DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Mércores, 23 de marzo de 2011 Páx. 4.888

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 45/2011, do 10 de marzo, polo que se regula o fomento das agrupacións de propietarios forestais, os requisitos e cualificación das sociedades de fomento forestal e a creación do seu rexistro.

Exposición de motivos.

Os montes, independentemente da súa titularidade, desempeñan unha función social relevante, tanto como fonte de recursos naturais como por ser provedores de múltiples servizos ambientais, entre eles, de protección do solo e do ciclo hidrolóxico, de fixación do carbono atmosférico, de depósito da diversidade biolóxica e como elementos fundamentais da paisaxe. O recoñecemento destes recursos e externalidades, dos cales toda a sociedade se beneficia, obriga as administracións públicas a velar en todos os casos pola súa conservación, protección, restauración, mellora e ordenado aproveitamento.

A vixente Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, define a xestión forestal sustentable, como a organización, administración e uso dos montes de forma e intensidade que permita manter a súa biodiversidade, produtividade, vitalidade, potencialidade e capacidade de rexeneración, para atender, agora e no futuro, as funcións ecolóxicas, económicas e sociais relevantes no ámbito local, nacional e global, e sen producir danos a outros ecosistemas.

A multifuncionalidade como principio básico non pode facer esquecer que unha adecuada xestión do monte só se pode acadar se se incorpora a ela o máximo posible do ciclo económico que engade valor. En consecuencia, lograr unha explotación económica rendible do monte convértese nun factor imprescindible para facer posible unha xestión sustentable das superficies forestais de propiedade privada. Este obxectivo resulta de difícil consecución, se temos en conta a estrutura da propiedade e a organización do monte en Galicia, que se caracteriza por unha excesiva fragmentación da propiedade e un baixo nivel de articulación corporativa. Isto determina a incapacidade para a constitución de explotacións cun tamaño suficiente para ser técnica e economicamente viables, co que a súa rendibilidade é mínima ou nula e o período de retorno do investimento resulta demasiado longo. Esta situación provoca un nivel moi elevado de abandono ou de baixo coidado da maior parte do monte galego, que se ve

acentuada polo tránsito xeracional da propiedade que, ademais, aumenta a diversificación e división desta última. Nestas condicións, resulta demasiado habitual a carencia de plans de ordenación, mellora e explotación que poidan garantir unha xestión sustentable do monte. Por outra parte, a implicación do capital privado é case inexistente, motivada polos longos ciclos de produción, pola falta de garantías xurídicas e pola inseguridade na recuperación derivada das posibles catástrofes que potencialmente ameazan os montes.

A citada Lei 43/2003 determina que os montes privados deben ser xestionados polos seus titulares, ben que estes poderán contratar a súa xestión con persoas físicas ou xurídicas de dereito público ou privado, pero tamén implica claramente as administracións públicas, instándoas tanto a establecer medidas de fomento da xestión sustentable dos montes como a fomentar as agrupacións de montes privados, co obxecto de facilitar unha ordenación e xestión forestal integrada que asocie a pequenas persoas propietarias.

No mesmo sentido a nosa Lei de incendios forestais de Galicia, Lei 3/2007, do 9 de abril, vén establecer que, co obxecto de facilitar a ordenación dos montes galegos e o seu planeamento preventivo, a Administración autonómica promoverá tanto a reorganización da propiedade forestal como a posta en marcha das agrupacións de propietarios ou propietarias forestais.

Resulta evidente que para acadar unha explotación económica rendible e sustentable é fundamental dispoñer dunha superficie mínima adecuada que posibilite a implantación dun instrumento forestal adecuado e unha xestión eficiente dos diferentes usos e aproveitamentos do monte.

Para acadar este obxectivo, tendo en conta a estrutura da propiedade do monte en Galicia, resulta imprescindible o impulso e fomento, desde as institucións públicas, das actuacións de concentración, xa sexa da propiedade forestal, xa sexa da súa xestión.

Neste ámbito de promoción da concentración da xestión forestal considérase que a figura societaria de responsabilidade limitada, sempre e cando reúna determinados requistos operativos de carácter forestal (esencialmente estar orientada á ordenación forestal, ao aproveitamento e á comercialización das producións forestais con base nun modelo de xestión conxunta e sustentable, e que posibilite a posta en valor do monte e que tales fins se reflicten nas súas normas de funcionamento), se adapta adecuadamente ás necesidades da xestión do monte galego. Trátase, ademais, dunha figura que permite unha diferenciación clara e unha articulación flexible entre propiedade e xestión.

Circunstancias que determinan que a Xunta de Galicia elixira a figura societaria de que se trata para canalizar o labor de fomento e promoción da xestión forestal por parte das institucións públicas autonómicas.

Dentro do ámbito dos obxectivos desta norma, no capítulo II establécense os requisitos operativos de carácter forestal que as agrupacións de propietarios forestais, os titulares de dereitos de uso de parcelas susceptibles de aproveitamento forestal e outros asociados, que constitúan unha sociedade de responsabilidade limitada deben cumprir para os efectos de garantir o seu interese forestal para Galicia. Así, unha superficie mínima de terreo forestal que se vaia xestionar de forma conxunta, e cuxo uso lle fose cedido á sociedade, deberá dispoñer dun instrumento de planificación da xestión forestal, entendéndose baixo esta denominación os proxectos de ordenación de montes, plans dasocráticos, plans técnicos ou outras figuras equivalentes, que garantan a adecuada ordenación do monte xestionado conxuntamente, así como a viabilidade técnica e económica da explotación, dentro dun modelo sustentable. Tamén se recolle neste capítulo II unha serie de requisitos que deberán ser incluídos nos

estatutos sociais, de tal xeito que permitan adecuar estes aos obxectivos perseguidos no ámbito forestal.

As sociedades así configuradas poderán instar a súa inscrición no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal que se crea e regula no capítulo III deste decreto en que se inscribirán todas aquelas sociedades de fomento forestal para os efectos das subvencións que outorgue a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste mesmo capítulo regúlase o proceso de inscrición no citado rexistro, e tamén se establecen as obrigas das sociedades de fomento forestal respecto a el. Para o efecto de promover a creación deste tipo de sociedades, establécese un proceso de inscrición previo no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal, de tal forma que incentive a concentración de persoas propietarias forestais.

No capítulo IV determínase o marco base dos incentivos e axudas que poderán ser aplicables ás sociedades de fomento forestal.

Finalmente, débese ter presente que na actualidade pode haber entidades, constituídas baixo distintas figuras xurídicas, que agrupen a propiedade forestal cunha finalidade de xestión e comercialización en común e ás cales se lles podería acreditar o seu interese forestal para a Comunidade Autónoma de Galicia. Ben é certo que a transformación das figuras xurídicas baixo as que operan, en sociedades de responsabilidade limitada, non sería un proceso excesivamente custoso nin complexo, considérase innecesario exixir tal obriga, sempre e cando poidan acreditar que cumpren basicamente os obxectivos perseguidos para as sociedades de fomento forestal. Para poderen ser obxecto de incentivos. En consecuencia, inclúese neste decreto unha disposición transitoria, a través da cal, e durante un período de doce meses, poderán solicitar a súa inclusión no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal.

En virtude do exposto, por proposta do conselleiro do Medio Rural e en uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, de conformidade co ditame do Consello Consultivo de Galicia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de marzo de dous mil once,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Este decreto ten por obxecto, de conformidade co artigo 29º da Lei 3/2007, do 9 abril, de incendios forestais de Galicia, regular o fomento das agrupacións de propietarios ou propietarias forestais mediante a constitución de sociedades mercantís de responsabilidade limitada que reúnan os requisitos que se determinan neste decreto, e que se denominan sociedades de fomento forestal.

2. Para tales efectos neste decreto regúlase:

a) A determinación dos requisitos que deben reunir as agrupacións de propietarios forestais para a súa consideración como sociedades de fomento forestal no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A creación do Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal e a regulación do seu funcionamento.

c) O réxime de incentivos susceptibles de aplicación ás sociedades de fomento forestal.

Artigo 2º.-Finalidade.

Constitúe a finalidade deste decreto:

a) Fomentar que as persoas propietarias forestais se incorporen de forma voluntaria a sistemas de xestión conxunta dos aproveitamentos forestais, incluídos os aproveitamentos e a comercialización das producións forestais dirixidos á mellor ordenación e xestión dos montes galegos.

b) Outorgar un maior protagonismo ás persoas silvicultoras, permitíndolles acadar unha rendibilidade das súas propiedades forestais e a conseguinte consolidación da súa propiedade.

c) Posibilitar unha axeitada xestión sustentable das superficies forestais de propiedade privada, alcanzando superficies abondo de xestión conxunta e a aplicación de instrumentos de xestión forestal.

d) Reducir o nivel de abandono do monte galego e diminuír o risco de incendios forestais.

Artigo 3º.-Definición de sociedade de fomento forestal.

1. Serán consideradas para efectos deste decreto como sociedades de fomento forestal aquelas agrupacións que asocian propietarios forestais ou, de ser o caso, persoas titulares de dereitos de uso de parcelas susceptibles de aproveitamento forestal, que ceden os devanditos dereitos á sociedade. Tamén poderán asociar a outras persoas físicas ou xurídicas que non sexan titulares de dereitos de uso de parcelas, sempre e cando a súa participación non supere o 49 por cento das participacións sociais. Estas agrupacións de propietarios deberán reunir, ademais, a totalidade dos seguintes requisitos:

a) Ter a forma xurídica de sociedade de responsabilidade limitada, de acordo co estipulado polo Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital, e polo resto da lexislación de carácter mercantil que lles resulte de aplicación.

b) Ter o seu domicilio social e fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Acreditar o cumprimento do disposto no capítulo II deste decreto.

d) Inscribirse no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal, de acordo co disposto no capítulo III deste decreto.

2. Para os efectos do disposto neste decreto enténdese por parcelas susceptibles de aproveitamento forestal aquelas que, aínda non formando parte de terreos forestais, sexan susceptibles de acordo co ordenamento xurídico de albergar producións forestais, recollidas especificamente no instrumento de planificación da xestión forestal.

Capítulo II

Requisitos

Artigo 4º.-Da superficie forestal mínima que se xestionará conxuntamente.

1. As sociedades de fomento forestal deberán xestionar conxuntamente unha superficie mínima que, atendendo á seguinte tipoloxía, será:

a) Plantacións forestais de froito: 15 hectáreas.

b) Plantacións de frondosas caducifolias ou masas preexistentes de frondosas autóctonas: 25 hectáreas.

c) Outras plantacións ou aproveitamentos forestais: 50 hectáreas.

2. As sociedades de fomento forestal deberán dispor, por calquera medio xurídico válido, dos dereitos de uso da superficie forestal indicada no parágrafo anterior.

Artigo 5º.-Da delimitación da superficie forestal xestionada.

1. A superficie forestal xestionada polas sociedades de fomento forestal poderá estar formada por un máximo de tres unidades de superficie en couto redondo, sendo a extensión mínima de cada unha delas a equivalente ao 25% da superficie mínima establecida no artigo 4º.

2. As unidades de superficie en couto redondo citadas no parágrafo anterior poderán incluír ata un 30% de superficie de encravados, que non computarán para os efectos da superficie mínima exixida.

3. As unidades de superficie deberán estar contidas nun mesmo termo municipal ou en termos municipais estremeiros.

4. A delimitación das unidades de superficie forestal xestionadas polas sociedades de fomento forestal non se verá interrompida por límites naturais (ríos, lagos, encoros, etc.), artificiais (vías de comunicación, etc.) nin administrativos (concellos, provincias, etc.).

Artigo 6º.-Do instrumento de planificación da xestión forestal.

1. As sociedades de fomento forestal deberán dispor dun instrumento de planificación da xestión forestal, aprobado pola dirección xeral competente en materia de montes, entendéndose baixo esta denominación os proxectos de ordenación de montes, plans dasocráticos, plans técnicos ou outras figuras equivalentes tal e como veñen definidos pola Lei 43/2003, do 21 de novembro.

2. O instrumento de planificación da xestión forestal será de obrigatoria aplicación, durante o período de vixencia establecido, á superficie forestal xestionada polas entidades que obteñan a cualificación de sociedade de fomento forestal, independentemente de que esta sexa disolta ou deixe de posuír os dereitos de uso sobre a devandita superficie, agás que a dirección xeral competente en materia de montes autorice unha modificación nel. Esta obriga existirá independentemente de que a sociedade fose beneficiaria dos incentivos regulados no capítulo IV deste decreto. Así mesmo, esta obriga aplicarase para as persoas socias que abandonen a sociedade polas causas previstas nos artigos 19º e 20º deste decreto.

3. O incumprimento das especificacións previstas no instrumento de planificación da xestión forestal sancionarase de acordo co disposto no artigo 67º l) da Lei 43/2003, de montes, e dará lugar ao reintegro da subvención percibida ou á perda do dereito á concesión de axudas, se for o caso.

Artigo 7º.-Do seu obxecto social.

As sociedades de fomento forestal unicamente poderán ter por obxecto social a explotación e aproveitamento en común dos terreos forestais dos cales o uso das parcelas foi cedido á sociedade, mediante unha xestión sustentable e viable deles, concretada nos aproveitamentos forestais definidos no artigo 6º da vixente Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes: os madeireiros e leñosos, incluída a biomasa forestal, os de cortiza, pastos, caza, froitos, fungos, plantas aromáticas e medicinais, produtos apícolas e os demais produtos e servizos con valor de mercado característicos dos montes.

Artigo 8º.-Do capital social e as participacións sociais.

1. Poderá ser socia dunha sociedade de fomento forestal calquera persoa física ou xurídica, con independencia de que teña a propiedade forestal ou non.

2. Ningunha das persoas socias poderá posuír participacións sociais que representen máis da terceira parte do capital social, salvo que se trate da Comunidade Autónoma de Galicia, entidades locais ou sociedades públicas participadas por calquera de tales institucións. Nese caso, a participación das entidades públicas poderá superar o devandito límite, sen acadar o 49% do capital social. Igual porcentaxe poderán ter as asociacións ou outras entidades sen ánimo de lucro.

3. No caso de coexistiren no capital social as achegas de persoas socias propietarias de parcelas forestais ou de persoas socias titulares do dereito de uso delas e as achegas de persoas socias simplemente capitalistas, as participacións sociais en que se divida o capital social serán necesariamente identificadas e diferenciadas no libro rexistro de socios/as atendendo a dúas clases: as que sexan de titularidade das persoas que ceden dereitos de uso de parcelas forestais e as restantes. A primeira clase identificarase como «clase forestal» e a segunda como «clase xeral».

4. A maioría dos dereitos de voto deberán posuíla as persoas socias que acheguen a propiedade ou os dereitos de uso de parcelas forestais.

Artigo 9º.-Dos sistemas de cesión de dereitos de uso e aproveitamento de parcelas forestais.

1. A cesión dos dereitos de uso e aproveitamento de parcelas forestais á sociedade realizarase por un prazo indefinido ou por un prazo determinado e concreto. En calquera caso, a cesión deberase realizar por un prazo mínimo de 25 anos.

2. A cesión por parte das persoas socias á sociedade dos dereitos de uso e aproveitamento de parcelas forestais poderá articularse a través de calquera das seguintes modalidades xurídicas:

a) A través de achegas non en diñeiro ao capital social:

Neste caso, o valor dos dereitos de uso intégrase no capital social, o que outorgará á persoa socia a súa cota nos dereitos de voto e participación en beneficios.

b) A través do establecemento de prestacións accesorias:

Neste caso o valor dos dereitos de uso non se considera como achega ao capital social. Nos estatutos sociais especificarase o seu contido concreto con identificación das parcelas e da súa superficie, das cales se cede o uso á sociedade. Así mesmo, especificarase a retribución que percibirá a persoa socia pola prestación accesoria, que poderá ser de varios tipos:

1º Unha retribución económica que se percibirá en función dos aproveitamentos forestais obtidos nas parcelas da súa propiedade.

2º Unha cota de participación nos beneficios da sociedade, determinada en función da valoración dos devanditos dereitos de uso, e non da súa participación no capital social, que se recibirá vía dividendos, en función dos resultados económicos anuais da sociedade.

c) Por calquera outra modalidade xuridicamente válida, sempre que garanta que a sociedade é plena posuidora dos dereitos de uso das parcelas que integran os terreos forestais obxecto de xestión conxunta.

Artigo 10º.-Do sistema de valoración dos dereitos de aproveitamento forestal achegados.

1. No momento da constitución da sociedade, ou da posterior cesión a esta dos dereitos de uso sobre parcelas forestais, as persoas socias poderán pactar libremente a valoración dos citados dereitos de aproveitamento forestal, sendo totalmente válido o devandito acordo.

2. Estatutariamente ou mediante pacto extra estatutario, as persoas socias poderán establecer un sistema obxectivo de valoración dos dereitos de aproveitamento forestal achegados a elas en forma de capital social, prestación accesoria ou calquera outro medio xuridicamente válido. Este sistema obxectivo de valoración deberá ter en conta, cando menos, os seguintes factores: superficie, cualificación do terreo e capacidade produtiva deste.

Artigo 11º.-Dos dereitos sobre o valor forestal en voo nos dereitos de uso achegados.

Nas parcelas forestais en que exista valor forestal en voo, será necesario o recoñecemento dos dereitos económicos sobre eles da persoa socia que realiza a cesión de uso das citadas parcelas.

2. Estes dereitos económicos poderán ser recoñecidos, dependendo do caso, como maior valor da achega non en diñeiro de dereitos de uso das parcelas forestais, ou como maior valor da retribución da prestación accesoria de cesión dos citados dereitos de uso. Non obstante, tamén poderá ser válida calquera outra fórmula acordada ao respecto entre as persoas socias.

Artigo 12º.-Do sistema de compensación ás persoas propietarias cuxa propiedade se vexa afectada pola execución das actuacións derivadas do instrumento de planificación da xestión forestal.

1. Os estatutos sociais deberán regular o réxime de obras, melloras e servidumes que poidan afectar as parcelas forestais con uso cedido á sociedade, e sexan consecuencia das actuacións derivadas do instrumento de planificación da xestión forestal.

2. A regulación estatutaria comprenderá o réxime de indemnizacións que proceda a consecuencia destas obras, melloras e servidumes.

3. Os estatutos sociais establecerán que, no caso de que a persoa socia cedente do dereito de uso teña titularidade suficiente para autorizar a modificación, non poderá opoñerse á realización da obra ou mellora ou á constitución da servidume.

Artigo 13º.-Do réxime de transmisión das participacións e os dereitos de adquisición preferente.

1. Os estatutos sociais determinarán, respectando os requisitos legais impostos polo Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital, o réxime de transmisión das participacións sociais por actos inter vivos e os dereitos de adquisición preferente. Deberán establecer normas que garantan que, no caso de que calquera persoa socia transmita as súas participacións sociais a terceiras persoas non socias, os dereitos de uso pola sociedade sobre os terreos forestais inherentes a elas non se vexan afectados, durante o tempo previsto de permanencia obrigatoria dos citados dereitos na sociedade, establecido no artigo 8º.1. Tamén se fixará unha orde de prelación para o exercicio do dereito de adquisición preferente que favoreza a adquisición de participacións sociais da clase forestal por outros titulares de participacións sociais da mesma clase.

2. Necesariamente regularase, nos estatutos sociais, un sistema obxectivo de valoración das participacións sociais obxecto de transmisión e o exercicio do dereito de adquisición preferente sobre elas.

3. En caso de transmisión por parte dunha persoa socia de todas ou parte das parcelas forestais de uso cedido á sociedade, os estatutos sociais poderán establecer a posibilidade dunha opción de compra preferente sobre os devanditos terreos en favor da sociedade e, no seu defecto, de calquera dos seus socios/as.

Artigo 14º.-Das condicións de acceso de novas persoas socias.

1. Os estatutos sociais establecerán necesariamente un sistema para estudar o interese de terceiras persoas en accederen como socias á sociedade, así como un método obxectivo para a valoración da súa achega ao capital social e, de ser o caso, da subscrición dunha prima de emisión.

2. No caso de que as persoas interesadas en acceder á sociedade sexan titulares de dereitos de uso de parcelas forestais limítrofes ao perímetro da superficie xestionada en común pola sociedade, e estean interesadas na cesión deles á sociedade, as cláusulas estatutarias favorecerán a integración desas persoas, pero respectando en todo caso os acordos estatutarios previstos no parágrafo anterior.

Artigo 15º.-Da xunta xeral de socios/as.

1. Os estatutos sociais determinarán, respectando os requisitos legais impostos polo Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital, o réxime de convocatoria e funcionamento da xunta xeral.

2. Tendo en conta a posibilidade legal de que cada participación social implique un número distinto de dereitos de voto na xunta xeral, a pluralidade de dereitos de voto outorgados deberá estar relacionada co valor outorgado aos dereitos de uso forestal achegados ou cedidos por cada participación social.

3. Os estatutos sociais determinarán a quen corresponden os dereitos e voto na xunta xeral, en caso de que respecto dunhas mesmas participacións sociais concorran un propietario e un usufrutuario.

4. Os estatutos sociais establecerán o réxime de maiorías cualificadas necesarias para a adopción de determinados acordos. En todo caso, establecerán a necesidade dunha maioría cualificada do 85% dos votos atribuídos ás participacións sociais para a adopción do acordo de disolución da sociedade ou a baixa no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal.

Artigo 16º.-Da tipoloxía e composición do órgano de administración.

1. A administración da sociedade será encomendada a un consello de administración.

2. O consello de administración estará composto por un número impar de persoas conselleiras, que fixará a xunta xeral, entre un mínimo de tres e un máximo de sete.

3. Os estatutos sociais establecerán que non será necesario posuír a condición de persoa socia para ser nomeada conselleira/o pola xunta xeral.

4. No caso de que no capital social coexistan participacións sociais da «clase forestal» e da «clase xeral», de conformidade co disposto no artigo 8º.3, ambas as dúas deberán estar representadas no consello de administración, determinándose estatutariamente o número de conselleiros/as que corresponden a ambas as dúas clases de participacións sociais.

5. Non obstante o establecido no punto 1 deste artigo, poderase admitir o nomeamento dun administrador/a único/a, sempre que este cargo sexa desempañado por unha empresa de servizos forestais que dispoña dunha acreditación válida sobre a súa solvencia e capacitación, a que se lle poderá exixir a súa inscrición no rexistro administrativo que sexa desenvolvido para tal efecto.

Artigo 17º.-Do funcionamento do órgano de administración.

1. Os estatutos sociais das sociedades que queiran inscribirse no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal establecerán que os administradores/as exercerán o seu cargo por un prazo delimitado de anos, podendo ser reelixidos unha ou máis veces por períodos de igual duración.

2. Os estatutos sociais establecerán o carácter gratuíto do cargo de administrador. A xunta xeral poderá, non obstante, fixar axudas de custo e/ou compensacións por gastos de asistencia e outros en que incorran os administradores/as, tendo en conta as circunstancias que en cada caso concorran.

3. Os estatutos sociais establecerán un número mínimo de reunións anuais do consello de administración, e que calquera conselleiro poida conferir, por escrito, a súa representación a outro conselleiro/a con carácter expreso para a reunión de que se trate.

Artigo 18º.-Dos acordos previos sobre distribución de resultados.

1. Os estatutos sociais determinarán os dereitos económicos das participacións sociais nos beneficios da sociedade, tendo en conta a posibilidade de que cada participación social implique unha diferente participación nos beneficios da sociedade.

2. Os estatutos sociais determinarán a obrigatoriedade de que, en caso de obtención de resultados positivos no exercicio económico pola sociedade, se proceda á distribución dun dividendo mínimo, cunha porcentaxe sobre o resultado do exercicio ou os criterios obxectivos para a súa determinación, que será fixada nos estatutos.

3. Os estatutos sociais poderán establecer a posibilidade de que as participacións sociais da «clase xeral» reciban unha retribución por dividendos mínima con base na aplicación dun tipo de xuro de mercado mais unha taxa de desconto sobre o importe do capital que estas representen.

Artigo 19º.-Valoración das participacións en caso de separación de socios.

Os estatutos sociais establecerán un sistema obxectivo de valoración das participacións sociais das persoas socias, aplicable no caso de que se exerza o dereito de separación, como método para intentar acadar un acordo sobre o seu prezo.

Artigo 20º.-Do dereito de exclusión.

1. Os estatutos sociais establecerán que, sen prexuízo das causas previstas no Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital, serán causa de exclusión das persoas socias, calquera dos seguintes supostos:

a) Se a persoa socia é titular de participacións sociais que leven vinculada a obriga de realizar prestacións accesorias correspondentes á cesión de uso de parcelas forestais, o incumprimento na súa realización, aínda cando sexa por imprudencia do socio.

b) Por incumprimento da obriga estatutaria de aceptar o réxime de obras, melloras e servidumes que poidan afectar as parcelas forestais cuxo uso lle fose cedido á sociedade, e sexan consecuencia das actuacións derivadas do instrumento de planificación da xestión forestal.

2. Os estatutos sociais establecerán un sistema obxectivo de valoración das participacións sociais das persoas socias, aplicable no caso de que se exerza o dereito de exclusión, como método para intentar acadar un acordo sobre o seu prezo.

Artigo 21º.-Da mediación e a arbitraxe.

1. Os estatutos sociais establecerán pactos relativos a que as discrepancias e controversias que xurdan entre as persoas socias, entre as socias e as administradoras, e entre calquera destas persoas e a sociedade, incluídas as relativas a separación, exclusión e determinación da cota de liquidación, sexan sometidas a mediación e arbitraxe. O laudo da citada arbitraxe será vinculante e executable ante calquera tribunal de xustiza que teña xurisdición para isto.

2. Nos citados pactos poderase establecer que a designación de árbitro, en ausencia de acordo entre as partes, sexa realizada pola dirección xeral competente en materia de montes.

Artigo 22º.-Da disolución.

Os estatutos sociais establecerán como causa de disolución a perda da condición de sociedade de fomento forestal pola sociedade.

Artigo 23º.-Da liquidación.

1. Os estatutos sociais establecerán que, en caso de acordo de disolución da sociedade, a xunta xeral nomeará as persoas liquidadoras de mutuo acordo coa dirección xeral competente en materia de montes.

2. No caso de que a cesión dos dereitos de uso de parcelas forestais por parte das persoas socias á sociedade se teña articulado a través de achegas non en diñeiro ao capital social, os estatutos sociais establecerán o dereito a que a cota resultante da liquidación lles sexa satisfeita ás citadas persoas socias, no primeiro caso, mediante a restitución das achegas non en diñeiro realizadas se subsistisen no patrimonio social, que serán apreciadas no seu valor real no tempo de aprobarse o proxecto de división entre as persoas socias do activo resultante. Neste caso, as persoas liquidadoras deberán pagar primeiro os demais bens sociais e se, unha vez satisfeitos os acredores, o activo resultante fose insuficiente para lles satisfacer a todos os/as socios/as a súa cota de liquidación, as persoas socias con dereito a percibila en especie deberán pagar previamente en metálico ás demais persoas socias a diferenza que corresponda.

Capítulo III

O Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal

Artigo 24º.-Creación, obxecto, natureza e competencia.

1. Créase o Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal, como un rexistro público de carácter administrativo adscrito á consellería competente en materia de montes e xestionado pola dirección xeral competente en que se inscriben as agrupacións de propietarios forestais, que obteñan a cualificación de sociedades de fomento forestal reguladas a través deste decreto.

Artigo 25º.-Encargado/a do rexistro.

1. O Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal levarase cos medios persoais e materiais da subdirección xeral que teña atribuídas as funcións en materia de recursos forestais, adscrita á dirección xeral competente en materia forestal.

2. Corresponderalle ao encargado/a do rexistro, nos termos previstos neste decreto:

a) Proceder á inscrición e a baixa das sociedades de fomento forestal no rexistro.

b) Proceder á inscrición previa das agrupacións de propietarios forestais que pretendan obter a cualificación de sociedade de fomento forestal, e xestionar esa situación provisional ata a súa inscrición definitiva ou a súa desestimación.

c) Cualificar os documentos que, de ser o caso, pretendan acceder aos libros do rexistro, así como a emisión de nota de defectos, se é o caso.

d) Expedir certificacións sobre as sociedades de fomento forestal inscritas no rexistro.

e) Requirir, de ser o caso, a información periódica que deberán proporcionar as sociedades inscritas no rexistro, de acordo co establecido neste decreto.

f) Colaborar e coordinar a información do Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal con outros rexistros.

g) Realizar a ordenación, tratamento e publicidade da información rexistral acumulada.

Artigo 26º.-Organización do rexistro.

O rexistro constará das seguintes seccións:

a) Inscrición previa.

b) Inscrición.

c) Información periódica para proporcionar.

d) Baixa.

Artigo 27º.-Certificacións.

1. O Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal expedirá certificacións do contido do rexistros autorizadas polo encargado ou encargada do rexistro. A certificación terá carácter gratuito.

2. O tratamento automatizado ou cesión de datos de carácter persoal contidos no rexistro respectará o establecido pola Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 28º.-Solicitude de inscrición.

1. A sociedade de responsabilidade limitada que teña por obxecto social o determinado no artigo 6º deste decreto poderá solicitar do Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal a inscrición nel. Para iso, procederá a presentar unha solicitude, conforme o modelo do anexo I deste decreto, de calquera das formas establecidas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dirixida ao encargado/a do rexistro, acompañada da seguinte documentación:

a) Escritura de constitución da sociedade así como, de ser o caso, as escrituras de modificación dos estatutos, debidamente inscritas no rexistro mercantil, que acrediten o cumprimento por parte da sociedade dos requisitos exixidos no capítulo II deste decreto.

b) Relación detallada e identificativa dos terreos forestais obxecto de xestión conxunta e xustificación do título xurídico que posúe sobre os dereitos de uso e aproveitamento destes, que acrediten o cumprimento por parte da sociedade dos requisitos exixidos nos artigos 3º e 4º deste decreto, indicando a situación xurídica e a información sobre os predios afectados extraída do catastro e do rexistro da propiedade, e a información dispoñible sobre os elementos culturais e naturais que se deben protexer e sobre as parcelas en estado de abandono ou de propietario descoñecido, así como os terreos de especial importancia polos seus valores ambientais, paisaxísticos ou culturais.

Artigo 29º.-Solicitude de inscrición previa.

1. Non obstante o exposto no artigo anterior, calquera sociedade de responsabilidade limitada que teña por obxecto social o determinado no artigo 6º deste decreto, cando non reúna todos os requisitos para solicitar a inscrición do artigo anterior, poderá solicitar a inscrición previa no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal, conforme o modelo de anexo I deste decreto. Para iso, procederá a presentar unha solicitude ao encargado do citado rexistro, sempre que lle xunte a seguinte documentación:

a) Escritura de constitución da sociedade así como, de ser o caso, as escrituras de modificación de estatutos, debidamente inscritas no Rexistro Mercantil, que acrediten o cumprimento do estipulado no artigo 6º deste decreto.

b) Documentación acreditativa da propiedade por parte das persoas socias de, polo menos, un 25% da superficie exixida no artigo 3º deste decreto.

c) Acreditación da disposición dun sistema obxectivo de valoración dos dereitos de aproveitamento forestal, que teña en conta, polo menos, os seguintes factores: superficie, cualificación do terreo e capacidade produtiva deste.

2. O período máximo de tempo durante o cal unha sociedade poderá estar na situación transitoria de inscrición previa será de doce meses. Transcorrido este período sen terse solicitado a inscrición definitiva, o encargado do rexistro dará de baixa a sociedade.

3. Para a obtención da inscrición definitiva como sociedade de fomento forestal, ademáis da documentación exposta no artigo 28º anterior, a sociedade deberá acreditar os labores de publicidade e información pública realizados cara aos propietarios das áreas xeográficas afectadas pola xestión forestal conxunta proxectada, mediante anuncio inserido no tablón de anuncios do concello ou concellos en que se encontren os terreos obxecto de xestión pola sociedade de fomento forestal e en dous xornais de ámbito galego.

Artigo 30º.-Tramitación e resolución das solicitudes de inscrición no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal.

1. O encargado/a do rexistro instruirá o procedemento seguindo o previsto na normativa do procedemento administrativo común. Se a solicitude non reúne os requisitos sinalados, requirirase a interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falla ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará que desiste tras resolución ditada nos termos previstos no artigo 42º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. O encargado/a do rexistro poderá solicitar, en calquera momento da instrución do procedemento, calquera aclaración ou documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

3. A resolución de cada solicitude corresponderá á persoa titular da dirección xeral competente en materia forestal, por proposta da subdirección xeral competente en materia de montes, á vista do informe xurídico emitido sobre a documentación achegada e do informe técnico emitido polo servizo territorial que corresponda. O prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses.

4. En caso de resolución desestimatoria, o solicitante poderá presentar recurso de alzada contra ela, ante o conselleiro competente en materia forestal.

Artigo 31º.-Exixencias de información periódica que se deberá proporcionar.

Unha vez que se procedese á obtención da cualificación como sociedade de fomento forestal, esta terá as seguintes obrigas de fornecemento de información ao rexistro:

1. No prazo máximo de dous anos desde a inscrición no rexistro, deberán presentar un instrumento de planificación da xestión forestal de acordo co estipulado no artigo 5º desde decreto.

2. Con carácter puntual:

a) Calquera tipo de modificación de estatutos ou de cambio no capital social que se produza deberá ser notificado nun período de tempo non superior a tres meses desde a súa realización. Para iso, presentará copia da pertinente escritura pública, unha vez que fose obxecto de inscrición no Rexistro Mercantil.

b) Calquera tipo de información que lle sexa solicitada polo/a encargado/a do rexistro, para o cal disporá dun prazo de trinta días desde a notificación.

3. Con carácter anual, e dentro dos nove meses seguintes ao peche de cada exercicio social:

a) Certificación emitida polo órgano de administración da cifra de capital social e das participacións sociais que o integran, distinguindo entre aquelas de clase forestal e de clase xeral, tal e como veñen definidas no artigo 7º.3, así como da superficie forestal xestionada pola sociedade e, de ser o caso, das unidades de superficie que a compoñen.

b) Copia das contas anuais depositadas no Rexistro Mercantil.

Artigo 32º.-Baixa.

1. Producirase a baixa dunha sociedade de fomento forestal, previo o oportuno procedemento de descualificación no rexistro, por calquera dos seguintes motivos:

a) Solicitude voluntaria por parte do órgano de administración da sociedade, mediante a presentación de certificación de acordo en tal sentido da xunta xeral de socios/as, e do cumprimento do requisito de maioría cualificada previsto no artigo 14º.4.

b) Incumprimento dos requisitos establecidos nos capítulos II e III do presente decreto. Non obstante, se ese incumprimento vén motivado por causas sobrevidas, o órgano de administración da sociedade poderá solicitar unha prórroga de seis meses para restablecer a situación. Transcorrido este prazo sen que a sociedade teña conseguido cumprir de novo cos citados requisitos, procederase á súa baixa definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal.

c) Incumprimento das obrigas de subministración de información periódica ao rexistro.

2. A baixa no rexistro producirase logo da tramitación do oportuno expediente, de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A resolución da baixa será adoptada pola persoa titular da dirección xeral que corresponda da consellería competente en materia de montes, e poderase recorrer contra ela en alzada ante a persoa titular da consellería.

4. A baixa dunha sociedade no rexistro dará lugar ao reintegro da subvención percibida ou á perda do dereito á concesión de axudas, se for o caso.

Artigo 33º.-Aproveitamentos madeireiros durante o proceso de inscrición no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal.

1. Desde o momento en que se produza a solicitude de inscrición no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal, xa sexa con carácter previo ou definitivo, os aproveitamentos madeireiros nas parcelas das cales se proxecta a xestión conxunta, serán solicitados pola sociedade e con xustificación técnica se o aproveitamento é previo á aprobación do instrumento de planificación da xestión forestal da dirección xeral competente en materia de montes.

2. O estipulado no parágrafo anterior non será aplicable no caso de que a persoa propietaria da parcela non achegase o aproveitamento do voo existente con carácter previo, e non houbese tempo material para realizar o aproveitamento no momento de proceder á solicitude de inscrición.

Capítulo IV

Incentivos ás sociedades e fomento forestal

Artigo 34º.-Incentivos ás sociedades con inscrición previa no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal.

Poderán concederse axudas ás sociedades inscritas con carácter previo no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal, para o desenvolvemento das actuacións necesarias para a consecución dos requisitos exixidos para lograr a inscrición definitiva no citado rexistro.

Artigo 35º.-Incentivos ás sociedades con inscrición definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal.

1. Poderán concederse subvencións ás sociedades con inscrición definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal para as seguintes actuacións:

a) Ata o 100% dos gastos necesarios para a realización da concentración privada das propiedades forestais integradas nas sociedades de fomento forestal. Para tal fin, as actuacións referiranse a perímetros de concentración nos cales alomenos o 70 por cento da superficie que se vai concentrar sexa de titularidade da sociedade de fomento forestal ou dos seus socios.

b) Ata o 100% dos custos de redacción do proxecto de obras e infraestruturas comúns.

c) Ata o 70% dos custos de execución de infraestruturas comúns derivadas do proceso de concentración privada das parcelas forestais integradas nas sociedades de fomento forestal.

d) Ata o 100% dos custos de redacción do instrumento de planificación da xestión forestal.

2. As sociedades de fomento forestal que dispoñan de instrumento de planificación da xestión forestal vixente e aprobado terán prioridade no acceso ás subvencións de fomento forestal que poida convocar a consellería competente en materia de montes, incluíndo as plantacións forestais, os traballos silvícolas e preventivos, así como os gastos de xestión. De entre elas, para os efectos de prelación, terán carácter preferente as sociedades de fomento forestal que teñan desenvolvido un proceso de concentración parcelaria dos terreos forestais obxecto de xestión conxunta.

Artigo 36º.-Outro tipo de incentivos.

Poderá establecerse legalmente ou regulamentariamente outro tipo de incentivos para as sociedades con inscrición definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal.

Disposición adicional

Única.-A consellería competente en materia de montes publicará e dará divulgación, a través da súa páxina web oficial, a modelos orientativos de estatutos sociais para as sociedades de fomento forestal. Así mesmo, poderá establecer mecanismos de colaboración cos axentes do sector forestal de cara á promoción e difusión deste tipo de sociedades, e conseguir de forma rápida e viable a súa implantación no sector forestal galego.

Disposición transitoria

Única.

1. As entidades xurídicas de dereito privado constituídas con anterioridade á entrada en vigor do presente decreto, que agrupen persoas propietarias forestais cunha finalidade de xestión e comercialización en común dos froitos das súas propiedades, poderán solicitar, durante un prazo de doce meses a partir da entrada en vigor do presente decreto da consellería competente en materia de montes, a súa inscrición no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal, aínda cando non teñan a condición de sociedade de responsabilidade limitada, sempre e cando poidan acreditar os seguintes aspectos:

a) Cumprimento da totalidade dos requisitos impostos nos artigos 3º e 4º deste decreto.

b) Estar en posesión, baixo calquera medio xurídico válido, da propiedade ou dereito de uso da superficie forestal a xestionar de forma conxunta, por un prazo restante de tempo que non resultará inferior ao establecido no artigo 8º.1.

c) Cumprimento dos requisitos estatutarios impostos no capítulo II deste decreto, excepto naqueles casos en que non resultase posible como consecuencia da regulación legal aplicable á entidade xurídica solicitante.

2. Nun prazo non superior a seis meses desde a solicitude de inscrición, a dirección xeral competente en materia de montes analizará a documentación presentada polo solicitante como proba do cumprimento dos requisitos exixidos na epígrafe anterior e ditará resolución sobre ela, procedendo á inscrición no Rexistro de Sociedades Forestais a aquelas que os cumprisen. En todo caso, se da mencionada análise se concluíse a existencia de aspectos que impedisen a resolución favorable, pero que puidesen ser corrixidos pola solicitante, comunicarallo formalmente a esta e concederalle un prazo improrrogable de dous meses para que acredite de forma definitiva o seu cumprimento.

3. Mentres a dirección xeral competente en materia de montes non resolva a solicitude de inscrición no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal, os aproveitamentos madeireiros por parte da entidade solicitante nas parcelas cuxa xestión conxunta se proxecta rexeranse polo estipulado no artigo 33º deste decreto.

4. Unha vez que se procedese á obtención da cualificación como sociedade de fomento forestal, esta terá as obrigas de subministración de información ao Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal reguladas no artigo 31º deste decreto, sempre que sexa obrigatorio para a entidade xurídica de que se trate.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o Decreto 101/2008, do 30 de abril, polo que se regulan as unidades de xestión forestal en Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento normativo.

Facúltase a consellería competente en materia de montes para ditar, no ámbito das súas competencias, as disposicións que sexan necesarias para a aplicación do presente decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de marzo de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "05800D003P024.PDF"