DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 27 de outubro de 2010 Páx. 17.758

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 7/2010, do 15 de outubro, pola que se suprime o organismo autónomo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e se modifican determinados artigos da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

Exposición de motivos.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 4.2º, que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promoveren as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos nos que se integra sexan reais e efectivas, removeren os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitaren a participación de todos os galegos e galegas na vida política, económica, cultural e social.

A Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, creou o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller como organismo autónomo dirixido á promoción e á adopción de medidas encamiñadas á consecución da igualdade efectiva das mulleres e dos homes, para remover os obstáculos que impidan a participación e a integración da muller na vida social, cultural, educativa, económica e política de Galicia. O devandito organismo autónomo así creado estivo adscrito ás distintas consellerías de Traballo e Servizos Sociais; Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude; Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, e mais á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

O Decreto 82/2009, do 21 de abril, establece os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, entre os que figura a Secretaría Xeral da Igualdade. No mesmo decreto establécese a adscrición á Presidencia do organismo autónomo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

O Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, establece a dependencia funcional da Secretaría Xeral da Igualdade da Presidencia da Xunta e a dependencia orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Así mesmo, no seu artigo 1.3º, adscribe á Secretaría Xeral da Igualdade o organismo autónomo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Como continuación do proceso de racionalización das estruturas administrativas parece conveniente atribuír ao departamento da Administración autonómica competente en materia de igualdade, e dentro deste en concreto á Secretaría Xeral da Igualdade, as funcións e as competencias desenvolvidas ata o de agora polo citado organismo autónomo. Deste xeito, a Secretaría Xeral da Igualdade quedaría establecida como o órgano da Comunidade Autónoma de Galicia que aglutina os anteriormente existentes en materia de igualdade, co que se lles dá así un novo pulo ás políticas autonómicas de igualdade de acordo coa experiencia acumulada, que confirma que unha axeitada estrutura organizativa repercute de maneira directa nunha maior eficiencia e eficacia na aplicación das políticas de igualdade dirixidas á cidadanía. Así mesmo, esta nova estrutura servirá para aplicar con maior eficacia a transversalidade do principio de igualdade en todas as políticas e accións desenvolvidas pola Xunta de Galicia, de

conformidade co artigo 6 da Lei 7/2004, galega para a igualdade de mulleres e homes.

Así, a Secretaría Xeral da Igualdade asume como fins a eliminación da discriminación entre mulleres e homes, a promoción da igualdade e a erradicación dos prexuízos de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía para Galicia, na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e na demais lexislación aplicable na materia.

As mesmas razóns de coordinación, eficacia administrativa e unidade na materia, que xustifican a supresión do organismo autónomo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e a asunción das súas competencias pola Secretaría Xeral da Igualdade, aconsellan tamén a modificación de determinados artigos da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, referentes ás medidas municipais de conciliación, e máis concretamente aos bancos municipais de tempo e aos plans de programación do tempo da cidade. A agrupación das principais competencias das políticas de igualdade dará lugar a unha maior eficacia e racionalidade na implantación das diferentes medidas, tanto en materia de igualdade coma de conciliación da vida persoal, familiar e laboral, pola estreita relación que existe entre o desenvolvemento das políticas de igualdade coas actuacións de conciliación e a progresiva incorporación en igualdade das mulleres.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei pola que se suprime o organismo autónomo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e se modifican determinados artigos da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

Artigo único.-Supresión do organismo autónomo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

1. Suprímese o organismo autónomo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

2. As funcións atribuídas ao organismo autónomo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller pola Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, de creación do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, pasarán á entrada en vigor desta lei a ser desenvolvidas polo departamento da Administración autonómica competente en materia de igualdade.

Disposicións adicionais

Primeira.-Réxime do persoal.

O persoal que á entrada en vigor desta lei estea prestando servizos no Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller quedará adscrito ao departamento da Administración autonómica competente en materia de igualdade.

Malia o anterior, os órganos competentes poderán efectuar as reasignacións de efectivos que procedan.

Segunda.-Réxime patrimonial.

1. Os bens do organismo autónomo suprimido e os adscritos para o cumprimento dos seus fins incorporaranse ao patrimonio da Comunidade Autónoma. A súa afectación e adscrición produciranse conforme o previsto na normativa aplicable en materia de patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

2. A Comunidade Autónoma de Galicia subrógase na titularidade dos dereitos e das obrigas do organismo autónomo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación normativa.

1. Derrógase a Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, de creación do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

2. Así mesmo, derróganse cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Modificación da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

Un.-Modifícase o artigo 7º, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 7º.-Unidade Administrativa de Igualdade.

A Unidade Administrativa de Igualdade do departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo, que terá como mínimo a categoría de servizo, estará coordinada co departamento da Administración autonómica competente en materia de igualdade. Esta unidade estará dotada de persoal funcionario ou laboral con experiencia e formación acreditadas en materia de igualdade entre mulleres e homes».

Dous.-Modifícase o artigo 42º, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 42º.-Promoción autonómica das medidas municipais de conciliación.

1. As medidas adoptadas polos concellos coa finalidade de facilitaren a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, constitúan ou non un plan local de conciliación, serán promovidas polo departamento da Administración autonómica competente en materia de igualdade, en coordinación co departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo.

2. A promoción autonómica das medidas municipais de conciliación desenvolverase regulamentariamente, despois de ser oída a Federación Galega de Municipios e Provincias, e preverá a implantación de bancos municipais de tempo e de plans de programación do tempo da cidade.

3. Os plans locais de conciliación executaranse buscando a colaboración entre as entidades locais e a autonómica, nos termos convenientes, atendendo ás particularidades de cada concello, para o que se habilitarán as axudas correspondentes».

Tres.-Modifícase o artigo 46º, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 46º.-Medidas de apoio aos bancos municipais de tempo.

O departamento da Administración autonómica competente en materia de igualdade fomentará, en coordinación co departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo, a constitución de bancos municipais de tempo, e habilitará as axudas correspondentes para a xestión, a organización e a posta en marcha deles, de acordo co desenvolvemento regulamentario correspondente».

Catro.-Modifícase o artigo 51º, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 51º.-Medidas de apoio aos plans de programación do tempo da cidade.

O departamento da Administración autonómica competente en materia de igualdade fomentará, en coordinación co departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo, o establecemento de plans de programación do tempo da cidade, de maneira especial se se implican varios concellos, para o que se habilitarán as axudas correspondentes, de acordo co desenvolvemento regulamentario correspondente».

Cinco.-Modifícase a disposición derradeira primeira, que queda redactada do seguinte xeito:

«Disposición derradeira primeira. Habilitación regulamentaria.

A Xunta de Galicia ditará cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento regulamentario desta lei. Para a súa aplicación, facúltase o departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo e o departamento da Administración autonómica competente en materia de igualdade, no ámbito das súas respectivas competencias, para ditaren cantas disposicións sexan precisas. En particular, facúltase o departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo para elaborar, a través da correspondente orde, a lista das profesións nas que as mulleres galegas están subrepresentadas».

Segunda.-Referencias lexislativas.

As referencias ao organismo autónomo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller contidas na lexislación vixente deberanse entender referidas ao departamento da Administración autonómica competente en materia de igualdade.

Terceira.-Título competencial.

Esta lei dítase en exercicio das competencias contidas nos artigos 4.2º e 27.1º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Cuarta.-Desenvolvemento normativo.

A Xunta de Galicia ditará cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento regulamentario desta lei. Para a súa aplicación, facúltase o departamento da Administración autonómica competente en materia de igualdade para ditar cantas disposicións sexan precisas.

Quinta.-Dotacións orzamentarias.

Facúltase a persoa titular da Consellería de Facenda para ditar as disposicións necesarias para a xestión dos créditos afectados polas reformas contidas nesta lei, así como para realizar as modificacións orzamentarias necesarias, sen que en ningún caso se poida orixinar incremento de gasto.

Sexta.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Malia o previsto no parágrafo anterior, as prescricións contidas na disposición derradeira primeira desta lei producirán efectos a partir do 1 de xaneiro de 2011.

O organismo autónomo suprimido no artigo único desta lei continuará desenvolvendo as súas competencias e funcións para o cumprimento dos seus fins deica a entrada en vigor do decreto da nova estrutura orgánica do departamento da Administración autonómica competente en materia de igualdade.

Santiago de Compostela, quince de outubro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente