DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Xoves, 14 de outubro de 2010 Páx. 17.175

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 30 de setembro de 2010 pola que se modifica o artigo 16 do anexo I da Orde do 18 de xuño de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a mobilización, dinamización e sistematización da innovación, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010. (IN828A-presentación electrónica).

Por Orde do 18 de xuño de 2010 se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a mobilización, dinamización e sistematización da innovación, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010.

No artigo 16.1º do anexo I da devandita orde establécese que para cobrar a totalidade da subvención concedida ou para cobrar o pagamento á conta, de ser o caso, o beneficiario deberá presentar nos lugares sinalados no artigo 3 desta convocatoria, e na data límite do 30 de novembro de 2010, un exemplar da documentación que se indica. Establécese, así mesmo, que en ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data posterior ao 30 de novembro de 2010.

Tendo en conta o atraso producido na resolución das ditas axudas, motivado polo volume de solicitudes presentadas e polo longo proceso de avaliación, e co fin de viabilizar o proceso de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar o referido artigo 16.1º do anexo I da convocatoria,

DISPOÑO:

A modificación parcial do artigo 16 do anexo I da Orde do 18 de xuño de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a mobilización, dinamización e sistematización da innovación, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010, que queda redactado do seguinte xeito nos parágrafos afectados:

16.1. Para cobrar a totalidade da subvención concedida ou para cobrar o pagamento á conta, de ser o caso, o beneficiario deberá presentar nos lugares sinalados no artigo 3 desta convocatoria, e na data límite do 30 de decembro de 2010, un exemplar da seguinte documentación: (.../...).

16.1.c. Xustificación do pagamento: transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento, en orixinal ou copia compulsada. En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data posterior ao 30 de decembro de 2010. Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, a satisfacción do importe total da factura e o concepto a que corresponden.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2010.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria