Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Venres, 3 de xuño de 2011 Páx. 12860

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 24 de maio de 2011 pola que se deixa sen efecto a Orde do 3 de marzo de 2011 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2011.

Con data do 10 de marzo de 2011 foi publicada no Diario Oficial de Galicia número 48, a Orde do 3 de marzo de 2011, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2011.

A política orzamentaria, que implica o necesario equilibrio entre ingresos e gastos, exixe nestes momentos efectuar un axuste nos créditos inicialmente asignados aos diferentes centros de gasto que conforman os orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, ante os posibles incumprimentos, por parte do Estado, dos compromisos de achegas de anticipo do fondo de cooperación previsto para 2011 no sistema de financiamento e nos ingresos da comunidade.

Pola outra banda, o artigo 57 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, establece que non poderán adquirirse compromisos de gastos por contía superior ao importe dos créditos que figuren nos estados de gastos.

Ao abeiro do sinalado nos parágrafos anteriores é preciso deixar sen efecto esta convocatoria de axudas, co obxectivo de cumprir a normativa en materia de estabilidade orzamentaria e déficit público.

En virtude do exposto y de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Déixase sen efecto a Orde do 3 de marzo de 2011, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, para a execución de proxectos de Acción humanitaria no exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2011.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante la Sala de lo Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2011.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza