome da súa empresa e disporá de habilitación para preparar ofertas pero non asinalas.

b) Usuario apoderado (solidario ou mancomunado) que, ademais das funcións atribuídas ao consultor, poderá asinar e enviar ofertas, así como asinar os contratos cando resulte adxudicatario. Os datos do apoderamento deben constar no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia, así como as facultades de representación e, se é o caso, o seu límite temporal.

Artigo 9º.-Ofertas electrónicas.

1. O sistema garante que as ofertas enviadas polos licitadores son emitidas e rexistradas de xeito que sexa imposible coñecer o seu contido, agás no momento e polas persoas legalmente autorizadas.

2. O sistema garante que as ofertas son remitidas cifradas e fragmentadas. O cifrado das ofertas realizarase contra as claves públicas dos membros da mesa de contratación. Para a súa recomposición e descifrado será necesaria a participación, no acto de apertura, do quórum de membros da mesa cos seus correspondentes certificados de sinatura electrónica recoñecida. Nos procedementos onde non sexa obrigatoria a constitución de mesa de contratación o cifrado de ofertas farase contra as claves públicas das persoas encargadas da súa xestión previamente identificadas no sistema.

3. Nos procedementos de contratación en que a apertura de proposicións deba ser pública, o descifrado e recomposición das ofertas realizarase ante os asistentes.

4. As ofertas enviaranse libres de código malicioso que dificulte ou imposibilite a súa lectura e será responsabilidade dos licitadores velar por que isto así sexa. En calquera caso, a mera presenza de código malicioso na oferta non determinará por si mesma a exclusión desta, sempre que se poida ter acceso ao seu contido.

5. No suposto de que, na tramitación dos expedientes, se reciba o mesmo documento, escrito ou comunicación en formato electrónico e a un tempo en soporte papel, só se terá en conta a versión electrónica.

Artigo 10º.-Presentación de garantías.

Nos expedientes tramitados no sistema eximirase os licitadores da presentación da garantía provisional.

A acreditación da constitución das garantías definitivas poderá facerse mediante medios electrónicos, informáticos ou telemáticos a través do sistema previsto na Orde do 23 de maio de 2008 pola que se regulan os procedementos para a presentación de avais ante a Caixa Xeral de Depósitos da Xunta de Galicia.

Artigo 11º.-Formatos dos documentos.

1. Os formatos admisibles especificaranse expresamente nos pregos de cláusulas administrativas.

2. No caso de ofertas de elevado peso ou tamaño os ficheiros deberanse comprimir ao máximo mediante programas destinados para ese fin. Os pregos de cláusulas administrativas determinarán os programas que hai que utilizar para comprimir as ofertas, así como o xeito de facelo. No suposto de que se trate de documentación anexa ou complementaria á oferta, esta poderase remitir mediante comunicación electrónica ou soporte electrónico nos termos que se especifiquen nos pregos de cláusulas administrativas para estes casos.

Artigo 12º.-Arquivo e custodia de documentos.

1. Os documentos que se xeren mediante técnicas electrónicas conservaranse en soportes desta natureza e no mesmo formato a partir do cal se orixinou o documento. No suposto de ter que transformalos será en formato que asegure a identidade e integridade do documento orixinal.

2. Os sistemas en que se almacenen os documentos contarán con medidas de seguridade que garantan a dispoñibilidade, integridade, autenticidade, protección e conservación dos documentos, e ademais asegurarán que unicamente as persoas autorizadas acceden a eles.

3. Os documentos almacenados nos sistemas formarán parte do correspondente expediente administrativo xunto co resto de actuacións que formen parte deste.

Artigo 13º.-Aceptación de requisitos técnicos.

A utilización do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia implica a aceptación e cumprimento dos requisitos técnicos de intercambio de datos.

Artigo 14º.-Imposibilidade temporal de licitación electrónica.

Cando por causas técnicas concorrese a imposibilidade de participar telematicamente nunha licitación, advertirase expresamente da situación a través do propio sistema, do portal de contratación pública da Comunidade Autónoma de Galicia e/ou por calquera outro medio considerado pertinente.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2010.

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda