DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Mércores, 08 de setembro de 2010 Páx. 15.669

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 18 de agosto de 2010 pola que se regula o uso e xestión da reserva mariña de interese pesqueiro Ría de Cedeira.

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, no punto 2 do seu artigo 12 dedicado ás reservas mariñas, establece que na norma de declaración se determinarán como mínimo a delimitación xeográfica da zona de reserva e as restricións ou as prohibicións no exercicio da actividade pesqueira ou marisqueira, ou calquera outra que afecte directamente a finalidade pretendida coa declaración.

O Decreto 28/2009, do 29 de xaneiro, polo que se crea a reserva mariña de interese pesqueiro Ría de Cedeira, define aqueles elementos esenciais que determinan o funcionamento da reserva como unha ferramenta de xestión dos recursos cunha filosofía participativa do sector nela.

O decreto determina que deben desenvolverse aqueles aspectos procedimentais necesarios para o bo fin do obxecto da reserva: a recuperación dos recursos pesqueiros e dos seus ecosistemas, así como para o correcto seguimento da súa evolución.

Con esta finalidade, a través desta orde, desenvólvense o funcionamento do órgano de xestión, seguimento e control e a súa sede. O dito órgano é básico no seguimento da reserva e participa moi directamente na elaboración do censo de titulares de permisos que os habilite para exercer a actividade nela; nesta orde desenvólvese tanto o que se refire á elaboración como á revisión deste censo, establecendo o procedemento de exclusión de titulares de permisos deste por motivo de incumprimento da normativa.

Outro dos aspectos regulados pola orde é aquel referido á realización de actividades dentro da reserva, tanto no relativo á actividade profesional da pesca como a outros usos como pode ser o mergullo, e o seu control.

Finalmente, o desenvolvemento normativo péchase con aqueles aspectos relativos ao seguimento científico e á divulgación da reserva.

Por todo o anterior, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Sinalización da área da reserva mariña.

A Consellería do Mar sinalizará ou balizará adecuadamente os límites da reserva mariña de interese pesqueiro Ría de Cedeira e da súa reserva integral.

Artigo 2º.-Funcionamento do órgano de xestión, seguimento e control.

1. O órgano de xestión, seguimento e control desenvolverá as funcións recollidas no artigo 10 do Decreto 28/2009, do 29 de xaneiro, e estará adscrito á Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños da Consellería do Mar.

2. O órgano de xestión, seguimento e control terá a súa sede no porto de Cedeira.

3. O órgano de xestión, seguimento e control reunirase en réxime ordinario dúas veces ao ano, preferentemente en marzo e outubro, e cantas veces o propoña o seu presidente ou o soliciten tres dos seus membros.

4. Os membros do órgano de xestión, seguimento e control designados segundo o disposto no artigo 10 do Decreto 28/2009, do 29 de xaneiro, polo que se crea a reserva mariña de interese pesqueiro Ría de Cedeira, poderán renovarse cada 4 anos.

Artigo 3º.-Censo.

1. Para a elaboración do censo seguirase o procedemento seguinte:

a) Mediante resolución da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, abrirase un período de solicitude de inclusión polo prazo dun mes. As solicitudes que virán acompañadas de copia do DNI da persoa que asine a solicitude só no caso de non autorización ao órgano xestor para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao sistema de verificación de datos segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG número 221, do 13 de novembro) e a Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG número 134, do 10 de xullo), dirixiranse á persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños segundo o modelo que figura no anexo I desta orde. O modelo tamén estará á disposición nas páxinas web: webpesca.xunta.es e pescadegalicia.com. Presentaranse no rexistro único e de información do complexo administrativo de San Caetano, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime

xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) No caso de que o número de solicitudes se considere excesivo en relación coa capacidade produtiva da área de reserva, e de acordo coa información de que dispoña o equipo de seguimento científico, no caso das embarcacións, terase en conta como criterio de selección a pertenza a portos base máis próximos ao ámbito xeográfico da reserva. Sempre, e en calquera caso, farase de conformidade co Plan de xestión integral aprobado para o ámbito da reserva.

c) Logo de informe do órgano de xestión, seguimento e control, a Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños elaborará un censo provisional, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, para que as persoas interesadas poidan formular alegacións durante un prazo de quince días a partir do día seguinte ao da súa publicación.

d) O censo definitivo será aprobado por resolución da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, e publicarase no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de tres meses contados desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se publique a resolución, posibilitará que as persoas interesadas poidan entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo negativo.

2. Non se poderá incrementar o número de titulares de permisos para exercer a actividade pesqueira e marisqueira, mentres non se acorde a actualización do censo. Para a actualización seguirase o mesmo procedemento descrito no punto anterior e terase en conta como criterio de selección, ademais do sinalado na letra b), a habitualidade e as capturas realizadas no ámbito da reserva dos titulares que xa estivesen incluídos, de conformidade co disposto no artigo 9 do Decreto 28/2009, do 29 de xaneiro.

3. Serán causas de exclusión do censo, ademais da que resulte da actualización, o incumprimento da normativa de uso e xestión da reserva e a negativa á realización do control das actividades pola Subdirección Xeral de Gardacostas ou polo persoal de seguimento e control. Para a súa efectividade, os membros dos devanditos servizos levantarán a oportuna acta que se trasladará ao departamento territorial da Consellería do Mar. Á vista dos feitos e probas achegadas, e tendo en conta, de ser o caso, os antecedentes da presunta persoa infractora, a xefatura territorial do departamento territorial emitirá proposta de resolución que se notificará á persoa interesada, para que poida efectuar alegacións e propoñer novas probas no prazo máximo de quince días. Recibidas as alegacións ou transcorrido o prazo para facelo, e á vista do resultado das probas que, de ser o caso, se practicasen, o mesmo órgano elevará proposta de resolución definitiva á persoa titular da dirección xeral competente, quen

resolverá acordando o que proceda. A resolución notificaráselle á persoa interesada no prazo máximo de tres meses desde o inicio do expediente e será inmediatamente executiva. Todo o anterior e sen prexuízo das responsabilidades en que puidese incorrer o/a infractor/a en relación co réxime sancionador en materia marítimo-pesqueira e outros que resulten de aplicación.

Artigo 4º.-Usos pesqueiros permitidos.

1. De conformidade co disposto nos artigos 4 e 8 do Decreto 28/2009, do 29 de xaneiro, as embarcacións incluídas no censo, que se regula no artigo 9 do antedito decreto e 3 desta orde, poderán desenvolver a pesca marítima profesional nas áreas non delimitadas como reservas integrais e como zonas de protección especial, coas seguintes artes e aparellos tradicionalmente utilizados na zona:

a) Artes de anzol: liña/cordel e palangriño.

b) Nasas: nasa nécora, nasa polbo e nasa camarón.

c) Artes de enmalle: trasmallos.

Non obstante, nas augas continentais respectarase a normativa relativa ao uso e calamento das artes de anzol e enmalle.

2. A Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, por proposta do órgano de xestión, seguimento e control, poderá establecer medidas e/ou normas distintas ás establecidas nas disposicións regulamentarias, co obxectivo de adoptar aquelas que permitan conseguir unha explotación racional dos recursos pesqueiros e marisqueiros na reserva.

Artigo 5º.-Mergullo de lecer.

1. Na reserva mariña poderán practicarse actividades subacuáticas na modalidade de mergullo autónomo recreativo, suxeitándose ás seguintes condicións:

a) Deberase levar a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos para practicar o mergullo, así como a que acredite o permiso ao que se refire o parágrafo 4 do artigo 8 do Decreto 28/2009, do 29 de xaneiro, que deberá ser exhibida por requirimento do persoal da Subdirección Xeral de Gardacostas ou do persoal do servizo de seguimento e control da reserva. O incumprimento deste requisito ou presentación de documentación irregular será causa de suspensión da inmersión.

b) A utilización de lanternas ou focos debe solicitarse xunto coa autorización, e deberán constar expresamente na autorización da inmersión.

c) A actividade realizarase perturbando o menos posible o estado do medio e preservando a integridade dos individuos ou comunidades dependentes do medio mariño.

d) Deberase respectar a práctica da pesca profesional, sen interferir coas embarcacións que están faenando nin coas artes que puideran estar caladas.

e) Deberanse seguir en todo momento as indicacións do persoal de xestión, seguimento e control da reserva en canto a zonas de inmersión, condicións para a súa realización e calquera outro aspecto relativo ao seu desenvolvemento.

f) As embarcacións deberán exhibir durante a inmersión a preceptiva bandeira «A» (alfa) do código internacional de sinais.

2. Na práctica do mergullo queda prohibido:

a) O mergullo sen a preceptiva autorización cando o acceso estea limitado.

b) As inmersións nocturnas (entre o ocaso e o orto solar).

c) A utilización de torpedos e demais medios de propulsión submariña.

d) A tenza de calquera instrumento que poida utilizarse para a pesca ou extracción de especies mariñas, coa excepción dun coitelo por razóns de seguridade.

e) A recolección ou extracción de organismos ou parte de organismos, vivos ou mortos, animais ou vexetais.

f) A extracción de minerais ou restos arqueolóxicos.

g) A tenza a bordo das embarcacións de calquera tipo de instrumento, arte ou aparello que poida utilizarse para a pesca ou extracción de especies mariñas.

h) Alimentar aos animais durante as inmersións.

i) Perturbar ás comunidades de organismos mariños.

Artigo 6º.-Navegación e fondeo.

A Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, por proposta motivada do órgano de xestión, seguimento e control, xestionará diante das administracións competentes as limitacións de uso para navegación e fondeo nas áreas da reserva que se consideren necesarias.

Artigo 7º.-Control.

1. Todos aqueles que efectúen a actividade pesqueira e/ou marisqueira no ámbito da reserva mariña deben comunicarlle ao persoal asignado á xestión, seguimento e control da reserva a súa entrada na zona da reserva mariña, identificándose convenientemente e notificándolle as capturas que leven a bordo no momento de acceder á reserva. Así mesmo, deben notificar a súa saída, número de artes caladas e as capturas realizadas na zona da reserva. Estas comunicacións deben efectuarse de maneira que permitan ao órgano de xestión, seguimento e control realizar as comprobacións dos datos transmitidos.

2. O persoal de xestión, seguimento e control da reserva, coordinado pola Subdirección Xeral de Gardacostas, realizará as inspeccións e comprobacións oportunas para verificar os datos indicados, sen prexuízo daquelas que esta realice na súa función de vixilancia e control. A negativa á realización destas funcións ou a non notificación do acceso á reserva serán causa de exclusión do censo, logo do procedemento regulado no artigo 9, parágrafo 4 do Decreto 28/2009, do 29 de xaneiro e do artigo 3, parágrafo 3 desta orde.

3. Para facilitar os labores de seguimento e control da actividade pesqueira e/ou marisqueira, as persoas armadoras das embarcacións inscritas no censo deberán permitir a instalación de dispositivos de identificación.

Artigo 8º.-Seguimento científico.

1. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro elaborará un programa de seguimento científico da reserva mariña, coa finalidade de coñecer a súa evolución e os resultados obtidos.

2. O desenvolvemento do programa de seguimento realizarase baixo a coordinación do órgano de xestión, seguimento e control, que informará do programa anualmente antes da súa aprobación.

3. Ademais do preceptivo informe anual, o seguimento científico da reserva informará dos resultados coñecidos en cada momento ao órgano de xestión, seguimento e control e á Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños.

Artigo 9º.-Divulgación.

1. Anualmente elaborarase un informe sobre a reserva mariña que será difundido ao sector, institucións e entidades interesadas para o seu coñecemento. O dito informe estará dispoñible nas páxinas web da reserva mariña de interese pesqueiro e da Consellería do Mar.

2. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, por proposta do órgano de xestión, seguimento e control, realizará as actividades de formación, información e divulgación que se consideren necesarias e oportunas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Competencias de desenvolvemento.

Facúltanse as persoas titulares das Direccións Xerais de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños e de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2010.

Rosa Mª Quintana Carballo

Conselleira do Mar

Ver referencia pdf "17300D003P009.PDF"