DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Venres, 24 de setembro de 2010 Páx. 16.362

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 17 de setembro de 2010 pola que se desenvolve o Decreto 406/2009, do 22 de outubro, polo que se crea o Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante o Decreto 406/2009, do 22 de outubro, creouse, adscrito á dirección xeral competente en materia de promoción do emprego, o Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia.

A disposición derradeira primeira do citado decreto faculta a persoa titular competente en materia de traballo para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o seu desenvolvemento e execución.

En uso desta facultade, esta orde desenvolve o Decreto 406/2009 no que atinxe aos diferentes actos inscritibles previstos no decreto e regula a cancelación da inscrición e a necesaria coordinación que debe existir entre a oficina central e as oficinas provinciais do rexistro.

Tamén se desenvolve o procedemento para a inscrición da incorporación e separación de asociacións a unha federación, confederación ou unión de asociacións, non regulado no decreto.

Así mesmo, introdúcese unha disposición transitoria, establecendo un prazo de seis meses para que soliciten a inscrición as asociacións profesionais de traballadores autónomos que xa estivesen inscritas no Rexistro de Asociacións ou na Oficina Pública de Depósito de Estatutos de Asociacións Sindicais e Empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Finalmente, a orde inclúe como anexos os modelos de solicitude de inscrición dos actos relativos ás asociacións profesionais de traballadores autónomos.

En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia e o Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto desenvolver o Decreto 406/2009, do 22 de outubro, polo que se crea o Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 222, do 12 de novembro) no que respecta aos procedementos de inscrición dos actos inscritibles establecidos no decreto e regular a cancelación da inscrición e a coordinación e intercambio de información entre a oficina central e as oficinas provinciais do rexistro.

Artigo 2º.-Actos inscritibles.

De conformidade co previsto no artigo 16 do Decreto 406/2009, serán obxecto de inscrición os seguintes actos:

a) A constitución da asociación.

b) As modificacións estatutarias.

c) A identidade de titulares da xunta directiva ou órgano de representación.

d) A apertura, cambio e peche de delegacións ou establecementos.

e) As asociacións que constitúen ou integran federacións, confederacións ou unións de asociacións.

f) A incorporación e separación de asociacións a unha federación, confederación ou unión de asociacións.

g) A suspensión, disolución ou baixa da asociación e as súas causas.

Artigo 3º.-Solicitude de inscrición da constitución da asociación.

A solicitude de inscrición da constitución da asociación no rexistro formalizarase conforme o modelo que se xunta como anexo I a esta orde e deberá acompañarse, ademais da documentación en orixinal ou copia compulsada que se recolle nos artigos 17 e 18 do Decreto 406/2009, do 22 de outubro, da tarxeta de identificación fiscal cando se obtivese. No suposto que non se achegase xunto á solicitude, unha vez obtida a dita tarxeta, remitirase ao rexistro para a súa constancia.

Artigo 4º.-Solicitude de inscrición da modificación dos estatutos.

A solicitude de inscrición presentarase no modelo que se xunta como anexo II a esta orde e deberá achegarse, ademais da documentación en orixinal ou copia compulsada sinalada no artigo 19 do Decreto 406/2009, o xustificante do aboamento da taxa correspondente.

Artigo 5º.-Solicitude de inscrición da identidade dos titulares da xunta directiva ou órgano de representación.

A solicitude de inscrición da identidade dos titulares da xunta directiva ou órgano de representación formalizarase conforme o modelo que se xunta como anexo III a esta orde e deberá ir acompañada, ademais da documentación que se establece no artigo 20 do Decreto 406/2009, do xustificante do aboamento da taxa correspondente.

Artigo 6º.-Solicitude de inscrición da apertura e peche de delegacións ou establecementos.

A solicitude de apertura ou peche de delegacións ou establecementos dunha asociación presentarase no modelo que se xunta como anexo IV a esta orde e deberá achegarse, ademais da documentación sinalada no artigo 21 do Decreto 406/2009, o xustificante de aboamento da taxa correspondente.

Artigo 7º.-Solicitude de inscrición de federacións, confederacións e unións de asociacións.

A solicitude de inscrición de federacións, confederacións ou unións de asociacións profesionais de traballadores autónomos formalizarase conforme o modelo que se xunta como anexo V a esta orde e terá que xuntarse, ademais da documentación establecida no artigo 23 do Decreto 406/2009, o xustificante de aboamento da taxa correspondente.

Artigo 8º.-Solicitude de inscrición da incorporación e separación de asociacións a unha federación, confederación ou unión de asociacións.

1. No prazo dun mes desde que se adoptase, na forma que se establecese estatutariamente, o acordo de incorporación ou separación dunha ou varias asociacións a unha federación, confederación ou unión de asociacións, dirixirase a solicitude de inscrición ou separación á oficina do rexistro onde se atopen inscritas, conforme o modelo que se xunta como anexo VI a esta orde.

2. O contido da solicitude e a documentación, en orixinal ou copia compulsada, que deberá achegarse será o seguinte:

a) A solicitude deberá conter os datos que se indican no artigo 17 do Decreto 406/2009, así como o número de inscrición na correspondente oficina do rexistro da federación, confederación ou unión de asociacións.

b) Xunto coa solicitude deberá achegarse a acta da reunión ou o acordo da entidade federativa, ou certificado da acta ou do acordo expedido polas persoas ou cargos da entidade federativa con facultade para certificalos, no que se resolvese a incorporación ou separación da asociación ou asociacións, na que deberá constar, ademais da data en que se adoptase:

-A denominación exacta e o domicilio social da federación, confederación ou unión de asociacións.

-A denominación exacta, o domicilio social e o número de inscrición no rexistro da asociación ou asociacións que se incorporan ou se separan da federación, confederación ou unión de asociacións.

-Por cada unha das asociacións que se incorporen á federación, confederación ou unión de asociacións, unha certificación expedida polas persoas ou cargos con facultade para certificar, do acordo adoptado para a súa integración e a designación da persoa ou persoas que as represente na entidade federativa.

3. Así mesmo, deberá achegarse o xustificante de aboamento da taxa correspondente.

Artigo 9º.-Solicitude de inscrición da suspensión, disolución ou baixa da asociación e as súas causas.

A solicitude de inscrición no rexistro presentarase no modelo que se xunta como anexo VII a esta orde e deberá ir acompañada, ademais da documentación prevista no artigo 22 do Decreto 406/2009, do xustificante de aboamento da taxa correspondente.

Artigo 10º.-Cancelación.

A cancelación no rexistro da inscrición das Asociacións, Federacións, Confederacións e Unións Profesionais de Traballadores Autónomos producirase pola perda dalgún dos requisitos previstos para a súa cualificación, de oficio ou por instancia da entidade interesada, e pola revogación do NIF.

Artigo 11º.-Sistema de rexistro.

1. Cada asociación disporá no rexistro dunha folla rexistral, á que se lle atribuirá un número ordinal.

2. Na folla rexistral practicaranse todas as inscricións e anotacións á marxe que resulten preceptivas para cada asociación. A inscrición e posteriores anotacións numeraranse correlativamente segundo a orde cronolóxica da súa produción. A cancelación determina a extinción da inscrición.

3. Os documentos que accedan ao rexistro formarán o expediente de cada entidade, incorporándose ao arquivo do rexistro.

4. O sistema do rexistro disporá dos medios informáticos e telemáticos oportunos que sexan necesarios para a simplificación do procedemento.

Artigo 12º.-Coordinación e intercambio de información.

1. As oficinas provinciais remitirán semestralmente á oficina central do Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia a inscrición e as súas alteracións, incluída a disolución e liquidación, das asociacións rexistradas por aquelas, ao tempo de practicar os correspondentes asentos, mediante a remisión de copia autorizada da correspondente folla rexistral e das súas modificacións.

2. A oficina central e as oficinas provinciais do rexistro facilitaranse copia da documentación que dispoñan, cando respectivamente a requiran, para o exercicio das funcións rexistrais que lle corresponden.

Artigo 13º.-Número de inscrición.

1. De conformidade co previsto no artigo 27 do Decreto 406/2009, aprobada mediante resolución a inscrición de constitución dunha asociación, federación, confederación ou unión de asociacións profesionais de traballadores autónomos, a oficina central e as oficinas provinciais do rexistro asignaranlle a cada unha destas un número de xeito correlativo e independente para cada unha das seccións en que se estrutura o rexistro.

2. Os números de inscrición constarán de nove díxitos e unha letra: os dous primeiros identificarán a oficina central ou as oficinas provinciais do rexistro, os tres seguintes expresarán a orde secuencial e os catro últimos corresponderán ao ano da inscrición, aos que se engadirá a sección en que se inscriba a entidade, codificada cunha letra.

Disposicións adicionais

Primeira.-Adaptación de estatutos das asociacións profesionais de traballadores autónomos.

De conformidade co previsto na disposición adicional única do Decreto 406/2009, as asociacións profesionais de traballadores autónomos constituídas en aplicación da lexislación anterior e que gocen de personalidade xurídica á entrada en vigor da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, conservarán o seu recoñecemento para todos os efectos e entenderanse validadas sempre que cumpran os requisitos da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, e os da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo.

As asociacións inscritas á entrada en vigor do Estatuto do traballo autónomo no rexistro público que en cada caso resultase obrigatorio na dita data, en virtude da validación á que se refire o punto anterior, non terán que inscribirse en ningunha outra oficina distinta ao Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos creado polo Decreto 406/2009, sen prexuízo, de ser o caso, da obriga de adaptar os seus estatutos ás disposicións da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación.

Segunda.-Asociacións profesionais de traballadores autónomos inscritas na Oficina Pública de Depósito de Estatutos de Asociacións Sindicais e Empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia.

As asociacións profesionais de traballadores autónomos inscritas na Oficina Pública de Depósito de Estatutos de Asociacións Sindicais e Empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia de conformidade co Real decreto 873/1977, do 22 de abril, sobre depósito dos estatutos das organizacións constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, reguladora do dereito de asociación sindical, deberán cumprir co establecido no Decreto 406/2009, coa seguinte particularidade: o requisito do artigo 18 do Decreto 406/2009, relativo á acta fundacional, entenderase cumprido coa certificación de personalidade xurídica das asociacións de traballadores autónomos expedida pola Oficina Pública de Depósito de Estatutos das Asociacións Sindicais e Empresariais onde estean depositados os seus estatutos.

Terceira.-Colaboración e cooperación con outros rexistros.

O Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia, o Rexistro de Asociacións da consellería competente en materia de asociacións e a Oficina Pública de Depósito de Estatutos de Asociacións Sindicais e Empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia establecerán os oportunos mecanismos de cooperación e intercambio de información que sexan necesarios para o desenvolvemento das funcións que teñen encomendadas.

Disposicións transitorias

Primeira.-As asociacións profesionais de traballadores autónomos constituídas en aplicación da lexislación anterior, integradas polos ditos profesionais e inscritas como tales no rexistro central ou nos rexistros provinciais da consellería competente en materia de asociacións ou na Oficina Pública de Depósito de Estatutos de Asociacións Sindicais e Empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, deberán solicitar a inscrición na oficina central ou nas oficinas provinciais do Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia no prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta orde e procederán a adaptar os estatutos ao establecido na Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, e na Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo.

Segunda.-Coa solicitude de inscrición á que se refire o punto anterior, deberá acompañarse, en orixinal ou copia compulsada, a seguinte documentación:

a) Certificación da acta da asemblea xeral convocada especificamente para tal efecto, na que se acordase a modificación, detallando o artigo ou artigos modificados, quórum de asistencia e resultado da votación.

b) Estatutos adaptados, asinados polo secretario e co visto e prace do presidente da entidade.

c) Tarxeta de identificación fiscal.

Terceira.-As asociacións inscritas na Oficina Pública de Depósito de Estatutos de Asociacións Sindicais e Empresariais da consellería competente en materia de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia deberán solicitar na dita oficina, na que causarán baixa sen perda da personalidade xurídica, o traslado á oficina correspondente do Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "18500D001P006.PDF"

Ver referencia pdf "18500D002P016.PDF"