Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Venres, 3 de xuño de 2011 Páx. 12980

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

DECRETO 102/2011, do 19 de maio, polo que se regula a organización do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro.

A Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, ten por obxecto a protección, a conservación, o acrecentamento, a difusión e o fomento do patrimonio cultural de Galicia, así como a súa investigación e transmisión ás xeracións futuras. A Consellería de Cultura e Turismo, configurada ao abeiro do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, asume as competencias que a facultan para o deseño, programación, desenvolvemento e execución da política cultural do Goberno de Galicia en todas as súas vertentes. O Decreto 337/2009, do 11 de xuño, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo, determina que lle corresponden á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, entre outras, as funcións de protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia, así como a súa investigación e transmisión a xeracións futuras.

A Consellería de Cultura e Turismo, ao abeiro do programa da Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico, está a desenvolver a organización do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (Campo Lameiro, Pontevedra), un equipamento de carácter público chamado a converterse en centro de referencia das actuacións de protección, documentación, investigación e presentación ao público dos petróglifos de Galicia.

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre, na súa calidade de centro de referencia para a arte rupestre de Galicia, ten como finalidade o cumprimento das funcións de conservación, investigación, documentación, difusión e posta en valor dos petróglifos galegos.

Para o desenvolvemento deses cometidos, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre conta, ademais de co edificio do Centro de Interpretación e Documentación da Arte Rupestre, en que se sitúan as áreas de exposicións, salas didácticas e áreas de investigación, coa Área Arqueolóxica, que comprende case 22 hectáreas de terreo que contan co máximo grao de protección previsto na Lei 8/1995, a través da súa declaración como ben de interese cultural coa categoría de zona arqueolóxica. Este espazo permite contemplar unha extraordinaria colección de petróglifos e, ao tempo, comprender os seus patróns de distribución e a súa vinculación con determinados fitos da paisaxe. Para converter o parque arqueolóxico nun conxunto cuxa visita resulte, ademais de confortable, atractiva para o público, a oferta arqueolóxica dos propios petróglifos complétase cunha serie de infraestruturas e equipamentos que o fan accesible: camiños e sendeiros, itinerarios sinalizados, zonas de descanso, miradoiros panorámicos, recuperación dos cercados de pedra tradicionais e a aldea, que pretende achegar o visitante á vida cotiá da Idade de Bronce.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezanove de maio de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Este decreto ten por obxecto a regulación da organización do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, integrado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo, sen personalidade xurídica propia, e a súa configuración como centro de referencia para a conservación, investigación, documentación, difusión e posta en valor dos petróglifos galegos.

Artigo 2. Funcións.

Corresponden ao Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro os seguintes obxectivos e funcións:

1. Garantir a protección e a conservación dos petróglifos situados no seu ámbito.

2. Facilitar o acceso do público ao parque arqueolóxico, impulsar a súa difusión e coñecemento entre o público e promover actitudes positivas cara á súa conservación.

3. Exhibir a colección de xeito ordenado, atendendo a criterios científicos, didácticos e de difusión, custodiala e conservala de xeito adecuado.

4. Desenvolver actividades didácticas e exposicións temporais orientadas a facilitar a difusión dos seus contidos e a súa comprensión polo público.

5. Configurar un fondo bibliográfico e documental vinculado aos petróglifos de Galicia e ao seu contexto social e ambiental.

6. Desenvolver programas de investigación en relación cos petróglifos de Galicia e o seu contexto social e ambiental.

7. Establecer relacións de cooperación e colaboración con outros centros afíns, universidades ou institucións culturais, nacionais ou estranxeiras, coa finalidade de favorecer o intercambio de experiencias e a transmisión de coñecemento experto.

8. Elaborar ou promover a edición de publicacións científicas e divulgativas relacionadas cos petróglifos e co seu contexto social e ambiental.

9. Contribuír á formación e perfeccionamento de persoal especializado en tarefas de conservación, documentación, investigación e difusión dos petróglifos de Galicia coa finalidade de atender as necesidades e servizos do parque arqueolóxico e as demandadas por outros sectores.

10. Prestar os servizos de asesoramento, información e ditame de carácter científico e técnico que lle sexan requiridos pola consellería competente en materia de cultura.

Artigo 3. Atribucións da consellería.

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, terá no ámbito deste decreto as seguintes atribucións:

1. A dirección e inspección do funcionamento do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro.

2. A elaboración do orzamento anual dentro dos orzamentos da Consellería de Cultura e Turismo.

3. Levar a xestión económico-administrativa do centro.

4. Exercer as relacións do centro con calquera outro organismo, así como a representación do centro fóra do ámbito territorial da comunidade autónoma.

Artigo 4. Dirección.

A dirección do centro será exercida por persoal funcionario da Consellería de Cultura e Turismo, de acordo coa designación do conselleiro, por proposta do director xeral do Patrimonio Cultural, e terá como funcións principais:

1. A representación ordinaria do centro.

2. A coordinación e a dirección de todas as actividades propias do centro.

3. A execución do plan xeral de actuación do parque.

4. A elaboración da memoria anual de actividades do centro e a proposta do anteproxecto dos seus orzamentos.

5. A elaboración da proposta de programación de actividades do centro.

6. Solicitar axudas ou subvencións en programas dedicados á investigación, estudo, divulgación ou conservación do parque.

7. Actuar, se é o caso, como responsable do contrato da Consellería de Cultura e Turismo ante a empresa concesionaria do servizo de explotación integral do parque, ou calquera outro contrato especificamente relacionado con este centro.

8. Calquera outra que lle sexan encomendadas.

Artigo 5. Padroado.

1. O padroado é o órgano colexiado, consultivo, colaborador e canalizador da participación da sociedade no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro.

2. O padroado está constituído baixo a presidencia de honra do presidente da Xunta de Galicia e estará integrado polos seguintes membros:

a) Presidente: o conselleiro competente en materia de cultura.

b) Vicepresidente: o director xeral do patrimonio Cultural.

c) Vogais natos:

  • O alcalde do Concello de Campo Lameiro ou persoa que el designe.
  • O presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, ou persoa que el designe.
  • O secretario xeral técnico da consellería competente en materia de cultura.
  • A secretaria xeral para o Turismo.
  • O director xeral de Sostibilidade e Paisaxe ou persoa que el designe.
  • O director xeral de Conservación da Natureza ou persoa que el designe.
  • O director do parque arqueolóxico.
  • De ser o caso, un representante da empresa concesionaria da xestión do parque.

b) Vogais por designación:

  • Un mínimo de dous e un máximo de oito vogais designados polo conselleiro competente en materia de cultura entre profesionais de recoñecido prestixio ou representantes de entidades ou institucións colaboradoras coa actividade do parque.

3. Actuará como secretario do padroado o director do parque arqueolóxico.

4. O cargo de membro do padroado non estará remunerado, sen prexuízo das indemnizacións que por razón do servizo poidan corresponder pola asistencia ás súas sesións.

5. O funcionamento do padroado rexerase polo disposto neste decreto e na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 6. Funcións do padroado.

Correspóndelle ao padroado:

a) Coñecer as directrices xerais de actuación do parque e promover o cumprimento das funcións que lle estean asignadas.

b) Fomentar e impulsar o coñecemento do parque e a súa difusión entre o público.

c) Coñecer o programa anual de actividades e, se é o caso, de exposicións temporais.

d) Propoñer accións de promoción e difusión do parque.

e) Designar, se é o caso, membros do padroado para o desempeño de actuacións ou cometidos especiais relacionados co parque.

f) Coñecer cantos datos, antecedentes, informes e estudos que puideran ser de interese para o desempeño das súas funcións.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o conselleiro de Cultura e Turismo para ditar as disposicións necesarias para a execución e cumprimento do disposto neste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de maio de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Roberto Varela Fariña
Conselleiro de Cultura e Turismo