Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Venres, 24 de xuño de 2011 Páx. 16809

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 1 de xuño de 2011, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre a resolución de clasificación do monte denominado Rega de Penido, solicitada a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Xubín, do concello de Silleda.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

Asistentes:

– Presidente: Gerardo Zugasti Enrique.

– Vogais:

Enrique Martínez Chamorro, xefe do Servizo de Montes.

Víctor Abelleira Argibay, representante do colexio de avogados da provincia.

X. Carlos Morgade Martínez, representante das CMVMC de provincia de Pontevedra.

Lorena Peiteado Pérez, letrada da Xunta de Galicia.

– Vogais representantes da CMVMC de Xubín:

Jesús Taboada Leire.

Luís Taboada Capón.

– Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo.

Na cidade de Pontevedra, ás 17.30 horas do día 24.5.2011, coa asistencia das persoas á marxe indicadas, reúnense na 2.ª planta do edificio administrativo sito no n.º 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre a resolución de clasificación do monte denominado Rega de Penido, solicitada en prol dos veciños da CMVMC de Xubín, do concello de Silleda.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data de entrada do 7 de xullo de 2008, Luis Taboada Capón, actuando en calidade de presidente da Comunidade de Montes Veciñais de Xubín, do concello de Silleda, presenta solicitude de iniciación do expediente de clasificación do monte denominado Rega do Penido como veciñal en man común a favor da CMVMC que representa, presentando diversa documentación consistente en plano de situación, plano topográfico, diversa documentación histórica acreditativa do aproveitamento consuetudinario, declaracións xuradas dos veciños do lugar en relación ao aproveitamento consuetudinario e exclusivo do monte referido polos veciños do lugar de Xubín e relación de estremeiros.

Segundo. O Xurado Provincial de Montes en Man Común de Pontevedra acordou, unha vez cumpridos os trámites pertinentes, e logo do requirimento de diversa documentación preceptiva, en sesión do 7 de xuño de 2010, incoar o corresponde expediente de clasificación do devandito monte.

Terceiro. De conformidade co establecido no artigo 20 do Decreto 260/1992, solicita informe preceptivo do Servizo de Montes e Industrias Forestais que é recibido polo Xurado de Montes con data do 14 de xullo de 2010, no cal se fai constar que «de acordo coa Lei 43/2003, do 21 de novembro, modificada pola Lei 10/2006, do 28 de abril, esta parcela pode definirse como monte. A superficie da parcela atópase rasa, poboada por monte baixo-herbeira de toxo e carballos illados. Non presenta signos de aproveitamentos recentes».

Cuarto. O Rexistro da Propiedade correspondente certifica con data do 28 de xullo de 2010 que o monte solicitado non figura inscrito a nome de ningunha persoa.

Quinto. Unha vez feitas de xeito que faga fe as comunicacións a todos os interesados e finalizado o prazo de exposición no taboleiro de edictos do Concello de Silleda, presentouse, con data de entrada do 16 de setembro de 2010, escrito de alegacións de Andrés Mejuto Penido, en calidade de presidente da Comunidade de Usuarios do Marco, no cal, en esencia, se denuncia a existencia dun conflito que manteñen os veciños de Xubín cos de Siador sobre a concesión dun manancial de auga. Así mesmo, a Comunidade de Usuarios do Marco discute, máis que o aproveitamento consuetudinario, ao cal non se fai referencia, a titularidade dominical do monte cuxa clasificación solicita a CMVMC de Xubín.

Sexto. Á vista da documentación presentada polo solicitante e o informe do Servizo de Montes, o monte obxecto do presente expediente obedece á seguinte descrición:

Concello: Silleda.

Parroquia: Cortegada.

Nome do monte: Rega de Penido.

Cabida: 65.834 m2 aproximadamente (superficie e estremas alegadas na solicitude).

Estremas:

Norte: camiño e descoñecido.

Sur: camiño e monte veciñal en man común de Xubín.

Oeste: camiño e concello de Silleda.

Leste: José Manuel Taboada Capón e Luis Álvarez Souto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra é o órgano competente para coñecer dos expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro.

Segundo. De conformidade co artigo 1 do referido texto normativo e o artigo 1 do Decreto 240/1992, do 4 de setembro, cómpre entender por monte veciñal en man común:

Artigo 1.

Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daqueles na súa condición de veciños.

Así pois, de acordo coa propia dicción literal deste artigo e a prolixa xurisprudencia existente na materia, o feito que determina a clasificación ou non como veciñal do monte en cuestión é a circunstancia de se ter acreditado de forma sólida e fidedigna o aproveitamento consuetudinario en man común pola agrupación veciñal, á marxe das cuestións relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais.

Terceiro. Extrapolando o concepto e as exixencias que se condensan na normativa analizada ao caso concreto, e tomando en consideración moi especialmente a diversa documentación histórica presentada pola CMVMC solicitante, as observacións que se condensan no informe emitido polo Servizo de Montes e Industrias Forestais relativas ao aproveitamento e uso do monte, así como as declaracións xuradas dos veciños sobre este particular, pódese deducir que queda acreditado de xeito suficiente o aproveitamento consuetudinario con carácter exclusivo sobre a parcela respecto da cal se solicita a clasificación, sen que a xuízo desta instrutora as alegacións vertidas en contra pola Comunidade de Usuarios do Marco obste a tal conclusión, unha vez que fan referencia á existencia dun conflito relativo á titularidade dominical do monte controvertido antes que ao aproveitamento e uso inmemorial del, e de acordo coa postura xurisprudencial sobre este particular estariamos ante cuestións cuxa resolución excede o ámbito competencial do Xurado de Montes.

Neste senso cómpre lembrar a doutrina establecida polo Tribunal Supremo en Sentenza do 7 de marzo de 2001, segundo o teor da cal:

«As cuestións sobre a propiedade do monte Dacosta débense propor ante a xurisdición civil (artigo 10.9 da Lei estatal de montes veciñais e 13 a) da súa homóloga galega), sen que a clasificación do terreo como monte veciñal en man común teña outro efecto que o de atribuír a presunción de propiedade deles en vía administrativa, en canto aquela no se pronuncie en contra. Consecuencia disto é que non cabe en ningún caso formular pronunciamentos sobre o dominio definitivo do monte, xa en virtude de usucapión xa de calquera outro modo de adquirir, debendo limitarse a resolución dos tribunais desta xurisdición a resolver se a clasificación meramente administrativa, que agora se combate, se axustou aos presupostos legais contidos na Lei galega 13/1989, e, moi especialmente, se existe algún óbice legal ou xurisprudencial que obste á corrección desa clasificación de acordo coa dita normativa. Por tanto, todas as alegacións que se poidan opor ou se deban valorar contra a clasificación e que consistan na alegación da presumible posesión segundo o teor do artigo 38 da LH a favor da parte recorrente, unicamente o poderán ser desde o punto de vista de esclarecer se cabe outorgarlles relevancia para desvirtuar a presunción de explotación mancomunada por parte dos veciños de Fontenla que recoñece a sentenza impugnada…».

E en Sentenza do TSX de Galicia do 14 de febreiro de 2002 dicíase:

«É certo que la competencia para coñecer das cuestións que afectan o dominio e demais dereitos reais corresponde á xurisdición civil, como recoñece expresamente o acordo impugnado no seu fundamento xurídico 7 c (...). As resolucións do xurado son meramente declarativas e deixan aberta a vía civil a quen queira reclamar propiedades ou contradicir as alleas».

En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, este instrutor, en uso das facultades que ten conferidas, propón e o xurado acorda por unanimidade:

A clasificación do monte Rega de Penido, solicitada pola CMVMC de Xubín, concello de Silleda, de acordo coa descrición reflectida no antecedente de feito sexto e a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes que forma parte inseparable desta resolución.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente publicación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 1 de xuño de 2011.

Gerardo Zugasti Enrique
Xefe territorial de Pontevedra, presidente do Xurado Provincial
de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra