O día 11 de agosto foron publicadas no DOG número 153 as resolucións do 5 e 6 de agosto, da Dirección Xeral de Administración Local, polas que se convocan os procesos selectivos para o acceso á categoría superior da Subescala de Secretaría e Intervención-Tesouraría da escala de funcionarios con habilitación de carácter estatal.
O 7 de setembro de 2010 o Colexio Oficial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da provincia da Coruña propuxo o estudo da modificación das bases e o día 10 de setembro de 2010 foron presentados dous recursos administrativos de reposición contra a Resolución do 5 de agosto de 2010, da Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia, pola que se convoca o proceso selectivo para o acceso á categoría superior da subescala de Secretaría, e a Resolución do 6 de agosto pola que se convoca o proceso selectivo para o acceso á categoría superior da subescala de Intervención-Tesouraría das escalas de funcionarios con habilitación de carácter estatal interpostos por José Luis Rivera Carpintero, actuando en nome e representación do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local.
Con data do 7 de outubro de 2010 o director xeral de Administración Local resolve o dito recurso de reposición estimando o recurso interposto polo Consello Xeral de Colexios Oficiais de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local e modificando o establecido na base I.3.2 e base II.2 das resolucións do 5 e 6 de agosto de 2010 publicadas no DOG número 153, do 11 de agosto, que quedan polo tanto redactadas da seguinte maneira:
«I.3.2. O/A solicitante deberá presentar, antes do remate do prazo fixado, orixinal ou copia debidamente compulsada do documento que xustifique a exención puntuable do exame non eliminatorio de galego segundo a base II nas oficinas do rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de correos e demais lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dirixido á Dirección Xeral de Administración Local».
«II.2. Exercicio non eliminatorio de avaliación e coñecemento da lingua galega.
II.2.1. O exercicio de coñecemento de lingua galega terá carácter non eliminatorio e consistirá na avaliación do coñecemento do galego mediante a realización dunha proba de acreditación de ata un total de 10 puntos.
II.2.2. Asignación da puntuación a persoas posuidoras de determinados títulos e certificados.
II.2.2.1. Asignarase a valoración atribuída nos parágrafos seguintes á acreditación de cada título sen necesidade de ningunha alegación ao respecto a aqueles candidatos que posúan os títulos oficiais de Celga e Linguaxe Administrativa, ou dos seus equivalentes debidamemte homologados polo órgano competente en materia de política linguística da Xunta de Galicia, sempre que tal acreditación resulte ser de data anterior á da publicación deste proceso selectivo no BOE.
-10 puntos a aqueles que acrediten posuír o título de Linguaxe Administrativa, nivel superior.
-9 puntos a aqueles que acrediten posuír o título de Linguaxe Administrativa, nivel medio.
-8 puntos a aqueles que acrediten posuír o título de Celga 4.
-6 puntos a aqueles que acrediten posuír o título de Celga 3.
-4 puntos a aqueles que acrediten posuír o título de Celga 2.
-2 puntos a aqueles que acrediten posuír o título de Celga 1.
II.2.3. Aqueles aspirantes que non posúan ningún dos títulos puntuables participarán nunha proba de carácter non eliminatorio que consistirá nun exercicio de avaliación do coñecemento do galego e que se cualificará de 0 a 10 puntos. Así mesmo, aqueles aspirantes que posúan algún dos ditos títulos poderán presentarse á proba e, no caso de obteren unha puntuación inferior á asignada automaticamente polo seu título, teráselles en conta esta última.
II.2.3.1. Para a realización desta proba o tribunal incorporará asesores especialistas en lingua galega designados polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.
II.2.4. As puntuacións publicaranse, en todo caso, no lugar onde se realizou o exercicio, no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Administración Local e na páxina web (http://www.eidolocal.es), unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios, e concederase un prazo de dez días para os efectos de formular alegacións perante o tribunal».
Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2010.
Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

