DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Venres, 31 de decembro de 2010 Páx. 21.542

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 215/2010, do 16 de decembro, polo que se modifica o Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

A Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, creou o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, como organismo autónomo adscrito á Consellería de Traballo e Servizos Sociais que ten como obxectivo principal a promoción e adopción de medidas encamiñadas á consecución da igualdade efectiva das mulleres e dos homes, removendo os obstáculos que impidan a participación e a integración da muller na vida social, cultural, educativa, económica e política de Galicia.

Coa aprobación do Decreto 312/1999, do 11 de novembro, refúndese a normativa xa existente en materia de muller, referida á estrutura orgánica e funcional do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Mediante o Decreto 79/2009, do 19 de abril, estableceuse a estrutura orgánica da Xunta de Galicia. En virtude do disposto na dita norma, o Decreto 82/2009, do 21 de abril, fixa a Secretaría Xeral da Igualdade como un dos órganos superiores que dependen da Presidencia da Xunta de Galicia. O Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia adscribe á Secretaría Xeral da Igualdade o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Mediante a Lei 7/2010, do 15 de outubro procédese á extinción do organismo autónomo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e establécese que as funcións desenvolvidas polo organismo autónomo pasarán, no momento da súa entrada en vigor, a ser desenvolvidas polo departamento da Administración Autonómica competente en materia de igualdade. O persoal que, no momento da entrada en vigor da lei, estea prestando servizos no Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller quedará adscrito ao departamento da Administración autonómica competente en materia de igualdade.

Deste xeito, a Secretaría Xeral da Igualdade, órgano dependente da Presidencia da Xunta de Galicia, segundo o establecido nos decretos 82/2009, do 21 de abril, e 325/2009, do 18 de xuño, debe asumir as funcións que viña desempeñando o organismo autónomo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller. Por iso é necesaria a modificación do decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia no que se refire á estrutura orgánica da Secretaría Xeral da Igualdade ao quedar incorporada a esta a estrutura orgánica correspondente ao extinto organismo autónomo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

De conformidade co exposto, en uso das atribucións conferidas polo artigo 34º.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia, co informe previo da Consellería de Facenda, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de decembro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Un.-Modifícase o artigo 4º, que queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 4º.-Secretaría Xeral da Igualdade.

1. Á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e na demais lexislación aplicable na materia.

b) Promover a incorporación do principio de igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes en todas as normas, políticas, actuacións, plans e estratexias da Xunta de Galicia, en cumprimento do principio de transversalidade recollido no artigo 6º da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

c) Planificar, deseñar, coordinar e avaliar a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de igualdade entre mulleres e homes, erradicación da violencia de xénero e promoción da corresponsabilidade entre mulleres e homes no eido persoal, familiar e laboral.

d) Realizar o estudo e seguimento da lexislación vixente naqueles aspectos que afecten o principio de igualdade entre mulleres e homes e elaborar propostas de modificación das normas que o dificulten ou impidan.

e) Establecer e fomentar relacións de cooperación cos organismos competentes en materia de igualdade da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas e da Administración local, así como cos organismos internacionais e comunitarios en materia de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e en materia de prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

f) Propor medidas, programas e normas dirixidas á promoción do exercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural e a eliminar as discriminacións existentes entre sexos.

g) Establecer relacións e canles de participación con asociacións, fundacións e outros entes e organismos, que teñan entre os seus fins a consecución da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

h) A promoción das actuacións referentes ás medidas municipais de conciliación, bancos municipais de tempo e plans de programación do tempo da cidade.

i) As funcións recollidas nas disposicións adicionais deste decreto.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións a Secretaría Xeral da Igualdade contará coas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Xestión Técnico-Administrativa e Orzamentaria, á cal lle corresponden as seguintes funcións:

a) O asesoramento técnico-administrativo así como a xestión económica e orzamentaria da Secretaría Xeral e aqueloutras que dentro do seu ámbito competencial lle sexan asignadas.

b) O asesoramento e a realización de estudos e informes de carácter técnico-xurídico que lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría.

c) A coordinación de todas as unidades administrativas da Secretaría Xeral da Igualdade para os efectos administrativos e orzamentarios.

d) O establecemento, seguimento e mantemento dos procesos informáticos da Secretaría Xeral da Igualdade, sen prexuízo das competencias que a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica ten atribuídas nesta materia. Así mesmo, correspóndelle o establecemento dos mecanismos necesarios para o mantemento, actualización e dinamización da web e do portal da Secretaría Xeral da Igualdade.

e) A proposta das medidas tendentes para a efectiva coordinación das actuacións e programas dos diversos órganos ou entes da Administración autonómica en materia de igualdade.

f) A asistencia técnica e administrativa á persoa titular da Secretaría Xeral en todos os asuntos que esta lle encomende.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades administrativas co nivel orgánico de servizo:

2.1.1. Servizo de Apoio Técnico-Administrativo.

Son funcións deste servizo:

a) Formular os borradores de anteproxectos de iniciativas normativas que lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral da Igualdade en execución das súas atribucións.

b) Emitir informe de impacto de xénero, nos termos establecidos nos artigos 7º e 8º da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes así como a elaboración de informes técnicos nas materias da súa competencia.

c) A tramitación dos convenios e protocolos de colaboración que se suscriban con outras consellerías, entidades, persoas físicas e xurídicas.

d) O estudo e proposta de resolución dos recursos administrativos interpostos contra actos ditados polos órganos da Secretaría suxeitos a dereito administrativo, sen prexuízo da competencia doutros órganos.

e) O apoio ás unidades da Secretaría Xeral da Igualdade na tramitación dos requirimentos e peticións formuladas á secretaría polos xulgados, tribunais, o Defensor do Pobo, o Valedor do Pobo e outros órganos e institucións.

f) A remisión ao Diario Oficial de Galicia, e demais diarios ou boletíns oficiais das disposicións ou actos da Secretaría Xeral da Igualdade.

g) O desenvolvemento de calquera outra función que lle sexa encomendada no ámbito da súa competencia.

2.1.2. Servizo de Administración e Xestión.

Son funcións deste servizo:

a) A elaboración e coordinación do anteproxecto de orzamentos da secretaría, así como o control e seguimento da execución orzamentaria.

b) A tramitación e execución dos expedientes de contratación administrativa.

c) O seguimento e control para os efectos económicos de todos os programas e convenios que en materia de políticas de igualdade desenvolva a Secretaría Xeral da Igualdade.

d) A xestión de investimentos, compras, subministracións e servizos da Secretaría Xeral da Igualdade, sen prexuízo das competencias que poidan ter atribuídas outros órganos.

e) O control de asistencia e puntualidade de todo o persoal adscrito á Secretaría Xeral da Igualdade, seguindo as indicacións da Secretaría Xeral da Presidencia.

f) O asesoramento económico e orzamentario a todas as unidades da Secretaría Xeral da Igualdade para os efectos de tramitación de expedientes.

g) A tramitación das propostas de modificación orzamentaria da Secretaría Xeral da Igualdade, agás as relativas ao capítulo I.

h) O desenvolvemento de calquera outra función que lle sexa encomendada no ámbito da súa competencia.

2.2. Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade, á cal lle corresponden as seguintes funcións:

a) A proposta, deseño e articulación de medidas de actuación en materia de igualdade entre mulleres e homes.

b) O seguimento e avaliación dos programas e servizos dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes, ben sexan de titularidade propia, doutras administracións ou dependentes da iniciativa social ou privada.

c) A proposta de actuacións para a incorporación da perspectiva de xénero en todas as normas, políticas, actuacións, plans e estratexias da Xunta de Galicia.

d) A promoción da introdución da perspectiva de xénero no ámbito educativo e a elaboración de materiais e recursos coeducativos en colaboración co departamento competente en materia de educación.

e) A elaboración de estudos ou informes nas materias propias da Subdirección Xeral.

f) A promoción, organización e coordinación de accións de sensibilización en materia de promoción da igualdade.

g) Cantas outras funcións lle sexan encomendadas no ámbito das súas competencias.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servizo:

2.2.1 Servizo de Planificación e Programación.

Son funcións deste servizo:

a) O establecemento das liñas de estudo e dos programas dirixidos á consecución do obxectivo da igualdade entre mulleres e homes.

b) O desenvolvemento de actuacións para a incorporación da perspectiva de xénero en todas as normas, políticas, actuacións, plans e estratexias da Xunta de Galicia.

c) A realización de programas e actuacións dirixidos á promoción da conciliación e ao fomento da corresponsabilidade.

d) O desenvolvemento de calquera outra función que lle sexa encomendada no ámbito da súa competencia.

2.2.2. Servizo de Promoción e Cooperación Institucional.

Son funcións deste servizo:

a) A promoción das relacións de cooperación con entidades e institucións públicas e privadas, fomentando a articulación e deseño de medidas de actuación en materia de igualdade entre mulleres e homes.

b) A execución, seguimento e control dos programas europeos e de cooperación transfronteiriza en que participe a Secretaría Xeral da Igualdade, así como a elaboración de propostas de actuación.

c) A coordinación dos acordos, programas e actuacións dirixidos á consecución da igualdade efectiva de mulleres e homes que se desenvolvan en colaboración con outras administracións públicas.

d) A xestión e coordinación das actuacións de seguimento e avaliación dos programas e servizos promovidos pola subdirección.

e) A coordinación e organización de accións de formación no ámbito da igualdade entre mulleres e homes.

f) O desenvolvemento de calquera outra función que lle sexa encomendada no ámbito da súa competencia.

2.2.3. Servizo de Fomento.

Son funcións deste servizo:

a) A programación e desenvolvemento de accións dirixidas a impulsar e a apoiar a participación das mulleres nos ámbitos económico, social e laboral.

b) O apoio ao desenvolvemento de servizos e recursos na área de igualdade entre mulleres e homes.

c) O desenvolvemento de calquera outra función que lle sexa encomendada no ámbito da súa competencia.

2.3. Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, á cal lle corresponden as seguintes funcións:

a) A proposta, deseño e articulación de medidas de actuación en materia de erradicación da violencia de xénero.

b) O seguimento e avaliación dos programas e servizos dirixidos á erradicación da violencia de xénero, ben sexan de titularidade propia, doutras administracións ou dependentes da iniciativa social ou privada, así como a atención e protección das súas vítimas, en aplicación do previsto na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

c) A elaboración de estudos ou informes nas materias propias da Subdirección Xeral que permitan, a partir da obtención de información, propoñer axudas ou asignar recursos.

d) A proposta, articulación e deseño de medidas de actuación en materia de violencia de xénero.

e) A asistencia á Secretaría Xeral da Igualdade, respecto das funcións propias da subdirección.

f) A xestión das prestacións e programas nesas mesmas áreas.

g) A xestión e a organización do Punto de Coordinación das Ordes de Protección.

h) Cantas outras medidas se determinen no eido da erradicación da violencia de xénero.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coa seguinte unidade administrativa con nivel orgánico de servizo:

2.3.1. Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas.

Son funcións deste servizo:

a) O establecemento das liñas de estudo e dos programas dirixidos á defensa dos dereitos de atención e protección das vítimas da violencia de xénero, e a xestión de todos os programas destinados a promover a igualdade de oportunidades para as vítimas da violencia de xénero, segundo o previsto na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

b) A colaboración, asesoramento ou organización de actividades formativas en materia de prevención da violencia de xénero, sen prexuízo das funcións substantivas doutros departamentos ou centros directivos da comunidade autónoma.

c) A preparación dos contratos e convenios de colaboración que se subscriban con outras entidades e particulares nas materias da competencia da Subdirección Xeral.

d) A promoción, organización e coordinación de campañas de sensibilización en materia de prevención da violencia de xénero.

e) A elaboración e tramitación das convocatorias de axudas e subvencións para a prestación de servizos dirixidos ás mulleres vítimas de violencia de xénero.

f) O desenvolvemento de calquera outra función que lle sexa encomendada no ámbito da súa competencia.

3. Para o exercicio das súas competencias a Secretaría Xeral da Igualdade conta con catro unidades con nivel de xefatura de servizo nos servizos periféricos da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, coa denominación de Servizo de Igualdade, aos cales lles corresponderá a promoción da igualdade e o fomento de actuacións dirixidas á erradicación da violencia de xénero no marco do desenvolvemento das liñas de actuación da Secretaría Xeral da Igualdade, no ámbito territorial da provincia correspondente, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada delegación no seu correspondente ámbito territorial, de acordo co disposto no artigo 2º do Decreto 245/2009, do 30 de abril.

Os servizos de igualdade nos servizos periféricos dependerán funcionalmente da Secretaría Xeral da Igualdade e organicamente do departamento territorial correspondente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza».

Dous.-Modifícase a alínea g) do punto un da disposición adicional segunda, que queda redactado nos seguintes termos:

«g) Sen prexuízo do anteriormente exposto, os xefes e as xefas territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderán autorizar gastos e pagamentos respecto dos créditos que sexan desconcentrados para o desenvolvemento de determinadas actividades respecto dos órganos indicados nesta disposición».

Disposición transitoria

Única.-Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou contido das subdireccións ou servizos existentes con anterioridade, autorízase o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, por proposta da Secretaría Xeral da Presidencia, para adscribir ao persoal funcionario e laboral que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Quedan derrogados o punto terceiro do artigo primeiro, o punto tres da disposición adicional segunda, e a disposición derradeira segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Segunda.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto e, en especial, o Decreto 312/1999, do 11 de novembro, polo que se refunde a normativa existente en materia de muller.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar as disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de decembro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza