DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Luns, 14 de marzo de 2011 Páx. 4.337

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

DECRETO 42/2011, do 3 de marzo, polo que se establece o procedemento para o depósito das fianzas dos arrendamentos relativos a predios urbanos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei de arrendamentos urbanos, Lei 29/1994, do 11 de novembro, estableceu no seu artigo 36º a obrigatoriedade da prestación de fianza nos alugueres de vivenda e nos alugueres para uso distinto do de vivenda.

A Lei 18/2008, do 29 de decembro, de vivenda de Galicia, regula, pola súa parte, na sección segunda do capítulo III do seu título IV o depósito das fianzas dos arrendamentos de vivendas e de subministracións a estas, e establece a obriga de realizar o depósito no Instituto Galego da Vivenda e Solo.

A intención deste decreto é a de facilitar o cumprimento da obriga de depósito das fianzas, mediante a regulación do procedemento que debe seguirse para a constitución, modificación e cancelación do depósito, así como para o exercicio da actividade inspectora en materia de fianzas, no marco do establecido na lexislación vixente.

Por outra parte, a Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electronicamente dos cidadáns aos servizos públicos, recoñece o dereito daqueles a comunicarse electronicamente coa Administración e impulsa que se facilite o exercicio de dereitos e o cumprimento de deberes por medios electrónicos. Por tanto, este decreto incorpora a posibilidade da realización de determinados trámites por vía telemática co obxecto de ofrecer un soporte informático que lles facilite aos administrados o cumprimento da súa obriga de depósito das fianzas.

O texto estrutúrase en catro capítulos que regulan as disposicións xerais, o depósito en réxime xeral e de concerto e a actuación inspectora, unha disposición adicional, dúas disposicións transitorias e dúas disposicións derradeiras.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do día tres de marzo de dous mil once,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Este decreto ten por obxecto regular, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o desenvolvemento da obriga legal do depósito das fianzas dos contratos de arrendamento de predios urbanos que se destinen a vivenda ou a uso distinto do de vivenda, así como as fianzas que por calquera concepto se lle exixan ás persoas abonadas a subministracións ou servizos, na formalización de contratos que afecten as vivendas e demais predios urbanos.

Artigo 2º.-Obriga de depósito.

1. As persoas arrendadoras e subarrendadoras de predios urbanos, trátese de arrendamentos de vivenda ou de arrendamentos para uso distinto do de vivenda, deberán depositar no Instituto Galego da Vivenda e Solo as fianzas en metálico e as súas correspondentes actualizacións, percibísenas ou non dos arrendatarios ou arrendatarias, nos supostos en que sexan exixibles pola lexislación de arrendamentos urbanos e pola lexislación autonómica na materia.

2. Igualmente e de conformidade co disposto na Lei de vivenda de Galicia, as empresas, entidades ou administracións públicas que presten subministracións ou servizos, calquera que sexa o seu número de persoas abonadas e a importancia dos núcleos de poboación, deberán depositar as fianzas que por calquera concepto exixan aos abonados e/ou abonadas na formalización de contratos que afecten as vivendas e demais predios urbanos.

3. O depósito da fianza deberá manterse durante toda a vixencia do contrato tanto de arrendamento como de subarrendamento, nos termos establecidos neste decreto.

4. Exceptúanse da obriga do depósito de fianza os arrendamentos dos predios urbanos en que figure como arrendataria calquera das administracións públicas, así como os organismos autónomos, entidades de dereito público e os demais entes públicos dependentes dela, cando a renda sexa satisfeita con cargo aos seus respectivos orzamentos.

Igualmente estarán exceptuados da obriga de depósito os arrendamentos de tempada de duración igual ou inferior a un mes.

Artigo 3º.-Natureza do depósito.

1. O depósito da fianza terá a consideración de ingreso de dereito público.

2. O depósito será gratuíto e non xerará xuros a favor da persoa depositante.

3. O Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá dispor do importe dos depósitos, para ser destinado á promoción pública de vivendas protexidas e ao cumprimento das políticas de fomento do dereito á vivenda previstas na Lei de vivenda de Galicia, sempre que quede garantida a devolución de fianzas que sexan reclamadas en tempo e forma.

Para estes efectos, o organismo poderá dispor como máximo do 70% do importe total dos depósitos.

Artigo 4º.-Contías para depositar.

1. As contías para depositar serán as seguintes:

a) Nos arrendamentos de vivendas de duración igual ou superior a un ano, o importe da fianza será unha mensualidade da renda pactada.

b) No arrendamento para uso distinto de vivenda, de conformidade co disposto na Lei de arrendamentos urbanos, o importe da fianza será de dúas mensualidades da renda pactada para o contrato de arrendamento.

c) Nos arrendamentos de industria ou negocio, cando impliquen tamén arrendamentos de local ou vivenda, a contía da fianza que se deberá depositar será equivalente a dúas mensualidades do aluguer estipulado.

d) Nos arrendamentos de vivendas de tempada de duración superior a un mes e inferior a un ano, o importe da fianza será a parte proporcional que corresponda en atención ao seguinte cálculo:

I. Contratos subscritos por períodos mensuais:

Dúas mensualidades de renda × nº de meses de duración.

Doce meses.

II. Contratos subscritos por días:

Dúas mensualidades de renda × nº de días.

365 días.

Nos arrendamentos de vivendas por tempada entenderase que a fianza depositada queda automaticamente renovada por prórrogas sucesivas cun límite máximo de once mensualidades.

e) No suposto das fianzas de subministracións ou servizos, o importe será o exixido ás persoas abonadas pola empresa subministradora.

2. Unha vez transcorridos os primeiros cinco anos de duración do contrato, de actualizarse o importe da renda deberase proceder tamén á actualización da fianza. Os arrendadores ou arrendadoras deberán notificar este feito ao Instituto Galego da Vivenda e Solo, e depositar a diferenza entre o importe depositado no seu día ata o importe actualizado ou, de ser o caso, solicitar a devolución do importe depositado no seu día ata a contía da actualización.

Artigo 5º.-Notificación á persoa arrendataria.

O arrendador ou arrendadora debe entregar á persoa arrendataria unha copia da documentación xustificativa do cumprimento da obriga de depositar a fianza ou da súa actualización no prazo dun mes contados desde o cumprimento da dita obriga.

Artigo 6º.-Comunicación de cambio de circunstancias.

1. Calquera modificación obxectiva ou subxectiva que afecte ou poida afectar o depósito de fianzas deberá ser comunicada de inmediato ao Instituto Galego da Vivenda e Solo.

2. A Administración en calquera momento poderá realizar as comprobacións oportunas que considere necesarias respecto da contía das fianzas constituídas.

Artigo 7º.-Formas de depósito das fianzas.

O depósito das fianzas poderase realizar no réxime xeral ou en réxime de concerto, de acordo co establecido nos capítulos II e III deste decreto.

Artigo 8º.-Presentación de solicitudes.

1. As solicitudes relacionadas coa regulación contida neste decreto presentaranse nos rexistros administrativos do Instituto Galego da Vivenda e Solo ou por calquera das formas previstas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, conforme os modelos establecidos nos anexos, xunto coa documentación que neles se especifica.

2. Non obstante, nos supostos en que se prevé a posibilidade de realización de trámites por vía telemática a través da páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo poderán realizarse estes exclusivamente pola dita vía, nas condicións establecidas para cada caso polo articulado que regula os procedementos, sen prexuízo da posibilidade da súa presentación en calquera das formas sinaladas no parágrafo anterior.

Artigo 9º.-Protección de datos.

1. Os datos que constan nos arquivos e ficheiros relativos á xestión das obrigas reguladas neste decreto son os relativos á identificación de persoas arrendadoras e arrendatarias e aos inmobles arrendados, achegados en cumprimento da obriga de depósito imposta pola lexislación vixente.

2. Os datos proporcionados polas persoas depositantes das fianzas obxecto de regulación neste decreto serán comunicados a outras administracións públicas unicamente cando sexan necesarios para o exercicio por parte destas das súas competencias. En todo caso, a cesión de datos terá lugar conforme o establecido na normativa sobre protección de datos de carácter persoal.

3. As medidas de seguridade dos ficheiros relativos aos procedementos regulados neste decreto son as correspondentes ao nivel básico, consonte o establecido no Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, que aprobou o Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, excepto os relativos á comisión de infracción administrativa, aos cales lles corresponde un nivel de protección medio.

4. Non será preciso o consentimento da persoa interesada para o tratamento dos datos que resulten necesarios para garantir a prevención, investigación e o descubrimento do incumprimento da obriga de depósito das fianzas.

5. Os dereitos de acceso, rectificación e cancelación de datos persoais poderán exercerse ante a Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Capítulo II

Depósito en réxime xeral

Artigo 10º.-Depósito en réxime xeral.

1. O depósito da fianza deberá solicitarse mediante documento de autoliquidación, que poderá realizarse a través da páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo http://igvs.xunta.es ou ben www.igvs.es, ou directamente nas oficinas deste organismo. Deberá presentarse no modelo que se incorpora como anexo I.

2. Os depósitos realizados presencialmente ou vía web poderán ser obxecto de revisión posterior polo organismo, para o que se lles requirirá ás persoas depositantes a presentación da documentación orixinal necesaria para comprobar a veracidade dos datos achegados.

Artigo 11º.-Xustificante de depósito.

1. A acreditación do depósito realizarase mediante a emisión dun xustificante da súa constitución por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo. O xustificante entregarase por duplicado exemplar e emitirase un para a persoa arrendadora e outro para a persoa arrendataria.

2. En caso de actualización da fianza expediranse xustificantes complementarios.

Artigo 12º.-Prazo para efectuar o depósito en réxime xeral.

1.O depósito deberá realizarse no prazo dun mes desde a data do contrato, calquera que sexa a forma en que se subscriba e a súa data de entrada en vigor.

2. De acordo co disposto no artigo 103º.3 da Lei 18/2008, do 29 de decembro, de vivenda de Galicia, de se incumprir a obriga de depósito, reclamarase o seu importe, incrementado no xuro legal ata o momento en que se realice aquel, sen prexuízo das sancións administrativas que procedan. De conformidade co artigo 112º.3 da dita lei, no suposto de regularización da demora no ingreso das fianzas de forma voluntaria e sen requirimento previo por parte da Administración, non se impoñerá ningunha sanción, sen prexuízo do aboamento dos xuros legais polo tempo en que se demorase o ingreso.

3. O ingreso realizarase nas entidades financeiras que para tal efecto indique o Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Artigo 13º.-Solicitude da cancelación do depósito das fianzas.

1. O depósito da fianza cancelarase por solicitude do arrendador ou arrendadora, directamente ou mediante solicitude cursada por persoa debidamente autorizada, cando se produza a extinción do contrato de arrendamento.

2. A solicitude de cancelación poderá realizarse a través da páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo, ou presencialmente nas súas oficinas. Neste caso presentarase solicitude en modelo que se incorpora como anexo II, xunto coa documentación que nel se recolle e que se relaciona no parágrafo seguinte. A dita documentación deberá ser tamén achegada ao Instituto Galego da Vivenda e Solo no caso de solicitar a cancelación vía web.

3. Documentación que se achegará para a cancelación do depósito das fianzas:

-Orixinal do contrato de aluguer para a súa comprobación por parte da Administración. Este documento será devolto ao interesado.

-DNI ou documento que regulamentariamente o substitúa, ou CIF do arrendador. Copia compulsada ou autorización expresa para a consulta no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio de Presidencia, segundo os casos.

-Poder notarial ou autorización escrita e asinada do arrendador nos casos en que se solicite a devolución por terceiros, así como copia dos documentos de identidade de ambos, excepto que xa se presentase con anterioridade. Neste caso deberase especificar na solicitude a oficina de fianzas en que conste presentado.

-Documento acreditativo ou declaración formal de que se produciu a extinción da relación contractual.

-O papel de fianzas, de ser o caso, acreditativo do depósito realizado.

-No suposto de que o solicitante da devolución non sexa o arrendador inicial, deberá acreditar documentalmente a subrogación nos dereitos e obrigas da relación contractual e achegar copia do seu documento de identidade.

-Certificado da conta bancaria en que o solicitante desexe que se lle realice o ingreso, excepto que xa se presentase con anterioridade. Neste caso deberase especificar na solicitude a oficina de fianzas en que conste presentado. No caso de que a conta bancaria sexa de titularidade de persoa distinta do arrendador deberá achegarse, ademais, unha autorización escrita e expresa asinada por este para que se lle realice a devolución nesa conta, así como copia do documento nacional de identidade da persoa autorizada.

4. Para os efectos de posibilitar que a persoa arrendadora poida devolver a fianza ao arrendatario ou arrendataria no prazo dun mes previsto no artigo 102º.4 da Lei 18/2008 de vivenda de Galicia e no artigo 36º.4 da Lei 29/1994 de arrendamentos urbanos, deberá solicitarse a cancelación no prazo máximo de dez días desde a data de entrega de chaves.

Artigo 14º.-Devolución das fianzas.

1. Presentada a solicitude de devolución da fianza depositada, así como a documentación exixida, procederase ao seu reintegro mediante transferencia bancaria na conta indicada pola persoa solicitante no prazo máximo de vinte días.

2. A solicitude de cancelación da fianza fóra do prazo establecido no artigo anterior, a non presentación ou a achega incompleta da documentación que lle fose requirida polo Instituto Galego da Vivenda e Solo para proceder á cancelación da fianza exonerará o dito organismo do pago do xuro legal.

Artigo 15.-Perda do xustificante.

1. No caso de perda do xustificante do depósito da fianza emitido no seu día polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, o arrendador ou arrendadora, directamente ou mediante persoa debidamente autorizada, poderá solicitar por escrito ao dito organismo un certificado acreditativo da constitución do depósito en que conste o importe da fianza e a data de constitución.

2. No caso de perda do papel de fianzas emitido no seu día polo Estado ou pola Xunta de Galicia, deberá seguirse o procedemento legalmente establecido para este tipo de papel. Polo tanto, tendo o papel de fianzas o carácter de efecto ao portador, en caso de extravío, furto ou destrución serán de aplicación as normas e procedemento para efecto previstos no Código de comercio e na Lei de axuizamento civil.

Artigo 16.-Cesamento no réxime xeral.

Cesarase no réxime xeral de depósito:

a) Por extinción da obriga de depósito.

b) Por acceso do obrigado ao réxime de concerto.

Capítulo III

Depósito en réxime de concerto

Artigo 17º.-Concepto.

Enténdese por concerto o réxime en virtude do cal se substitúen os depósitos de fianzas individuais por un depósito global anual, logo de autorización polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, de acordo co procedemento establecido nos artigos seguintes.

Artigo 18º.-Modalidades de concerto.

1. Réxime de concerto obrigatorio:

O réxime de concerto será obrigatorio para empresas, entidades ou administracións públicas que presten subministracións ou servizos, sempre que na formalización dos contratos que afecten as vivendas e demais predios urbanos lles exixan fianzas aos seus abonados.

2. Réxime de concerto voluntario:

a) Poderán solicitar a inclusión neste réxime os arrendadores, asociacións de persoas propietarias de bens inmobles urbanos legalmente constituídas e profesionais dedicados á administración de predios urbanos cando concorran os requisitos establecidos nos seguintes artigos.

b) Os/as propietarios/as de centros comerciais e grandes superficies comerciais poderán acollerse a este sistema se así o solicitan, con independencia do número de locais que xestionen e do importe total das fianzas. Deberán presentar, non obstante, aval bancario que cubra o 20% do importe das fianzas xestionadas, que deberán actualizar cada ano, de acordo co que resulte da liquidación anual prevista no artigo 26º.

Artigo 19.-Solicitude de concesión de concertos de fianzas.

1. Os/as solicitantes que desexen acollerse ao réxime de concerto, presentarán a correspondente solicitude en modelo que se xunta como anexo III a este decreto dirixida ao Instituto Galego da Vivenda e Solo, e deberán darse de alta como usuarios na páxina web do organismo para este réxime de depósito.

Xunto coa dita solicitude deberán achegarse os seguintes documentos, que tamén se relacionan no modelo de solicitude como documentación que se deberá achegar:

-Documentación acreditativa da capacidade xurídica e de obrar do solicitante. No caso dos profesionais dedicados á administración de fincas será suficiente coa presentación de certificado expedido polo respectivo colexio profesional e de copia de seguro de responsabilidade civil.

Nos demais supostos, as persoas xurídicas poderán acreditar a dita capacidade mediante a presentación da escritura de constitución ou modificación, de ser o caso, inscrita no Rexistro Mercantil, e as persoas físicas mediante a presentación do seu documento nacional de identidade ou o que o substitúa regulamentariamente.

Estes documentos deberán achegarse en orixinal ou fotocopia debidamente compulsada ou lexitimada.

-Copia compulsada da acreditación da representación da empresa.

-DNI ou CIF do/da solicitante. Copia compulsada ou autorización expresa para a consulta no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio de Presidencia, segundo os casos.

-Relación detallada do número de fianzas depositadas, importes e devolucións efectuadas da cal se reflicta a cifra de negocio do exercicio anterior e a previsible para o exercicio en curso, así como o número de fianzas que se deberán depositar e o importe total destas.

-Orixinal da certificación da conta bancaria onde se farán as devolucións dos saldos negativos.

-Declaración en que expresamente se lle autoricen ao Instituto Galego da Vivenda e Solo cantas comprobacións considere convenientes nos seus libros de contabilidade e rexistros auxiliares respecto da contía das fianzas constituídas.

-Para todos aqueles que xestionen fianzas de terceiros será requisito indispensable que conten con autorización previa expresa e por escrito dos propietarios, en que conste tamén a súa autorización para a cesión de datos ao Instituto Galego da Vivenda e Solo.

-Aval bancario que cubra o 20% do importe das fianzas xestionadas, no caso de réxime de depósito voluntario de arrendadores e asociacións destes e centros comerciais e/ou grandes superficies.

2. A solicitude de concerto interromperá o prazo para o depósito das fianzas.

Artigo 20º.-Obrigas dos acollidos ao réxime de concerto.

1. Ademais de cumprir co resto das obrigas impostas por este decreto, os arrendadores/as, asociacións e profesionais acollidos a este réxime deberán levar un rexistro en que se especificarán os predios e o movemento de fianzas e de arrendadores/as incluídos no concerto correspondente.

2. Ademais, deberán autorizar expresamente o Instituto Galego da Vivenda e Solo para realizar por medio do persoal inspector designado para o efecto cantas comprobacións considere convenientes nos seus libros de contabilidade e rexistros auxiliares respecto da contía das fianzas constituídas.

3. No caso de profesionais dedicados á administración de predios será requisito indispensable que os administradores/as conten con autorización previa expresa e por escrito das persoas propietarias para acollerse a este réxime, en que conste tamén a súa autorización para a cesión de datos ao Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Artigo 21º.-Concertos con arrendadores e asociacións de propietarios.

Poderán acollerse ao réxime de concerto arrendadores/as e asociacións de persoas propietarias, cando administren un mínimo de cincuenta vivendas ou locais de negocio ou cando o importe total das fianzas administradas por eles sexa igual ou superior a trinta mil euros e presenten aval bancario que cubra o 20% do importe das fianzas xestionadas. Cada ano, xunto coa liquidación anual prevista no artigo 26º deberá procederse á actualización do importe garantido polo dito aval para que cubra a porcentaxe indicada.

Artigo 22º.-Concertos con profesionais dedicados á administración de predios.

Os e as profesionais dedicados á administración de predios poderán igualmente acollerse de xeito individual ao réxime de concerto nas condicións recollidas neste decreto para persoas arrendadoras e asociacións de persoas propietarias, se así o desexan. Neste caso deberán acreditar que está de alta na actividade e que reúnen os requisitos legalmente establecidos para o exercicio da súa profesión.

Artigo 23º.-Procedemento para a concesión do réxime de concertos de fianzas.

1. O Instituto Galego da Vivenda e Solo poderalle requirir á persoa interesada a emenda e mellora da solicitude nos termos establecidos polo artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O procedemento de concesión do réxime de concerto finalizará mediante resolución do director/a xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, que se deberá ditar no prazo máximo de tres meses contados desde a data de presentación da solicitude.

Contra a dita resolución, que non porá fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de vivenda.

Artigo 24º.-Denegación do réxime de concerto.

No suposto de que se denegue a posibilidade de acollerse ao réxime de concerto, o prazo dun mes para efectuar os depósitos no réxime xeral reiniciaríase ao día seguinte da recepción da notificación da resolución de denegación pola persoa interesada, sen que a interposición do correspondente recurso suspenda esta obriga.

Artigo 25º.-Forma e prazo do depósito en réxime de concerto.

1. Unha vez emitida a resolución de concesión do réxime de concerto, os titulares do concerto deberán presentar unha declaración inicial das fianzas en vigor mediante modelo normalizado que deberán descargar da páxina web do organismo.

2. Así mesmo, deberán realizar no prazo máximo de trinta días naturais o ingreso a favor do Instituto Galego da Vivenda e Solo, na conta que o dito organismo indique na correspondente resolución, do 90% do valor global das fianzas depositadas na empresa, entidade ou a favor do propietario ou propietaria que subscriba o concerto.

O titular do concerto reservarase o 10% restante para atender as devolucións ou liquidacións que se produzan no momento da extinción dos contratos. É obrigatorio dispoñer de fondos suficientes para garantir a devolución de todas as fianzas acollidas das cales se solicite a devolución. De non ser así incorrerase en causa de cesamento no réxime de concerto, e deberase proceder ao depósito das fianzas en réxime xeral.

3. No caso de ingreso fóra do prazo observarase ao disposto nos artigos 103º.3 e 112º.3 da Lei 18/2008, do 29 de decembro, de vivenda de Galicia.

4. Transcorridos tres meses sen que se produza o ingreso, iniciarase o procedemento para o cesamento no réxime de concerto.

Artigo 26º.-Liquidacións anuais.

1. Con carácter xeral durante a vixencia do concerto, os/as acollidos/as a este réxime de depósito deberán presentar nos primeiros quince días do mes de xaneiro de cada ano natural ante o Instituto Galego da Vivenda e Solo unha liquidación anual en que conste a relación de altas e baixas de contratos, que incluirá as fianzas constituídas, modificadas ou devoltas no ano anterior e o saldo resultante, o que determinará o depósito que debe realizarse.

2. As liquidacións validaraas o Instituto Galego da Vivenda e Solo no prazo máximo dunha semana.

3. Unha vez validadas, se o saldo representa un exceso das fianzas constituídas sobre as devoltas ou aplicadas, realizarase o depósito do 90% do saldo positivo no prazo máximo dun mes desde a notificación da validación da liquidación presentada.

4. Se o saldo é negativo, o Instituto Galego da Vivenda e Solo procederá á devolución do 90% dese saldo negativo no prazo dun mes.

O referido prazo computarase a partir do momento da recepción por parte da Administración da correspondente liquidación, sen prexuízo das obrigas do titular do concerto ante os seus arrendatarios/as. A falta de presentación ou a presentación fóra de prazo das liquidacións exonerará a Administración do pagamento dos xuros do depósito.

5. Os arrendadores ou arrendadoras acollidos a este réxime de concerto non poderán solicitar a devolución parcial do depósito realizado ata que se verifique a liquidación anual.

Artigo 27º.-Liquidacións complementarias.

Poderán presentarse liquidacións complementarias nos seguintes casos:

a) No caso de que proceda a regularización das contías que se deberán depositar, como consecuencia da actividade inspectora.

b) Cando proceda a realización de regularización voluntaria das fianzas non constituídas ou das que non se comunicase a baixa.

Artigo 28º.-Cesamento no réxime de concerto.

Cesarase no réxime especial concertado polas seguintes causas:

a) Extinción da obriga de depósito.

b) Perda sobrevida das condicións que determinaron a súa concesión.

c) Non realización do ingreso no prazo sinalado no artigo 25º.2.

d) Incumprimento da obriga de actualizar o depósito coas liquidacións anuais, así como a constatación do incumprimento de calquera outra das obrigas previstas neste decreto.

e) Renuncia. Poderá renunciarse a este réxime en calquera momento, o que suporá a aplicación do réxime xeral, co depósito da totalidade das cantidades correspondentes ás fianzas, mediante a oportuna liquidación.

f) Pola causa prevista no artigo 29º.5.

g) Pola causa prevista no artigo 25º.2 no caso de non dispoñer o titular do concerto de fondos para a devolución das fianzas.

As causas descritas nas letras c), d), e), f) e g) serán de aplicación unicamente para os acollidos ao réxime voluntario.

Artigo 29º.-Procedemento de cesamento no réxime de concerto.

1. O procedemento de cesamento no réxime de concerto poderase iniciar de oficio ou por instancia de parte.

2. Deberá presentarse a solicitude de cesamento no modelo do anexo IV en calquera das formas previstas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou a través da páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo xunto coa documentación acreditativa da circunstancia que motiva o dito cesamento.

3. Cando o procedemento o inicie de oficio a Administración, comunicarase ao titular do concerto e, concederase trámite de audiencia por un prazo de dez días, co fin de que efectúe as alegacións que considere oportunas. Transcorrido o dito prazo, ditarase a correspondente resolución de cesamento no réxime de concerto ou ben de arquivo de actuacións.

4. A resolución que decida o cesamento no réxime de concerto e o cambio ao réxime xeral de depósito, implicará a liquidación definitiva do concerto e a conseguinte obriga de depósito destas fianzas no réxime xeral no prazo dun mes contado desde a recepción da súa notificación.

5. Nos supostos en que a inactividade dos interesados imposibilite a liquidación definitiva do concerto, procederase a acordar o cesamento de oficio no dito réxime coa incautación da cantidade depositada no organismo, unha vez transcorridos cinco anos desde a data da última actuación por parte do titular do concerto.

6. Será competente para ditar as resolucións relativas ao procedemento regulado neste artigo o director/a xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Contra a resolución que se dite, que non porá fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de vivenda.

Artigo 30º.-Cambio do réxime xeral ao réxime de concerto.

1. Poderase cambiar do réxime xeral ao réxime de concerto voluntario, sempre que se cumpran os requisitos para acollerse a este réxime. Para tal fin, xunto coa correspondente solicitude que deberá presentar en modelo que se inclúe como anexo V, a persoa interesada deberá xuntar a documentación sinalada no artigo 19º e, ademais, a seguinte:

-Relación das fianzas que no seu día se depositaron de forma individualizada no Instituto Galego da Vivenda e Solo e que pasarán a incluírse no réxime de concerto, así como a autorización expresa dos respectivos arrendadores para incluír esa fianza no réxime de concerto e para cesión dos datos ao organismo.

-No suposto de que algunha ou a totalidade das fianzas constituídas o estivesen en papel de fianzas, será imprescindible presentar ese papel, xunto co correspondente contrato de arrendamento.

2. O cambio de réxime tramitarase de acordo co previsto para o procedemento de concesión do réxime de concertos de fianzas.

3. Logo de ver a documentación presentada, o Instituto Galego da Vivenda e Solo, devolverá á persoa solicitante do concerto os importes que procedan con relación ás fianzas depositadas en réxime xeral para que este deposite as cantidades previstas no artigo 26º, e será de aplicación o disposto no referido artigo.

4. Neste suposto procederá a cancelación dos xustificantes dos depósitos constituídos afectados.

Capítulo IV

Da actuación inspectora

Artigo 31º.-Deber de colaboración.

1. Os suxeitos responsables do cumprimento da obriga do depósito das fianzas deberán prestar a colaboración necesaria no desenvolvemento das funcións inspectoras, subministrando os datos e documentos que lle sexan requiridos.

2. Establécese o deber de atender os requirimentos de comparecencia ante os inspectores ou inspectoras de vivenda.

3. As persoas acollidas ao réxime de depósito concertado están obrigadas a facilitar cantas comprobacións da súa contabilidade sexan necesarias por parte do persoal inspector do Instituto Galego da Vivenda e Solo, respecto da contía das fianzas, así como a achegar os contratos cando lles sexan requiridos.

Artigo 32º.-Actividade inspectora.

1. A inspección en materia de fianzas terá por obxecto comprobar o cumprimento da obriga legal de depósito no Instituto Galego da Vivenda e Solo das fianzas dos arrendamentos de vivendas e demais predios urbanos, así como das fianzas dos contratos de subministracións e servizos que afecten as vivendas e demais predios urbanos.

2. As actuacións da inspección de fianzas poderá desenvolverse, calquera que fora a súa natureza:

a) Nas dependencias do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

b) No lugar onde as persoas propietarias, persoas arrendadoras concertadas, entidades subministradoras ou calquera outra persoa obrigada teña a súa residencia, despacho ou oficina.

c) Nos mesmos lugares definidos na letra anterior con respecto dos arrendatarios/as.

d) Nos predios urbanos obxecto dos contratos de arrendamento.

e) Onde exista algún elemento, polo menos parcial, constitutivo de proba.

3. En todo caso, garantirase no desenvolvemento da actividade inspectora o respecto ao dereito constitucional da inviolabilidade do domicilio.

4. Terminada a inspección, e unha vez comprobado o cumprimento polos suxeitos responsables da obriga do depósito da fianza, expedirase acta de inspección que acredite a súa conformidade.

5. No caso de que o depósito non estea constituído ou o estea defectuosamente, a persoa inspeccionada poderá presentar voluntariamente proposta de regularización da súa situación. Unha vez aceptada esta pola Administración e realizado o pagamento correspondente, o inspector ou inspectora expedirá acta de conformidade.

A dita regularización deberá efectuarse no prazo máximo dun mes desde a data de aceptación da proposta por parte da Administración e soportará o xuro legal desde a data en que tería que ter sido depositada a fianza ata a do seu efectivo depósito.

6. Se o obrigado ou obrigada non presentase a regularización do punto anterior, no caso de que esta fose rexeitada pola Administración, ou se o inspector ou inspectora constatase o incumprimento de calquera das obrigas impostas pola lexislación aplicable na materia, expedirase acta complementaria de desconformidade e/ou de infracción, da cal se dará traslado ao órgano competente para o inicio, de ser o caso, dun procedemento sancionador de conformidade co establecido no título V da Lei 18/2008, do 29 de decembro, de vivenda de Galicia.

Artigo 33º.-Procedemento de costrinximento.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá utilizar a vía executiva para o ingreso das fianzas non depositadas e das sancións que deriven do incumprimento da obriga de depósito.

Disposición adicional

Única.-Convenios con colexios profesionais.

1. Para a xestión e depósito das fianzas o Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá establecer convenios de colaboración con colexios profesionais, no seo dos cales se establecerán os mecanismos e requisitos específicos para que estes poidan actuar, e que regularán os dereitos e obrigas recíprocos en execución do disposto neste decreto.

2. Os ditos convenios precisarán, para o caso de incumprimento dos seus colexiados ou colexiadas das obrigas derivadas deste decreto, os supostos en que serán de aplicación as medidas disciplinarias que os colexios prevén nos seus estatutos e regulamentos.

Disposicións transitorias

Primeira.-Papel de fianzas.

1. Substitúese o papel de fianzas polo ingreso en efectivo, mediante o procedemento previsto no capítulo II.

2. O papel de fianzas existente sen utilizar retirarase da circulación e procederase á súa destrución.

3. Os depósitos realizados mediante papel de fianzas con anterioridade á entrada en vigor deste decreto seguirán tendo validez para os efectos da xustificación do depósito realizado e rexeranse polo disposto na súa normativa aplicable.

4. Os xustificantes de depósito emitidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo con anterioridade á entrada en vigor deste decreto conservarán a súa validez e o seu código de identificación orixinario ata a data da súa cancelación.

Segunda.-Depósitos en réxime de concerto.

Os réximes especiais de concerto concedidos ata a data de entrada en vigor deste decreto manterán a súa vixencia con independencia de que se axusten ou non ás condicións exixibles nesta disposición. Non obstante, deberán rexerse polo nel disposto en canto aos seus sistemas de xestión, obrigas e causas de extinción.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para ditar, no ámbito das súas competencias, as normas necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de marzo de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas

Ver referencia pdf "05100D001P005.PDF"

Ver referencia pdf "05100D002P018.PDF"