Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Venres, 20 de maio de 2011 Páx. 10368

I. Disposicións xerais

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 12 de maio de 2011 pola que se regulan os centros plurilingües na Comunidade Autónoma de Galicia e se establece o procedemento de incorporación de novos centros á Rede de Centros Plurilingües de Galicia.

As accións e recomendacións emanadas da Comisión Europea e do Consello de Europa nos últimos quince anos veñen configurando as políticas lingüísticas e a innovación en educación lingüística dos distintos países membros da Unión, ao considerar a competencia en linguas como un recurso económico e social indispensable dentro, e máis aló, dunha Europa cultural e lingüisticamente diversa.

É pois, hoxe, de todos aceptado que a competencia en linguas estranxeiras aumenta as posibilidades de emprego das persoas e as opcións educativas que, pola súa vez, xeran toda unha gama de competencias persoais, sociais e profesionais.

Dentro do ámbito das linguas estranxeiras, o inglés converteuse en lingua global -en calidade de idioma de comunicación universal- logrando un alcance como ningunha outra lingua o fixo ao longo da historia, adquirindo así o estatus de «competencia clave», en posición de igualdade co dominio das TIC e, xa que logo, converténdose parte esencial da alfabetización do século XXI. Por iso, a competencia insuficiente do noso alumnado nesta lingua tería serias repercusións para continuar estudos noutros países e para as súas posibilidades de emprego.

O anterior non só implica o tratamento educativo do inglés como competencia clave e a súa utilización como lingua vehicular para a aprendizaxe de contidos de materias non lingüísticas, senón tamén a incorporación á formación do alumnado doutras linguas estranxeiras coa finalidade de lograr vantaxes educativas e profesionais, ao achegar unha riqueza comunicativa adicional á competencia en inglés como lingua franca global.

Esta apertura intensa a outras linguas e culturas ten en Galicia, como comunidade bilingüe, unhas características específicas que implican que a aprendizaxe de todas as linguas presentes no noso currículo deba transcender o logro do dominio en cada unha delas separadamente. Así, os centros educativos deben traballar na vía do desenvolvemento dunha única competencia comunicativa á cal contribúan todos os coñecementos e destrezas adquiridos en todas as linguas a que está exposto o alumnado, coñecementos e destrezas que, relacionándose entre si e interactuando, darán lugar a unha competencia comunicativa plurilingüe.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria implantou de xeito experimental os centros plurilingües en Galicia durante o curso 2010-2011, como parte do proceso de fomento da diversidade lingüística e cultural da súa política educativa, do cal forman parte programas como a Anticipación da primeira lingua estranxeira, os cursos para a formación complementaria de aprendizaxe de linguas estranxeiras ou o Plan de seccións bilingües. Esta implantación experimental permitiu: por unha banda, incrementar a presenza da lingua estranxeira como lingua vehicular, mediante a aplicación do disposto no Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia; e pola outra, favorecer a transferencia entre as linguas que se imparten nos centros educativos galegos tanto nas destrezas comunicativas como nas destrezas académicas, mediante a concreción de medidas tendentes á impartición dun currículo integrado das linguas no proxecto lingüístico de centro.

A resposta altamente favorable dos centros educativos e das familias á participación neste proxecto de plurilingüismo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o compromiso do profesorado, responsable da execución do proxecto, coa formación do alumnado e a súa propia, animan á Administración educativa a continuar na vía iniciada de creación dunha Rede de Centros Plurilingües e a ordenar a súa regulamentación e o procedemento de incorporación a aquela.

Por todo o exposto,

DISPOÑO:

Sección 1.ª Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde ten por obxecto a regulación dos centros plurilingües de educación primaria e de educación secundaria no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a convocatoria dirixida aos centros que desexen incorporarse á Rede de Centros Plurilingües.

Artigo 2. Definición de centros plurilingües.

1. Terán a consideración de centros plurilingües aqueles centros en que se impartan nunha lingua estranxeira áreas ou materias non lingüísticas, de educación primaria e/ou secundaria, cunha carga horaria total impartida en lingua estranxeira de ata o máximo dun terzo do horario lectivo do grupo de alumnado, conforme o que se establece no Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. Esta docencia en lingua estranxeira deberá ir dirixida a todo o alumnado do nivel educativo obxecto do programa plurilingüe.

2. Os centros plurilingües da Comunidade Autónoma de Galicia teñen, entre outros, os seguintes obxectivos:

a) Formar en linguas estranxeiras á vez que en contidos non lingüísticos.

b) Mellorar o dominio efectivo en linguas estranxeiras do alumnado galego.

c) Fomentar a pluralidade lingüística e cultural nos centros educativos para lograr a plena integración do alumnado nun contexto cultural e económico globalizado.

d) Promover o desenvolvemento dun currículo integrado das linguas para favorecer a transferencia dos coñecementos e as competencias dunha lingua a outras.

Artigo 3. Requisitos dos centros plurilingües.

Para poder ter a consideración de centros plurilingües, os centros educativos de educación primaria e secundaria da Comunidade Autónoma de Galicia deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Impartir en lingua estranxeira ata un máximo dun terzo do horario lectivo dun grupo de alumnos e alumnas.

b) Dispor de profesorado cualificado para impartir as materias non lingüísticas en lingua estranxeira en toda a etapa.

c) Aprobación do proxecto polo consello escolar, unha vez oído o claustro.

d) Participar e colaborar no desenvolvemento dos procesos de avaliación do alumnado e dos propios centros que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria organice.

Artigo 4. Denominación dos centros plurilingües.

Os centros educativos que integren a rede de centros plurilingües incorporarán o termo plurilingüe entre a súa denominación xenérica e o seu nome específico.

Artigo 5. Rede de Centros Plurilingües de Galicia.

Os centros docentes autorizados como centros plurilingües integrarán a Rede de Centros Plurilingües de Galicia.

Sección 2.ª Ordenación das ensinanzas plurilingües

Artigo 6. As ensinanzas nos centros plurilingües de educación primaria e secundaria.

A ordenación das ensinanzas nos centros que constitúan a Rede de Centros Plurilingües de Galicia guiarase polos seguintes principios:

1. A impartición das materias non lingüísticas nos centros plurilingües axustarase ao establecido no Decreto 130/2007, do 28 de xuño, polo que se establece o currículo da educación primaria; no Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria e no Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os centros plurilingües iniciarán a impartición do programa de plurilingüismo no primeiro curso de cada etapa e desenvolverano ao longo dela.

3. Na docencia da materia de lingua estranxeira incorporaranse contidos e actividades de apoio ao ensino das materias non lingüísticas que se impartan nesa lingua.

4. O centro planificará e levará a cabo actividades extraescolares e complementarias plurilingües co obxecto de potenciar a aprendizaxe de linguas.

5. No proxecto lingüístico do centro concretaranse medidas tendentes á impartición dun currículo integrado das linguas. Estas medidas incluirán, polo menos, acordos sobre criterios metodolóxicos básicos de actuación en todas as linguas e o tratamento que se lles dará aos contidos e aos criterios de avaliación similares nas distintas áreas lingüísticas, co fin de favorecer que todos os coñecementos e as experiencias lingüísticas do alumnado contribúan ao desenvolvemento da súa competencia comunicativa plurilingüe.

Sección 3.ª Profesorado dos centros plurilingües

Artigo 7. Requisitos que deberá reunir o profesorado.

O profesorado que imparta áreas ou materias non lingüísticas en lingua estranxeira deberá reunir os seguintes requisitos:

1. Ser especialista da materia que vai impartir en lingua estranxeira, ou estar en posesión da habilitación correspondente.

2. Acreditar o nivel B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL).

Artigo 8. Compromisos que deberá asumir o profesorado.

O profesorado que imparta áreas ou materias non lingüísticas en lingua estranxeira quedará comprometido a:

1. Impartir a área ou materia da súa especialidade en lingua estranxeira.

2. Participar nunha sesión semanal de seguimento e coordinación convocada pola persoa coordinadora do programa plurilingüe do centro, xunto co profesorado de linguas estranxeiras que participe no programa.

3. Colaborar na elaboración da programación de contidos e actividades de apoio en lingua estranxeira e da memoria final anual.

4. Participar nas actividades de formación e de coordinación entre centros que programe a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 9. Profesorado coordinador.

1. Os centros plurilingües contarán cunha persoa coordinadora do programa, que será nomeada pola dirección do centro, entre o profesorado de lingua estranxeira con destino definitivo no centro, por un período dun curso académico.

2. A persoa coordinadora deberá impartir a lingua obxecto de estudo no programa, nalgún dos grupos de alumnado participante nel.

3. Son funcións da persoa coordinadora:

a) Realizar o seguimento semanal e a coordinación do equipo de docentes que formen parte do programa plurilingüe e levantar acta dos temas tratados e dos acordos adoptados. A xefatura de estudos considerará este aspecto na elaboración do horario do profesorado implicado.

b) Coordinarse coa persoa responsable do equipo de dinamización lingüística do centro.

c) Elaborar, coa colaboración do profesorado implicado no programa, a programación dos contidos e as actividades de apoio ás ensinanzas das materias non lingüísticas que se impartan nesa lingua, así como a memoria de fin de curso.

d) Identificar as necesidades de formación permanente e trasladárllelas ás estruturas de formación, a través da dirección do centro.

e) Dirixir e orientar o labor da persoas nativas de apoio ao programa.

f) Promover a colaboración entre os centros que formen parte da Rede de Centros Plurilingües e con todas aquelas persoas ou organismos que puidesen ofrecer colaboración.

4. A persoa coordinadora do programa contará coa redución dunha hora no seu horario lectivo, por nivel educativo implicado no proxecto, ata un máximo de tres. En ningún caso esta redución suporá un aumento no cadro de persoal do centro.

Artigo 10. Apoios por parte da Administración educativa.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nos centros da súa dependencia, asegurará que as vacantes que se produzan nas áreas ou materias non lingüísticas vinculadas ao programa de centros plurilingües se cubran con profesorado coa debida competencia lingüística. Estableceranse os criterios selectivos necesarios para que as posibles substitucións temporais do profesorado participante no programa as realice aquel que posúa a debida competencia lingüística no idioma estranxeiro correspondente.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria impulsará, dentro do seu Plan de formación, actividades específicas para o profesorado da Rede de Centros Plurilingües e facilitará a dispoñibilidade de recursos didácticos e materiais específicos, así como de orientacións didácticas para o desenvolvemento do programa.

3. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dotará os centros públicos de persoas nativas de apoio ao profesorado do centro para posibilitar o desenvolvemento do programa.

Artigo 11. Certificación de participación.

O profesorado que participe neste programa de innovación educativa recibirá un certificado acreditativo ao remate de cada curso escolar, cunha equivalencia de 50 horas de formación do profesorado para aquel que imparta áreas ou materias non lingüísticas en lingua estranxeira, e cunha equivalencia de 20 horas de formación do profesorado para a persoa coordinadora.

Sección 4.ª Alumnado dos centros plurilingües

Artigo 12. Admisión e certificación.

1. A admisión do alumnado en centros plurilingües realizarase de acordo coa normativa vixente para tal fin na Comunidade Autónoma de Galicia. Durante o proceso de admisión do alumnado, todos os centros plurilingües sostidos con fondos públicos exporán, no seu taboleiro de anuncios e en todos os sistemas de información pública de que dispoñan, información sobre o carácter plurilingüe do centro, os obxectivos e o alcance desta condición, así como sobre as medidas de apoio establecidas para facilitar a incorporación do alumnado ao programa plurilingüe.

2. O alumnado participante no programa recibirá, ao remate de cada etapa, certificación da dirección do centro de que realizou nun centro plurilingüe os estudos correspondentes, con indicación da etapa e a lingua estranxeira. Farase constar ademais mediante dilixencia no historial académico do alumno e no informe individualizado no caso de traslado a outro centro.

Artigo 13. Atención á diversidade.

Os centros plurilingües concretarán no seu proxecto lingüístico os programas específicos de atención ao alumnado, nomeadamente aquel con necesidades específicas de apoio, que se incorpore ao inicio da etapa sen o grao de dominio da lingua estranxeira propio do seu nivel ou curso.

Sección 5.ª Procedemento de incorporación á Rede de Centros Plurilingües

Artigo 14. Solicitude e documentación.

Os centros que decidan formar parte da Rede de Centros Plurilingües deberán dirixir a súa solicitude, segundo se recolle no anexo I, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, conforme o procedemento que se describe no artigo 16. A esta solicitude achegaráselle a seguinte documentación:

a) Proxecto de desenvolvemento do programa plurilingüe en cada un dos cursos da etapa para a que se propoña, con indicación do curso ou cursos de aplicación no curso 2011-2012 e planificación da extensión na etapa nos seguintes anos académicos.

b) Relación de áreas ou materias que se impartirán en lingua estranxeira, con indicación desta.

c) Información relativa á experiencia en plans e/ou programas relacionados coas linguas estranxeiras en que participou o centro.

d) Certificación da aprobación do proxecto polo Consello Escolar, oído o claustro de profesores e profesoras.

e) Relación do profesorado con destino definitivo no centro, ou profesorado contratado no caso dos centros concertados, que impartirá docencia, xunto coa titulación que acredite a súa competencia lingüística.

f) Informe da inspección educativa.

Artigo 15. Lugar e prazo de presentación.

1. As solicitudes dirixidas á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e demais documentación presentaranse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, edificio administrativo San Caetano s/n, 15780 Santiago de Compostela, así como en calquera dos lugares establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 30 de abril.

Artigo 16. Selección dos centros.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria realizará a selección dos proxectos, mediante unha comisión que estará presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue, e que tamén estará integrada polas persoas titulares da Subdirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, do Servizo de Ordenación, Innovación e Orientación Educativa, así como dous asesores ou asesoras técnicas da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, un dos cales realizará as funcións de secretaría.

2. A valoración das solicitudes presentadas realizarase considerando a viabilidade do proxecto. Para iso terase en conta a experiencia previa do centro, o cadro de persoal de profesorado dispoñible coa cualificación requirida para desenvolver o programa en toda a etapa (con especial mención ao profesorado especialista en idioma estranxeiro) e os recursos existentes no centro, así como o número de unidades e de alumnado.

3. A comisión de selección elevaralle á persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a proposta de resolución da convocatoria. A resolución definitiva será publicada no Diario Oficial de Galicia. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. De non considerar oportuna a interposición do citado recurso, poderán formular directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Sección 6.ª Seguimento e avaliación dos centros plurilingües

Artigo 17. Seguimento e avaliación.

1. Os centros plurilingües establecerán na súa programación xeral anual os mecanismos de seguimento e avaliación do programa plurilingüe que permitan valorar os resultados obtidos e establecer, cando cumpra, propostas de mellora, que deberán reflectirse na memoria final de cada curso.

2. Correspóndelle á inspección educativa supervisar o proceso de implantación e desenvolvemento do programa nos centros plurilingües, prestándolle especial atención á práctica docente, así como propor medidas de mellora.

3. A persoa coordinadora do programa, coa participación do profesorado implicado no programa, deberá elaborar unha memoria ao remate do curso escolar para a súa integración na memoria anual do centro. A inspección educativa achegará, antes do 5 de xullo de cada curso escolar, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a memoria do programa co seu informe.

4. Ao remate de cada etapa educativa, co fin de verificar o grao de dominio da lingua estranxeira, levarase a cabo a avaliación do alumnado participante no programa plurilingüe, seguindo o procedemento que determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 18. Recursos.

Contra esta orde poderá interporse recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición adicional única.

Os centros plurilingües de educación primaria e de educación secundaria autorizados pola Orde do 8 de novembro de 2010 ampliarán, se é o caso, no curso 2011-2012 o programa ao segundo curso da etapa e integraranse na Rede de Centros Plurilingües de Galicia.

Disposición transitoria única.

O prazo de presentación de solicitudes para a incorporación de novos centros á Rede de Centros Plurilingües de Galicia no curso 2011-2012 será de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para realizar as sucesivas convocatorias anuais de incorporación dos centros educativos á rede de centros plurilingües de Galicia, así como de ampliación do programa nos centros xa autorizados.

Disposición derradeira segunda. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ED531AG.pdf