DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 28 de febreiro de 2011 Páx. 3.273

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 17 de febreiro de 2011 pola que se clasifica de interese laboral a Fundación Raizame.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Raizame con domicilio na rúa do Hórreo, número 35, de Santiago de Compostela (A Coruña).

Feitos:

1. Amador Villaverde Castiñeiras, secretario do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Raizame foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o 16 de decembro de 2010, ante o notario Héctor Ramiro Pardo García, co número de protocolo 2.550, pola Central Sindical Independiente y de Funcionarios de Galicia (CSI-F Galicia).

3. Segundo consta no artigo 6º dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto:

-Fomentar o estudo e a investigación en materia de emprego e formación profesional e social dos traballadores de Galicia;

-Axudar á definición das necesidades de formación e cualificación dos traballadores, en función das demandas sociais, o desenvolvemento rexional, tecnolóxico e económico;

-Favorecer a formación ao longo da vida dos traballadores mellorando a súa capacidade profesional e promoción profesional;

-Proporcionar aos traballadores os coñecementos e as prácticas adecuadas aos requirimentos do mercado de traballo e ás necesidades das empresas;

-Prestarlle atención prioritaria á formación de desempregados con necesidades especiais de reinserción no mercado de traballo tales como: mozos de primeiro emprego, mulleres que reingresan no mercado de traballo, parados de longa duración, persoas discapacitadas…;

-Contribuír á orientación laboral e profesional dos traballadores, tanto dos desempregados como dos que están ocupados.

4. O padroado inicial da fundación está formado por José Francisco Méndez Castro, presidente autonómico da CSI-F Galicia, como presidente; Amador Villaverde Castiñeiras, membro do Comité Executivo Autonómico da CSI-F Galicia, como secretario; e Domingo Fernández Veiguela, presidente nacional da CSI-F; Concepción Rey Fernández, presidenta da Unión Provincial da CSI-F Ourense; José Ramón Villalibre Fernández, presidente da Unión Provincial da CSI-F A Coruña; José Berciano Berciano, presidente da Unión Provincial da CSI-F Lugo; Eduardo Rejo Portela, presidente da Unión Provincial da CSI-F Pontevedra; Daniel Jaime Otero Castiñeira, membro do Comité Executivo Autonómico da CSI-F Galicia; e José Francisco Sánchez-Brunete Varela, membro do Comité Executivo Autonómico da CSI-F Galicia, como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese laboral da Fundación Raizame, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51º do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da comisión de secretarios, procede a súa clasificación como de interese laboral e a súa adscrición á Consellería de Traballo e Benestar.

Consideracións legais:

1. O artigo 34º da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27º.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7º do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 14 de febreiro de 2011.

DISPOÑO:

Clasificar de interese laboral a Fundación Raizame, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Traballo e Benestar.

Contra esta orde que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2011.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza