DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Venres, 01 de abril de 2011 Páx. 5.826

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

DECRETO 52/2011, do 24 de marzo, polo que se establece a ordenación de apartamentos e vivendas turísticos na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuída, a través do establecido no artigo 27º.21 do Estatuto de Autonomía, a competencia exclusiva en materia de promoción e ordenación do turismo no seu ámbito territorial, de forma que posúe a potestade de regular o réxime propio dos apartamentos e vivendas turísticos.

A Lei 14/2008, do 3 de decembro, de turismo de Galicia, modificada pola Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, define no seu título IV, artigo 35º, os apartamentos e vivendas turísticos, remitíndose ao seu posterior desenvolvemento regulamentario no referente ás modalidades e aos requisitos e condicións de funcionamento, instalacións e servizos.

Sobre a base desta competencia, cómpre, polo tanto, desenvolver a lei autonómica e regular a actividade dos apartamentos e vivendas turísticos en Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e catro de marzo de dous mil once,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O presente decreto ten por obxecto a ordenación, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, dos apartamentos e das vivendas turísticos como empresas de aloxamento turístico que se dedican, de maneira profesional, habitual e mediante contraprestación económica, a proporcionarlles hospedaxe de forma temporal ás persoas, con ou sen prestación doutros servizos.

2. Quedan fóra do ámbito de aplicación deste decreto os inmobles que se arrenden por tempadas segundo o establecido na Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.

Artigo 2º.-Normativa aplicable.

1. Os apartamentos e vivendas turísticos someteranse ás prescricións da Lei 14/2008, do 3 de decembro, de turismo de Galicia, ao establecido neste decreto e á normativa sectorial que, se é o caso, lles sexa de aplicación.

2. Así mesmo, os apartamentos e vivendas turísticos deberán cumprir as disposicións vixentes en materia de ambiente, edificación e urbanismo, instalación e funcionamento de maquinaria, sanidade, seguridade e hixiene, accesibilidade, prevención e extinción de incendios, abastecemento de augas, saneamento e depuración, seguridade alimenticia e protección de consumidores e usuarios, así como calquera outra disposición que os afecten.

Artigo 3º.-Concepto.

1. Teñen a condición de apartamentos turísticos os bloques ou conxuntos de apartamentos, as casas, bungalows e outras edificacións semellantes, que oferten aloxamento turístico, profesional e habitualmente, mediante contraprestación económica.

Os apartamentos turísticos estarán dotados do equipamento e mobiliario necesarios para a súa inmediata utilización, que se estenderá ao uso e desfrute dos servizos e instalacións.

2. Enténdese por vivendas turísticas as unidades illadas de apartamentos, bungalows ou vivendas unifamiliares que, por motivos de vacacións ou turísticos, son obxecto de cesión de uso e goce na súa totalidade mediante contraprestación económica. O aloxamento comprenderá a unidade completa, e non se permitirá a cesión por cuartos nin a coincidencia dentro da vivenda de usuarios que formalicen distintos contratos. Prohíbese expresamente o aloxamento en vivendas particulares.

Para obter a clasificación de vivenda turística, só se permitirá unha unidade de aloxamento no mesmo predio.

3. No caso de que o establecemento estea situado en solo rústico, de conformidade co establecido na normativa urbanística e de protección do medio rural de Galicia, unicamente poderían ter a condición de apartamentos ou vivendas turísticos cando se trate de rehabilitación, reconstrución ou, de ser o caso, ampliación de edificacións legalmente existentes naquel.

Artigo 4º.-Clasificación.

1. Os apartamentos turísticos clasificaranse nas categorías de tres, dúas e unha chaves.

A fixación da categoría dos apartamentos turísticos farase atendendo ás condicións de calidade das súas instalacións e servizos, de conformidade cos requisitos establecidos no capítulo III deste decreto.

No caso de non ser uniforme o nivel de calidade das distintas unidades de aloxamento, atenderase ás de menor nivel para a fixación da categoría do establecemento.

2. As vivendas turísticas clasifícanse na categoría única de vivendas turísticas.

Capítulo II

Disposicións comúns a apartamentos e vivendas turísticos

Artigo 5º.-Carácter público.

Os apartamentos e as vivendas turísticos son establecementos abertos ao público, de libre acceso, nas condicións establecidas nas leis, regulamentos e prescricións específicas aplicables.

Artigo 6º.-Regulamento de réxime interior.

1. Os establecementos de apartamentos e vivendas turísticos poderán dispoñer dun regulamento de réxime interior que estableza normas de obrigado cumprimento para os usuarios durante a súa estadía, sen que en ningún caso poidan supoñer discriminacións por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou outra circunstancia persoal ou social.

2. O regulamento de réxime interior poderá determinar as condicións de admisión, as normas de convivencia e funcionamento, así como todo aquilo que permita e favoreza o desfrute normal das instalacións, equipamentos e servizos, sen que poida contravir o disposto na lexislación vixente.

3. O regulamento de réxime interior estará á disposición dos usuarios nun lugar visible do establecemento.

Artigo 7º.-Requisitos mínimos.

1. Os apartamentos e vivendas turísticos deberán contar, como mínimo, coas seguintes dependencias: dormitorio, sala de estar-comedor, cociña e cuarto de baño ou aseo, agás os apartamentos turísticos tipo estudo, en que o dormitorio está integrado no salón-comedor e en que a cociña poderá formar unha peza única xunto co salón-comedor-dormitorio.

2. A unidade aloxativa deberase entregar ao usuario en perfectas condicións para o seu uso. As instalacións, mobiliario, elementos decorativos, aparellos e enxoval serán, en todo momento, de calidade acorde coa categoría do establecemento e manteranse nas debidas condicións de conservación e limpeza.

3. Os establecementos deberán dispor de auga potable de consumo humano así como de tratamento e evacuación de augas residuais, nos termos establecidos na correspondente normativa sectorial.

4. Así mesmo, deberán cumprir coas seguintes exixencias:

a) A altura mínima de todas as dependencias será de 2,5 m, salvo que a normativa de edificación que lles sexa de aplicación xustifique outra distinta. Nos cuartos abufardados esta altura requirirase, como mínimo, no 60% da superficie mínima esixida para a categoría.

b) Os dormitorios, o salón-comedor e a cociña deberán dispoñer, en todo caso, de ventilación directa ao exterior. Os cuartos de baño poderán ter ventilación directa ou forzada.

c) Os dormitorios terán un mobiliario mínimo integrado por camas individuais (cunha largura mínima de 0,90 m), e dobres (cunha largura mínima de 1,35 m), armario roupeiro (encaixado ou non), con perchas suficientes, e puntos de luz con interruptor ao lado da cama. Deben dispoñer de lenzaría de cama para realizar os cambios cando resulte preciso. Contarán, igualmente, cun sistema efectivo de escurecemento que impida totalmente a entrada de luz por vontade do cliente.

d) O salón-comedor terá unhas dimensións adaptadas á capacidade máxima do establecemento, a razón dun metro cadrado por praza, sendo a mínima exixida oito metros cadrados en vivendas turísticas e entre dez e dezaseis metros cadrados segundo a categoría en apartamentos turísticos. Estarán dotados de mobiliario idóneo e suficiente para o uso a que se destinan.

e) A cociña estará dotada de elementos necesarios para a conservación e tratamento de alimentos; e deberá dispoñer de vaixela, cristalaría, cubertaría, enxoval e batería de cociña, en proporción á capacidade máxima do establecemento, así como de lavadora e ferro de pasar.

f) Os cuartos de baño estarán equipados con lavabo, bañeira ou prato de ducha, inodoro, espello e toma de corrente, toalleiro e repisa ou moble para os obxectos de aseo; debendo estar, así mesmo, provistos da lenzaría de baño suficiente para poder realizar os cambios cando resulte preciso.

g) Recollida diaria de lixo ou, de ser o caso, existencia de colectores conforme as ordenanzas municipais relativas á recollida de residuos.

Capítulo III

Requisitos específicos dos apartamentos e das vivendas turísticos

Sección primeira

Requisitos específicos dos apartamentos turísticos

Artigo 8º.-Requisitos dos apartamentos turísticos segundo a súa categoría.

Os requisitos e condicións mínimas das distintas categorías de apartamentos turísticos son os que a continuación se sinalan:

a) Os apartamentos turísticos de tres chaves destacarán pola excelente calidade das súas instalacións, materiais, equipamentos e decoración, e ofrecerá servizos da máxima calidade, segundo o habitualmente considerado no ámbito turístico.

b) Os apartamentos turísticos de dúas chaves ofrecerán unhas boas condicións de confort e calidade referidas tanto aos materiais empregados, equipamento e decoración, coma aos servizos que se ofertan, segundo o habitualmente considerado no ámbito turístico.

c) Os apartamentos turísticos dunha chave deberán ofrecer aos clientes as indispensables condicións de comodidade e confort. Os inmobles, mobiliario e equipamento serán sinxelos, e ofrecerán, non obstante, garantía de comodidade, segundo o habitualmente considerado no ámbito turístico.

Artigo 9º.-Capacidade.

1. A capacidade máxima de cada unidade aloxativa virá determinada polo número de camas existentes nos dormitorios e polo de camas convertibles dispoñibles na sala de estar-comedor. Para que a sala de estar-comedor poida dispoñer destas pezas deberá superar por cada praza un 25% da superficie mínima exixida nos artigos 10º.1 c) ou 10º.2 a) deste decreto.

En ningún caso se permitirá a instalación de máis de dúas prazas, tanto en cada un dos dormitorios, como na sala de estar-comedor.

2. Nos apartamentos tipo estudo cada unidade de aloxamento contará como máximo con catro prazas, dúas delas en camas convertibles e nos demais apartamentos turísticos a capacidade máxima será de oito prazas, dúas delas en camas convertibles.

Artigo 10º.-Requisitos das estancias e superficies mínimas.

1. Os apartamentos turísticos terán as dimensións mínimas que, segundo a categoría, se reflicten na seguinte táboa:

Ver referencia pdf "06500D003P066.PDF"

Nos apartamentos de dúas e tres chaves a cociña situarase en peza independente. Non será obrigatorio dispor de cociña independente nos apartamentos dunha chave. Se a cociña está integrada no salón-comedor, a superficie deste incrementarase na prevista en cada categoría para a cociña en peza independente.

2. As dependencias dos apartamentos tipo estudo terán as seguintes dimensións:

Ver referencia pdf "06500D003P066.PDF"

No caso de que a cociña non estea en peza independente, a superficie do salón-comedor-dormitorio incrementarase na superficie prevista en cada categoría para a cociña en peza independente.

Artigo 11º.-Baños e aseos.

Cando a capacidade do establecemento supere as prazas que a continuación se indican, deberá dispoñer dun segundo cuarto de baño ou aseo:

-Tres chaves: máis de 4 prazas.

-Dúas chaves: máis de 5 prazas.

-Unha chave: máis de 6 prazas.

Artigo 12º.-Servizos e instalacións.

Os apartamentos turísticos deberán contar, como mínimo, cos seguintes servizos e instalacións:

Ver referencia pdf "06500D003P066.PDF"

Artigo 13º.-Climatización e calefacción.

1. Os apartamentos turísticos de tres chaves contarán, como mínimo, con sistema de climatización.

2. Os apartamentos turísticos de dúas e unha chaves contarán, como mínimo, con sistema de calefacción. Non obstante, poderán prescindir do servizo de calefacción sempre que o seu período de funcionamento se limite aos meses comprendidos entre xuño e setembro, ambos os dous incluídos.

Artigo 14º.-Identificación.

1. Todos os apartamentos que integren un bloque ou conxunto de apartamentos turísticos deberán estar identificados mediante un número que figurará no exterior da porta de entrada.

2. Cando os apartamentos que integren un bloque ou conxunto de apartamentos turísticos estean situados en máis dunha planta, a primeira cifra do número que as identifique indicará a planta, e a restante ou restantes, o número de orde do apartamento.

3. Se os apartamentos se atopasen situados nun complexo composto por máis dunha edificación destinada a aloxamento, á cifra configurada nos termos sinalados no punto anterior antepoñerase unha letra ou número que identificará o edificio.

Sección segunda

Requisitos especifícos das vivendas turísticas

Artigo 15º.-Capacidade.

1. A capacidade da vivenda turística, que en ningún caso poderá superar as dez prazas, virá determinada polo número de camas existentes nos dormitorios e polo de prazas convertibles dispoñibles na sala de estar-comedor. A superficie mínima requirida será de seis metros cadrados en dormitorios dunha praza e de dez metros cadrados nos de dúas prazas.

2. Para que a sala de estar-comedor poida dispoñer de prazas convertibles deberá superar para cada unha un 25% da superficie mínima exixida no artigo 7º.4 d) deste decreto. En ningún caso se permitirá a instalación de máis de dúas prazas, tanto en cada un dos dormitorios, como na sala de estar-comedor.

Artigo 16º.-Baños e aseos.

Cando a capacidade do establecemento exceda de seis prazas, deberá dispoñer, polo menos, de dous baños ou aseos dotados de prato de ducha ou bañeira, inodoro e lavabo, cada un deles.

Artigo 17º.-Calefacción.

O establecemento deberá contar cun sistema de calefacción. Poderase prescindir deste servizo sempre que o seu período de funcionamento se limite aos meses comprendidos entre xuño e setembro, ambos os dous incluídos.

Artigo 18º.-Limpeza e cambio de lenzaría.

Non será exixible ao titular, salvo pacto en contrario, a limpeza e o cambio de lenzaría durante o período de estancia do usuario na vivenda. Non obstante, o establecemento deberá contar con lenzaría abondo para posibilitar, cada sete días, os cambios por parte do usuario turístico, a razón dun xogo de toallas completo por baño e un xogo de sabas completo por cama.

Sección terceira

Dispensa

Artigo 19º.-Dispensa excepcional dos requisitos.

O/A titular do centro directivo competente en materia de turismo, logo da solicitude da persoa interesada, poderá, con carácter excepcional e en atención ás especiais circunstancias que poidan darse, ponderadas en conxunto a concorrencia das condicións exixidas aos apartamentos e ás vivendas turísticos e o número e calidade dos servizos ofrecidos, e logo de informe técnico da Inspección turística, mediante resolución motivada, dispensar un establecemento determinado dos requisitos relativos:

a) Á superficie mínima exixida para cada categoría nos artigos 10º e 15º.1 desta norma, sempre que, respectando a normativa específica sobre a materia, non supoña máis dun 10% da superficie mínima exixida para cada categoría;

b) Ao ascensor exixido no artigo 12º, letra a), sempre que se xustifique fidedignamente a imposibilidade técnica da súa instalación;

c) Ao servizo de garaxe ou aparcadoiro establecido no artigo 12º, letra k), cando se teña concertada a mesma porcentaxe de prazas con garaxes situados nun radio máximo de 200 metros do establecemento.

Capítulo IV

Distintivos

Artigo 20º.-Distintivos.

1. Os apartamentos e as vivendas turísticos, unha vez clasificados conforme o previsto no artigo 29º deste decreto, exhibirán no exterior, xunto á entrada principal do establecemento e en sitio moi visible, unha placa-distintivo en que figure a categoría do aloxamento. O prazo máximo para a colocación da dita placa-distintivo será dun mes desde a notificación da resolución de clasificación turística.

2. As características e dimensións das placas identificativas determinaranse mediante orde da consellería competente en materia de turismo.

Capítulo V

Réxime de funcionamento

Artigo 21º.-Servizo de relación cos usuarios.

1. Os establecementos de apartamentos turísticos contarán necesariamente cunha conserxaría-recepción, salvo os apartamentos turísticos dunha chave que conten con menos de dez unidades de aloxamento.

2. A conserxaría-recepción constitúe o centro de relación cos usuarios turísticos para efectos administrativos, asistenciais e de información. Estará atendida de forma permanente por persoal capacitado, a quen corresponderán as funcións de:

a) Atender as reservas;

b) Gormalizar a hospedaxe;

c) Recibir os clientes, constatar a súa identidade á vista dos correspondentes documentos e cumprir os partes de rexistros de viaxeiros;

d) Atender reclamacións e expedir facturas;

e) Recibir, gardar e entregar aos clientes a correspondencia, avisos ou mensaxes que reciban;

f) Cumprir no posible os seus encargos; e

g) Poñer á súa disposición un espazo para que poidan depositar temporalmente as súas equipaxes á entrada ou á saída da súa estancia.

3. Nos supostos en que o establecemento careza de conserxaría-recepción, por non ser obrigatoria, e nas vivendas turísticas, as citadas funcións serán exercidas polo titular ou persoal ao servizo do establecemento, garantíndose, en todo caso, atención telefónica permanente aos usuarios.

Artigo 22º.-Documento de admisión.

1. É requisito previo ao uso das unidades de aloxamento a inscrición do usuario, que presentará o correspondente documento de identificación para os efectos de cubrir o documento de admisión, a que se refire o punto seguinte, e o correspondente parte de entrada conforme a Orde INT/1922/2003, do 3 de xullo, sobre libros de rexistro e partes de entrada de viaxeiros en establecementos de hostalaría e outros análogos, ou norma que a substitúa.

2. A toda/o usuaria/o de apartamento turístico, no momento da súa recepción, lle será entregado un documento de admisión en que conste, como mínimo, o nome, categoría e o número de inscrición do establecemento, a identificación da unidade de aloxamento, o número de persoas que a van ocupar, as datas de entrada e saída e o prezo e réxime de estadía contratada.

3. A copia deste documento ou do contrato de arrendamento nas vivendas turísticas unha vez cuberto e asinado pola/o usuaria/o, deberá conservala a/o titular do establecemento á disposición da inspección turística durante un ano, e terá valor de proba para os efectos administrativos.

Artigo 23º.-Duración da estadía e período de ocupación das unidades de aloxamento.

1. O prazo de duración da estadía en apartamentos e vivendas turísticos será o que libremente se acordase entre as partes no momento da contratación, sen que en ningún caso poida impoñer a/o empresaria/o turística/o unha estadía mínima superior aos sete días.

O período de aloxamento continuado non poderá exceder os tres meses, circunstancia que se reflectirá no documento de admisión.

2. Salvo pacto en contrario reflectido no documento de admisión, o dereito á ocupación da unidade de aloxamento pola/o usuaria/o comezará ás 15.00 horas do primeiro día do período contratado e rematará ás 12.00 horas do día sinalado como data de saída.

3. A prolongación do prazo de duración da estadía fixado no documento de admisión estará condicionada ao mutuo acordo entre o titular e o usuario sen que en ningún caso poida superar o período máximo de tres meses.

Artigo 24º.-Réxime de prezos e reservas.

Os apartamentos e as vivendas turísticos cumprirán coas exixencias previstas na Lei 14/2008, do 3 de decembro, de turismo de Galicia, e a normativa que a desenvolva en materia de prezos, publicidade e reservas, sen prexuízo do establecido no texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2007, do 16 de novembro.

Artigo 25º.-Libro de inspección e follas de reclamacións.

1. En todos os establecementos deberá existir un libro de visitas de inspección turística que será facilitado pola xefatura territorial da provincia correspondente da consellería competente en materia de turismo.

2. Igualmente, os establecementos de aloxamento turístico regulados neste decreto deberán ter á disposición dos clientes e facilitar de forma inmediata cando lles sexa requirida, a folla oficial de reclamacións de turismo para formular queixas ou suxestións, cuxa existencia se anunciará ao público de forma visible na recepción do establecemento ou, na súa ausencia, en cada unidade de aloxamento.

Capítulo VI

Procedemento de clasificación e inscrición turísticas

Artigo 26º.-Informe previo sobre o cumprimento de requisitos mínimos de infraestruturas e servizos.

1. A/o empresaria/o turística/o, cando proxecte a construción, modificación ou reforma dun establecemento para uso turístico, e antes da obtención da preceptiva licenza municipal, poderá solicitar, a través do Servizo de Turismo da xefatura territorial da provincia correspondente, un informe relativo ao cumprimento dos requisitos mínimos de infraestrutura e servizos sinalados nesta norma, que será emitido pola inspección de turismo no prazo máximo de dous meses. De igual xeito, na tramitación das preceptivas licenzas municipais, o concello correspondente poderá requirir, ante o mesmo órgano, o devandito informe.

2. En ningún caso este informe será suficiente para a clasificación do establecemento, debendo contar coa clasificación turística prevista no artigo 27º deste decreto.

3. Coa solicitude de informe indicativo xuntarase a seguinte documentación:

a) Anteproxecto técnico do establecemento con planos de edificación e instalacións a escala 1:100.

b) Calquera outra documentación que se considere de interese.

Artigo 27º.-Declaración responsable.

1. Os que pretendan desenvolver a actividade de aloxamento turístico nalgunha das modalidades previstas neste decreto deberán presentar ante o Servizo de Turismo da xefatura territorial da consellería competente en materia de turismo da provincia onde se sitúe o establecemento, unha declaración responsable de inicio de actividade e solicitude de clasificación, en que manifesten o cumprimento dos requisitos previstos na normativa turística para a categoría pretendida e o compromiso de mantelos durante o tempo de vixencia da actividade, mediante modelo normalizado aprobado pola consellería competente en materia de turismo.

2. Coa declaración responsable xuntarase a seguinte documentación:

a) Proxecto técnico, asinado polo técnico facultativo, en que conste o número de colexiado, con planos de edificación e instalacións a escala mínima de 1:100.

b) Acreditación do pagamento das taxas correspondentes.

3. A consellería competente en materia de turismo publicará o modelo de declaración responsable e a solicitude de clasificación, que poderá presentarse por vía electrónica.

4. A presentación da declaración responsable de inicio de actividade e solicitude de clasificación habilita para o desenvolvemento da actividade turística, sen prexuízo do cumprimento das demais obrigas exixidas noutras normas que resulten de aplicación.

Artigo 28º.-Inscrición.

A xefatura territorial da consellería competente en materia de turismo da provincia correspondente asignaralle á empresa un número de rexistro e inscribirá o establecemento no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o declarado, comunicándollo ao interesado no prazo máximo de 15 días desde que a declaración responsable tivera entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Artigo 29º.-Clasificación.

1. A xefatura territorial da consellería competente en materia de turismo da provincia correspondente, a través do Servizo de Turismo, efectuará as comprobacións, controis e inspeccións necesarios relativos ao cumprimento dos datos declarados e á tenza da seguinte documentación:

a) Título ou contrato que probe a libre dispoñibilidade do establecemento por parte do solicitante. Se a titularidade corresponde a unha persoa xurídica, escritura de constitución da sociedade e poderes do solicitante para o caso de que non se deduza claramente da escritura social.

b) Licenza municipal preceptiva.

c) Póliza de seguro de responsabilidade civil.

d) Informe previo, se é o caso.

e) Resolución de dispensa excepcional de requisitos, se é o caso.

2. A xefatura territorial da consellería competente en materia de turismo da provincia correspondente, unha vez tramitado o oportuno procedemento, elevarao, xunto co seu informe, á Secretaría Xeral para o Turismo, que procederá a ditar a resolución de clasificación turística que fixará, de ser o caso, a categoría, a capacidade e as demais condicións que correspondan ao establecemento.

3. A devandita resolución ditarase no prazo máximo de tres meses, contado desde a entrada da documentación completa prevista no artigo 27º, no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Transcorrido este prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase estimada a solicitude.

Artigo 30º.-Modificacións substanciais.

1. Son modificacións substanciais as que afectan a categoría, a capacidade ou os requisitos conforme os cales se outorgou a clasificación turística. Estas modificacións deberán comunicarse á consellería competente en materia de turismo no prazo máximo de dez días desde que se producisen.

2. Para estes efectos os interesados presentarán unha declaración responsable e solicitude de cambio de clasificación, de ser o caso, mediante modelo normalizado aprobado pola consellería competente en materia de turismo, en que farán constar que dispoñen da documentación xustificativa das devanditas modificacións, acompañada, de ser o caso, de proxecto técnico asinado por facultativo competente, con planos de edificación e instalacións a escala 1:100 e da acreditación do pagamento das taxas correspondentes.

3. A citada declaración responsable dirixirase á xefatura territorial da consellería competente en materia de turismo da provincia en que se sitúe o establecemento, que anotará no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia as modificacións realizadas e, unha vez instruído o correspondente procedemento e feitas as comprobacións oportunas, procederá a elevalo, xunto co seu informe, á Secretaría Xeral para o Turismo, que ditará a resolución que corresponda.

4. A consellería competente en materia de turismo publicará o modelo de declaración responsable e solicitude de cambio de clasificación que poderá presentarse por vía electrónica.

5. O procedemento resolverase no prazo de tres meses contado desde a entrada da documentación completa prevista neste artigo, no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Transcorrido este prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase estimada a súa solicitude.

Artigo 31º.-Outros cambios e cesamento de actividade.

1. Os cambios de tempada de funcionamento, denominación, titularidade, cambios na escritura social e aqueloutros que non afecten a clasificación turística, a capacidade ou non supoñan reformas substanciais, así como os cesamentos de actividade, tan só requirirán da súa comunicación á xefatura territorial da consellería competente en materia de turismo da provincia en que se sitúe o establecemento.

2. A comunicación efectuarase mediante modelo normalizado, aprobado pola consellería competente en materia de turismo, no prazo máximo de dez días desde que se producisen para os efectos da súa anotación no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia, logo das comprobacións oportunas.

3. A consellería competente en materia de turismo publicará o modelo de comunicación, que poderá presentarse por vía electrónica.

4. Os expedientes elevaranse, xunto cun informe, á Secretaría Xeral para o Turismo para constancia no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 32º.-Baixa e reclasificación de oficio.

1. Establécese a baixa de oficio e a correspondente cancelación da inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia dos establecementos regulados neste decreto, logo da instrución do oportuno procedemento pola xefatura territorial da consellería competente en materia de turismo da provincia correspondente, en que se dará audiencia aos interesados, cando non se comunique o cesamento da actividade. Neste caso poderase incoar o correspondente expediente sancionador.

2. A resolución dos procedementos de baixa de oficio correspóndelle á xefatura territorial da consellería competente en materia de turismo da provincia correspondente.

3. Cando se incumpran ou desaparezan as circunstancias que motivaron a clasificación turística ou sobreveñan outras que, de existiren naquel momento, xustificasen a súa denegación, a consellería competente en materia de turismo procederá á modificación ou revogación da súa clasificación.

4. A reclasificación de oficio de grupo ou categoría dos establecementos que deixen de cumprir cos requisitos que se tiveron en conta no momento de concederlle a preceptiva clasificación turística efectuaraa a Secretaría Xeral para o Turismo, despois da tramitación do oportuno procedemento pola xefatura territorial da consellería competente en materia de turismo da provincia correspondente, en que se lle dará audiencia ao interesado.

5. No suposto en que o establecemento non cumpra cos requisitos para a súa inclusión en ningunha das categorías previstas nesta norma, iniciarase o correspondente procedemento de baixa de oficio pola xefatura territorial da consellería competente en materia de turismo da provincia correspondente que, logo de audiencia ao interesado, o elevará á Secretaría Xeral para o Turismo para a súa resolución.

Disposicións transitorias

Primeira.-Mantemento da categoría dos apartamentos turísticos.

Os apartamentos turísticos que na entrada en vigor deste decreto se encontren clasificados nalgunha das categorías previstas neste decreto, poderán mantela sen necesidade de adaptarse ao contido desta norma, sempre que non acometan reformas substanciais de ampliación ou rehabilitación.

Segunda.-Adaptación dos apartamentos e das vivendas turísticos inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia que non dispoñen de clasificación turística.

Os apartamentos e vivendas turísticos inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia que non conten con clasificación turística, dispoñerán dun prazo de seis meses para solicitar a clasificación turística conforme as prescricións deste decreto. Transcorrido o devandito prazo sen que esta se producise, a Secretaría Xeral para o Turismo procederá á cancelación da devandita inscrición rexistral, logo de instrución do correspondente procedemento, en que se dará audiencia ao interesado.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento regulamentario.

Facúltase o conselleiro de Cultura e Turismo para ditar as disposicións necesarias en cumprimento e desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ferrol, vinte e catro de marzo de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Roberto Varela Fariña

Conselleiro de Cultura e Turismo