DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Luns, 20 de setembro de 2010 Páx. 16.107

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 16 de setembro de 2010, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión e se procede á súa convocatoria para o ano 2010.

En cumprimento do disposto no Decreto 71/1999, do 18 de marzo, polo que se regulan as axudas a empresas xornalísticas e de radiodifusión, modificado polo Decreto 96/2004, do 13 de maio, e en uso das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I desta resolución, polas cales se rexerá a concesión de subvencións ás empresas xornalísticas e de radiodifusión radicadas en Galicia e efectuar a convocatoria para o ano 2010.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

2. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como ocultar datos, alteralos ou calquera outra manipulación da información, serán causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes, dirixidas ao secretario xeral de Medios, poderán presentarse preferentemente no Rexistro Único do edificio administrativo da Xunta de Galicia en San Caetano, en Santiago de Compostela (A Coruña).

Poderán, así mesmo, presentarse por calquera dos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Financiamento.

A contía global das axudas non poderá exceder de 1.620.035 € e financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 04.30.461A.470.1 por importe de 35.469 € e 04.30.151A.470.1 por importe de 1.584.566 € dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2010, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias nos termos do artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A distribución dos créditos para o exercicio 2010 efectuarase do seguinte xeito:

-Empresas xornalísticas: 1.370.035 €.

-Empresas de radiodifusión: 200.000 €.

-Empresas que transmitan a súa actividade diaria a través da internet, vía satélite ou por calquera outro sistema que empregue soportes das novas tecnoloxías da comunicación: 50.000 €.

Artigo 5º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a seis meses.

Disposición derradeira

Única.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2010.

Alfonso Cabaleiro Durán

Secretario xeral de Medios

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. As axudas reguladas por estas bases teñen por obxecto establecer subvencións ás empresas xornalísticas e de radiodifusión radicadas en Galicia que estean debidamente inscritas no Rexistro Mercantil ou no que corresponda segundo a forma empresarial que adopten.

Para os efectos desta resolución entenderase:

a) Por empresas xornalísticas e de radiodifusión, as que teñan por obxecto da súa actividade, entre outras, a edición e distribución de xornais diarios co mesmo título e numeración sucesiva, as empresas radiofónicas privadas e aquelas que transmitan a súa actividade informativa diaria a través da internet, vía satélite ou por calquera outro sistema que empregue soportes das novas tecnoloxías da comunicación.

b) Por empresas radicadas en Galicia aquelas que conten cun cadro de persoal estable de cando menos cinco traballadores que presten os seus servizos no ámbito territorial de Galicia e que elaboren e difundan toda ou parte da súa produción informativa de forma específica no territorio da comunidade autónoma.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 2º.-Actuacións subvencionables.

1. Poderán solicitar as axudas obxecto destas bases as empresas que publiquen ou difundan informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións orientadas a alentar a defensa da identidade de Galicia, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a difusión da súa cultura. Na súa produción informativa deberá ter un especial protagonismo o idioma galego.

2. Quedan excluídos da concesión de axudas:

a) Os boletíns interiores de institucións.

b) As publicacións de partidos políticos, asociacións relixiosas ou entidades públicas.

c) As publicacións de distribución gratuíta.

d) As empresas que emitan a través de sinal de televisión.

e) As que, ao longo do ano 2009, incluísen publicidade que non se ateña ao disposto no artigo 10 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, en materia de toponimia.

Artigo 3º.-Compatibilidade.

As axudas previstas nestas bases serán compatibles con outras axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais sempre que a acumulación de axudas non supere o custo total da actividade subvencionada e se respecten as condición establecidas en cada réxime de axudas na normativa nacional e comunitaria aplicable.

Artigo 4º.-Documentación.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse nos lugares e prazo que se indican na convocatoria.

2. Xunto coa solicitude achegarase a seguinte documentación, en orixinal ou fotocopia compulsada, de ser o caso:

A) Empresas xornalísticas:

1. Fotocopia do NIF ou, de ser o caso, do CIF da empresa. Fotocopia do DNI do representante legal da empresa, que non será necesario presentar, no caso de que autorice a Secretaría Xeral de Medios para a consulta dos datos de identidade no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia.

2. Testemuño auténtico da escritura de poder cando o solicitante actúe en representación da persoa física ou xurídica titular do medio.

3. Certificación actualizada da inscrición no Rexistro Mercantil, ou no do órgano correspondente.

4. Memoria asinada en que se fagan constar os números publicados desde o 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2009, número de traballos ou artigos escritos en lingua galega durante o mesmo período e porcentaxe de publicacións, informacións ou emisións encamiñadas á normalización da lingua galega e difusión da identidade e cultura de Galicia.

5. Copia do pagamento do imposto sobre actividades económicas (IAE). No caso de que a entidade estea exenta, deberá xustificar a causa de exención.

6. Informe da Tesouraría Xeral da Seguridade Social do número anual medio de traballadores en situación de alta durante o ano 2009.

7. Declaración do número de exemplares difundidos da publicación de que se trate durante o período do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2009, xunto coa documentación que o acredite. No caso de empresas que emitan a través da internet, presentarán declaración do número de visitas ou consultas efectuadas no período citado anteriormente. Incidirá especialmente na valoración a certificación expedida pola Oficina da Xustificación da Difusión (OXD), coa difusión no período do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2009.

8. Declaración xurada do representante da empresa responsabilizándose de que vai incrementar o uso da lingua galega un mínimo dun dez por cento sobre o existente en galego no ano 2009, en cada cabeceira.

9. Declaración responsable subscrita por quen asine a solicitude en que se faga constar, tanto no que se refire á entidade xurídica como aos seus administradores e/ou representantes legais, que non están incursas en ningunha das prohibicións recollidas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

10. Os peticionarios das axudas presentarán, coa solicitude inicial, unha declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas.

B) Empresas de radiodifusión:

1. Memoria asinada en que se faga constar a programación, especificando que parte dela se realiza en lingua galega e porcentaxe de publicacións, informacións ou emisións encamiñadas á normalización da lingua galega e difusión da identidade e cultura de Galicia. Este último extremo acreditarase mediante declaración xurada.

2. A que se establece nos números 1, 2, 3, 5, 6, 9 e 10 da alínea A) deste artigo.

3. Informe do estudo xeral de medios relativo á audiencia acumulada da emisora solicitante durante o período do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2009.

4. Declaración xurada do representante da empresa responsabilizándose de que continuará realizando as emisións en galego ata o 31 de decembro do 2010 no caso de ser beneficiaria da axuda.

Artigo 5º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do contido da convocatoria e das bases reguladoras, así como a asunción da veracidade dos datos nela recollidos e a responsabilidade sobre a inclusión dos ditos datos, mesmo a responsabilidade que se asume por posibles erros realizados a título de simple neglixencia.

2. De conformidade co artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización para que o órgano competente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, deberá presentar, entón, as certificacións nos termos do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consinte expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro. Esta publicación levarase a cabo agás nos supostos legalmente establecidos.

Todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

4. De acordo co previsto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e da orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, pola que se desenvolve, os solicitantes poderán facer constar no formulario de solicitude o seu consentimento expreso para que a Administración verifique de xeito telemático os seus datos de identidade no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia.

En caso de que non presten ese consentimento, deberán presentar xunto coa solicitude unha fotocopia compulsada do seu DNI en vigor.

5. Conforme o disposto no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, esta secretaría xeral publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas exencións previstas no artigo 15.2º d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Adicionalmente ao xa indicado neste artigo, no formulario normalizado de solicitude, inclúense declaracións expresas sobre os datos do solicitante e as condicións que consente ou autoriza.

Artigo 6º.-Órganos competentes.

1. A competencia para resolver os procedementos de concesión obxecto destas bases correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral de Medios, ao abeiro do establecido na disposición adicional segunda epígrafe 1.c) do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

2. O Servizo de Xestión de Medios Informativos é o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións polo que lle corresponden o exercicio das facultades previstas no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

Artigo 7º.-Instrución do procedemento.

1. O órgano instrutor será o encargado de verificar o cumprimento das condicións exixidas nestas bases así como na normativa de aplicación para poder ser beneficiario das axudas. A tal fin, analizará as solicitudes presentadas, así como a documentación presente con elas.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude presentada non reune algún dos requisitos contidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase expresa indicación de que, se así non o fai, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse o solicitante calquera dato, documento complementario e aclaración que poidan resultar necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez verificadas e revisadas as solicitudes e emendados os erros, de ser o caso, os expedientes administrativos que reúnan as condicións exixidas e que conten coa documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, regulada no artigo seguinte.

5. No caso de que o órgano instrutor aprecie que un expediente non reúne as condicións exixidas nesta resolución ou na restante normativa de aplicación, ou que non contén a documentación necesaria, elaborará a correspondente proposta de resolución de inadmisión, que en todo caso será motivada con indicación das súas causas.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración é o órgano colexiado encargado de valorar ás solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das axudas aos interesados. A tal fin elaborará un informe en que se especificarán: solicitudes que cumpren os requisitos para optar á subvención, avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte, así como importe da axuda para cada un dos solicitantes.

2. A comisión de valoración terá a seguinte composición.

Presidente: a directora xeral de Comunicación.

Vogais:

-O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Un funcionario da Secretaría Xeral de Medios con categoría non inferior á de xefe de servizo.

-Un funcionario proposto pola Secretaría Xeral de Política Lingüística con categoría non inferior á de xefe de servizo.

Secretario: un funcionario da Secretaría Xeral de Medios, por proposta do presidente, que actuará con voz pero sen voto.

Artigo 9º.-Criterios de cuantificación do importe da axuda.

A valoración das solicitudes presentadas basearase e distribuirase de forma proporcional aos seguintes criterios.

-Empresas xornalísticas:

a) Criterio referido á difusión de exemplares: 60% do crédito.

b) Criterio referido ao emprego regular do galego por parte do medio, seguindo o establecido no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, de normativización da lingua galega e na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e de acordo coas normas aprobadas pola Real Academia Galega en sesión plenaria do 12 de xullo de 2003: 30% do crédito.

c) Criterio referido á porcentaxe de publicacións, informacións ou emisións encamiñadas á normalización da lingua galega e á difusión da identidade e cultura de Galicia: 10% do crédito.

-Empresas de radiodifusión:

a) Criterio referido ao número de oíntes: 70% do crédito.

b) Criterio referido ao emprego regular do galego por parte do medio, seguindo o establecido no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, de normativización da lingua galega e na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e de acordo coas normas aprobadas pola Real Academia Galega en sesión plenaria do 12 de xullo de 2003: 30 % do crédito.

-Empresas que transmitan a súa actividade diaria a través da internet, vía satélite ou por calquera outro sistema que empregue soportes das novas tecnoloxías da comunicación:

a) Criterio referido ao número de visitas: 70% do crédito.

b) Criterio referido ao emprego regular do galego por parte do medio, seguindo o establecido no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, de normativización da lingua galega e na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e de acordo coas normas aprobadas pola Real Academia Galega en sesión plenaria do 12 de xullo de 2003: 30% do crédito.

Artigo 10º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluídos os trámites, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que será elevada ao titular da Secretaría Xeral de Medios.

2. O titular da Secretaría Xeral de Medios, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a contía da axuda concedida ou, de ser o caso, a causa de denegación.

3. En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos o custo da actividade subvencionada.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de seis meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre este prazo sen que recaia resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. A concesión ou a denegación da axuda seralle notificada ao solicitante de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas polo titular da Secretaría Xeral de Medios poñerán fin á vía administrativa, polo que contra elas os interesados poderán interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo da interposición de calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir daquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12º.-Modificación da resolución e reintegro das subvencións.

1. Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas, para a mesma finalidade, por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora producidos desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ao abeiro do disposto no artigo 14.1º n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se vai minorar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda ou da obriga de xustificación, dará lugar á perda ao dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou no xustificado.

4. A tramitación do expediente de reintegro realizarase de acordo co procedemento establecido no capítulo II do título II da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 13º.-Obrigas das empresas beneficiarias, xustificación e pagamento.

1. As empresas beneficiarias das axudas quedan obrigadas:

a) Ao reintegro, total ou parcial, da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, e en todo caso nos supostos regulados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) A someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar a Secretaría Xeral de Medios, así como calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, para o que achegarán canta información lles sexa requirida.

c) Dar unha adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución das actividades que se subvencionan.

d) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte co artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requiriráselle ao solicitante ou beneficiario que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

e) A non estar incursas en ningunha das prohibicións para obter a condición de empresa beneficiaria das axudas recollidas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) A comunicarlle á Secretaría Xeral de Medios no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos subvencionados a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as publicacións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da axuda.

g) Comprometerse a respectar, nas informacións redactadas en castelán a lingua das declaracións da fonte ou da persoa entrevistada, sempre que as citas sexan transcritas en estilo directo, e a introducir a oferta positiva establecida no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, cando menos na relación xornalística cos representantes dos cidadáns e cargos de responsabilidade pública. Para estes efectos a oferta positiva consiste na adopción do galego como lingua de contacto inicial entre a empresa e a persoa entrevistada.

O pagamento farase efectivo na súa totalidade unha vez adoptada a resolución a que se refire o artigo 10º e acrediten o estipulado no punto 1 deste artigo.

2. Para os efectos de xustificar os compromisos que se recollen nos artigos 4º.2.A.8 e 4º.2.B.4 e 13.1º g) a empresa beneficiaria presentará, durante o mes de xaneiro de 2011, declaración responsable do representante da empresa nos termos do artigo 71 bis da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na cal se certifique que se cumpriron os ditos compromisos, xunto coa documentación que o acredite.

O incumprimento destes compromisos será considerado incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda coas consecuencias que se reflicten no artigo 12º destas bases.

Artigo 14º.-Infraccións e sancións.

As empresas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15º.-Publicidade.

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, aplicación orzamentaria, contía e finalidade da subvención.

2. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas sexan de contía inferior a 3.000 € publicarase no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral de Medios.

Remisión normativa.

Para todo o non regulado nestas bases aplicarase o previsto nas seguintes disposicións:

1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Preceptos con carácter básico da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Decreto 71/1999, do 18 de marzo, polo que se regulan as axudas a empresas xornalísticas e de radiodifusión, modificado polo Decreto 96/2004, do 13 de maio.

5. Resto de normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "18100D002P011.PDF"