Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Martes, 28 de xuño de 2011 Páx. 17101

I. Disposicións xerais

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 17 de xuño de 2011, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se establece o perfil do programa de cualificación profesional inicial de lavandaría en Galicia.

O Real decreto 1228/2006, do 27 de outubro, estableceu, entre outras, a cualificación profesional de nivel 1 de operacións auxiliares de lavandaría industrial e de proximidade, pertencente á familia profesional de téxtil, confección e pel, así como os módulos formativos asociados ás unidades de competencia de que se compón.

O Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, recolle na súa disposición adicional terceira que os módulos específicos asociados a unidades de competencia de cualificacións profesionais de nivel 1 incluídos nos programas de cualificación profesional inicial desenvolven a competencia do perfil profesional e formarán parte da formación profesional do sistema educativo, e determina que a consellería con competencias en materia de educación establecerá o currículo dos módulos específicos dos respectivos perfís profesionais conforme o tecido produtivo de Galicia.

A Orde do 13 de maio de 2008 pola que se regulan os programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia establece no seu artigo 8 que os currículos dos módulos específicos dos perfís profesionais que se establezan se desenvolverán por medio de resolución da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e que deberán tomar como referencia os módulos formativos asociados ás unidades de competencia que inclúa o perfil.

Na súa virtude, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto.

A presente resolución ten por obxecto o establecemento do perfil profesional do programa de cualificación profesional inicial de lavandaría en Galicia.

Segundo. Identificación.

O programa de cualificación profesional inicial de lavandaría queda identificado polos seguintes elementos:

– Denominación: lavandaría.

– Nivel: programa de cualificación profesional inicial.

– Duración: 580 horas.

– Familia profesional: téxtil, confección e pel.

Terceiro. Competencia xeral.

Realizar operacións de clasificación, lavado e acabamento de artigos téxtiles en instalacións industriais e de proximidade, aplicando as técnicas e os procedementos requiridos en cada caso, baixo a supervisión dunha persoa responsable, para conseguir a produción coa calidade prevista, nos prazos estipulados e nas condicións ambientais e de seguridade establecidas no plan de prevención de riscos laborais.

Cuarto. Competencias profesionais, persoais e sociais.

As competencias profesionais, persoais e sociais deste programa de cualificación profesional inicial son as que se relacionan a seguir:

a) Atender a clientela no establecemento de limpeza de roupa e colaborar no proceso.

b) Interpretar a etiqueta de composición e de conservación, e clasificar os artigos téxtiles, para asegurar que as operacións de lavado, lixiviado, limpeza en seco, secado e pasada do ferro se fagan nas condicións adecuadas.

c) Identificar a natureza das manchas para obter información significativa sobre o procedemento de lavado.

d) Preparar e programar a máquina ou o túnel de lavado para realizar a limpeza dos artigos téxtiles.

e) Empregar os produtos necesarios para o lavado tendo en conta a dose establecida e o momento de aplicación.

f) Realizar e controlar o lavado e a hidroextracción, comprobando que a limpeza conseguida sexa a adecuada, baixo a supervisión da persoa responsable.

g) Identificar a natureza das manchas e aplicar o produto adecuado para o predesmanchamento, así como a información sobre o procedemento de lavado en seco.

h) Preparar e programar a máquina de lavar en seco de circuíto pechado para a pór en condicións adecuadas ás características do lote de artigos que se vaian limpar.

i) Operar coa máquina de lavar en seco comprobando que o proceso se desenvolva correctamente e nas condicións adecuadas de saúde persoal e ambiental.

j) Preparar as máquinas secadoras e operar con elas en condicións adecuadas, segundo os artigos téxtiles que se vaian procesar, baixo a supervisión da persoa responsable.

k) Preparar as máquinas de secado e pasada do ferro (calandra) para roupa plana e operar con elas en condicións apropiadas, segundo os artigos téxtiles que se vaian tratar, baixo a supervisión da persoa responsable.

l) Preparar as máquinas de pasar o ferro á roupa conformada e operar con elas en condicións adecuadas, segundo os artigos téxtiles que se vaian procesar, baixo a supervisión da persoa responsable.

m) Preparar as máquinas de encartar, empaquetar ou embolsar, e operar con elas en condicións apropiadas, segundo os artigos téxtiles que se vaian tratar, baixo a supervisión da persoa responsable.

n) Identificar o espazo físico en que se distribúen as áreas ou as zonas da lavandaría, en función das medidas hixiénicas e do proceso produtivo.

o) Actuar segundo as normas de seguridade e saúde que afecten o seu posto de traballo e o proceso, nas condicións adecuadas para previr os riscos persoais e ambientais.

p) Participar activamente no grupo de traballo, contribuíndo ao bo desenvolvemento das relacións persoais e profesionais, para fomentar o traballo en equipo.

q) Manter hábitos de orde, puntualidade, responsabilidade e pulcritude ao longo da actividade.

Quinto. Relación de cualificacións e unidades de competencia do Catálogo nacional das cualificacións profesionais incluídas no perfil profesional.

Cualificacións profesionais completas incluídas no perfil:

Operacións auxiliares de lavandaría industrial e de proximidade, TCP138_1 (Real decreto 1228/2006, do 27 de outubro), que abrangue as seguintes unidades de competencia:

– UC0434_1: recibir, clasificar e preparar a roupa para a súa limpeza.

– UC0435_1: realizar o lavado acuoso de roupa.

– UC0436_1: realizar o lavado en seco de roupa.

– UC0437_1: realizar o secado, a pasada do ferro e o embolsamento de roupa.

Sexto. Contorno profesional.

1. Ámbito profesional: desenvolve a súa actividade laboral en grandes, medianas e pequenas empresas de lavandaría industrial de proximidade (en seco e en húmido), e/ou establecementos dedicados a outras actividades económicas que dispoñan de instalacións propias.

2. Sectores produtivos: localízase no sector produtivo de servizos de lavandaría de proximidade e/ou industrial de uso público e en lavandarías de hospitais, hoteis, colexios e cuarteis, entre outros.

3. Ocupacións e postos de traballo máis salientables.

– Operador/ora de máquinas lavadoras de pezas (lavandaría).

– Operador/ora de máquinas secadoras de pezas (lavandaría).

– Operador/ora de máquinas de pasada do ferro a pezas (lavandaría e similares).

– Lenceiro/a lavandeiro/a pasador/ora do ferro (hostalaría).

Sétimo. Módulos específicos.

1. Os módulos específicos deste perfil profesional, que toman como referentes os módulos formativos asociados ás unidades de competencia de que se compón, quedan desenvolvidos no anexo I desta resolución.

2. Son os que se relacionan a seguir:

– ME0136: materiais e artigos téxtiles.

– ME0137: lavado acuoso de roupa.

– ME0138: lavado en seco de roupa.

– ME0139: secado, pasada do ferro e embolsamento de roupa.

– ME0140: formación en centros de traballo.

Oitavo. Espazos e equipamentos.

1. Os espazos e os equipamentos mínimos necesarios para o desenvolvemento das ensinanzas deste perfil profesional son os establecidos no anexo II desta resolución.

2. Os espazos formativos establecidos poden ser ocupados por diferentes grupos de alumnado.

3. Non cómpre que os espazos formativos identificados se diferencien mediante cerramentos.

Noveno. Profesorado e persoas formadoras.

1. A atribución docente dos módulos específicos que constitúen as ensinanzas deste perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial impartidos en centros de ensino públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establécese no anexo III A) desta resolución.

2. As titulacións requiridas para a impartición dos módulos específicos que conforman o perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial para os centros de titularidade privada ou doutras administracións distintas da educativa establécense no anexo III B) desta resolución.

3. O perfil das persoas formadoras que impartan os módulos específicos en ámbitos produtivos establécese no anexo IV desta resolución.

Décimo. Relación de módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais que inclúe o programa.

A relación dos módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais que inclúe o programa é a que figura na táboa que se inclúe como anexo V desta resolución.

Décimo primeiro. Distribución horaria dos módulos específicos.

A distribución horaria dos módulos específicos cursados en ámbitos non produtivos especifícase no anexo VI desta resolución.

Disposición derradeira. Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2011.

José Luis Mira Lema
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

1. Anexo I: módulos específicos

1.1. Módulo específico: materiais e artigos téxtiles.

• Código: ME0136.

• Duración: 70 horas.

1.1.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

• RA1. Comunícase coa clientela e aténdea en establecementos de lavandaría de proximidade ou industrial.

– CA1.1. Desenvolvéronse as calidades e as actitudes para a atención á clientela nas relacións comerciais.

– CA1.2. Identificáronse as variables que interveñen na conduta e as motivacións da clientela.

– CA1.3. Realizouse o proceso comunicativo a partir da caracterización dun suposto de atención a cliente.

– CA1.4. Identificouse a documentación anexa ás operacións de atención a cliente.

• RA2. Recibe e almacena os artigos para a súa limpeza.

– CA2.1. Identificáronse técnicas de recepción e almacenamento segundo materiais e produtos para limpar.

– CA2.2. Describíronse procedementos para o correcto almacenamento de materiais e artigos.

– CA2.3. Describíronse procedementos de seguridade e prevención para o almacenamento.

– CA2.4. Interpretáronse e cubríronse fichas de existencias e inventarios.

– CA2.5. Elaboráronse partes de incidencias onde se indicaron as anomalías e as deficiencias detectadas.

• RA3. Recoñece as fibras téxtiles, as súas propiedades e as súas condicións de mantemento.

– CA3.1. Recoñeceuse o nome das fibras e o grupo a que pertenzan dentro da clasificación xeral das fibras téxtiles.

– CA3.2. Describíronse as principais propiedades das fibras téxtiles relacionadas co seu mantemento (lavado, pasada do ferro etc.).

– CA3.3. Interpretáronse as propiedades das fibras e as súas condicións de mantemento na etiquetaxe de composición.

• RA4. Recoñece os tipos de tecido e as súas propiedades.

– CA4.1. Recoñecéronse os tipos de fío que compoñen o tecido (simples, dobrados, retorcidos, cableados, elásticos, de fantasía etc.) e as súas principais características.

– CA4.2. Recoñecéronse os tipos de tecido (de calada, de punto, non tecidos, recuberto, veludo, de rizo etc.).

– CA4.3. Recoñecéronse as principais propiedades dos tecidos (tipo de fío, ligamento, peso, densidade, resistencia, solidez, efectos de acabamento etc.).

– CA4.4. Interpretáronse as propiedades de tecidos na etiquetaxe de composición.

– CA4.5. Seleccionáronse mostras de tecidos facendo ensaios de carácter visual e táctil, e indicouse a súa natureza.

• RA5. Identifica a información da etiqueta dos artigos téxtiles.

– CA5.1. Recoñeceuse na etiqueta o tipo de produto téxtil, así como a súa orixe ou procedencia.

– CA5.2. Recoñeceuse na etiqueta o tipo de fibras que compoñen o tecido.

– CA5.3. Recoñeceuse na etiqueta o tipo de tecido ou tecidos que compoñen o artigo e o tipo de mantemento que se debe aplicar para a súa conservación.

– CA5.4. Clasificáronse os tipos de símbolos de conservación dos produtos téxtiles, e describiuse a súa aplicación.

– CA5.5. A partir de diversos artigos téxtiles especificouse:

– Nome ou denominación do fabricante.

– Tipo de produto.

– Composición do tecido ou dos tecidos.

– Símbolos de mantemento.

– Mantemento para a súa conservación.

• RA6. Relaciona a distribución das zonas da lavandaría en función das medidas hixiénicas e do proceso produtivo.

– CA6.1. Describíronse as zonas de traballo en que se divide unha lavandaría.

– CA6.2. Identificáronse as operacións que se desenvolven na zona de roupa sucia.

– CA6.3. Identificáronse as operacións que se desenvolven na zona de roupa limpa.

– CA6.4. Identificáronse as operacións que se desenvolven no almacén e noutras zonas auxiliares.

– CA6.5. Simulouse a distribución en planta dunha lavandaría, tendo en conta as medidas hixiénicas e o proceso produtivo.

• RA7. Clasifica e prepara a roupa para seleccionar o proceso de mantemento e conservación.

– CA7.1. Distinguíronse os tipos de artigos téxtiles e identificáronse por clientes.

– CA7.2. Clasificáronse as pezas segundo as súas características (composición, tipo de tecido, cor etc.).

– CA7.3. Identificáronse os procesos de mantemento e de conservación, e a súa aplicación segundo as características das pezas que se vaian tratar.

– CA7.4. A partir dun suposto práctico de clasificación de roupa para a súa limpeza:

– Identificouse a roupa por cliente.

– Identificouse a roupa en función da cor e do tipo de peza, de sucidade e de fibra.

– Revisouse a roupa e elimináronse os posibles obxectos estraños.

– Agrupouse a roupa que se deba lavar en conxunto.

– Agrupouse a roupa que teña o mesmo acabamento.

– Colocouse a roupa clasificada nos contedores correspondentes.

1.1.2. Contidos básicos.

Fibras.

• Clasificación xeral das fibras téxtiles.

• Propiedades das principais fibras téxtiles (algodón, la etc.) relacionadas coas operacións de conservación (resistencia ao lavado, aos produtos químicos, á pasada do ferro etc.).

• Etiquetaxe de composición e conservación.

• Etiquetaxe ecolóxica.

Fíos.

• Tipos de fío (dobrados, retorcidos, de fantasía, elásticos etc.).

• Características dos fíos.

• Procedementos elementais de identificación.

Tecidos.

• Tipos de tecido (calada, jaquard, rizo, punto, recuberto etc.).

• Características dos tecidos.

• Tratamentos de ennobrecemento (branqueamento, tintura, estampación, aprestos e acabamentos, recubrimento etc.).

• Etiquetaxe de conservación.

Artigos téxtiles confeccionados.

• Clasificación dos artigos téxtiles.

• Planos e conformados.

• Avíos e complementos que compoñen os artigos téxtiles.

• Conservación ante posibles agresións.

Lavandarías de proximidade e industriais.

• Organización.

• Estrutura organizativa.

• Áreas de traballo: instalacións.

Clasificación de roupa.

• Roupa por cliente en función da peza, a sucidade, a fibra, a cor etc.

• Tipos de peza: plana, forma e rizo ou felpa.

• Separación de roupa sucia: obxectivos.

Agrupar segundo tratamento.

• Lavado en conxunto.

• Coincidencia de acabamento.

Habilidades de comunicación.

• Barreiras e dificultades.

• Comunicación non verbal.

• Comunicación verbal: técnicas de emisión de mensaxes orais.

• Comunicación a través de medios non presenciais.

• Escoita: técnicas de recepción de mensaxes orais.

• Variables que condicionan ou determinan os intereses de consumo da clientela.

• Motivación, frustración e mecanismos de defensa.

• A teoría de Maslow.

• Necesidades segundo as condutas.

• Perfíl psicolóxico da clientela.

Persoal vendedor.

• Características, funcións, actitudes e coñecementos.

• Persoal vendedor profesional: modelo de actuación.

• Calidades que debe reunir.

• Aptitudes para a venda e o seu desenvolvemento.

• Relacións coa clientela.

Normativas.

• Lexislación comunitaria, estatal e autonómica referente a residuos perigosos e ao uso de substancias perigosas en establecementos dedicados a limpeza de roupa.

• Normativa referente á etiquetaxe ecolóxica.

• Requisitos básicos do contexto formativo.

1.1.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación necesaria para desempeñar a función de recibir, clasificar e preparar a roupa para a súa limpeza.

A definición desta función e as liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo versarán sobre:

– Comunicación e atención á clientela en establecementos de lavandaría de proximidade ou industrial

– Recepción e almacenamento de artigos para a súa limpeza.

– Recoñecemento das fibras téxtiles, as súas propiedades e as súas condicións de mantemento.

– Recoñecemento dos tipos de tecido e as súas propiedades.

– Identificación da información da etiqueta dos artigos téxtiles.

– Distribución das zonas da lavandaría en función das medidas hixiénicas e do proceso produtivo.

– Clasificación e preparación da roupa para seleccionar o proceso de mantemento e conservación.

1.2. Módulo específico: lavado acuoso de roupa.

• Código: ME0137.

• Duración: 117 horas.

1.2.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

• RA1. Recoñece os produtos químicos utilizados no lavado acuoso.

– CA1.1. Recoñecéronse os produtos químicos que se utilizan no lavado, así como o seu carácter químico (ácido, alcalino, tensoactivo etc.) e a súa función.

– CA1.2. Recoñecéronse as formas en que se expresa a concentración dos produtos químicos.

– CA1.3. Interpretáronse os símbolos que sobre conservación e manipulación se utilizan nas etiquetas dos produtos químicos.

– CA1.4. Aplicáronse os criterios de seguridade e ambientais na manipulación dos produtos químicos.

• RA2. Recoñece os tipos de sucidade e manchas.

– CA2.1. Clasificáronse os tipos de sucidade.

– CA2.2. Relacionouse a sucidade coas súas características e a forma de eliminación.

– CA2.3. A partir dun suposto práctico de identificación de manchas ou sucidade:

– Realizouse con habilidade e destreza a apertura do artigo.

– Identificouse a súa situación na peza.

– Describíronse as características das manchas.

– Recoñeceuse o modo de eliminación.

• RA3. Realiza o lavado acuoso.

– CA3.1. Enumeráronse as partes das máquinas de lavar e describiuse o seu funcionamento.

– CA3.2. Describíronse os programas de lavado e as súas características.

– CA3.3. A partir dun suposto práctico de lavado:

– Preparouse a roupa.

– Identificáronse os parámetros que cumpra ter en conta no lavado.

– Seleccionouse o programa máis axeitado.

– Describiuse a posta a punto da máquina de lavar.

– Comprobouse o estado de limpeza da máquina.

– Cargouse a roupa e engadiuse o deterxente e outros produtos químicos.

– Programouse a máquina.

– Realizouse con habilidade e destreza o lavado.

– Comprobouse que os artigos se lavaron adecuadamente.

– Separáronse aqueles que cumpra volver a lavar.

– Identificouse o impacto ambiental da operación de lavado.

– CA3.4. Recoñecéronse os sinais e as normas de seguridade das máquinas de lavar.

– CA3.5 Aplicáronse os criterios de redución do consumo de auga, enerxía e produtos químicos.

1.2.2. Contidos básicos.

Calidade da auga.

• Natureza da auga.

• Aspecto, dureza e alcalinidade.

• Concepto elemental de pH.

• Materias orgánicas. Impurezas da auga.

• Tratamentos da auga: descalcificación, rexeneración, filtraxe, floculación e osmose inversa.

Produtos químicos utilizados no lavado.

• Concepto de pH.

• Formas de expresar a concentración.

• Tipo e características dos tensoactivos.

• Axentes de branqueamento: hipoclorito de sodio (lixivia), auga oxixenada, branqueadores ópticos etc.

• Produtos de lavado, deterxentes, secuestrantes, neutralizantes, suavizantes etc.

• Etiquetaxe dos produtos químicos.

• Conservación, almacenamento e manipulación de produtos químicos.

Sucidade e manchas.

• Tipo e características da sucidade.

• Clasificación: pigmentaria, graxa, orgánica coagulable, coloreada ou de taninos, e por substancias azucradas.

• Tratamento e eliminación das manchas.

• Características das manchas: aspecto dos bordos, tacto, cor, situación e cheiro.

• Produtos para o desmanchamento: produtos puros e produtos comerciais.

Proceso xeral de lavado acuoso.

• Características xerais do lavado acuoso.

• Programa de lavado: para roupa sucia, para roupa moi sucia e para roupa de mestura de fibras.

• Proceso xeral: recepción, clasificación, preparación, lavado, escorremento, secado, pasada do ferro, encartadura e embolsamento.

Fases do proceso de lavado acuoso.

• Humectación, prelavado, branqueamento e enxaugamento.

Máquinas de lavar.

Túneles de lavado.

Seguridade nos procedementos de lavado acuoso.

• Accidentes máis comúns nas máquinas de lavado acuoso.

• Equipamentos de protección persoal.

• Dispositivos de máquinas para a seguridade activa.

• Criterios de seguridade e ambientais.

1.2.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación necesaria para desempeñar a función de realizar o lavado acuoso de roupa.

A definición desta función e as liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo versarán sobre:

– Realización do lavado acuoso.

– Recoñecemento dos tipos de sucidade e manchas.

– Recoñecemento dos produtos químicos utilizados no lavado acuoso.

1.3. Módulo específico: lavado en seco de roupa.

• Código: ME0138.

• Duración: 93 horas.

1.3.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

• RA1. Prepara os artigos téxtiles para o lavado en seco.

– CA1.1. Describíronse os criterios xerais para preparar os artigos téxtiles para o lavado en seco.

– CA1.2. Describiuse a forma de tratar e eliminar localmente as manchas.

– CA1.3. A partir dun suposto práctico de desmanchamento específico:

– Localizouse a mancha.

– Recoñeceuse a natureza ou procedencia da sucidade depositada nos tecidos.

– Aplicáronse as substancias limpadoras específicas.

– Comprobouse que os artigos se desmancharan adecuadamente.

– Separáronse aqueles que cumpra volver a desmanchar.

– CA1.4. A partir dun suposto práctico de preparación de artigos para o lavado:

– Identificáronse as pezas de roupa.

– Identificáronse os parámetros que cumpra ter en conta no lavado.

– Seleccionouse o programa máis adecuado.

– Describiuse a posta a punto da máquina de lavar.

– Comprobouse o estado de limpeza do artigo.

– Realizouse con habilidade e destreza o lavado.

– Comprobouse que os artigos se lavaron adecuadamente.

– Separouse aqueles que cumpra volver a lavar.

• RA2. Identifica e prepara os produtos químicos utilizados no lavado en seco.

– CA2.1. Recoñeceuse a función e o nome dos produtos químicos que se utilizan no lavado en seco.

– CA2.2. Aplicáronse os criterios de seguridade e ambientais na manipulación dos produtos químicos.

– CA2.3. A partir dun suposto práctico de preparación de produtos químicos para o lavado en seco:

– Identificáronse os produtos químicos seleccionados.

– Determinouse a dosificación en función do lote ou da partida.

– Indicouse o grao de sucidade do disolvente despois do lavado.

– Indicáronse os riscos de toxicidade por manexo de produtos.

• RA3. Realiza o lavado en seco.

– CA3.1. Enumeráronse as partes das máquinas de lavar en seco e describiuse o seu funcionamento.

– CA3.2. Describíronse os programas de lavado e as súas características.

– CA3.3. Recoñecéronse os sinais e as normas de seguridade das máquinas nas que se realiza o lavado en seco.

– CA3.4. Explicáronse os criterios de redución do consumo de disolvente, enerxía e produtos químicos.

– CA3.5. A partir dun suposto práctico de lavado en seco:

– Preparouse a roupa.

– Identificáronse os parámetros que cumpra ter en conta no lavado.

– Seleccionouse o programa máis adecuado.

– Púxose a punto a máquina de lavar.

– Comprobouse o estado de limpeza da máquina.

– Cargouse a roupa e o disolvente e programouse a máquina.

– Realizouse o lavado en seco en tempo e forma adecuados.

– Comprobouse que os artigos se lavaron adecuadamente.

– Separáronse aqueles que cumpra volver a lavar.

1.3.2. Contidos básicos.

Produtos químicos utilizados no lavado en seco.

• Tipo e características dos disolventes orgánicos usados no lavado en seco.

• Recuperación dos disolventes orgánicos.

• Outros produtos químicos.

• Etiquetaxe dos produtos químicos.

• Conservación, almacenamento e manipulación de produtos químicos.

Lavado en seco.

• Características xerais do lavado en seco.

• Recepción, preparación e clasificación dos artigos téxtiles.

• Tratamento e eliminación de manchas.

• Desmanchamento específico.

• Programas de lavado e as súas características.

• Máquinas de lavar en seco.

Seguridade nos procedementos de lavado en seco.

• Accidentes máis comúns nas máquinas de lavado en seco.

• Equipamentos de protección persoal.

• Dispositivos de máquinas para a seguridade activa.

• Criterios de seguridade e ambientais.

Normativas.

• Lexislación comunitaria, estatal e autonómica referente a residuos perigosos e ao uso de substancias perigosas.

• Normativa referente á etiquetaxe ecolóxica.

1.3.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación necesaria para desempeñar a función de realizar o lavado en seco de roupa.

A definición desta función e as liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo versarán sobre:

– Preparación dos artigos téxtiles para o lavado en seco.

– Identificación e preparación dos produtos químicos utilizados no lavado en seco.

– Realización do lavado en seco.

1.4. Módulo específico: secado, pasada do ferro e embolsamento de roupa.

• Código: ME0139.

• Duración: 140 horas.

1.4.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

• RA1. Analiza procesos de secado, pasada do ferro e embolsamento de roupa.

– CA1.1. Describíronse técnicas de acabamento dos artigos lavados.

– CA1.2. Interpretouse a información técnica necesaria para realizar os procesos de secado, pasada do ferro e embolsamento de roupa.

– CA1.3. Describíronse as operacións do proceso de secado, pasada do ferro e embolsamento de roupa, segundo as técnicas que se deban aplicar con cada material.

• RA2. Realiza o secado segundo o tipo de artigo ou peza.

– CA2.1. Enumeráronse as partes das máquinas de escorrer e secar artigos téxtiles, e describiuse o seu funcionamento.

– CA2.2. Identificáronse os parámetros que cumpra ter en conta no escorremento e no secado.

– CA2.3. Describíronse as máquinas e as condicións máis adecuadas para cada artigo téxtil.

– CA2.4. Realizouse o secado de artigos téxtiles controlando os parámetros de temperatura, tempos de inversión e arrefriamento do aire no interior.

– CA2.5. Recoñecéronse os sinais e aplicáronse as normas de seguridade das máquinas en que se realiza o secado.

• RA3. Realiza o secado e a pasada do ferro a roupa plana.

– CA3.1. Identificouse o funcionamento das máquinas calandra e o seu sistema de control a partir das súas instrucións.

– CA3.2. Describíronse os parámetros que cumpra regular na calandra dependendo do tipo de roupa que se procese.

– CA3.3. Explicáronse os procedementos de introdución de roupa plana ou alimentación da calandra e a saída, evitando a manipulación desta.

– CA3.4. Indicáronse os procedementos de non-aceptación da roupa secada e a que se lle pasou o ferro por non superar o control de calidade.

– CA3.5. A partir dun suposto práctico de secado e pasada do ferro de roupa plana:

– Preparouse a roupa para procesar.

– Púxose a punto a máquina dependendo da roupa que se procese.

– Controlouse a velocidade, a temperatura e a presión da calandra.

– Seleccionouse o procedemento de alimentación da calandra.

– Realizouse a pasada do ferro e o secado, en tempo e forma adecuados.

– Comprobouse que os artigos se acabaron correctamente.

– Separáronse aqueles que cumpra volver a procesar.

– CA3.6. Realizouse o mantemento de primeiro nivel segundo a documentación técnica e as instrucións da máquina.

• RA4. Realiza a pasada do ferro mecánico ou manual de roupa de forma.

– CA4.1. Identificáronse as máquinas de pasar o ferro (túnel de acabamento, ferro de pasar, prensa, manequín etc.), os seus sistemas de control e o seu funcionamento.

– CA4.2. Identificáronse os parámetros para ter en conta na pasada do ferro e seleccionáronse as máquinas e as condicións máis adecuadas para diversos tipos de artigos téxtiles.

– CA4.3. Colocouse a peza ou o artigo para pasada do ferro manual ou en máquina de pasar o ferro (mesa, manequíns, forma etc.) conforme a súa estrutura, a súa medida e a súa forma, e controláronse os parámetros de temperatura, presión e tempo.

– CA4.4. Recoñecéronse os sinais e as normas de seguridade das máquinas en que se realiza a pasada do ferro.

– CA4.5. A partir dun suposto práctico de pasada do ferro de roupa de forma con máquina:

– Púxose a punto a máquina dependendo da roupa que se vaia procesar.

– Controlouse temperatura, tempo e velocidade da máquina ou túnel.

– Preparouse a roupa para pasar o ferro.

– Colocouse a peza no manequín, na percha ou na forma.

– Realizouse a pasada do ferro, en tempo e forma adecuados.

– Comprobouse que os artigos se acabaron correctamente.

– Separáronse os artigos que non superen o control de calidade e que cumpra volver a lavar.

– CA4.6. Realizouse con habilidade e destreza a pasada do ferro manual de artigos téxtiles.

– CA4.7. Detectáronse posibles defectos en pezas ou artigos acabados, sinaláronse e comunicóuselle ao responsable.

– CA4.8. Realizouse o mantemento de primeiro nivel segundo a documentación técnica e as instrucións da máquina.

• RA5. Realiza e encartadura, o embolsamento e o empaquetamento dos artigos téxtiles.

– CA5.1. Describíronse os procesos de encartadura automática ou manual da roupa.

– CA5.2. Explicáronse as máquinas de encartadura automática independente en función do tamaño das pezas, os tipos de encartadura e a forma de amoreamento.

– CA5.3. Enumeráronse as partes das máquinas de encartar e embolsar artigos téxtiles e o seu funcionamento.

– CA5.4. A partir dun suposto práctico de encartadura de roupa plana e o seu empaquetamento:

– Púxose a punto a máquina automática ou manual, dependendo da roupa que se procese.

– Controlouse a temperatura, o tempo, a presión e a velocidade da máquina.

– Colocouse a roupa no encartador, encartouse e recolléronse os lotes de pezas.

– Amoreáronse as pezas segundo o número de unidades que se empaqueten.

– Realizouse a empaquetaxe con cantidades fixas de pezas con película de polietileno.

– CA5.5. Realizouse con habilidade e destreza a encartadura e o empaquetamento manual de artigos téxtiles, con película de polietileno, plástico transparente de dimensións e contidos normalizados, ou embolsamento, e axustáronse ao tipo de artigo que se procese.

– CA5.6. Recoñecéronse os sinais e as normas de seguridade das máquinas en que se realiza a encartadura e o embolsamento.

– CA5.7. Identificouse a máquina de embolsar segundo as características dos artigos téxtiles que se procesen.

– CA5.8. Regulouse o sistema de control a partir das instrucións da máquina e realizouse o embolsamento dos artigos.

– CA5.9. Embolsáronse de xeito manual ou mecánico as pezas que se penduran (percha), tendo en conta o material e a forma de almacenamento e expedición, controlando os mecanismos e atendendo ás normas de seguridade.

– CA5.10. Realizouse o mantemento de primeiro nivel segundo a documentación técnica e as instrucións da máquina.

1.4.2. Contidos básicos.

Tratamentos térmicos téxtiles.

• Secado.

• Máquinas de secar.

• Parámetros para controlar.

• Criterios de seguridade nas máquinas de secar.

Pasada do ferro e empaquetamento

• Técnicas de pasada do ferro manual e con máquina. Ferro de pasar manual.

• Prensas. Calandra.

• Manequín. Túnel de acabamento. Xeradores de vapor. Compresores de aire.

• Criterios de seguridade nas máquinas de pasar o ferro. Técnicas de empaquetamento. Materiais de recubrimento.

Encartadura e embolsamento.

• Máquinas de encartar manuais e automáticas. Máquinas de embolsar.

• Técnicas de embolsamento.

• Materiais de recubrimento.

• Etiquetaxe referente a identificación e expedición.

Seguridade nos procedementos de secado, pasada do ferro e embolsamento de roupa.

• Criterios de seguridade nas máquinas de encartar, empaquetar e embolsar.

• Accidentes máis comúns nas máquinas de secado, pasada do ferro e embolsamento de roupa.

• Equipamentos de protección persoal.

• Dispositivos de máquinas para a seguridade activa. Criterios de seguridade e ambientais.

Normativa

• Lexislación comunitaria, estatal e autonómica referente a residuos perigosos e ao uso de substancias perigosas. Normativa referente á etiquetaxe ecolóxica.

1.4.3. Orientacións pedagóxicas

Este módulo específico contén a formación necesaria para desempeñar a función de realizar o secado, a pasada do ferro e o embolsamento de roupa.

A definición desta función e as liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo versarán sobre:

– Análise de procesos de secado, pasada do ferro e embolsamento de roupa.

– Realización do secado segundo o tipo de artigo ou peza.

– Realización do secado e a pasada do ferro de roupa plana.

– Realización da pasada do ferro mecánica ou manual de roupa de forma.

– Realización da encartadura, o embolsamento ou o empaquetamento dos artigos téxtiles.

1.5. Módulo específico: formación en centros de traballo.

• Código: ME0140.

• Duración: 160 horas.

1.5.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

• RA1. Recoñece a estrutura xerárquica da empresa e identifica as funcións asignadas a cada nivel en relación co desenvolvemento da actividade.

– CA1.1. Identificouse a estrutura organizativa da empresa e as funcións de cada área.

– CA1.2. Identificáronse os procedementos de traballo no desenvolvemento do proceso produtivo.

– CA1.3. Relacionáronse as competencias dos recursos humanos co desenvolvemento da actividade produtiva.

– CA1.4. Identificouse a importancia de cada elemento da rede no desenvolvemento da actividade da empresa.

– CA1.5. Relacionáronse as vantaxes e os inconvenientes da estrutura da empresa fronte a outro tipo de organizacións empresariais.

– CA1.6. Analizouse o tecido empresarial do sector en función da prestación que ofrece.

– CA1.7. Recoñecéronse as empresas tipo, e indicouse a súa estrutura organizativa e as funcións de cada departamento.

• RA2. Amosa hábitos éticos e laborais no desenvolvemento da súa actividade profesional, de acordo coas características da tarefa asignada e segundo os procedementos establecidos da empresa.

– CA2.1. Recoñeceuse e xustificouse:

– Disposición persoal e temporal que necesita o posto de traballo.

– Actitudes persoais (puntualidade, empatía etc.) e profesionais (orde, limpeza e seguridade necesarias para o posto de traballo, responsabilidade etc.).

– Requisitos actitudinais ante a prevención de riscos na actividade profesional e as medidas de protección persoal.

– Requisitos actitudinais referidos á calidade na actividade profesional.

– Actitudes relacionadas co propio equipo de traballo e coa estrutura xerárquica establecida na empresa.

– CA2.2. Identificáronse as normas de prevención de riscos laborais que cumpra aplicar na actividade profesional e os aspectos fundamentais da lei de prevención de riscos laborais.

– CA2.3. Aplicáronse os equipamentos de protección individual segundo os riscos da actividade profesional e as normas da empresa.

– CA2.4. Mantívose unha actitude clara de respecto polo medio nas actividades desenvolvidas e aplicáronse as normas internas e externas vinculadas.

– CA2.5. Mantivéronse organizados, limpos e libres de obstáculos o posto de traballo e a área correspondente ao desenvolvemento da actividade.

– CA2.6. Interpretáronse e cumpríronse as instrucións recibidas, e responsabilizouse do traballo asignado.

– CA2.7. Estableceuse unha comunicación e unha relación eficaces coa persoa responsable en cada situación, así como cos membros do seu equipo, e mantívose un trato fluído e correcto.

– CA2.8. Valorouse a importancia da actividade propia e a adaptación aos cambios de tarefas asignados no desenvolvemento dos procesos produtivos da empresa, integrándose nas novas funcións.

– CA2.9. Comprometeuse responsablemente na aplicación das normas e dos procedementos no desenvolvemento de calquera actividade ou tarefa.

• RA3. Recibe, clasifica e prepara a roupa para a súa limpeza.

– CA3.1. Desenvolvéronse as actitudes para atender a clientela nas relacións comerciais.

– CA3.2. Interpretáronse e cubríronse fichas de existencias e inventarios.

– CA3.3. Elaboráronse partes de incidencias indicando as anomalías e deficiencias detectadas.

– CA3.4. Realizáronse ensaios de carácter visual e táctil de mostras de tecidos, e indicouse a súa natureza.

– CA3.5. Interpretouse a información das etiquetas de artigos téxtiles.

– CA3.6. Distinguíronse os tipos de artigos téxtiles e identificáronse por clientes.

– CA3.7. Clasificáronse as pezas segundo as súas características (composición, tipo de tecido, cor etc.).

– CA3.8. Aplicáronse os procesos de mantemento e de conservación segundo as características das pezas que se traten.

– CA3.9. Identificouse e clasificouse a roupa para a súa limpeza.

• RA4. Realiza o lavado acuoso de roupa.

– CA4.1. Aplicáronse os criterios de seguridade e ambientais na manipulación dos produtos químicos.

– CA4.2. Identificáronse manchas ou sucidades e o modo de eliminalas.

– CA4.3. Preparouse a máquina e a roupa para realizar o proceso de lavado.

– CA4.4. Recoñecéronse os sinais e as normas de seguridade das máquinas de lavar.

– CA4.5. Aplicáronse os criterios de redución do consumo de auga, enerxía e produtos químicos.

• RA5. Realiza o lavado en seco de roupa.

– CA5.1. Realizouse o desmanchamento axeitado de tecidos.

– CA5.2. Preparouse a máquina e a roupa para realizar o proceso de lavado en seco.

– CA5.3. Clasificáronse e determináronse os produtos químicos para o lavado en seco.

• RA6. Realiza o secado, a pasada do ferro e o embolsamento de roupa.

– CA6.1. Controlouse o proceso de secado de artigos téxtiles.

– CA6.2. Secouse a roupa e pasóuselle o ferro mediante o uso da calandra.

– CA6.3. Preparouse a máquina ou o túnel para proceder á pasada do ferro.

– CA6.4. Realizouse con habilidade e destreza a pasada do ferro manual a artigos téxtiles.

– CA6.5. Realizouse con habilidade e destreza a encartadura e o empaquetamento manual de artigos téxtiles, con película de polietileno, plástico transparente de dimensións e contidos normalizados, ou embolsamento, axustado ao tipo de artigo que se procese.

– CA6.6. Embolsáronse de forma manual ou mecánica as pezas que se penduran, tendo en conta o material e a forma de almacenamento e expedición, controlando os meca-nismos e atendendo ás normas de seguridade.

Anexo II

A) Espazos mínimos.

Espazo formativo

Superficie m2

(12 alumnos/as)

Aula polivalente.

30

Taller de lavandaría industrial e de proximidade.

150

B) Equipamentos mínimos.

Espazo formativo

Equipamento

• Aula polivalente.

– Computadores instalados en rede, canón de proxección e acceso á internet.

– Medios audiovisuais.

– Software de simulación de instalacións.

• Taller de lavandaría industrial e de proximidade.

– Carros gaiola.

– Básculas.

– Máquina lavadora-centrifugadora.

– Recipientes de dosificación.

– Equipamentos para tratar ou eliminar localmente as manchas.

– Lavadoras en seco.

– Baños de disolvente reciclados.

– Mesa desmanchadora.

– Pistola desmanchante de aire comprimido.

– Secadoras.

– Calandras.

– Postos de pasada do ferro.

– Ferros de pasar manuais.

– Manequíns de pasada do ferro.

– Introdutores de sabas, amoreadoras.

– Embolsadora.

– Equipamento persoal de protección individual.

Anexo III

A) Especialidades do profesorado con atribución docente nos módulos específicos do perfil profesional.

Módulo específicos

Especialidade do profesorado

Corpo

• ME0136. Materiais e artigos téxtiles.

Produción téxtil e tratamentos fisicoquímicos.

Patronaxe e confección.

Profesorado técnico de formación profesional.

Procesos e produtos de téxtil, confección e pel.

Catedrático/a de ensino secundario.

Profesorado de ensino secundario.

• ME0137. Lavado acuoso de roupa.

Produción téxtil e tratamentos fisicoquímicos.

Patronaxe e confección.

Profesorado técnico de formación profesional.

Procesos e produtos de téxtil, confección e pel.

Catedrático/a de ensino secundario.

Profesorado de ensino secundario.

• ME0138. Lavado en seco de roupa.

Produción téxtil e tratamentos fisicoquímicos.

Patronaxe e confección.

Profesorado técnico de formación profesional.

Procesos e produtos de téxtil, confección e pel.

Catedrático/a de ensino secundario.

Profesorado de ensino secundario.

• ME0139. Secado, pasada do ferro e embolsamento de roupa.

Produción téxtil e tratamentos fisicoquímicos.

Patronaxe e confección.

Profesorado técnico de formación profesional.

Procesos e produtos de téxtil, confección e pel.

Catedrático/a de ensino secundario.

Profesorado de ensino secundario.

B) Titulacións requiridas para a impartición dos módulos específicos que conforman o perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial para os centros de titularidade privada ou doutras administracións distintas da educativa.

Módulos específicos

Titulacións

• ME0136. Materiais e artigos téxtiles.

• ME0137. Lavado acuoso de roupa.

• ME0138. Lavado en seco de roupa.

• ME0139. Secado, pasada do ferro e embolsamento de roupa.

• Licenciado/a, arquitecto/a, enxeñeiro/a, mestre/a, arquitecto/a técnico/a, enxeñeiro/a técnico/a, diplomado/a, título de grao, técnico/a superior, ou outros títulos equivalentes cuxos perfís académicos se correspondan coa formación asociada aos módulos específicos no programa de cualificación profesional inicial.

Anexo IV

Perfil das persoas formadoras que impartan os módulos específicos do perfil profesional en contornos produtivos.

Módulo específico

Perfil profesional da persoa formadora

• ME0136. Materiais e artigos téxtiles.

• Dominio das técnicas e dos coñecementos que se relacionan co recoñecemento de materias e produtos en procesos téxtiles, que se acreditará mediante un dos xeitos seguintes:

– Formación académica de técnico superior e outra de superior nivel relacionada con este campo profesional.

– Experiencia profesional dun mínimo de tres anos no campo das competencias relacionadas con este módulo específico.

• ME0137. Lavado acuoso de roupa.

• Dominio das técnicas e dos coñecementos que se relacionan coa realización de tratamentos de lavado acuoso de roupa, que se acreditará mediante un dos xeitos seguintes:

– Formación académica de técnico superior e outra de superior nivel relacionada con este campo profesional.

– Experiencia profesional dun mínimo de tres anos no campo das competencias relacionadas con este módulo específico.

• ME0138. Lavado en seco de roupa.

• Dominio das técnicas e dos coñecementos que se relacionan coa realización de tratamentos de lavado en seco de roupa, que se acreditará mediante un dos xeitos seguintes:

– Formación académica de técnico superior e outra de superior nivel relacionada con este campo profesional.

– Experiencia profesional dun mínimo de tres anos no campo das competencias relacionadas con este módulo específico.

• ME0139. Secado, pasada do ferro e embolsamento de roupa.

• Dominio das técnicas e dos coñecementos que se relacionan coa realización dos procesos de secado, pasada do ferro e embolsamento de roupa, que se acreditará mediante un dos xeitos seguintes:

– Formación académica de técnico superior e outra de superior nivel relacionada con este campo profesional.

– Experiencia profesional dun mínimo de tres anos no campo das competencias relacionadas con este módulo específico.

Anexo V

Relación dos módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais que inclúe o programa.

Módulo específico

Unidades de competencia

• ME0136. Materiais e artigos téxtiles.

UC0434_1: recibir, clasificar e preparar a roupa para a súa limpeza.

• ME0137. Lavado acuoso de roupa.

UC0435_1: realizar o lavado acuoso de roupa.

• ME0138. Lavado en seco de roupa.

UC0436_1: realizar o lavado en seco de roupa.

• ME0139. Secado, pasada do ferro e embolsamento de roupa.

UC0437_1: realizar o secado, a pasada do ferro e o embolsamento de roupa.

Anexo VI

Distribución horaria dos módulos específicos.

Módulo específico

Horas totais

Sesións semanais (*)

• ME0136. Materiais e artigos téxtiles

70

3

• ME0137. Lavado acuoso de roupa

117

5

• ME0138. Lavado en seco de roupa

93

4

• ME0139. Secado, pasada do ferro e embolsamento de roupa

140

6

• ME0140. Formación en centro de traballo

160

-

* Distribución semanal para os centros que impartan as ensinanzas do programa de cualificación profesional inicial en sesións de 50 minutos.