DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 07 de marzo de 2011 Páx. 3.735

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 1 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios, e se procede á súa convocatoria (ED106A).

O Estatuto de autonomía para Galicia, no seu artigo 5º, especifica que a lingua propia de Galicia é o galego e que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento. Segundo o artigo 27º.20, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva da promoción e o ensino da lingua galega.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu título III, Do uso do galego no ensino, establece que «o galego, como lingua propia de Galicia, é tamén lingua oficial no ensino en todos os niveis educativos» e que «as autoridades educativas da comunidade autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino».

O Decreto 79/2010, do 20 de maio, polo que se regula o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, no seu artigo 13º.3 establece que «os materiais que se empreguen nas áreas, materias ou módulos a que se refire o punto 2 do mencionado artigo (impartidos en lingua galega e en linguas estranxeiras) terán a calidade científica e pedagóxica adecuada e atenderán, sen prexuízo da súa proxección universal, ás peculiaridades de Galicia. Con este fin, a consellería competente en materia de educación fomentará a elaboración e publicación dos materiais curriculares correspondentes».

Pola súa parte, a Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, establece no artigo 7º.2 que a Xunta de Galicia potenciará a produción editorial en galego mediante unha liña de axudas que asegure a existencia dunha oferta suficiente de materiais didácticos naquelas áreas en que a lexislación educativa determine que a lingua galega sexa a vehicular da súa aprendizaxe.

O Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado o 21 de setembro de 2004, define como obxectivo para a área do ensino «garantir unha oferta de materiais didácticos de calidade e en soportes diversos que fagan atractivo o proceso da aprendizaxe, que axuden a percibir a utilidade da lingua e que capaciten para o seu uso correcto e eficaz».

Tamén será de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que regula o réxime xurídico propio das subvencións cuxo establecemento e xestión lle corresponde á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tendo en conta o devandito marco legal, faise pública esta convocatoria, mediante a que se pretende fomentar a elaboración e a publicación de recursos didácticos curriculares en lingua galega e favorecer o tecido da industria editorial galega.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Capítulo I

Obxecto

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares e complementarios destes para os niveis non universitarios, segundo establece a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE).

Artigo 2º.-Orzamento.

O financiamento das axudas farase con cargo ao crédito da partida orzamentaria 09.03.151A.470.1 por unha contía máxima total de 400.000 €, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar estas subvencións as empresas mercantís do sector editorial, sexan persoas físicas ou xurídicas, sempre que, estando legalmente constituídas, cumpran os requisitos establecidos nesta orde e non se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e elaboren os recursos didácticos curriculares obxecto desta orde.

Artigo 4º.-Recursos didácticos subvencionables.

1. Será subvencionable a elaboración e edición en lingua galega dos recursos didácticos curriculares e complementarios destes, realizados en soportes impresos ou dixitais.

A elaboración de material didáctico para a formación regrada de adultos en lingua galega deberá incorporar as directrices do Marco común europeo de referencia para as linguas. Este texto pode ser consultado na páxina web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística:

http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/Marco_textoI.pdf

2. Para os efectos desta norma, considérase recurso didáctico complementario calquera tipo de material educativo que contribúa a afondar no coñecemento dos bloques temáticos recollidos nos currículos.

Artigo 5º.-Requisitos.

1. As empresas solicitantes deberán dispor dun departamento de edición na Comunidade Autónoma de Galicia, que acreditarán coa correspondente copia da alta na epígrafe de edición de libros do imposto de actividades económicas.

2. Os títulos propostos deberán cumprir os seguintes requisitos:

Só se subvencionarán proxectos que estean correctamente realizados en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística e nas normas ortográficas e morfolóxicas aprobadas pola Real Academia Galega en sesión plenaria do día 12 de xullo de 2003). Malia o anterior, admitiranse proxectos trimestralizados de primaria en que polo menos o 60% da proposta se realice en lingua galega e en que as materias de obrigada impartición en galego, segundo o Decreto 79/2010, do 20 de maio, estean en galego, e será esta lingua a única que se terá en conta para a valoración e subvención correspondente a estas publicacións.

-Os materiais editados en soporte impreso deberán ter unha tiraxe mínima de 1.000 exemplares, e de 500 os editados en soporte dixital ou audiovisual.

-Os títulos terán que estar destinados á venda e haberá que acreditar o correspondente número de ISBN e do depósito legal definitivo. O depósito legal terá unha data posterior ao 30 de xuño de 2010.

Artigo 6º.-Exclusións.

Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta orde, mesmo se cumpren os requisitos exixidos no artigo precedente:

1. A edición de material didáctico para o nivel universitario.

2. Libros de creación literaria, dicionarios e enciclopedias.

3. Os libros de bibliófilo.

4. As publicacións de difusión gratuíta.

5. Os libros publicados por clubs do libro ou entidades similares, destinados a seren distribuídos entre os seus subscritores.

6. As obras que non sexan primeira edición.

7. Os proxectos con contidos idénticos aos xa presentados nalgunha das tres últimas convocatorias.

Capítulo II

Da convocatoria pública

Artigo 7º.-Prazo.

A presentación de solicitudes remata no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8º.-Solicitudes.

1. As entidades incluídas no artigo 3º que desexen acollerse aos beneficios desta convocatoria deberán formalizar a correspondente solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo a esta orde e que poderán obter, así mesmo, na web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística no seguinte enderezo: http://xunta.es/linguagalega

2. As solicitudes, no anexo oficial, xunto coa documentación correspondente, presentaranse no rexistro xeral da Xunta de Galicia ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán, ou segundo establece o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, no portelo electrónico 24×7 da Xunta de Galicia, así como no establecido na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o

desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes (DOG número 241, do 17 de decembro).

3. A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

3.1. Acreditación da personalidade xurídica do solicitante e da súa representación, copia compulsada da escritura pública de constitución da entidade ou modificación, se é o caso, desta, e do poder notarial correspondente; a inscrición de ambos os documentos debe constar no Rexistro Mercantil ou no rexistro que corresponda.

3.2. Copia compulsada do CIF ou NIF da entidade.

3.3. Certificación bancaria orixinal actualizada onde conste como titular a empresa solicitante.

3.4. Copia compulsada do último recibo de pagamento do imposto de actividades económicas ou, se é o caso, acreditación da exención de pagamento.

3.5. Declaración de que a entidade non se atopa incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario recollidas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3.6. Constancia documental da existencia dun contrato debidamente asinado, se o houbese, co autor ou co tradutor da obra, que respectará o establecido no Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.

3.7. Un exemplar completo da maqueta definitiva das obras para as que se solicita subvención, ou ben os guións e as imaxes cando se trate de vídeos didácticos ou soportes informáticos, así como unha memoria explicativa na cal se recollan as características técnicas, a temporalización da edición, os destinatarios a que vai dirixido o citado material, etc.

3.8. No caso de que as obras estean xa editadas, achegarase un exemplar de cada título, que deberá ter un depósito legal posterior ao 30 de xuño de 2010, polo cal terán que acreditar documentalmente o mes de que se trate, dentro do ano 2010.

3.9. Unha declaración ou certificación do editor pola que se compromete a ter editada a obra subvencionable o día 1 de setembro de 2011 como data límite.

3.10. Unha certificación do importe que se solicita, desagregado por conceptos, referido ao orzamento do custo de execución da obra, no que, ademais, deberá constar expresamente a tiraxe de exemplares.

3.11. Declaración de conxunto de todas as solicitudes de axudas, efectuadas e concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

4. As publicacións trimestralizadas consideraranse como un único proxecto subvencionable. Idéntico tratamento se aplicará á edición de cadernos, separatas, unidades didácticas e demais publicacións que se precise adquirir conxunta ou separadamente co libro de texto durante o mesmo curso académico e que se precisen para desenvolver o currículo. Polo tanto, terán que cursarse como unha soa solicitude de subvención.

5. Segundo establece o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, quedan eximidas de presentar os documentos relacionados nos puntos 3.1, 3.2 e 3.3 as empresas que xa fosen beneficiarias de subvencións nas convocatorias posteriores ao ano 2005, unicamente deberán comunicar que non houbo variacións que modifiquen substancialmente as escrituras, o poder de representación e o CIF da empresa xa depositados na Secretaría Xeral de Política Lingüística.

6. A documentación especificada nos puntos 3.1 a 3.5 deste artigo presentarase unha soa vez no caso de achegar varias solicitudes de subvención.

7. A presentación da solicitude de subvención comportará a autorización do interesado ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, antes de ditarse a orde de concesión das axudas e con carácter previo ao seu pagamento. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento e deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente, segundo dispón o artigo 20º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

8. Coa presentación da solicitude deberá achegarse toda a documentación relativa a cada expediente que sexa imprescindible para a análise da Comisión de Avaliación. Entenderase como tal: a publicación ou proxecto, sexa editado ou en maqueta definitiva, e cando se trate de obras xa editadas tamén cumprirá a acreditación da data completa de posesión do depósito legal. A documentación mencionada que se achegue en envíos posteriores á data límite de presentación de solicitudes non se terá en conta para propor a subvención que corresponda.

9. Desestimaranse automaticamente as solicitudes que non se axusten estritamente aos requisitos das epígrafes anteriores e os expedientes arquivaranse sen máis trámite.

10. Se a solicitude non reunise os datos de identificación ou algún dos extremos previstos no artigo 70º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, requirirase a entidade ou o solicitante, de conformidade co establecido no artigo 71º da devandita lei, para que nun prazo de 10 días emende as faltas ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se lle terá por desistido na súa petición, cos efectos previstos no artigo 42º da mesma lei. Non se farán requirimentos da documentación que se considera imprescindible segundo os puntos 3.7 e 3.8 anteriores.

Capítulo III

Da instrución do procedemento

Artigo 9º.-Instrución do procedemento.

1. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido no articulado básico da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu desenvolvemento, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10º.-Comisión de valoración.

1. Aquelas solicitudes que cumpran cos requisitos desta convocatoria serán analizadas pola comisión de valoración que se creará para tal fin, segundo os criterios de concesión e de valoración establecidos no artigo 11º desta orde.

2. Esta comisión estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: o/a titular da Subdirección Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, que poderá delegar nun/ha funcionario/a da secretaría xeral.

Secretario/a: un membro da Secretaría Xeral de Política Lingüística, con voz pero sen voto.

Vogais:

-Un experto en didáctica proposto pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Un técnico con amplos coñecementos no eido da edición en galego, proposto pola Asociación Galega de Editores.

-Dous funcionarios/as ou dous técnicos/as da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Todos os vogais e o/a secretario/a serán nomeados pola persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

3. A comisión de valoración ten atribuídas as seguintes funcións:

-Informar e valorar as solicitudes, de conformidade cos criterios de valoración establecidos nesta convocatoria. Para isto, poderán contar cos informes técnicos dunha comisión de expertos en deseños curriculares proposta polo departamento correspondente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nomeada pola persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

-Propoñer a adxudicación das subvencións.

4. A comisión quedará validamente constituída coa presenza do/a presidente/a, do/a secretario/a e da metade dos seus membros, conforme o establecido no artigo 26º.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no artigo 19º.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia (DOG número 251, do 31 de decembro).

No non previsto nesta convocatoria o funcionamento da comisión axustarase ao réxime establecido no capítulo II do título II da devandita Lei 30/1992 e no título I, capítulo I, sección 3ª da Lei 16/2010.

Artigo 11º.-Criterios de concesión e valoración das propostas.

1. Consideraranse criterios de concesión da subvención os seguintes:

a) Calidade da obra:

1. Adaptación dos contidos ao currículo establecido.Valoraranse os obxectivos, contidos propostos e as competencias básicas que desenvolven, de 0 a 35 puntos.

2. Tipo de actividades. Valorarase de 0 a 10 puntos a súa adecuación á diversidade de aptitudes e intereses do alumnado, e que promovan a adquisición das competencias, a investigación, o traballo de grupo, a lectura comprensiva e mais a reflexión crítica, a iniciativa e a creatividade, así como a adquisición de hábitos intelectuais.

3. Motivación. Valorarase de 0 a 5 puntos, se o material relaciona os contidos cos intereses e os coñecementos que previsiblemente posúe o alumnado galego, da idade á que vai dirixido, e se é atractivo visualmente e propón formas variadas e orixinais de introducir as unidades e os contidos a elas asociados.

4. Tratamento dos valores democráticos. Valorarase de 0 a 5 puntos se, de maneira transversal aos obxectivos, competencias e contidos abordados, o material promove a igualdade, tolerancia, solidariedade e xustiza, a resolución pacífica de conflitos, a convivencia, os hábitos saudables, a sensibilidade cara á protección do medio natural, entre outros valores de similar natureza.

5. Adecuación da linguaxe ao nivel académico do alumnado. Valorarase de 0 a 5 puntos.

6. Adecuación á realidade cultural e social de Galicia. Valorarase de 0 a 15 puntos, que o material proxecte unha imaxe de Galicia de comunidade con pasado, presente e futuro, rural e urbana e non se restrinxa a aspectos folclóricos ou costumistas.

7. Calidade lingüística. Valoraranse de 0 a 15 puntos os seguintes aspectos: a redacción e coherencia dos textos, a ausencia de castelanismos e de formas verbais incorrectas e a correcta colocación dos pronomes.

Unha puntuación inferior a 8 puntos nas epígrafes 6 e 7 suporá que quedará excluído do procedemento de valoración para os efectos de concesión desta subvención.

b) Orixinalidade da obra:

1. Obras de creación propia. Valoraranse con 10 puntos.

2. Obras de refundición ou adaptación. Valoraranse con 5 puntos.

Deberase ter en conta que o punto 2 terá que incorporar contidos relacionados coa realidade social e cultural de Galicia. Para estes efectos, considerarase adaptación todas aquelas modificacións do texto orixinal para adecualas ás particularidades sociais, culturais, económicas, históricas, políticas, xeográficas, deportivas... de Galicia.

Para ser obxecto de subvención será preciso acadar unha puntuación global mínima do 50% do resultado da suma das epígrafes a) e b).

A puntuación que se asigne a cada proxecto obterase coa aplicación dos tramos do baremo anteriormente descrito, do que resultará que cada unha das subvencións propostas se determinará establecendo a proporción entre os puntos conseguidos e a dotación económica total da convocatoria.

Artigo 12º.-Criterios de priorización económica.

Aos proxectos que se encadren nos ámbitos do ensino que se recollen no cadro seguinte, despois de se teren valorado segundo os parámetros e criterios xa descritos neste artigo, incrementaráselles unha cantidade lineal diferenciada pola tipoloxía do recurso didáctico presentado, que se desagrega como segue:

Ver referencia pdf "04500D003P027.PDF"

Artigo 13º.-Proposta de resolución.

1. A comisión de valoración elevará o informe correspondente á persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, quen resolverá, por delegación do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o estipulado na disposición adicional da Orde de 22 de abril de 2010, de delegación de competencias nos órganos superiores e periféricos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG nº 78, do 27 de abril). O citado informe expresará a relación de solicitantes para os que se propón a concesión da subvención e a súa contía, especificando a súa valoración de acordo cos criterios establecidos.

2. A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia e notificaráselles aos interesados propostos como beneficiarios. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios dispoñerán dun prazo de dez días naturais para a non aceptación desta, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada.

Capítulo IV

Terminación do procedemento

Artigo 14º.-Resolución.

1. O prazo máximo para a resolución de concesión non poderá exceder os seis meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116º e 117º modificados pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, quen resolverá por delegación do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo co establecido na disposición adicional da Orde do 22 de abril de 2010, de delegación de competencias nos órganos superiores e periféricos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG nº 78, do 27 de abril), ou ben interpoñer directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Transcorrido o prazo máximo para resolver o procedemento, entenderase que a concesión da subvención é desestimatoria, polo tanto o silencio administrativo terá carácter negativo.

Artigo 15º.-Pagamento.

1. A subvención concedida aboarase mediante un pagamento único, unha vez que se achegue a xustificación correcta.

2. Se o importe xustificado fose inferior ao da subvención concedida, esta minorarase porcentualmente.

3. A contía fixada na resolución poderá ser revisada á baixa polo órgano responsable da concesión da axuda, se a calidade e a tiraxe definitiva certificada non concordasen co inicialmente declarado na solicitude.

4. No caso de que se lle conceda outra subvención para o mesmo proxecto no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicarllo á Administración. A este respecto, é de aplicación o disposto no artigo 11º d) e no 17º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o cal o importe da subvención se minorará cando a súa contía, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, supere o 100% do custo da actividade subvencionada.

Artigo 16º.-Obrigas dos beneficiarios e xustificación de custos.

1. O prazo improrrogable de xustificación e entrega da documentación das subvencións concedidas remata o día 30 de setembro de 2011.

2. Co límite da citada data, os beneficiarios das axudas deberán remitirlle á Secretaría Xeral de Política Lingüística a seguinte documentación:

2.1. Un exemplar da obra editada.

2.2. Unha certificación da tiraxe, expedida polo editor ou polo representante da editorial.

2.3. Acreditación da existencia do correspondente depósito legal. Para estes efectos, abondará cunha certificación emitida polo impresor ou, se é o caso, polo representante legal da empresa, en que se exprese a posesión do depósito legal definitivo. No caso das obras que xa se presentaron editadas a esta convocatoria non se precisa xustificar este extremo, por telo acreditado coa documentación que achegaron coa solicitude.

2.4. Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para cada proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2.5. Os xustificantes dos gastos e pagamentos realizados para a edición da obra, de acordo coa resolución de concesión, e nos termos expresados na proposta presentada, xunto a unha relación detallada e numerada destes, por un importe mínimo equivalente ao da subvención concedida (excluido o IVE).

Os gastos e pagos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal, formato electrónico admisible legalmente ou fotocopia compulsada. Así mesmo, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados ou por calquera outro medio de proba que acredite a realización do pagamentos segundo especifican os artigos 42º e 49º do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En concepto de nóminas e Seguridade Social só se admitirá un máximo do 30% do total da contía da subvención concedida, para o cal haberá que achegar, ademais das nóminas correspondentes, unha certificación en que se faga constar expresamente a parte proporcional que se dedicou á realización da obra, en tempo e en custo.

3. Os beneficiarios quedarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. Nas publicacións subvencionadas constará o carácter público do financiamento da Xunta de Galicia, empregando para iso os logotipos aprobados polo Manual de Identidade Corporativa que poderán consultar no seguinte enderezo: www.xunta.es/presidencia-e-consellerias. O texto deberá ser: Subvencionado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Secretaría Xeral de Política Lingüística. A utilización indebida e/ou incorrecta deste texto será motivo de perda da subvención.

Artigo 17º.-Perda da subvención.

Calquera alteración dos datos que figuran no impreso de solicitude e calquera outro incumprimento das normas contidas nesta orde terá como consecuencia a revogación da axuda logo da audiencia á empresa interesada, e esta, se fose o caso, terá que reintegrar as cantidades percibidas e mais os xuros de mora xerados desde o momento do seu pagamento, de acordo co estipulado no artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18º.-Rexistro de axudas e subvencións.

De conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, en cumprimento do disposto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44º e 45º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a secretaría xeral fará públicos os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións concedidas, así como as sancións impostas aos beneficiarios.

A reserva que o peticionario poida facer no sentido de non autorizar a obtención ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso lle terá que comunicar expresamente á Administración, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación na convocatoria de subvencións ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

Disposición adicional

Única.-Se, por calquera causa, cando a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística para adoptar todos os actos e medidas necesarias para a execución, desenvolvemento e resolución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2011.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "04500D003P027.PDF"