Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Venres, 8 de xullo de 2011 Páx. 18673

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 30 de xuño de 2011 pola que se aproba o deslindamento do monte veciñal en man común de Vilariño, no concello de Lobeira (Ourense), pertencente á comunidade de montes de Vilariño, na parroquia de Santa Cristina de Monte Longo.

Examinado o expediente de deslindamento do monte veciñal en man común de Vilariño, da parroquia de Santa Cristina de Monte Longo, no concello de Lobeira (Ourense), pertencente á comunidade de montes de Vilariño, e tendo en conta os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 28 de xullo de 2010, o director xeral de Montes autorizou a realización do deslindamento, e publicouse no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios do concello o edicto correspondente. Notificóuselle á comunidade propietaria, ás comunidades propietarias estremeiras e ao Distrito forestal XV A Limia.

Segundo. De acordo co previsto nos correspondentes edictos e notificacións o día 20 de outubro de 2010 procedeuse á realización do apeo das estremas do monte. Para a realización do apeo, tívose en consideración:

a) O disposto na Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, que atribúe a propiedade á comunidade veciñal correspondente, mentres non exista sentenza firme en contra.

b) O acto de conciliación realizado o día 21 de decembro do 2001 no Xulgado de Paz de Lobeira, no cal foi fixada a estrema entre o monte veciñal pertencente a Vilariño de Vilariño e o monte veciñal pertencente ás parroquias de Lobeira (San Vicente) e Monte Longo (Santa Cristina). A execución deste acto de conciliación foi ordenada polo xurado provincial de clasificación de montes veciñais en man común de Ourense, con data do 17 de xuño de 2003.

c) Os acordos respectados consuetudinariamente, aínda que non formalizados, coas restantes comunidades estremeiras, coincidentes dun xeito xeral co expresado polo acordo e plano de clasificación.

d) O límite catastral nas zonas de colindancia con parcelas de propiedade particular, xa que o dito límite é moi semellante ao que fixa o plano de clasificación.

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 93 do Decreto 485/1962, do 22 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de montes, abriuse un prazo dun mes para a presentación de reclamacións, notificouse o dito prazo aos interesados e publicouse no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. De acordo co disposto no artigo 94 do Decreto 485/1962, tendo amplamente transcorrido o prazo anterior e, ao non formularse reclamación ningunha, as liñas descritas adquiren carácter definitivo. Dado que as liñas descritas afectan o perímetro completo do monte, non resulta necesario pasar á segunda fase do deslindamento.

Quinto. O enxeñeiro operador emitiu o seu informe o día 28 de xaneiro de 2011.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. De acordo co disposto no Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e no Decreto 318/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria, o conselleiro do Medio Rural é competente para ditar esta orde.

Segundo. O Servizo de Montes de Ourense é competente para levar adiante o devandito deslindamento, cumpridas todas as prescricións legais en canto á publicidade, notificación e demais requisitos exixidos nos artigos 82 ao 125 do Regulamento de montes aprobado polo Decreto 485/1962, do 22 de febreiro.

Terceiro. As resolucións do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común atribúen a propiedade destes ás comunidades veciñais, entrementres non exista sentenza firme en contra, ditada pola xurisdición ordinaria, segundo determina o artigo 30 do Decreto 260/1992, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Tendo en conta os preceptos legais citados e demais de xeral aplicación e o informe-proposta do xefe do Servizo de Montes de Ourense, esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Montes,

DISPÓN:

Primeiro. Aprobar o deslindamento do monte veciñal en man común de Vilariño, pertencente a Vilariño, da parroquia de Monte Longo (Santa Cristina) no concello de Lobeira, na provincia de Ourense, de acordo coas actas, rexistro topográfico e plano que figuran no expediente, así como coa descrición perimetral. A cabida total do monte é de 64,80 hectáreas, sen encravamentos dentro do seu perímetro. Os lindeiros do monte quedan definidos do xeito seguinte:

Norte: monte veciñal en man común Motas e O Viso, pertencente ás parroquias de Lobeira (San Vicente) e Monte Longo (Santa Cristina), e monte veciñal en man común de Souto, pertencente a Souto, ambos os dous no concello de Lobeira.

Leste: monte veciñal en man común de Souto, pertencente a Souto no concello de Lobeira, e predios particulares.

Sur: predios particulares, monte veciñal en man común Lomba, Carballa, Formigueiro e Ouzal, pertencente ás Forcadas no concello de Bande, e monte veciñal en man común Motas e O Viso, pertencente ás parroquias de Lobeira (San Vicente) e Monte Longo (Santa Cristina) no concello de Lobeira.

Oeste: monte veciñal en man común Motas e O Viso, pertencente ás parroquias de Lobeira (San Vicente) e Monte Longo (Santa Cristina) no concello de Lobeira.

Descrición do perímetro exterior.

Comenza a descrición no vértice número 1, nas inmediacións do denominado Galpón de Julio. O vértice está situado entre a construción existente e un poste telefónico. Neste punto conflúen predios privados, o monte veciñal en man común Lomba, Carballa, Formigueiro e Ouzal (pertencente ás Forcadas no concello de Bande), e o monte obxecto deste deslindamento.

O vértice número 2 sitúase no cruzamento entre un camiño (denominado do Portairo Pequeno) e unha devasa. A estrema queda definida pola liña recta que une este vértice co anterior. En toda esta liña o monte estrema co monte veciñal das Forcadas, do concello de Bande.

O vértice número 3 sitúase na beira dunha devasa (o mesmo citado no vértice anterior), nun pequeno alto rochoso. A estrema entre este vértice e o anterior está materializada pola devasa existente, que pertence ao monte de Vilariño. Entre os vértices 2 e 3 o monte que se deslinda estrema co monte veciñal das Forcadas, do concello de Bande.

O vértice número 4 está no entroncamento da devasa citada, coa estrada que vai desde a ermida da Nosa Señora do Viso ata o lugar de Vilariño. A estrema entre este vértice e o anterior está materializada polo cortalumes existente, que pertence ao monte de Vilariño. Entre os vértices 3 e 4 o monte que se deslinda estrema co monte veciñal das Forcadas, do concello de Bande. Neste vértice número 4 conflúen o monte veciñal das Forcadas (do concello de Bande), o monte veciñal en man común denominado Motas e Viso (pertencente ás parroquias de Lobeira e Monte Longo no concello de Lobeira), e o monte obxecto deste deslindamento.

O seguinte vértice (número 5) queda marcado no cruzamento de estradas da ermida da Nosa Señora do Viso. A estrema entre os vértices 4 e 5 queda materializada pola estrada que vai desde a ermida da Nosa Señora do Viso ata o lugar de Vilariño. Entre os vértices 4 e 5 o monte estrema co monte veciñal Motas e O Viso.

Desde o vértice número 5 ata o número 6, a estrema vén definida pola estrada denominada Pista do Viso. En toda esta liña o monte que se deslinda estrema co monte veciñal Motas e Viso. O vértice número 6 situámolo na beira da estrada mencionada, no entroncamento cunha devasa.

A devasa, que pertence a Vilariño, define fisicamente a estrema desde o vértice número 6 ata o número 7, lindando nesta liña co monte veciñal Motas e O Viso. O vértice número 7 queda sinalado na beira da devasa, tocando neste vértice o monte obxecto do deslindamento, o monte veciñal Motas e O Viso e o monte veciñal en man común de Souto (pertencente a Souto no concello de Lobeira).

Os vértices 7, 8 e 9 definen a estrema entre o monte obxecto do deslindamento e o monte de Souto. No vértice número 9 acaba a colindancia entre os dous montes veciñais (Vilariño e Souto) e comenza o límite con predios particulares.

Desde o vértice número 9 ata o vértice número 1 o monte limita con predios particulares axustándose o perímetro do monte ao das parcelas catastrais. Polo tanto entre os vértices 9 e 1 todos os estremeiros son propietarios particulares.

Encravamentos.

Non existen encravamentos dentro do perímetro descrito no punto anterior.

Servidumes.

Da documentación existente non se deduce a existencia de servidumes, aínda que deben considerarse as servidumes habituais de paso nas estradas, devasas, camiños e pistas forestais existentes dentro do monte.

Segundo. Que se cancele total ou parcialmente calquera inscrición rexistral en tanto sexa contraditoria coa descrición do monte veciñal en man común de Vilariño.

Terceiro. Declarar expresamente que no referente ás reclamacións de propiedade, esta resolución esgota a vía administrativa e queda expedita a vía xudicial civil.

Cuarto. Que se notifiquen os novos datos resultantes da descrición do monte ao Rexistro Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Ourense.

Quinto. Que se inmatricule o monte coas características resultantes no Rexistro da Propiedade.

Sexto. Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Os interesados poderán interpoñer contra esta resolución recurso de reposición, con carácter potestativo, no prazo dun mes ante o conselleiro do Medio Rural, ou ben interpoñer directamente o recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Ambos os dous prazos computaranse desde o día seguinte ao da recepción da notificación persoal polos interesados, ou ao da publicación para os que non puidesen ser notificados persoalmente.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural