Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Luns, 30 de maio de 2011 Páx. 12162

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

DECRETO 96/2011, do 5 de maio, polo que se modifica o Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

O Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razón de servizos ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, recolle no seu artigo 2 a participación en tribunais de oposicións e concursos ou outros órganos encargados de selección de persoal ou de probas que sexa necesario superar para o exercicio de profesións ou para a realización de actividades como un dos supostos que dan orixe a indemnización ou compensación.

O artigo 26 do mesmo decreto regula as asistencias e outras indemnizacións que se aboarán aos membros dos órganos referidos no artigo 2 pola concorrencia ás súas sesións e establece a súas contías.

Non regula, porén, asistencias para a realización de tarefas de auxilio aos tribunais no desenvolvemento das probas selectivas, o que deu lugar a que cada órgano con competencia para a planificación e xestión de procesos selectivos aprobase a súa propia regulación e fixase as contías das indemnizacións.

Considerando conveniente unha regulación xeral e por norma do máximo rango regulamentario, introdúcese no decreto un novo artigo 26 bis no cal se clasifica o persoal auxiliar dos tribunais, se definen as súas funcións, se atribúe a competencia para o seu nomeamento e se fixa o importe que se percibirá por asistencia.

Doutra banda, a ausencia dunha regulación concreta no decreto sobre a competencia para o aboamento das indemnizacións e demais compensacións a que teñan dereito os representantes das organizacións sindicais nos supostos de asistencia a órganos de negociación e demais reunións sobre asuntos de interese xeral que afecten o conxunto de empregados públicos convocadas polas consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Facenda, aconsella a introdución dunha nova redacción da disposición derradeira primeira desta norma que recolla o dito suposto.

Na súa virtude, oída a Comisión de Persoal, por proposta da conselleira de Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día cinco de maio de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Un. Inclúese un novo artigo 26 bis, coa seguinte redacción:

Aboaranse así mesmo asistencias ao persoal con funcións de auxilio aos tribunais durante a realización das probas que integren o correspondente proceso selectivo. Para os efectos deste decreto, o persoal auxiliar clasificarase por razón das súas funcións en:

a) Coordinación: persoal encargado da preparación, xestión e coordinación do funcionamento do dispositivo establecido para as probas selectivas. Modúlase en función do número de aspirantes, tipo, dificultade e duración das probas, volume de persoal destinado ao apoio do tribunal, lugar de realización dos exercicios e outras circunstancias asociadas ao proceso.

b) Xefatura de porta: persoal encargado do funcionamento e coordinación dos procesos encomendados polo persoal de coordinación a cada porta habilitada para o acceso dos aspirantes ao lugar do exame, así como das oportunas indicacións ao persoal de vixilancia asignado á súa porta.

c) Vixilancia: persoal encargado das funcións de chamamento de aspirantes, comprobación de identidades, resolución de dúbidas dos aspirantes, vixilancia, repartición e recollida de exames, así como aqueloutras que lle indique a/o xefa/e de porta.

d) Incidencias: persoal encargado da oficina ou mesa de incidencias, en que se resolven as que poidan xurdir, así como a recepción de queixas e reclamacións dos/as opositores/as, entrega de documentación e certificacións e apoio loxístico ao tribunal e ao seu persoal colaborador.

e) Técnicos de informática: persoal encargado nas probas de tipo informático de prestar o apoio ao tribunal no relativo á montaxe dos equipamentos informáticos e comprobación do seu correcto funcionamento, preparación do disco duro dos ordenadores e apoio técnico aos/ás opositores/as o día do exame no emprego dos equipos informáticos, solucionando as dúbidas que xurdan.

O nomeamento deste persoal auxiliar corresponde aos titulares das direccións xerais que teñan ao seu cargo a planificación e a xestión dos procesos de selección.

As contías que percibirá o persoal auxiliar dos tribunais serán as sinaladas no anexo V. Estas contías engloban os distintos conceptos que se poidan xerar polas funcións desempeñadas, incluídos os gastos de viaxe, aloxamento e manutención, en caso de que se puidese ter dereito a percibilos de conformidade co disposto neste decreto.

Dada a peculiaridade do desenvolvemento dos labores de auxilio aos tribunais na consellería competente en materia de educación, o persoal designado para realizar estas tarefas pola dirección xeral correspondente percibirá unha contía única de 25 euros brutos por día.

Para a liquidación das citadas contías será necesaria a certificación expedida pola dirección xeral competente, en que conste a asistencia á proba selectiva e a función asignada a cada colaborador.

As contías que se perciban serán obxecto das retencións do imposto sobre a renda das persoas físicas que procedan segundo a normativa vixente.

Dous. Modifícase o artigo 28 que pasa a ter a seguinte redacción:

As percepcións derivadas deste capítulo, salvo as previstas no artigo 26 bis, serán compatibles coas axudas de custo que lles poidan corresponder aos que para a asistencia ou concorrencia se despracen do termo municipal da súa residencia habitual.

A axuda de custo por gastos de manutención dos membros dos tribunais ou órganos encargados da selección do persoal poderase substituír por un bono gratuíto de comida na cafetaría dos edificios administrativos onde se preste este servizo.

Tres. Introdúcese unha nova disposición adicional primeira, coa seguinte redacción:

As referencias neste decreto ás consellerías de Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda entenderanse feitas ás consellerías competentes en materia de función pública e en materia de orzamentos, respectivamente.

Catro. Introdúcese unha nova disposición adicional segunda, coa seguinte redacción:

As referencias neste decreto á residencia oficial entenderanse feitas ao termo municipal da residencia habitual.

Cinco. Modifícase a disposición derradeira primeira, que pasa a ter a seguinte redacción:

Cada consellería, entidade ou organismo sufragará as indemnizacións e demais compensacións que teñan dereito a percibir pola prestación dos servizos que deles dependan, calquera que sexa o órgano ou organismo da Administración da comunidade autónoma a que pertenza o persoal que teña que realizalos.

Non obstante, a asistencia dos representantes das organizacións sindicais a órganos de negociación e demais reunións sobre asuntos de interese xeral que afecten o conxunto de empregados públicos que sexan convocados polas consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Facenda, serán sufragadas, de ser o caso, polas consellerías ou centros onde os representantes sindicais teñan o seu destino.

Disposición derradeira.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de maio de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Marta Fernández Currás
Conselleira de Facenda