DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Venres, 25 de marzo de 2011 Páx. 5.121

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 17 de marzo de 2011 pola que se convoca concurso de méritos para a selección e nomeamento da dirección dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

O Decreto 29/2007, do 8 de marzo, regula a selección, nomeamento e cesamento de directores e directoras dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, mediante un concurso en que se garantan os principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade, entre funcionarios e funcionarias de carreira dun corpo docente, en situación de servizo activo e que estean prestando servizos nun centro educativo dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. O decreto recolle que a selección deberá realizarse no propio centro por unha comisión constituída por representantes da Administración e do centro e que os e as aspirantes deberán superar un programa de formación inicial.

Procede, convocar concurso de méritos para seleccionar as direccións dos centros que rematan o seu mandato no actual curso académico 2010-2011.

Na súa virtude, esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.-Convocatoria.

Convócase concurso de méritos para seleccionar e nomear as direccións dos centros docentes públicos onde se imparten ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, que se relacionan no anexo I a esta orde.

A selección realizarase de conformidade cos principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade.

Segundo.-Requisitos para ser candidata ou candidato á dirección.

1. Para participar neste concurso de méritos para ser nomeada directora ou director dun centro docente público dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria deberán reunirse os seguintes requisitos:

a) Ser funcionaria ou funcionario de carreira dun corpo docente a que se refire a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

b) Estar en situación de servizo activo.

c) Ter unha antigüidade de polo menos cinco anos como funcionaria ou funcionario de carreira na función pública docente.

d) Ter impartido docencia directa como funcionaria ou funcionario de carreira durante un período de polo menos cinco anos, nalgunha das ensinanzas das que ofrece o centro a que se opta. Para estes efectos, enténdese que as funcionarias e funcionarios responsables da orientación educativa e profesional imparten docencia directa.

e) Estar prestando servizos nun centro educativo dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

f) Estar prestando servizos en centros docentes públicos, nalgunha das ensinanzas das que se ofrecen no centro a que se opta, cunha antigüidade de polo menos un curso completo ao publicarse a convocatoria. Para estes efectos considéranse as mesmas ensinanzas a educación infantil e a educación primaria.

2. Para participar no concurso de méritos para ser nomeada directora ou director dun centro público específico de educación infantil, incompleto de educación primaria, nos de educación secundaria con menos de oito unidades, nos que se imparten ensinanzas artísticas profesionais ou superiores deportivas, de idiomas ou nos centros específicos de adultos con menos de oito profesores, non se exixirán os requisitos establecidos nas letras c) e d) do punto 1 desta epígrafe.

Terceiro.-Solicitudes e documentación.

1. A solicitude de participación no concurso de méritos dirixirase á xefatura territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da provincia correspondente, no modelo que se publica como anexo III nesta convocatoria, achegando ademais:

a) Documentación acreditativa dos méritos académicos e profesionais alegados en relación co baremo que se publica como anexo II a esta orde.

b) Se é o caso, certificación da dirección do centro que acredite que o solicitante ten destino definitivo no centro.

c) Proxecto de dirección que inclúa, polo menos, os obxectivos, as liñas de actuación e a súa avaliación. No proxecto de dirección deberá facerse referencia entre os seus obxectivos xerais e as liñas prioritarias de actuación ás previstas nos artigos 9º e 10º da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

O proxecto de dirección non excederá de 30 folios DIN A4, nun tipo de letra: Times New Roman, espazo entre liñas: 1,5.

d) Calquera outra documentación que a candidata ou candidato considere idónea en interese da súa solicitude.

2. Efectuarase unha solicitude por cada centro que se demande ata un máximo de dous.

3. Así mesmo, os participantes no concurso de méritos remitirán ao centro ou centros docentes que soliciten unha copia do seu proxecto de dirección. Este proxecto estará á disposición dos membros do claustro de profesores e do Consello Escolar na secretaría do centro durante un período mínimo de 10 días lectivos, no horario que estableza a dirección do centro.

No taboleiro de anuncios da sala de profesores exporase unha relación das candidaturas presentadas, así como o prazo e o horario no que poderán verse os proxectos de dirección na secretaría.

4. A solicitude, xunto coa documentación a que se alude no punto anterior, poderase presentar nos departamentos territoriais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou en calquera das dependencias a que alude o artigo 38º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se opte por presentar a súa solicitude ante unha oficina de correos, farase en sobre aberto, para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

Cuarto.-Prazo de solicitude.

O prazo de presentación de solicitudes e documentación será de vinte naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Quinto.-Comisión de selección.

1. En cada centro educativo constituirase unha comisión de selección, nomeada polo xefe territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que terá a seguinte composición:

a) Unha inspectora ou inspector de educación, designados pola xefatura territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que exercerá como presidenta ou presidente.

b) Tres profesoras ou profesores do centro elixidos polo claustro de profesores, en reunión extraordinaria para estes efectos. Cada profesor ou profesora poderá emitir dous votos.

c) Tres membros do Consello Escolar, elixidos por e entre os membros do Consello Escolar que non son profesoras ou profesores, en reunión extraordinaria para estes efectos. Cada membro do Consello Escolar poderá emitir dous votos.

2. Actuará como secretaria ou secretario da comisión o representante do claustro de profesores con menor antigüidade como funcionaria ou funcionario de carreira e, en caso de empate, o máis novo.

3. A representación do Consello Escolar do centro non poderá recaer no alumnado que estea matriculado nun curso inferior a terceiro de educación secundaria obrigatoria.

4. En ningún caso, as candidatas ou candidatos á dirección poderán formar parte da comisión de selección.

5. Designaranse suplentes dos membros da comisión de selección en cada un dos ámbitos de representación que actuarán en substitución dos titulares cando exista causa xustificada que impida a actuación destes.

6. Aos membros da comisión de selección seranlles de aplicación as normas sobre abstención e recusación previstas nos artigos 28º e 29º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

7. A dirección do centro efectuará a proposta de nomeamento dos representantes do claustro e do Consello Escolar na comisión de selección, a xefatura territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dos cinco días seguintes ao remate do prazo de solicitudes establecido na epígrafe cuarta desta orde.

8. A non-elección dos representantes do claustro de profesores ou do Consello Escolar non impedirá a constitución da comisión de selección. De non elixirse os representantes do claustro e do Consello Escolar, a xefatura territorial nomeará a dirección do centro por un período de dous anos, oídos o Claustro e o Consello Escolar.

9. A composición da comisión de selección publicarase no taboleiro de anuncios do centro.

Sexto.-Composición da comisión de selección en determinados supostos.

Cando o número de profesorado do centro sexa inferior a catro ou o número de candidaturas á dirección non permita ao claustro elixir a tres membros de entre o profesorado, a composición da comisión de selección será a seguinte:

-Unha inspectora ou inspector de educación, designado pola xefatura territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que exercerá como presidenta ou presidente.

-Un profesor ou profesora do centro elixida polo claustro de profesorado. Cada profesor ou profesora poderá emitir un só voto.

-Un membro do Consello Escolar, elixido por e entre os seus compoñentes que non sexan profesoras ou profesores. Cada membro do Consello Escolar poderá emitir un só voto.

Sétimo.-Funcións da comisión de selección e procedemento de funcionamento.

1. Recibidas as solicitudes presentadas no departamento territorial, a comisión de selección comprobará que as/os aspirantes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e notificaralles aos aspirantes a admisión ou rexeitamento da súa petición.

2. Contra o rexeitamento da solicitude os aspirantes poderán presentar reclamación perante a propia comisión seleccionadora, no prazo de cinco días naturais contados desde o día seguinte ao da notificación da desestimación da solicitude.

3. A comisión de selección valorará os méritos académicos e profesionais de cada aspirante, de acordo co baremo que se publica como anexo II a esta orde.

4. A comisión de selección valorará, así mesmo, os proxectos de dirección, de acordo co establecido no baremo que se publica no anexo II desta orde, podendo ter unha entrevista co profesorado que presentou candidatura se considera necesario clarificar algúns aspectos do proxecto de dirección. Cando a comisión de selección decida a realización desta entrevista, deberá efectuala a todos e cada un dos candidatos e candidatas.

5. A cualificación do proxecto de dirección será a media aritmética das cualificacións de todos os membros presentes da comisión. Cando entre as puntuacións outorgadas polos membros da comisión exista unha diferenza de tres ou máis enteiros, serán automaticamente excluídas as cualificacións máxima e mínima, calculándose a puntuación media entre as cualificacións restantes. No caso de empate entre cualificacións máximas ou mínimas, unicamente será excluída unha delas.

6. Contra as puntuacións outorgadas pola comisión de selección poderá presentarse reclamación ante a propia comisión no prazo de dez días hábiles computados a partir do día seguinte ao da súa publicación no taboleiro de anuncios do centro educativo.

Oitavo.-Selección das candidaturas.

1. Transcorrido o prazo de reclamacións e, se é o caso, resoltas estas, a comisión de selección establecerá a puntuación final obtida polas aspirantes, e seleccionará a candidata ou candidato que proporán como directora ou director do centro, para o seu nomeamento pola xefatura territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. Para poder ser seleccionado e ser nomeado para a dirección é necesario obter polo menos seis puntos no proxecto de dirección.

3. A selección realizarase considerando, primeiro, as candidaturas do profesorado que teña destino definitivo no centro, que terán preferencia. En ausencia de candidaturas do centro ou cando estas non fosen seleccionadas, a comisión valorará as candidaturas do profesorado doutros centros.

4. No caso de se produciren empates na puntuación total dos aspirantes, estes dirimiranse atendendo sucesivamente aos seguintes criterios:

a) Maior puntuación no proxecto de dirección.

b) Maior puntuación na epígrafe 2 do baremo.

c) Maior puntuación na epígrafe 1 do baremo.

5. Se unha candidata ou candidato resultase seleccionado para dous centros resultará nomeada/o no centro no que tivera destino definitivo. De non ter destino definitivo en ningún dos centros será nomeada/o no centro polo que opte, procedéndose a seleccionar e nomear no centro non elixido a outra ou outro aspirante que reúna os requisitos con maior puntuación.

Noveno.-Recursos.

Contra a decisión da comisión de selección, resolvendo definitivamente o concurso de méritos de selección e nomeamento da dirección do centro, cabe recurso de alzada, no prazo dun mes, ante a xefatura territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Décimo.-Programa de formación inicial.

1. As/os aspirantes seleccionadas/os que non estean exentos deberán superar un programa de formación inicial, organizado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Aqueles candidatos e candidatas que non superen este programa de formación inicial non poderán ser nomeados directores ou directoras.

2. O programa de formación inicial consistirá nun curso teórico e na realización de supostos prácticos. O curso teórico deberá ter unha duración mínima de cen horas e incorporar no seu programa contidos sobre sistemas de xestión de calidade dos centros educativos, planificación e organización das actividades escolares, a organización e xestión de recursos humanos, procedementos de xestión administrativa e orzamentaria, formación para a convivencia, elaboración do proxecto lingüístico do centro, igualdade de xénero, mediación e resolución pacífica de conflitos, normativa en materia de centros da lingua galega, alumnado e profesorado.

3. O deseño destes cursos realizarao o Servizo de Formación do Profesorado, serán organizados polos centros de formación e recursos.

Décimo primeiro.-Exención do programa de formación inicial.

1. Estarán exentos de realizar este programa inicial de formación aqueles aspirantes que acrediten unha experiencia de polo menos dous anos no exercicio da dirección de centros docentes públicos. Computará, para estes efectos, como un ano o nomeamento polo período lectivo dun curso académico e estar desempeñando a dirección no actual curso académico.

2. O profesorado que estivese acreditado para o exercicio da dirección dos centros docentes públicos estará exento da realización do curso teórico do programa de formación inicial.

Décimo segundo.-Avaliación do programa de formación.

Para a avaliación do programa de formación inicial constituirase unha comisión de ámbito provincial, nomeada pola/o xefa/xefe territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e da que formarán parte:

a) O xefe ou xefa do Servizo da Inspección, que actuará como presidenta ou presidente.

b) Un director ou directora dun centro que imparta educación infantil, educación primaria ou educación infantil e primaria.

c) Un director ou directora dun centro que imparta educación secundaria.

d) Un director ou directora dun centro que imparta ensinanzas de réxime especial.

e) O director ou directora de cada centro de formación e recursos da provincia.

f) Unha funcionaria ou funcionario da delegación provincial, que actuará como secretario, con voz e sen voto.

Décimo terceiro.-Nomeamento.

1. A xefatura territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria procederá a nomear directora ou director:

a) A aquelas candidatas e candidatos seleccionados que estean exentos da realización do programa de formación inicial.

b) A aquelas candidatas e candidatos seleccionados que teñan superado o programa de formación inicial.

2. Os nomeamentos das direccións realizaranse con efectividade do 1 de xullo de 2011 e por unha duración de catro anos, prorrogables de acordo co previsto no Decreto 29/2007, do 8 de marzo, polo que se regula a selección, nomeamento e cesamento dos directores e directoras dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

3. Cando o nomeamento recaia nunha funcionaria ou funcionario que non teña destino definitivo no centro, a dirección desempeñarase en réxime de comisión de servizos.

Décimo cuarto.-Nomeamento con carácter extraordinario.

1. Nos supostos de ausencia de candidatos, ou cando a comisión correspondente non seleccione ningún candidato, ou nos centros de nova creación, a dirección será nomeada pola xefatura territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, oídos o claustro de profesores e o Consello Escolar, por un período de dous anos, entre o profesorado que reúna os requisitos establecidos na epígrafe segunda desta orde, e preferentemente que teña destino definitivo no centro.

2. A persoa seleccionada deberá realizar o programa de formación inicial agás que estivese exenta da súa realización, conforme o previsto na epígrafe décimo primeira desta orde.

Disposicións adicionais

Primeira.-Se con data do 30 de xuño de 2011 non estivese rematado o programa de formación inicial, a efectividade da duración do nomeamento da dirección quedará supeditada á superación do programa.

Segunda.-Excepcionalmente, poderá aprazarse a realización do programa de formación inicial no caso de estar gozando de licenza por embarazo ou de incapacidade temporal. Neste suposto, a efectividade da duración do nomeamento da dirección quedará supeditada á superación posterior do programa.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2011.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "06000D011P057.PDF"