DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Venres, 29 de abril de 2011 Páx. 7.410

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 28 de abril de 2011 pola que se regula a edición electrónica do Diario Oficial de Galicia e se determina a súa posta en funcionamento.

A publicidade das normas, un dos principios xerais do dereito garantidos polo artigo 9.3 da Constitución, é un requisito xeral para a eficacia das normas ditadas polos poderes públicos e é garantía do principio de seguridade xurídica.

No artigo 13º do Estatuto de autonomía de Galicia establécese o requisito de publicación das leis de Galicia no Diario Oficial de Galicia (DOG), e nos artigos 52º e 60º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, disponse a publicación, no diario oficial que corresponda, dos actos, disposicións xerais e normas que emanan do Goberno ou da Administración.

A andaina do DOG comezou o 1 de decembro de 1978. Nese boletín número 0 publicáronse, entre outros, o Real decreto lei polo que se aproba o réxime preautonómico para Galicia e mais o discurso do presidente da Xunta no acto de constitución da Xunta de Galicia, celebrado no Pazo de Xelmírez o día 18 de abril de 1978.

Desta forma, o DOG convertíase no órgano de edición oficial das disposicións de interese e observancia xeral emanadas deste organismo de autogoberno.

Ata o ano 1982 a publicación do DOG realizouse coa frecuencia que as necesidades requirían, ata que a partir do citado ano comezou a publicarse con carácter diario. Durante estes máis de 30 anos, o formato do DOG permaneceu practicamente inalterable.

Actualmente concorren varias razóns para procurar a adecuación da publicación do DOG ás novas circunstancias sociais, económicas e tecnolóxicas e convén, ademais, facelo desde o respecto aos principios de eficacia e eficiencia, racionalizando ou, mellor aínda, suprimindo os custos que resulten superfluos, tanto a favor do orzamento público como das economías privadas. O dito beneficio obtense neste caso suprimindo a edición en papel que, precisamente desde o inicio da versión na internet, vén perdendo importancia. Esta medida, ademais, contribúe colateralmente á preservación ambiental.

Na actualidade, o uso das novas tecnoloxías, especialmente a través da internet, posibilita unha maior difusión e acceso dos cidadáns á información. Neste marco, a posibilidade de que todo cidadán se relacione electronicamente coas administracións públicas recoñeceuse como un dereito pola Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

O DOG non pode ser alleo a esta realidade e, así, o capítulo III do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, regula a creación do DOG na súa edición electrónica, que terá carácter oficial, auténtico e único, e dótaa de validez xurídica. Esta substituirá a edición impresa nas condicións e coas garantías que se determinan no citado decreto e nas disposicións específicas que se diten para o seu desenvolvemento.

Na disposición transitoria segunda do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, sinálase que no prazo máximo de seis meses desde a entrada en vigor do decreto a persoa titular da consellería con competencias en materia de administracións públicas ditará a orde pola cal se establecerá a súa posta en funcionamento, e na disposición derradeira primeira establécese que no prazo máximo dun ano desde a entrada en vigor do decreto se ditará a orde que regule as disposicións específicas do DOG.

Na súa virtude, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer a data de posta en funcionamento da edición electrónica do Diario Oficial de Galicia (DOG), así como establecer a súa estrutura, contido, ordenación e garantías.

Artigo 2º.-Data de inicio do DOG electrónico.

O día 29 de abril de 2011 deixará de publicarse a versión oficial do DOG en soporte papel e, en consecuencia, a partir do 2 de maio de 2011 a versión electrónica do DOG será a única que terá carácter oficial, auténtico e único.

Artigo 3º.-Periodicidade da publicación.

1. Con carácter xeral, o DOG publícase diariamente de luns a venres, salvo os días declarados inhábiles no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia ou no municipio onde radique a sede central do DOG.

2. Cada día publicarase unha única edición. Considérase unha única edición o conxunto de documentos que se publican organizados a través do mesmo sumario.

Non obstante, unha vez publicada unha edición, por instancia da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, poderase publicar o mesmo día un anexo á edición electrónica do DOG. Así mesmo, corresponde á Secretaría Xeral Técnica dispor a publicación do DOG algún dos días exceptuados da publicación con carácter xeral.

Artigo 4º.-Continuidade.

1. A edición electrónica do DOG está sometida ao principio de continuidade. Cada exemplar do DOG deberá ser accesible na data que figure na súa cabeceira.

2. No caso de que incidencias técnicas de carácter grave afecten o funcionamento xeral da internet e impidan o acceso telemático á edición electrónica do DOG ou a acreditación da integridade e autenticidade dos documentos, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza autorizará a edición de copias deste en soporte papel, con carácter oficial. Así mesmo, nestas circunstancias excepcionais, a Secretaría Xeral Técnica debe pór á disposición pública copias en papel ou descargas en soporte dixital das imaxes de páxina do DOG que conteñan os documentos auténticos.

Artigo 5º.-Garantías.

1. Conforme o disposto no artigo 13 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, a publicación do DOG realizarase na sede electrónica da Xunta de Galicia, coas medidas de seguridade adecuadas para garantir a autenticidade, integridade e o acceso permanente respecto dos seus contidos, de acordo co Esquema Nacional de Seguridade previsto no artigo 42º da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

2. A edición do DOG incorporará a sinatura electrónica recoñecida como garantía de autenticidade, integridade e inalterabilidade do seu contido. Os cidadáns poderán verificar o cumprimento destas exixencias mediante aplicacións estándar ou, de ser o caso, mediante ferramentas informáticas que proporcione o órgano competente da súa edición.

Artigo 6º.-Consulta e obtención de copias.

1. Como servizo público de acceso universal e gratuíto, garántese o dereito dos cidadáns a acceder gratuitamente aos documentos que se publican no DOG e a unha base de datos que facilite a súa consulta.

O servizo de consulta gratuíta poderá facerse a través das oficinas de rexistro e atención á cidadanía e doutros puntos con servizo de acceso público á internet da Administración xeral da Xunta de Galicia, durante o horario de apertura pública das diferentes unidades e coas condicións de reserva, tempo máximo de consulta e outras determinacións que a unidade teña establecidas.

2. Do mesmo xeito, a cidadanía ten a posibilidade de descargar en formato dixital e de imprimir en soporte papel copias fidedignas das edicións do DOG accedendo á sede electrónica onde se publica.

As descargas terán o carácter de copias auténticas cando incorporen a sinatura electrónica da Secretaría Xeral Técnica da consellería, que garanta a súa autenticidade e integridade.

As copias en soporte papel do DOG electrónico teñen a consideración de copias auténticas sempre que inclúan a impresión do código de verificación electrónica que permita contrastar a súa autenticidade mediante cotexo co documento electrónico orixinal desde a sede electrónica.

As copias en soporte papel tamén se poden solicitar nas oficinas do DOG e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía e noutros puntos con servizo de acceso público á internet da Administración xeral da Xunta de Galicia, sen prexuízo do réxime económico que proceda aplicar.

Artigo 7º.-Protección de datos.

Mediante as tecnoloxías adecuadas limitarase o acceso aos datos de carácter persoal, por solicitude do órgano competente, unha vez transcorrido o prazo de exposición pública determinado pola norma que exixa a súa publicación. Así mesmo, garantirase que a busca, recuperación e descarga das disposicións e anuncios publicados se faga con suxeición ao previsto pola normativa en materia de protección de datos de carácter persoal.

Os órganos emisores de documentos que se deban publicar no DOG identificarán os documentos que conteñan datos de carácter persoal.

Artigo 8º.-Características do DOG.

1. O DOG numérase de forma correlativa con independencia do ano de publicación e publícase en galego e en castelán. As dúas versións teñen carácter oficial.

É responsabilidade do organismo ou entidade publicadores garantir a correspondencia entre as dúas versións, sen prexuízo do labor de cotexo que realice o Servizo de Tradución da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de que este, ante posibles discrepancias, acomode unha versión á outra. Para iso, o organismo ou entidade publicadores indicarán, inescusablemente, cal das dúas versións se considera correcta para o caso de discrepancias.

2. Na cabeceira do exemplar diario e en cada unha das súas páxinas figurará:

a) O logotipo da Xunta de Galicia.

b) A denominación Diario Oficial de Galicia e o logotipo.

c) O número de exemplar diario.

d) A data de publicación.

e) O número de páxina.

3. No pé de cada páxina do exemplar diario figurará o número estándar internacional de publicacións seriadas (ISSN) e o enderezo da sede electrónica, e no lateral esquerdo incluirase o código de verificación que permita constatar a autenticidade de cada disposición, acto ou anuncio.

4. Todas as disposicións, actos e anuncios abrirán páxina.

Artigo 9º.-Sumario.

Cada edición do DOG ten un sumario, que debe facilitar o acceso a cada un dos documentos que o integran.

Artigo 10º.-Seccións.

1. O contido do DOG ordénase nas seccións seguintes:

Sección I: Disposicións xerais.

Sección II: Autoridades e persoal.

Sección III: Outras disposicións.

Sección IV: Oposicións e concursos.

Sección V: Administración de xustiza.

Sección VI: Anuncios.

A sección I, Disposicións xerais, inclúe as disposicións de carácter xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén se inclúen nela as disposicións e os actos do Estado, así como as decisións do Tribunal Constitucional que deben ser publicadas no DOG, e as decisións dos órganos xurisdicionais que afecten disposicións e actos da Comunidade Autónoma de Galicia que se publicasen nesta sección do DOG.

A sección II, Autoridades e persoal, inclúe os nomeamentos e cesamentos de altos cargos e de persoal ao servizo das institucións e da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais, das universidades públicas de Galicia e, de ser o caso, doutras administracións.

Esta sección divídese en tres subseccións:

-Cesamentos.

-Nomeamentos.

-Substitucións.

A sección III, Outras disposicións, inclúe os acordos, as resolucións e outros actos administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia que non corresponda incluír en ningunha outra das seccións que se prevén neste artigo.

A sección IV, Oposicións e concursos, inclúe as convocatorias de procesos selectivos e de procedementos de provisión de postos de traballo e outros actos administrativos que fagan referencia a iso, os instrumentos de xestión de postos de traballo e os actos relativos ao persoal doutras administracións ditados pola Comunidade Autónoma de Galicia.

A sección V, Administración de xustiza, inclúe anuncios, edictos e actos administrativos da Administración de xustiza.

A sección VI, Anuncios, inclúe anuncios, edictos e actos administrativos das institucións da Comunidade Autónoma de Galicia, da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, das universidades públicas de Galicia e da Administración local. Finalmente, inclúense outros anuncios e actos que emanan de persoas físicas e xurídicas non mencionadas anteriormente. Esta sección divídese en tres subseccións:

Administración autonómica: inclúe anuncios, edictos e actos administrativos das institucións da Comunidade Autónoma de Galicia, da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais e das universidades públicas de Galicia, sempre que dean publicidade a acordos e resolucións, en relación cos asuntos seguintes:

a. Notificacións e emprazamentos.

b. Concesións, licenzas e autorizacións administrativas, salvo que o outorgamento corresponda ao Goberno.

-Administración local: inclúe os anuncios, edictos e actos administrativos que dan publicidade a acordos e resolucións e a outros actos das administracións locais de Galicia. Os anuncios e edictos ordénanse atendendo ao tipo de administración local de que se trate.

-Outros anuncios: inclúe os anuncios e actos que emanan de persoas físicas e xurídicas non mencionadas en ningunha das outras subseccións a que fai referencia este punto.

Artigo 11º.-Epígrafes.

1. Dentro das seccións os documentos agrúpanse en epígrafes segundo o órgano de procedencia.

2. As normas con rango de lei de Galicia inclúense na epígrafe correspondente á Presidencia da Xunta.

3. Os decretos e os acordos do Goberno inclúense na epígrafe correspondente ao departamento que os propuxese. No caso de que fosen propostos por varios departamentos, inclúense na epígrafe correspondente á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

4. As ordes asinadas polas persoas titulares de máis dun departamento inclúense na epígrafe correspondente ao departamento que determine a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

5. Os actos e disposicións que emanen das institucións da Comunidade Autónoma de Galicia reguladas no Estatuto de autonomía, salvo as que dependen organicamente doutra, así como os que emanen das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, publicaranse baixo a epígrafe propia de cada unha das ditas institucións e entidades.

Artigo 12º.-Publicación de documentos.

1. Conforme o establecido no artigo 13º do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o DOG é o medio de que se dota a Xunta de Galicia para facer públicos os documentos que, de acordo co ordenamento xurídico e en virtude dos principios constitucionais de publicidade das normas e de seguridade xurídica, deben ser obxecto de publicación oficial. Publícanse no DOG as leis de Galicia e as normas, disposicións de carácter xeral, acordos, resolucións, edictos, notificacións, anuncios e demais actos do Parlamento de Galicia, do Goberno, da Administración xeral da Xunta de Galicia, da Administración de xustiza e doutras administracións, entes e organismos públicos, así como anuncios de particulares, nos supostos en que o determine o ordenamento xurídico e unha vez que as persoas facultadas para ordenar a súa inserción os envíen á entidade xestora nos termos que determina esta

orde.

2. A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pode requirir a quen ordena a inserción dun documento que xustifique a procedencia de publicalo. A data de publicación dos documentos é a que consta na cabeceira do DOG e determina o cómputo dos prazos para a entrada en vigor das normas e para a efectividade dos actos.

3. Os documentos que deban publicarse no DOG deben reproducirse tal como fosen entregados polos remitentes, e non se poden modificar salvo que estes o autoricen de forma fidedigna. Isto sen prexuízo do establecido no artigo 15 respecto da revisión e cotexo previos dos documentos enviados para publicar e da introdución das pertinentes correccións lingüísticas e ortotipográficas.

4. A publicación no DOG das leis aprobadas polo Parlamento de Galicia debe facerse de acordo co establecido no Estatuto de autonomía.

O resto das disposicións e actos administrativos debe facerse de acordo co que se determine nesta orde.

5. Salvo que se produzan atrasos por causas non imputables á unidade administrativa do DOG, ou en períodos de especial acumulación de tarefas, a publicación de documentos debe facerse no prazo máximo de quince días hábiles desde a recepción da orde de inserción ou, de ser o caso, desde o pagamento da taxa correspondente. Se se aplica a taxa de urxencia, o prazo de publicación é de catro días.

6. Os documentos recibidos pola unidade administrativa do DOG teñen carácter reservado, e non se pode facilitar información sobre eles con carácter previo á súa publicación, salvo que os remitentes o autoricen expresamente.

7. Se un documento for publicado no DOG con erros que alteran ou modifican o seu contido, debe reproducirse correctamente na súa totalidade ou na parte necesaria. Se o erro é atribuíble ao DOG, a corrección de erros debe publicarse por iniciativa da dita entidade; en caso contrario, deben redactar e enviar a corrección os emisores do documento. En ambos os dous casos, a publicación da corrección de erros debe facerse tan pronto como estes se detecten ou comuniquen.

Artigo 13º.-Envío das ordes de inserción e dos documentos para publicación.

1. Os documentos que deban publicarse no DOG débense enviar exclusivamente por medios telemáticos coa sinatura electrónica da persoa facultada para ordenar a súa inserción, prevista no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. En casos excepcionais e debidamente xustificados, acéptase o envío de ordes de publicación por medios telemáticos sen a sinatura electrónica, ben que a orde de inserción non ten efectos ata que non entra no rexistro da unidade administrativa do DOG, asinada en soporte papel.

3. En todo caso, sempre se debe entregar unha reprodución do documento que haxa que publicar en formato electrónico editable. O formato dos documentos que deban publicarse no DOG, xa sexa de texto, gráfico, de imaxe ou calquera outro, ten que ser dixitalizable e debe ser o idóneo para comunicar o contido do documento de que se trate.

Artigo 14º.-Contido das ordes de inserción.

1. A persoa facultada para enviar a orde de inserción ten que ter autorización expresa do responsable do órgano.

2. As ordes de inserción deben conter o texto íntegro que se debe publicar nas dúas linguas e a identificación de se o texto que se debe publicar contén datos de carácter persoal.

3. No caso de que a orde de inserción presente erros que non permitan o seu tratamento, a unidade administrativa do DOG debe informar o solicitante para que envíe unha nova orde de inserción cos erros corrixidos.

Artigo 15º.-Revisión previa á publicación.

1. Os órganos pertinentes do Parlamento de Galicia, da Administración da Xunta de Galicia, da Administración de xustiza e das administracións, os entes e os organismos públicos correspondentes, así como os particulares que poidan publicar anuncios nos supostos que determina o ordenamento xurídico, deben velar pola adecuación formal e lingüística dos textos que envíen para publicar no DOG. Para este efecto, poden solicitar o asesoramento do Servizo de Tradución da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

2. Se, unha vez enviados os documentos, a unidade administrativa do DOG detecta erros materiais manifestos, pode suxerir modificacións á parte emisora do documento. Estas modificacións só se poden introducir no texto se queda constancia da aceptación expresa da parte emisora do documento, salvo que se trate de correccións exclusivamente lingüísticas ou ortotipográficas. Neste último caso, introduciranse as correccións pertinentes sen que sexa necesaria a aceptación previa por parte do emisor.

Artigo 16º.-Corrección dos documentos publicados.

1. Cando se detecten erros materiais nos documentos publicados que non afecten o contido, incluídos os erros ortográficos, e que sexan atribuíbles á unidade administrativa do DOG, esta poderá emendalos de oficio o mesmo día da publicación, tan pronto como se detecten ou comuniquen.

Cando unha edición sexa obxecto de emenda de acordo co parágrafo anterior, débese indicar esta circunstancia, de xeito claro, no correspondente sumario e no documento afectado.

De se detectaren estes tipos de erros materiais pasado o día da publicación, a unidade administrativa do DOG debe publicar unha corrección de erratas, tan pronto como se detecten ou se comuniquen.

2. As correccións de erratas non imputables á unidade administrativa do DOG, ou aquelas que alteren ou modifiquen o contido dos documentos publicados, e que se publiquen por iniciativa da parte emisora do documento ou da unidade administrativa do DOG, débense tramitar como calquera outro documento que se deba publicar.

Artigo 17º.-Rexistro de autoridades e persoal facultado para enviar as ordes de inserción.

1. Créase o rexistro automatizado de autoridades e persoal facultado para enviar, mediante a sinatura electrónica prevista no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades da dependentes, a orde de inserción dos documentos destinados a ser publicados no DOG.

A finalidade deste rexistro é dispor da relación de persoas facultadas para enviar, mediante a sinatura electrónica, as ordes de inserción no DOG.

Para estes efectos, os órganos pertinentes do Parlamento de Galicia, da Administración xeral da Xunta de Galicia, da Administración de xustiza e das administracións, os entes e os organismos públicos correspondentes deben acreditar, segundo a súa normativa específica, as persoas que deben constar no rexistro, e deben comunicar as modificacións que se produzan.

2. Este rexistro ten carácter administrativo e xestiónase por medios electrónicos. A súa xestión correspóndelle á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

3. En cada asentamento débense facer constar os datos persoais identificativos das persoas facultadas para enviar as ordes de inserción, consistentes en nome, apelidos e número de documento nacional de identidade, así como os datos de contacto, a identificación do organismo, ente ou entidade que as facultou para enviar as ordes de inserción no DOG, e a data de alta e de baixa no rexistro.

Cando se dea de baixa un usuario rexistrado, os datos que consten no rexistro quedarán bloqueados para os efectos de constancia administrativa durante un período equivalente ao ciclo de vida das ordes de inserción.

4. En todo caso, as persoas rexistradas poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos seus datos de carácter persoal ante a entidade correspondente responsable do rexistro.

Artigo 18º.-Réxime económico.

1. É requisito previo para publicar os anuncios liquidar os importes das taxas segundo o establecido na normativa sobre taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que o anuncio estea incluído nun suposto de exención do pagamento da taxa de publicación, a persoa interesada deberao alegar e acreditar con carácter previo á publicación.

3. As cotas da taxa polas publicacións dos anuncios e edictos no DOG e os supostos de exención de pagamento son os establecidos na lexislación sobre taxas e prezos públicos. As actualizacións das cotas son establecidas, se é o caso, polas leis de orzamentos da Comunidade Autónoma.

Disposición adicional

Única.-No prazo máximo de seis meses, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ditará a resolución de aprobación do manual de estilo do DOG, que será publicada no DOG e máis na súa páxina web. A partir da súa aprobación e publicación, os envíos ao DOG deberán facerse segundo as normas do citado manual.

Disposicións transitorias

Primeira.-Mentres non se estableza a posta en funcionamento da sede electrónica, a publicación da edición electrónica do DOG realizarase no portal institucional da Xunta de Galicia e terá as mesmas consideracións que a publicada na sede electrónica.

Segunda.-Mentres non estea operativo o rexistro electrónico recollido no artigo 17º, poderán realizar os envíos ao DOG as persoas que sexan autorizadas polos órganos competentes.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas as disposicións que se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2011.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza