Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Luns, 23 de maio de 2011 Páx. 10885

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2011, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión e se procede a súa convocatoria para o ano 2011.

En cumprimento do disposto no Decreto 71/1999, do 18 de marzo, polo que se regulan as axudas a empresas xornalísticas e de radiodifusión, modificado polo Decreto 96/2004, do 13 de maio, e en uso das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I desta resolución, polas que se rexerá a concesión de subvencións ás empresas xornalísticas e de radiodifusión radicadas en Galicia e efectuar a convocatoria para o ano 2011.

Artigo 2. Beneficiarios e solicitudes.

1. Os beneficiarios destas axudas serán as empresas xornalísticas e de radiodifusión radicadas en Galicia que estean debidamente inscritas no Rexistro Mercantil ou no que corresponda segundo a forma empresarial que adopten e que se axusten ao estipulado no punto primeiro do artigo 2 das bases reguladoras polas que se rexe esta convocatoria.

2. Para poder ser beneficiario das subvencións deberán presentar unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

3. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, serán causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

As solicitudes, dirixidas ao secretario xeral de Medios, poderán presentarse preferentemente no Rexistro Único do edificio administrativo da Xunta de Galicia en San Caetano, en Santiago de Compostela (A Coruña).

Poderán, así mesmo, presentarse por calquera dos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4. Financiamento.

A concesión das axudas reguladas nesta resolución financiarase con cargo ás aplicacións orzamentarias 04.30.461A.470.1, por importe de 1.420.035 euros, e 04.30.151A.470.1, por importe de 300.000 euros dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2011, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria nos termos do artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A distribución dos créditos para o exercicio 2011 efectuarase do seguinte xeito:

-Empresas xornalísticas: 1.320.035 €.

-Empresas de radiodifusión: 300.000 €.

-Empresas que transmitan a súa actividade diaria a través da internet, vía satélite ou por calquera outro sistema que empregue soportes das novas tecnoloxías da comunicación: 100.000 €.

Artigo 5. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a seis meses.

Disposición derradeira.

Única. Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2011.

Alfonso Cabaleiro Durán
Secretario xeral de Medios

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión.

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

1. As axudas reguladas por estas bases teñen por obxecto establecer subvencións ás empresas xornalísticas e de radiodifusión radicadas en Galicia que estean debidamente inscritas no Rexistro Mercantil ou no que corresponda segundo a forma empresarial que adopten.

Para os efectos desta resolución entenderase:

a) Por empresas xornalísticas e de radiodifusión, as que teñan por obxecto da súa actividade, entre outras, a edición e distribución de xornais diarios co mesmo título e numeración sucesiva, as empresas radiofónicas privadas e aquelas que transmitan a súa actividade informativa diaria a través da internet, vía satélite ou por calquera outro sistema que empregue soportes das novas tecnoloxías da comunicación.

b) Por empresas radicadas en Galicia aquelas que conten cun cadro de persoal estable de cando menos cinco traballadores que presten os seus servizos no ámbito territorial de Galicia e que elaboren e difundan toda ou parte da súa produción informativa de forma específica no territorio da comunidade autónoma.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 2. Actuacións subvencionables.

1. Poderán solicitar as axudas obxecto destas bases as empresas que publiquen ou difundan informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións orientadas a alentar a defensa da identidade de Galicia, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a difusión da súa cultura. Na súa produción informativa deberá ter un especial protagonismo o idioma galego.

2. Quedan excluídos da concesión de axudas:

a) Os boletíns interiores de institucións. As publicacións de partidos políticos, asociacións relixiosas ou entidades públicas.

b) As publicacións de distribución gratuíta.

c) As empresas que emitan a través de sinal de televisión.

d) As que, ao longo do ano 2010, incluísen publicidade que non se ateña ao disposto no artigo 10 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, en materia de toponimia.

Artigo 3. Compatibilidade.

As axudas previstas nestas bases serán compatibles con outras axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, sempre que a acumulación de axudas non supere o custo total da actividade subvencionada e se respecten as condicións establecidas en cada réxime de axudas na normativa nacional e comunitaria aplicable.

Artigo 4. Documentación.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse nos lugares e prazo que se indican na convocatoria.

2. Xunto coa solicitude achegarase a seguinte documentación, en orixinal ou fotocopia cotexada, de ser o caso:

A) Empresas xornalísticas:

1. Fotocopia do NIF ou, de ser o caso, do CIF da empresa. Fotocopia do DNI do representante legal da empresa, que non será preciso presentar no caso de que autorice a Secretaría Xeral de Medios para a consulta dos datos de identidade no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia.

2. Testemuño auténtico da escritura de poder cando o solicitante actúe en representación da persoa física ou xurídica titular do medio.

3. Certificación actualizada da inscrición no Rexistro Mercantil ou no do órgano correspondente.

4. Memoria asinada en que se fagan constar os números publicados desde o 1 de xaneiro ata ao 31 de decembro de 2010, número de traballos ou artigos escritos en lingua galega durante o mesmo período e porcentaxe de publicacións, informacións ou emisións encamiñadas á normalización da lingua galega e difusión da identidade e cultura de Galicia.

5. Copia do pagamento do imposto sobre actividades económicas (IAE). No caso de que a entidade estea exenta, deberá xustificar a causa de exención.

6. Informe da Tesouraría Xeral da Seguridade Social do número anual medio de traballadores en situación de alta durante o ano 2010.

7. Declaración do número de exemplares difundidos da publicación de que se trate durante o período do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2010, acompañada da documentación que o acredite. No caso de empresas que emitan a través da internet, presentarán declaración do número de visitas ou consultas efectuadas no período citado anteriormente. Incidirá especialmente na valoración a certificación expedida pola Oficina da Xustificación da Difusión (OXD), coa difusión no período do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2010.

8. Declaración responsable do representante da empresa, comprometéndose a que vai incrementar progresivamente o uso da lingua galega en cada cabeceira.

9. Declaración responsable subscrita por quen asine a solicitude na cal se faga constar, tanto no que se refire á entidade xurídica como aos seus administradores e/ou representantes legais, que non están incursas en ningunha das prohibicións recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

10. Os peticionarios das axudas presentarán, coa solicitude inicial, unha declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas.

B) Empresas de radiodifusión:

1. Memoria asinada en que se faga constar a programación, especificando que parte dela se realiza en lingua galega e porcentaxe de publicacións, informacións ou emisións encamiñadas á normalización da lingua galega e difusión da identidade e cultura de Galicia. Este último extremo acreditarase mediante declaración xurada.

2. A que se establece nos números 1, 2, 3, 5, 6, 9 e 10 da epígrafe A) deste artigo.

3. Informe do estudo xeral de medios relativo á audiencia acumulada da emisora solicitante durante o período do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2010.

4. Declaración responsable do representante da empresa, comprometéndose a que continuará realizando as emisións en galego ata o 31 de decembro de 2011, no caso de ser beneficiaria da axuda.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do contido da convocatoria e das bases reguladoras, así como a asunción da veracidade dos datos nela recollidos e a responsabilidade sobre a inclusión dos ditos datos, mesmo a responsabilidade que se asume por posibles erros realizados a título de simple neglixencia.

2. De conformidade co artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización para que o órgano competente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e deberá presentar entón as certificacións nos termos do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consente expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro. Esta publicación levarase a cabo agás nos supostos legalmente establecidos.

Todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

4. De acordo co previsto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e na orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, pola que se desenvolve este, os solicitantes poderán facer constar no formulario de solicitude o seu consentimento expreso para que a Administración verifique de xeito telemático os seus datos de identidade no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia.

En caso de que non presten ese consentimento, deberán presentar xunto coa solicitude unha fotocopia compulsada do seu DNI en vigor.

5. Conforme o disposto no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta secretaría xeral publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas exencións previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Adicionalmente ao xa indicado neste artigo, no formulario normalizado de solicitude inclúense declaracións expresas sobre os datos do solicitante e as condicións que consente ou autoriza.

Artigo 6. Órganos competentes.

1. A competencia para resolver os procedementos de concesión obxecto destas bases correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral de Medios, ao abeiro do establecido na disposición adicional segunda, epígrafe 1.c), do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

2. O Servizo de Xestión de Medios Informativos é o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións, polo que lle corresponde o exercicio das facultades previstas no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Instrución do procedemento.

1. O órgano instructor será o encargado de verificar o cumprimento das condicións exixidas nestas bases, así como na normativa de aplicación para poder ser beneficiario das axudas. Para tal fin analizará as solicicitudes presentadas, así como a documentación que se xunte ás mesmas.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude presentada non reunise algún dos requisitos contidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase expresa indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse do solicitante calquera dato, documento complementario e aclaración que poidan resultar necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez verificadas e revisadas as solicitudes e emendados os erros, de ser o caso, os expedientes administrativos que reúnan as condicións exixidas e que conten coa documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, regulada no artigo seguinte.

5. No caso de que o órgano instrutor aprecie que un expediente non reúne as condicións exixidas nesta resolución ou na restante normativa de aplicación, ou que non conté a documentación necesaria, elaborará a correspondente proposta de resolución de inadmisión que, en todo caso, será motivada con indicación as causas das mesmas.

Artigo 8. Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración é o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das axudas aos interesados. Para tal fin elaborará un informe no cal se especificarán: solicitudes que cumpren os requisitos para optar á subvención, avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte, así como importe da axuda para cada un dos solicitantes.

2. A comisión de valoración terá a seguinte composición:

Presidente: a directora xeral de Comunicación.

Vogais:

–O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

–Un funcionario da Secretaría Xeral de Medios con categoría non inferior á de xefe de servizo.

–Un funcionario proposto pola Secretaría Xeral de Política Lingüística con categoría non inferior á de xefe de servizo.

Secretario: un funcionario da Secretaría Xeral de Medios, por proposta do presidente, que actuará con voz pero sen voto.

Artigo 9. Criterios de cuantificación do importe da axuda.

A valoración das solicitudes presentadas basearase e distribuirase de forma proporcional aos seguintes criterios:

–Empresas xornalísticas:

a) Criterio referido á difusión de exemplares. Distribuirase segundo este criterio o 60% do crédito total. A distribución do crédito farase en proporción directa aos exemplares difundidos da publicación obxecto da avaliación. Para o cálculo individualizado do importe de cada axuda teranse en conta os exemplares difundidos por cada un dos beneficiarios, en relación co número total difundido por todos eles ao longo do ano 2010.

b) Criterio referido ao emprego regular do galego por parte do medio, seguindo o establecido no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, de normativización da lingua galega, e na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e de acordo coas normas aprobadas pola Real Academia Galega en sesión plenaria do 12 de xullo de 2003. Distribuirase segundo este criterio o 30% do crédito total. Para o cálculo individualizado do importe da cada axuda terase en conta a porcentaxe do uso do galego empregado que declara cada unha das empresas beneficiarias.

c) Criterio referido á porcentaxe de publicacións, informacións ou emisións encamiñadas á normalización da lingua galega e á difusión da identidade e cultura de Galicia. Distribuirase segundo este criterio o 10% do crédito total. Para o cálculo individualizado do importe de cada axuda no referido á normalización e difusión da lingua galega teranse en conta os números difundidos da publicación en relación coa porcentaxe de publicacións e informacións encamiñadas á normalización da lingua galega e difusión da identidade e cultura de Galicia, así como a difusión de exemplares fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

–Empresas de radiodifusión:

a) Criterio referido ao número de oíntes. Distribuirase segundo este criterio o 70% do crédito total. A distribución do crédito farase en proporción directa ao número de oíntes do medio obxecto de avaliación. Para o cálculo individualizado do importe de cada axuda terase en conta o número de oíntes de cada un dos beneficiarios en relación co número total de oíntes de todos eles ao longo do ano 2010.

b) Criterio referido ao emprego regular do galego por parte do medio, seguindo o establecido no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, de normativización da lingua galega, e na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e de acordo coas normas aprobadas pola Real Academia Galega en sesión plenaria do 12 de xullo de 2003. Distribuirase segundo este criterio o 30% do crédito total. Para o cálculo individualizado do importe de cada axuda referido ao emprego regular do galego por parte do medio terase en conta a parte da programación que cada medio realiza en galego en relación co total da programación emitida.

–Empresas que transmitan a súa actividade diaria a través da internet, vía satélite ou por calquera outro sistema que empregue soportes das novas tecnoloxías da comunicación:

a) Criterio referido ao número de visitas. Distribuirase segundo este criterio o 70% do crédito total. A distribución do crédito farase en proporción directa ao número de visitas que reciba o medio obxecto de avaliación. Para o cálculo individualizado do importe de cada axuda terase en conta o número de visitas que reciba cada un dos beneficiarios en relación co número total de visitas que reciben todos eles ao longo do ano 2010.

b) Criterio referido ao emprego regular do galego por parte do medio, seguindo o establecido no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, de normativización da lingua galega, e na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e de acordo coas normas aprobadas pola Real Academia Galega en sesión plenaria do 12 de xullo de 2003. Distribuirase segundo este criterio o 30% do crédito total. Para o cálculo individualizado do importe de cada axuda no referido ao emprego regular do galego por parte do medio terase en conta a parte da información que cada medio publica en galego en relación co total de información emitida.

Artigo 10. Resolución e notificación.

1. Unha vez concluídos os trámites, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que será elevada ao titular da Secretaría Xeral de Medios.

2. O titular da Secretaría Xeral de Medios, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a contía da axuda concedida ou, de ser o caso, a causa de denegación.

3. En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos o custo da actividade subvencionada.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de seis meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorrese este prazo sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. A concesión ou a denegación da axuda seralle notificada ao solicitante de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Réxime de recursos.

As resolucións ditadas polo titular da Secretaría Xeral de Medios poñerán fin á vía administrativa, polo que contra elas, poderán os interesados interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo da interposición de calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir daquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12. Modificación da resolución e reintegro das subvencións.

1. Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas, para a mesma finalidade, por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora producidos desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ao abeiro do disposto no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se vai minorar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou o non xustificado.

4. A tramitación do expediente de reintegro realizarase de acordo co procedemento establecido no capítulo II do título II da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Obrigas das empresas beneficiarias, xustificación e pagamento.

1. As empresas beneficiarias das axudas quedan obrigadas:

a) Ao reintegro, total ou parcial, da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos regulados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) A someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar a Secretaría Xeral de Medios, así como calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, para o que achegarán canta información lles sexa requirida.

c) Dar unha adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución das actividades que se subvencionan.

d) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requiriráselle ao solicitante ou beneficiario que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

e) A non estar incursas en ningunha das prohibicións para obter a condición de empresa beneficiaria das axudas recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) A comunicarlle á Secretaría Xeral de Medios no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos subvencionados, a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as publicacións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da axuda.

g) Declaración responsable comprometéndose a respectar, nas informacións redactadas en castelán a lingua das declaracións da fonte ou da persoa entrevistada, sempre que as citas sexan transcritas en estilo directo, e a introducir a oferta positiva establecida no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, cando menos na relación xornalística cos representantes dos cidadáns e cargos de responsabilidade pública. Para estes efectos a oferta positiva consiste na adopción do galego como lingua de contacto inicial entre a empresa e a persoa entrevistada.

2. Conforme o establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no seu artigo 48, a xustificación do cumprimento do disposto no acto de concesión, así como dos compromisos establecidos nas bases reguladoras, o beneficiario deberá presentar conta xustificativa que conterá a seguinte documentación:

a) Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas.

b) Declaración responsable do representante da empresa beneficiaria en que se acredite a realización de actividades orientadas a alentar a defensa da identidade de Galicia, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a difusión da súa cultura, así como o fomento do idioma galego.

c) Para os efectos de xustificar os compromisos que se recollen nos artigos 4.2.A.8, 4.2.B.4 e 13.1.g) a empresa beneficiaria presentará declaración responsable do representante da empresa, na cal se certifique que se cumpriron os ditos compromisos, xunto coa documentación que o acredite.

O incumprimento destes compromisos será considerado incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda coas consecuencias que se reflicten no artigo 12 destas bases.

3. O pagamento farase efectivo na súa totalidade unha vez adoptada a resolución a que se refire o artigo 10 e acrediten o estipulado no punto 1, letras d), e), f) e g), deste artigo.

Artigo 14. Infraccións e sancións.

As empresas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Publicidade.

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, aplicación orzamentaria, contía e finalidade da subvención.

2. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000,00 euros, publicaranse no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral de Medios.

Artigo 16. Remisión normativa.

Para todo o non regulado nestas bases observarase o previsto nas seguintes disposicións:

1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Preceptos con carácter básico da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Decreto 71/1999, do 18 de marzo, polo que se regulan as axudas a empresas xornalísticas e de radiodifusión, modificado polo Decreto 96/2004, do 13 de maio.

5. Resto de normativa que resulte de aplicación.

missing image file