Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Venres, 3 de xuño de 2011 Páx. 12852

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2011, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se regulan determinados aspectos da contabilidade das asociacións deportivas galegas.

O artigo 18 da Lei 11/1997, do 22 de agosto, xeral do deporte de Galicia, establece que para garantir o cumprimento dos obxectivos das asociacións deportivas galegas a Administración deportiva autonómica poderá levar a cabo, entre outras actuacións, a inspección dos libros e documentos das asociacións na forma e supostos en que se establezan regulamentariamente, recolléndose tamén –artigo 19– que todas as asociacións deportivas constituídas ao abeiro do disposto na Lei 11/1997, do 22 de agosto, deberán levar unha contabilidade susceptible de xustificar a exactitude dos resultados das operacións económicas realizadas.

O pasado 10 de setembro de 2009 o Diario Oficial de Galicia publicaba a resolución da Secretaría Xeral para o Deporte pola que se regulan as auditorías das federacións deportivas de Galicia, e onde se establecía que estas deberían de presentar ante a Administración deportiva autonómica, nos termos e co detalle que se establecían na resolución, as súas contas anuais auditadas correspondentes ao exercicio inmediatamente anterior ao da presentación.

A experiencia acumulada da práctica derivada ata o presente aconsella reconducir e redefinir o marco regulador existente, polo que, polo exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas pola lexislación vixente de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1.

1.1. As asociacións deportivas galegas deben levar unha contabilidade que permita obter unha imaxe fiel do patrimonio, da situación financeira e do resultado da entidade, consecuencia das actividades realizadas. Así mesmo, deberán efectuar un inventario dos seus bens.

1.2. No ámbito contable, será de aplicación a normativa contable establecida no Real decreto 1514/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o Plan Xeral de Contabilidade, e o Real decreto 1515/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o Plan Xeral de Contabilidade de Pequenas e Medianas Empresas e os criterios contables específicos para microempresas. En función dos criterios establecidos no Real Decreto 1515/2007, do 16 de novembro, sobre total de activo, cifra anual de negocios e número medio de traballadores, poderanse aplicar os criterios específicos para microempresas estipulados no dito real decreto.

En ambos os casos deberán terse en conta as adaptacións sectoriais propostas, no caso las federación deportivas españolas, pola orde do Ministerio de Economía e Facenda do 2 de febreiro de 1994, ou normativa que a substitúa, e, no caso das restantes asociacións deportivas, pola orde do Ministerio de Economía e Facenda do 27 de xuño de 2000, ou normativa que a substitúa.

Artigo 2.

2.1. Os libros de contabilidade das federacións deportivas galegas deberán ser legalizados dentro dos catro meses seguintes á finalización do seu exercicio económico no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia.

2.2. O presidente da federación deportiva ou a persoa ou órgano que conforme a estatutos ou por acordo adoptado polos seus órganos de goberno corresponda, formulará as contas anuais, que deberán ser aprobadas, no prazo máximo de seis meses desde o peche do exercicio, pola asemblea da federación. Xunto as contas anuais, deberá someterse tamén á aprobación da asemblea unha memoria descritiva das actividades realizadas durante o exercicio económico.

2.3. Aprobadas as contas, estas presentaranse, xunto á memoria descritiva das actividades realizadas durante o exercicio económico, no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia para a súa inscrición. Esta presentación efectuarase no mes seguinte á súa aprobación e, en todo caso, antes do 30 de xullo de cada ano.

Así mesmo, deberán presentar ao Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia un informe de auditoría das súas contas anuais aquelas federacións deportivas galegas que resulten obrigadas conforme o plan de auditorías aprobado pola Administración deportiva autonómica a comezos de cada exercicio. Anualmente incorporaranse ao plan unha porcentaxe de federacións, de forma que, cada catro anos, todas teñan presentado o devandito informe.

2.4. As contas anuais presentaranse asinadas por todos os membros do órgano de representación da federación obrigada a formulalas.

Artigo 3.

3.1. Ao abeiro do disposto no artigo 21 da Lei xeral do deporte de Galicia, o incumprimento das disposicións normativas contidas nesta resolución determinará a cancelación da inscrición rexistral.

3.2. A cancelación da inscrición rexistral comportará, así mesmo, a perda do recoñecemento legal, a imposibilidade de optar a axudas subvencións e asesoramento da Xunta de Galicia, e impedirá a participación en competicións oficiais, segundo o estipulado no artigo 42 da Lei 11/1997, do 22 de agosto, xeral do deporte de Galicia.

3.3. A non verificación e rendición de contas por parte das asociacións deportivas declaradas de utilidade pública comportará a revogación da declaración de utilidade pública consonte o previsto no artigo 7 do Real decreto 1740/2003, do 19 de decembro, sobre procedementos relativos á asociacións de utilidade pública.

Disposición adicional primeira. Presentación das contas anuais 2010 e da memoria descritiva de actividades. Respecto das contas anuais de 2010, as obrigas previstas nesta resolución deberán cumprilas as federacións deportivas con anterioridade ao 30 de setembro deste ano, data límite para a presentación perante o Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia da documentación referida no parágrafo primeiro do artigo 2.3 desta resolución.

Disposición adicional segunda. Plan de auditorías 2010. Respecto das contas anuais de 2010, e en cumprimento do plan referido no parágrafo segundo do artigo 2.3 desta resolución, deberán presentar informe de auditoría das contas anuais 2010 perante o Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia antes do 30 de setembro deste ano, as seguintes federacións deportivas: balonmán, deportes para xordos, esgrima, golf, halterofilia, judo e deportes asociados, karate, patinaxe, pelota, péntatlon e tríatlon, piragüismo, remo, taekwondo, vela e xadrez.

Disposición derrogatoria. Quedan derrogadas todas as disposicións que se opoñan ao disposto nesta resolución e, concretamente, a Resolución do 8 de setembro de 2009, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se regulan as auditorías das federacións deportivas de Galicia.

Disposición transitoria primeira. As federacións deportivas xa constituídas de Galicia adaptarán os seus estatutos, en canto proceda, ao disposto nesta resolución, antes do 31 de decembro de 2011.

Disposición derradeira. Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2011.

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte