DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Luns, 20 de decembro de 2010 Páx. 20.557

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 202/2010, do 25 de novembro, polo que se aproba a modificación dos estatutos da sociedade pública Galicia Calidade, S.A.

Galicia Calidade, S.A. é unha sociedade pública autonómica constituída o 17 de xullo de 1995 como entidade encargada da xestión e administración, en xeral, da primeira marca de garantía da Comunidade Autónoma de Galicia, Galicia Calidade, á cal se lle encomenda en particular o outorgamento das licenzas de uso da marca e o exercicio das medidas de control eficaces sobre a natureza, a calidade e as características dos produtos e servizos elaborados e distribuídos ao abeiro do citado signo distintivo.

A Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, considera no seu artigo 4º.1 n) como negocios e contratos excluídos do ámbito de aplicación desta, aqueles en virtude dos cales se lle encargue a unha entidade que, conforme o sinalado no artigo 24º.6 da mesma norma, teña atribuída a condición de medio propio e servizo técnico deste, a realización dunha determinada prestación.

O dito artigo 24º.6 establece que para os efectos previstos nel e no artigo 4º.1 n), os entes, organismos e entidades do sector público poderán ser considerados medios propios e servizos técnicos daqueles poderes adxudicadores para os cales realicen a parte esencial da súa actividade cando estes desempeñen sobre eles un control análogo ao que poden exercer sobre os seus propios servizos. Se se trata de sociedades, ademais, a totalidade do seu capital terá que ser de titularidade pública.

Esa condición de medio propio e servizo técnico das entidades que cumpran os criterios mencionados neste punto deberá recoñecerse expresamente pola norma que as cree ou polos seus estatutos, que deberán determinar as entidades respecto das cales teñen esta condición e precisar o réxime das encomendas que se lles poidan conferir ou as condicións en que poderán adxudicárselles contratos, e determinará para elas a imposibilidade de participar en licitacións públicas convocadas polos poderes adxudicadores dos que sexan medios propios, sen prexuízo de que, cando non concorra ningún licitador, poida encargárselles a execución da prestación obxecto destas.

Por iso cómpre modificar o artigo 1º dos estatutos da sociedade anónima Galicia Calidade, S.A. no sentido de declarar expresamente que a sociedade terá a consideración de medio propio instrumental e de servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos seus organismos autónomos no concernente á realización das actividades propias do seu obxecto social que estes lle encarguen.

O artigo 2º dos estatutos sociais de Galicia Calidade, S.A. describe o seu obxecto e fins. Na actualidade, ao estar prevista a xestión e control da marca Comercio Galego de Calidade por parte de Galicia Calidade, S.A., considérase necesaria a ampliación do obxecto social de tal xeito que comprenda tamén a xestión de calquera outra marca relacionada coa calidade dos produtos e dos servizos galegos que se lle poidan encomendar.

Por outra parte, o Decreto 83/2009, do 21 de abril, fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia. Con esta nova organización administrativa, o Instituto Galego de Promoción Económica queda adscrito á Consellería de Economía e Industria, polo que é preciso modificar a composición do Consello de Administración incluíndo nel unha persoa representante da Consellería de Facenda, polo que se modifica o artigo 17º dos estatutos da mencionada sociedade.

Polo que, de conformidade co disposto nos artigos 44º a 47º da Lei 3/1985, do 12 de abril, de patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e no artigo 111º do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento que a desenvolve, por proposta da conselleira de Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e cinco de novembro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícanse os estatutos da sociedade Galicia Calidade, S.A., aprobados polo Decreto 382/1994, do 15 de decembro, e modificados posteriormente polos decretos 66/2004, do 4 de marzo, e 208/2007, do 18 de outubro.

Un.-O artigo 1º queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 1º.-Denominación e natureza xurídica.

1. Baixo a denominación de Galicia Calidade, S.A., constitúese unha sociedade mercantil anónima de nacionalidade española e capital social integramente de titularidade pública, que se rexerá polo disposto nestes estatutos e, no non previsto neles, polo texto refundido da Lei de sociedades de capital, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo; pola Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e polo resto de disposicións que lle sexan de aplicación.

2. A sociedade terá a consideración de medio propio instrumental e de servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos seus organismos autónomos, sen prexuízo das encomendas que poidan efectuar outras administracións respecto das cales a sociedade cumpra os requisitos necesarios para ser considerada como medio propio daquelas, no concernente á realización das actividades propias do seu obxecto social que estas lle encarguen, estando obrigada a realizalas.

As relacións coas anteriores entidades, por conseguinte, non se considerarán de natureza contractual e son, para a todos os efectos, de carácter interno, dependente e subordinado e articúlanse a través de encomendas de xestión das previstas no artigo 24º.6 da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

En calquera caso, as encomendas de xestión que lle poidan efectuar referiranse sempre a actuacións concretas, e requerirase para tales efectos da resolución preceptiva e previa do órgano que efectúe a encomenda en que se identificarán os termos e condicións en que se deberá realizar a dita encomenda».

Dous.-O artigo 2º queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 2º.-Obxecto e fins.

Constitúe o obxecto da sociedade:

a) A xestión e administración en xeral da marca Galicia Calidade e, en particular, outorgar as licenzas de marca exercendo medidas de control eficaces sobre a natureza, calidade e características dos produtos e servizos elaborados ou distribuídos ao abeiro da marca Galicia Calidade.

b) A xestión e administración en xeral da marca Comercio Rural Galego e, en particular, outorgar licenzas de marca, exercendo as medidas de control eficaces sobre a natureza, calidade, características e requisitos dos establecementos pertencentes á Rede de Comercio Rural Galego.

c) A xestión e administración en xeral de calquera outra marca relacionada coa calidade dos produtos e dos servizos galegos que se lle poidan encomendar».

Tres.-O artigo 17º queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 17º.-O Consello de Administración.

1. O Consello de Administración estará integrado por seis membros. Terán esta condición:

a) A persoa titular da dirección xeral da Xunta de Galicia con competencias en materia de comercio.

b) Unha persoa representante por cada unha das consellerías competentes en materia de comercio, agricultura, pesca e facenda.

c) Unha persoa representante do Instituto Galego de Promoción Económica designada pola súa presidencia.

2. O/A presidente/a do Consello de Administración será a persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de comercio.

3. O/A secretario/a do Consello de Administración será elixido/a por este, por proposta da súa presidencia, e na súa ausencia asumirá as súas funcións o/a conselleiro/a de menor idade. O cargo de secretario/a só poderá ser desempeñado por unha persoa licenciada en dereito.

4. Non poderán ocupar nin exercer cargos nesta sociedade as persoas incluídas nalgunha das prohibicións, incapacidades ou incompatibilidades establecidas polas disposicións que regulan o réxime de incompatibilidades dos altos cargos da Administración autonómica e do persoal ao servizo das administracións públicas, de conformidade co que as citadas normas dispoñan».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de novembro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda