DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Venres, 15 de outubro de 2010 Páx. 17.203

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 168/2010, do 7 de outubro, polo que se regula a estrutura organizativa de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde.

Os servizos de saúde teñen como finalidade a prestación de servizos sanitarios á poboación, tanto de tipo preventivo como asistencial e rehabilitador, así como a atención sociosanitaria, que ten unha especial relevancia debido ao aumento da esperanza de vida, a cronicidade dos procesos e a presenza de dependencia e as discapacidades.

O Servizo Galego de Saúde dispón dunha organización por niveis para a prestación da asistencia sanitaria que ten encomendada. Porén, para asegurar unha mellora continua da calidade é importante seguir avanzando na coordinación e a capacidade de resposta da organización. É necesario, por tanto, unha actuación interdisciplinar e integrada, baseada na atención de calidade e centrada no paciente, de forma que queda garantida a continuidade asistencial.

A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, establece que os servizos sanitarios adecuarán a súa organización e funcionamento aos principios de eficacia, celeridade, economía e flexibilidade, e outorga ás comunidades autónomas a creación e organización dos respectivos servizos de saúde. Así mesmo, dispón que as comunidades autónomas poderán dispoñer o necesario acerca dos órganos de xestión e control dos seus respectivos servizos de saúde.

O artigo 97 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, establece o mandato de introducir, na asistencia sanitaria, modelos de xestión e fórmulas organizativas cunha visión horizontal e integradora dos procesos asistenciais. Estas fórmulas deberán procurar a superación dos compartimentos existentes na actualidade e na relación primaria-especializada, froito da progresiva especialización e da fragmentación do traballo facendo compatible este cunha atención horizontal das necesidades reais dos pacientes e facilitando a autonomía de xestión dos centros sanitarios.

A introdución de sistemas de xestión integrada no Servizo Galego de Saúde ten como obxectivo a mellora da accesibilidade, a eficiencia e a procura da maior calidade das prestacións sanitarias.

Polo tanto, sen alterar o mapa sanitario actualmente vixente, este decreto desenvolve as previsións contidas no artigo 97 da Lei de saúde de Galicia, no relativo á modernización dos instrumentos de organización e xestión.

A implantación deste modelo de xestión leva implícita a creación de estruturas organizativas que coa autonomía necesaria incorporen tanto a xestión clínica como a xestión por procesos mediante a superación dos diferentes niveis asistenciais existentes e a racionalización dos recursos. O desenvolvemento e a organización dos procesos asistenciais implica a definición do papel que cada profesional ten de cara á atención ao paciente, así como o desenvolvemento de novos procedementos operativos e de estándares sanitarios que permitan a mellora continua.

O modelo de xestión que se implanta dá cumprimento aos principios reitores e de actuación do sistema público de saúde de Galicia e, en consecuencia, os seus obxectivos son:

-Centrar a atención no paciente coa implicación de todos os profesionais na toma de decisións mediante o uso da xestión clínica como ferramenta para evolucionar dun sistema xa superado de organización por compartimentos a outro transversal ou horizontal;

-Garantir a equidade, accesibilidade, continuidade, calidade e seguridade da atención, mediante a xestión por procesos, con priorización segundo os criterios de planificación, gravidade, urxencia e frecuencia establecidos;

-Minimizar a variabilidade clínica e eliminar a duplicidade de procedementos diagnósticos e terapéuticos mediante a implantación das recomendacións contidas nas guías e vías de práctica clínica;

-Garantir a transparencia e a autonomía de decisión dos pacientes establecida na lexislación vixente, mediante o desenvolvemento adecuado dos sistemas de información e comunicación;

-Orientar a planificación dos procesos arredor dos problemas de saúde, e especialmente os priorizados polas directrices sanitarias da Consellería de Sanidade segundo a súa repercusión sanitaria na saúde dos doentes.

-Utilizar eficientemente todos os recursos mediante a promoción do traballo en equipo e a implicación dos profesionais na xestión.

A Comunidade Autónoma de Galicia dispón de competencias para a organización das súas institucións de autogoberno e en uso desas competencias deriva a creación dos órganos e a determinación das estruturas organizativas.

Na súa virtude, de conformidade co establecido no artigo 34.5º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Sanidade, de conformidade do ditame do Consello Consultivo de Galicia, cos informes previos correspondentes, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día sete de outubro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto deste decreto é regular as estruturas de xestión integrada, como instrumento de organización, sen personalidade xurídica, no ámbito periférico do Servizo Galego de Saúde.

Estas estruturas asumirán, con autonomía funcional, de forma integrada a xestión dos recursos, prestacións e programas da atención sanitaria, tanto do nivel de atención primaria como especializada, así como sociosanitaria e de promoción e protección da saúde.

2. Tamén é obxecto deste decreto a creación das estruturas de xestión integrada da Coruña e Santiago de Compostela no modo que se determina nos anexos I e II deste decreto.

Artigo 2º.-Alcance.

O ámbito de actuación das estruturas organizativas de xestión integrada establecese no decreto polo que se cree cada xerencia, tendo en conta para estes efectos o establecido no artigo 67 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Para as xerencias da Coruña e Santiago de Compostela, o ámbito de actuación é o que se establece nos anexos I e II, respectivamente, deste decreto.

Capítulo II

Estrutura directiva

Artigo 3º.-Estrutura directiva.

1. A estrutura de xestión integrada estará formada por órganos unipersoais e órganos colexiados.

2. Órganos unipersoais.

Serán os seguintes:

a) Xerencia de Xestión Integrada.

b) Dirección de Procesos Asistenciais.

c) Dirección de Recursos Económicos.

d) Dirección de Recursos Humanos.

e) Xerente executivo. En cada estrutura organizativa de xestión integrada poderán existir un ou máis xerentes executivos de área funcional segundo os servizos existentes en cada área sanitaria.

f) No caso de que se considere necesario, segundo o desenvolvemento e a maior complexidade das xerencias ou dos centros hospitalarios, poderán existir outras unidades directivas dependentes dos órganos antes citados que serán creados por orde da consellería.

3. O órgano colexiado da estrutura de xestión integrada será a comisión de dirección e, ademais, poderán constituírse as comisións necesarias para asesorar sobre a xestión clínica, xestión por procesos, docencia e investigación, calidade, seguridade e atención á cidadanía, e calquera outro eido que se considere de interese. Estas comisións, que actuarán como órganos colexiados e que serán creadas por orde da consellería, axustarán o seu funcionamento ao establecido no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Na constitución da comisión de dirección, así como nas comisións de asesoramento que se poidan crear, tenderase a unha composición equilibrada entre mulleres e homes.

Capítulo III

Órganos unipersoais de dirección

Artigo 4º.-A Xerencia de Xestión Integrada.

1. Á fronte da Xerencia de Xestión Integrada estará un/unha xerente.

2. A Xerencia de Xestión Integrada estará baixo a dependencia da Xerencia do Servizo Galego de Saúde. Da Xerencia de Xestión Integrada dependerán os órganos previstos nas letras b), c), d) e e) do artigo 3º.2 deste decreto.

3. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade do/a titular da Xerencia de Xestión Integrada, será substituído polos titulares dos órganos unipersoais indicados nas letras b), c) e d) do artigo 3º.2 deste decreto, mantendo a súa orde de prelación.

4. O/a titular da Xerencia de Xestión Integrada deberá ser licenciado/a universitario/a ou equivalente segundo o Espazo Europeo de Educación Superior e o seu nomeamento e cesamento produciranse por orde da Consellería de Sanidade.

Artigo 5º.-Funcións e competencias da Xerencia de Xestión Integrada.

a) Desempeñar a representación da respectiva estrutura de xestión integrada e a superior responsabilidade dentro dela.

b) Presidir a Comisión de Dirección e o resto dos órganos colexiados determinados neste decreto ou posteriores de desenvolvemento.

c) Elaborar o plan estratéxico dentro do seu ámbito e establecer os obxectivos dos servizos integrados e a súa avaliación, de acordo coas directrices emanadas da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.

d) Cumprir e facer cumprir, no seu ámbito de competencias, os acordos de xestión asinados anualmente cos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde.

e) Xestionar todos os recursos da respectiva estrutura de xestión integrada para garantir a prestación dos servizos definidos na carteira de servizos.

f) Propoñerlle á Xerencia do Servizo Galego de Saúde a subscrición e resolución dos concertos necesarios para cubrir a demanda asistencial no seu ámbito, responsabilizándose da súa xestión de maneira que se adapte ás necesidades reais da poboación coa utilización eficiente de todos os recursos.

g) Xestionar as prestacións básicas e complementarias recollidas no Catálogo de prestacións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde.

h) Programar, dirixir e controlar a execución da actividade, a través dos medios persoais e materiais dispoñibles e a coordinación das súas unidades. Para estes efectos poderá facer uso dos mecanismos previstos na normativa vixente, e en particular do previsto no artigo 124 da Lei 8/2008, de saúde de Galicia.

i) Organizar os recursos humanos, materiais, tecnolóxicos e financeiros no seu respectivo ámbito.

j) Coordinar e elaborar a proposta de anteproxecto de orzamentos dos servizos asistenciais do seu ámbito de xestión.

k) Coordinar e elaborar a proposta integrada do plan anual de investimentos e dar cumprimento do plan aprobado.

l) Xestionar os plans de calidade, seguridade e atención ao/á paciente, no seu respectivo ámbito.

m) Potenciar a participación social e dos cidadáns, mellorando as canles de información, propoñendo accións de formación aos cidadáns para a toma de decisións e potenciando a xestión eficaz e o funcionamento da Comisión de Participación Cidadán.

n) Xestionar o proceso de reclamacións, suxestións e agradecementos.

o) Propor e executar, logo de aprobación polos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde, a reorganización asistencial que se considere necesaria para mellorar a equidade, accesibilidade e autonomía de elección do paciente.

p) Fomentar a investigación, o desenvolvemento e a transferencia de coñecementos do ámbito sanitario na súa área.

q) Potenciar a cooperación en materia de investigación, desenvolvemento, innovación e transferencia de coñecementos entre o sistema sanitario público, outras administracións, as empresas e as universidades, sobre todo coas da comunidade autónoma.

r) Supervisar a actividade docente que se realice nos centros da súa competencia, incluída a formación especializada, conforme as acreditacións, concertos e convenios establecidos ou que se establezan.

s) A resolución dos procedementos e recursos que se susciten no ámbito da Xerencia de Xestión Integrada.

t) Exercer calquera outra función que lle sexa delegada polos órganos competentes.

Artigo 6º.-A Dirección de Procesos Asistenciais.

1. Á fronte da Dirección de Procesos Asistenciais de cada estrutura de xestión integrada estará un/unha director/a de Procesos Asistenciais.

2. O/a titular da Dirección de Procesos Asistenciais deberá ser licenciado/a sanitario/a ou diplomado/a sanitario/a ou equivalente segundo o Espazo Europeo de Educación Superior e o seu nomeamento e cesamento produciranse por orde da conselleira de Sanidade.

Artigo 7º.-Funcións e competencias do/a director/a de Procesos Asistenciais.

1. Con carácter xeral, será o/a responsable do desenvolvemento da xestión clínica e da xestión por procesos integrados.

2. Así mesmo, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Asumir a xestión da demanda de servizos sanitarios, garantindo o desenvolvemento das actuacións de promoción da saúde e prevención da enfermidade e fomentando a capacidade de resolución en atención primaria.

b) Desenvolver os programas entre niveis que sexan necesarios para acadar a maior eficiencia do sistema.

c) Programar, dirixir e controlar a execución da actividade asistencial.

d) Xestionar os concertos e as prestacións complementarias.

e) Elevar á xerencia a proposta dos plans anuais da actividade asistencial, investigadora e docente, coa correspondente avaliación económica.

f) Impulsar un sistema de información integrado que garanta a xestión integrada e o seguimento dos procesos.

g) Exercer calquera outra función que lle sexa encomendada pola respectiva xerencia.

Artigo 8º.-A Dirección de Recursos Económicos.

1. Á fronte desta dirección de cada estrutura de xestión integrada haberá un/unha director/a de Recursos Económicos.

2. O/a titular da Dirección de Recursos Económicos deberá ser licenciado/a universitario/a ou equivalente segundo o Espazo Europeo de Educación Superior e o seu nomeamento e cesamento producirase por orde da conselleira de Sanidade.

Artigo 9º.-Funcións e competencias do/a director/a de Recursos Económicos.

1. Con carácter xeral, será o responsable da xestión do orzamento de gastos, da xestión de facturación e cobramento, da xestión dos plans de investimentos e da xestión do patrimonio, de acordo cos obxectivos e directrices xerais fixados polo Servizo Galego de Saúde.

2. Así mesmo, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Subministrar a información necesaria para un adecuado control da xestión.

b) Realizar o seguimento da execución dos orzamentos asignados a cada centro de gasto.

c) Exercer calquera outra función que lle sexa encomendada pola respectiva xerencia.

Artigo 10º.-A Dirección de Recursos Humanos.

1. Á fronte desta dirección de cada estrutura de xestión integrada haberá un/unha director/a de Recursos Humanos.

2. O/a titular da Dirección de Recursos Humanos deberá ser licenciado/a universitario/a ou equivalente segundo o Espazo Europeo de Educación Superior e o seu nomeamento e cesamento produciranse por orde da conselleira de Sanidade.

Artigo 11º.-Funcións e competencias do/a director/a de Recursos Humanos.

1. Con carácter xeral, será o responsable da xestión de todo o persoal adscrito ao conxunto de institucións e centros da correspondente estrutura de xestión integrada.

2. Así mesmo, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Implantar e promover, no seu ámbito, as políticas de recursos humanos que estableza o Servizo Galego de Saúde.

b) Impulsar, executar e avaliar os plans de desempeño, promoción e incentivación do persoal.

c) Coordinar e executar a formación continuada de acordo coas necesidades existentes.

d) Realizar o seguimento dos gastos do persoal, no seu ámbito, segundo o orzamento asignado.

e) Exercer calquera outra función que lle sexa encomendada pola respectiva xerencia.

Artigo 12º.-A Xerencia Executiva.

1. Á fronte de cada centro hospitalario e dos servizos de atención primaria de referencia estará un/unha xerente.

2. O/a titular da Xerencia Executiva deberá ser licenciado/a sanitario/a universitario/a ou equivalente segundo o Espazo Europeo de Educación Superior e o seu nomeamento e cesamento produciranse por orde da conselleira de Sanidade.

Artigo 13º.-Funcións e competencias do xerente executivo.

1. Con carácter xeral, será o/a responsable da execución das directrices e proxectos establecidos para o seu ámbito determinado nos anexos deste decreto.

2. Así mesmo, correspóndenlle, de acordo co indicado no punto anterior, as seguintes funcións:

a) Xestionar a demanda asistencial tanto de atención primaria, como especializada como sociosanitaria.

b) Desenvolver os procesos integrados entre ambos os niveis asistenciais, utilizando a xestión clínica como ferramenta de xestión.

c) Asumir a responsabilidade do gasto do capítulo I (persoal), capítulo II (gastos xerais) e capítulo IV (farmacia).

d) Asumir a responsabilidade do cumprimento dos acordos de xestión asinados anualmente cos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde.

e) Asumir a responsabilidade da xestión de todos os recursos asignados ao seu ámbito de competencias para garantir a prestación dos servizos definidos na carteira de servizos.

f) Executar os plans de calidade, seguridade e atención ao cidadán no seu respectivo ámbito.

g) Impulsar e desenvolver a participación social e cidadá no seu respectivo ámbito.

h) Atender as reclamacións e queixas verificando que o proceso se cumpre en tempo e forma.

i) Coordinar a actividade docente que se realice nos centros da súa competencia, incluída a formación especializada, conforme as acreditacións, concertos e convenios establecidos ou que se establezan.

j) Impulsar e fomentar a investigación, o desenvolvemento, a innovación e a transferencia de coñecemento sanitario no seu respectivo ámbito.

k) Exercer calquera outra función que lle sexa delegada polos órganos competentes.

Capítulo IV

Órganos colexiados de dirección

Artigo 14º.-Comisión de Dirección.

1. Como órgano colexiado da estrutura organizativa de xestión integrada establécese a Comisión de Dirección presidida polo/a titular da Xerencia e constituída por este e polos/as titulares dos órganos recollidos no artigo 3º.2.

2. Cando o titular da Xerencia de Xestión Integrada o considere oportuno poderán asistir á Comisión de Dirección outros responsables.

3. A Comisión de Dirección reunirase cunha periodicidade quincenal ou, a criterio da presidencia, cando as circunstancias de especial interese ou urxencia así o aconsellen.

4. A Comisión de Dirección adaptará o seu funcionamento ás previsións establecidas nos artigos 22 e seguintes da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedements administrativo común.

Artigo 15º.-Funcións da Comisión de Dirección.

Son funcións da Comisión de Dirección:

a) Estudar o plan estratéxico e os obxectivos sanitarios, os plans económicos e de recursos humanos no ámbito da respectiva estrutura de xestión integrada, instrumentando a dirección por obxectivos e avaliando os seus resultados.

b) Realizar o seguimento das actividades das áreas de xestión clínica, servizos e unidades da correspondente estrutura de xestión integrada.

c) Estudar as medidas para mellorar por procesos o funcionamento sanitario e de xestión no ámbito da correspondente estrutura de xestión integrada, e a súa ordenación e coordinación interna en función das súas necesidades e de acordo coas directrices do Servizo Galego de Saúde.

d) Analizar e propoñer o orzamento anual e da política de persoal.

e) Establecer e avaliar os plans de investigación, docencia e innovación no ámbito da respectiva estrutura de xestión integrada.

f) Establecer e avaliar os plans de calidade, seguridade de pacientes e traballadores e os de atención ao cidadán.

g) Avaliar, seguindo os criterios marcados polos servizos centrais, os programas de participación social e cidadá.

h) Estudar e tramitar as propostas dos órganos técnicos de asesoramento.

i) Exercer calquera outra función que lle sexa encomendada polo/a titular da Xerencia de Xestión Integrada ou, no seu caso, pola/o titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

Disposicións adicionais

Primeira.

1. Terán a consideración de persoal directivo, para o efecto do establecido no artigo 121 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, os titulares dos órganos unipersoais determinados no artigo 3º.2 deste decreto.

2. Os postos de carácter directivo das estruturas de xestión integrada que se regulan por este decreto proveranse polo sistema previsto no artigo 121.7º da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Segunda.-A ordenación dos recursos humanos orientarase a favorecer a continuidade asistencial e a promover o intercambio da bagaxe e a experiencia profesional sen esquecer o achegamento ao lugar de residencia e a conciliación da vida laboral e familiar.

Terceira.-Co obxecto de garantir a continuidade asistencial e a equidade de prestacións no respectivo ámbito das xerencias de xestión integrada, poderase, dentro do marco normativo vixente, promover a creación de servizos ou unidades asistenciais.

Cuarta.

1. O ámbito territorial de actuación dos gabinetes territoriais da Asesoría Xurídica do Servizo Galego de Saúde no exercicio das súas función de defensa e asesoramento deste seguirá a ser o ámbito provincial.

2. Os/as letrados/as adscritos/as a cada gabinete territorial dependen funcional e xerarquicamente da Dirección Xeral da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, á cal corresponde outorgar os permisos, licenzas e vacacións, así como autorizar a mobilidade dos letrados adscritos aos ditos gabinetes.

3. Os ditos gabinetes territoriais dependerán organicamente da estrutura de xestión integrada que se determine por resolución da Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, para os efectos de pagamento das retribucións e indemnizacións por razón de servizo e dotación dos medios materiais que resulten necesarios para o seu funcionamento.

Quinta.-Os/as titulares das xerencias de xestión integrada asumirán a función de responsable, nos termos definidos pola Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, respecto daqueles ficheiros que conteñan datos de tal carácter nos centros ou servizos abranguidos no seu respectivo ámbito.

Sexta.-Dentro das estruturas de xestión integrada, os dispositivos asistenciais existentes na actualidade contarán cun orzamento diferenciado e con suficiente capacidade de xestión para acadar os obxectivos asistenciais fixados.

Sétima.-Propiciarase a participación e implicación dos profesionais nas estruturas de xestión integrada, de conformidade co establecido no número 14 do artigo 32 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

A participación social dentro dos ámbitos correspondentes ás estruturas organizativas de xestión integrada realizarase de acordo coas previsións establecidas no artigo 26 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Disposicións transitorias

Primeira.

1. As actuais direccións provinciais do Servizo Galego de Saúde extinguiranse no momento en que os seus órganos, unidades administrativas e postos de traballo queden adscritos na súa totalidade á xerencia ou xerencias de xestión integrada que correspondan se dispoña o efectivo funcionamento da estrutura e se produza o nomeamento da Xerencia de Xestión Integrada.

2. As adscricións, o inicio de funcionamento da estrutura e o nomeamento da xerencia realizarase por resolución do órgano competente.

3. Para os efectos da adscrición deberá ser tido en conta o distinto réxime do persoal que ocupa postos nas actuais direccións provinciais.

Segunda.-Segundo se vaian creando as distintas estruturas de xestión integrada extinguiranse as estruturas directivas das actuais xerencias de atención primaria e de atención especializada do seu respectivo ámbito.

A extinción producirase no momento en que mediante resolución do órgano competente se dispoña o efectivo funcionamento da estrutura e se produza o nomeamento da Xerencia de Xestión Integrada.

Terceira.-En canto non se creen as estruturas organizativas de xestión integrada continuarán vixentes as estruturas actualmente existentes.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións quinta e sexta do Decreto 311/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Sanidade para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de outubro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

María Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade

Anexo I

Xerencia da Coruña

1. Xerente de Xestión Integrada.

2. Director de Procesos Asistenciais.

2.1. Director de Procesos de Enfermaría.

2.2. Director de Procesos con Ingreso.

2.3. Director de Procesos sen Ingreso e de Urxencias.

2.4. Director de Procesos de Soporte.

3. Director de Recursos Humanos.

4. Director de Recursos Económicos.

5. Xerente executivo de Cee.

Esta estrutura xestionará todos os servizos sanitarios (atención primaria, especializada e sociosanitaria) dos seguintes concellos:

Ver referencia pdf "19900D003P013.PDF"

Anexo II

Xerencia de Santiago de Compostela

1. Xerente de Xestión Integrada.

2. Director de Procesos Asistenciais.

2.1. Director de Procesos de Enfermaría.

2.2. Director de Procesos con Ingreso.

2.3. Director de Procesos sen Ingreso e de Urxencias.

2.4. Director de Procesos de Soporte.

3. Director de Recursos Humanos.

4. Director de Recursos Económicos.

5. Xerente executivo de Barbanza.

Esta estrutura xestionará todos os servizos sanitarios (atención primaria, especializada e sociosanitaria) dos seguintes concellos:

Ver referencia pdf "19900D003P013.PDF"