Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Mércores, 25 de maio de 2011 Páx. 11388

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 15 de abril de 2011 pola que se aproba a convocatoria ordinaria para cubrir prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas en universidades españolas e estranxeiras.

A Xunta de Galicia, de acordo co previsto na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, deberá desenvolver as accións necesarias para a difusión da lingua propia de Galicia fóra do seu ámbito territorial. As competencias nesta materia correspóndenlle á Secretaría Xeral de Política Lingüística, de acordo co disposto no Decreto 332/2009, do 11 de xuño, que está adscrita á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o Decreto 83/2009, do 21 de abril.

Así mesmo, o 21 de setembro de 2004 foi aprobado no Parlamento de Galicia, por unanimidade de todos os grupos parlamentarios, o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, xestado, no seu momento, por instancia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. No devandito plan recoméndanse unha serie de medidas de actuación segundo o sector social implicado. No que se refire á proxección exterior do galego un dos obxectivos marcados no plan é o de «Consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades en que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico».

No sentido apuntado, e a través de convenios de colaboración subscritos con universidades de fóra de Galicia interesadas en incluír nos seus plans de estudo o ensino da lingua, a literatura e a cultura galegas, créanse os centros de estudos galegos como órganos de referencia nestas universidades, a través dos cales se canalizan as actividades promotoras da nosa lingua, non só neste ámbito académico senón tamén na súa área de influencia.

A maioría destes centros refórzanse coa presenza dun lector ou lectora que, como complemento á súa actividade formativa, se responsabiliza da docencia, da investigación e da promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas. Os importes das súas bolsas establécense expresamente nos ditos convenios de colaboración, imputándose o gasto ás aplicacións orzamentarias 09.03.151A.781.2, cando o aboamento da bolsa recaia sobre universidades públicas españolas, 09.03.151A.770.0, cando o aboamento recaia sobre universidades privadas españolas, 09.03.151A.790.0, cando o aboamento o deban facer universidades estranxeiras e 09.03.151A.480.2, cando a bolsa sexa aboada directamente pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

En consecuencia, no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 12/2007, do 27 de xullo,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Proceder á convocatoria en réxime de concorrencia competitiva e con sometemento aos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade das prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas que se relacionan na táboa seguinte:

Destino

Localidade

País

Universidade Complutense de Madrid

Madrid

España

Universidade de Barcelona

Barcelona

Universidade de Granada

Granada

Universidade de Deusto

Bilbao

Universidade de Heidelberg

Heidelberg

Alemaña

Universidade de Padua

Padua

Italia

Universidade de Roma La Sapienza

Roma

Universidade do Algarve

Faro

Portugal

Universidade do Miño

Braga

Artigo 2. Requisitos.

1. Poderán participar nesta convocatoria as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

–Estar en posesión da nacionalidade española ou de calquera dos países membros da Unión Europea.

–Non padecer enfermidade ou limitacións físicas ou psíquicas, que sexan incompatibles co desenvolvemento das actividades obxecto desta axuda económica.

–Titulación académica:

* Poderán solicitar todas as prazas ofertadas aqueles que estean en posesión dalgunha das seguintes titulacións:

  • Licenciatura en filoloxía galega.
  • Licenciatura en filoloxía hispánica, subsección de galego-portugués.
  • Licenciatura en filoloxía románica, sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida fose o galego.
  • Grao en lingua e literatura galegas.
  • Grao en estudos de galego e español.
  • Grao en galego e portugués: estudos lingüísticos e literarios.
  • Grao en lingua e literatura españolas, sempre que a lingua B ou C elixida fose o galego e o grao fose cursado baixo a modalidade de Minor en lingua e literatura galegas ou Maior Plus en introdución á lingua e literatura galegas.
  • Grao en lingua e literatura modernas, sempre que a lingua B ou C elixida fose o galego e o grao fose cursado baixo a modalidade de Minor en lingua e literatura galegas ou Maior Plus/modalidade mixta en introdución á lingua e literatura galegas.

* Poderán solicitar as prazas localizadas en Alemaña ou Italia aqueles que estean en posesión das seguintes titulacións:

  • Licenciatura en tradución e interpretación, sempre que, como mínimo, acrediten 27 créditos en materias de galego e 21 créditos en materias da lingua oficial do país en que se localice o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de inglés.
  • Grao en tradución e interpretación, sempre que, como mínimo, acrediten 30 créditos en materias de galego e 21 créditos en materias da lingua oficial do país en que se localice o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de inglés.

2. Quedan excluídas aquelas persoas que, reunindo estes requisitos, estean a exercer ou exercesen como lectores ou lectoras de lingua, literatura e cultura galegas e que obtivesen a súa bolsa en convocatorias públicas anteriores.

Exceptúanse do disposto no parágrafo anterior aquelas persoas que, antes de rematar o período máximo de estadía, se visen obrigadas a cesar na súa condición de lectores ou lectoras por causas alleas á súa vontade, sempre que non mediase ningunha das circunstancias previstas nos artigos 3.2 e 12.2, excluíndo o suposto de inexistencia de convenio en vigor.

Artigo 3. Duración.

1. As persoas seleccionadas serán nomeadas para unha primeira estadía que abranguerá o período comprendido entre o 1.10.2011 e o 30.9.2012. Este nomeamento inicial poderase renovar sucesivamente en dúas ocasións máis ata completar cada lector ou lectora unha estadía máxima de tres anos, sempre que esta circunstancia non contraveña a normativa propia da universidade de destino. Para o cómputo do período máximo de permanencia non se terán en conta os nomeamentos provisionais derivados de substitucións.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, mediante resolución do/a titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, renovará a bolsa do lector ou lectora, sempre que non exista, ben por parte desta ou ben por parte do responsable do Centro de Estudos Galegos, un informe sobre o beneficiario en que se recolla unha evolución negativa ou pouco satisfactoria na formación e no aproveitamento das experiencias e prácticas realizadas no lectorado ou baseado en calquera das circunstancias previstas no artigo 12.2.

3. Os nomeamentos producirán os seus efectos desde a data que inicie o período correspondente ao primeiro deles.

Artigo 4. Actividade.

1. O lector ou lectora, baixo a dirección do responsable da cátedra ou do Centro de Estudos Galegos, en coordinación con este e como complemento práctico á súa actividade formativa, desenvolverá actividades de docencia, respecto daquelas materias relacionadas coa potenciación da lingua galega que se concretan nos convenios de colaboración asinados coas correspondentes universidades, e de programación e organización de tarefas de investigación, difusión e promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas, non só no ámbito universitario senón tamén na súa área de influencia.

2. Así mesmo, os lectores ou lectoras que resulten adxudicatarios das bolsas obxecto desta convocatoria deberán acreditar ter superado o curso de formación de profesores de galego que regularmente organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela ou, no seu defecto, quedan obrigados a asistir e superar o devandito curso na edición que desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística se lles indique. O incrumprimento do previsto neste punto dará lugar á aplicación do estipulado no artigo 12.2.

3. O lector ou lectora de lingua, literatura e cultura galegas non poderá desenvolver actividades que impidan, dificulten ou menoscaben o cumprimento das condicións establecidas para o desfrute da bolsa concedida. En calquera caso deberá comunicar á Secretaría Xeral de Política Lingüística o desenvolvemento de actividades alleas ao obxecto desta convocatoria para que esta determine se procede a compatibilidade.

Artigo 5. Contía da bolsa.

1. O/A lector/a percibirá o importe da bolsa directamente da Secretaría Xeral de Política Lingüística ou a través da universidade para a que sexa seleccionado. A opción elixida dependerá da normativa aplicable en cada unha das universidades de destino e recollerase no convenio de colaboración que se asine entre as dúas institucións, xunto coa contía que se percibirá e a partida orzamentaria correspondente.

2. Para o ano 2011 o importe íntegro mensual das bolsas obxecto desta convocatoria é o seguinte:

–1.123,96 €, para aqueles lectorados localizados en universidades españolas.

–1.277,12 €, para aqueles lectorados localizados en universidades estranxeiras.

3. Neste importe considéranse incluídos todos os conceptos, é dicir, o/a lector/a fará fronte aos gastos de tipo persoal que se poidan derivar da súa estadía (tales como viaxes, desprazamentos urbanos, residencia, requisitos burocráticos, etc.) con cargo á bolsa adxudicada.

4. O/A lector/a queda obrigado a reintegrar, total ou parcialmente, o importe dos conceptos indebidamente percibidos.

5. O/A lector/a queda obrigado, así mesmo, a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ou por calquera outro órgano fiscalizador das administracións públicas, no exercicio das súas funcións de control das axudas públicas.

Artigo 6. Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes axustaranse ao modelo oficial recollido como anexo I desta orde e irán acompañadas, polo menos, da documentación que a seguir se especifica:

–No caso de non autorizar a consulta dos datos de identidade, copia compulsada do DNI ou do documento acreditativo da identidade.

–Copia compulsada da titulación académica exixida no artigo 2, ou da acreditación de tela solicitada.

–En relación co anterior, orixinal ou copia compulsada da certificación académica persoal, con expresión da nota media simple calculada en función do disposto na resolución da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de marzo de 2005 (DOG n.º 57, do 23 de marzo).

–Currículo, con expresión de todos os méritos alegados.

–Copia compulsada dos xustificantes dos méritos alegados no currículo.

Os xustificantes dos méritos redactados nun idioma distinto aos oficiais en Galicia, para seren valorados, deberán ir acompañados dunha tradución a algún destes, incluíndo ao pé unha declaración responsable asinada cunha lenda que faga constar que se trata dunha tradución fiel do documento orixinal.

–Para cada universidade solicitada, escrito asinado que conteña a explicación dos motivos da súa solicitude e proxecto didáctico e de traballo.

–Declaración xurada de non estar en situación de servizo activo como funcionario ou, en caso contrario, indicación do corpo de pertenza e compromiso de solicitar o pase á correspondente situación administrativa, no caso de ser seleccionado.

–Calquera outra que se considere oportuna.

2. Ademais desta documentación, os solicitantes presentarán unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, ante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos. De non ter solicitada ou concedida ningunha, tamén o farán constar.

3. Os interesados poderán solicitar, como máximo, catro lectorados, que deberán citar no anexo I por orde de preferencia.

4. As persoas interesadas poderán presentar a solicitude no rexistro xeral da Xunta de Galicia, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e remitirán un correo electrónico, ao enderezo lectorados@edu.xunta.es, no cal indicarán o seu nome e apelidos, un teléfono de contacto e o lugar e data de presentación da solicitude.

Artigo 7. Prazo de presentación.

1. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, notificaráselle ao interesado para que, nun prazo de dez días, emende os erros ou presente os documentos requiridos. Transcorrido o dito prazo sen que se produza a emenda, considerarase que desiste da súa petición ou deixaranse sen valorar os méritos que non se xustifiquen debidamente, segundo corresponda.

Artigo 8. Comisión de valoración.

1. As solicitudes e a documentación acreditativa serán examinadas e valoradas por unha comisión integrada polos seguintes membros:

–O subdirector xeral de Política Lingüística, quen actuará como presidente.

–A xefa do Servizo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

–O xefe da Sección de Habilitación.

–Por parte das universidades, os responsables dos centros de estudos galegos. Se a súa presenza non é posible, notificarán este feito á Secretaría Xeral de Política Lingüística e poderán delegar a súa representación, e comunicarán ambas as circunstancias por escrito.

–Un funcionario da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que actuará de secretario, con voz pero sen voto.

A ausencia dalgún dos membros da comisión pertencente á Secretaría Xeral de Política Lingüística, será cuberta polos seguintes suplentes:

–A subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Língüística, quen exercerá como presidenta da comisión ante a ausencia do seu titular.

–A xefa do Servizo de Xestión e Promoción Lingüística.

2. A comisión de valoración poderá acordar a incorporación ás súas reunións de persoal de carácter técnico que contribúa a unha correcta valoración dos méritos alegados polos aspirantes ou a aclarar as dúbidas que lle poidan xurdir aos membros da dita comisión. Este persoal actuará con voz pero sen voto nas reunións da citada comisión.

Artigo 9. Valoración de méritos.

1. A comisión valorará os méritos, debidamente acreditados por cada un dos interesados, de acordo co contido do anexo II desta orde.

2. Para estes efectos, elaborará un informe que se xuntará á acta da reunión. O informe recollerá: a relación de admitidos na convocatoria, a relación de excluídos, con indicación do motivo, e a relación de admitidos para cada universidade por orde decrecente de puntuación, indicando a valoración detallada dos méritos de cada candidato.

3. En relación co disposto neste artigo, serán causas específicas de exclusión as seguintes:

–Non achegar a certificación académica persoal nos termos establecidos no artigo 6.

–Non achegar o currículo.

–Non achegar o escrito asinado coa explicación dos motivos da solicitude e o proxecto didáctico e de traballo.

–Non presentarse á entrevista persoal.

Artigo 10. Resolución.

1. A comisión de valoración elevaralle ao/á titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística a acta da reunión recollida no artigo anterior, xunto cunha proposta de resolución en que figurará a adxudicación dos lectorados a aqueles/as interesados/as que obteñan a maior puntuación total e acompañando tamén a manifestación expresa dos candidatos/as propostos de aceptar o seu nomeamento.

2. As bolsas non poderán ser adxudicadas a aqueles solicitantes que obteñan unha valoración total inferior a 5 puntos.

3. Se algún dos/as candidatos/as propostos non acepta o seu nomeamento, proporase o seguinte con maior puntuación; ante o rexeitamento deste, ofreceráselle ao seguinte, e así sucesivamente ata a súa cobertura.

4. De acordo coa proposta formulada, o/a titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística ditará resolución nomeando os/as lectores/as propostos. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e será notificada ás correspondentes universidades de destino.

5. O prazo máximo para resolver a convocatoria será de seis meses, contados a partir da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. De non se resolver neste prazo, as solicitudes entenderanse desestimadas.

6. A resolución desta convocatoria queda condicionada á existencia de convenio en vigor entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e cada unha das respectivas universidades, na data en que se faga efectivo o nomeamento dos/as lectores/as. A carencia deste convenio supón deixar sen efectos o nomeamento dos lectores/as afectados/as.

7. No caso de funcionarios en servizo activo, o seu nomeamento como lectores estará condicionado a que obteñan o pase á situación administrativa correspondente, xa que o dito nomeamento é incompatible co desempeño dun posto de traballo na Administración pública.

8. Se algún lectorado é declarado deserto, abrirase un procedemento especial para a súa cobertura, e ofertarase, en primeiro lugar, a aqueles participantes na presente convocatoria que, non o tendo solicitado nun principio e non obtendo outra praza, obteñan unha puntuación igual ou superior a 5 nas universidades solicitadas, e seleccionando, mediante entrevista, de entre estes candidatos ao considerado máis idóneo para ela. Se este procedemento resultase frustrado, ofertarase, en segundo lugar, ás persoas incluídas na listaxe de profesorado colaborador da Secretaría Xeral de Política Lingüística e seleccionarase o adxudicatario mediante entrevista persoal de entre as cinco aceptacións que, cumprindo cos requisitos previstos no artigo 2, conten coa maior puntuación na devandita listaxe.

9. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 11. Substitucións.

1. Se, unha vez nomeados, algún dos/as lectores/as renuncia ao lectorado, este cubrirase provisionalmente co seguinte candidato con máis puntuación que concorrese a esta convocatoria. Ante o rexeitamento deste, ofreceráselle ao seguinte, e así sucesivamente ata a súa cobertura, e sempre observando que o substituto acade, como mínimo, unha valoración total de 5 puntos na dita convocatoria.

Se non for posible cubrir o lectorado por este sistema, a Secretaría Xeral de Política Lingüística empregará o procedemento descrito en segundo lugar no artigo 10.8.

2. O disposto no punto anterior tamén será de observancia para a cobertura dos lectorados cando sexa necesaria a substitución temporal do seu bolseiro titular. Esta substitución abranguerá o período que dure a causa que a orixina.

3. Os lectorados cubertos de forma interina, agás o caso previsto na situación recollida no punto anterior, serán de novo convocados para seren cubertos mediante concurso público de méritos na seguinte convocatoria.

Artigo 12. Revogación e suspensión.

1. A concesión e percepción da bolsa non implica ningún tipo de relación laboral, ou de natureza similar, entre a Xunta de Galicia e os lectores/as seleccionados/as.

2. A Secretaría Xeral de Política Lingüística, logo da instrución do correspondente procedemento, poderá revogar o nomeamento dos/as lectores/as, e polo tanto da bolsa concedida, ou suspendelos temporalmente cando concorran, ademais das establecidas con carácter xeral, algunha das seguintes circunstancias específicas:

–Incumprimento total ou parcial do disposto no artigo 4 desta orde.

–Notoria falta de actitude no desenvolvemento das actividades previstas no artigo 4.

–Incumprir, respecto do establecido no artigo 4, o previsto na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.

–Obtención concorrente de axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados para este mesmo proxecto.

–Posterior coñecemento de nomeamento indebido por non reunir as condicións requiridas para isto.

–Inexistencia de convenio en vigor.

Artigo 13. Autorizacións e publicidade.

1. A presentación da solicitude para participar nesta convocatoria implica o coñecemento e aceptación das bases que a regulan.

2. Segundo o previsto nos artigos 14 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web as bases que regulan esta convocatoria e, no Diario Oficial de Galicia, as devanditas bases e os datos relevantes referidos ás subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude conleva a autorización dos beneficiarios para o tratamento dos datos necesarios para este fin.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo cal a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas no artigo 15.2, alínea d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Así mesmo, de acordo co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria incluirá nos devanditos rexistros, agás nos supostos legalmente establecidos, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas polos adxudicatarios que participen nesta convocatoria, así como as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización dos beneficiarios para o tratamento necesario dos seus datos persoais.

Artigo 14. Réxime xurídico.

1. O réxime xurídico aplicable a esta convocatoria é o seguinte: Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG n.º 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia; Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG n.º 20, do 29 de xaneiro), polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; os preceptos declarados básicos pola disposición derradeira primeira da Lei 38/2003, do 17 de novembro (BOE número 276, do 18 de novembro), xeral de subvencións e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE número 176, do 25 de xullo), polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003.

Artigo 15. Recursos.

Contra esta orde, que lle pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o/a titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben, directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición adicional única.

Delégase expresamente no/a titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística as facultades de resolución que deriven da aplicación dos artigos 3, 10, 11 e 12 desta orde.

Disposición derradeira primeira.

O/A titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística poderá ditar, no ámbito das súas competencias, cantos actos e medidas sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

missing image file

ANEXO II

Méritos

Puntuacións

1. Formación:

Máximo 13 puntos

1.1. Polo título de doutor:

Ata 3 puntos

1.1.1. Doutoramento en calquera das titulacións exixidas para participar nesta convocatoria:

3 puntos

1.1.2. Doutoramento noutras titulacións:

1 punto

1.2. Por cada titulación a maiores da exixida 0,5 puntos:

Ata 2 puntos

1.3. Expediente académico:

Valorarase, con dous decimais, segundo a nota media simple recollida na certificación académica persoal e calculada en función do disposto na resolución da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de marzo de 2005 (DOG n.º 57, do 23 de marzo).

Ata 4 puntos

1.4. Asistencia a cursos de formación didáctica no ensino de linguas:

Ata 2 puntos

1.4.1. Ata 25 horas

0,25 puntos

1.4.2. De 26 a 50 horas

0,50 puntos

1.4.3. De 51 a 100 horas

0,75 puntos

1.4.4. Máis de 100 horas

1,00 puntos

1.5. Asistencia a actividades de formación relacionadas coa lingua, a literatura e a cultura galegas:

Ata 2 puntos

1.5.1. Ata 25 horas

0,05 puntos

1.5.2. De 26 a 50 horas

0,10 puntos

1.5.3. De 51 a 100 horas

0,15 puntos

1.5.4. Máis de 100 horas

0,20 puntos

2. Actividade docente e/ou divulgativa e publicacións:

Máximo 7 puntos

2.1. Impartición de cursos, relatorios, etc., relacionados coa lingua, a literatura e a cultura galegas:

Ata 2 puntos

2.1.1. De 0 a 10 horas

0,05 puntos

2.1.2. De 11 a 25 horas

0,10 puntos

2.1.3. De 26 a 50 horas

0,15 puntos

2.1.4. De 51 a 100 horas

0,20 puntos

2.1.5. Máis de 100 horas

0,25 puntos

2.2. Organización de actividades de difusión e promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas (dirección e/ou coordinación):

Cando estas actividades fosen realizadas en universidades de fóra de Galicia valoraranse exclusivamente no número 3.1.

Ata 1 punto

2.2.1. Ata 25 horas

0,05 puntos

2.2.2. De 26 a 50 horas

0,10 puntos

2.2.3. De 51 a 100 horas

0,15 puntos

2.2.4. Máis de 100 horas

0,20 puntos

2.3. Publicacións relacionadas coa lingua, a literatura e a cultura galegas:

En libros, se hai varios autores a puntuación que se outorgará será a resultante de dividir os puntos correspondentes entre o número deles.

Acreditaranse mediante orixinais ou copias compulsadas nas cales consten o ISBN ou o ISSN, segundo corresponda.

Ata 2 puntos

2.3.1. Libros:

2.3.1.1. Non especializado

0,50 puntos

2.3.1.2. Especializado

1,00 puntos

2.3.2. Relatorios, artigos, recensións, etc.:

2.3.2.1. Non especializado

0,10 puntos

2.3.2.2. Especializado

0,20 puntos

2.3.3. Material audiovisual:

2.3.3.1. Non especializado

0,10 puntos

2.3.3.2. Especializado

0,20 puntos

2.4. Experiencia docente no ensino regrado da lingua, literatura e cultura galegas:

Valorarase con 0,05 puntos por cada mes ou fracción inferior.

Ata 2 puntos

3. Experiencia e coñecementos:

Máximo 4 puntos

3.1. Experiencia na organización de actividades de difusión e promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas, en universidades de fóra de Galicia:

Ata 1 punto

3.1.1. Ata 25 horas

0,20 puntos

3.1.2. De 26 a 50 horas

0,40 puntos

3.1.3. De 51 a 100 horas

0,60 puntos

3.1.4. Máis de 100 horas

0,80 puntos

3.2. Coñecemento da comunidade autónoma ou do país en que se encontre a universidade solicitada, e da súa situación sociocultural:

Ata 1 punto

3.3. Nivel de coñecemento do idioma ou idiomas propios do país de destino (distintos ao galego ou castelán):1

Ata 2 puntos

3.3.1. MCERL A2/ALTE 1

0,25 puntos

3.3.2. MCERL B1/ALTE 2

0,50 puntos

3.3.3. MCERL B2/ALTE 3

0,75 puntos

3.3.4. MCERL C1/ALTE 4

1,00 puntos

3.3.5. MCERL C2/ALTE 5/licenciatura/grao

1,25 puntos

3.3.6. Outros (ensino non regrado, residencia no país máis de 3 meses seguidos, etc.)

0,15 puntos

4. Interese do proxecto docente, investigador e difusor da lingua, a literatura e a cultura galegas para desenvolver na universidade solicitada:

Teranse en conta os seguintes criterios:

–Coñecemento e fundamentación teórica.

–Deseño de actividades.

–Aplicabilidade do proxecto.

–Bibliografía.

Máximo 2 puntos

5. Adecuación ao posto de traballo de acordo co currículo presentado:

Máximo 2 puntos

6. Entrevista persoal:

Máximo 4 puntos

1 MCERL: Marco europeo común de referencia para as linguas.

ALTE: Asociación de Avaliadores de Linguas Europeas.