DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Venres, 25 de marzo de 2011 Páx. 5.115

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 14 de marzo de 2011 pola que se modifica a Orde do 8 de setembro de 2006, pola que se declaran e clasifican as zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Regulamento (CE) nº 853/2004, do Parlamento Europeo e do Consello do 29 de abril de 2004, polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal, establece no punto 1 da alínea A do capítulo II, que só se poderán recoller moluscos bivalvos vivos en zonas de produción con localización e límites fixos, clasificados pola autoridade competente, como pertencentes á clase A, B ou C consonte o Regulamento (CE) nº 854/2004 do Parlamento e do Consello do 29 de abril de 2004, polo que se establecen as normas específicas para a organización de controis oficiais dos produtos de orixe animal destinados ao consumo humano.

Polo tanto, é a autoridade competente quen debe determinar a localización e os límites das zonas tanto de produción como de reinstalación que se clasifiquen.

A Orde do 19 de xullo de 2010 pola que se modifica a Orde do 8 de setembro de 2006, pola que se declaran e clasifican as zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, establece nos seus anexos I e II as zonas de produción resultado dunha profunda revisión.

O artigo 6º desta orde establece que cando as análises e controis efectuados nas zonas de produción clasificadas como B ou C demostren o cumprimento de todos os parámetros exixidos durante os períodos establecidos, a Consellería do Mar procederá a revisar a clasificación da devandita zona. Igualmente poderá establecer novas zonas ou subzonas de produción, se se comproba que as medidas de mellora establecidas provocan a redución da contaminación ou ben que novos impactos provoquen un aumento desta, e as análises realizadas en distintas áreas desa zona de produción presentan niveis de E. coli que permitan establecer novas clasificacións dentro da zona de produción.

Para garantir a idoneidade dos produtos extraídos nas diferentes zonas a Consellería do Mar, a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), realiza os controis de todas as zonas de produción de acordo co establecido nos diferentes regulamentos.

Nos resultados dos controis realizados nas distintas zonas de produción detectouse que hai niveis de E. coli que ofrecen resultados diferentes aos que determinaban a clasificación e á delimitación das zonas establecidas no anexo I e representadas nos mapas do anexo II da Orde do 19 de xullo de 2010 que modifica a Orde do 8 de setembro de 2006.

En virtude do exposto anteriormente,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación da Orde do 8 de setembro de 2006 pola que se declaran e clasifican as zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 8 de setembro de 2006, pola que se declaran e clasifican as zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, queda modificada como segue:

Un.-O anexo I (moluscos bivalvos) no que se refire ao GAL 01/09 «Parte media da ría do Barqueiro» queda redactado do seguinte xeito:

Ver referencia pdf "06000D004P051.PDF"

Dous.-O anexo I (moluscos bivalvos) no que se refire ao GAL 08/03 «Parte interna da enseada de Muros» queda redactado como segue:

Ver referencia pdf "06000D004P051.PDF"

Tres.-O anexo II no que se refire aos mapas de produción para as zonas GAL-01 (II) e GAL-08, queda tal e como se indica nos mapas que se xuntan a esta orde.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2011.

Rosa Mª Quintana Carballo

Conselleira do Mar