Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Martes, 31 de maio de 2011 Páx. 12436

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 12 de maio de 2011 pola que se convocan probas para a obtención de determinados carnés profesionais e habilitacións profesionais no ano 2011.

Na Orde do 16 de marzo de 2011, da Consellería de Economía e Industria, establécese que a consellería competente regulará mediante orde o procedemento e a convocatoria para a realización dos exames encamiñados á obtención tanto dos carnés como de calquera outra habilitación profesional necesaria no ámbito da seguridade industrial.

O acordo de coordinación asinado o 9 de abril de 2010 entre a Consellería de Economía e Industria e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para establecer un procedemento co fin de que o proceso de obtención de determinados carnés profesionais se articule a través da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, establece que esta última adoptará as medidas que cumpran para que nos centros integrados de formación profesional ou naqueles outros dependentes desta consellería que se estableza, que impartan formación profesional, se realicen as xestións encamiñadas á obtención dos carnés profesionais e das habilitacións profesionais nas diversas especialidades que conxuntamente se determinen.

Así mesmo, faculta a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para realizar as convocatorias anuais para a obtención dos carnés profesionais e das habilitacións profesionais polo procedemento de exame.

En virtude do anteriormente exposto, co fin de regular a organización e o desenvolvemento dos exames para a obtención de determinados carnés profesionais e habilitacións profesionais,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

O obxecto desta orde é establecer o procedemento que seguirá a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a realización dos exames encamiñados á obtención dos carnés profesionais e das habilitacións profesionais para o ano 2011 nas seguintes especialidades:

–Operador/ora industrial de caldeiras.

–Carné profesional en instalacións térmicas de edificios.

–Instalador/ora de gas, categoría A.

–Instalador/ora de gas, categoría B.

–Instalador/ora de gas, categoría C.

–Instalador/ora de produtos petrolíferos líquidos, categoría I.

–Instalador/ora de produtos petrolíferos líquidos, categoría II.

–Reparador/ora de produtos petrolíferos líquidos, categoría III.

–Carné profesional de operador/ora de guindastre torre.

–Carné profesional de operador/ora de guindastre móbil autopropulsado, categoría A.

–Carné profesional de operador/ora de guindastre móbil autopropulsado, categoría B.

Artigo 2. Requisitos das persoas aspirantes.

Para seren admitidos á realización das probas, os aspirantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estaren en idade legal laboral ou teren cumprida a idade mínima que, de ser o caso, poida exixir a normativa sectorial correspondente.

b) Requisitos específicos que para cada especialidade se establezan na normativa vixente.

Artigo 3. Solicitudes e documentación.

1. Os aspirantes deberán solicitar a súa admisión ás probas mediante instancia, segundo o modelo que figura no anexo I. No caso de teren interese na obtención de máis dun carné ou habilitación presentarán unha solicitude por cada un deles, xunto coa correspondente documentación xustificativa.

O modelo de solicitude poderase obter nas xefaturas territoriais, así como na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp

2. As solicitudes presentaranse nos rexistros das xefaturas territoriais, na oficina de Rexistro Único e Información, no complexo administrativo de San Caetano, ou nos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Xunto coa solicitude cumprirá presentar a seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI (só no caso de non autorizar a consulta dos datos de identidade no Sistema de Verificación de Datos de Identidade).

b) Copia compulsada do título ou certificado de estudos, de ser o caso.

c) Cando así o estableza a normativa que regula a especialidade, certificado de superación do curso teórico-práctico impartido por unha entidade recoñecida pola Consellería de Economía e Industria. No caso de estar a cursalo, certificado desta situación. Neste caso, será necesario presentar a certificación de superación o día do exame teórico.

d) Xustificante de aboamento das taxas de exame.

e) No caso de acreditación da experiencia laboral:

–Vida laboral expedida polo Instituto Nacional da Seguridade Social.

–Certificación das empresas nas que se exercese a actividade.

f) Certificado médico, cando así se exixa, e nos termos que se estableza no Real decreto 560/2010, do 7 de maio, polo que se modifican diversas normas regulamentarias en materia de seguridade industrial.

Artigo 4. Taxas de exame.

1. Xunto coa solicitude deberase presentar xustificante para a Administración do impreso correspondente de autoliquidación de taxas en concepto de dereitos de exame (importe de 38,37 euros), validado pola entidade bancaria onde se realice o ingreso. O modelo de impreso, así como os datos e os códigos que se deben indicar, son os seguintes:

Modelo A.

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Código 07.

Delegación de Servizos Centrais. Código 13.

Servizo de Xestión da Formación Profesional. Código 03.

Taxa: denominación: capacitación profesional para o exercicio de actividades en materia de industria. Código 320701.

2. A non presentación dentro de prazo deste xustificante, en que debe figurar o selo da entidade bancaria, determinará a exclusión da persoa aspirante. En ningún caso a presentación deste anexo suporá a substitución do trámite de presentación en tempo e forma da solicitude.

Artigo 5. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde ata o día 15 de xullo de 2011.

Artigo 6. Admisión de solicitudes.

1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes publicarase a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas, coas causas de exclusión, nos taboleiros de anuncios das xefaturas territoriais, e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp

2. As persoas excluídas, así como as que non figuren nin nas relacións de admitidas nin nas de excluídas, disporán de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación, para a emenda de defectos.

3. Logo de transcorrido o prazo de reclamacións e revisadas estas, publicarase a listaxe definitiva de persoas admitidas, as datas, a hora, os lugares de realización dos exames e a composición dos tribunais, nas xefaturas territoriais, e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp

Artigo 7. Tribunais cualificadores.

1. Constituirase como mínimo un tribunal para cada especialidade. Cada tribunal estará formado por un presidente ou unha presidenta e como mínimo dous vogais, que serán membros do departamento didáctico da familia profesional correspondente e con destino no mesmo centro. Cando cumpra, poderá formar parte do tribunal profesorado con destino noutro centro, sempre que pertenza á mesma familia profesional.

Os membros titulares e suplentes do tribunal serán designados pola dirección do centro onde se desenvolvan os exames. O presidente ou a presidenta serán preferentemente o xefe ou a xefa do departamento didáctico da familia profesional do IES/CIFP onde se realicen os exames, e actuará como secretario ou secretaria o vogal ou a vogal de menor idade.

2. Logo da convocatoria do presidente ou a presidenta, constituirase o tribunal respectivo, coa asistencia da maioría simple dos seus membros, titulares ou suplentes. Na devandita sesión, o tribunal acordará todas as decisións que corresponda para garantir o correcto desenvolvemento das probas.

3. A partir da súa constitución, para que o tribunal poida actuar validamente requirirase a presenza dun mínimo de tres membros, dos cales un será obrigatoriamente o presidente ou a presidenta. Os membros titulares e os suplentes poderán actuar indistinta e concorrentemente.

4. O tribunal cualificador correspondente resolverá cantas incidencias se susciten no ámbito desta convocatoria. Para os efectos de comunicación e demais incidencias, os tribunais terán a súa sede na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

5. Os membros dos tribunais percibirán as indemnizacións correspondentes segundo o establecido no artigo 26.2 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

6. O tribunal poderá dispor a incorporación de persoal asesor especialista para cada un dos carnés convocados, que lle prestará a súa colaboración ao tribunal nas especialidades técnicas de cada materia e deberá emitir informe sobre a documentación de cada aspirante, o que se unirá á acta correspondente, con independencia dos requisitos que o tribunal considere oportunos, co fin de que informe verbalmente sobre determinados supostos. As actuacións de tales asesores ou asesoras deberán quedar reflectidas nas actas. Así mesmo, o tribunal poderá valerse da actividade de persoal auxiliar durante a realización dos exercicios.

Artigo 8. Desenvolvemento dos exames.

1. Os exames realizaranse nos centros a que se fai referencia no punto 3 da base sexta desta orde.

2. Para a realización do exame as persoas candidatas deberán ir provistas do documento oficial que acredite a súa identidade, lapis, goma de borrar e bolígrafo negro ou azul.

3. Os exames estarán xeralmente constituídos por dúas partes, que se desenvolverán na mesma xornada:

a) Primeira parte. Exercicio teórico escrito consistente na resolución dun cuestionario tipo test proposto polo tribunal sobre as materias e a regulamentación establecidas para cada especialidade. Poderá incluír cuestións sobre coñecementos tecnolóxicos e cálculos básicos no ámbito da competencia do carné profesional ou da habilitación profesional.

Para o carné de operador de guindastre móbil autopropulsado, a primeira parte estará constituída por dous exercicios; o primeiro deles será de tipo test e o segundo será un suposto práctico escrito, que versará sobre unha ou varias operacións propostas polo tribunal en relación cos requisitos prácticos establecidos. Para o suposto práctico escrito, os candidatos poderán utilizar a instrución técnica complementaria «MIE-AEM-4» do regulamento de aparellos de elevación e manutención, referente a guindastres móbiles autopropulsados.

b) Segunda parte. Poderá consistir, segundo determine o tribunal, nun suposto práctico escrito ou nunha proba práctica, e versará sobre unha ou varias operacións propostas polo tribunal en relación cos requisitos prácticos establecidos para cada especialidade.

Neste exercicio, os candidatos poderán utilizar o correspondente regulamento técnico, así como calculadora non programable, cando a especialidade o requira.

Para o carné de operador/a de guindastre móbil autopropulsado, a segunda parte consistirá nunha proba práctica co guindastre móbil autopropulsado, cuxo contido e condicións de realización determinará o tribunal. Así mesmo, o tribunal determinará e publicará a data en que os aspirantes inscritos realizarán esta segunda parte, que será distinta da data en que realicen a primeira.

Artigo 9. Cualificación dos exames.

1. A puntuación mínima para superar cada parte corresponderá á metade do valor da puntuación máxima posible da devandita parte. Na parte teórica a nota formarase de acordo coa expresión: número de respostas correctas - (número de respostas incorrectas/3).

2. Os exames cualificaranse como «apto/a» ou «non apto/a». Para considerarse apto/a deberanse aprobar as dúas partes independentemente.

Artigo 10. Listaxe de persoas aprobadas.

1. O tribunal cualificador publicará a relación provisional de persoas aprobadas por provincias e dará traslado desta ás catro xefaturas territoriais para a súa publicación nos respectivos taboleiros de anuncios.

Esta relación tamén se poderá consultar na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp.

2. Disporase dun prazo de dez días hábiles desde a publicación da relación provisional de persoas aprobadas para formular reclamacións ante o presidente ou a presidenta do tribunal cualificador, que resolverá a reclamación. Para garantir o anonimato e a obxectividade da corrección, non se permitirá, salvo circunstancias excepcionais que deberán estar claramente xustificadas, a revisión presencial dos exames.

3. Finalizado o prazo, o tribunal enviará a proposta das listaxes de persoas aprobadas por especialidade ao director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, quen as elevará a definitivas mediante resolución e dará traslado delas ás catro xefaturas territoriais para a súa publicación nos respectivos taboleiros de anuncios e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp

4. Contra a resolución definitiva poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes desde a súa publicación.

Artigo 11. Expedición de carnés e habilitacións profesionais

Logo de elevadas a definitivas as listaxes, as persoas aprobadas recibirán por correo certificado o correspondente carné profesional ou habilitación profesional no domicilio indicado na súa solicitude.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

missing image file