DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Luns, 04 de abril de 2011 Páx. 5.958

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 55/2011, do 31 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

O artigo 29º da Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, dispón que o número total de prazas de novo ingreso do persoal do sector público a que se refire o número seis do artigo 13º desta lei será, como máximo, igual ao 10% da taxa de reposición de efectivos e concentraranse nos sectores, funcións e categorías profesionais que se consideren absolutamente prioritarios ou que afecten o funcionamento dos servizos públicos esenciais. Para estes efectos consideraranse efectivos aqueles que veñan desempeñando a súa actividade en servizos que teñen carácter permanente na Comunidade Autónoma.

Non se tomará en consideración para os efectos da dita limitación a creación de prazas que deriven de sentenzas declaratorias de relacións laborais de carácter indefinido, que quedarán incorporadas á oferta pública de emprego, agás que se decida a súa amortización.

Nos termos establecidos no artigo 70º.1 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, poderán convocarse ata un 10% de prazas adicionais da oferta de emprego público.

Co obxecto de favorecer a estabilidade no emprego, esta oferta incluirá prazas desempeñadas por persoal interino nomeado ou contratado no exercicio anterior, excepto aquelas sobre as que exista unha reserva de posto ou que estean incursas en procesos de provisión.

O texto refundido da Lei da función pública de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, no seu artigo 31º.6, establece os criterios xerais en que debe enmarcarse a oferta de emprego público, sen prexuízo das especificidades que se poidan establecer nas convocatorias respectivas, concibida como instrumento de programación das necesidades de persoal e de racionalización do emprego público e dos procesos de selección do persoal ao servizo das administracións públicas, nos cales deben primar os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade.

Na oferta de emprego público do ano 2011 recóllese un plan de promoción interna para o persoal funcionario dos corpos xerais, que consiste en abordar unha promoción interna independente das convocatorias ordinarias.

Nos procesos de promoción interna que se celebren poderá participar o persoal laboral fixo que no momento da entrada en vigor do Estatuto básico do empregado público estivese ocupando un posto de traballo que figure na relación de postos de traballo clasificado para persoal funcionario.

Como consecuencia de que aínda non foron publicadas as convocatorias dos procesos selectivos derivados da oferta de emprego público correspondente ao ano 2009, as prazas desta oferta poderán convocarse nun único proceso selectivo que acumularán as prazas do mesmo corpo, escala e forma de acceso libre, correspondentes ás ofertas dos anos 2009 e 2011.

Neste marco e tendo en conta os postos de traballo vacantes en distintos corpos e escalas de Administración xeral e especial desta comunidade autónoma que afectan o funcionamento dos servizos públicos esenciais, de conformidade co previsto no artigo 29º da Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, así como no artigo 23º da Lei 39/2010, do 22 de decembro de orzamentos xerais do Estado para o ano 2011, cómpre a aprobación da oferta de emprego público relativa ao persoal funcionario de distintos corpos e escalas de Administración xeral e especial no ano 2011, establecéndose os criterios en que debe enmarcarse esta oferta.

Na súa virtude, consultadas as organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos, logo do informe da Dirección Xeral de Orzamentos e da Comisión de Persoal, e de conformidade co establecido no artigo 13º.8 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, por proposta da conselleira de Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de marzo de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Aprobación da oferta de emprego público.

De conformidade co disposto no artigo 31º.6 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, no artigo 70º da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, así como no artigo 29º da Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, apróbase a oferta de emprego público correspondente a distintos corpos e escalas de Administración xeral e especial da Xunta de Galicia para o ano 2011, nos termos que se establecen neste decreto.

Sen prexuízo do anterior, se durante o exercicio orzamentario correspondente ao ano 2011 e como consecuencia de reestruturacións ou de resolución de procesos de provisión, así como da publicación de novas relacións de postos de traballo (RPT) queda máis prazas vacantes, poderán incluírse nunha oferta complementaria.

Así mesmo, de acordo co artigo 22º da dita Lei 14/2010, do 23 de decembro, poderán ser incorporadas a esta oferta as prazas derivadas de sentencias declaratorias de relacións laborais de carácter indefinido e creadas a través das relacións de postos de traballo (RPT).

Artigo 2º.-Cuantificación da oferta de emprego público.

A oferta de emprego público 2011 inclúe as necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que deban proverse mediante a incorporación de persoal de novo ingreso. Tal como establece o Estatuto básico do empregado público, a oferta de emprego público, como instrumento de planificación dos recursos humanos dispoñibles, define e cuantifica os efectivos en función das necesidades e prioridades das consellerías e das políticas públicas prioritarias da Xunta de Galicia. Esta distribución realizarase de acordo cos criterios e segundo a composición que se detalla nos anexos I e II deste decreto.

De acordo co punto, aplicarase o criterio de reposición selectiva de baixas, o que supón que os novos ingresos se dirixirán aos sectores, funcións e localidades máis necesitados de efectivos. Así pois, darase preferencia na reposición aos sectores e as actividades e funcións esenciais da organización.

Artigo 3º.-Criterios xerais de aplicación nos procesos selectivos.

1. De acordo coa Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, sinálanse os seguintes principios reitores para o acceso ao emprego público e a adquisición da relación de servizo:

A) Na selección do seu persoal, a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia

garantirá ademais dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, os principios de:

-Publicidade das convocatorias e das súas bases.

-Transparencia.

-Imparcialidade e profesionalidade dos órganos de selección e os seus membros.

-Independencia e discrecionalidade técnica na actuación dos órganos de selección.

-Adecuación entre o contido dos procesos selectivos e as funcións e tarefas que se van desenvolver.

-Axilidade, sen prexuízo da obxectividade, nos procesos selectivos.

B) Os procesos selectivos terán carácter aberto e garantirán a libre concorrencia, sen prexuízo do establecido para a promoción interna e das medidas de discriminación positiva previstas neste decreto.

C) A composición dos tribunais de selección do persoal da Administración pública galega será paritaria para o conxunto da oferta pública de emprego, tanto se se trata de acceso ao emprego como se se trata de promoción interna, de acordo co disposto no artigo 36º da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, modificado pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia.

D) Os procesos selectivos que prevexan a realización de probas con respostas alternativas farán públicos os cadros de respostas na páxina web da Xunta de Galicia, ademais de nos lugares que se estipulen na convocatoria.

E) O funcionamento e a actuación dos tribunais de selección axustaranse ás instrucións ditadas para o efecto polo órgano competente.

2. Se nun determinado corpo, escala, grupo ou categoría da Administración pública galega se verifica a infrarrepresentación do sexo feminino, entendendo por infrarrepresentación cando exista unha diferenza porcentual de, polo menos, vinte puntos entre o número de mulleres e o número de homes, de existir méritos iguais entre dous ou máis candidatos ao finalizar o proceso selectivo e antes da proposta de nomeamento dos candidatos aprobados, deberá aplicarse como primeiro criterio de desempate a preferencia das mulleres, salvo se considerando obxectivamente todas as circunstancias concorrentes nos candidatos de ambos os sexos existen motivos non discriminatorios para preferir o home, de acordo co artigo 37º da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes.

Artigo 4º.-Persoal de novo ingreso.

Nos corpos e escalas de Administración xeral e especial da Xunta de Galicia ofertaranse as prazas que se detallan no anexo I.

Artigo 5º.-Promoción interna.

1. No ano 2011, co obxecto de fomentar a promoción interna, convocaranse as prazas que se detallan no anexo II, para os/as funcionarios/as dos distintos corpos de Administración xeral da Xunta de Galicia, excluídas as escalas. Estes procesos selectivos de promoción interna levaranse a cabo en convocatorias independentes das de ingreso de conformidade co previsto no artigo 63º.2 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia. O número de prazas que figuran no anexo II inclúe as derivadas do proceso selectivo de promoción interna do corpo auxiliar da Xunta de Galicia, subgrupo C2, convocado pola orde da Consellería de Facenda do 26 de xuño de 2009 (DOG do 3 de xullo), que quedaron sen cubrir nesta convocatoria.

2. Realizarase unha promoción interna separada para permitir que os/as funcionarios/as da Administración xeral, excluídas as escalas, poidan promocionar ao grupo inmediato superior sempre e cando posúan a titulación necesaria, teñan prestados servizos efectivos, durante polo menos dous anos, como funcionario/a de carreira no corpo do grupo de titulación inmediatamente inferior ao do corpo a que pretende acceder, reúnan os requisitos exixidos na convocatoria e superen as probas que para cada caso estableza a consellería competente en materia de función pública.

3. Aos aspirantes que superen este proceso de promoción interna adxudicaráselles destino no mesmo posto que viñan desempeñando con carácter definitivo sempre que estea aberto ao corpo do grupo de titulación a que se acceda e figure na relación de postos de traballo aberto á Administración xeral.

No caso de que o aspirante ocupe un posto con carácter definitivo que non estea aberto ao corpo do grupo de titulación a que se acceda, ofertarase na elección de destino unha vacante aberta ao grupo de titulación a que accedeu por promoción interna, que poderá ser de nivel superior ao nivel mínimo do grupo, no caso de que non haxa vacantes deste nivel.

4. As convocatorias de procesos selectivos de promoción interna independentes das de ingreso, poderán establecer a conservación da nota dos exercicios, sempre que a dita nota sexa igual ou superior ao 60 por cento da cualificación máxima. A validez desta medida será aplicable á convocatoria inmediata seguinte, sempre e cando esta sexa análoga no contido e na forma de cualificación.

5. Se unha vez superados os procesos selectivos quedan prazas vacantes acumularanse á oferta de emprego público seguinte.

6. O persoal laboral fixo que no momento da entrada en vigor do Estatuto básico do empregado público estivese ocupando un posto de funcionario dos corpos ou escalas da Xunta de Galicia así establecido nas relacións de postos de traballo (RPT) correspondentes, de conformidade co establecido na disposición transitoria segunda da Lei 7/2007, do 12 de abril, polo que se aproba o Estatuto básico do empregado público, poderá tamén participar nos procesos de promoción interna, tanto os realizados de forma independente como os realizados de forma conxunta cos procesos selectivos de libre concorrencia naqueles corpos ou escalas aos cales figure adscrito o posto de traballo que estean desempeñando, sempre que posúan a titulación necesaria, teñan prestado servizos efectivos durante polo menos dous anos e reúnan os restantes requisitos exixidos na correspondente convocatoria.

Ao persoal que supere este proceso selectivo adxudicaráselle destino no mesmo posto que viña desempeñando con carácter definitivo.

Artigo 6º.-Persoas con discapacidade.

1. Nos procesos selectivos para o ingreso en corpos e escalas de persoal funcionario, así como nos de promoción interna, serán admitidas as persoas con discapacidade nos termos previstos neste artigo e na demais normativa aplicable.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións psíquicas e/ou físicas sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

2. De conformidade co previsto na disposición adicional sétima do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, reservarase unha cota non inferior ao sete por cento das vacantes ofertadas para ser cubertas por persoas con discapacidade, considerando como tales as definidas no artigo 1º.2 da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non-discriminación e accesibilidade universal de persoas con discapacidade, sempre que superen os procesos selectivos e acrediten a súa discapacidade así como a compatibilidade no desempeño das súas funcións, de modo que, progresivamente, se acade o dous por cento dos efectivos totais da Administración da Xunta de Galicia.

A reserva farase sobre o cómputo total das vacantes incluídas nesta oferta de emprego público e poderán concentrarse as prazas reservadas para persoas con discapacidade naquelas convocatorias que se refiran a corpos, escalas ou categorías cuxo desempeño se adapte mellor ás peculiaridades das persoas discapacitadas; poderanse excluír desta reserva aqueles corpos, escalas ou categorías que se consideren incompatibles coas tarefas ou funcións que requiran os postos de traballo, sen que a cota de reserva total se vexa alterada.

Cando da aplicación da porcentaxe resulten fraccións decimais arredondarase por exceso para o seu cómputo.

O número de prazas reservadas quedará recollido nas correspondentes bases específicas das convocatorias.

Se as prazas reservadas e que foron cubertas polas persoas con discapacidade non acadan a taxa do tres por cento das prazas convocadas no correspondente proceso, as prazas non cubertas acumularanse á cota do sete por cento da oferta seguinte, cun límite máximo do doce por cento.

3. A opción a prazas reservadas terá que formularse na solicitude de participación nas convocatorias con declaración expresa dos interesados de reunir a condición exixida ao respecto, que se acreditará, se obtén praza, mediante certificación dos órganos competentes. As probas selectivas terán idéntico contido e realizaranse en condicións de igualdade co resto dos aspirantes de promoción interna ou de novo ingreso, segundo corresponda, garantíndose, en todo caso, o carácter individual dos procesos, dándose un tratamento diferenciado ás dúas quendas durante o procedemento selectivo de promoción interna ou de novo ingreso. Non obstante, ao finalizar o proceso, elaborarase unha relación única en que se incluirán todos os candidatos que superen todas as probas selectivas, ordenados pola puntuación total obtida, con independencia da quenda pola cal participen. A dita relación será a determinante para a petición e a adxudicación de destinos, agás o previsto no punto 7 deste artigo, de

acordo co previsto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade.

Se na súa realización se lle suscitan dúbidas ao órgano de selección respecto da capacidade do aspirante para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos funcionarios/as do corpo ou escala a que se opta, poderán solicitar o correspondente ditame do órgano competente.

4. Nas probas selectivas, incluíndo os cursos de formación ou os períodos de prácticas, estableceranse para as persoas con discapacidade que o soliciten as adaptacións e os axustes razoables necesarios de tempo e medios para a súa realización, de acordo co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño, pola que se establecen criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade, para asegurar que estas persoas participen en condicións de igualdade. Nas convocatorias indicarase expresamente esta posibilidade, así como que os interesados deberán formular a correspondente petición concreta na solicitude de participación.

Para tal efecto os tribunais ou comisión de selección poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou dos órganos competentes.

5. Con anterioridade ao nomeamento e unha vez superado o proceso selectivo a consellería competente en materia de función pública requirirá, respecto das persoas que acceden por esta cota de reserva, ditame do órgano competente sobre a compatibilidade do candidato para o posto de traballo ou sobre as adaptacións deste último.

6. Os procesos selectivos deberán incluír a posibilidade de que nas convocatorias en que se estableza unha cota de reserva para persoas con discapacidade, unha vez cubertas as prazas desta cota, os aspirantes que superen a fase de oposición, pero non obteñan praza pola cota de reserva, poidan optar, en igualdade de condicións, ás prazas do sistema xeral, tanto no caso de acceso por promoción interna como no de quenda libre.

7. Tras superar o proceso selectivo, as persoas que ingresen en corpos ou escalas de persoal funcionario ou categorías de persoal laboral da Administración autonómica e dos seus organismos autónomos e que fosen admitidas na convocatoria ordinaria con prazas reservadas para persoas con discapacidade poderanlle solicitar ao órgano convocante a alteración da orde de prelación para a escolla das prazas dentro do ámbito territorial que se determine na convocatoria, por motivos de dependencia persoal, dificultades de desprazamento ou outras análogas, que deberán ser debidamente acreditados. O órgano convocante decidirá a devandita alteración cando estea debidamente xustificada, e deberase limitar a realizar a mínima modificación na orde de prelación necesaria para posibilitar o acceso ao posto da persoa discapacitada.

Artigo 7º.-Oferta de emprego público do ano 2009.

Por medio do Decreto 437/2009, do 17 de decembro, aprobouse a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009. Tendo en conta que na data de aprobación deste decreto non se convocaron as prazas derivadas da oferta de emprego público para o ano 2009, é conveniente co fin de conseguir unha mellora na planificación dos recursos humanos e axilizar a cobertura das prazas, acumular nun único proceso selectivo esta prazas e as que derivan da oferta de emprego público do ano 2011, e que se correspondan ao mesmo corpo ou escala e forma de acceso libre.

Disposición adicional.-Modificación do artigo 6º do Decreto 437/2009, do 17 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.

Modifícase o artigo 6º.-Promoción interna para o persoal funcionario, que queda redactado como segue:

1. No ano 2009, co obxecto de fomentar a promoción interna, convocaranse as prazas que se detallan no anexo I, para os/as funcionarios/as dos distintos corpos de Administración xeral da Xunta de Galicia, excluídas as escalas. Estes procesos selectivos de promoción interna levaranse a cabo en convocatorias independentes das de ingreso de conformidade co previsto no artigo 63º.2 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia. A distribución das prazas é a que figura no anexo I.

2. Realizarase unha promoción interna separada para permitir que os/as funcionarios/as da Administración xeral, excluídas as escalas, poidan promocionar ao grupo inmediato superior sempre e cando posúan a titulación necesaria, teñan prestados servizos efectivos, durante polo menos dous anos, como funcionario/a de carreira no corpo do grupo de titulación inmediatamente inferior ao do corpo a que pretende acceder, reúnan os requisitos exixidos na convocatoria e superen as probas que para cada caso estableza a consellería competente en materia de función pública.

De acordo co previsto no artigo 63º.2 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, poderá participar nos procesos de promoción interna para o acceso ao corpo administrativo da Xunta de Galicia o persoal funcionario do corpo auxiliar da Xunta de Galicia que aínda que careza da titulación exixida para a pertenza ao subgrupo C1 acredite unha antigüidade mínima de 10 anos no subgrupo C2.

3. Aos aspirantes que superen este proceso de promoción interna adxudicaráselles destino no mesmo posto que viñan desempeñando con carácter definitivo sempre que estivese aberto ao corpo do grupo de titulación a que se acceda e figure na relación de postos de traballo aberto á Administración xeral.

No caso de que o aspirante ocupe un posto con carácter definitivo que non estivese aberto ao corpo do grupo de titulación a que se acceda, reclasificarase o dito posto e co nivel mínimo do grupo, a excepción dos postos ocupados por funcionarios/as que accedan por promoción interna ao subgrupo C2 e os postos abertos exclusivamente a escalas.

4. As convocatorias de procesos selectivos de promoción interna independentes das de ingreso, poderán establecer a conservación da nota dos exercicios, sempre que a dita nota sexa igual ou superior ao 60 por cento da cualificación máxima. A validez desta medida será aplicable á convocatoria inmediata seguinte, sempre e cando esta sexa análoga no contido e na forma de cualificación.

5. Si unha vez superados os procesos selectivos quedan prazas vacantes acumularanse á oferta de emprego público seguinte.

6. O persoal laboral fixo que no momento da entrada en vigor do Estatuto básico do empregado público estivese ocupando un posto de funcionario dos corpos ou escalas da Xunta de Galicia así establecido nas relacións de postos de traballo (RPT) correspondentes, de conformidade co establecido na disposición transitoria segunda da Lei 7/2007, do 12 de abril, polo que se aproba o Estatuto básico do empregado público, poderá tamén participar nos procesos de promoción interna, tanto os realizados de forma independente como os realizados de forma conxunta cos procesos selectivos de libre concorrencia naqueles corpos ou escalas aos cales figure adscrito o posto de traballo que estean desempeñando, sempre que posúan a titulación necesaria, teñan prestado servizos efectivos durante polo menos dous anos e reúnan os restantes requisitos exixidos na correspondente convocatoria.

Ao persoal que supere este proceso selectivo adxudicaráselle destino no mesmo posto que viña desempeñando con carácter definitivo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de función pública para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de marzo de dous mil once.

Alberto Núñez Feijoo

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda

ANEXO I

I. Administración xeral.

1. Acceso libre.

Escalas:

Corpo superior de administración da Xunta de Galicia (subgrupo A1):

-Escala de letrados/as: 6.

-Escala de sistemas e tecnoloxía da información: 15.

-Escala superior de finanzas: 8.

-Escala superior de estatísticos: 4.

Corpo de xestión de Administración da Xunta de Galicia (Subgrupo A2):

-Escala técnica de finanzas: 8.

-Escala de xestión de sistemas de informática: 8.

II. Administración especial.

1. Acceso libre.

Corpo facultativo superior da Xunta de Galicia (subgrupo A1).

-Escala de inspección urbanística: 7.

-Escala de enxeñeiros/as de minas: 9.

-Escala de enxeñeiros/as industriais: 11.

-Escala de arquitectos/as: 6.

-Escala facultativa de arquivos, bibliotecas e museos:

-Especialidade bibliotecas: 7.

-Especialidade de arquivos: 3.

-Escala de enxeñeiros de telecomunicacións: 2.

-Escala de biólogos: 8.

-Escala de arqueólogos: 1.

-Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros:

-Especialidade de máquinas e instalacións mariñas: 6.

-Especialidade de lexislación marítima: 1.

-Especialidade de navegación marítima: 1.

-Especialidade de pesca marítima: 1.

-Especialidade de procesos de cultivo acuícola: 5.

-Especialidade de inglés marítimo: 1.

-Intervención subacuática e hiperbárica: 1.

-Medicina subacuática e hiperbárica: 1.

Corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia (subgrupo A2):

-Escala de enxeñeiros/as técnicos de minas: 8.

-Escala de enxeñeiros/as técnicos industriais: 5.

-Escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos:

-Especialidade de bibliotecas: 7.

-Especialidade de arquivos: 9.

-Escala de topógrafos/as: 1.

Corpo de axudantes facultativos da Xunta de Galicia (subgrupo C1):

-Escala de delineantes: 4.

Total: 154.

ANEXO II

I. Administración xeral.

Promoción interna:

Corpo superior de Administración da Xunta de Galicia (subgrupo A1): 15.

Corpo auxiliar da Xunta de Galicia (subgrupo C2): 81.

Total: 96.