DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Xoves, 18 de novembro de 2010 Páx. 18.925

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 29 de outubro de 2010 pola que se crea o Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, ten como finalidade a mellora dos procedementos de tramitación e rexistro dos convenios e acordos colectivos ao integralos no marco dos procedementos con funcionamento a través de medios electrónicos.

Esta norma delimita e define os convenios e acordos colectivos de traballo e demais actos inscritibles susceptibles de seren rexistrados, e regula o procedemento de inscrición nos rexistros. Tamén determina a documentación e os datos estatísticos que deben remitirse aos ditos rexistros para que a solicitude de inscrición sexa tramitada, adaptando as follas estatísticas vixentes co fin de dispoñer dunha mellor información sobre eles.

Ao deseñar o procedemento de rexistro a través de medios electrónicos, a representación das persoas traballadoras e a representación empresarial afectadas, na súa maioría comisións negociadoras, solicitarán a inscrición dos convenios e demais actos inscritibles por medios electrónicos, co que se acadará unha maior axilidade e eficacia da actuación administrativa.

Por outra banda, no seu artigo 3º establece a obriga do Ministerio de Traballo e Inmigración e das restantes autoridades laborais con competencias en materia de convenios colectivos de traballo de se dotaren do seu propio rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo.

En consecuencia, esta orde ten por obxecto a creación e regulación do Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia nos termos previstos no citado Real decreto 713/2010, do 28 de maio.

Así mesmo, e en virtude do establecido no Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos do Estado en materia de traballo, así como no Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, esta consellería é competente nesta materia.

Por todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Creación do Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia.

1. Créase o Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia ao abeiro do disposto no artigo 3º do Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo, con funcionamento a través de medios electrónicos.

2. O rexistro creado para o ámbito territorial de Galicia queda adscrito á Consellería de Traballo e Benestar, ou ao departamento a que queden atribuídas as competencias en materia de traballo, pola normativa de organización da Comunidade Autónoma de Galicia, baixo a dependencia da Dirección Xeral de Relacións Laborais ou aquela que teña as atribucións e funcións na dita materia, como autoridade laboral competente, con independencia do órgano responsable da administración do sistema informático que soporte o devandito rexistro.

3. O Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia será único e accederase a el a través da páxina web http://explotacion.mtin.gob.es/regcon/gal/index.htm. Non obstante, o seu funcionamento estará descentralizado, en función do ámbito territorial do convenio ou acordo colectivo de traballo, con tramitación nos departamentos territoriais da consellería, así como na dirección xeral competente.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. Nos termos establecidos no artigo 2º do Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo, serán obxecto de inscrición no rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo os seguintes actos inscritibles:

a) Os convenios colectivos de traballo elaborados consonte o establecido no título III do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, así como as revisións salariais que se realicen anualmente nos convenios plurianuais e as motivadas pola aplicación das cláusulas de garantía salarial, as modificacións e as prórrogas dos convenios.

b) Os acordos interprofesionais, os acordos marco e os acordos sobre materias concretas a que se refire o artigo 83º do mesmo texto legal.

c) Os acordos das comisións paritarias de interpretación de cláusulas determinadas do convenio colectivo.

d) Os acordos de mediación como consecuencia da interposición de conflito colectivo, así como os de fin de folga.

e) Os acordos de adhesión a convenios en vigor.

f) Os acordos sectoriais que establecen os termos e condicións que deben seguir os plans de igualdade nas empresas, os acordos que aproben plans de igualdade nas empresas afectadas pola negociación colectiva sectorial, así como os acordos que aproben plans de igualdade derivados do convenio colectivo de empresa.

g) Calquera outro acordo ou laudo arbitral que teñan legalmente recoñecida eficacia de convenio colectivo ou que derive do establecido nun convenio colectivo.

2. Tamén serán obxecto de inscrición as comunicacións de iniciativa mencionadas no artigo 89º.1 do Estatuto dos traballadores e as denuncias previstas no seu artigo 86º.

3. Así mesmo, serán obxecto de inscrición:

a) As comunicacións da autoridade laboral á xurisdición competente nos supostos do artigo 90º.5 do Estatuto dos traballadores, así como as sentenzas ditadas nos devanditos procedementos.

b) As sentenzas da xurisdición competente que interpreten normas convencionais, resolvan discrepancias suscitadas nun conflito colectivo ou se diten como consecuencia da impugnación dun convenio colectivo.

c) As disposicións sobre extensión dun convenio, previstas no artigo 92º.2 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 3º.-Natureza xurídica.

1. Segundo dispón o artigo 4º do Real decreto 713/2010, do 28 de maio, o rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo ten natureza administrativa e carácter público. O seu funcionamento será a través de medios electrónicos, pero non ten a natureza de rexistro electrónico a que se refire a Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

2. Os datos inscritos no rexistro serán de acceso público, excepto os relativos á intimidade das persoas, que gozarán da protección e das garantías previstas na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Capítulo II

Regulación do procedemento de inscrición de convenios e acordos colectivos de traballo

Artigo 4º.-Solicitude de inscrición.

Segundo establece o artigo 6º do Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo, o procedemento de inscrición no rexistro axústase ás seguintes prescricións:

1. Co fin de iniciar o trámite previsto no artigo 90º.2 do Estatuto dos traballadores, así como para proceder á inscrición do resto dos acordos e actos inscritibles previstos no artigo 2º desta orde, dentro do prazo de quince días a partir da sinatura do convenio ou acordo colectivo, da data de comunicación da iniciativa de negociación ou denuncia, a comisión negociadora ou quen formule a solicitude, debidamente acreditada, deberá presentar ante o rexistro, a través de medios electrónicos, a solicitude de inscrición correspondente.

Para estes efectos, serán solicitantes da inscrición:

a) Convenio ou acordo: a persoa designada pola comisión negociadora.

b) Acordos das comisións paritarias: a persoa designada pola comisión paritaria.

c) Os laudos arbitrais e os acordos de mediación: a persoa designada pola comisión negociadora que acordase someterse a estes. Non obstante, se estes se acordaron no seo dun sistema de mediación ou arbitraxe, o órgano de dirección do organismo correspondente.

d) Acordos en conflitos colectivos ou de fin de folga: a persoa designada polas partes en conflito.

e) Comunicacións do artigo 89º.1 e as denuncias do artigo 86º do Estatuto dos traballadores: quen formulase a comunicación ou denuncia.

f) Nos casos de comunicacións de sentenzas: a parte lexitimada conforme o texto refundido da Lei de procedemento laboral, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/1995, do 7 de abril, que impugnase un convenio colectivo, ou a parte lexitimada conforme a dita lei que interpuxese o conflito colectivo.

g) As extensións dos convenios: a parte que solicite a extensión.

2. A solicitude de inscrición realizarase mediante a conexión electrónica que para tal efecto se estableza na páxina web do Ministerio de Traballo e Inmigración, utilizando os formularios automáticos previstos especificamente para isto.

3. Na solicitude de inscrición do convenio colectivo ou, de ser o caso, dos acordos sinalados no artigo 2º.1 desta orde, deberanse facilitar todos aqueles datos relativos ás partes asinantes do acordo ou acto para o cal se solicita a inscrición e a data da sinatura, así como, de ser o caso, os relativos ao seu ámbito persoal, funcional, territorial e temporal e a actividade ou actividades económicas cubertas por estes, conforme se establece no anexo 1 do Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.

4. Así mesmo, deberanse cubrir os datos estatísticos recollidos nos modelos oficiais que figuran no anexo 2 do devandito Real decreto 713/2010, do 28 de maio, para os efectos de elaboración da estatística de convenios colectivos.

Anexo 2.I. Folla estatística de convenios colectivos de empresa.

Anexo 2.II. Folla estatística de convenios colectivos de sector.

Anexo 2.III. Revisión por cláusula de garantía salarial.

Anexo 2.IV. Revisión salarial anual dos convenios plurianuais ou das prórrogas de convenios para os sucesivos anos de vixencia.

Os anexos 2.I e 2.II deben ser cubertos obrigatoriamente polas comisións negociadoras á sinatura do convenio. Nos convenios plurianuais cubriranse os devanditos anexos cos datos acordados para a vixencia total deste e, respecto aos datos variables (aumento salarial, xornada, cláusula de garantía salarial, número de traballadores afectados, etc.), exclusivamente os correspondentes ao primeiro ano de vixencia.

O anexo 2.III cubrirase, exclusiva e obrigatoriamente, para notificar as revisións salariais motivadas pola aplicación da cláusula de garantía salarial cando esta tivese efectos retroactivos sobre os salarios pactados e aplicados ao principio de cada período.

O anexo 2.IV cubrirase exclusivamente nos sucesivos anos de vixencia dos convenios plurianuais ou de prórrogas de convenios. É obrigatorio cubrilo ao principio de cada un dos anos ou períodos, cos datos variables citados, tanto se se acordaron á sinatura do convenio como se son obxecto de negociación ou concreción posterior mediante un acto expreso da comisión a que o convenio atribúe esa misión.

5. A autoridade laboral competente deberá consignar os datos estatísticos e identificativos previstos nos anexos 1 e 2 do Real decreto 713/2010, correspondentes ás extensións de convenios, previstas no artigo 2º.3 c) do referido real decreto.

Artigo 5º.-Documentación que hai que achegar.

1. Xunto coa solicitude de inscrición deberá presentarse, tamén a través de medios electrónicos, a seguinte documentación:

a) Texto orixinal do convenio, acordo ou comunicación asinado polos compoñentes da comisión negociadora ou da parte que formula a solicitude.

b) Para a inscrición dos acordos a que se refire o artigo 2º.1 a), b) e e) desta orde deberán presentarse as actas das distintas sesións levadas a cabo, incluíndo as referentes ás de constitución da comisión negociadora e da sinatura do convenio, con expresión das partes que o subscriban.

2. No caso das extensións de convenios previstas no artigo 2º.3 c) desta orde, requirirase, a través de medios electrónicos, a documentación prevista no artigo 4º do Real decreto 718/2005, do 20 de xuño, polo que se aproba o procedemento de extensión de convenios colectivos.

Artigo 6º.-Tramitación do procedemento de inscrición.

1. Se, presentada a solicitude, se comprobar que non reúne os requisitos exixidos pola normativa vixente, requirirase por medios electrónicos á persoa solicitante para que, nun prazo de dez días hábiles, corrixa o defecto ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer así, se dará por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Unha vez que se comprobe que o convenio ou acordo colectivo non vulnera a legalidade nin lesiona gravemente o interese de terceiros, a autoridade laboral procederá a ditar resolución ordenando o seu rexistro, depósito e publicación no diario oficial correspondente en relación co ámbito de que se trate, provincial ou autonómico.

3. En canto o cómputo de prazos, sistema de consulta e seguimento na tramitación, corrección de defectos e representación legal, observarase ao establecido nos artigos 9º, 10º, 12º e 16º do devandito Real decreto 713/2010, do 28 de maio.

Artigo 7º.-Documentos orixinais en soporte informático.

Os documentos en soporte informático realizados pola autoridade laboral teñen a consideración de documentos orixinais e encóntranse debidamente rexistrados nos programas e nas aplicacións do procedemento en formato electrónico.

Os documentos electrónicos en soporte informático que as persoas interesadas entreguen á autoridade laboral deben poder ser impresos e arquivados informaticamente, incluíndo sempre a sinatura electrónica ou mediante a validación de que dispoña o rexistro.

Artigo 8º.-Sistemas de sinatura electrónica admitidos polo rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo.

A persoa designada pola comisión negociadora ou paritaria ou, de ser o caso, a que presente o escrito, debidamente acreditada, remitirá a documentación referida nos artigos 4º e 5º desta orde, xunto coa súa sinatura electrónica, conforme o establecido na Lei 59/2003, do 19 de decembro, de sinatura electrónica.

Para isto poderase utilizar calquera dos sistemas de sinatura electrónica previstos no artigo 13º.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

Disposición adicional

Única.-Depósito de convenios e acordos de eficacia limitada e acordos de empresa.

Cando se solicite o depósito de convenios ou acordos colectivos de eficacia limitada ou acordos de empresa non incluídos no artigo 2º.1 g) desta orde no rexistro da autoridade laboral, deberá remitirse por medios electrónicos o seu texto, así como consignar os datos estatísticos e identificativos que figuran nos anexos 1 e 2 do Real decreto 713/2010, do 28 de maio. Así mesmo, poderase solicitar o depósito dos acordos que aproben os plans de igualdade de empresa que carezan de convenio colectivo propio e non deriven do establecido nun convenio sectorial.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Dereito supletorio.

En canto ao non previsto nesta orde, será de aplicación o establecido no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.

Segunda.-Facultades de desenvolvemento.

Facúltase a dirección xeral competente en materia de relacións laborais para ditar cantas normas sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Terceira.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación, sen prexuízo de que as solicitudes presentadas desde o 1 de outubro de 2010 se tramiten conforme o establecido no Real decreto 713/2010 e nesta norma autonómica.

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar