DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Venres, 31 de decembro de 2010 Páx. 21.510

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Exposición de motivos

I

Consonte o artigo 9 do Estatuto de autonomía, os poderes da Comunidade Autónoma de Galicia exerceranse a través do seu Parlamento, da Xunta e do seu presidente.

O Parlamento é o titular do poder lexislativo galego. Á Xunta -que é o nome que recibe o órgano colexiado de Goberno de Galicia- e á persoa titular da súa Presidencia correspóndelles o exercicio do poder executivo. E para o exercicio do poder executivo, a Xunta e a súa presidenta ou presidente -como sucede con todos os titulares de poder executivo en calquera realidade política complexa- contan cunha estrutura administrativa organizativa para canalizar as súas decisións e que estas se realicen conforme a legalidade. Esa estrutura organizativa, dirixida pola Xunta e a persoa titular da Presidencia, e dotada toda ela de personalidade xurídica única, é a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, á que se lle dedica o título I desta lei.

Ademais, arredor da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia aparecen toda unha serie de entidades de distinta natureza xurídica e con distintos vínculos e relacións que, de diversas formas, complementan ou coadxuvan, xunto coas demais institucións galegas, á satisfacción dos intereses xerais. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e todos eses entes, dotados cada un deles da súa propia personalidade xurídica, integran o sector público autonómico. Os aspectos xerais do réxime xurídico e económico-financeiro de todas estas entidades integrantes do sector público autonómico regúlanse no título III da lei.

O título II dedícase á regulación da potestade regulamentaria e do procedemento para a elaboración de regulamentos por parte da Xunta e da Administración autonómica.

Desta forma, esta lei permite xuntar nun só texto, por unha banda, os contidos propios dunha lei de réxime xurídico da Administración da Comunidade Autónoma galega -o que a exposición de motivos da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, reclamaba, pero que nunca chegou a aprobarse-, e, por outra, os elementos esenciais do réxime xurídico substantivo e procedemental dos regulamentos autonómicos, cuxa incorporación a unha norma con rango de lei xa foi recomendada polo Consello Consultivo de Galicia no ano 2001.

Para iso, esta lei -elaborada baixo a cobertura dos títulos competenciais recoñecidos nos artigos 27º.1 e 28º.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, así como dos artigos 15º.4 e 16º.4 da mesma lei, e con escrupuloso respecto á lexislación básica ditada polo Estado en materia de réxime xurídico das administracións públicas, conforme o artigo 149º.1.18 CE-estrutúrase nun título preliminar e outros tres títulos máis cuxo contido xa foi avanzado: o primeiro, sobre réxime xurídico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia; o segundo, sobre a potestade regulamentaria; e o último, sobre réxime xurídico das entidades integrantes do sector público autonómico.

II

Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia é o nome que recibe a persoa xurídica pública na que se integra a Xunta de Galicia e que, baixo a dirección desta, ten por finalidade servir con obxectividade os intereses xerais da Comunidade Autónoma. A regular a súa organización e funcionamento dedícase o título I, cuxos primeiros artigos conteñen os principios xerais aos que obedece a organización e o funcionamento da Administración autonómica.

A continuación, e tomando como punto de partida a lexislación básica estatal contida na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, detállanse as regras que disciplinan as competencias dos órganos administrativos, os mecanismos que introducen excepcións ou matizan tales regras (delegación, avocación, encomenda de xestión, delegación de sinatura e suplencia) e os procedementos para a resolución de conflitos de atribucións. Neste bloque cómpre destacar a clara distinción entre a encomenda de xestión intrasubxectiva e a intersubxectiva, e o sometemento desta a unha regulación plenamente compatible coa normativa básica estatal sobre réxime xurídico-administrativo e coa lexislación básica estatal e a normativa comunitaria sobre contratos.

Este primeiro capítulo do título I conclúe co réxime xurídico dos órganos administrativos colexiados (do que quedan excluídos o Consello da Xunta e as súas comisións delegadas). Incorpórase un innovador artigo especificamente dedicado a axilizar o seu funcionamento, para regular e facilitar o uso das novas tecnoloxías.

O título I péchase coa regulación, un a un, dos distintos tipos de órganos que integran a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, comezando xerarquicamente polas secretarías xerais (non se empeza co resto dos órganos superiores por estaren estes integrados na Xunta de Galicia e ser a devandita institución autonómica obxecto doutra lei), continuando polos órganos de dirección e terminando cunha referencia ao resto de pequenos órganos e unidades nas que se pode descompor organicamente a estrutura administrativa.

III

O título II regula a potestade regulamentaria. Unha das tradicionais carencias do ordenamento xurídico galego foi sempre a inexistencia dunha norma legal que discipline o procedemento de elaboración de regulamentos, pois ata o día de hoxe tal regulación estaba contida nun regulamento. Esta situación respecto da regulación autonómica do procedemento regulamentario xa foi posta de manifesto polo Consello Consultivo de Galicia no ano 2001, ao sinalar que se podía estimar preferible «que se recollan nunha norma con rango legal os principios e aspectos básicos desa regulación autonómica, dada a importancia da materia que se vai regular e a transcendencia dunha ordenada instrución e desenvolvemento dos procedementos normativos cara á salvagarda da plena xuridicidade da actuación administrativa e á garantía da seguridade xurídica dos cidadáns destinatarios das normas correspondentes».

Esta materia elévase a rango de lei e inclúese no título II deste texto, e para o seu deseño tivéronse en conta as recomendacións formuladas polo supremo órgano consultivo de Galicia.

IV

Por último, no que se refire aos aspectos puramente organizativos, o título III desenvolve o réxime xurídico non da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia senón das restantes entidades do sector público autonómico. A finalidade desta parte da lei, como xa se avanzou, é dar cabida e ordenar o conxunto de administracións independentes e de entidades de titularidade pública que, controladas pola Xunta ou dependentes desta, contribúen xunto con ela á satisfacción dos intereses xerais de Galicia. Para iso créanse e caracterízanse dúas categorías, nalgúns casos coas súas correspondentes subdivisións: entidades públicas instrumentais (é dicir, organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais e consorcios) e outras entidades instrumentais integrantes do sector público (sociedades mercantís públicas e fundacións do sector público).

Con esta lei ponse fin á dispersión normativa existente na nosa lexislación autonómica respecto das entidades integrantes do sector público autonómico. Xa que logo, esta lei ten por obxecto recoller nunha norma xeral a tipoloxía de entidades instrumentais, as súas características esenciais e as peculiaridades do seu réxime, e dotar a Comunidade Autónoma galega dun marco normativo completo. Neste sentido, alcanza a regular a organización e o réxime xeral da totalidade das personificacións xurídicas que conviven dentro do sector público instrumental galego e introduce as medidas tendentes a racionalizar o emprego do abano de entidades instrumentais con vocación de satisfacer as necesidades non só actuais senón tamén futuras que requira a xestión dos intereses públicos.

Por último, como mostras do compromiso do Parlamento de Galicia cos principios de austeridade, eficacia e eficiencia, redúcese a retribución máxima que pode percibir o persoal de alta dirección, os altos cargos do sector público autonómico, e establécense novos mecanismos de control das consellarías respecto da contratación das entidades dependentes delas.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13º.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24º da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Título preliminar

Do ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade da lei.

1. Esta lei ten por obxecto regular a organización e o réxime xurídico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico, así como a regulación do exercicio da potestade regulamentaria e do procedemento de elaboración de regulamentos.

2. O fin desta lei é atinxir unha maior racionalización e axilización administrativa e afondar na modernización dos procedementos e dos servizos prestados aos cidadáns por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico.

Artigo 2º.-A Administración xeral de Galicia.

1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, constituída por órganos xerarquicamente ordenados e dirixida pola Xunta de Galicia, actúa con personalidade xurídica única.

2. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia desenvolve funcións executivas de carácter administrativo, realizando as tarefas nas que se concreta o exercicio da acción de goberno.

Artigo 3º.-O sector público autonómico.

1. Para os efectos desta lei, o sector público autonómico, ademais de pola propia Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, está integrado polas seguintes entidades:

a) Entidades públicas instrumentais dependentes da Administración xeral ou doutras entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Outras entidades instrumentais respecto das que a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia exerce xuridicamente, de forma directa ou indirecta, unha posición de dominio, entendendo como tal, para estes efectos, aquela na que se exerce un control análogo ao dos propios servizos da Administración.

2. As entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico suxeitarán a súa actividade ao dereito administrativo sempre que exerzan potestades administrativas e en calquera outra circunstancia agás que, neste último caso, de acordo coas leis xerais ou sectoriais aplicables ou coas súas específicas normas reguladoras, poidan ou deban someterse ao dereito privado. En todo caso, actuarán baixo o control e a dependencia ou tutela da Administración xeral de Galicia ou doutra entidade instrumental integrante do sector público autonómico.

3. As demais entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico actuarán, como regra xeral, en réxime de dereito privado, sen prexuízo de actuaren con suxeición ao dereito administrativo cando así o establezan as leis xerais e sectoriais aplicables.

4. Os consorcios poderán exercer por delegación, logo do acordo do Consello de Xunta e sempre que se recoñeza nos seus estatutos, competencias e potestades administrativas das administracións consorciadas.

Título I

Réxime xurídico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia

Capítulo I

Dos principios da organización administrativa e do réxime xurídico dos órganos colexiados

Sección 1ª

Principios xerais

Artigo 4º.-Principios xerais.

1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, baixo a dirección da Xunta, e as entidades integrantes do sector público autonómico serven con obxectividade os intereses xerais e actúan con sometemento pleno á Constitución, ao Estatuto de autonomía, á lei e ao resto do ordenamento xurídico.

2. As potestades e competencias administrativas que teñen atribuídas polo ordenamento xurídico a Administración xeral e as entidades que integran o sector público autonómico determinan a súa capacidade de obrar.

3. A organización e a actividade da Administración xeral e das entidades integrantes do sector público autonómico responden ao principio de división funcional. Na súa organización observaranse os seguintes principios:

a) Xerarquía.

b) Descentralización.

c) Desconcentración.

d) Coordinación.

e) Eficacia e eficiencia.

f) Simplificación, claridade, boa fe, imparcialidade, confianza lexítima e proximidade aos cidadáns.

4. O contido deste artigo aplicaráselles tamén ás entidades integrantes do sector público autonómico.

Sección 2ª

Competencia administrativa

Artigo 5º.-Exercicio da competencia.

1. A competencia dos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia é irrenunciable, e será exercida precisamente polos órganos que a teñan atribuída como propia, agás nos casos de delegación ou avocación, nos termos previstos na lei.

2. A encomenda de xestión, a delegación de sinatura e a suplencia non supoñen alteración da titularidade da competencia, aínda que si dos elementos determinantes do seu exercicio que en cada caso se prevexan.

3. A titularidade e o exercicio das competencias atribuídas aos órganos administrativos poderán ser desconcentrados noutros xerarquicamente dependentes daqueles nos termos e cos requisitos que prevexan as propias normas de atribución de competencias.

4. As funcións correspondentes ás competencias dunha consellaría que non sexan asignadas por lei a un concreto órgano administrativo entenderanse atribuídas aos órganos inferiores competentes por razón da materia e do territorio, e, de existiren varios destes, ao superior xerárquico común, sen prexuízo de que mediante decreto se poida designar como titular da competencia outro órgano da mesma consellaría.

5. Os órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia estenden a súa competencia a todo o territorio da Comunidade Autónoma, agás indicación en sentido contrario das normas aplicables.

Artigo 6º.-Delegación de competencias.

1. O exercicio das competencias cuxa titularidade lles corresponda a órganos da Administración autonómica poderá ser delegado noutros órganos da propia Administración autonómica ou dalgunha entidade integrante do sector público autonómico.

2. Cando entre os órganos delegante e delegado non exista relación xerárquica e pertenzan á mesma consellaría, será necesaria a aprobación previa do órgano superior común. Se delegante e delegado non pertencen á mesma consellaría, requirirase a autorización da persoa titular da consellaría á que pertence o órgano delegado.

3. No caso de que un órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia delegue o exercicio de competencias nun órgano dunha entidade instrumental do sector autonómico, tal delegación deberá ser previamente aprobada, se os houber, polos órganos dos que dependan o órgano delegante e o órgano delegado, agás que o delegante sexa o titular da consellaría de adscrición da entidade instrumental, caso no que abondará coa decisión deste.

4. En ningún caso poderán ser obxecto de delegación as competencias relativas a:

a) Os asuntos que deban ser sometidos a acordo da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias do Consello da Xunta cuxo exercicio se lles atribúa ás súas comisións delegadas.

b) A aprobación de regulamentos.

c) Os asuntos que se refiran ás relacións institucionais coa Xefatura do Estado, coa Presidencia do Goberno do Estado, coas Cortes Xerais, coas presidencias dos consellos de goberno das comunidades autónomas, co Parlamento de Galicia e coas demais asembleas lexislativas das comunidades autónomas e coa Unión Europea.

d) A resolución dos recursos nos órganos administrativos que diten os actos obxecto do recurso.

e) As materias nas que así se determine por unha norma con rango de lei.

5. Non constitúe impedimento para que se poida delegar a competencia para resolver un procedemento a circunstancia de que a súa norma reguladora prevexa, como trámite preceptivo, a emisión dun ditame ou informe; no entanto, non se poderá delegar a competencia para resolver un asunto concreto unha vez que no correspondente procedemento se emitise un ditame ou informe preceptivo acerca del.

6. As delegacións de competencias e a súa revogación deberán publicarse no Diario Oficial de Galicia e figurar dun xeito permanente e accesible na páxina web institucional da consellaría ou do órgano delegante.

7. Os actos e as resolucións administrativas ditados por delegación farán constar esta circunstancia, con referencia ao número e á data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e consideraranse ditados polo órgano delegante.

8. Salvo autorización expresa dunha lei, non se poderán delegar as competencias que se exerzan por delegación.

9. A delegación será revogable en calquera momento polo órgano que a conferise.

10. A delegación de competencias atribuídas a órganos colexiados para cuxo exercicio ordinario se requira un quórum especial deberá adoptarse observando, en todo caso, o devandito quórum.

Artigo 7º.-Avocación.

1. Os órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia poderán avocar para si o coñecemento dun asunto cuxa resolución lle corresponda ordinariamente ou por delegación a un órgano administrativo dependente, cando haxa circunstancias de índole técnica, económica, social, xurídica ou territorial que o fagan conveniente.

2. Cando se producise delegación do exercicio de competencias entre órganos que non son dependentes xerarquicamente, a avocación só poderá ser acordada polo órgano delegante.

3. A avocación realizarase mediante acordo motivado que lles deberá ser notificado aos interesados no procedemento, se os houber, con anterioridade á resolución final que se dite. A avocación, salvo que sexa acordada por un membro da Xunta de Galicia, deberá ser posta tamén en coñecemento do superior xerárquico do órgano avocante.

4. Contra o acordo de avocación non caberá recurso, aínda que a posible ilegalidade da avocación poderá facerse valer, de ser o caso, no recurso que se interpoña contra a resolución do procedemento.

Artigo 8º.-Encomenda de xestión intrasubxectiva.

1. A realización de actividades de carácter material, técnico ou de servizos da competencia dos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou das entidades de dereito público dependentes dela poderá ser encomendada intrasubxectivamente a outros órganos da mesma administración ou entidade que o encomendante, por razóns de eficacia ou cando non se posúan os medios idóneos para o seu desempeño.

2. A encomenda de xestión non supón cesión de titularidade da competencia nin dos elementos substantivos do seu exercicio, e será responsabilidade do órgano encomendante ditar cantos actos ou cantas resolucións de carácter xurídico lle dean soporte á concreta actividade material obxecto de encomenda ou aqueles nos que esta se integre.

3. A encomenda de xestión a órganos pertencentes á mesma consellaría deberá ser autorizada pola persoa titular da consellaría correspondente. Para a encomenda de xestión a órganos pertencentes a diferente consellaría ou dependentes de diferente consellaría será precisa a autorización do Consello da Xunta.

4. A encomenda de xestión intrasubxectiva formalizarase por medio da resolución de autorización e dos acordos que se asinen entre os órganos correspondentes unha vez autorizada a encomenda de xestión, e deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia co contido mínimo seguinte:

a) Actividade ou actividades ás que se refira.

b) Natureza e alcance da xestión encomendada.

c) Prazo de vixencia e supostos nos que proceda a finalización anticipada da encomenda ou a súa prórroga.

Así mesmo, nos termos descritos neste punto, tamén deberán ser publicadas as sucesivas prórrogas da encomenda que, se é o caso, se asinen.

5. A encomenda de xestión publicarase na páxina web institucional dos órganos intervenientes, para os efectos informativos.

Artigo 9º.-Encomenda de xestión intersubxectiva entre administracións públicas e entidades públicas.

1. A encomenda de xestión tamén se poderá levar a cabo entre órganos pertencentes a distintas administracións e entidades públicas, pertenzan ou non ao sector público autonómico, coa condición de que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Que o órgano que realice a actividade encomendada o faga a título gratuíto.

b) Que a entidade que vaia desenvolver a actividade encomendada poida ser considerada como medio propio ou servizo técnico da entidade encomendante.

c) Que, polo seu obxecto, pola súa causa ou por outra circunstancia xuridicamente relevante, non teña a natureza de contrato suxeito á Lei de contratos do sector público.

2. A encomenda de xestión intersubxectiva articularase por medio de convenios interadministrativos de colaboración. Non obstante, no caso de que a entidade á que pertence o órgano que vaia realizar a encomenda teña a consideración de medio propio e servizo técnico da entidade á que pertence o encomendante, a encomenda instrumentarase por medio de resolución da consellaría de adscrición da entidade.

3. Para a súa efectividade, o instrumento no que se formalice a encomenda de xestión intersubxectiva deberá ser publicado no Diario Oficial de Galicia co contido mínimo previsto no artigo anterior.

4. A encomenda de xestión de actividades e servizos que sexan competencia doutras administracións públicas en favor de órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou entes públicos do sector público autonómico requirirá a aceptación previa do Consello da Xunta e será formalizada mediante a sinatura do correspondente convenio.

Artigo 10º.-Encomendas a outras entidades.

1. Poderá encargarse a realización de tarefas a entidades de dereito privado que reúnan a condición de medio propio da Administración ou entidade pública encomendante mediante resolución unilateral do órgano que se determine conforme o artigo 47º desta lei.

2. Poderá encargarse a realización de tarefas a outras persoas físicas ou xurídicas de dereito privado por medio de convenios sempre que se respecten os contidos e límites da lexislación básica sobre contratación do sector público. Por medio de tales convenios de colaboración non se lles poderá encargar a estas persoas físicas ou xurídicas privadas actividades que, segundo a lexislación vixente, teñan que realizarse con suxeición ao dereito administrativo.

Artigo 11º.-Delegación de sinatura.

1. Os titulares dos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia poderán, en materia da súa propia competencia, delegar a sinatura das súas resolucións e dos seus actos administrativos nos titulares dos órganos que dependan deles, dentro dos límites sinalados para a delegación de competencias.

2. A delegación da sinatura non alterará a competencia do órgano delegante e para a súa validez non será necesaria a súa publicación.

3. Nas resolucións e nos actos que se asinen por delegación farase constar a autoridade de procedencia. Para estes efectos, a sinatura deberá ir precedida da expresión «por delegación de sinatura», con indicación do cargo que autoriza e do órgano autorizado.

4. Non caberá delegación de sinatura nas resolucións de carácter sancionador.

Artigo 12º.-Suplencia.

1. Os titulares dos órganos administrativos poderán ser suplidos temporalmente nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade por quen designe o órgano competente para o nomeamento daqueles.

2. Se non se designa suplente, a competencia do órgano administrativo será exercida por quen designe o órgano administrativo inmediato superior do que dependa.

3. A suplencia non implicará alteración da competencia.

Artigo 13º.-Conflitos de atribucións.

1. Na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia os conflitos de atribucións só se poderán suscitar entre órganos non relacionados xerarquicamente, e respecto de asuntos sobre os cales non finalizase o procedemento administrativo.

2. Os conflitos de atribucións positivos ou negativos entre órganos dunha mesma consellaría serán resoltos polo superior xerárquico común no prazo de dez días hábiles sen que caiba recurso ningún.

3. Nos conflitos positivos, o órgano que se considere competente requirirá de inhibición a aquel que coñeza do asunto, o cal suspenderá o procedemento por un prazo de dez días hábiles. Se dentro deste prazo acepta o requirimento, remitiralle o expediente ao órgano que o formulase. No caso de considerarse competente, remitiralle acto seguido as actuacións ao superior xerárquico común.

4. Nos conflitos negativos, o órgano que se considere incompetente remitiralle as actuacións ao órgano que considere competente, que decidirá no prazo de dez días hábiles, e este, no caso de considerarse incompetente, remitiralle acto seguido o expediente co seu informe ao superior xerárquico común.

5. Os conflitos de atribucións entre diferentes consellarías serán resoltos por acordo asinado conxuntamente polas propias persoas titulares das consellarías afectadas. No caso de discrepancia, daráselle traslado ao Consello da Xunta de Galicia, que resolverá no prazo de dez días, sen que contra a súa decisión caiba recurso ningún.

Sección 3ª

Órganos colexiados

Artigo 14º.-Réxime xurídico.

1. Os órganos colexiados réxense pola lexislación básica sobre réxime xurídico das administracións públicas, pola lexislación específica aplicable, polas normas contidas nesta sección e polos seus regulamentos de réxime interior.

2. Os órganos colexiados das distintas administracións públicas nos que participen organizacións representativas de intereses sociais, así como aqueles compostos por representacións de distintas administracións públicas, conten ou non con participación de organizacións representativas de intereses sociais, poderán establecer ou completar as súas propias normas de funcionamento.

Os órganos colexiados aos que se refire este punto quedarán integrados na Administración pública que corresponda, aínda que sen participar na estrutura xerárquica desta, agás que así o establezan as súas normas de creación ou se desprenda das súas funcións ou da propia natureza do órgano colexiado.

3. As normas contidas nesta sección non lle serán aplicables ao Consello da Xunta nin ás súas comisións delegadas.

Artigo 15º.-Requisitos de creación.

A constitución dun órgano colexiado terá como presuposto indispensable a determinación dos seguintes aspectos na súa norma de creación:

a) Os seus fins e obxectivos.

b) A súa integración administrativa ou dependencia xerárquica.

c) A composición e os criterios para a designación da persoa titular da súa presidencia e dos restantes membros.

d) As funcións de decisión, proposta, asesoramento, seguimento e control, así como calquera outra que se lle atribúa.

e) A dotación dos créditos necesarios, de ser o caso, para o seu funcionamento.

Artigo 16º.-Presidencia.

1. En cada órgano colexiado correspóndelle á presidenta ou ao presidente:

a) Desempeñar a representación do órgano.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias e a fixación da orde do día, tendo en conta, de ser o caso, as peticións dos demais membros formuladas coa suficiente antelación.

c) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

d) Dirimir co seu voto os empates, para os efectos de adoptar acordos, agás se se trata dos órganos colexiados nos que participen organizacións representativas de intereses sociais, así como daqueles compostos por representacións da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e doutras administracións públicas, conten ou non con participación de organizacións representativas de intereses sociais, nos que o voto será dirimente de establecéreno así as súas propias normas.

e) Asegurar o cumprimento das leis.

f) Visar as actas e certificacións dos acordos do órgano.

g) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente do órgano.

2. A persoa que exerza a presidencia sempre terá a condición de membro do órgano colexiado.

3. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, o presidente será substituído polo vicepresidente, se o houber, e, de faltar este, polo membro do órgano colexiado de maior xerarquía, antigüidade ou idade, por esta orde, de entre os seus compoñentes.

Esta norma non lles será aplicable aos órganos colexiados nos que participen organizacións representativas de intereses sociais, nin tampouco a aqueles compostos por representacións da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e doutras administracións públicas, conten ou non con participación de organizacións representativas de intereses sociais, nos que o réxime de substitución do presidente debe estar especificamente regulado en cada caso, ou establecido expresamente por acordo do pleno do órgano colexiado.

Artigo 17º.-Membros.

1. En cada órgano colexiado correspóndelles aos seus membros:

a) Recibir, cunha antelación mínima de corenta e oito horas, a convocatoria que conteña a orde do día das reunións. A información sobre os temas que figuren na orde do día estará á disposición dos membros coa antelación referida.

b) Participar nos debates das sesións.

c) Exercer o seu dereito ao voto e formular o seu voto particular, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican.

d) Non absterse nas votacións aqueles que pola súa calidade de autoridades ou persoal ao servizo das administracións públicas teñan a condición de membros de órganos colexiados.

e) Formular rogos e preguntas.

f) Obter a información precisa para cumprir as funcións asignadas.

g) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición.

2. Os membros dun órgano colexiado non poderán atribuírse as funcións de representación recoñecidas a este, salvo que expresamente lles fosen outorgadas por unha norma ou por acordo validamente adoptado, para cada caso concreto, polo propio órgano.

3. En caso de ausencia ou de enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, os membros titulares do órgano colexiado serán substituídos polos seus suplentes, se os houber.

4. Cando se trate de órganos colexiados nos que participen organizacións representativas de intereses sociais, así como daqueles compostos por representacións da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e outras administracións públicas, conten ou non con participación de organizacións representativas de intereses sociais, estas poderán substituír os seus membros titulares por outros, acreditándoo ante a secretaría do órgano colexiado, respectando as reservas e limitacións que establezan as súas normas de organización.

Artigo 18º.-Secretaría.

1. Os órganos colexiados terán unha secretaria ou un secretario, que poderá ser un membro do propio órgano ou un empregado público ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou da entidade pública na que se integre o órgano do que se trate.

2. A designación e o cesamento, así como a substitución temporal da persoa que exerza a secretaría en supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, realizaranse segundo o disposto nas normas específicas de cada órgano e, no caso da súa falta, por acordo deste.

3. Correspóndelle á secretaria ou ao secretario do órgano colexiado:

a) Asistir ás reunións, con voz pero sen voto se non é membro do órgano e con voz e voto se é membro del.

b) Efectuar a convocatoria das sesións do órgano por orde da súa presidencia, así como as citacións aos seus membros.

c) Recibir os actos de comunicación dos membros co órgano e, polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos que deba ter coñecemento.

d) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións.

e) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de secretaria ou secretario.

Artigo 19º.-Convocatorias e sesións.

1. Para a válida constitución do órgano, para os efectos da realización de sesións, das deliberacións e da toma de acordos, requirirase a presenza do presidente e do secretario ou, de ser o caso, daqueles que os substitúan, e da metade, polo menos, dos seus membros, agás o disposto no punto 2 deste artigo.

Cando se trate dos órganos colexiados nos que participen entidades representativas de intereses sociais, así como daqueles compostos por representacións da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e doutras administracións públicas, conten ou non con participación de organizacións representativas de intereses sociais, o presidente poderá considerar validamente constituído o órgano, para os efectos da realización de sesións, de estaren presentes os representantes das administracións públicas e das organizacións representativas de intereses sociais membros do órgano aos cales se lles atribuíse a condición de voceiros.

2. Os órganos colexiados poderán establecer o réxime propio de convocatorias, se este non está previsto polas súas normas de funcionamento. Tal réxime poderá prever unha segunda convocatoria e especificar para esta o número de membros necesarios para constituír validamente o órgano.

3. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, agás que estean presentes todos os membros do órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

4. Os acordos serán adoptados por maioría simple de votos, agás que as súas normas específicas prevexan outras maiorías.

5. Quen acredite a titularidade dun interese lexítimo poderá dirixirse ao secretario dun órgano colexiado para que lle sexa expedida certificación dos seus acordos.

Artigo 20º.-Actas.

1. De cada sesión que realice o órgano colexiado o secretario levantará a acta, que especificará necesariamente os asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias do lugar e tempo nas que se realizou, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados.

2. Na acta figurará, por solicitude dos respectivos membros do órgano, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifiquen ou o sentido do seu voto favorable. Así mesmo, calquera membro ten dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que se refira a algún dos puntos da orde do día e achegue no acto, ou no prazo que sinale o presidente, o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, e farase constar así na acta ou uniráselle copia a esta.

3. Os membros que discrepen do acordo maioritario poderán formular voto particular por escrito no prazo de corenta e oito horas contado desde o momento no que o presidente dea por finalizada a sesión, que se lle incorporará ao texto aprobado.

4. Cando os membros do órgano voten en contra ou se absteñan, quedarán exentos da responsabilidade que, de ser o caso, poida derivar dos acordos.

5. As actas aprobaranse na mesma ou na seguinte sesión; no entanto, o secretario poderá emitir certificación sobre os acordos específicos que se adoptasen, sen prexuízo da ulterior aprobación da acta.

Nas certificacións de acordos adoptados emitidas con anterioridade á aprobación da acta farase constar expresamente tal circunstancia.

Artigo 21º.-Uso de medios electrónicos.

1. Os órganos colexiados poderán constituírse e adoptar acordos utilizando medios electrónicos, respectando os trámites esenciais establecidos nos artigos 26º e 27º.1 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e nesta lei.

2. A convocatoria poderá efectuarse por medio do correo electrónico sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) O sistema de notificación electrónica permitirá acreditar a data e a hora na que se produza a posta á disposición do interesado da convocatoria notificada, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais; en todo caso, presumirase que a notificación se produciu polo transcurso de 24 horas, excluíndo sábados, domingos e festivos, desde a posta á disposición do interesado da convocatoria notificada, agás que, de oficio ou por instancia do destinatario, se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

b) Todos os membros do órgano colexiado que teñan a condición de cargo público ou empregado público da Administración da que forme parte o devandito órgano serán notificados no seu enderezo electrónico institucional correspondente. O resto dos membros dos órganos colexiados serán notificados electronicamente no enderezo de correo electrónico que sinalen para ese efecto.

3. Os membros dun órgano colexiado poderán ser validamente convocados para que a sesión se realice en varios lugares simultaneamente sempre que os medios técnicos permitan o normal desenvolvemento da sesión e o respecto dos dereitos dos membros. Unha vez constituído o órgano, a persoa que exerza a súa presidencia designará, para cada un dos lugares onde non se atope fisicamente o secretario, un dos membros asistentes para que o auxilie nas súas funcións.

4. Adicionalmente ao disposto no artigo 20º.5, as actas das sesións dos órganos colexiados poderán ser aprobadas por vía telemática, logo de sérenlles remitidas aos seus membros ao seu enderezo electrónico.

Artigo 22º.-Órganos colexiados consultivos.

1. Os órganos colexiados da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cuxas funcións sexan exclusiva ou principalmente emitir informes ou propostas, asesorar ou resolver consultas denominaranse consellos.

2. Con carácter departamental ou interdepartamental poderanse crear consellos asesores. A composición e as funcións destes consellos determinaranse nas normas de creación respectivas e os seus informes non terán carácter vinculante, agás disposición legal en sentido contrario.

Capítulo II

Da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia

Sección 1ª

Aspectos xerais

Artigo 23º.-Organización en consellarías.

1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia organízase en consellarías atendendo ao principio de división material de competencias, e correspóndelle a cada unha delas o desenvolvemento dun ou de varios sectores de actividade administrativa.

2. A creación, modificación e supresión de consellarías será aprobada por decreto da persoa titular da Presidencia da Xunta.

3. A organización en consellarías non obsta para a existencia de órganos superiores ou de dirección, así como entes do sector público non integrados nunha consellaría, que, excepcionalmente, se adscriban á Presidencia da Xunta de Galicia ou aos órganos superiores dependentes dela.

Artigo 24º.-Órganos centrais e territoriais.

1. Os órganos centrais da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia son aqueles que exercen as súas competencias no ámbito territorial da Comunidade Autónoma.

2. Os órganos territoriais son aqueles que exercen as súas competencias nun ámbito territorial inferior ao da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Cando o desenvolvemento de competencias propias da Administración xeral da Comunidade Autónoma o faga necesario, poderán crearse órganos ou unidades administrativas que exerzan a súa competencia funcional fóra do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto no ámbito territorial estatal coma no exterior.

Artigo 25º.-Órganos superiores e de dirección.

1. Son órganos superiores da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a Presidencia da Xunta de Galicia, as consellarías, a vicepresidencia ou vicepresidencias, de existiren estas, e as secretarías xerais.

2. Son órganos de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia as secretarías xerais técnicas, as direccións xerais e equivalentes, as vicesecretarías xerais, as subdireccións xerais, as delegacións territoriais, as secretarías territoriais e as xefaturas territoriais.

3. Todos os demais órganos e unidades administrativas da Administración xeral da Comunidade Autónoma están baixo a dependencia dun órgano superior ou de dirección.

4. Correspóndelles aos órganos superiores establecer os plans de actuación da organización situada baixo a súa responsabilidade; e aos órganos de dirección, o seu desenvolvemento e execución.

5. Correspóndelle á Xunta de Galicia determinar a estrutura orgánica superior da vicepresidencia ou vicepresidencias, de existiren estas, así como a das consellarías da Xunta de Galicia.

Sección 2ª

Secretarías xerais

Artigo 26º.-Secretarías xerais.

1. Na estrutura das consellarías, na da Presidencia da Xunta de Galicia e na das vicepresidencias, de existiren estas, poderanse integrar secretarías xerais. As secretarías xerais son órganos superiores da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, directamente responsables da execución da acción de goberno nun sector de actividade específica dunha consellaría baixo a dirección da persoa titular desta, nos termos fixados en cada caso por medio do correspondente decreto de estrutura orgánica.

2. As persoas titulares das secretarías xerais dirixen e coordinan as direccións xerais situadas baixo a súa dependencia, e responden perante a conselleira ou o conselleiro da execución dos obxectivos fixados.

3. Compételles ás persoas titulares das secretarías xerais:

a) A dirección e o control do exercicio das competencias sobre o sector da actividade administrativa que se lles asigne no decreto de estrutura orgánica da consellaría e, de ser o caso, o exercicio daqueloutras competencias delegadas pola persoa titular da consellaría.

b) Exercer as competencias inherentes á súa responsabilidade de dirección e, en particular, impulsar a consecución dos obxectivos e a execución dos proxectos que, no seu ámbito de actividade, lles sexan encargados pola conselleira ou polo conselleiro, controlar o seu cumprimento, supervisar a actividade dos órganos directivos adscritos e impartirlles instrucións aos seus titulares.

c) Resolver os recursos interpostos contra as resolucións dos órganos directivos que dependan directamente delas cando non poñan fin á vía administrativa, e resolver tamén os conflitos de atribucións suscitados entre os devanditos órganos.

d) Calquera outra competencia atribuída por outra norma xurídica.

4. As persoas titulares das secretarías xerais serán nomeadas por decreto do Consello da Xunta.

5. Como órganos superiores da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, poderán integrarse na Presidencia, con carácter excepcional, as secretarías xerais directamente responsables da execución da acción de goberno nun sector de actividade específica ou ben con funcións de apoio e asesoramento técnico, e unha delas terá atribuídas as competencias previstas no artigo 29º desta lei. As secretarías xerais integradas na Presidencia desenvolverán as súas competencias nos termos previstos no punto 3º deste artigo, baixo a dependencia funcional da Presidencia e a dependencia orgánica da conselleira ou do conselleiro que se determine na norma de aprobación da estrutura correspondente, que poderá desconcentrar neles a titularidade e o exercicio das súas competencias.

Sección 3ª

Órganos de dirección

Artigo 27º.-Determinación de competencias e funcións.

1. Os decretos de estrutura determinarán os distintos órganos de dirección, as competencias e as funcións dos órganos que deles dependen e, en particular, dos postos con rango de subdirección xeral e xefatura de servizo.

2. As demais unidades administrativas determinaranse nas correspondentes relacións de postos de traballo.

Artigo 28º.-Nomeamento e estatuto persoal.

1. As persoas titulares das secretarías xerais técnicas, das direccións xerais e das delegacións territoriais serán nomeadas e separadas libremente por decreto do Consello da Xunta, atendendo a criterios de competencia profesional e experiencia, entre persoas que reúnan os requisitos de solvencia académica, profesional, técnica ou científica que en cada caso sexan necesarios para o desenvolvemento da función.

2. As persoas titulares das vicesecretarías xerais, subdireccións xerais e secretarías territoriais serán nomeadas e separadas, a través do procedemento de libre designación regulado na Lei da función pública de Galicia, pola persoa titular da consellaría da que dependan entre funcionarios de carreira do grupo A1. A designación deste persoal realizarase mediante convocatoria pública, que consiste na apreciación discrecional polo órgano competente da idoneidade dos candidatos en relación cos requisitos exixidos para o desempeño do posto.

3. As convocatorias para a provisión de postos de libre designación incluirán os seguintes datos:

a) A identificación do posto.

b) Os requisitos necesarios para participar na convocatoria.

Artigo 29º.-Secretarías xerais técnicas.

1. En cada consellaría haberá unha secretaría xeral técnica con relación xerárquica directa coa conselleira ou co conselleiro, e cuxo titular desempeñará as seguintes funcións:

a) Representar a consellaría por orde do seu titular.

b) Coordinar, baixo a dirección da persoa titular da consellaría, os programas e as actuacións das diferentes direccións xerais e entes do sector público adscritos á consellaría.

c) Prestarlle asistencia técnica e administrativa á persoa titular da consellaría en cantos asuntos esta considere conveniente.

d) Actuar como órgano de comunicación coas demais consellarías.

e) Dirixir e xestionar os servizos comúns do departamento, así como os órganos e as unidades administrativas que estean baixo a súa dependencia.

f) Velar pola organización, simplificación e racionalización da actividade administrativa, e propor as modificacións encamiñadas a mellorar e perfeccionar os servizos.

g) Elaborar os proxectos de plans xerais de actuación da consellaría.

h) Elaborar o anteproxecto de orzamento correspondente á consellaría e levar a cabo o seguimento da execución orzamentaria.

i) Emitir informe sobre os anteproxectos de lei e proxectos de regulamentos da consellaría e tramitalos.

j) Emitir informe sobre os anteproxectos de lei e de regulamentos doutras consellarías.

k) Xestionar os medios materiais adscritos ao funcionamento da consellaría.

l) Resolver os conflitos de atribucións que xurdan entre órganos dependentes dela.

m) Proporlle á persoa titular da consellaría a resolución que xulgue procedente nos asuntos da súa competencia cuxa tramitación lle estea encomendada.

n) Responsabilizarse dos servizos de lexislación, documentación e publicación da consellaría.

ñ) Velar polo cumprimento da Lei 2/2007, de igualdade no traballo entre homes e mulleres.

o) Garantir a accesibilidade á información do seu departamento segundo a Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

p) Aqueloutras que lle asigne o órgano competente ou que lle atribúa o ordenamento xurídico.

2. Figurarán adscritas organicamente ás secretarías xerais técnicas, con nivel de subdirección xeral, a/as asesoría/s xurídica/s da consellaría e a intervención delegada, que dependerán funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, respectivamente.

Artigo 30º.-Direccións xerais.

1. En cada consellaría existirán unha ou varias direccións xerais con relación xerárquica directa coa persoa titular da consellaría ou da secretaría xeral, de ser o caso. A directora ou o director xeral desempeñará as seguintes funcións:

a) Elaborar os programas de actuación específicos da dirección xeral.

b) Dirixir e xestionar os servizos e resolver os asuntos da consellaría que sexan da súa competencia e os que lle delegue a persoa titular da consellaría.

c) Impulsar, coordinar e supervisar as actividades que se desenvolvan nas dependencias ao seu cargo e velar polo bo funcionamento dos órganos e das unidades dependentes e do persoal integrado neles.

d) Resolver os conflitos de atribucións que xurdan entre os órganos dependentes del.

e) Elaborar o proxecto de orzamento e a memoria de funcionamento do seu centro directivo.

f) Ditarlle ou proporlle á persoa titular da consellaría, segundo proceda, as resolucións en materia da competencia do seu centro directivo.

g) Informar a persoa titular da consellaría en todos os asuntos atribuídos ao centro directivo da súa competencia.

h) Formularlle ao órgano competente propostas sobre a organización e o funcionamento dos servizos ao seu cargo.

i) As demais atribucións que se lle asignen.

j) Aqueloutras funcións que lle sexan atribuídas polo ordenamento xurídico vixente.

2. Como órganos directivos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, poderán integrarse na Presidencia, con carácter excepcional, direccións xerais que desenvolverán as súas competencias nos termos previstos no punto anterior, baixo a dependencia funcional da Presidencia e a dependencia orgánica da persoa titular da consellaría que se determine na norma de aprobación da estrutura correspondente, que poderá desconcentrar a titularidade e o exercicio das súas competencias nestes órganos.

Artigo 31º.-Delegacións territoriais.

1. Con competencias sobre ámbitos territoriais inferiores ao da Comunidade Autónoma de Galicia, existirán delegacións territoriais da Xunta de Galicia, nas cales se integran todos os órganos e unidades administrativas da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia no correspondente ámbito territorial na forma na que se determine regulamentariamente.

2. Á fronte de cada delegación territorial haberá un delegado territorial con rango de director xeral.

3. As delegacións territoriais dependen organicamente da consellaría competente en materia de administracións públicas, e para o desenvolvemento das súas funcións contarán co apoio e coa coordinación da secretaría xeral técnica do devandito departamento. Sen prexuízo do anterior, tamén poderán recibir directrices ou instrucións procedentes doutras consellarías desde os seus respectivos ámbitos competenciais materiais.

4. Os delegados territoriais son competentes no seu ámbito territorial para:

a) Representar a Xunta.

b) Manter as necesarias relacións de cooperación e, de ser o caso, coordinación coa Administración do Estado, cos entes locais e con outros organismos públicos.

c) Coordinar a actuación de todos os órganos e de todas as unidades administrativas autonómicas, así como, de ser o caso, a de entidades do sector público autonómico con ámbito territorial de actuación igual ou inferior ao da delegación territorial.

d) Coordinar as relacións sindicais no seu ámbito territorial.

e) Xestionar os servizos compartidos, consonte as competencias establecidas na normativa patrimonial.

f) Ser os órganos de contratación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia nos seus respectivos ámbitos competenciais, dentro dos créditos orzamentarios que se lles asignen e de acordo cos límites e requisitos xerais que se fixen por decreto da Xunta. En todo caso, serán os titulares da competencia para a celebración de contratos menores.

g) As demais atribucións que se lles asignen.

h) Aqueloutras funcións que lles sexan atribuídas polo ordenamento xurídico vixente.

5. As delegacións territoriais terán a estrutura que se determine mediante decreto da Xunta de Galicia.

Artigo 32º.-Vicesecretarías xerais.

1. En cada secretaría xeral técnica, e baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular desta, poderá existir unha vicesecretaría xeral con nivel orgánico de subdirección xeral, cuxo titular exercerá, ademais das competencias específicas que teña atribuídas nos decretos de estrutura orgánica, as seguintes funcións:

a) A coordinación e o apoio na dirección e xestión da actividade da secretaría xeral técnica.

b) A execución dos proxectos, dos obxectivos ou das actividades que lle sexan asignados pola persoa titular da secretaría xeral técnica.

c) As demais atribucións que se lle asignen.

2. Así mesmo, poderá existir unha vicesecretaría xeral baixo a dependencia xerárquica do secretario xeral dependente da Presidencia que, conforme o previsto no artigo 26º.5, teña atribuídas as competencias previstas no artigo 29º desta lei.

Artigo 33º.-Subdireccións xerais.

En cada secretaría xeral, secretaría xeral técnica e en cada dirección xeral poderán existir unha ou varias subdireccións xerais baixo a directa dependencia xerárquica das persoas titulares daquelas, segundo corresponda. O titular da subdirección xeral exercerá, ademais das competencias específicas que teña atribuídas no decreto de estrutura orgánica, as seguintes funcións:

a) A coordinación e o apoio na dirección e xestión da actividade do órgano do que dependa.

b) A execución dos proxectos, dos obxectivos ou das actividades que lle sexan asignados polo órgano directivo do que dependa.

c) A elaboración dos programas de actuación específicos da subdirección.

d) A resolución dos conflitos de atribucións que xurdan entre os órganos dependentes del.

e) As demais atribucións que se lle asignen.

Artigo 34º.-Secretarías territoriais.

1. En cada delegación territorial, baixo a dependencia orgánica e funcional dos delegados territoriais, existirá unha secretaría territorial con nivel orgánico de subdirección xeral, que exercerá, ademais das competencias específicas que teña atribuídas no decreto de estrutura orgánica, as seguintes funcións:

a) O apoio e o asesoramento á persoa titular da delegación territorial no exercicio das súas competencias.

b) A substitución da persoa titular da delegación territorial no caso de vacante, ausencia ou enfermidade desta.

c) Cantas outras competencias lle sexan atribuídas ou delegadas.

Artigo 35º.-Xefaturas territoriais.

1. As delegacións territoriais poderán estruturarse en xefaturas territoriais que, sen prexuízo da súa integración nelas para os efectos de coordinación, dependerán orgánica e funcionalmente das consellarías que correspondan por razón da materia.

2. Son os órganos de exercicio das competencias administrativas de cada unha das consellarías, co alcance que se lles atribúa na estrutura orgánica da consellaría e demais normativa aplicable ou que se lles delegue, e estarán integrados por aqueles servizos, aquelas áreas ou aquelas unidades que sexan necesarios para unha maior eficacia da xestión administrativa.

Sección 4ª

Servizos e outros órganos e unidades administrativas de inferior nivel

Artigo 36º.-Servizos e unidades administrativas de inferior nivel.

1. Cada consellaría poderá organizarse nos servizos e unidades de inferior nivel que se determinen.

2. Os servizos constitúen órganos de apoio aos órganos de dirección de cada consellaría, aos que lles corresponden, ademais das competencias específicas que teñan atribuídas nos decretos de estrutura orgánica, as funcións de informe e proposta das cuestións pertencentes ao seu ámbito competencial, así como funcións de planificación, coordinación, dirección e control das unidades administrativas deles dependentes.

3. Os servizos poderán integrar unidades administrativas con funcións de execución, tramitación e, de ser o caso, informe e proposta das cuestións pertencentes ao seu ámbito competencial, así como de dirección e control das actividades desenvolvidas polas unidades deles dependentes.

4. As unidades administrativas que conforman os servizos poderán contar tamén con outras de inferior nivel con funcións de tramitación, inventario, se procede, e arquivo dos asuntos que teñan asignados.

Título II

Do exercicio da potestade regulamentaria por parte da Administración e do Goberno de Galicia

Capítulo I

Das disposicións administrativas de carácter xeral: xerarquía e tipos

Artigo 37º.-Exercicio da potestade regulamentaria.

1. Correspóndelle á Xunta de Galicia a titularidade e o exercicio da potestade regulamentaria da Comunidade Autónoma.

2. As persoas titulares das consellarías poden ditar disposicións administrativas de carácter xeral no relativo á organización e ás materias propias dos seus departamentos.

3. As instrucións emitidas polos órganos da Administración xeral de Galicia e polas entidades instrumentais públicas non se consideran en ningún caso disposicións ditadas no exercicio da potestade regulamentaria.

Artigo 38º.-Concepto e forma dos regulamentos.

1. Para os efectos desta lei, enténdese por regulamentos as disposicións administrativas de carácter xeral de rango inferior á lei, ditadas polos órganos que teñan atribuída expresamente competencia para isto.

2. Os regulamentos adoptarán a forma de decreto se son aprobados polo Consello da Xunta de Galicia e de orde se son aprobados polas persoas titulares das consellarías.

3. Os decretos serán asinados polo presidente da Xunta e referendados polo conselleiro competente por razón da materia. No suposto de competencias coincidentes, a proposta corresponderalles aos conselleiros interesados, co referendo do conselleiro da Presidencia, ao que lle corresponde tamén designar as consellarías que deben participar na elaboración do respectivo proxecto ou, de ser o caso, proporlle ao Consello da Xunta a constitución dunha comisión interdepartamental para tales efectos.

4. As ordes serán asinadas pola persoa titular da consellaría que en cada caso corresponda. Cando interesen a máis dunha consellaría revestirán a forma de ordes, e serán asinadas conxuntamente polos conselleiros afectados.

Artigo 39º.-Xerarquía.

1. As disposicións de carácter regulamentario están sometidas á seguinte xerarquía normativa:

a) Decretos aprobados polo Consello da Xunta de Galicia.

b) Ordes aprobadas polas conselleiras ou polos conselleiros.

2. Os regulamentos non poderán conter preceptos contrarios á Constitución española, ao Estatuto de autonomía e ás leis ou a outras disposicións de rango superior, nin regular materias reservadas ás leis nin establecer a retroactividade de disposicións sancionadoras restritivas de dereitos individuais ou non favorables a estes.

3. Son nulos de pleno dereito os regulamentos que infrinxan o establecido anteriormente.

4. As resolucións administrativas non poderán vulnerar o establecido nun regulamento, aínda que sexan ditadas por órganos de igual ou superior rango a aquel que ditou o regulamento.

Capítulo II

Do procedemento de elaboración de disposicións administrativas de carácter xeral

Artigo 40º.-Fases do procedemento de elaboración de disposicións administrativas de carácter xeral.

1. O procedemento de elaboración de disposicións administrativas de carácter xeral consta de tres fases:

a) Fase inicial, que se desenvolve dentro da consellaría que tivese a iniciativa normativa.

b) Fase intermedia, na que o proxecto normativo se somete a informes e opinión doutros órganos da Xunta e da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e, de ser o caso, da cidadanía.

c) Fase final, que consiste na aprobación definitiva da norma polo órgano competente.

2. Ao longo de todo o procedemento conservaranse e incorporaranse ao expediente todos os ditames, os informes e as consultas realizados, as observacións e emendas que se formulen e cantos datos e documentos teñan interese para coñecer o proceso de elaboración da norma ou poidan facilitar a súa interpretación.

3. O impulso do procedemento en todas as súas fases correspóndelle á consellaría que tivese a iniciativa normativa.

4. Os órganos superiores dependentes da Presidencia terán as facultades de iniciativa e impulso previstas neste capítulo respecto da elaboración de disposicións administrativas de carácter xeral que correspondan ao sector de actividade específica da súa competencia, e a Secretaría Xeral da Presidencia desenvolverá as funcións de tramitación e informe que se lles atribúen aos secretarios xerais técnicos das consellarías. As funcións que nesta lei se lles atribúen aos servizos xurídicos das consellarías corresponderanlle ao servizo que na estrutura da Secretaría Xeral da Presidencia teña atribuídas as funcións de apoio técnico.

Artigo 41º.-Fase inicial.

1. A elaboración de disposicións administrativas de carácter xeral será iniciada polo centro directivo correspondente, co acordo previo da persoa titular da consellaría.

2. O anteproxecto irá acompañado dos seguintes documentos:

a) Unha memoria xustificativa sobre a súa legalidade, o seu acerto e a súa oportunidade, así como sobre as modificacións e innovacións que contén.

b) Unha memoria económico-financeira que conteña a estimación do custo ao que poida dar lugar e, de ser o caso, a súa forma de financiamento.

c) O informe do servizo xurídico correspondente da consellaría na que se encadre o centro directivo que tivese a iniciativa.

d) O anteproxecto tamén irá acompañado dunha táboa de vixencias e dunha cláusula ou disposición derrogatoria na que se enumeren expresamente as normas de igual ou inferior rango que se pretende derrogar.

3. Unha vez reunida toda a documentación á que se fai referencia nos parágrafos anteriores, o texto poderá ser aprobado inicialmente como proxecto pola persoa titular da consellaría na que se encadre o centro directivo que tivo a iniciativa.

4. Cada consellaría publicará na súa páxina web a relación circunstanciada e motivada dos procedementos de elaboración de disposicións administrativas de carácter xeral que estean en tramitación, a partir do momento no que se produza a aprobación do anteproxecto, e indicará o seu obxecto e estado de tramitación, así como a posibilidade que teñen as persoas de remitir suxestións e a forma de facelo.

Artigo 42º.-Fase intermedia.

1. Aprobado inicialmente, todo proxecto será sometido a informe económico-financeiro da consellaría competente en materia de facenda así como a cantos informes e ditames sexan exixidos pola lexislación vixente ou considerados oportunos pola consellaría impulsora do proxecto.

2. Cando o proxecto teña repercusións en cuestións de xénero, irá acompañado dun informe sobre o impacto por razón de xénero das medidas que se establezan nel.

3. Os proxectos que afecten os dereitos e intereses lexítimos de determinados grupos ou sectores da cidadanía serán sometidos a audiencia destes, directamente ou a través das organizacións e asociacións recoñecidas pola lei que os agrupen ou representen e cuxos fins garden relación directa co obxecto da disposición, durante un prazo razoable e non inferior a quince días hábiles. A decisión sobre o procedemento escollido para a audiencia será debidamente motivada no expediente. Este trámite non será necesario se as organizacións ou asociacións mencionadas xa participasen no procedemento por medio de informes ou consultas.

Así mesmo, cando o contido e a repercusión da disposición o aconsellen, será sometida a información pública durante o prazo indicado anteriormente.

4. Fomentarase a participación da cidadanía, directamente ou a través das organizacións e asociacións recoñecidas pola lei. Nos trámites de audiencia e información pública promoverase a participación cidadá a través dun portal web específico ou a través de calquera medio admisible en dereito que permita acreditar a identidade do suxeito actuante, incluídas todas as posibilidades que ofrece a vía telemática por medios electrónicos. As proposicións, suxestións ou recomendacións recibidas teranse en conta pola consellaría impulsora do proxecto, que poderá asumilas ou rexeitalas a través dun informe final no que recibirán unha resposta razoada que poderá ser común para todas aquelas suxestións de distintos cidadáns que expoñan cuestións substancialmente iguais.

5. O trámite de audiencia e de información pública poderá ser abreviado ata o mínimo de sete días hábiles cando razóns debidamente motivadas así o xustifiquen. Só se poderá omitir o mencionado trámite cando graves razóns de interese público, que se deberán explicitar, o exixan.

6. Non será necesaria ningunha forma de audiencia ou información pública no caso de anteproxectos puramente organizativos.

7. De tratarse de proxectos que afecten a estrutura orgánica, métodos de traballo, procedementos administrativos e burocráticos ou o réxime de persoal da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou do sector público autonómico, requirirase o informe favorable da consellaría, ou das consellarías, con competencia en materia de administracións públicas e emprego público.

8. Os proxectos que conteñan materias que afecten os empregados públicos recollidas no artigo 37º.1 do Estatuto básico do empregado público deberán ser negociadas na comisión de persoal.

Artigo 43º.-Fase final.

1. Rematada a fase de documentación e consulta recollida no artigo anterior, o proxecto someterase ao informe da Asesoría Xurídica Xeral, que se pronunciará sobre cuestións de legalidade e técnica normativa.

2. A continuación, emitirá informe a secretaría xeral técnica da consellaría impulsora do proxecto, que, en todo caso, pechará cronoloxicamente os correspondentes a esta etapa, agás que sexa preceptivo o ditame do Consello Consultivo de Galicia conforme o esixido pola súa normativa reguladora, caso no que este será o derradeiro en solicitarse e emitirse.

3. Finalmente, o titular da consellaría impulsora do procedemento concluirao cunha resolución mediante a que decida desistir da iniciativa, retrotraer o procedemento ou aprobar definitivamente o proxecto.

4. No caso dos proxectos de ordes, a aprobación definitiva comporta a aprobación da propia orde e, con isto, o remate do procedemento.

5. No caso dos proxectos de decretos, logo de aprobados definitivamente, enviaranse a todas as consellarías con carácter previo á reunión da Comisión de Secretarios Xerais en cuxa orde do día se vaia tratar o tema.

6. A Comisión de Secretarios Xerais elevará o proxecto de decreto ao Consello da Xunta de Galicia, que, de ser o caso, procederá á aprobación do decreto.

7. Logo de que o Consello da Xunta de Galicia aprobe o decreto, o presidente da Xunta disporá a súa publicación oficial.

Artigo 44º.-Publicación e entrada en vigor.

Para que produzan efectos, os regulamentos autonómicos deberán publicarse integramente no Diario Oficial de Galicia, e entrarán en vigor aos vinte días naturais da súa publicación agás que neles se dispoña outra cousa.

Título III

Réxime xurídico das entidades instrumentais do sector público autonómico

Capítulo I

Aspectos xerais

Artigo 45º.-Ámbito subxectivo.

As previsións deste título aplicaránselles ás seguintes entidades autonómicas:

a) Entidades públicas instrumentais:

-Organismos autónomos.

-Axencias públicas autonómicas.

-Entidades públicas empresariais.

-Consorcios autonómicos.

b) Outras entidades instrumentais:

-Sociedades mercantís públicas autonómicas.

-Fundacións do sector público autonómico.

Artigo 46º.-Principios básicos.

1. As entidades reguladas nesta lei teñen personalidade xurídica propia e diferenciada respecto da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, contan con patrimonio e tesouraría propios e gozan de autonomía de xestión nos termos establecidos nesta lei.

2. As entidades reguladas nesta lei só se poden crear cando as especiais características das actividades que se lles encomendan ou razóns de eficacia xustifiquen a organización e o desenvolvemento de tales actividades en réxime de descentralización funcional que permita autonomía de xestión e maior proximidade á cidadanía nos termos previstos nesta lei.

3. A creación de novas entidades instrumentais do sector público autonómico non suporá, en ningún caso, a duplicación dos servizos públicos que xa sexan prestados pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, xa que a devandita creación irá acompañada das previsións necesarias para suprimir ou restrinxir debidamente a competencia doutros órganos ou doutras entidades preexistentes.

4. As entidades reguladas nesta lei axustaranse ao principio de instrumentalidade respecto dos fins e obxectivos que lles asigne a respectiva norma de creación e que, en todo caso, terán a consideración de fins e obxectivos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Seralle aplicable ao persoal das entidades instrumentais no seu ámbito respectivo o disposto no artigo 37º do Estatuto básico do empregado público en relación coas materias obxecto de negociación.

6. A aprobación dos instrumentos polos que se regulen as condicións de traballo do persoal e o réxime retributivo das entidades instrumentais requirirá, en todo caso, o informe previo e favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública e deberán ser negociados coas organizacións sindicais representativas no ámbito da función pública. Con carácter xeral, a través destes instrumentos implantarase un réxime retributivo similar ao do resto do persoal laboral da Xunta de Galicia, sen prexuízo da existencia, de ser o caso, de acordo coa normativa vixente, de complementos de produtividade ou conceptos equivalentes vinculados ao grao de cumprimento de obxectivos.

7. As distintas clases de persoal, tanto funcionario coma laboral, que pasen a prestar servizos nos entes instrumentais do sector público autonómico manterán o réxime xurídico de orixe, sen prexuízo dos procesos de integración que se leven a cabo de acordo coa normativa correspondente. Respectarase o suposto do persoal laboral susceptible de ser incluído, polas súas características, nos procesos de funcionarización que de acordo coa Lei da función pública galega se deban implementar.

Artigo 47º.-Carácter de medios propios e servizos técnicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

1. Para os efectos previstos no artigo 4º.1.n) e 24º.6 da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, todas as entidades instrumentais determinadas no artigo 45 teñen a consideración de medios propios e servizos técnicos daqueles poderes adxudicadores para os cales realicen a parte esencial da súa actividade cando estes exerzan sobre aqueles un control análogo ao que poden exercer sobre os seus propios servizos. Se se trata de sociedades, ademais, a totalidade do seu capital terá que ser de titularidade pública.

2. O carácter de medios propios instrumentais e servizos técnicos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia comporta para as entidades, de acordo co previsto na lexislación de contratos do sector público, a obriga de executar as encomendas ou os encargos que os poderes adxudicadores que os controlan e os seus medios propios lles realicen dentro do ámbito do seu obxecto social e nos termos fixados nos seus estatutos.

As relacións dos medios propios cos poderes adxudicadores dos que son medios propios instrumentais e servizos técnicos teñen natureza instrumental e non contractual, polo que, para todos os efectos, son de carácter interno, dependente e subordinado. As encomendas ou os encargos retribuiranse mediante as tarifas suxeitas ao réxime previsto neste artigo, e comportarán a facultade para o órgano que os efectúa de ditar as instrucións necesarias para a súa execución.

3. De acordo co artigo 24º.6 da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, a condición de medio propio ou servizo técnico determinará a imposibilidade de participar en licitacións públicas convocadas polos poderes adxudicadores dos que sexan tal medio propio ou servizo técnico, sen prexuízo de que, cando non concorra ningún licitador, se lles poida encargar a execución da prestación obxecto daquelas.

Artigo 48º.-Control dos medios propios e servizos técnicos.

A consellaría ou o departamento ao que estea adscrita a entidade, ou que teña atribuída a súa tutela funcional, poderá ditar instrucións sobre a forma de realización dos encargos, supervisará a súa realización e determinará as prioridades de actuación do medio propio na súa realización, para o que deberá dárselle traslado das encomendas efectuadas. En particular, cando as encomendas sexan efectuadas por outros medios propios da Administración da Comunidade Autónoma que non estean baixo a tutela funcional da consellaría ou do departamento ou adscritos a estes, deberá autorizalas previamente.

As eventuais discrepancias derivadas da utilización de medios propios da Administración xeral da Comunidade Autónoma entre órganos desta resolveranse polo procedemento dos conflitos de atribucións.

Artigo 49º.-Organización dos traballos dos medios propios e servizos técnicos.

O medio propio deberá dispor da estrutura e dos servizos técnicos suficientes para facerse responsable da organización e xestión dos traballos que desenvolva e das prestacións encargadas así como da súa calidade técnica. Este aspecto deberá ser xustificado pola entidade encomendante no expediente tramitado para a realización de cada encomenda. Para os efectos da lexislación de contratos do sector público, o medio propio sempre terá a consideración de poder adxudicador nos contratos que deba celebrar para a realización das prestacións obxecto do encargo.

Artigo 50º.-Tarifas, anticipos e gastos dos medios propios e servizos técnicos.

1. As encomendas de xestión deberán adecuarse a un sistema de tarifas aprobado por unha comisión mixta paritaria constituída por representantes da consellaría ou do departamento aos que estea adscrita a entidade ou que teñan atribuída a súa tutela funcional e da Consellería de Facenda, agás que, conforme a normativa vixente, estiver establecido un procedemento específico. De xeito excepcional, mentres non se aprobe o indicado sistema de tarifas, ou cando este non sexa preciso por se produciren encomendas só de forma ocasional, estas serán fixadas para cada encomenda pola consellaría ou polo departamento aos que estea adscrita a entidade ou que teñan atribuída a súa tutela funcional, sempre dentro dos limites do número 2 deste artigo e contando co informe favorable da consellaría competente en materia de facenda.

2. Poderán concederse anticipos nos termos recollidos, de ser o caso, nas encomendas ou encargos. Ante a falta de previsión na encomenda, os anticipos poderán concederse con carácter xeral ata un límite máximo do 50% do importe previsto para a anualidade agás autorización expresa do Consello da Xunta e sempre que estea debidamente xustificada a aplicación dos anticipos anteriores.

3. O importe correspondente aos gastos xerais e corporativos da entidade á que se lle realiza a encomenda non superará o 6% do importe da encomenda nas relativas a execucións de obras, e o 10% nos demais casos, agás autorización expresa do Consello da Xunta, logo do informe preceptivo da consellaría competente en materia de facenda.

Artigo 51º.-Contratación.

As entidades integrantes do sector público autonómico rexeranse polas normas xerais de contratación do sector público, en función da cualificación que lles corresponda en virtude do ámbito subxectivo da normativa básica estatal.

Artigo 52º.-Rexistro de entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia.

1. Créase na consellaría competente en materia de facenda un rexistro de entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia, no que se inscribirán preceptivamente a constitución destas entidades e os demais actos relativos a elas que se determinen regulamentariamente. Así mesmo, depositaranse nel as contas anuais de cada entidade, para o efecto da súa remisión ao Consello de Contas.

2. O rexistro previsto neste artigo ten carácter público e dividirase en tantas seccións e subseccións como tipos de entidades prevé esta lei.

3. Garantirase a coordinación e colaboración entre este rexistro e aqueloutros rexistros da Administración da Comunidade Autónoma nos que consten datos destas entidades.

Artigo 53º.-Indemnizacións.

As indemnizacións máximas que por asistencia lles poidan corresponder aos integrantes dos órganos superiores de dirección das entidades instrumentais do sector público autonómico serán fixadas mediante acordo do Consello da Xunta, contando co informe favorable da consellaría competente en materia de facenda.

Capítulo II

Entidades públicas instrumentais do sector público autonómico

Sección 1ª

Disposicións xerais

Artigo 54º.-Creación.

1. A creación de entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, agás os consorcios, require autorización por lei, que establecerá:

a) O tipo de entidade que se crea.

b) O obxecto e os fins xerais da entidade.

c) O réxime xurídico xeral ao que axustará o desenvolvemento da súa actividade.

d) A consellaría, o departamento ou o órgano de adscrición.

2. O anteproxecto de lei de autorización irá acompañado dunha memoria na que se precisarán os seguintes aspectos:

a) O obxectivo e os fins que se perseguen coa creación da entidade proposta.

b) O tipo de entidade e a súa xustificación.

c) As consecuencias organizativas da creación da entidade proposta e, en particular, a súa incidencia sobre as funcións e competencias doutros órganos ou entidades preexistentes.

d) Os recursos que garantan a viabilidade económico-financeira da entidade proposta, logo do informe favorable da consellaría competente en materia de facenda.

3. Tras a lei que autorice a creación dunha entidade instrumental, procederase á súa creación e á aprobación dos seus estatutos por decreto do Consello da Xunta, por proposta da consellaría de adscrición, logo do informe favorable das consellarías competentes en materia de administracións públicas e de facenda.

4. A creación dos consorcios autonómicos rexerase polo establecido no artigo 96º.2 desta lei e non será precisa a autorización lexislativa previa.

5. O proxecto de estatuto, elaborado pola consellaría de adscrición, terá o seguinte contido mínimo:

a) As funcións que desenvolverá.

b) A determinación da sede e da súa estrutura orgánica, con concreción dos seus órganos, así como das facultades de cada un deles, da forma de designación dos seus compoñentes e do réxime de funcionamento e desenvolvemento da súa actividade, con indicación daqueles órganos cuxos actos poñan fin á vía administrativa.

c) A participación, de ser o caso, doutras administracións públicas nos seus órganos de goberno.

d) A regulación sobre os medios persoais, materiais e económico-financeiros e sobre o seu patrimonio.

6. O proxecto de estatuto irá acompañado dun plan inicial plurianual de actuación da entidade, que incluirá:

a) Un plan estratéxico para a súa posta en funcionamento e o inicio efectivo da realización das actividades que teña encomendadas.

b) Un plan económico-financeiro coa previsión dos recursos materiais e orzamentarios precisos para a súa posta en funcionamento, logo do informe favorable da consellaría competente en materia de facenda.

c) A previsión dos recursos humanos necesarios.

No caso das axencias públicas autonómicas, o plan inicial de actuación abranguerá ata a entrada en vigor do primeiro contrato de xestión.

Artigo 55º.-Modificación e extinción.

1. A modificación dos estatutos das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico levarase a cabo por decreto do Consello da Xunta, por proposta da consellaría de adscrición, logo do informe favorable das consellarías competentes en materia de administracións públicas e de facenda. Cando a modificación proposta afecte os contidos incluídos dentro do ámbito de materias enunciadas no artigo 37 do Estatuto básico do empregado público, serán negociados coas organizacións sindicais representativas no ámbito da función pública.

2. A extinción das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico levarase a cabo nos termos previstos na lei que autoriza a súa creación ou, ante a falta de previsión expresa desta, por decreto do Consello da Xunta, por proposta da consellaría de adscrición, logo do informe favorable das consellarías competentes en materia de administracións públicas e de facenda. As disposicións anteriores determinarán o destino dos bens, dos dereitos e das obrigas dos organismos así como as medidas aplicables aos empregados do organismo que se suprime no marco da lexislación reguladora de cada tipo de persoal.

Artigo 56º.-Adscrición.

Cada entidade pública instrumental adscríbese directamente, ou a través doutra entidade instrumental, á consellaría ou ao órgano competente por razón da materia, de acordo co que se determine na norma de creación.

Artigo 57º.-Personalidade xurídica e potestades.

1. As entidades públicas instrumentais teñen personalidade xurídica propia diferenciada respecto da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, patrimonio e tesouraría propios, así como autonomía de xestión, nos termos que precisen as leis.

2. Dentro da esfera da súa competencia, correspóndenlles as potestades administrativas precisas para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 58º.-Persoal: aspectos xerais.

1. O persoal ao servizo das entidades integrantes do sector público autonómico poderá ser funcionario, estatutario ou laboral, de acordo co previsto nesta lei e na normativa aplicable aos empregados públicos.

2. A aprobación e modificación tanto do cadro de persoal coma da proposta de relación de postos de traballo serán acordadas polos órganos superiores de goberno e dirección, logo do informe favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública, e a contratación será decidida polo órgano que sinale a súa normativa específica ou os seus estatutos. En todo caso, a aprobación da relación de postos de traballo con persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia estará sometida na súa tramitación á normativa xeral establecida na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia sobre modificacións ou aprobacións destes instrumentos de planificación de persoal.

3. A selección do seu persoal, agás o directivo e demais excepcións previstas nesta lei, será realizada polo centro directivo competente en materia de función pública e seranlle aplicables as disposicións da lexislación galega sobre emprego público relativas a:

a) Composición e funcionamento dos tribunais ou das comisións de selección.

b) Bases das convocatorias.

c) Probas de selección.

4. A aprobación dos instrumentos polos que se regulen as condicións de traballo do persoal e o réxime retributivo destas entidades instrumentais requirirá, en todo caso, informe previo e favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública e deberán ser negociadas previamente coas organizacións sindicais representativas no ámbito da función pública.

5. O persoal destas entidades estará suxeito ao réxime de incompatibilidades que derive da súa condición.

Artigo 59º.-Persoal laboral temporal das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

1. A celebración de contratos laborais de duración determinada debe ser autorizada polos órganos superiores de goberno e dirección, contando cos informes favorables previos dos centros directivos competentes en materia de función pública e de orzamentos, sen que, en ningún caso, poidan dar lugar a contratos indefinidos. A selección deste persoal realizarase entre as persoas incluídas nas listas da Administración autonómica ou, de ser o caso, a través dos servizos públicos de emprego.

2. Malia o disposto no punto anterior, estas entidades poderán excepcionalmente acollerse a un sistema de listas previo por categorías, coa autorización previa do centro directivo competente en materia de función pública, logo da negociación coas organizacións sindicais representativas no ámbito da función pública.

3. En todo caso, o procedemento establecido nos parágrafos precedentes deberá adaptarse á natureza da entidade, consonte o establecido na Lei da función pública de Galicia.

Artigo 60º.-Persoal de alta dirección.

1. A contratación de persoal de alta dirección someterase aos principios de mérito e capacidade, entre persoas que reúnan os requisitos de solvencia académica, profesional, técnica ou científica que en cada caso sexan necesarios para o desenvolvemento da función.

2. A fixación das súas retribucións deberá contar cun informe previo favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública. Unicamente por razóns vinculadas á especial cualificación profesional estas retribucións poderán igualar ou superar as da persoa titular da Presidencia da Xunta.

Artigo 61º.-Réxime patrimonial.

O réxime patrimonial das entidades públicas instrumentais será o determinado pola Lei de patrimonio da Comunidade Autónoma e demais normativa que lle sexa aplicable.

Artigo 62º.-Contratación.

Os estatutos da entidade pública instrumental determinarán o seu órgano de contratación. A persoa titular da consellaría de adscrición poderá fixar a duración ou contía a partir da cal será necesaria a súa autorización para a celebración de contratos, excepto que a devandita autorización lle corresponda ao Consello da Xunta.

Artigo 63º.-Elementos básicos de organización.

1. En toda entidade pública instrumental haberá un órgano superior colexiado de goberno denominado «consello reitor» e un órgano unipersoal de goberno ao que lle corresponderá a presidencia da entidade e do propio consello reitor. A composición do consello reitor e as funcións deste e do presidente serán determinadas na normativa específica de cada entidade.

2. Por debaixo do consello reitor e do seu presidente existirá a estrutura administrativa que en cada caso determine a normativa específica de cada entidade.

Artigo 64º.-Órganos de goberno.

1. Son órganos de goberno a presidencia e o consello reitor. O estatuto de cada entidade pode prever outros órganos de goberno con atribucións distintas e, en todo caso, subordinadas ás do consello reitor.

2. A presidencia corresponderalle á persoa titular da consellaría de adscrición, agás que no estatuto da entidade se prevexa a posibilidade de que o Consello da Xunta nomee outra persoa para desempeñar o cargo por proposta da persoa titular da consellaría de adscrición.

3. O estatuto de cada entidade determina a composición e o réxime aplicables aos membros do consello reitor, respectando, en todo caso, as seguintes regras:

a) Os membros do consello reitor son nomeados pola persoa titular da consellaría de adscrición.

b) A persoa titular da dirección do organismo é membro nato do consello reitor.

c) A consellaría competente en materia de facenda debe contar, cando menos, cun representante no consello reitor. Nas entidades cuxo obxecto afecte as competencias de varias consellarías, cada unha destas debe contar tamén, cando menos, cun representante no consello reitor.

d) Nas entidades con participación doutras administracións públicas, os representantes destas serán designados directamente por elas.

e) A persoa titular da secretaría do consello reitor será designada e nomeada por este.

4. O consello reitor exerce, en todo caso, as seguintes atribucións mínimas:

a) O seguimento, a supervisión e o control superiores da actuación da entidade e da xestión da persoa titular da dirección.

b) A aprobación dun informe xeral anual da actividade desenvolvida pola entidade e de cantos extraordinarios considere necesarios sobre a súa xestión, coa valoración dos resultados obtidos e a consignación das deficiencias observadas.

c) A aprobación do anteproxecto de orzamentos anuais e da contracción de obrigas de carácter plurianual dentro dos límites que teña fixados.

d) A aprobación das contas anuais e, de ser o caso, a distribución do resultado do exercicio, consonte a lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Nas axencias públicas autonómicas, a proposta do contrato de xestión da axencia e a aprobación dos obxectivos e plans de acción anuais e plurianuais, así como dos criterios cuantitativos e cualitativos de medición do cumprimento dos devanditos obxectivos e do grao de eficiencia na xestión, no marco establecido polo contrato de xestión.

Artigo 65º.-Órganos executivos.

1. A dirección da entidade é o seu órgano executivo.

2. A persoa titular da dirección dos organismos autónomos é nomeada e separada por decreto do Consello da Xunta. Os titulares da dirección das entidades públicas empresariais e das axencias públicas autonómicas son nomeados e separados polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellaría de adscrición, entre persoas que reúnan a cualificación necesaria para o cargo, segundo se determine no estatuto de cada entidade.

3. A persoa titular da dirección é responsable da xestión ordinaria da entidade e exerce as competencias inherentes á devandita dirección, así como as que expresamente lle atribúe esta lei e os estatutos e as que lle delegue o consello reitor.

Artigo 66º.-Impugnación de actos administrativos e reclamacións administrativas.

1. Os actos administrativos dos órganos das entidades públicas instrumentais son susceptibles dos recursos administrativos previstos na lexislación básica sobre réxime xurídico das administracións públicas. Os actos ditados polo consello reitor ou polo presidente esgotan a vía administrativa, agás que a súa lei de autorización específica prevexa a posibilidade de recurso de alzada impropio ante un órgano da consellaría de adscrición.

2. As reclamacións previas, en asuntos civís e laborais, serán resoltas polo consello reitor, agás que na súa normativa específica se lle asigne tal competencia a un órgano da consellaría de adscrición.

Artigo 67º.-Tipos.

As entidades públicas instrumentais adoptarán a forma de organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais ou consorcios.

Sección 2ª

Organismos autónomos

Artigo 68º.-Réxime xurídico.

1. Os organismos autónomos son entidades públicas instrumentais cuxa organización e funcionamento se regulan polo dereito administrativo, e que se someten ao dereito privado só naqueles casos nos que corresponda de acordo coa normativa xeral ou sectorial aplicable.

2. Estas entidades instrumentais, de acordo coa súa normativa específica, poden exercer actividades de intervención, fomento, xestión de servizos públicos ou apoio á función administrativa en réxime de descentralización funcional.

Artigo 69º.-Persoal.

1. O persoal ao servizo dos organismos autónomos será funcionario, estatutario ou laboral, nos mesmos termos nos que está establecido para a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Á contratación de persoal laboral fixo ao servizo dos organismos autónomos regulados neste título seranlle aplicables as disposicións da lexislación galega sobre emprego público e as normas regulamentarias que a desenvolvan, relativas a:

a) Composición e funcionamento dos tribunais ou comisións de selección.

b) Bases das convocatorias.

c) Probas de selección.

3. Os estatutos dos organismos autónomos determinarán o órgano que terá atribuídas as competencias internas en materia de xestión de recursos humanos.

4. As relacións de postos de traballo serán aprobadas pola Xunta de Galicia consonte a normativa aplicable na materia e logo de negociación coas organizacións sindicais representativas no ámbito da función pública.

Artigo 70º.-Plan de actuación.

1. A actividade dos organismos autónomos desenvólvese consonte o plan anual de actuación de cada un deles, que é aprobado por orde da consellaría de adscrición dentro do marco do programa plurianual desta última, contando co informe favorable da consellaría competente en materia de facenda, consonte o establecido pola lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O contido do plan de actuación determinarase regulamentariamente e debe incluír, en todo caso:

a) Os obxectivos e resultados que deban ser acadados polo organismo.

b) Os recursos persoais, materiais e orzamentarios precisos para a consecución dos obxectivos e resultados fixados.

Artigo 71º.-Recursos económicos.

1. Os organismos autónomos fináncianse cos seguintes recursos:

a) As transferencias consignadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os ingresos propios que perciban como contraprestación polas actividades que poidan realizar en virtude de contratos, convenios ou disposicións legais para outras entidades públicas ou privadas ou persoas físicas.

c) O produto do alleamento dos bens e valores que constitúan o seu patrimonio, de acordo co establecido na lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma.

d) O rendemento procedente dos seus bens e valores.

e) As achegas voluntarias, doazóns, herdanzas, legados e demais achegas a título gratuíto de entidades privadas e particulares.

f) Os ingresos recibidos de persoas físicas e xurídicas como consecuencia do patrocinio de actividades ou instalacións.

g) Os demais ingresos de dereito público ou privado que estean autorizados a percibir.

h) Calquera outro recurso que se lles poida atribuír.

Artigo 72º.-Réxime orzamentario, económico-financeiro, de contabilidade e de control.

O réxime orzamentario, económico-financeiro, de contabilidade e de control dos organismos autónomos é o establecido pola lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 73º.-Control de eficacia.

1. Os organismos autónomos están sometidos a un control de eficacia no cumprimento do seu plan de actuación, que será exercido pola consellaría de adscrición e pola unidade administrativa con competencias en avaliación e reforma administrativa.

2. O control de eficacia ten por obxecto comprobar o grao de cumprimento dos obxectivos fixados aos organismos autónomos e a adecuada utilización dos recursos que lles fosen asignados para a consecución destes obxectivos, así como unha continua avaliación do cumprimento dos fins previstos na creación da citada entidade pública instrumental.

Sección 3ª

Axencias públicas autonómicas

Artigo 74º.-Réxime xurídico.

1. As axencias públicas autonómicas son aquelas entidades ás que, para o cumprimento de programas específicos correspondentes a políticas públicas da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, se lles encomenda a realización de actividades en réxime de descentralización funcional e xestión por obxectivos.

2. O réxime xurídico interno das axencias públicas autonómicas regúlase polo dereito administrativo; e o réxime xurídico externo, polo dereito privado ou polo dereito administrativo, segundo determinen as súas leis de creación e a normativa xeral aplicable.

3. Sen prexuízo do sinalado nesta sección, as súas normas específicas poderán integrar elementos de réxime xurídico propios dos organismos autónomos e das entidades públicas empresariais.

4. A actuación das axencias públicas autonómicas suxéitase ao principio e aos mecanismos de xestión transparente por obxectivos. Os mecanismos de xestión transparente por obxectivos son o contrato plurianual de xestión, o plan de acción anual, o informe de actividade e as contas anuais.

5. A persoa titular da presidencia de cada axencia autonómica, en calidade de máxima representación da entidade, poderá subscribir con entidades públicas e privadas convenios de colaboración excluídos da lexislación de contratos do sector público en nome da entidade que preside.

Artigo 75º.-Persoal das axencias públicas autonómicas.

1. O persoal das axencias públicas autonómicas estará constituído por persoal funcionario, estatutario e/ou laboral da Xunta de Galicia e, de ser o caso, por persoal laboral propio.

2. O persoal laboral propio rexerase por esta lei, polo Estatuto dos traballadores e polo resto da normativa laboral. As súas condicións retributivas serán as determinadas no seu convenio colectivo de aplicación e as súas contías fixaranse consonte o establecido nas leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

3. As distintas clases de persoal integrantes das axencias públicas autonómicas rexeranse pola súa normativa de orixe coas especialidades establecidas nesta lei e no seu estatuto.

Artigo 76º.-Procedementos de selección do persoal laboral propio.

1. Corresponderalles ás axencias autonómicas a determinación, logo do informe favorable do órgano directivo da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de función pública, dos criterios de selección do seu persoal laboral e a convocatoria e xestión dos procesos selectivos deste, de acordo cos principios de concorrencia, igualdade, publicidade, mérito e capacidade e demais establecidos pola lexislación xeral de emprego público.

2. Á contratación do seu persoal laboral propio seranlle de aplicación as disposicións da lexislación galega sobre emprego público e as normas regulamentarias que a desenvolvan, relativas a:

a) Composición e funcionamento dos tribunais ou comisións de selección.

b) Bases das convocatorias.

c) Probas de selección.

Artigo 77º.-Mobilidade do persoal.

A mobilidade do persoal funcionario, estatutario e laboral da Xunta de Galicia destinado nas axencias públicas autonómicas someterase ao réxime xeral previsto na normativa de función pública.

Artigo 78º.-Réxime retributivo.

1. Os conceptos retributivos do persoal funcionario das axencias públicas autonómicas serán os establecidos na normativa reguladora da función pública da Xunta de Galicia e dos orzamentos da Comunidade Autónoma, coas especialidades previstas nesta lei e no estatuto de creación. As súas contías determinaranse no marco do contrato de xestión.

2. As condicións retributivas do persoal laboral serán as determinadas no convenio colectivo de aplicación. As súas contías fixaranse de acordo co sinalado no punto anterior.

3. A contía da masa salarial destinada a complemento de produtividade ou concepto equivalente do persoal laboral vincularase estritamente ao grao de cumprimento dos obxectivos fixados no contrato de xestión.

4. No marco da política de recursos humanos, e de acordo cos sistemas de representación e participación do persoal, establecerase un sistema de avaliación que sirva de instrumento obxectivo para a valoración do desempeño dos postos de traballo e a asignación da produtividade sinalada no punto anterior, sen que en ningún caso se poida superar a contía da masa que dispoña o contrato de xestión. O sistema de avaliación valorará rendementos colectivos das unidades e realizará unha valoración individual de cada posto de traballo.

Artigo 79º.-Persoal directivo.

1. O persoal directivo das axencias públicas autonómicas ocupará postos definidos como tales na relación de postos de traballo ou no cadro de persoal en atención á especial responsabilidade, competencia técnica e relevancia das funcións asignadas a eles.

2. O persoal directivo será nomeado e separado polo consello reitor, por proposta motivada da dirección, entre persoas que acrediten competencia profesional e idoneidade.

3. A regulación do persoal directivo terá en conta o establecido no artigo 13º do Estatuto básico do empregado público e na normativa de desenvolvemento da Comunidade Autónoma.

Artigo 80º.-Contrato plurianual de xestión.

1. A actuación das axencias públicas autonómicas prodúcese, de acordo co plan de acción anual, conforme o pertinente contrato plurianual de xestión e baixo a súa vixencia.

2. O contrato plurianual de xestión deberá establecer, como mínimo e para o período da súa vixencia, os seguintes aspectos:

a) Os obxectivos que se persigan, os resultados que se pretende obter e, en xeral, a xestión que se vai desenvolver.

b) Os plans necesarios para alcanzar os obxectivos, con especificación dos marcos temporais correspondentes e dos proxectos asociados a cada unha das estratexias e os seus prazos temporais, así como os indicadores para avaliar os resultados obtidos.

c) As previsións máximas de cadro de persoal e o marco de actuación en materia de xestión de recursos humanos.

d) Os recursos persoais, materiais e orzamentarios que cómpre achegar para a consecución dos obxectivos.

e) Os efectos asociados ao grao de cumprimento dos obxectivos establecidos no que atinxe á esixencia de responsabilidade pola xestión dos órganos executivos e do persoal directivo.

f) De ser o caso, a contía da masa salarial destinada ao complemento de produtividade ou concepto equivalente do persoal laboral, segundo o establecido na Lei da función pública e nas leis anuais de orzamentos da Comunidade Autónoma. Esta contía estará vinculada estritamente ao grao de cumprimento dos obxectivos fixados, co informe previo favorable das direccións xerais competentes en materia de función pública e de orzamentos, nos termos aprobados no contrato plurianual de xestión.

g) O procedemento que se seguirá para a cobertura dos déficits anuais que, de ser o caso, se puideren producir por insuficiencia dos ingresos reais respecto dos estimados e as consecuencias de responsabilidade na xestión que, de ser o caso, se deban seguir de tales déficits.

h) O procedemento para a introdución das modificacións ou adaptacións anuais que, de ser o caso, procedan.

3. No contrato plurianual de xestión determinaranse os mecanismos que permitan a esixencia de responsabilidades á que se refire a alínea e) do punto anterior por incumprimento de obxectivos.

4. O consello reitor de cada axencia aproba a proposta do primeiro contrato plurianual de xestión no prazo de tres meses desde a súa constitución. Os posteriores contratos plurianuais de xestión presentaranse no último trimestre da vixencia do anterior.

5. A aprobación do contrato plurianual de xestión ten lugar por acordo do Consello da Xunta, por proposta das consellarías de adscrición e das competentes nas materias de administracións públicas e de facenda, nun prazo máximo de tres meses contados desde a súa presentación. No caso de non ser aprobado neste prazo, manterá a súa vixencia o contrato de xestión anterior.

Artigo 81º.-O plan de acción, o informe de actividade e as contas anuais.

1. O consello reitor de cada axencia autonómica, por proposta do seu director, aproba:

a) O plan de acción de cada ano, sobre a base dos recursos dispoñibles.

b) O informe xeral de actividade correspondente ao ano inmediatamente anterior.

c) As contas anuais, acompañadas do informe de auditoría de contas.

2. Os documentos aos que se refire o punto anterior son públicos, e os cidadáns terán acceso ao seu contido desde a súa aprobación.

3. No primeiro trimestre de cada ano, cada axencia autonómica, a través do seu director, informará a súa consellaría de adscrición e as competentes nas materias de administracións públicas e de facenda acerca da execución e do cumprimento dos obxectivos fixados no contrato de xestión durante o anterior exercicio.

Artigo 82º.-Recursos económicos.

1. As axencias públicas autonómicas fináncianse cos seguintes recursos:

a) As transferencias consignadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os ingresos propios que perciban como contraprestación polas actividades que poidan realizar en virtude de contratos, convenios ou disposicións legais para outras entidades públicas ou privadas ou persoas físicas.

c) O produto do alleamento dos bens e valores que constitúan o seu patrimonio, de acordo co establecido na lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma.

d) O rendemento procedente dos seus bens e valores.

e) As achegas voluntarias, doazóns, herdanzas, legados e demais achegas a título gratuíto de entidades privadas e particulares.

f) Os ingresos recibidos de persoas físicas e xurídicas como consecuencia do patrocinio de actividades ou instalacións.

g) Os demais ingresos de dereito público ou privado que estean autorizadas a percibir.

h) Calquera outro recurso que se lles poida atribuír.

Artigo 83º.-Réxime orzamentario.

1. Correspóndelle ao consello reitor de cada axencia autonómica elaborar e aprobar o anteproxecto de orzamento. O anteproxecto seralle remitido para o seu exame á consellaría de adscrición, que llo achegará xunto co orzamento da propia consellaría á competente en materia de facenda para a elaboración dos orzamentos da Comunidade Autónoma.

2. Correspóndelle á consellaría competente en materia de facenda determinar a estrutura do orzamento das axencias públicas autonómicas e a documentación que lle ten que xuntar a este.

3. Os orzamentos das axencias públicas autonómicas teñen carácter limitativo polo seu importe global e carácter estimativo para a distribución dos créditos en categorías económicas, agás os correspondentes a gastos de persoal e capital que, en todo caso, teñen carácter limitativo e vinculante pola súa contía total.

4. Correspóndelle á persoa titular da consellaría competente en materia de facenda, por proposta da dirección de cada axencia autonómica, autorizar as variacións da contía global do orzamento, así como as que afecten a gastos de persoal e de capital.

A autorización das restantes variacións por riba do inicialmente orzado, mesmo na contía global cando sexan financiadas con recursos derivados das alíneas b), e), f) e g) do artigo precedente e se destinen directamente a fins da axencia con dotación orzamentaria, correspóndelle á persoa titular da dirección da axencia autonómica, logo do informe favorable da comisión de control, sempre que existan garantías suficientes da súa efectividade e do correspondente equilibrio orzamentario, que lle dará conta con posterioridade á consellaría competente en materia de facenda.

5. Non se poderán adquirir compromisos de gastos que se estendan a máis de catro exercicios, e o gasto que se lle impute a cada un deles non poderá exceder a cantidade que resulte de aplicarlle ao importe total de cada programa, excluídos o capítulo de persoal e os restantes créditos que teñan carácter vinculante, as seguintes porcentaxes: o 70% no exercicio inmediato seguinte, o 60% no segundo, e o 50% nos exercicios terceiro e cuarto.

O Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Facenda, poderá modificar as porcentaxes e os importes anteriores, así como modificar o número de anualidades nos casos especialmente xustificados por petición da correspondente consellaría e logo dos informes que se consideren oportunos, e en todo caso o da dirección xeral competente en materia de orzamentos.

6. A dirección da axencia poderá acordar incorporar o remanente de tesouraría non afectado ao orzamento do exercicio seguinte, logo do informe preceptivo e vinculante da Dirección Xeral de Orzamentos, que se pronunciará respecto dos seus efectos sobre a estabilidade orzamentaria. Do devandito acordo daráselle conta á comisión de control.

Artigo 84º.-Endebedamento.

1. Queda prohibido o recurso ao endebedamento a longo prazo nas axencias públicas autonómicas, agás que unha norma con rango de lei o autorice expresamente.

2. A lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de cada exercicio autorizará o límite máximo do endebedamento a curto prazo das axencias públicas autonómicas.

Artigo 85º.-Aplicación da lexislación de réxime financeiro e orzamentario e facultades da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

1. O réxime económico-financeiro das axencias públicas autonómicas, no non previsto nesta lei, é o establecido pola lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. En particular, correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos establecidos pola lexislación mencionada no punto anterior:

a) Establecer os criterios que precise a aplicación da normativa contable ás axencias públicas autonómicas.

b) Exercer o control interno da actividade económico-financeira das axencias públicas autonómicas.

Artigo 86º.-Principios e procedementos en materia de subvencións.

O réxime xurídico das subvencións establecidas ou xestionadas polas axencias autonómicas é o establecido polo artigo 3.1 da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia, e pola normativa que a desenvolva.

Artigo 87º.-Órgano de control.

1. Nas axencias públicas autonómicas, no seo do consello reitor, constituirase unha comisión de control, coa composición que se determine no estatuto de cada axencia. En todo caso, a persoa representante da consellaría competente en materia de facenda integrarase na comisión de control.

2. Correspóndelle á comisión de control informar o consello reitor sobre a execución do contrato de xestión e, en xeral, sobre todos aqueles aspectos relativos á xestión económico-financeira que deba coñecer o propio consello e que se determinen no estatuto de cada axencia.

Artigo 88º.-Transparencia na xestión.

1. Sen prexuízo das demais obrigas de información ao cidadán establecidas na lexislación vixente e daqueloutras que os órganos de dirección consideren oportunas, as axencias públicas autonómicas publicarán na súa sede electrónica información actualizada sobre os seguintes aspectos:

a) O contrato de xestión da axencia, o plan de acción anual, o informe xeral de actividade e as contas anuais, acompañadas do informe de auditoría de contas.

b) As redes de coñecemento e intercambio de información que impulse e, de ser o caso, outras que existan no territorio de Galicia.

c) Os recursos públicos destinados pola Xunta de Galicia ás políticas que desenvolva a axencia e, de ser o caso, condicións e formas de acceso a eles.

d) Outros recursos públicos ou privados destinados a similares fins e dispoñibles no ámbito de Galicia, dos que a axencia teña coñecemento.

e) Os procedementos e medios de acceso dos interesados aos servizos da axencia e os dereitos que para ese efecto lles correspondan.

2. Nos estatutos das axencias públicas autonómicas incorporaranse os mecanismos precisos para garantir o devandito acceso, e incluirase a posibilidade de acceder, a través da correspondente páxina web, á información sobre tales documentos.

Sección 4ª

Entidades públicas empresariais

Artigo 89º.-Réxime xurídico e funcionamento.

1. As entidades públicas empresariais son entes instrumentais aos que se lles encomenda a realización, consonte criterios de xestión empresarial, de actividades prestacionais, de xestión de servizos públicos ou de produción de bens de interese público susceptibles de contraprestación.

2. A súa organización e o seu réxime xurídico interno regúlanse polo dereito administrativo, e o seu réxime xurídico externo regúlase polo dereito privado, excepto no exercicio das potestades administrativas que teñan atribuídas e nos aspectos especificamente previstos en normas con rango de lei.

Artigo 90º.-Persoal.

O persoal das entidades públicas empresariais suxeitarase ao réxime previsto no artigo 58º desta lei.

Artigo 91º.-Plan de actuación.

1. A actividade das entidades públicas empresariais desenvólvese de acordo co plan anual de actuación de cada unha delas, que é aprobado por orde da consellaría de adscrición, dentro do marco do programa plurianual desta última, logo do informe favorable da consellaría competente en materia de facenda, consonte o establecido pola lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O contido do plan de actuación determinarase regulamentariamente, e debe incluír en todo caso:

a) Os obxectivos e resultados que deban ser acadados polo organismo.

b) Os recursos persoais, materiais e orzamentarios precisos para a consecución dos obxectivos e resultados fixados.

Artigo 92º.-Recursos económicos.

1. As entidades públicas empresariais fináncianse, preferentemente, cos ingresos propios que perciban como contraprestación polas actividades que poidan realizar en virtude de contratos, convenios ou disposicións legais para outras entidades públicas ou privadas ou persoas físicas.

2. Excepcionalmente, cando así o estableza a lei que autorice a súa creación, financiaranse coas transferencias consignadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 93º.-Réxime orzamentario, económico-financeiro, de contabilidade e de control.

O réxime orzamentario, económico-financeiro, de contabilidade e de control das entidades públicas empresariais é o establecido pola lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 94º.-Control de eficacia.

1. As entidades públicas empresariais están sometidas a un control de eficacia no cumprimento do seu plan de actuación, que será exercido pola consellaría de adscrición.

2. O control de eficacia ten por obxecto comprobar o grao de cumprimento dos obxectivos fixados e a adecuada utilización dos recursos que lles fosen asignados para a consecución destes obxectivos.

3. O control do cumprimento dos compromisos específicos que, de ser o caso, asumise a entidade pública empresarial nun convenio ou contrato-programa corresponderalle á comisión de seguimento regulada no propio convenio ou contrato-programa, sen prexuízo dos posibles controis previstos na lexislación orzamentaria.

Sección 5ª

Consorcios autonómicos

Artigo 95º.-Consorcios: natureza e réxime xurídico.

1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia pode constituír, mediante convenio, consorcios con outras administracións públicas para a xestión de servizos da súa competencia ou para a consecución de fins de interese común, así como con entidades privadas sen ánimo de lucro que persigan fins de interese público concorrentes cos da Xunta de Galicia, para a realización destes.

2. Teñen a consideración de consorcios autonómicos aqueles consorcios nos que a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, directamente ou a través das entidades instrumentais reguladas nesta lei, achegase maioritariamente os medios necesarios para a súa constitución e funcionamento ou se comprometese, no momento da súa constitución, a financialos maioritariamente, sempre que a actuación dos seus órganos de dirección e goberno estea suxeita ao poder de decisión da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou doutra entidade instrumental regulada nesta lei.

3. Os consorcios autonómicos son entidades instrumentais da Administración xeral da Comunidade Autónoma dotadas de personalidade xurídica propia, que suxeitan a súa actividade ás normas que rexen a organización, o funcionamento e a actuación das administracións públicas, así como ao establecido no seu convenio de creación e no seu estatuto.

4. Os estatutos do consorcio determinarán a consellaría de adscrición, os seus fins, así como as particularidades do réxime orgánico, funcional e financeiro. En todo caso, nos órganos dos que se dote o consorcio deberá garantirse a presenza maioritaria do sector público.

5. Para a xestión dos servizos que se lle encomendan poderá utilizarse calquera das formas previstas na lexislación aplicable ás administracións consorciadas.

Artigo 96º.-Constitución, modificación e disolución.

1. A proposta de convenio de constitución do consorcio e dous seus estatutos será formulada pola consellaría á que vaia quedar adscrito, logo de negociación coas demais administracións públicas e entidades con que se pretenda constituír o consorcio, e irá acompañada dunha memoria na que se precisarán os aspectos previstos no punto 2 do artigo 54º desta lei e dun plan plurianual de actuación co contido establecido no punto 6 do artigo 54º. Por acordo do Consello da Xunta autorizarase a sinatura do convenio de constitución. Cando os consorcios vaian quedar adscritos a un órgano dependente da Presidencia, corresponderalle a este a tramitación do convenio.

2. Correspóndelle ao Consello da Xunta aprobar, mediante decreto, a constitución do consorcio e os seus estatutos, por proposta da consellaría á que se fai referencia no punto anterior.

3. A modificación dos estatutos levarase a cabo por decreto do Consello da Xunta, logo do acordo do órgano competente do consorcio e por proposta da consellaría de adscrición.

4. Os estatutos establecerán as causas de disolución do consorcio, que requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, logo do acordo do órgano competente do consorcio.

5. Regulamentariamente estableceranse o procedemento e as regras que se deberán observar para a constitución dos consorcios autonómicos e para a elaboración dos seus estatutos, así como para a súa modificación e disolución.

Artigo 97º.-Réxime de organización e funcionamento.

1. O estatuto de cada consorcio autonómico determinará os seus fins, así como o seu réxime orgánico e funcional.

2. Os órganos colexiados de goberno dos consorcios autonómicos estarán integrados por representantes de todas as administracións públicas e entidades consorciadas, na proporción que se fixe no estatuto respectivo. En todo caso, deberá garantirse o voto maioritario da representación da Xunta de Galicia en todos os órganos colexiados dos que se dote o consorcio.

3. Para a xestión dos servizos que se lles encomenden, os consorcios autonómicos poden utilizar calquera das formas de xestión dos servizos públicos previstas polo ordenamento xurídico.

4. Os consorcios poderán exercer por delegación competencias e potestades administrativas das administracións consorciadas de así o recoñeceren os seus estatutos.

Artigo 98º.-Persoal.

O persoal dos consorcios autonómicos suxeitarase ao réxime previsto no artigo 58 desta lei.

Artigo 99º.-Réxime orzamentario, económico-financeiro, de contabilidade e control.

1. O réxime orzamentario, económico-financeiro, de contabilidade e de control dos consorcios autonómicos é o establecido pola lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A dirección do consorcio poderá acordar incorporar o remanente de tesouraría non afectado ao orzamento do exercicio seguinte, logo do informe preceptivo e vinculante da Dirección Xeral de Orzamentos, que se pronunciará respecto dos seus efectos sobre a estabilidade orzamentaria.

Capítulo III

Doutras entidades instrumentais

Sección 1ª

Aspectos xerais

Artigo 100º.-Tipos.

Para os efectos desta lei, as sociedades mercantís públicas e as fundacións públicas que cumpran os requisitos previstos neste capítulo consideraranse sector público autonómico.

Artigo 101º.-Iniciativa para a creación.

1. A iniciativa para a creación das entidades reguladas neste capítulo correspóndelle á persoa titular da consellaría competente por razón da materia ou ao órgano da Presidencia competente por razón da materia.

2. A iniciativa de realizar algunha actuación cuxo resultado sexa a conversión nunha entidade regulada neste capítulo dunha entidade previamente existente no sector privado tamén lle corresponde á persoa titular da consellaría competente por razón da materia ou ao órgano da Presidencia competente por razón da materia.

Sección 2ª

Sociedades mercantís públicas autonómicas

Artigo 102º.-Definición.

1. Son sociedades mercantís públicas autonómicas as sociedades mercantís, calquera que sexa a forma que adopten, en cuxo capital social sexa maioritaria a participación directa ou indirecta da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais reguladas nesta lei.

2. Ademais, seranlles aplicables as disposicións contidas nesta lei ás sociedades mercantís que, sen teren a natureza de sociedades mercantís autonómicas, se atopen nalgún dos seguintes supostos:

a) Que a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou as entidades instrumentais reguladas nesta lei dispoñan da maioría dos dereitos de voto na sociedade, ben directamente ben mediante acordos con outros socios.

b) Que a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou as entidades instrumentais reguladas nesta lei teñan dereito a nomear ou a separar a maioría dos membros dos órganos de goberno da sociedade, ben directamente ben mediante acordos con outros socios.

3. A Xunta de Galicia poderá participar no capital das sociedades mercantís, calquera que sexa a súa forma ou obxecto social, cando o Consello da Xunta, logo do informe da Consellería de Facenda, o considere conveniente para o cumprimento de finalidades concretas de política económica. Agás o disposto por normas especiais, a participación da Xunta non será inferior ao 10% nin superior ao 50% do capital social das devanditas sociedades.

Artigo 103º.-Réxime xurídico.

1. As sociedades mercantís autonómicas réxense, calquera que sexa a súa forma xurídica, polo ordenamento xurídico privado, sen prexuízo do establecido nesta lei, na lexislación de contratos do sector público, na normativa de subvencións e nas especialidades previstas no resto da normativa aplicable.

2. As sociedades mercantís autonómicas en ningún caso disporán de facultades que impliquen o exercicio de potestades administrativas.

3. O réxime orzamentario, económico-financeiro, de contabilidade e de control das sociedades mercantís autonómicas é o establecido pola lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 104º.-Constitución.

1. O Consello da Xunta de Galicia deberá autorizar a constitución das sociedades mercantís autonómicas, por proposta da consellaría competente en materia de facenda, logo da iniciativa da consellaría ou da entidade interesada, consonte o disposto na lexislación mercantil que resulte aplicable.

2. Xunto coa proposta de acordo de constitución, elevaranse ao Consello da Xunta o texto dos estatutos da sociedade que se pretende constituír, unha memoria na que se precisarán os aspectos previstos no punto 2 do artigo 54º desta lei e un plan plurianual de actuación co contido establecido no punto 6 do referido artigo.

3. O acordo de autorización da constitución da sociedade, adoptado polo Consello da Xunta consonte o previsto por este artigo, aprobará tamén os estatutos societarios, que se publicarán no Diario Oficial de Galicia e por medios electrónicos na páxina institucional da Xunta de Galicia.

Artigo 105º.-Modificación e disolución.

1. A transformación, fusión, escisión e disolución das sociedades mercantís autonómicas requiren autorización do Consello da Xunta, por proposta da consellaría competente en materia de facenda, logo da iniciativa da consellaría ou da entidade interesada, con carácter previo á aprobación dos acordos sociais que deben adoptarse segundo a lexislación mercantil. En caso de disolución, o Consello da Xunta determinará, de ser o caso, o destino do haber social.

Nos estatutos das sociedades mercantís autonómicas debe constar expresamente que nos casos de transformación, fusión, escisión e disolución se require autorización previa do Consello da Xunta.

2. As modificacións estatutarias requiren autorización do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de facenda, logo da iniciativa da consellaría ou da entidade interesada, con carácter previo á aprobación dos acordos sociais que deban adoptarse segundo a lexislación mercantil.

Artigo 106º.-Exercicio dos dereitos da Xunta de Galicia nas sociedades mercantís autonómicas.

O exercicio dos dereitos que lle correspondan á Administración autonómica de Galicia como partícipe nas sociedades mercantís autonómicas correspóndelle ao órgano directivo competente en materia de patrimonio, sen prexuízo de que a persoa titular deste poida delegar ese exercicio nun representante dunha consellaría ou dunha entidade instrumental da Comunidade Autónoma de Galicia, co alcance e coa extensión que se determinen en cada caso.

Artigo 107º.-Tutela funcional das sociedades mercantís autonómicas.

1. No acordo do Consello da Xunta de autorización de constitución das sociedades mercantís autonómicas determinarase a consellaría ou a entidade instrumental da Comunidade Autónoma de Galicia á que estean adscritas as devanditas sociedades para os efectos de exercer a súa tutela funcional. En defecto de adscrición expresa, o exercicio das facultades relativas á supervisión da actividade das sociedades mercantís autonómicas correspóndelle ao órgano directivo da Administración autonómica competente en materia de patrimonio.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, non será preciso acordo expreso para os cambios de adscrición que sexan consecuencia dos procesos de reestruturación do patrimonio empresarial na forma prevista na lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A consellaría ou entidade que exerce a tutela funcional levará a cabo o control de eficacia das sociedades mercantís autonómicas que teña adscritas, sen prexuízo das atribucións que lle corresponden á consellaría competente en materia de facenda. A persoa titular da consellaría que exerza directamente a tutela, ou daquela á que estea adscrita a entidade que a exerza, é responsable de darlle conta ao Parlamento de Galicia das actuacións levadas a cabo neste ámbito.

Artigo 108º.-Membros dos órganos de goberno e administración.

1. Os representantes da Administración autonómica nas sociedades mercantís serán designados pola persoa titular do órgano directivo da Administración autonómica competente en materia de patrimonio, por proposta da persoa titular da consellaría, ou da Presidencia, da entidade de adscrición.

2. As persoas representantes da Comunidade Autónoma nos órganos de goberno e administración das sociedades mercantís autonómicas cumprirán as instrucións que, para o adecuado exercicio dos dereitos inherentes á titularidade das accións, considere oportuno impartirlles a persoa titular da consellaría, ou da Presidencia, da entidade de adscrición.

Artigo 109º.-Responsabilidade e incompatibilidade.

1. Os administradores das sociedades mercantís autonómicas aos que se lles impartisen instrucións para operacións concretas ás que se refire a Lei xeral de patrimonio das administracións públicas actuarán dilixentemente para a súa execución. Se do cumprimento destas instrucións derivaren consecuencias lesivas, os administradores quedarán exonerados da responsabilidade prevista na lexislación mercantil nos mesmos termos establecidos para os administradores das sociedades mercantís estatais na lexislación xeral de patrimonio das administracións públicas.

2. Os administradores das sociedades mercantís autonómicas non se verán afectados pola prohibición establecida pola lexislación mercantil de que sexan administradores os funcionarios ao servizo da Administración pública con funcións ao seu cargo que se relacionen coas actividades propias das sociedades das que se trate, nos mesmos termos previstos para os administradores das sociedades mercantís estatais na lexislación xeral de patrimonio das administracións públicas.

Artigo 110º.-Persoal.

O persoal das sociedades mercantís autonómicas réxese polo disposto na disposición adicional primeira do Estatuto básico do empregado público, na normativa autonómica que a desenvolva e polas seguintes regras:

a) Todas as sociedades mercantís autonómicas disporán dun cadro de persoal, que incluirá os postos do persoal directivo, que será aprobado polo órgano competente consonte os estatutos societarios, logo do informe favorable dos órganos directivos da Administración autonómica competentes en materia de orzamentos e de función pública.

b) Á selección do seu persoal incluído no devandito cadro, agás o directivo, seranlle aplicables as disposicións da lexislación galega sobre emprego público relativas a:

-Composición e funcionamento dos tribunais ou comisións de selección.

-Bases das convocatorias.

-Probas de selección.

c) Poderanse celebrar contratos laborais de duración determinada, logo da convocatoria mediante anuncio público e da designación dunha comisión de selección. A selección deste persoal realizarase entre as persoas incluídas nas listas da Administración autonómica ou, de ser o caso, a través dos servizos públicos de emprego. Alternativamente, as sociedades mercantís autonómicas poderán, excepcionalmente, acollerse a un sistema de listas previo por categorías, contando coa autorización do centro directivo competente en materia de función pública e logo da negociación coas organizacións sindicais representativas no ámbito da función pública.

d) A contratación de persoal directivo poderá levarse a cabo mediante contratos de alta dirección nos supostos previstos na normativa laboral, con suxeición aos principios de publicidade, concorrencia, mérito e capacidade, entre persoas que demostren a súa cualificación profesional. A fixación das retribucións deste persoal e das indemnizacións que lle poidan corresponder deberá contar cun informe previo favorable da consellaría competente en materia de facenda.

e) Os instrumentos polos que se regulen as condicións de traballo do persoal, a subscrición dos convenios colectivos, as ofertas de emprego e as bases das convocatorias de contratación de persoal establecidas nos puntos anteriores serán aprobados polo órgano competente consonte os estatutos societarios, e requirirán, en todo caso, informe previo e favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública.

Artigo 111º.-Comisión de auditoría e control.

As sociedades mercantís autonómicas que, consonte a normativa aplicable, estean obrigadas a someter as súas contas a auditoría deben constituír unha comisión de auditoría e control, dependente do consello de administración, coa composición e coas funcións que se determinen nos estatutos de cada sociedade.

Artigo 112º.-Publicidade da actividade societaria.

1. Sen prexuízo da publicidade que, de ser o caso, sexa obrigatoria a través do Rexistro Mercantil e do rexistro de entidades instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia previsto nesta lei, as sociedades mercantís autonómicas difundirán mediante a internet toda a información relevante, relativa á súa actividade empresarial, que pola súa natureza non teña carácter reservado e, en particular, os seus estatutos, os integrantes dos seus órganos de administración, dirección, xestión e control, os poderes e as delegacións conferidos por estes, as contas anuais, os códigos de conduta ou as guías de boas prácticas que deban observar e a identificación da parte da súa actividade vinculada a servizos de interese xeral.

2. Así mesmo, deberán publicarse na páxina web das sociedades mercantís autonómicas as instrucións internas de contratación, así como os anuncios relativos aos procedementos de contratación consonte o previsto nas devanditas instrucións.

3 Tamén deberá publicarse na súa páxina web toda a información relativa aos procesos de contratación de persoal, particularmente:

a) As bases íntegras dos procesos selectivos de persoal temporal ou fixo.

b) Todos os anuncios e todas as resolucións que se produzan nos procesos selectivos de persoal, coa información necesaria para que os interesados poidan efectuar as reclamacións pertinentes.

c) As listaxes de contratación temporal por categorías profesionais debidamente actualizadas.

d) As composicións dos tribunais e das comisións de selección de persoal, se é o caso.

Sección 3ª

Fundacións do sector público autonómico

Artigo 113º.-Concepto.

1. Son fundacións do sector público autonómico aquelas fundacións nas que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Que se constitúan, directa ou indirectamente, cunha achega maioritaria ou exclusiva da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e/ou das entidades integrantes do sector público autonómico.

b) Que o seu patrimonio fundacional, con carácter de permanencia, estea formado en máis dun 50% por bens e dereitos achegados ou cedidos polas referidas entidades.

c) Que cuxos ingresos proveñan maioritariamente dos orzamentos da Comunidade Autónoma sempre que, neste caso, se posúa a maioría ou se exerza control análogo sobre os seus órganos de goberno e dirección.

2. O financiamento que as fundacións reciban da Administración da Comunidade Autónoma ou das entidades integrantes do sector público, xa sexa mediante concerto, convenio ou contraprestación por prestación de servizos en xeral, así como mediante concesión de subvencións, non determina por esta soa circunstancia o carácter de fundación do sector público, sen prexuízo da súa condición de poder adxudicador para os efectos do réxime xurídico contractual.

3. Na constitución, así como na adquisición do carácter de fundación do sector público autonómico dunha fundación preexistente, será necesario que a designación da maioría dos membros do padroado lle corresponda á Administración pública autonómica.

Artigo 114º.-Creación e extinción.

1. A constitución, transformación, modificación de estatutos, fusión e extinción das fundacións do sector público da Comunidade Autónoma, os actos que impliquen a perda do seu carácter de fundación do sector público autonómico, ou a adquisición de tal carácter por unha fundación preexistente, deberán ser autorizados por acordo do Consello da Xunta, que determinará o contido dos estatutos e designará a persoa ou as persoas que deban actuar no acto de constitución, así como os membros que, en representación da Xunta de Galicia, formen parte do padroado.

2. No expediente de autorización incluirase unha memoria, que deberá ser sometida ao informe do departamento da Xunta de Galicia que exerza as competencias correspondentes aos fins da fundación, na que se xustifiquen suficientemente as razóns de por que se considera que existirá unha mellor consecución dos fins de interese xeral perseguidos a través dunha fundación que mediante outras formas xurídicas previstas na normativa vixente.

3. Deberá presentarse, igualmente, unha memoria económica, que requirirá o informe da consellaría competente en materia de facenda, na que se precisarán os aspectos previstos no punto 2 do artigo 54º desta lei, e un plan plurianual de actuación co contido establecido no punto 6 do referido artigo.

4. O Parlamento poderá exercer o control da creación deste tipo de fundacións, nos termos establecidos no seu regulamento, dentro do control da acción da Xunta de Galicia.

Artigo 115º.-Réxime xurídico.

1. As fundacións do sector público da Comunidade Autónoma non poderán exercer potestades públicas. Unicamente poderán realizar actividades relacionadas co ámbito competencial das entidades fundadoras, debendo contribuír á consecución dos seus fins, sen que isto supoña a asunción da titularidade das súas competencias, agás previsión legal expresa.

2. O protectorado destas fundacións será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que exerza as competencias correspondentes aos fins da fundación.

Artigo 116º.-Contratación de persoal laboral fixo.

1. Á contratación de persoal laboral fixo ao servizo das fundacións reguladas neste título seranlle aplicables as disposicións da lexislación galega sobre emprego público e as normas regulamentarias que a desenvolvan, relativas a:

a) Composición e funcionamento dos tribunais ou das comisións de selección.

b) Bases das convocatorias.

c) Probas de selección.

Artigo 117º.-Outros contratos.

No resto da súa actividade contractual estas fundacións actuarán conforme os principios e disposicións aplicables da lexislación estatal e autonómica en materia de contratos do sector público.

Artigo 118º.-Réxime orzamentario, económico-financeiro, de contabilidade e de control.

O réxime orzamentario, económico-financeiro, de contabilidade e de control das fundacións reguladas nesta sección é o establecido pola lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 119º.-Comisión de auditoría e control.

As fundacións do sector público autonómico que, consonte a normativa aplicable, estean obrigadas a someter as súas contas a auditoría deben constituír unha comisión de auditoría e control, dependente do padroado, coa composición e coas funcións que se determinen nos estatutos de cada fundación.

Artigo 120º.-Principios e procedementos en materia de subvencións.

Seranlles aplicables na súa integridade ás fundacións do sector público de Galicia os principios previstos na lexislación xeral sobre subvencións.

Disposicións adicionais

Primeira.-Igualdade entre mulleres e homes.

1. A Xunta, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades integrantes do sector público autonómico garantirán e promoverán, nos seus ámbitos de actuación, a aplicación do principio de igualdade en todas as súas manifestacións e, moi especialmente, no que afecta a igualdade por razón de sexo, e integrarán activamente, na súa organización e actividades, a dimensión da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes en todos os ámbitos e en todos os niveis.

2. Nos nomeamentos de altos cargos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos titulares e membros de órganos de entidades integrantes do sector público autonómico atenderase ao principio de presenza equilibrada. Para estes efectos, consideraranse como conxuntos diferenciados cada unha das consellarías coas súas respectivas entidades dependentes ou vinculadas.

3. A actuación en materia de persoal e contratación someterase a un plan de igualdade para eliminar a discriminación por razón de sexo.

Segunda.-Axencia Galega de Innovación.

1. Mediante esta lei autorízase a creación da Axencia Galega de Innovación como axencia pública autonómica, adscrita á Consellería de Economía e Industria.

2. A finalidade desta axencia consiste en apoiar e impulsar o crecemento e a competitividade das empresas galegas a través de estratexias e programas de innovación eficientes, así como en fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas.

3. No desenvolvemento dos seus fins, a Axencia Galega de Innovación procurará os seguintes obxectivos:

a) Definir e desenvolver as políticas públicas que lles permitan ás empresas, e ao resto de axentes, o desenvolvemento de iniciativas de innovación construídas a partir de coñecementos que incrementen a súa competitividade e fomenten o seu crecemento.

b) Definir e desenvolver as políticas públicas orientadas á valorización do coñecemento desenvolvido polas empresas, universidades e centros de investigación de Galicia.

c) Definir e desenvolver políticas públicas dirixidas a incrementar a eficiencia en resultados do sistema galego de innovación, avaliados mediante a implantación dun sistema de indicadores de impacto contrastable.

d) Promover as relacións de colaboración entre os distintos axentes do sistema galego de innovación impulsando a creación e o fortalecemento de redes de coñecemento entre axentes públicos e privados desde unha perspectiva de intercambio e de investigación aberta.

e) Promover a progresiva internacionalización dos axentes e das iniciativas de innovación impulsando a presenza de empresas nos programas europeos de innovación e o acceso a fondos de financiamento internacionais.

f) Definir e desenvolver políticas públicas dirixidas á captación e xestión do talento que permitan, no seu conxunto, incrementar o rendemento innovador das empresas e do sistema galego de innovación.

g) Coordinar os recursos autonómicos do ámbito da I+D+i e concertalos cos que se acheguen desde contribucións de plans estatais e fondos da Unión Europea.

h) Liderar as políticas de innovación das administracións públicas galegas.

4. Para darlles resposta aos obxectivos indicados, no marco desta lei, a Axencia Galega de Innovación levará a cabo, entre outras, as seguintes tarefas:

a) Apoiar a realización de tarefas de I+D+i de calidade.

b) Desenvolver instrumentos concretos capaces de estimular e apoiar iniciativas e procesos de colaboración entre os principais axentes de creación e transferencia do coñecemento para promover ámbitos de excelencia.

c) Apoiar a formación e o crecemento de novas empresas de base tecnolóxica de alto potencial innovador capaces de construír o seu negocio a partir da explotación do coñecemento e da obtención de resultados dos procesos de investigación e desenvolvemento.

d) Deseñar e promover o Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación.

e) Realizar o seguimento e a avaliación do Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación.

f) Coordinar as actividades e os programas de investigación que as distintas consellarías e organismos realicen no cumprimento do Plan galego de innovación e determinar as actuacións de apoio e de asistencia técnica relacionadas coas devanditas actividades.

g) Deseñar estratexias e elaborar e xestionar programas de captación de fondos dirixidos á innovación estatal e internacional.

h) Coordinar a xestión dos recursos públicos que a Xunta de Galicia destine ás políticas públicas de innovación, de fomento da investigación e de desenvolvemento tecnolóxico.

5. Corresponderanlle a Axencia Galega de Innovación as funcións e facultades que determine o estatuto. A axencia, en concreto, asumirá os medios persoais e materiais e as competencias que na actualidade lle corresponden á Dirección Xeral de I+D+i, que se suprimirá, sen que supoña incremento ningún de gasto público.

Terceira.-Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

1. Mediante esta lei autorízase a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia, que terá como obxectivos básicos a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta no eido das tecnoloxías da información e comunicacións e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.

2. Esta axencia, en concreto, asumirá os medios persoais e materiais e as competencias que na actualidade lle corresponden á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, que se suprimirá no momento da creación daquela, sen que supoña incremento ningún de gasto público.

Cuarta.-Axencia Galega de Infraestruturas.

1. Mediante esta lei autorízase o Consello da Xunta de Galicia para a creación da Axencia Galega de Infraestruturas, adscrita á consellaría competente en materia de infraestruturas, que terá como obxectivos básicos impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de estradas e, en especial, a planificación, proxección, construción, conservación e explotación das estradas que sexan de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os servizos que se poidan instalar ou desenvolver nas devanditas infraestruturas. Tamén ten por obxecto garantir o uso e a defensa do patrimonio viario.

2. A Axencia Galega de Infraestruturas asumirá as competencias que na actualidade están atribuídas á Dirección Xeral de Infraestruturas e aos servizos de infraestruturas dos departamentos territoriais, así como as que teña encomendadas a sociedade pública Aceousa, en materia de infraestruturas viarias, que se suprimirá no momento da creación daquela entidade, sen que supoña incremento ningún do gasto público.

Quinta.-Denominación das entidades instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia e adaptación do réxime de medios propios instrumentais e servizos técnicos.

1. A denominación das entidades instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia debe axustarse ao tipo de entidade do que se trate en cada caso, sen que se poidan utilizar denominacións que induzan a confusión por faceren referencia a unha modalidade de entidade distinta.

2. Para os efectos do establecido no artigo 47 desta lei, procederase á adaptación das normas regulamentarias e estatutarias reguladoras dos entes, dos organismos e das entidades do sector público autonómico declarados medios propios e servizos técnicos por esta lei nos que non se prevexa expresamente a referida condición. O recoñecemento expreso como medio propio non implicará por si só a posibilidade de efectuar encomendas de se perderen os requisitos tidos en conta nesta lei para efectuar a indicada declaración.

3. Así mesmo, as consellarías ou os departamentos aos que figuran adscritas as entidades que na data de entrada en vigor desta lei non dispuxeren de sistema de tarifas, sempre que estiver prevista a realización de encomendas de xeito habitual, deberán promover a súa aprobación no prazo de seis meses segundo o previsto nesta lei.

Sexta.-Réxime xurídico de determinados organismos.

1. O Servizo Galego de Saúde rexerase polo establecido na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e, no non previsto nela, por esta lei.

As entidades instrumentais adscritas á Consellería de Sanidade e ao Servizo Galego de Saúde rexeranse por esta lei, excepto no relativo ao persoal e aos elementos da súa organización, que se rexerán polo disposto na Lei 8/2008, do 10 de xullo, e pola súa normativa específica. A Xunta de Galicia exercerá, respecto destes organismos, as facultades que a súa propia normativa lle asigne, de ser o caso, con estrito respecto aos seus correspondentes ámbitos de autonomía.

2. As entidades públicas instrumentais de consulta ou asesoramento ás que, a partir da entrada en vigor desta lei, se lles recoñeza expresamente por unha lei a independencia funcional ou unha especial autonomía respecto da Xunta de Galicia rexeranse pola súa normativa específica nos aspectos precisos para facer plenamente efectiva a devandita independencia ou autonomía. Nos demais aspectos axustarán a súa regulación ás prescricións desta lei relativas aos organismos autónomos.

Sétima.-Réxime de contratación das entidades públicas empresariais.

As entidades públicas empresariais reguladas nesta lei teñen o carácter de organismos asimilados ás entidades públicas empresariais estatais, para os efectos do previsto no último parágrafo do punto 2 do artigo 3º da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

Oitava.-Réxime dos consorcios non autonómicos.

Aqueles consorcios nos que participe a Comunidade Autónoma que, conforme o disposto nesta lei, non teñan a consideración de autonómicos rexeranse pola súa lexislación específica, sen prexuízo de que, no caso de que estean participados ou sexan financiados maioritariamente polo sector público da Comunidade Autónoma de Galicia, o seu réxime orzamentario, económico-financeiro, de contabilidade e de control sexa o establecido pola lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia, respectando a regulación que lles resulte aplicable ás demais entidades que participen no consorcio.

Novena.-Remanente do Instituto Galego de Promoción Económica.

A dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, tras a autorización do Consello da Xunta de Galicia, logo do informe favorable da consellaría competente en materia de facenda, poderá acordar a incorporación do remanente de tesouraría non afectado ao orzamento do exercicio seguinte.

Décima.-Coordinación dos controis.

1. As actuacións de control efectuadas polos diversos órganos nas materias que son da súa competencia serán compatibles entre si.

2. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma promoverá cantas actuacións estean ao seu alcance para que as actividades que realicen os diversos órganos competentes se efectúen da forma máis eficaz, sen menoscabo das actuacións e obxectivos de control, evitando duplicidades e actuacións redundantes, sen valor engadido.

Décimo primeira.-Integración do persoal laboral.

O Consello da Xunta de Galicia, mediante decreto, poderá establecer os procedementos que habiliten a progresiva integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo das entidades instrumentais ás que lles sexa aplicable esta lei que non estea sometido á normativa xeral de función pública ou ao convenio colectivo do persoal da Xunta de Galicia.

O establecemento dos devanditos procedementos e das referidas condicións de integración será negociado coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos.

A integración do persoal das entidades instrumentais do ámbito sanitario rexerase pola súa normativa específica.

Décimo segunda.-Acordos de mobilidade.

Poderanse establecer acordos de mobilidade que lle permitan ao persoal das entidades instrumentais reguladas no título III desta lei participar en concursos de traslados do persoal laboral da Xunta de Galicia. Estes acordos deberán ser de carácter recíproco e ser negociados coas organizacións sindicais representadas na Mesa Xeral de Empregados Públicos.

Estes acordos non poderán ser efectivos, polo menos, ata que se celebre o concurso de traslados do persoal laboral da Xunta de Galicia, previsto no actual convenio colectivo.

Décimo terceira.-Participación institucional.

Nos órganos de participación institucional constituídos no seo da Administración da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais integrantes do sector público terán dereito a participar os sindicatos que estean presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas.

O sinalado no parágrafo anterior terá aplicación directa desde a entrada en vigor desta lei, para todos os efectos, e nomeadamente asumirán a totalidade de deberes e dereitos recollidos nos títulos II e III da Lei 17/2008, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia.

No caso de ter que incorporar representación de novas organizacións sindicais, farase sen minorar o número actual que corresponda a cada unha das xa presentes e incorporando os que corresponda segundo a nova regulación.

Disposicións transitorias

Primeira.-Convocatoria electrónica do persoal e dos cargos da Xunta de Galicia.

No prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei, a Xunta de Galicia habilitará un sistema informático para que o seu persoal e os seus cargos poidan acceder ás súas contas institucionais de correo electrónico desde calquera computador conectado á rede. A partir dese momento entrarán en vigor as previsións desta lei respecto da convocatoria electrónica para as sesións dos órganos colexiados.

Segunda.-Retribución do persoal de alta dirección.

O artigo 60º.2 aplicarase a todos os novos contratos que se celebren a partir da entrada en vigor desta lei, e respectaranse, en todo caso, as retribucións pactadas nos contratos preexistentes.

Terceira.-Entidades instrumentais creadas con anterioridade á entrada en vigor desta lei.

1. As entidades instrumentais creadas con anterioridade á entrada en vigor desta norma continuarán rexéndose pola súa normativa específica mentres non se proceda a adaptar a súa regulación ás determinacións contidas no título III desta lei. A referida adaptación realizarase mediante decreto da Xunta de Galicia no prazo dun ano desde a súa entrada en vigor.

2. As normas de organización e funcionamento e os estatutos dos actuais organismos autónomos administrativos e dos organismos autónomos comerciais, industriais, financeiros ou análogos adecuaranse á regulación prevista nesta lei para os organismos autónomos, por proposta conxunta dos titulares das consellarías competentes en materia de administración pública e de facenda, agás cando deban transformarse noutros tipos de entidades do sector público autonómico en aplicación dos demais puntos desta disposición.

3. As normas de organización e funcionamento e os estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística adecuaranse ao disposto nesta lei para os consorcios autonómicos, e modificarán, de ser o caso, a súa denominación, por proposta conxunta dos titulares das consellarías competentes en materia de administración pública e de facenda.

4. As normas de organización e funcionamento e os estatutos de Portos de Galicia, da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos e da Compañía de Radiotelevisión de Galicia adecuaranse ao disposto nesta lei para as entidades públicas empresariais, por proposta conxunta dos titulares das consellarías competentes en materia de administración pública e de facenda, e modificarán, de ser o caso, as súas denominacións.

5. As normas de organización e funcionamento e os estatutos do Instituto Galego de Promoción Económica, do Instituto Enerxético de Galicia, da Axencia Galega de Emerxencias, da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, do Instituto Galego de Calidade Alimentaria e do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable adecuaranse ao disposto nesta lei para as axencias públicas autonómicas, por proposta conxunta dos titulares das consellarías competentes en materia de administración pública e de facenda.

6. Todas as determinacións contidas no título III desta norma seranlles aplicables ás entidades instrumentais cuxa creación fose autorizada por leis anteriores á súa entrada en vigor e que aínda non teñan aprobados os seus estatutos. Neste suposto os estatutos deberán aprobarse adaptados integramente ao establecido nesta lei.

Cuarta.-Réxime orzamentario, económico-financeiro, de contabilidade e de control das entidades instrumentais.

O réxime orzamentario, económico-financeiro, de contabilidade e de control das entidades instrumentais creadas tras a entrada en vigor desta norma, mentres non se modifique ou substitúa o vixente texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, será o seguinte:

a) O réxime previsto no devandito texto refundido para os organismos autónomos administrativos aplicaráselles aos organismos autónomos e aos consorcios autonómicos.

b) O réxime previsto no devandito texto refundido para os organismos autónomos comerciais, industriais, financeiros ou análogos aplicaráselles ás entidades públicas empresariais.

c) O réxime previsto no devandito texto refundido para as sociedades públicas aplicaráselles ás sociedades mercantís autonómicas e ás fundacións do sector público autonómico.

Quinta.-Persoal directivo das axencias públicas autonómicas e dos consorcios.

Mentres non se regule o réxime do persoal directivo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, as axencias públicas autonómicas e os consorcios poden prover os postos que, consonte as súas relacións de postos de traballo ou cadros de persoal, correspondan a persoal directivo entre empregados públicos, ou ben mediante contratos de alta dirección nos termos establecidos no artigo 13º.2 do Estatuto básico do empregado público.

Sexta.-Persoal laboral.

O Consello da Xunta de Galicia poderá adoptar as medidas necesarias en relación co persoal laboral fixo das entidades instrumentais do sector público autonómico que se extingan, en atención ás características da súa relación de servizo, logo de negociación coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos.

En relación co persoal regulado no título III desta lei cuxo réxime xurídico lle asigne retribucións inferiores ás establecidas no convenio colectivo do persoal da Xunta de Galicia para as correspondentes categorías procederase, nun prazo de dous anos desde a aprobación desta lei, a negociar coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos a aplicación do convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia.

Esta aplicación terá en conta a situación orzamentaria e poderá establecer un calendario de homologación para proceder a esa equiparación, que se fixará tras a negociación previa coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos.

Sétima.-Modificación do Decreto 37/2006.

Nun prazo de seis meses a partir da entrada en vigor desta lei procederase a modificar o Decreto 37/2006 para incluír, salvo excepcións xustificadas, a cobertura de prazas temporais de todas as entidades suxeitas a esta lei. Esta modificación negociarase coas organizacións sindicais representadas na Mesa Xeral de Empregados Públicos.

Disposición derrogatoria

Derrogación normativa.

1. Quedan derrogadas cantas normas legais e regulamentarias preexistentes resulten contrarias ao contido desta lei e, en particular, as seguintes normas:

-Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación en materia de persoal e contratación nas sociedades públicas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia.

-Artigos 58º a 63º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións do sector público de Galicia.

-Artigos 11º e 12º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

-Artigos 45º e 46º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

-Disposición adicional quinta do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

-Disposición adicional quinta da Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

2. Mantén a súa vixencia, no que non resulte incompatible con esta lei, o Decreto da Xunta de Galicia 217/2008, do 25 de setembro, polo que se regula o contido mínimo das propostas de creación das entidades que formen parte do sector público autonómico e da documentación que as acompañe, mentres non entren en vigor as disposicións de desenvolvemento desta lei que o substitúan.

3. A normativa específica dos entes instrumentais creados con anterioridade á entrada en vigor desta lei permanecerá vixente ata a aprobación das correspondentes medidas de adaptación ás que se fai referencia na disposición transitoria terceira.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento normativo.

Habilítase a Xunta de Galicia para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación do establecido nesta lei.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de decembro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente