DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Martes, 29 de marzo de 2011 Páx. 5.330

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 22 de marzo de 2011, da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para potenciar o desenvolvemento do sector empresarial da sociedade da información, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013 e se procede á súa convocatoria (procedemento administrativo PR520A).

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, de conformidade co Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, exerce as competencias de liderado das iniciativas en materia da sociedade da información, así como as de fomento da innovación no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación.

Neste marco, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica está a impulsar unha serie de medidas dinamizadoras da sociedade da información, entre as cales se atopa esta resolución de axudas para potenciar o desenvolvemento do sector empresarial galego que ten a súa actividade económica centrada nas tecnoloxías da información e as comunicacións.

As actuacións desta convocatoria estarán cofinanciadas nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, eixe 1 Desenvolvemento da economía do coñecemento (I+D+i, sociedade da información e TIC), tema prioritario 11 Tecnoloxías da información e comunicación, actuación 1.11.3, tema prioritario 13 Servizos e aplicacións para o cidadán, actuación 1.13.1. Polo tanto, a súa tramitación queda condicionada ao cumprimento da normativa da Unión Europea nesta materia.

En consecuencia, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I desta resolución, polas cales se rexerá a concesión das subvencións da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica para potenciar o desenvolvemento do sector empresarial da sociedade da información, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011. Tamén se aproban os anexos II, III e IV en que se inclúen as definicións, as descricións aplicables, e os formularios normalizados de solicitude e de declaracións preceptivas, que son aplicables nesta convocatoria.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas subvencións para o ano 2011 (procedemento administrativo PR520A).

Artigo 2º.-Solicitudes e comunicacións electrónicas.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada aos modelos normalizados que se inclúen como anexos III e IV desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5º das bases reguladoras.

2. De acordo co disposto no artigo 24º.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes (en diante decreto de Administración electrónica), os formularios da solicitude de axuda deberaos obter, cubrir, validar e presentar necesariamente o solicitante a través da aplicación informática a que se accede seleccionando o procedemento PR520A, dentro do enlace de Axudas desta secretaría xeral, sita no enderezo da internet http//imit.xunta.es. Tamén se pode acceder desde o enderezo http://www.xunta.es/ presentacion-electronica-da-xunta-de-galicia, facendo uso do enlace dispoñible co procedemento PR520A. Estes modelos validados pola aplicación informática valerán para a presentación electrónica, que se describe no artigo seguinte.

Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día anterior ao da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Os anexos III e IV desta convocatoria publícanse no Diario Oficial de Galicia (DOG) exclusivamente para efectos informativos e será necesario empregar a aplicación informática indicada para a obtención dos formularios de solicitude.

3. De acordo co disposto no artigo 24º.2 do devandito decreto de Administración electrónica, tamén se utilizarán medios electrónicos para as seguintes comunicacións:

-Emenda de documentación.

-Alegacións ao trámite de audiencia.

-Solicitude de modificación.

-Xustificación da subvención.

O interesado deberá presentar a documentación que corresponda no Rexistro Electrónico da Xunta co emprego do DNI electrónico ou certificado electrónico de persoa física da FNMT. A documentación presentarase a través do Servizo de Achegas de Documentación dispoñible na web da Secretaría Xeral (http://imit.xunta.es), ou accedendo directamente á seguinte URL:

http://www.xunta.es/apps/axudas/login.do?cod_cons= PR&cod_proc=999A

4. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como ocultar datos, alteralos ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigo 54º a 56º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes presentaranse en formato electrónico, ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do representante legal da entidade solicitante, e teranse que cumprir os requisitos de presentación electrónica que se definen e achegan no anexo II, de acordo co establecido no artigo 24º.2 do decreto de Administración electrónica.

Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a seis meses.

Dado o carácter de concorrencia competitiva da convocatoria, os requirimentos de emenda e corrección de erros nas solicitudes, así como as notificacións das resolucións correspondentes, realizaranse preferentemente no taboleiro electrónico particular ou mediante publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Información aos interesados.

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código PR520A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica a través das seguintes canles:

a) Páxina web oficial da secretaría xeral (http://imit.xunta.es), no seu punto de axudas.

b) O teléfono 881 99 50 58 da devandita secretaría xeral.

c) O enderezo electrónico sxmit.axudas@xunta.es

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outros procedementos, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia que é o 012 (desde fóra de Galicia o 902 12 00 12).

2. Unha vez presentadas as solicitudes, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica habilitará canles personalizadas (ver anexo II) de información cos interesados, con independencia dos medios preceptivos de notificación recollidos nos artigos 8º e 12º das bases reguladoras.

Disposición derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o titular da Subdirección Xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información para que dite as instrucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2011.

Mª Mar Pereira Álvarez

Secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para potenciar o desenvolvemento do sector empresarial da sociedade da información, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto potenciar o desenvolvemento do sector empresarial da sociedade da información, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e conta co financiamento ao 80% do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, polo que este réxime de subvencións quedará suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006 relativo ás axudas de minimis (DOUE do 28 de decembro), así como aos regulamentos (CE) 1080/2006 (DOUE do 31 de xullo), 1083/2006 (DOUE do 31 de xullo) e 1828/2006 (DOUE do 15 de febreiro) relativos ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

3. Segundo o disposto no artigo 1º do citado Regulamento (CE) 1998/2006 relativo ás axudas de minimis (DOUE do 28 de decembro), as axudas non poderán concederse ás empresas en crise, así como ás que operen nos sectores seguintes:

-Pesca e acuicultura (produción, transformación e comercialización).

-Produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado CE.

-Sector do carbón segundo se define no Regulamento (CE) 1407/2002.

Artigo 2º.-Actuacións subvencionables e non subvencionables.

1. Consideracións xerais sobre as actuacións.

Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en adiante, Lei 9/2007), considéranse gastos subvencionables aqueles que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Os gastos subvencionables e non subvencionables defínense de acordo co establecido na Orde EHA/524/2008, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE nº 53, do 1 de marzo).

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2011, data límite de xustificación establecida no artigo 18º destas bases reguladoras. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, operativos e verificables na data límite de xustificación do proxecto.

En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado. Así mesmo, a comisión de valoración poderá considerar como non subvencionables, ou limitar a súa porcentaxe en relación ao investimento subvencionable total do proxecto, á vista das solicitudes presentadas, aqueles conceptos que se consideren menos críticos para o normal desenvolvemento da actuación obxecto de axuda ou elementos que se consideren reiterativos doutros acometidos e subvencionados en exercicios anteriores.

Os provedores dos bens ou servizos están suxeitos ás condicións legais sobre a subcontratación de actividades subvencionadas citadas no artigo 17º destas bases reguladoras, e en todo caso, non poderán ser provedores vinculados (ver anexo II) coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. De concorrer a dita circunstancia os investimentos non resultarán subvencionables.

O órgano xestor terá acceso á totalidade das tarefas realizadas para os efectos de comprobación das actuacións subvencionables, tanto durante a súa execución como con posterioridade á súa xustificación.

As empresas poden optar ás distintas actuacións da convocatoria, presentando solicitudes específicas para cada unha das actuacións descritas neste artigo como A1 e A2. Cada empresa só poderá presentar unha única solicitude para cada tipo de actuación; no caso de que un mesmo solicitante presente máis dunha solicitude ao mesmo tipo de actuación, só se admitirá a trámite a solicitude que tivese entrada en último lugar ante a Administración.

2. Descrición das actuacións subvencionables.

Destinadas para que as empresas que desenvolven a súa actividade económica especificamente no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións, isto é, as empresas TIC, poderán xerar e ofertar ao mercado novos produtos e servizos TIC. Poderanse considerar solicitudes en que se recolla:

Liña A) Desenvolvementos TIC.

Destinada para que as empresas que desenvolven a súa actividade económica especificamente no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións, isto é, as empresas TIC, poidan desenvolver novos produtos ou servizos TIC, que sexan propiedade do solicitante, e que estean suxeitos a un pagamento por uso, licenza, adquisición, soporte ou posterior personalización, por parte de terceiros. Poderán considerarse novas versións ou evolucións substanciais de produtos anteriores xa desenvolvidos e comercializados con anterioridade, e deberán, neste caso, acreditar as funcionalidades existentes no produto actual, así como a evolución e mellora que se pretende acadar na nova versión que se propón.

Nesta liña de actuacións será obxecto de especial consideración, sempre segundo os criterios de valoración recollidos nestas bases reguladoras, a descrición que faga o solicitante sobre a súa experiencia, a situación do mercado, as razóns da escolla das tecnoloxías que se empregarán, o dimensionamento realista dos medios que se empregarán, a identificación de clientes reais e potenciais, o prezo de venda estimado do seu novo produto ou servizo, así como a descrición da metodoloxía ou métricas que se empregarán no desenvolvemento, e as ferramentas de control e seguimento do proxecto que se lle faciliten ao órgano xestor das axudas. Como axuda para achegar esta información, o solicitante poderá usar o modelo de memoria técnica (ver anexo II).

Cando nos desenvolvementos estean incluídas aplicacións ou servizos accesibles a través da internet, deberán necesariamente cumprir os criterios de accesibilidade ao contido (ver anexo II).

Poderanse considerar solicitudes nos seguintes tipos de actuación:

A1) Desenvolvementos centrados en áreas tecnolóxicas.

Estes novos produtos e servizos TIC que se oferten ao mercado terán que incidir nalgunha das seguintes áreas:

-Converxencia e accesibilidade IP. Produtos e servizos avanzados a través de banda larga orientados á converxencia entre a telefonía fixa/móbil e internet para persoas e máquinas, así como solucións tecnolóxicas que fomenten o acceso á internet de calidade desde calquera dispositivo distinto de móbil ou ordenador.

-Mobilidade, localización e GIS. Produtos e servizos emerxentes de mobilidade, sobre todo aqueles orientados a crear arquitecturas de comunicacións móbiles avanzadas, como as solucións multicanle e multidispositivo (PDA, terminal móbil, axendas...), deseño de servizos baseados na localizacións (GPS, celular...), integración con sistemas de mensaxaría (SMS, MMS...) e loxística, deseño de solucións revestidas con diferentes tecnoloxías sen fíos, así como para produtos e servizos relacionados cos sistemas de información xeográfica (GIS).

-Avance na TDT. Produtos e servizos interactivos para a TDT fixa e móbil, considerándose os investimentos necesarios para o desenvolvemento, claramente diferenciados, de ser o caso, dos de posterior prestación, xestión ou operación a través dos medios de comunicación social.

-Eficiencia enerxética. Produtos e servizos TIC que acaden melloras na eficiencia da rede eléctrica, na xestión enerxética dos edificios e veciñanzas, así como aplicacións intelixentes na iluminación.

-Fogar dixital. Produtos e servizos TIC que melloren a xestión e o mantemento do fogar, aforren enerxía, custos e tempo, aumenten a seguridade e o confort, melloren as comunicacións electrónicas, ofrezan novas formas de lecer, ocio e outros servizos dentro do fogar.

-Tecnoloxías RFID, transporte e sector marítimo. Produtos e servizos TIC que apliquen as tecnoloxías de identificación por radiofrecuencia en sectores de gran demanda (téxtil, sanitario, tráfico, posicionamento, etc.), novas utilidades TIC aplicadas ao transporte, loxística ou sector marítimo que aumenten a eficiencia e seguridade ou acaden unha integración entre outras tecnoloxías.

A2) Desenvolvementos centrados no cidadán.

Desenvolvemento de produtos e servizos TIC para a mellora dos servizos de interese xeral para os cidadáns. Poderán considerarse aqueles en que o usuario final é o cidadán ou mesmo aqueles dirixidos a entidades que pola súa vez prestan os servizos ao cidadán e prodúcese una innovación manifesta na calidade dos servizos. Consideraranse actuacións nos seguintes ámbitos:

-Servizos sociais e sanitarios: desenvolvemento e implantación de aplicacións para a prestación e xestión de servizos sociosanitarios, especialmente os relacionados coa saúde ou a dependencia (teleasistencia, servizos e dispositivos de localización, de alarma, etc.).

-Educación: ferramentas de creación de contidos dixitais de carácter educativo, plataformas de aprendizaxe en liña, plataformas de control do alumnado na aula, etc.

-Outros ámbitos de servizos electrónicos de interese xeral, non necesariamente vinculados á Administración.

* Gastos subvencionables:

-Equipamentos da rede de datos interna: electrónica activa (conmutadores, encamiñadores (routers), barreiras de seguridade), servidores da rede e dispositivos fixos de almacenamento da información, armarios bastidores e sistemas de alimentación ininterrompida (SAI) necesarios para a execución do proxecto.

-Elementos hardware para probas, validación de prototipos ou da compatibilidade de produtos ou servizos.

-Equipamentos informáticos de usuario necesarios para a execución do proxecto.

-Licenzas de software específico e imprescindible para o desenvolvemento.

-Custo de persoal técnico propio con relación laboral (réxime xeral da Seguridade Social) e con dedicación ao proxecto. Considerarase a parte proporcional dedicada ao proxecto da nómina, gastos sociais ou pagas extras efectivamente pagadas dentro dos prazos considerados.

-No caso de microempresas, tamén se considerarán os custos do persoal técnico, que sendo propio da empresa solicitante, deba figurar no réxime especial de traballadores autónomos debido á normativa aplicable aos representantes legais das empresas e aos socios traballadores. Considerarase a parte proporcional dedicada ao proxecto da nómina pagada, cun límite por traballador autónomo no gasto subvencionable mensual por este concepto do dobre do salario mínimo interprofesional.

-Servizos e colaboracións externas dedicadas ao proxecto co límite máximo do 20% do investimento subvencionable, que deberán acadar un resultado concreto, medible e documentado. En ningún caso estes gastos poderán supor a mera subcontratación de persoal.

* Gastos non subvencionables:

-Páxinas web e licenzas de software de uso xeral.

-Custos de persoal directivo, xerencial ou administrativo, así como os de persoal que non se estea vinculado coa empresa mediante relación laboral (agás as excepcións sinaladas para o persoal técnico nas microempresas), ou aquel en que a categoría laboral ou posto de traballo que desempeñe na empresa non se corresponda co labor técnico indicado na solicitude.

-Outras ferramentas hardware.

-Elementos funxibles ou removibles (discos, cintas, etc.) ou gastos xerais.

-Servizos de mantemento ou garantía adicional sobre os equipamentos adquiridos.

-Conceptos tales como cotas de conexión, mantemento ou hospedaxe.

-Calquera gasto, que pola súa natureza poida considerarse subvencionable, pero non sexa posible identificar o alcance concreto do gasto ou no que figuren incluídos e sen cuantificar outros gastos non subvencionables.

-Calquera gasto do que non se achegue documentación económica completa conforme o establecido no artigo 5º destas bases reguladoras.

Artigo 3º.-Financiamento e concorrencia.

1. Para a concesión das axudas, propias das actuacións que se convocan e que terán a modalidade de subvención, destinaranse os créditos correspondentes á aplicación orzamentaria que se menciona, cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, eixe 1 Desenvolvemento da economía do coñecemento (I+D+i, sociedade da información e TIC), tema prioritario 11 Tecnoloxías da información e comunicación, actuación 1.11.3 no caso dos investimentos encadrados nos puntos A1 desta convocatoria, tema prioritario 13 Servizos e aplicacións para o cidadán, actuación 1.13.3, no caso dos investimentos encadrados no punto A2 desta convocatoria, coa seguinte distribución:

Ver referencia pdf "06200D004P010.PDF"

No caso de que non exista suficiente número de solicitudes viables, á vista da documentación dispoñible ou como resultado da valoración obtida, coas cales se esgote o crédito consignado para algún dos tipos de actuación aquí recollidos, o crédito sobrante poderá dedicarse a algunha ou algunhas das restantes actuacións.

Este importe entenderase máximo sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte de aplicación dos criterios do artigo 10º destas bases reguladoras.

Poderanse atender solicitudes en que a comisión de valoración identifique uns investimentos subvencionables de polo menos 30.000 €.

Neste réxime de axudas é de aplicación a clasificación das pemes (ver anexo II) segundo a normativa da Unión Europea, para os efectos de calcular as porcentaxes máximas de axuda.

2. Con carácter xeral, as axudas poderán acadar ata o 50% dos investimentos subvencionables recollido nunha solicitude. Esta porcentaxe poderá elevarse cos seguintes incrementos:

-Ata un 10% adicional, para as solicitudes presentadas por medianas empresas.

-Ata un 25% adicional, para as solicitudes presentadas por pequenas empresas e microempresas.

3. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006 relativo ás axudas de minimis (DOUE do 28 de decembro), deberase garantir que no caso de recibir o beneficiario outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Polo que respecta ás axudas ás empresas que operan no sector do transporte por estrada este límite fíxase en 100.000 €. Estes límites aplicaranse independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido.

O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2º do citado regulamento.

Para garantir o cumprimento do punto anterior, será requisito indispensable para a concesión, e posteriormente para o aboamento da axuda, que o representante legal de cada empresa participante achegue unha declaración relativa ás axudas acollidas ao réxime de minimis, que recibisen durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en que se aprobou a axuda, así como das posibles axudas concedidas ao abeiro do marco temporal comunitario.

As axudas reguladas nesta resolución son axudas transparentes no sentido do artigo 2º número 6 do Regulamento (CE) 800/2008, da Comisión.

4. As axudas previstas nesta resolución non serán compatibles con calquera outra das reguladas por esta secretaría xeral, mais serán compatibles, para os mesmos gastos subvencionables, con outras axudas concedidas por entidades públicas ou privadas sempre que a acumulación de axudas non supere a totalidade do custo elixible e se respecten as condicións establecidas en cada réxime de axudas, na normativa nacional e comunitaria aplicable.

5. Ao estar este réxime de axudas dentro do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013 os gastos cofinanciados por un fondo non poderán acollerse a outras axudas procedentes do mesmo fondo ou doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios, de conformidade co artigo 34º do Regulamento (CE) 1083/2006.

Artigo 4º.-Beneficiarios e non beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases reguladoras, as empresas privadas, con personalidade xurídica validamente constituídas no momento de presentación das solicitudes, que realicen actividades con ánimo de lucro, así como os empresarios individuais, que teñan a súa sede social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, que reúnan os requisitos establecidos en cada un dos tipos de actuación subvencionables definidos no artigo 2º destas bases reguladoras. Os beneficiarios deberán reunir os requisitos que fundamentan a concesión así como os demais que se prevexan nesta resolución e na normativa aplicable.

Non poderán ser beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade, que careza de personalidade xurídica propia, aínda que realice actividade empresarial.

Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado, con independencia das comprobacións que preceptivamente deba efectuar o órgano xestor.

2. Este réxime de axudas non poderá aplicarse a empresas activas nos sectores da pesca e da agricultura; a axudas á exportación nin a axudas que favorezan os produtos nacionais fronte aos produtos importados; a empresas activas na produción agrícola primaria; a empresas especializadas na transformación e comercialización de produtos agrícolas, se o importe da axuda se establece en función do prezo ou da cantidade de produtos dese tipo comprados polos produtores primarios ou comercializados polas empresas afectadas, ou se a concesión da axuda se supedita á obriga de cedela total ou parcialmente a produtores primarios.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades que entren dentro da categoría de empresas en crise. Para estes efectos, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as grandes empresas figura no punto 2.1. das directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (DOUE C 244/2, do 1 de outubro de 2004) e que para as pemes aparece no artigo 1º.7 do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE 800/2008). Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse no lugar e prazo que se indican no artigo 3º da resolución de convocatoria.

2. As solicitudes estarán compostas polos formularios normalizados e o resto da documentación definida neste artigo. Nalgúns casos a documentación poderá identificarse polo solicitante como información accesible (ver anexo II) de xeito que a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica poderá acceder á dita documentación, sen que sexa presentada polo solicitante. É altamente recomendable identificar como accesible toda a documentación posible, polos erros que se evitan ao solicitante, así como pola eficacia e eficiencia que pode acadarse na xestión administrativa. Tamén interesa á hora de presentar as solicitudes ter en consideración o artigo 10º destas bases reguladoras no referente ao criterio de valoración f) Capacidade técnica acreditada na presentación. Considerando o anterior, as solicitudes deberán estar compostas pola seguinte documentación:

2.1. Formularios normalizados de solicitude obtidos a través da aplicación informática sinalada no artigo 2º da convocatoria, e que só terán validez se están debidamente asinados polo/s representante/s legal/is da entidade correspondente:

2.1 a) Anexo III (modelo normalizado da solicitude, 7 follas).

2.1 b) Anexo IV (modelo de declaracións expresas, 1 folla).

Estes formularios normalizados presentaranse sen engadir novos datos e sen realizar emendas nin riscaduras no seu formato orixinal, o que será causa de inadmisión a trámite.

2.2. Documentación xurídico-administrativa da empresa solicitante. Identificarase como información accesible (ver anexo II) ou, en caso contrario, presentarase a seguinte documentación:

2.2 a) NIF da entidade solicitante en vigor.

2.2 b) Documento acreditativo de que a persoa que asina a solicitude representa a entidade solicitante, agás no caso de empresarios individuais. Poderá xustificarse achegando un certificado expedido polo Rexistro Mercantil ou outros rexistros públicos necesario para ter personalidade xurídica (Rexistro de Cooperativas, etc.) no que se identifique aos representantes ou apoderados da entidade solicitante, así como o alcance de dita representación e vixencia. De non achegarse o dito certificado deberá achegarse a escritura pública de outorgamento do poder ou, de ser o caso, ao do nomeamento do representante. Debe estar en vigor na data de presentación da solicitude e presentarse íntegra, e deben figurar expresamente a súa inscrición no rexistro que legalmente lle puider corresponder.

2.2 c) DNI das persoas que asinan a solicitude, sen prexuízo do dereito a non presentar este documento segundo o Decreto 255/2008 (DOG nº 221, do 13 de novembro) no caso de que o interesado o identifique como información accesible (ver anexo II). Os estranxeiros residentes presentarán o NIE.

2.3. Documentación técnica relativa ao proxecto, consistente en:

Memoria técnica (ver anexo II) explicativa, en que se detallarán todos os aspectos inherentes ao desenvolvemento do proxecto e que serán obxecto de valoración competitiva. Para facilitar a súa elaboración, así como a súa valoración, recoméndase seguir o índice de contidos que se achega no anexo indicado. A devandita memoria terá unha extensión máxima de 40 páxinas.

Esta memoria técnica presentarase con carácter voluntario, para mellorar a explicación do proxecto. No caso de que o solicitante non presente dentro do prazo de presentación de solicitudes unha memoria técnica explicativa entenderase que solicita expresamente a valoración do seu proxecto coa información dispoñible nos formularios normalizados e na documentación económica que se describen neste artigo.

2.4. Documentación económica identificativa das contías dos investimentos.

Segundo o artigo 29º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de que o importe do investimento (sen IVE) supere a contía de 12.000 euros, o solicitante deberá obter e achegar copia de, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contracción de compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

2.4 a) En todo caso, copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os cales se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados polo solicitante, con independencia da contía dos investimentos. Non terán a consideración de orzamentos, as estimacións de gastos realizadas polo solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto.

2.4 b) Se o orzamento ou oferta superase a contía de 12.000 €, deberase achegar ademais unha copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionadas polo solicitante para a realización do proxecto (2 como mínimo por investimento).

2.4 c) Así mesmo, se o orzamento ou oferta supera a contía de 12.000 €, deberá achegarse unha memoria económica xustificativa da elección dos provedores, se concorre calquera destas circunstancias:

-Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa, das tres que como mínimo obtivo o solicitante.

-Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, e non se poida acreditar o previsto no punto 2.4 b) anterior. Este feito terá que ser alegado e acreditado expresamente polo solicitante que presentará dentro desta memoria económica un certificado expedido polo provedor no cal se recolla que é o único provedor existente no Estado. O órgano xestor poderá non aceptar tal circunstancia se considera que non está debidamente motivada ou non queda debidamente acreditada a súa xustificación.

-Cando o gasto se realice con anterioridade á solicitude de subvención, feito que se acreditará nesta memoria xustificativa mediante factura co seu correspondente pagamento.

Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo o solicitante.

2.4 d) De ser o caso, en actuacións con gastos de persoal subvencionable, descrición detallada dos datos e custos do persoal asignado ao proxecto, incluíndo:

-Nome e apelidos do traballador (agás que aínda non estea contratado).

-Copia simple dunha nómina do traballador (agás que aínda non estea contratado).

-Categoría laboral e posto de traballo que desempeña na empresa, de acordo co seu contrato e nómina.

-Titulación técnica.

-Función que se desenvolverá no proxecto.

-Tempo e porcentaxe de dedicación ao proxecto.

-Salario bruto mensual.

-Custo total imputado ao proxecto.

As ofertas presentadas, os provedores escollidos e os datos dos recursos humanos supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser beneficiario da axuda. Non se considerarán subvencionables, parcial ou totalmente, aqueles investimentos dos cales non se presente documentación económica completa conforme o aquí recollido.

2.5. Certificados acreditativos de estar ao día das obrigas coas administracións públicas.

Como caso xeral, estes certificados poden identificarse como información accesible (ver anexo II) e non teñen que ser aportados. Excepcionalmente, no caso de que o solicitante denegue expresamente a autorización para acceder a dita información, deberá presentar xunto coa solicitude a seguinte documentación que deberá estar en vigor:

2.5 a) Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

2.5 b) Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

2.5 c) Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

En caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

Artigo 6º.-Consentimentos e autorizacións.

1. Coñecemento da convocatoria. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do contido da convocatoria e das bases reguladoras, así como a asunción da veracidade dos datos nela recollidos e a responsabilidade sobre a inclusión dos ditos datos, mesmo a responsabilidade que se asume por posibles erros realizados a título de simple neglixencia.

2. Publicidade de axudas e sancións. De conformidade co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consente expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

Tamén, de conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta secretaría xeral publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas no artigo 15º.2 d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Igualmente as propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6º e 7º.2 d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro.

3. Acceso a datos. Para os efectos da documentación definida nesta resolución como información accesible, de conformidade co artigo 20º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deben emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente a dita autorización.

Igualmente, de conformidade co mesmo artigo 20º.3 da Lei 9/2007, se o solicitante identifica certa documentación como información accesible, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a esa documentación.

4. Responsabilidade sobre os datos de contacto. Cando o interesado identifique nos formularios de solicitude, de forma voluntaria, un enderezo electrónico e/ou un teléfono móbil para a recepción de avisos referentes a esa solicitude concreta, enténdese que consente a recepción de información complementaria sobre o seu expediente polas canles personalizadas que estableza a secretaría xeral para tal fin, sempre que os datos facilitados polo solicitante sexan correctos.

5. Adicionalmente ao xa indicado neste artigo, no anexo IV que forma parte dos formularios normalizados inclúense declaracións expresas sobre os datos do solicitante, e as condicións que consente ou autoriza.

Artigo 7º.-Órganos competentes.

A Subdirección Xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información pertencente á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, correspondendo ao titular da Secretaría Xeral ditar a resolución que corresponda.

Artigo 8º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71º da Lei 30/1992, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, de acordo con indicado no artigo 2º.3 desta resolución. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará da documentación identificada polo solicitante como información accesible (ver anexo II), se logo das xestións efectuadas polo órgano xestor se obtén un resultado negativo da dita información, ou non for válida, ou con erros ou inexistente nos termos identificados inicialmente polo solicitante. Nestes casos, o solicitante deberá responder ao requirimento achegando a dita documentación.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59º.6 b), 60º e 61º da Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda realizaranse preferentemente mediante publicación no DOG, e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará no taboleiro electrónico de anuncios da páxina web da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase indicar que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado taboleiro. Excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web, pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59º da Lei 30/1992.

3. Adicionalmente aos requisitos legais de notificación por publicación no DOG, taboleiro electrónico, o órgano instrutor disporá de forma complementaria de canles personalizadas de información (ver anexo II) para facilitar que os interesados estean informados en todo momento dos distintos actos que se lles comuniquen durante a tramitación.

4. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

6. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 9º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación da/s subvención/s aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidente: o titular da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, ou persoa que o substitúa.

b) Dous vogais: os titulares da Subdirección Xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información e do Servizo de Xestión da Sociedade da Información, ou persoas que os substitúan.

c) Secretario: un funcionario da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica

3. Os suplentes serán designados polo presidente da comisión de valoración.

4. A comisión poderá estar asistida por expertos externos que estarán suxeitos ao mesmo réxime de confidencialidade e ás mesmas causas de abstención que os traballadores públicos.

5. Así mesmo, a comisión, poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica para os efectos de colaborar na revisión e valoración dos documentos presentados xunto coa solicitude. Tanto os membros da comisión como os membros da subcomisión técnica poderán percibir axudas de custo por asistencias e axudas para gastos de locomoción por concorreren ás sesións conforme o Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

6. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de forma individualizada os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible nos diferentes tipos de actuacións subvencionables recollidos nestas bases reguladoras. A comisión tamén poderá determinar unha puntuación por debaixo da cal considera inadecuada a concesión da subvención.

7. O resto das solicitudes quedará en reserva para seren atendidas ben co crédito que quede libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención e deberá realizarse neste último caso dentro dos límites que dispón tanto o artigo 31º.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, como o artigo 30º.2 do regulamento que desenvolve a devandita lei aprobado polo Decreto 11/2009. Para estes efectos poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

8. Sen prexuízo do recollido nos puntos anteriores, á vista da documentación dispoñible ou como resultado da valoración obtida en función dos criterios a) ao f) do artigo seguinte, a comisión de valoración poderá considerar como non viable técnica, económica ou financeiramente un proxecto presentado, ben parcialmente ou ben na súa totalidade. Nese caso, eses investimentos non serían subvencionables.

9. A comisión de valoración, con carácter xeral para todos os proxectos presentados, poderá establecer límites máximos de investimento subvencionable naqueles conceptos en que xustificadamente se coide necesario, segundo criterios de máxima eficiencia na asignación de recursos.

Artigo 10º.-Requisitos de admisión e criterios de valoración.

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables, e ademais das obrigas derivadas da tramitación administrativa das solicitudes, constitúen requisitos de admisión das solicitudes para proceder á súa valoración, os seguintes:

-Adecuación do proxecto aos obxectivos da convocatoria.

-Requisitos de personalidade xurídica e actividade económica dos solicitantes para ser beneficiarios.

-Contía total dos investimentos subvencionables superior aos importes mínimos fixados.

Só serán admitidos os proxectos que reúnan todos os requisitos anteriores, procedéndose á súa valoración competitiva conxunta. Os criterios de valoración que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención e dentro de cada tipo de actuación subvencionable, serán os seguintes:

a) Concepción do proxecto (0 a 25 puntos).

1. Obxecto e ámbito de aplicación.

2. Concreción e claridade da información facilitada.

3. Situación de partida no solicitante e no mercado. Xustificación da necesidade do proxecto.

4. Definición e funcionalidade. Xustificación da escolla das tecnoloxías que se van empregar.

5. Descrición e arquitectura de sistemas, modelo de datos, etc.

6. Planificación.

7. Interface multilingüe, no caso de desenvolvementos.

8. Melloras que se pretenden conseguir e expectativas na explotación de resultados.

9. Colaboración de axentes do lado da demanda, indicando o alcance e acreditada mediante declaración responsable.

b) Adecuación dos investimentos e capacidade económica (0 a 20 puntos).

1. Identificación de partidas, desagregación dos orzamentos, adecuación aos prezos de mercado e ao volume das tarefas que se van realizar.

2. Calidade de ofertas e provedores:

-Desagregación e alcance das ofertas.

-Documentación empregada para a oferta ou adxunta a esta.

-Independencia e diferenciación das ofertas.

-Visibilidade web dos provedores en función dos elementos presentados.

-Constancia de que o provedor expide na actualidade factura electrónica e que serán expedidas para estes gastos.

3. Capacidade dos recursos humanos previstos:

-Programación de tarefas asignadas.

-Categorías profesionais.

-Dimensionamento dos recursos.

4. Viabilidade do proxecto fronte ao volume da empresa:

-Ratio de investimento fronte á facturación declarada.

-Ratio de persoal dedicado fronte ao persoal total do solicitante.

c) Calidade na execución e no control (0 a 20 puntos).

1. Metodoloxías ou métricas que se seguirán no proxecto.

2. Definición da documentación que se xerará durante o proxecto (análise, actas, versións, probas, manuais, etc.) e reflexo nos resultados finais.

3. Aplicacións informáticas implantadas no solicitante que serven para a execución e control continuo do proxecto (lanzamento inicial, tarefas, recursos empregados, xestión documental, control de versión, imputación de custos, contabilidade analítica, etc.).

4. Facilidades de control contínuo para que o órgano xestor acceda pola internet ás aplicacións informáticas citadas durante a execución e peche do proxecto, e adecuación das ditas aplicacións ás particularidades do proxecto.

5. Colaboración con centros tecnolóxicos e universidades.

d) Proxectos estratéxicos, innovadores e de referencia (0 a 15 puntos).

1. Estratéxico: que poida ser considerado de importancia especial para o desenvolvemento do sector en Galicia e con incidencia social ou empresarial alta.

2. Innovador: que crea unha novidade no mercado ou que introduce perfeccionamento ou mellora sobre aplicacións ou produtos existentes.

3. De referencia: que poida ser considerado como modelo de interese ou exemplo a seguir.

e) Visibilidade pública da capacidade técnica do solicitante (0 a 15 puntos).

1. Web do solicitante (máximo 5 puntos).

Só se valorará se dispón dun dominio propio, con cumprimento da LSSI e, de ser o caso a LOPD, figurando de xeito claro a razón social, NIF, domicilio e inscrición no Rexistro Mercantil ou aquel que corresponda.

-Accesibilidade ao contido na web e selos de accesibilidade (ata 2 puntos).

-Multiidioma (ata 2 puntos).

-Acceso a áreas privadas con claves ou certificados electrónicos (ata 2 puntos).

-Política de calidade e visibilidade de certificacións da empresa (ata 1 punto).

2. Calidade ou solvencia recoñecida (máximo 5 puntos).

-Certificación da empresa en normas da familia ISO 9000 (ata 2 puntos).

-Inscrición da empresa nun rexistro público de licitadores ou contratistas (ata 2 puntos).

-Inscrición da empresa no rexistro de IEBT da Consellería de Traballo (ata 1 punto).

3. Facturación electrónica (máximo 5 puntos).

Presentación ou acceso a un exemplar real de factura electrónica (ver anexo II) expedida polo solicitante:

-Baixo formato Facturae (5 puntos).

-Baixo outros formatos de factura electrónica (2 puntos).

f) Capacidade técnica acreditada na presentación (0 a 5 puntos).

1. Solicitude integramente presentada ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, sen que sexa necesaria a súa rectificación nin petición de documentación complementaria (5 puntos).

Para os efectos de aplicación deste criterio, non se considerará rectificación se o solicitante se acolleu á posibilidade de identificar inicialmente a documentación como información accesible (ver anexo II) se logo das xestións efectuadas polo órgano xestor se obtén un resultado negativo da dita información, ou non for válida, ou con erros ou inexistente nos termos identificados inicialmente polo solicitante.

A valoración máxima dos criterios anteriores pode acadar os 100 puntos. Adicionalmente considerarase o impulso do código libre e software de fontes abertas, así como o emprego da lingua galega na execución das actividades. Mediante os criterios seguintes, que serán aplicados en porcentaxe, sobre a valoración acadada nos puntos anteriores. Estes criterios adicionais son:

g) Impulso ao código libre e ao software de fontes abertas (FLOSS) (0 a 15% adicional).

1. Nivel de uso de ferramentas FLOSS para a execución do proxecto.

2. Desenvolvemento e xeración de resultados en FLOSS así como en estándares abertos, con identificación inequívoca dos resultados e as licenzas ás cal quedarán suxeitos os ditos resultados.

3. Identificación da publicación de resultados (informes, manuais, códigos, aplicacións, etc.) na web do solicitante ou repositorios públicos de FLOSS.

h) Emprego da lingua galega na realización das actividades (0 a 15% adicional).

Compromiso, con carácter voluntario e recollido no anexo IV, de utilización da lingua galega na realización das actividades sobre as cales se solicita a axuda, considerándose polo menos este compromiso nos seguintes elementos:

-Na memoria técnica da solicitude.

-Nas referencias en materia de publicidade que faga o beneficiario sobre o financiamento con fondos públicos da actividade subvencionada e que teñan difusión dentro da comunidade autónoma.

-Nunha memoria pública do proxecto realizado, que baixo licenza Creative Commons, deberá estar dispoñible na web do beneficiario (ver obrigas de publicidade anexo II).

Artigo 11º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes, de acordo co establecido no artigo 2º.3 desta resolución.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 12º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que se elevará, ao titular da secretaría xeral.

2. O titular da secretaría xeral, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario, ou, de ser o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de nove meses contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro. Con carácter xeral non se enviarán notificacións postais e de conformidade co establecido no artigo 59º.6 b) da indicada lei, substituirase a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderá remitirse aos beneficiarios a que consulten información detallada da resolución nun taboleiro da citada web.

Non obstante, excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web, pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59º da Lei 30/1992.

Artigo 13º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas polo titular da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o titular da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos ou os prazos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade desta orde.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros/as.

c) Que os novos elementos e as circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.

3. O beneficiario deberá solicitar a dita modificación mediante instancia dirixida ao titular da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, de acordo co indicado no artigo 2º.3 desta resolución, xunto coa documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos reflectidos no punto anterior, así como novo exemplar actualizado e asinado do anexo IV de declaracións expresas do solicitante, dispoñendo de prazo para esta solicitude ata o 1 de agosto de 2011, incluído. De non facelo implicará a perda da subvención afectada pola modificación e no caso de que esta implique unha variación substancial do proxecto inicial, a perda total da subvención concedida.

4. As modificacións que se refiran exclusivamente ao cambio de provedores na adquisición de bens físicos inventariables poderán solicitarse ata a mesma data de xustificación recollida no artigo 18º, debéndose achegar xunto coa solicitude de modificación un novo exemplar actualizado e asinado do anexo IV.

5. A conformidade expresa da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica ás mencionadas modificacións, requirirá informe favorable da Subdirección Xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información, e só será outorgada cando non se alteren significativamente o proxecto inicial e se cumpran os requisitos antes indicados.

6. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo titular da secretaría xeral logo da instrución do correspondente expediente no cal se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 11º destas bases reguladoras.

Artigo 15º.-Aceptación e renuncia.

Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos quince días naturais desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91º da Lei 30/1992.

No caso de que se comunique a renuncia, o titular da secretaría xeral ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42º.1 da Lei 30/1992.

Artigo 16º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención.

b) Acreditar, ante a entidade concedente, a realización da actividade ou a adopción do comportamento que fundamente a axuda así como dos requisitos ou condicións que determinen a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou excepcionalmente o que se sinale na resolución cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso potestativo de reposición.

c) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. No caso que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte co artigo 20º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dean como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de fiscalización e control que corresponde á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa axuda concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

e) Comunicar á entidade concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamenten a concesión da subvención. Por estar esta convocatoria suxeita ao réxime de minimis tamén deberá comunicar calquera axuda obtida polo beneficiario baixo este réxime, así como calquera obtida baixo o marco temporal comunitario neste ano fiscal e nos dous anteriores. Estas comunicacións deberán efectuarse tan pronto como se coñezan, e en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de control e comprobación da pista de auditoría sobre os gastos.

g) Manter os investimentos subvencionados coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos, durante un período de cinco anos desde a súa concesión. Esta condición non impedirá a substitución de instalacións ou equipamentos que queden obsoletos, dentro dese prazo de cinco anos, debido á rápida evolución da tecnoloxía, sempre e cando a actividade económica se manteña en Galicia durante este período mínimo.

h) Conservar a documentación relacionada coa axuda outorgada e a aplicación de fondos recibidos por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo, tal como se define no artigo 89º, número 3, do Regulamento 1083/2006, do Consello.

i) Proceder ao reintegro, total ou parcial, dos fondos percibidos, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, nos supostos previstos no artigo 33º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

j) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, por existir cofinanciamento entre a Unión Europea-Feder e a Xunta de Galicia. Seguiranse as indicacións recollidas nas obrigas de publicidade (ver anexo II).

Artigo 17º.-Subcontratación polos beneficiarios das actividades subvencionadas.

A subcontratación de actividades realizarase de acordo co establecido no artigo 27º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En todo caso respectarase a prohibición de subcontratación cos provedores de bens ou servizos en que recaian algunha das condicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10º e no artigo 27º da Lei 9/2007, así como no artigo 43º do Decreto 11/2009, que desenvolve a Lei 9/2007. Faise especial indicación de que os provedores non poderán estar vinculados (ver anexo II) coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.

Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20% do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se subscriba por escrito.

b) Que a súa subscrición a autorice previamente a entidade concedente da subvención na forma que se determine nas bases reguladoras.

Non poderá fraccionarse un contrato co obxecto de diminuír a súa contía e eludir o cumprimento dos requisitos exixidos no parágrafo anterior.

Artigo 18º.-Xustificación da subvención.

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia toda a documentación xustificativa, tendo de prazo para presentala ata o 31 de outubro de 2011.

O beneficiario poderá presentar a documentación xustificativa co emprego do DNI electrónico ou certificado electrónico de persoa física da FNMT.

A documentación presentarase a través do Servizo de Achegas de Documentación dispoñible na web da secretaría xeral (http://imit.xunta.es), ou accedendo directamente á seguinte URL:

http://www.xunta.es/apps/axudas/login.do?cod_cons= PR&cod_proc=999A

O órgano instrutor poderá facilitar aos beneficiarios modelos de documentación para o cumprimento do aquí indicado. Deberá presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude de libramento da subvención.

b) Conta xustificativa, entendéndose como tal un documento asinado polo representante legal do beneficiario, no cal se asume a realización do proxecto subvencionado, cunha relación das facturas, gastos e pagamentos contabilizados con cargo ao proxecto subvencionado, así como o seu sometemento á normativa aplicable en materia de subvencións públicas e demais condicións impostas na resolución de concesión. Porase á disposición dos beneficiarios o modelo deste documento para a súa formalización.

c) Memoria en que se describa a realización dos investimentos e os datos e incidencias máis significativos habidos na súa realización.

d) Xustificante dos investimentos: facturas dos provedores en relación cos gastos subvencionables, emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación do proxecto. No caso de custo de persoal, copias das nóminas así como dos TC2.

e) Xustificación dos pagamentos: transferencia bancaria, certificación bancaria orixinal ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite da xustificación do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo. Tampouco será válido ningún pagamento mediante arrendamento financeiro: leasing, renting, etc. No caso de custo de persoal xustificaranse os pagamentos á Seguridade Social e as transferencias das nóminas, mediante documentos bancarios acreditativos.

Non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

f) No caso de investimentos en desenvolvemento de software deberase proporcionar acceso a demostración en liña do desenvolvemento na súa versión en produción, ou mesmo no caso de desenvolvementos en código aberto a identificación da licenza ou acceso ao sitio público onde está dispoñible o desenvolvemento. Tamén deberán achegarse os manuais xerados con motivo do desenvolvemento, así como os documentos que acrediten o emprego dalgunha metodoloxía de desenvolvemento (actas de reunións, informes de auditoría, etc.),

g) No caso de aplicacións informáticas accesibles a través da internet, deberase achegar documentación detallada (enderezo, usuario, claves de acceso, etc.) que permita unha valoración e, se é o caso, revisión a través da internet do traballo realizado.

h) Declaración de axudas obtidas e solicitadas para o mesmo investimento en calquera outra administración, organismo ou ente público ou privado. No caso de ser beneficiario dalgunha axuda ou subvención para a mesma actuación deberá achegarse a documentación necesaria para a súa valoración para os efectos da súa concorrencia coa axuda outorgada. Adicionalmente, tamén deberá comunicar calquera axuda obtida polo beneficiario baixo o réxime de minimis neste ano fiscal e nos dous anteriores.

i) Certificación expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento en que conste a razón social e o NIF da empresa así como o ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente. Este certificado presentarase agás que na solicitude de axuda xa teña identificado unha conta bancaria dada de alta no sistema informático de pagamentos da Xunta de Galicia, polo que non sería necesario presentar de novo a certificación.

j) Documentación que acredite a publicidade do cofinanciamento con fondos Feder, segundo o sinalado nestas bases reguladoras no referente ás obrigas dos beneficiarios.

k) Excepcionalmente, no caso de que o solicitante denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio os certificados de que está ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, deberá presentar estas certificacións.

l) Calquera outro documento que se requira durante a tramitación do expediente para a verificación do proxecto.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presente a documentación solicitada poderase entender que renuncia á subvención. Neste caso, o titular da secretaría xeral ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42º.1 da Lei 30/1992.

Artigo 19º.-Pagamento.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención na secretaría xeral, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada e das condicións establecidas para a súa concesión.

2. Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente do proxecto.

Artigo 20º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Ao abeiro do disposto no artigo 14º.1 n) da Lei 9/2007, os criterios de gradacións dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que hai que minorar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables, ou da obriga de xustificación, dará lugar á perda ao dereito ao cobramento, ou se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda, da realización do investimento subvencionable ou da obriga de xustificación e dará lugar á perda do dereito ao cobramento, ou se é o caso, na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificada.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II Do reintegro de subvencións, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007.

5. Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido, así como o xuro de demora correspondente, nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 21º.-Control.

1. A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, aos dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 22º.-Publicidade.

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 23º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009 que desenvolve a Lei 9/2007. Así mesmo, observarase disposto na normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional

A Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, na súa condición de medio propio instrumental e de servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, poderá intervir na xestión desta convocatoria mediante a realización, de ser o caso, das seguintes tarefas previstas na encomenda realizada, con data 28 de febreiro de 2011, pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica á dita fundación para a xestión de determinadas actuacións relacionadas coa promoción e desenvolvemento da Sociedade da Información en Galicia:

-Información e orientación aos cidadáns no relativo ás convocatorias de axudas.

-Facerse cargo da documentación dos solicitantes.

-Análise da documentación presentada polos solicitantes, sistematización, depuración e ordenamento. Dixitalización da documentación.

-Elaboración da relación de solicitudes correctas e incorrectas (documentación incompleta, solicitudes fóra de prazo, etc.).

-Elaboración dunha proposta previa de valoración das solicitudes.

-Proposta de informe técnico das solicitudes, para os efectos do seu estudo por parte do órgano competente previsto nas bases reguladoras das axudas.

-Análise e proposta de actuación en relación coas modificacións nos proxectos presentadas polos beneficiarios.

-Xestión das notificacións aos solicitantes da proposta de resolución.

-Recepción, estudo e sistematización da documentación remitida polos beneficiarios na fase de xustificación dos investimentos.

-Asesoramento técnico nas reclamacións e recursos presentados polos solicitantes.

-Elaboración de informes e estatísticas sobre os datos derivados da execución das convocatorias.

-Elaboración dunha base de datos de solicitantes e beneficiarios de cada unha das convocatorias.

ANEXO II

Definicións e descricións aplicables, por orde alfabética:

-Canles personalizadas.

-Código libre e software de fontes abertas (FLOSS).

-Criterios de accesibilidade.

-Clasificación das pemes.

-Factura electrónica.

-Información accesible.

-Memoria técnica.

-Obrigas de publicidade.

-Presentación electrónica de documentación.

-Provedores vinculados.

Canles personalizadas:

Adicionalmente aos medios de información xeral para todos os interesados, e con independencia dos medios preceptivos de notificación administrativa, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica poderá pór á disposición dos solicitantes, a partir de que xa teñan presentada a súa solicitude, as seguintes canles personalizadas de actualización da información:

-Envío de correos electrónicos informativos ao enderezo electrónico que para tal fin, e de forma voluntaria, identifique a empresa na súa solicitude.

-Envío de mensaxes curtas de texto (SMS) informativas ao teléfono móbil que para tal fin, e de xeito voluntario, identifique a empresa na súa solicitude.

-O taboleiro electrónico da convocatoria. Este taboleiro electrónico é a canle que permite o acceso restrinxido a través da internet á documentación individual xerada para cada solicitude. Para acceder ao contido do taboleiro electrónico cada empresa deberá empregar un contrasinal que se xera automaticamente con cada solicitude ao cubrir os formularios, e que vén identificada nos formularios de solicitude coa lenda: Código electrónico. O taboleiro electrónico estará dispoñible na mesma páxina da internet a que se accede aos formularios normalizados da solicitude, agás que por publicación no DOG se remita a outro acceso a través da internet.

-Servizo de actualización de novidades RSS dispoñible sobre os contidos publicados no taboleiro electrónico. O servizo RSS permite aos interesados obter aviso de forma automática da actualización de contidos nunha web determinada (neste caso o taboleiro electrónico da convocatoria), sen necesidade de ter que acceder á dita web a diario para verificar se esta foi actualizada.

-Blog de tramitación da convocatoria na mesma páxina da internet, que permita tratar asuntos que susciten interese ou repetidas consultas, de xeito que cumpra informar a múltiples interesados. Os blogs permiten ordenar a información por asuntos e engadir comentarios que poden ser lidos por todos os interesados.

-Calquera outra canle que, cos medios técnicos dispoñibles durante a vixencia da convocatoria, poida implantar a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica en beneficio dos interesados.

Código libre e software de fontes abertas (FLOSS):

Entenderase como FLOSS aquelas aplicacións informáticas co código fonte que se ofreza baixo os termos dunha licenza GPL ou compatible (ver en http://www.fsf.org), ou ben calquera licenza das establecidas pola Open Source Initiative (ver en http://www.opensource.org). Como exemplo, entre as licenzas deste tipo máis difundidas, pódense sinalar a GPL (licenza pública xeral GNU), LGPL (licenza pública xeral menor GNU), MPL (licenza pública Mozilla), BSD (licenza pública BSD), ou a EUPL (licenza pública europea).

Criterios de accesibilidade:

De conformidade co disposto no artigo 4º da Lei 56/2007, do 28 de decembro, de medidas de impulso da sociedade da información, as administracións públicas exixirán que as páxinas da internet cuxo deseño ou mantemento financien total ou parcialmente apliquen, como mínimo, os criterios de accesibilidade ao contido xeralmente recoñecidos.

Para os efectos desta convocatoria de axudas identifícanse como criterios xeralmente recoñecidos as directrices de accesibilidade definidas polo grupo de traballo permanente Web Accessibility Initiative (WAI), do Consorcio para a World Wide Web (W3C), no seu nivel AA.

Clasificación das pemes:

Para a clasificación das empresas segundo o seu tamaño, actuarase de acordo co anexo I do Regulamento (CE) 800/2008 (DOUE do 9 de agosto) sobre definición de microempresas, pequenas e medianas empresas, de acordo cos seguintes criterios:

-Microempresas. As que teñen menos de 10 traballadores e un límite de 2 millóns de euros para o volume de negocio e o balance xeral.

-Pequenas empresas. As que teñen entre 10 e 49 traballadores e un límite de 10 millóns de euros para o volume de negocio e o balance xeral.

-Medianas empresas. As que teñen entre 50 e 249 traballadores. O límite do volume de negocio é de 50 millóns de euros e o do balance xeral de 43 millóns de euros.

O cómputo dos efectivos de persoal e os límites en caso de empresas asociadas ou vinculadas accionarialmente con terceiras, deberá efectuarse como dispón o artigo 6º, números 2 e 3, do anexo da citada recomendación da comisión.

Factura electrónica:

Entenderase por factura electrónica o documento electrónico que cumpre cos requisitos legal e regulamentariamente exixibles ás facturas e que, ademais, garante a autenticidade da súa orixe e a integridade do seu contido, o que impide o repudio da factura polo seu emisor, segundo o disposto no artigo 1º da Lei 56/2007, do 28 de decembro, de medidas de impulso da sociedade da información.

Entenderase por formato Facturae, aquel formato de factura electrónica descrito mediante un esquema XSD (XML Schema Definition), establecido na Orde PRE/2971/2007, do 5 de outubro, sobre a expedición de facturas por medios electrónicos cando o seu destinatario sexa a Administración xeral do Estado (BOE do 15 de outubro). O citado esquema completo encóntrase dispoñible e actualizado na páxina web www.facturae.es

Entenderase por outros formatos de factura electrónica aqueles que identifique o interesado (como poden ser UBL, GS1-XML, etc.) sempre que cumpran coa normativa aplicable.

Os expedidores das facturas electrónicas terán que dispor dos accesos en liña para a comprobación polo órgano xestor.

Información accesible:

O órgano xestor deste procedemento administrativo facilítalles aos cidadáns o exercicio dos seus dereitos de non presentar documentación que conste na Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica ou poida ser obtida polo órgano xestor mediante consulta con outras administracións públicas, segundo se recolle nos artigos 5º.2.2 e 5º.2.5 das bases reguladoras e coas particularidades que se identifican de seguido.

Para exercer o dereito a non presentar algúns destes documentos debe ser declarada polo solicitante como información accesible, identificando nos formularios normalizados este feito e achegando neles os datos correctos que lle permitan ao órgano xestor acceder á dita información. Os documentos que se pode identificar como accesibles son os seguintes:

-NIF, DNI ou NIE.

-Documento acreditativo do poder de representación.

-Certificados de inexistencia de débedas coa AEAT, a TXSS e a Facenda da comunidade autónoma.

a) Caso xeral, para todos os documentos:

Poderá considerarse información accesible cando o solicitante declare que a dita documentación está en poder da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, sempre que se manteña vixente e se identifique nos formularios normalizados de solicitude o ano de presentación e o código de procedemento administrativo para o que foi presentada, e non pasasen máis de cinco anos desde a dita presentación. Este dereito pode exercerse de acordo co disposto no artigo 35º f) da Lei 30/1992 e no artigo 20º.3 da Lei 9/2007.

Tamén poderá facerse uso da información dispoñible no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia, dependente da Consellería de Facenda, no caso das empresas inscritas no dito rexistro.

b) Casos particulares co NIF, DNI e NIE:

Poderá considerarse información accesible cando o solicitante autorice nos formularios normalizados de solicitude que o órgano xestor poida obter da Axencia Estatal da Administración Tributaria os datos identificativos necesarios (identificador do NIF-NIE-DNI, apelidos e nome ou razón social, e domicilio fiscal), en lugar de presentar estes documentos, comprobando que os datos declarados polo solicitante son exactos. Este dereito pode exercerse de acordo co disposto no artigo 6º.2 b) e no artigo 9º da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

No caso específico do DNI e o NIE, o solicitante tamén poderá prestar o consentimento para que o órgano xestor acceda ao sistema de verificación de datos de identidade (SVDI) do Ministerio de Administracións Públicas, de conformidade co Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos (DOG nº 221, do 13 de novembro).

c) Caso particular de poder de representación inscritos nun rexistro mercantil:

Poderá considerarse información accesible cando o solicitante identifique nos formularios normalizados que o documento xa está inscrito nun rexistro mercantil, en lugar de presentar o dito documento, accedendo o órgano instrutor á citada información mercantil, sen ningún custo para o solicitante, e comprobando que os datos declarados polo solicitante son exactos e que están en vigor. Será condición necesaria neste caso que os representantes teñan plenos poderes de administración da entidade mercantil tales como a administración única, administración solidaria ou mancomunada, ou mesmo o cargo de conselleiro delegado. Nos formularios de solicitude deberá escollerse entre os indicados o tipo de apoderamento, Rexistro Mercantil Provincial da inscrición e o número da inscrición (1ª no caso da escritura de constitución, 2ª, 3ª, etc.).

Para outros apoderados de entidades mercantís distintos dos anteriores, aínda que dispoñan de poderes xerais ou especiais inscritos nun rexistro mercantil, non poderá acreditarse a súa representación por esta vía dadas as características técnicas da consulta ao Rexistro Mercantil, tendo que achegar a documentación segundo o indicado no artigo 5º.2.2 das bases.

Advírtese que con este procedemento as empresas non teñen que presentar á Xunta de Galicia múltiples escrituras que recollen distintos feitos rexistrais ao longo da vida da sociedade, tales como constitución, modificación de obxecto social, cambio de nome ou denominación social, renovación de cargos, etc., xa que a información facilitada polo Rexistro Mercantil está actualizada incluíndo todos os datos vixentes.

Advírtese que o acceso público á información do Rexistro Mercantil non está suxeita a autorización polo interesado, mais a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica só accederá a dita información cando o interesado expresamente identifique que non presenta determinada documentación por xa estar inscrita nun rexistro mercantil, sen menoscabo da posibilidade que ten o órgano xestor para comprobar outras circunstancias que poidan concorrer no expediente como a existencia de declaración concursal, ou outras circunstancias inscritibles que imposibiliten a concesión dunha axuda pública.

Este dereito pode exercerse de acordo co disposto no artigo 6º.2 b) e no artigo 9º da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

d) Caso particular de certificados de inexistencia de débedas:

Esta documentación ten nun principio a consideración de información accesible, xa que a presentación da solicitude da axuda supón a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda.

Non obstante, o solicitante pode denegar expresamente esta autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio os ditos certificados, facéndoo constar nos formularios normalizados de solicitude, tendo entón o solicitante a obriga de obter e presentar a documentación correspondente.

Este dereito pode exercerse de acordo co disposto no artigo 20º.3 da Lei 9/2007.

Para todos os casos en que se identifique información accesible, no suposto de erros nos datos achegados polo propio solicitante, imposibilidade material de obter a documentación, ou se a información non fose válida, ou con erros ou inexistente, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Memoria técnica:

A presentación desta memoria é voluntaria. As bases reguladoras recollen que no caso de non presentarse xunto coa solicitude, entenderase que se solicita a valoración do proxecto coa información dispoñible nos formularios normalizados e na documentación económica.

Recoméndase non achegar información superflua ou xeral, que non achegue elementos de valoración. Saliéntase que a concreción e claridade da memoria técnica do proxecto está incluída dentro dos criterios de valoración das solicitudes. A extensión máxima desta memoria será de 40 páxinas.

Para facilitar a súa elaboración, así como a súa valoración, recoméndase seguir como modelo o seguinte índice:

1. Breve descrición da empresa solicitante.

1.1. Obxecto social e actividade da empresa.

1.2. Descrición da estrutura organizativa da empresa.

1.3. Breve historial da empresa.

2. Concepción do proxecto.

2.1. Obxecto e ámbito de aplicación.

2.2. Situación do solicitante en relación aos seus competidores. Descrición sobre a situación de produtos similares ou próximos no mercado. Xustificación da necesidade do proxecto.

2.3. Definición e funcionalidade. Tecnoloxías que se utilizarán e xustificación da escolla.

2.4. Descrición e arquitectura de sistemas, modelo de datos, etc.

2.5. Planificación. Calendario de execución do proxecto indicando, de ser o caso, as diferentes fases ou etapas de que consta, desagregando para cada unha delas:

-Inicio e terminación prevista, tempo que se vai empregar.

-Descrición da etapa, precisando o que se pretende acadar en cada unha delas.

2.6. Descrición da interface cos usuarios e deseño multilingüe.

2.7. Comparativa entre situación actual e prevista.

-Melloras e beneficios derivados do proxecto.

-Prezo de venda estimado do novo produto ou servizo, de ser o caso.

-Clientes reais e potenciais, así como o tempo necesario para a explotación dos resultados e plano de negocio.

-No caso de que se trate dunha nova versión dun produto ou servizo xa existente, achegar unha descrición completa das funcionalidades da versión actual do produto ou servizo, e das novas que se pretenden acadar.

2.8. Colaboración con axentes do lado da demanda. Alcance da colaboración.

3. Descrición dos medios e capacidades que se van empregar.

3.1. Identificación de partidas de gastos e desagregación. Medios propios dispoñibles. Dimensionamento dos investimentos fronte aos resultados que se pretenden acadar.

3.2. Provedores.

-Documentación facilitada aos provedores ou xerada por estes e adxunta ás ofertas.

-Diferenciación das ofertas, calidade da web dos provedores e visibilidade dos elementos ofertados.

-Constancia de que o provedor emite na actualidade e-factura e que serán emitidas para estes gastos.

3.3. Recursos humanos:

-Experiencia en proxectos similares nos dous últimos anos, e na tecnoloxía que se vai empregar.

-Programación de tarefas asignadas.

-Categorías profesionais.

-Dimensionamento dos recursos.

3.4. Dimensión do proxecto fronte ao volume da empresa: gastos e persoal dedicado ao proxecto fronte á facturación anual e persoal total do solicitante.

4. Normalización na execución e no control.

4.1. Metodoloxías ou métricas que se seguirán no proxecto.

4.2. Descrición detallada da documentación que se xerará durante o proxecto (análise, actas, versións, probas, manuais, etc.) e resultados finais.

4.3. Aplicacións informáticas implantadas no solicitante que serven para a execución e control continuo do proxecto (lanzamento inicial, tarefas, recursos empregados, xestión documental, control de versión, imputación de custos, contabilidade analítica, etc.).

4.4. Facilidades para que o órgano xestor acceda pola internet ás aplicacións informáticas citadas durante a execución e peche do proxecto.

5. Visibilidade pública do solicitante.

5.1. Web do solicitante con dominio propio, información legal (LSSI) e política de privacidade (LOPD).

Identificación de accesibilidade ao contido, construción multiidioma, áreas privadas, política de calidade e visibilidade na web de certificacións.

5.2. Calidade ou solvencia recoñecidas.

Identificación das certificacións en vigor en normas da familia ISO 9000, UNE 166001, UNE 166002, UNE-ISO/IEC 20000, UNE-ISO/IEC 27001, CMMI ou ISO-15504 (SPICE), achegando copia das certificacións correspondentes.

Inscricións en rexistros públicos de licitadores, contratistas ou no rexistro de IEBT da Consellería de Traballo e Benestar.

5.3. Uso da factura electrónica.

Se a empresa emprega e-factura, incluír un exemplar emitido no ano 2010, ou no 2011.

6. Emprego e resultados de código libre e de software de fontes abertas (FLOSS).

6.1. Identificación e relevancia no uso de ferramentas FLOSS para a execución do proxecto.

6.2. Desenvolvemento e xeración de resultados en FLOSS así como en estándares abertos, con identificación inequívoca dos resultados e as licenzas ás cales quedarán suxeitos os ditos resultados.

6.3. Identificación da publicación de resultados (informes, manuais, códigos, aplicacións, etc.) na web do solicitante ou repositorios públicos de FLOSS.

7. Outra información (que definirá voluntariamente o solicitante).

Obrigas de publicidade:

En cumprimento do artigo 15º.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e das medidas de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello (DOUE do 27 de decembro, L371), coas modificacións introducidas polo Regulamento (CE) 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro (DOUE do 23 de setembro, L250), as entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren en relación ao proxecto subvencionado, o cofinanciamento dos seus activos con fondos europeos Feder, así como pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. Para isto empregarán a lenda Proxecto cofinanciado, xunto co correspondente escudo normalizado da Xunta de Galicia e o emblema normalizado da Unión Europea coa lenda Unión Europea. Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

A Consellería de Facenda dispón na súa web dunha guía de publicidade que poderá ser usada polos beneficiarios (http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/ area-de-planificacion-e-fondos), aínda que a secretaría xeral facilitará información sobre estas obrigas e o xeito de cumprilas a todos os beneficiarios, debendo ter en conta que:

-Cando o proxecto se materialice expresamente nun sitio da internet deberán realizarse en lugar visible as citadas referencias na páxina de inicio desta; así mesmo, establecerase un enlace cara á páxina web da Comisión Europea relativa ao fondo.

-Cando se materialice nunha aplicación informática deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación (axuda, acerca de ou similares).

-Cando o proxecto dea lugar a documentación (manuais, caderniños, folletos, notas informativas, CD-Rom, etc.) deberá constar na contraportada das ditas publicacións as citadas referencias.

-O beneficiario deberá situar na súa páxina web principal unha epígrafe expresa que identificará como Fondos públicos, en que recollerá, durante un mínimo de dous anos desde a data de concesión, a información de publicidade consistente na data da resolución de concesión, data de publicación no DOG, norma reguladora, órgano concedente, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, coa indicación adicional do cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Adicionalmente deberá incluír xunto coa documentación anterior un documento que recolla unha memoria explicativa do proxecto financiado, tendo que ser o dito documento un arquivo PDF posto a disposición do público mediante unha das múltiples licenzas Creative Commons, que se poden consultar na web http://es.creativecommons.org/licencia/. A resolución de concesión eximirá desta obriga cando concorran no expediente as circunstancias previstas de salvagarda da honra e á intimidade das persoas físicas segundo o

previsto no artigo 15º.2 d) da Lei 9/2007.

Presentación electrónica de documentación:

Para a presentación electrónica de solicitudes e demais documentación, considerarase o seguinte:

1. Será necesario que o presentador da solicitude sexa a persoa física solicitante ou que teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante, e como tal figure identificado nos formularios normalizados de solicitude.

2. O presentador deberá posuír algún dos seguintes certificados:

-DNI electrónico, conforme co disposto no Real decreto 1586/2009, do 16 de outubro, polo que se modifica o Real decreto 1553/2005, do 23 de decembro, polo que se regula a expedición do documento nacional de identidade e os seus certificados de sinatura electrónica.

-Certificado electrónico en vigor baixo a norma X.509 V3 expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda, conforme o disposto no Decreto 164/2005, do 16 de xuño.

-Calquera outro certificado dixital aceptado polo Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

Advírtese que os certificados deben ter exclusivamente atributos de persoa física, polo que se acredita a vontade da dita persoa física, non sendo válidos aqueles certificados electrónicos que ademais están vinculados a persoas xurídicas, xa que a vontade da persoa xurídica está limitada nestes certificados a un determinado alcance (por exemplo: exclusivamente para fins tributarios ante a AEAT, gastos menores dunha contía, etc.).

3. Neste tipo de presentación, de conformidade co artigo 35º.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar ao expediente copias dixitalizadas dos documentos que se lles requiren, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. A Administración pública poderá solicitar do correspondente arquivo ou rexistro o cotexo do contido das copias dixitalizadas presentadas. Ante a imposibilidade deste cotexo e con carácter excepcional, poderá requirir ao particular a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Neste tipo de presentación o solicitante tamén pode identificar determinada documentación como información accesible polo órgano xestor co que non tería a obriga de presentala. En todo caso o solicitante deberá achegar en formato electrónico a documentación técnica e económica a que se fai referencia no artigo 5º das bases reguladoras.

Para achegar xunto cos formularios normalizados calquera destes documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF, cuns requisitos mínimos de resolución a 300 dpi e polo menos en branco e negro. A aplicación informática definida na convocatoria, para facilitar a obtención dos formularios normalizados, permitirá no momento da presentación telemática, anexar aos citados formularios estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño, ou partirse en varios arquivos PDF para ser anexados separadamente. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Unha vez asinados co certificado electrónico do presentador os formularios normalizados e todos os documentos que acompañen a solicitude, procederase á transferencia telemática da dita documentación ao Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño. Unha vez completado o proceso de transferencia telemática, efectuarase a anotación correspondente no rexistro de entrada, e nese momento, empregando as características da aplicación telemática, expedirase un recibo en que quedará constancia do feito da presentación segundo o recollido no dito Decreto 164/2005, e que poderá ser impreso e gardado polo interesado. A obtención do dito recibo (no que entre outros datos aparecerán a data, a hora e os minutos da presentación e o número de entrada no Rexistro Electrónico) é o que lle garante ao solicitante que a presentación tivo lugar sen erros, e serve para acreditar ante terceiros o dito feito.

De conformidade co disposto no artigo 10º da Lei 11/2007, o servizo de presentación electrónica ante o Rexistro Electrónico respectará os principios de accesibilidade e usabilidade de acordo coas normas establecidas ao respecto, estándares abertos e, de ser o caso, aqueleoutros que sexan de uso xeneralizado polos cidadáns. Estes principios non impiden que algún estándar particular non estea dispoñible. Así mesmo, de conformidade coa disposición transitoria única da Lei 11/2007, os rexistros telemáticos existentes no momento da entrada en vigor da dita lei, como é o caso do creado polo Decreto 164/2005, serán considerados rexistros electrónicos regulándose polo disposto na citada lei.

4. A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da documentación por parte dunha soa persoa física. No caso de documentación que debe ser asinada por máis dunha persoa (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a dita documentación ante a Xunta de Galicia. Recoméndase que se xere este documento en formato electrónico coas sinaturas de todos (por exemplo, asinando un PDF coas utilidades de sinatura electrónica Valide ou ecoFirma), ou no seu defecto realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Provedores vinculados:

Sendo de aplicación diversos textos legais sobre a prohibición de provedores vinculados, achegamos os seguintes textos con carácter informativo, sen que substitúan os textos oficiais de aplicación.

-A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG do 25 de xuño de 2005), no seu artigo 27º dedicado á subcontratación das actividades subvencionadas polos beneficiarios, dispón no número 7 o seguinte:

«7. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10º desta lei.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas co beneficiario, salvo que concorran as seguintes circunstancias:

1ª) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

2ª) Que se obteña a previa autorización do órgano concedente nos termos que se fixen nas bases reguladoras.

e) Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reunir os requisitos ou non alcanzar a valoración suficiente».

-O Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20, do 29 de xeneiro de 2009), que no seu artigo 43º dedicado á subcontratación das actividades subvencionadas, dispón:

«2. Para os efectos do disposto no artigo 27º.7 d) da Lei de subvencións de Galicia, considerarase que existe vinculación con aquelas persoas físicas ou xurídicas ou agrupacións sen personalidade en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Persoas físicas unidas por relación conxugal ou persoas ligadas con análoga relación de afectividade, parentesco de consanguinidade ata o cuarto grao ou de afinidade ata o segundo.

b) As persoas físicas e xurídicas que teñan unha relación laboral retribuída mediante pagamentos periódicos.

c) Ser membros asociados do beneficiario a que se refire o punto 2 e membros ou partícipes das entidades sen personalidade xurídica a que se refire o punto 3 do artigo 8º da Lei de subvencións de Galicia.

d) Unha sociedade e os seus socios maioritarios ou os seus conselleiros ou administradores, así como os cónxuxes ou persoas ligadas con análoga relación de afectividade e familiares ata o cuarto grao de consanguinidade ou de afinidade ata o segundo.

e) As sociedades que, de acordo co artigo 4º da Lei 24/1988, do 28 de xullo, reguladora do mercado de valores, reúnan as circunstancias requiridas para formar parte do mesmo grupo.

f) As persoas xurídicas ou agrupacións sen personalidade e os seus representantes legais, patróns ou quen exerza a súa administración, así como os cónxuxes ou persoas ligadas con análoga relación de afectividade e familiares ata o cuarto grao de consanguinidade ou de afinidade ata o segundo.

g) As persoas xurídicas ou agrupacións sen personalidade e as persoas físicas, xurídicas ou agrupacións sen personalidade que conforme as normas legais, estatutarias ou os acordos contractuais teñan dereito a participar en máis dun cincuenta por cento no beneficio das primeiras».

-No caso de sociedades, o citado artigo 4º da Lei 24/1988, do 28 de xullo, reguladora do mercado de valores, dispón: para os efectos desta lei, aplicarase á definición de grupo de sociedades establecida no artigo 42º do Código de comercio, e a redacción deste citado artigo 42º reflicte o seguinte:

«Existe un grupo cando unha sociedade posúa ou poida posuír, directa ou indirectamente, o control doutra ou doutras. En particular, presumirase que existe control cando unha sociedade, que se cualificará como dominante, se encontre en relación con outra sociedade, que se cualificará como dependente, nalgunha das seguintes situacións:

-Posúa a maioría dos dereitos de voto.

-Teña a facultade de nomear ou destituír a maioría dos membros do órgano de administración.

-Poida dispor, en virtude de acordos celebrados con terceiros, da maioría dos dereitos de voto.

-Teña designado cos seus votos a maioría dos membros do órgano de administración».

Anexo III (segundo PDF adxunto validado pola D.X. de Avaliación e Reforma Administrativa).

Anexo IV (segundo PDF adxunto validado pola D.X. de Avaliación e Reforma Administrativa).

Ver referencia pdf "06200D004P010.PDF"