DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 11 de marzo de 2011 Páx. 4.183

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 4 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega e se procede á súa convocatoria (ED115A).

A Constitución española establece no artigo 3º que «As outras linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas comunidades autónomas de acordo cos seus estatutos», ademais de recoñecer que as linguas de España son un patrimonio cultural que deberá ser obxecto de respecto e protección.

En consonancia coa Constitución, o Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 5º dispón que «A lingua propia de Galicia é o galego» e que «Os poderes públicos de Galicia garantirán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa …».

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no artigo 2º, reitera este mandato, concretando que «Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal do galego e do castelán, linguas oficiais da Comunidade Autónoma galega». E establece no seu artigo 4º.1 que «O galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial das institucións da comunidade autónoma, da súa Administración local e das entidades públicas dependentes da comunidade autónoma».

Ademais, no artigo 6º.4 prevé que «a Xunta ditará as disposicións necesarias para a normalización progresiva do uso do galego. As corporacións locais deberán facelo de acordo coas normas recollidas nesta lei».

No artigo 22º sinala que «o Goberno galego asumirá a dirección técnica e o seguimento do proceso de normalización da lingua galega; asesorará a Administración e os particulares e coordinará os servizos encamiñados a conseguir os obxectivos desa lei», e o seu artigo 25º «o Goberno galego e as corporacións locais dentro do seu ámbito fomentarán a normalización do uso do galego nas actividades mercantís publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras».

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, no artigo 7º, números 1 e 3, dispón, respectivamente, que «o galego, como lingua propia de Galicia, é tamén da súa Administración local» e que «a Xunta de Galicia impulsará o proceso de incorporación da lingua galega na Administración local».

Así mesmo, o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o día 22 de setembro de 2004, contén, entre outros, os seguintes obxectivos referidos á Administración local:

É necesario consolidar o papel normalizador das corporacións locais e das deputacións por medio da xeneralización do uso do galego como principal lingua de traballo e comunicación cos seus administrados.

Cómpre incluír a promoción do galego no concepto de servizo que o concello e a comarca lle ofrecen ao cidadán, tanto directamente como a través das empresas subcontratadas.

Hai que poñer os medios para que todo traballador ao servizo directo ou indirecto da Administración local ou comarcal teña unha actitude favorable ao emprego da lingua propia de Galicia, coñecemento oral e escrito suficiente para atender nesa lingua o cidadán que o desexe e que teña tamén práctica habitual na oferta positiva.

É necesario darlle continuidade á convocatoria de subvención para a promoción do galego nas entidades locais e Galicia, incidindo no fomento de actuacións que garantan unha maior proxección e visibilidade da lingua galega, non só no ámbito administrativo, senón fundamentalmente na acción destinada ao conxunto da sociedade.

Esta norma ten, ao igual que a que a precedeu, a pretensión de favorecer a coordinación na tarefa normalizadora e de introducir pautas axeitadas para a planificación da actividade de dinamización social do galego.

Enténdese a dinamización lingüística como o proceso de promoción da lingua, que se leva a cabo mediante o emprego integrado de todas as actividades que faciliten este proceso (formación, elaboración do corpus, sensibilización lingüística, etc.), co obxectivo de incrementar o uso e o prestixio da lingua galega en toda a sociedade.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, consciente da necesidade de promover a coordinación en materia de dinamización lingüística entre as diferentes entidades e administracións, está a desenvolver liñas de actuación e medidas para aumentar a efectividade das actuacións dinamizadoras dirixidas á sociedade.

A Administración local constitúe unha vía de dinamización lingüística prioritaria, por tratarse da organización administrativa que máis próxima e directamente lle transmite a acción pública á cidadanía. Permite a aplicación de medidas de intervención directa na presenza social á lingua de xeito uniforme, atendendo á poboación e ao territorio, e favorecendo tamén a planificación individualizada para cada zona, segundo as súas particularidades sociolingüísticas.

Na súa intención de contribuír á materialización destes obxectivos, a Secretaría Xeral de Política Lingüística creou a Rede de Dinamización Lingüística, a través da Orde do 14 de setembro de 2010, publicada no DOG nº 182, do 21 de setembro, dirixida a fomentar a dinamización e a cooperación entre as distintas entidades locais, coa finalidade de potenciar o proceso de extensión do uso do galego de xeito coordinado e planificado.

A Rede de Dinamización Lingüística busca favorecer a colaboración e a acción conxunta e coordinada entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e as entidades locais integradas nesta rede, que permita intercambiar experiencias e sumar esforzos, así como evitar a duplicidade de tarefas semellantes entre diferentes administracións e outras organizacións que actúan na promoción do uso da lingua galega.

Para darlle cumprimento aos obxectivos da rede e apoiar as entidades locais de Galicia, no labor de normalización lingüística das súas estruturas administrativas e de prestación de servizos lingüísticos demandados pola cidadanía, esta secretaría xeral convoca axudas económicas que reforcen e posibiliten a prestación dos ditos servizos na maior parte do territorio galego.

Esta convocatoria pretende impulsar e apoiar, mediante os agrupamentos, a prestación de servizos lingüísticos e a dinamización social da lingua galega naqueles concellos que, por posuíren unha poboación inferior aos 3.000 habitantes, poden atopar importantes dificultades para desenvolveren estas tarefas, dada a limitación dos seus recursos.

Á Secretaría Xeral de Política Lingüística, de conformidade co establecido no artigo 6º do Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, compétenlle, entre outras funcións, o impulso de propostas normativas que potencien a normalización lingüística e o fomento do uso da lingua galega, así como o fomento das actividades de normalización e promoción da lingua galega nas administracións públicas.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Capítulo I

Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca axudas, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a fomentar a prestación dun servizo lingüístico, mediante a súa creación, ou o mantemento ou reforzamento dos existentes, ou a promover a planificación e o desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega, en concellos ou en agrupacións de concellos con poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes.

Artigo 2º.-Orzamento.

O financiamento das axudas farase con cargo á partida orzamentaria 09.03.151A.460.0 por unha contía inicial máxima de 420.000 €, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarias as entidades locais de Galicia.

No caso dos agrupamentos de concellos para a realización dun proxecto común, as entidades integrantes nomearán un representante único que actuará como coordinador e interlocutor coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e que será o receptor da asignación económica.

Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta orde as deputacións provinciais.

As entidades locais ás cales lles fose concedida e percibisen unha axuda para a creación dun servizo lingüístico en virtude da convocatoria anterior, non poderán acceder a unha axuda para a creación dun servizo lingüístico nesta convocatoria.

Artigo 4º.-Modalidades de axuda.

1. As modalidades que adoptan estas axudas son as que a seguir se indican:

1.-Creación dun servizo lingüístico dun concello.

2.-Creación dun servizo lingüístico dun agrupamento de concellos.

3.-Mantemento ou reforzamento dun servizo lingüístico dunha entidade local (concello ou agrupamento de concellos).

4.-Desenvolvemento de dinamización lingüística dunha entidade local carente de servizo lingüístico (concello ou agrupamento de concellos).

Tendo en conta que a prestación de servizos lingüísticos implica a planificación e o desenvolvemento de actividades de dinamización lingüística, todas as modalidades de axuda incluirán a súa realización ao abeiro desta convocatoria.

2. Para os efectos desta subvención considéranse:

Servizo lingüístico: departamento técnico inserido na entidade local, dotado de recursos materiais e humanos, que ten as funcións de planificar, xestionar, executar e avaliar medidas e accións co obxectivo de incrementar o uso da lingua galega en todos os ámbitos de actuación da organización, tanto interna como externamente.

Creación dun servizo: contratación de persoal técnico en entidades locais que na data de publicación desta orde non estean dotadas de servizo lingüístico e, polo tanto, non conten con persoal contratado para este fin.

Mantemento dun servizo: dotación de continuidade a un servizo lingüístico en funcionamento na data de publicación desta convocatoria de subvencións.

Reforzamento dun servizo: incorporación de máis persoal técnico, mediante a súa contratación, a un servizo lingüístico xa existente na data de publicación desta convocatoria.

As entidades locais ás cales en virtude desta orde de subvencións lles sexa concedida e perciban axuda para a creación dun servizo lingüístico non poderán acceder a outra axuda para a creación dun servizo nas dúas próximas convocatorias.

3. Poderán ser obxecto de subvención as actividades realizadas entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro de 2011.

Artigo 5º.-Perfil técnico do servizo lingüístico.

A actividade dos servizos lingüísticos locais deberá/n desenvolvela un/unha ou varios/as técnicos/as que posúa/n as seguintes titulacións:

a) Licenciatura de filoloxía galego-portuguesa, filoloxía galega ou filoloxía hispánica (sección galego-portugués) ou outras titulacións superiores pertencentes á área de humanidades ou de ciencias xurídicas e sociais, sempre que estean en posesión do certificado de lingua galega do nivel 5 (Celga 5).

Estes profesionais deberán ter a categoría profesional de licenciados/as.

b) No caso das entidades que soliciten subvención para o mantemento dun servizo lingüístico e o creasen con anterioridade ao ano 2007, poderán acceder ás subvencións aqueles que conten con persoal fixo que posúa a titulación de mestre/a con diploma de especialista en lingua galega ou co certificado do curso superior de linguaxe administrativa, ou as licenciaturas e graos previstos na letra a) deste artigo.

Ademais destes requirimentos de titulación, valoraranse os coñecementos en linguaxe administrativa, en sociolingüística e en dinamización social, así como as formacións de posgrao en planificación lingüística.

Artigo 6º.-Uso da lingua galega.

Todas as actividades que se realicen ao abeiro desta orde faranse en galego e ateranse, no tocante á normativa e ao uso correcto do idioma, ao establecido pola Real Academia Galega na sesión plenaria do 12 de xullo de 2003, tal e como determina a disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.

Artigo 7º.-Funcións do servizo lingüístico.

Os servizos lingüísticos desenvolverán o seu labor tanto no aspecto lingüístico como no sociolingüístico no espazo local.

O obxectivo principal dos servizos lingüísticos debe ser o de incrementar o uso e o prestixio da nosa lingua en todos os ámbitos do termo municipal, non só no seo da propia Administración.

En xeral, as funcións que terán os servizos lingüísticos, tanto internas coma externas, entre outras, son as seguintes:

a) Funcións internas:

-Asesorar a Administración en todo o relacionado coa promoción da lingua galega.

-Colaborar coa Administración para determinar os perfís lingüísticos necesarios para cada un dos postos de traballo e colaborar nas probas e procesos selectivos para que se avalíen convenientemente os coñecementos lingüísticos por parte dos/as aspirantes.

b) Funcións de dinamización lingüística:

-Planificar, xestionar, executar e avaliar accións a prol da lingua galega no ámbito de influencia da entidade.

-Fomentar o uso do galego no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia para a súa repercusión social.

-Promover e coordinar redes de traballo para o fomento do uso do galego no ámbito asociativo, educativo e empresarial, no ámbito local.

-Planificar e propoñer programas dinamizadores e actividades concretas que conciencien a sociedade respecto do uso da lingua galega.

c) Funcións de formación sociolingüística:

-Planificar, xestionar, coordinar e difundir a realización de cursos de lingua galega, xerais e específicos, para a poboación en xeral ou para sectores concretos.

-Difundir entre a cidadanía materiais que contribúan á tarefa de promover a extensión do uso do galego: dereitos lingüísticos, lexislación e recursos lingüísticos.

-Colaborar no deseño de programas de formación para garantir a presenza do galego e de contidos favorables á mellora de actitudes lingüísticas no ámbito local.

-Funcións de asesoramento lingüístico interno:

-Mellorar a calidade lingüística e comunicativa da Administración.

-Definir e propoñer criterios lingüísticos para a organización.

-Resolver dúbidas lingüísticas.

-Elaborar e recomendar materiais específicos, atendendo ás necesidades dos departamentos.

d) Funcións de coordinación:

-Apoiar a difusión das accións dinamizadoras desenvolvidas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

-Coordinarse, de ser o caso, coa Rede de Dinamización Lingüística para planificar, xestionar, executar e avaliar accións de fomento do uso do galego, de acordo cos criterios e as pautas de traballo establecidas pola coordinación técnica da propia rede.

Capítulo II

Da convocatoria pública

Artigo 8.º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

1. As entidades locais que desexen acollerse aos beneficios desta convocatoria deberán formalizar a súa solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo a esta orde e que se poderá obter, así mesmo, na web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística no seguinte enderezo:

http://xunta.es/linguagalega, ou no portal dos concellos Eido Local (http://www.eidolocal.es/portal).

2. As solicitudes, no anexo oficial, xunto coa documentación correspondente, presentaranse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou por calquera outro dos medios a que se refire o artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se crea o rexistro telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán, ou segundo establece o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, no portelo electrónico 24×7 da Xunta de Galicia, así como no establecido na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o

desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes (DOG nº 241, do 17 de decembro de 2010).

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9º.-Documentación.

1. Xunto coa solicitude remitirase a seguinte documentación:

a) Proxecto descritivo da modalidade para a que se solicita a subvención, no cal consten todos os datos referidos a el. Debe incluír orzamento de gastos, total e detallado por conceptos de gasto, previsto para a realización das accións para as que se solicita a axuda (anexo II).

b) Certificación expedida polo/a secretario/a xeral da entidade local, relativa ao acordo, adoptado polo órgano competente, polo que se decide a solicitude da subvención para a dinamización lingüística e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta convocatoria.

c) Declaración de conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos.

d) Declaración de que a entidade non está incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario recollidas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) De ser o caso, documento acreditativo do acordo de agrupamento realizado polo Pleno ou pola Xunta de Goberno de cada concello agrupado, así como do nomeamento dun/ha representante único/a, que actuará como coordinador e interlocutor coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

f) No caso de entidades supramunicipais xa formadas, deberán presentar a solicitude desde esa entidade.

2. Desestimaranse automaticamente as solicitudes que non se axusten estritamente aos requisitos dos números anteriores e os expedientes arquivaranse sen máis trámite.

3. Se a solicitude non reunise os datos de identificación ou algún dos aspectos previstos no artigo 70º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, requirirase a entidade ou o solicitante, de conformidade co establecido no artigo 71º da dita lei, para que nun prazo de 10 días emende as faltas ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se lle terá por desistido na súa petición, cos efectos previstos no artigo 42º da mesma lei.

Capítulo III

Da instrución do procedemento

Artigo 10º.-Instrución do procedemento.

O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido nos artigos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o do seu desenvolvemento, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11º.-Criterios de avaliación das solicitudes.

Na avaliación das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

1. Creación dun servizo lingüístico nun concello: ata 90 puntos.

a) Pola pertenza do concello á Rede de Dinamización Lingüística: ata 25 puntos.

a.1) Por presentar a solicitude de adhesión á rede na data de presentación desta solicitude de subvención: 15 puntos.

a.2) Por estar o concello integrado na Rede de Dinamización Lingüística na data de publicación desta orde: 25 puntos.

b) Por poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes: ata 15 puntos.

b.1) De 3.000-10.000 habitantes: 5 puntos.

b.2) De 10.001-30.000 habitantes: 10 puntos.

b.3) De 30.001 habitantes en diante: 15 puntos.

c) Por consideración estratéxica do servizo lingüístico (territorios especialmente desgaleguizados, segundo os últimos datos de coñecemento e uso do galego da Enquisa de condicións de vida das familias publicados polo Instituto Galego de Estatística, ou territorios considerados de especial interese para a cobertura uniforme de Galicia): ata 20 puntos.

d) Pola programación de dinamización lingüística: ata 30 puntos.

d.1) Por implicar e colaborar, cando menos no 60% dos programas presentados, con outras entidades que teñan incidencia no ámbito local cuxas achegas supoñan beneficios e/ou melloras na consecución dos obxectivos: 10 puntos.

d.2) Pola súa incidencia nos ámbitos establecidos como prioritarios nesta orde: ata 10 puntos.

d.3) Pola súa adecuación aos obxectivos de promoción do uso e dinamización social da lingua galega establecidos nesta orde: ata 10 puntos.

2. Creación dun servizo lingüístico de dous ou máis concellos agrupados (ata 100 puntos).

a) Pola pertenza dos concellos agrupados á Rede de Dinamización Lingüística: ata 25 puntos.

a.1) Por presentaren os concellos a solicitude de adhesión á rede na data de presentación desta solicitude de subvención: ata 15 puntos.

a.2) Por estar/en o/os concello/os integrado/os na Rede de Dinamización Lingüística na data de publicación desta orde: ata 25 puntos.

b) Por incluír no agrupamento un concello de poboación inferior aos 3.000 habitantes: 25 puntos.

c) Por consideración estratéxica do servizo lingüístico (territorios especialmente desgaleguizados, segundo os últimos datos de coñecemento e uso do galego da Enquisa de condicións de vida das familias publicados polo Instituto Galego de Estatística, ou territorios considerados de especial interese para a cobertura uniforme de Galicia): ata 20 puntos.

d) Pola programación de dinamización lingüística: ata 30 puntos.

d.1) Por implicar e colaborar, cando menos no 60% dos programas presentados, con outras entidades que teñan incidencia no ámbito local cuxas achegas supoñan beneficios e/ou melloras na consecución dos obxectivos: 10 puntos.

d.2) Pola súa incidencia nos ámbitos establecidos como prioritarios nesta orde: ata 10 puntos.

d.3) Pola súa adecuación aos obxectivos de promoción do uso e dinamización social da lingua galega establecidos nesta orde: ata 10 puntos.

3. Mantemento ou reforzamento dun servizo lingüístico dunha entidade local (concello ou agrupamento de concellos): ata 85 puntos.

a) Pola pertenza do/s concello/s á Rede de Dinamización Lingüística: ata 25 puntos.

a.1) Por presentar/en a solicitude de adhesión á Rede na data de presentación desta solicitude de subvención: ata 15 puntos.

a.2) Por estar/estaren o/s concello/s integrado/s na Rede de Dinamización Lingüística na data de publicación desta orde: ata 25 puntos.

b) Por poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes: ata 10 puntos.

b.1) De 3.000-10.000 habitantes: 5 puntos.

b.2) De 10.001-30.000 habitantes. 7,5 puntos.

b.3) De 30.001 habitantes en diante. 10 puntos.

c) Pola continuidade do servizo lingüístico de forma ininterrompida durante os doce meses anteriores á data de presentación da solicitude: 10 puntos.

d) Por consideración estratéxica do servizo lingüístico (territorios especialmente desgaleguizados, segundo os últimos datos de coñecemento e uso do galego da Enquisa de condicións de vida das familias publicados polo Instituto Galego de Estatística, ou territorios considerados de especial interese para a cobertura uniforme de Galicia): ata 10 puntos.

e) Pola programación de dinamización lingüística: ata 30 puntos.

e.1) Por implicar e colaborar, cando menos no 60% dos programas presentados, con outras entidades que teñan incidencia no ámbito local cuxas achegas supoñan beneficios e/ou melloras na consecución dos obxectivos: 10 puntos.

e.2) Pola súa incidencia nos ámbitos establecidos como prioritarios nesta orde: ata 10 puntos.

e.3) Pola súa adecuación aos obxectivos de promoción do uso e dinamización social da lingua galega establecidos nesta orde: ata 10 puntos.

4. Desenvolvemento de dinamización lingüística dunha entidade local carente de servizo lingüístico (concello ou agrupamento de concellos): ata 40 puntos.

a) Pola pertenza da entidade local á Rede de Dinamización Lingüística: ata 15 puntos.

a.1) Por presentar a solicitude de adhesión á rede na data de presentación desta solicitude de subvención: 7,5 puntos.

a.2) Por estar a entidade local integrada na Rede de Dinamización Lingüística na data de publicación desta orde: 15 puntos.

b) Por consideración estratéxica do servizo lingüístico (territorios especialmente desgaleguizados, segundo os últimos datos de coñecemento e uso do galego da Enquisa de condicións de vida das familias publicados polo Instituto Galego de Estatística, ou territorios considerados de especial interese para a cobertura uniforme de Galicia): ata 7 puntos.

c) Pola programación de dinamización lingüística: ata 18 puntos.

c.1) Por implicar e colaborar, cando menos no 60% dos programas presentados, con outras entidades que teñan incidencia no ámbito local cuxas achegas supoñan beneficios e/ou melloras na consecución dos obxectivos: 6 puntos.

c.2) Pola súa incidencia nos ámbitos establecidos como prioritarios nesta orde: ata 6 puntos.

c.3) Pola súa adecuación aos obxectivos de promoción do uso e dinamización social da lingua galega establecidos nesta orde: ata 6 puntos.

A puntuación que se lle asigne a cada proxecto obterase coa aplicación dos tramos do baremo anteriormente descrito, do que resultará que cada unha das subvencións propostas se determinará establecendo a proporción entre os puntos conseguidos e a dotación económica total da convocatoria.

Artigo 12º.-Comisión de valoración.

1. Aquelas solicitudes que cumpran cos requisitos desta convocatoria serán analizadas pola comisión de valoración que se creará para tal fin, segundo os criterios de avaliación establecidos no artigo 11º desta orde.

2. Esta comisión estará integrada polos seguintes membros:

-Presidente/a: persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, ou persoa en quen delegue.

-Secretario/a: un membro da Secretaría Xeral de Política Lingüística, con voz pero sen voto.

-Vogais: un máximo de 3 funcionarios/as e/ou técnicos/as da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

-A persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local, ou persoa en quen delegue.

Todos os/as vogais e o/a secretario/a serán nomeados pola persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

3. A comisión de valoración ten atribuídas as seguintes funcións:

-Informar e valorar as solicitudes, de conformidade cos criterios de valoración establecidos nesta convocatoria. Para iso poderán contar cos informes técnicos dunha comisión de expertos nomeada pola persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

-Propoñer a adxudicación das subvencións e valorar o seu interese.

4. A comisión quedará validamente constituída coa presenza do/a presidente/a, do/a secretario/a e da metade dos seus membros, conforme o establecido no artigo 26º.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no artigo 19º.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia (DOG nº 251, do 31 de decembro). No non previsto nesta convocatoria, o funcionamento da comisión axustarase ao réxime establecido no capítulo II do título II da dita Lei 30/1992, e no título I, capítulo I, sección 3ª da Lei 16/2010.

Artigo 13º.-Proposta de resolución.

A comisión valorará e elevará o informe correspondente á persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, quen resolverá, por delegación do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o estipulado na disposición adicional da Orde do 22 de abril de 2010, de delegación de competencias nos órganos superiores e periféricos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG nº 78, do 27 de abril).

O citado informe expresará a relación de solicitantes para os que se propón a concesión de subvencións e a súa contía, especificando a súa valoración de acordo cos criterios establecidos.

Artigo 14º.-Resolución.

1. A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia con expresión da convocatoria, do programa e do crédito orzamentario a que se imputen, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade ou finalidades da subvención e notificaráselles aos interesados propostos como beneficiarios na forma prevista no artigo 59º da Lei 30/1992. De non notificarse resolución no prazo de seis meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, todo iso sen prexuízo do establecido nos artigos 42º e 43º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116º e 117º modificados pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, quen resolverá por delegación do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo co establecido na disposición adicional da Orde do 22 de abril de 2010, de delegación de competencias nos órganos superiores e periféricos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG nº 78, do 27 de abril), ou ben interpoñer directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Capítulo IV

Terminazión do procedemento

Artigo 15º.-Notificación.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publicará na súa páxina web oficial (www.xunta.es/linguagalega) a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación desta solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na dita páxina web, de conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas da Administración pública galega.

Artigo 16º.-Aceptación da subvención.

1. A entidade local beneficiaria disporá dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de concesión da subvención no Diario Oficial de Galicia, para comunicar a non aceptación das condicións contidas nela, se é o caso.

2. Transcorrido o prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

3. Estas subvencións son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade. Porén, o importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 17º.-Xustificación da subvención.

1. Os beneficiarios da subvención, unha vez concedida esta, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, de acordo co proxecto achegado na solicitude. A Secretaría Xeral de Política Lingüística poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

2. Para recibir a subvención, as entidades locais beneficiarias deberán remitirlle á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ata o día 15 de outubro de 2011, a documentación xustificativa dos gastos e pagamentos realizados, de acordo coa resolución de concesión e nos termos expresados no proxecto presentado, por un valor mínimo equivalente ao da axuda outorgada, excluído o imposto sobre o valor engadido (IVE).

2.1 Con carácter xeral, para todas as modalidades de axudas:

a) A realización das campañas, programas e actividades de dinamización lingüística xustificarase con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal, formato electrónico admisible legalmente ou fotocopia compulsada. Así mesmo, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados ou por calquera outro medio de proba que acredite a realización do pagamento, segundo especifican os artigos 42º e 49º do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As datas das facturas e xustificantes de gasto deberán estar comprendidas entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro de 2011 e terán que estar pagadas no remate da vixencia da convocatoria como data límite. As entidades locais deberán achegar unha relación detallada e numerada dos gastos realizados en que se reflictan o emisor, o número, a data de expedición, o importe e a data de pagamento.

O imposto sobre o valor engadido (IVE) non é subvencionable.

Por outra banda, os gastos efectuados deberán estar directamente relacionados coas actividades que se desenvolvan. Cando se trate de gastos de carácter xenérico ou de difícil identificación, no concepto das facturas e xustificantes de gasto deberá aparecer a denominación da actividade de dinamización lingüística en que se enmarcan, ou ben acompañaranse dun certificado expedido polo interventor ou órgano de contratación da entidade local en que se faga constar expresamente tal circunstancia, ademais do emisor, do número, da data de expedición e do importe da factura ou xustificante de gasto de que se trate.

b) Memoria xustificativa das accións para as que foi concedida a axuda solicitada (contratación de persoal técnico, campañas, programas e actividades de dinamización), e mostra de cada un dos recursos, publicacións e materiais no formato orixinal en que foron editados, así como unha relación e copias dixitalizadas de todos eles (anexo III).

Todos estes recursos, publicacións e materiais deberán estar en galego e aterse, no tocante á normativa e ao uso correcto do idioma, ao establecido pola Real Academia Galega na sesión plenaria do 12 de xullo de 2003, tal e como determina a disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística. En todos os recursos, publicacións e materiais subvencionados debe figurar impreso o patrocinio da Xunta de Galicia a través do seu logotipo, de acordo cos criterios establecidos no Manual de Identidade Corporativa da Xunta de Galicia, así como no Decreto 409/2009, do 5 de novembro (DOG nº 227, do 19 de novembro), polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, logo de comunicación e acordo coa entidade titular, resérvase a posibilidade de difundir aquelas actividades de maior interese para a promoción da lingua galega, dentro da Rede de Dinamización Lingüística.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, con indicación, se é o caso, do importe concedido e da súa procedencia, así como da contía que imputan ao período de vixencia desta convocatoria.

2.2. Ademais da documentación citada, e con carácter específico segundo as distintas modalidades, deberán achegar o seguinte:

2.2.1. No caso de que a subvención se concedese para a creación de novos servizos lingüísticos, ou para o mantemento ou reforzamento dos servizos lingüísticos xa existentes:

a) Certificación da persoa responsable da Secretaría ou Secretaría-Intervención da entidade local en que se faga constar a realización da contratación, a duración desta, o pagamento das retribucións e a categoría profesional do persoal técnico dos servizos lingüísticos locais.

b) Copia compulsada da titulación requirida e, se é o caso, do Celga 5.

2.2.2. No caso da solicitude para mantemento ou reforzamento dun servizo lingüístico, deberase achegar tamén unha certificación da persoa responsable da Secretaría ou Secretaría-Intervención do concello conforme o servizo lingüístico estaba xa en funcionamento na data de publicación desta convocatoria, en que se indique expresamente a data de creación do servizo lingüístico desde o seu funcionamento de maneira ininterrompida ata a data de publicación desta orde.

2.2.3. No caso de que a subvención se concedese na modalidade de «desenvolvemento de dinamización lingüística nunha entidade local carente de servizo lingüístico» (campañas, programas e actividades de dinamización):

a) Certificación expedida pola persoa responsable da Secretaría ou Secretaría-Intervención da entidade local do acordo de aprobación, das facturas e xustificantes do gasto e dos pagamentos realizados para o desenvolvemento das ditas campañas, programas e actividades de dinamización lingüística.

b) Certificación da Intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención, de acordo co previsto no artigo 28º.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Transcorrido o prazo establecido no punto 2 deste artigo sen ter presentado as xustificacións, revogarase a concesión das subvencións ás entidades locais que correspondan.

Artigo 18º.-Pagamento.

1. A subvención concedida aboarase mediante un pagamento único unha vez que se achegue a xustificación correcta.

2. Se o importe xustificado for inferior ao da subvención concedida, esta minorarase porcentualmente.

3. A contía fixada na resolución poderá ser revisada á baixa polo órgano responsable da concesión da axuda, se a xustificación do proxecto non concorda co inicialmente declarado na solicitude.

4. No caso de que se lle conceda outra subvención para o mesmo proxecto no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicarllo á Administración. A este respecto, é de aplicación o disposto no artigo 11º d) e no 17º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o cal o importe da subvención se minorará cando a súa contía, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, supere o 100% do custo da actividade subvencionada.

Artigo 19º.-Outras obrigas.

As entidades beneficiarias teñen a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 20º.-Incumprimento.

Calquera alteración dos datos que figuran no impreso de solicitude e calquera outro incumprimento das normas contidas nesta orde terá como consecuencia a revogación da axuda logo da audiencia á entidade interesada, e esta, se fose o caso, terá que reintegrar as cantidades percibidas e mais os xuros de demora xerados desde o momento do seu pagamento, de acordo co estipulado no artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21º.-Rexistro de axudas e subvencións.

De conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, en cumprimento co disposto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44º e 45º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a secretaría xeral fará públicos os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións concedidas así como as sancións impostas aos beneficiarios.

A reserva que o peticionario poida facer no sentido de non autorizar a obtención ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que comunicar expresamente á Administración, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación na convocatoria de subvencións ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

Artigo 22º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter información adicional na Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (www.xunta.es/linguagalega. Epígrafe Política Lingüística. Sección convocatorias).

b) Nos teléfonos 881 99 94 85/981 54 54 78 da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

c) No enderezo electrónico sxpl.subvencions@ xunta.es

d)En calquera das dependencias da Secretaría Xeral de Política Lingüística (na rúa Pastoriza, 8, Santiago de Compostela ou nos gabinetes das delegacións territoriais).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións contida na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2011.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación

e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "04900D008P043.PDF"