DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Luns, 21 de marzo de 2011 Páx. 4.681

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 9 de marzo de 2011 pola que se procede á apertura do prazo para a presentación da renovación do compromiso polos titulares de explotacións beneficiarios das axudas establecidas na Orde do 18 de abril de 2008, polo que se establecen as bases reguladoras das subvenciones destinadas ao fomento de sistemas de produción de razas gandeiras autóctonas en réximes extensivos (Diario Oficial de Galicia número 79, do 24 de abril).

As actividades subvencionadas por esta orde enmárcanse no establecido no Real decreto 1724/2007, do 21 de decembro, polo que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento de sistemas de produción de razas gandeiras autóctonas en réximes extensivos, así como na Orde do 18 de abril de 2008, pola que se establecen as bases que regulan a concesión das axudas destinadas ao fomento do sistemas de producción das razas gandeiras autóctonas en réximes extensivos (Diario Oficial de Galicia nº 79, do 24 de abril).

O artigo 6º, parágrafo 2º, da Orde do 18 de abril de 2008, establece que cada beneficiario poderá percibir estas axudas, durante un período máximo de cinco exercicios anuais consecutivos, logo da presentación anual da renovación do compromiso.

En consecuencia, e de acordo co previsto no artigo 30º.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 7º e 14º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as competencias que me confire a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto da orde.

1. Esta orde ten por obxecto establecer o prazo de presentación de renovación de compromiso asumido polos beneficiarios da axuda establecida na Orde do 18 de abril de 2008, e destinada ao fomento de sistemas de produción das razas gandeiras autóctonas en réximes extensivos (Diario Oficial de Galicia nº 79, do 24 de abril).

2. Segundo o que establece o 2º parágrafo do artigo 6º, da Orde do 18 de abril de 2008, cada beneficiario poderá percibir estas axudas, durante un período máximo de cinco exercicios anuais consecutivos, logo da presentación anual da renovación do compromiso, de conformidade co anexo I.

Artigo 2º.-Solicitudes, lugar e prazo de presentación.

1. Presentarase unha solicitude de axudas que deberá axustarse ao modelo que figura no anexo e que inclúe a renovación do compromiso para cada explotación gandeira. En caso de titulares de dous ou máis explotacións gandeiras presentarase unha solicitude para cada unha das explotacións.

2. Presentaranse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Xunta de Galicia, Administración xeral do Estado, a calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio, ou por calquera outro medio previsto no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de envío por correo, farase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31º do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal.

3. O prazo de presentación de solicitudes, será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 3º.-Financiamento.

As axudas que deriven da aplicación desta orde proceden dos orzamentos xerais do Estado, e financiaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011: 13.02.713-C.771.4 dotada para esta finalidade con 100.000 euros.

Este financiamento poderase ver incrementada coa dotación dos fondos provenientes dos orzamentos xerais do Estado, así como doutras administracións públicas, na mesma ou noutras aplicacións orzamentarias.

O incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito, como consecuencia de circunstacias antes sinaladas e se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A concesión da axuda estará sometida á condición suspensiva da existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Artigo 4º.-Tramitación e resolución.

En todo o referido á contía, requisitos, autorizacións, tramitación e resolución, estarase ao disposto na citada Orde do 18 de abril de 2008, pola que se establecen as bases que regulan a concesión das axudas destinadas ao fomento do sistemas de produción das razas gandeiras autóctonas en réximes extensivos (Diario Oficial de Galicia nº 79, do 24 de abril).

Disposicións adicionais

Primeira.-En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde será de aplicación o disposto no Real decreto 1724/2007, do 21 de decembro, polo que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento de sistemas de produción de razas gandeiras autóctonas en réximes extensivos e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, sen prexuízo da aplicación das normas de organización e procedemento dispostas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción Agropecuaria para ditar os actos de trámite necesarios para o mellor cumprimento e aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "05600D005P009.PDF"