Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Martes, 21 de xuño de 2011 Páx. 15877

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 8 de xuño de 2011 pola que se procede a publicar o Acordo de encomenda de xestión do Consello de Goberno da Xunta de Galicia á Consellería de Sanidade para a colaboración nun programa de inspección e control da incapacidade temporal, para os anos 2011-2012 e 2013, na Comunidade Autónoma de Galicia.

Coa finalidade de dar cumprimento ao disposto no artigo 8.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, procédese a publicar no Diario Oficial de Galicia o Acordo de encomenda de xestión do Consello de Goberno da Xunta de Galicia á Consellería de Sanidade (aprobado no Consello da Xunta de Galicia do 26 de maio de 2011), para a colaboración nun programa de inspección e control da incapacidade temporal, para os anos 2011-2012 e 2013, na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para xeral coñecemento, disponse a súa publicación como anexo a esta resolución.

ANEXO
Acordo de encomenda de xestión a Consellería de Sanidade

Primeiro. Este acordo de encomenda de xestión foi subscrito polas seguintes consellerías con data do 26 de maio de 2011:

– Consellería de Sanidade.

– Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

– Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

– Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

– Consellería de Traballo e Benestar.

– Consellería do Medio Rural.

Segundo. Actividades a que se refire.

Dentro do obxecto deste acordo de encomenda de xestión desenvolverase un programa especial de inspección e control da incapacidade temporal, por parte dos servizos de Inspección Sanitaria da Consellería de Sanidade, como prioridade e folla de ruta para os anos 2011, 2012 e 2013.

Para acadar a maior efectividade do programa e maior eficencia na racionalización da incapacidade temporal, para os efectos da súa execución, levarase a cabo a colaboración necesaria entre o persoal médico asesor dependente de cada consellería, e as unidades de saúde laboral dos servizos de Inspección Sanitaria provinciais da Consellería de Sanidade.

Na súa virtude, por proposta da Consellería de Sanidade, o Consello da Xunta de Galicia, decidido a facilitar e promover a colaboración e unidade de acción entre os diferentes departamentos da Administración da Xunta de Galicia afectados por este acordo de encomenda de xestión para gañar en efectividade e eficiencia, determina levala a cabo.

Terceiro. Natureza e alcance da xestión.

O obxecto deste acordo de encomenda de xestión é propiciar unha colaboración eficiente entre os diferentes departamentos da Xunta para levar a cabo o control da prestación sanitaria por incapacidade temporal dos empregado públicos da función pública galega adscritos, para efectos deste aseguramento, ao mutualismo administrativo de MUFACE e MUGEJU. Trátase, por tanto, de comprobar que o absentismo por incapacidade temporal se adecúe a situacións médicas reais en que o repouso laboral debe formar parte do tratamento clínico, o que cumpriría con dúas premisas esenciais que garantirían unha maior eficiencia na Administración da Xunta de Galicia:

1. Evitar a potencial existencia de prácticas que desvirtúen a esencia da prestación.

2. Reducir as repercusións económicas das prácticas incorrectas dentro do capítulo I dos orzamentos xerais da Xunta de Galicia.

En consecuencia, este acordo vén definir o ámbito de aplicación, concretar as cuestións de competencia e a colaboración entre as unidades e axentes implicados para acadar con éxito unha área do programa especial de inspección e control de incapacidade temporal, no ámbito do empregado público pertencente ao réxime especial de Seguridade Social de funcionarios civís do Estado e da Administración de Xustiza xestionado por MUFACE e MUGEJU, respectivamente, non sometido, ata este momento, a ningún control por parte das unidades de saúde laboral da inspección sanitaria.

Este acordo de encomenda de xestión responde á finalidade de precisar a colaboración entre as consellerías da Xunta de Galicia asinantes deste acordo de encomenda de xestión para que os servizos de Inspección Sanitaria da Consellería de Sanidade se convertan en unidades de asesoramento facultativo ás cales os órganos de persoal respectivos poidan solicitar informe para os efectos de valoración da incapacidade temporal para a concesión de licenzas, de acordo co disposto no artigo 90.1 a) do Decreto 375/2003, polo que se aproba o Regulamento do mutualismo administrativo.

Así mesmo, o acordo de encomenda de xestión ten como último fin a efectiva abordaxe dun programa especial de inspección e control da incapacidade temporal dentro do Plan de Prioridades de Inspección Sanitaria da Consellería de Sanidade para os anos 2011, 2012 e 2013 aprobado pola Orde do 15 de abril de 2011 (publicada no DOG do 28 de abril) , e cumprir coas actuacións e obxectivos do anexo I deste acordo.

O alcance deste acordo de encomenda de xestión será o dos servizos de Inspección Sanitaria da Consellería de Sanidade e os dos órganos de persoal das respectivas consellerías da Xunta de Galicia afectadas por este acordo de encomenda de xestión, así como os das unidades médicas que teñan adscritas estas, así como os empregados públicos da Xunta adscritos ao réxime especial de Seguridade Social de funcionarios civís do Estado e da Administración de Xustiza xestionados por MUFACE e MUGEJU, respectivamente.

Cuarto. Prazo de vixencia.

Este acordo de encomenda de xestión entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de decembro de 2013, sen prexuízo de que con anterioridade á data de terminación da súa vixencia sexa denunciado por calquera das partes asinantes ou, se for o caso, revogado por acordo do Consello de Goberno da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2011.

Pilar Farjas Abadía
Conselleira de Sanidade