DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Luns, 28 de marzo de 2011 Páx. 5.159

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 16 de marzo de 2011 pola que se establecen os requisitos mínimos exixibles ás entidades de formación recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 560/2010, do 7 de maio, polo que se modifican diversas normas regulamentarias en materia de seguridade industrial, para adecualas á Lei 25/2009, do 22 de decembro, adapta a normativa estatal ao disposto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, en virtude do mandato contido na súa disposición derradeira quinta. Ambas as dúas leis traspoñen ao ordenamento xurídico nacional a Directiva 2006/123/CE, do Parlamento Europeo e do Consello.

En consecuencia do anterior, é necesario adaptar a normativa autonómica de entidades de formación habilitadas para impartir formación no ámbito da seguridade industrial. O artigo 30º.1.2 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, atribúe á comunidade autónoma competencias exclusivas en materia de industria, da acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do estado, nos termos do disposto nos artigos 11º, 13º, 38º, 131º e 149º.1 da Constitución.

Así mesmo, a Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, ten entre as súas competencias o recoñecemento de entidades habilitadas para impartir cursos sobre regulamentos de seguridade industrial, de acordo co establecido no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG número 117, do 17 de xuño).

Na súa virtude, conforme as atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regular os procedementos que afecten as entidades recoñecidas que imparten cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial, establecendo as condicións e requisitos que se deben observar para a súa actuación na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Tramitación do recoñecemento como entidade de formación.

Antes de comezar a súa actividade como entidade de formación, o titular desta ou o seu representante legal deberá presentar ante a dirección xeral competente en materia de industria unha comunicación telemática mediante o modelo normalizado que figura no anexo I da presente orde.

Unha vez recibida a antedita comunicación, a dirección xeral competente en materia de industria inscribirá de oficio a entidade recoñecida no rexistro de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial, e ordenará a actualización do rexistro de entidades recoñecidas para impartir os citados cursos na páxina web da consellería competente en materia de industria.

Conforme o establecido no artigo 7º da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, a realización dunha comunicación permitirá acceder á actividade de servizos e exercela por tempo indefinido desde o momento da súa presentación ante a administración competente, sen que poidan impoñerse requisitos ou condicións adicionais, suxeita soamente ao cumprimento continuo dos requisitos regulamentarios e a que se facilite a información necesaria á autoridade competente para o control da actividade.

Calquera feito que supoña modificación dalgún dos datos incluídos na comunicación de inicio de actividade orixinaria, así como o cesamento da actividade formativa, deberá ser comunicado polo titular á dirección xeral competente en materia de industria, no prazo dun mes.

Artigo 3º.-Obrigas das entidades habilitadas para impartir cursos sobre regulamentos de seguridade industrial.

As entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial están obrigadas a:

a) Comunicar telematicamente á dirección xeral competente en materia de industria mediante o modelo normalizado que figura no anexo I da presente orde, o inicio da actividade como entidade de formación, así como calquera modificación dalgún dos datos incluídos na antedita comunicación e o cesamento da actividade formativa.

b) Contar cos medios técnicos e humanos que se determinan en cada regulamento de seguridade industrial que lle sexa de aplicación para realizar cada tipo de acción formativa, cumprindo coas condicións de seguridade regulamentariamente establecidas.

c) Dispoñer da documentación que xustifique o cumprimento dos requisitos establecidos no parágrafo anterior.

d) Dispoñer da documentación que acredita a capacitación do persoal afectado, de acordo coa normativa do país de establecemento e conforme o previsto na normativa da Unión Europea sobre recoñecemento de cualificacións profesionais, aplicada en España mediante o Real decreto 1837/2008, do 8 de novembro, polo que se incorporan ao ordenamento xurídico español a Directiva 2005/36/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de setembro de 2005, e a Directiva 2006/100/CE, do Consello, do 20 de novembro de 2006, relativas ao recoñecemento de cualificacións profesionais así como a determinados aspectos do exercicio da profesión de avogado.

e) Comunicar telematicamente ao departamento da xefatura territorial competente en materia de industria, antes do seu comezo, os cursos que se vaian impartir dentro de citada provincia, mediante o modelo de comunicación previa normalizada que figura no anexo II.

f) Enviar durante o mes de xaneiro de cada ano, unha memoria do ano anterior mediante o modelo de comunicación normalizada que figura no anexo III, na cal se detallen as actividades realizadas.

g) Entregar a cada alumno, unha vez finalizada a acción formativa, un certificado de aproveitamento conforme o modelo normalizado que figura no anexo IV da presente orde. A entidade deberá conservar copia do citado certificado durante un período mínimo de 5 anos, e non poderá cobrar por realizar un duplicado salvo pacto por escrito co alumno previo á realización da antedita acción formativa. Así mesmo, non poderá facilitar, ceder ou allear certificados de aptitude de accións formativas non realizadas por ela mesma.

Así mesmo, os datos que figuran no antedito certificado deberán coincidir cos que figuran na comunicación de inicio de actividade como entidade de formación, na comunicación de inicio de curso, e na memoria anual remitida pola entidade.

h) Cumprir as obrigas de información dos prestadores e as obrigas en materia de reclamacións establecidas, respectivamente, nos artigos 22º e 23º da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

Artigo 4º.-Seguro de responsabilidade civil.

As entidades de formación de operadores de guindastres torre e guindastres móbiles deberán ter subscrito un seguro de responsabilidade civil ou outra garantía equivalente, que cubra en todo momento os danos ocasionados como consecuencia do desenvolvemento das súas actuacións como entidade recoñecida así como os danos ocasionados como consecuencia da realización, por parte do tribunal calificador, das probas prácticas dos exames destinados á obtención do carné de operador de guindastre móbil autopropulsado ou guindastre torre.

A cobertura mínima será de seiscentos mil euros (600.000 €) por sinistro e ademais seiscentos mil euros (600.000 €) por cada vítima que se poida producir, e deberá ser actualizada anualmente de acordo coas variacións do índice xeral de prezos ao consumo publicado polo Instituto Nacional de Estatística.

Artigo 5º.-Revogación do recoñecemento como entidade de formación e réxime sancionador.

Ao abeiro do previsto no número 3 do artigo 71º bis da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a xefatura territorial da consellería competente en materia de industria no departamento territorial que corresponda poderá realizar os controis e inspeccións que estime pertinentes, que se deberán levar a cabo conforme o establecido no Decreto 219/2008, do 25 de setembro, sobre inspección de industria na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG número 199, do 14 de outubro).

O incumprimento dos requisitos exixidos, verificado pola autoridade competente e declarado mediante resolución motivada, levará consigo o cesamento da actividade, salvo que se poida incoar un expediente de emenda de erros, sen prexuízo das sancións que puidesen derivar da gravidade das actuacións realizadas, de conformidade co disposto no título III da Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia e o punto doce do artigo 13º da Lei 25/2009, do 22 de decembro.

Artigo 6º.-Carnés profesionais.

A consellería competente regulará mediante orde o procedemento e a convocatoria para a realización dos exames encamiñados á obtención tanto dos carnés como de calquera outra habilitación profesional necesaria no ámbito da seguridade industrial.

Disposicións transitorias

Primeira.-Entidades autorizadas con anterioridade a publicación da presente orde.

As entidades de formación autorizada para impartir cursos teórico-prácticos para a obtención do carné profesional en instalacións térmicas de edificios, do carné de operador de guindastres móbiles autopropulsados de categoría A e B, e do carné de operador de guindastres torre, con anterioridade á entrada en vigor da presente orde, poderán seguir realizando a actividade para a que foron autorizadas sen que deban presentar a comunicación de inicio de actividade como entidade de formación regulada no artigo 2º da presente orde.

Estas empresas serán inscritas de oficio no rexistro de entidades de formación regulado no antedito artigo 2º da presente orde. A dirección competente en materia de industria poderá solicitar a información necesaria para completar os datos precisos para a súa incorporación ao mencionado rexistro.

Sen prexuízo do establecido no punto anterior, o resto de novas condicións e requisitos establecidos nas modificacións introducidas pola presente orde serán en todo caso aplicables ás entidades sinaladas nos parágrafos anteriores.

Conforme o establecido no artigo 7º e 13º do citado Real decreto 560/2010, do 7 de maio, déixanse se efecto no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as autorizacións para impartir cursos teórico-prácticos para a obtención do certificado de cualificación individual en baixa tensión para as categorías básica (IBTB) e/ou especialista (IBTE), e do carné profesional de instalador de gas.

Segunda.-Procedementos en tramitación.

Os procedementos para a autorización de entidades habilitadas para impartir cursos sobre regulamentos de seguridade industrial regulados por algunha das normas regulamentarias que se modifican no antedito Real decreto 560/2010, e que estivesen en tramitación no momento de entrada en vigor desta orde tramitaranse e resolveranse pola normativa vixente no momento da presentación da solicitude.

Non obstante, o órgano competente para resolver non poderá exixir o cumprimento de requisitos que non estean recollidos na presente orde.

En todo caso, o interesado poderá, con anterioridade a que se dite resolución, desistir da súa solicitude e optar pola aplicación do disposto por esta orde.

Terceira.-As comunicacións que se regulan na presente orde realizásense en formato papel mentres non se dispoña da plataforma tecnolóxica que permita a súa tramitación telemática.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación normativa.

Quedan derrogadas as seguintes disposicións:

-Capítulo V da Orde do 27 de decembro de 2000 pola que se establece o procedemento unificado para a obtención de carnés profesionais e exixencias a empresas autorizadas para instalación, mantemento e outras actividades en materia de seguridade industrial (DOG número 11, do 16 de xaneiro de 2001).

-Artigo 2º da Orde do 25 de marzo de 2002 pola que se modifica a do 27 de decembro de 2000, pola que se establece o procedemento unificado para a obtención de carnés profesionais e exixencias a empresas autorizadas para instalación, mantemento e outras actividades en materia de seguridade industrial (DOG número 64, do 3 de abril de 2002).

-Disposición adicional da Orde do 13 de xaneiro de 2004 que modifica a Orde do 27 de decembro de 2000, pola que se establece o procedemento unificado para a obtención de carnés profesionais e exixencias a empresas autorizadas para instalación, mantemento e outras actividades en materia de seguridade industrial (DOG número 36, do 20 de febreiro de 2004).

-Orde do 10 de novembro de 2007 pola que se establecen os requisitos mínimos exixibles ás entidades de formación recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos para a obtención do carné de operador de guindastre torre no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se regula o emprego de simuladores de guindastres torre no módulo práctico do citado curso (DOG número 233, do 3 de decembro de 2007).

-Artigo 6º da Orde do 28 de abril de 2008 pola que se regula a aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia do regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11, aprobadas polo Real decreto 919/2006, do 28 de xullo (DOG número 95, do 19 de maio de 2008).

-Orde do 17 de outubro de 2008 pola que se establecen os requisitos mínimos exixibles ás entidades de formación recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos para a obtención do carné de operador de guindastres móbiles autopropulsados de categoría A e B no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se regula o emprego de simuladores de guindastres móbiles autopropulsadas no módulo práctico do citado curso (DOG número 219, do 11 de novembro de 2008).

-Artigo 3º da Orde do 1 de decembro de 2008 pola que se modifica a Orde do 27 de decembro de 2000, pola que se establece o procedemento unificado para a obtención de carnés profesionais e exixencias a empresas autorizadas para a instalación, mantemento e outras actividades en materia de seguridade industrial (DOG número 7, do 12 de xaneiro de 2009).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director xeral competente en materia de industria, para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde, así como para modificar os anexos.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2011.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria