Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Martes, 12 de xullo de 2011 Páx. 19210

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 10 de xuño de 2011, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre a resolución do expediente de clasificación dos montes denominados Monte Tras do Alargo e Carrascal solicitado a prol da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Vilapouca, parroquia da Madanela de Montes, do concello de Forcarei.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra, ditou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente: Gerardo Zugasti Enrique.

Vogais:

Enrique Martínez Chamorro (xefe do Servizo de Montes).

Víctor Abelleira Argibay (representante do colexio de avogados da provincia).

X. Carlos Morgade Martínez (representante das CMVMC de provincia de Pontevedra).

Lorena Peiteado Pérez (letrada da Xunta de Galicia).

Vogais representante da CMVMC de Vilapouca:

Gloria Fiestras Janeiro.

José Ángel González Portos.

Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo.

Na cidade de Pontevedra, sendo as 17.30 horas do día 24 de maio de 2011, coa asistencia das persoas á marxe citadas, reúnese na 2.ª planta do edificio administrativo sito no n.º 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre a resolución do expediente de clasificación dos montes denominados Monte Tras do Alargo e Carrascal solicitado a prol da CMVMC Vilapouca, parroquia da Madanela de Montes, do concello de Forcarei.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data de entrada 15 de xaneiro de 2010, M.ª Gloria Fiestras Janeiro, como presidenta da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vilapouca, parroquia de Madanela de Montes, concello de Forcarei, presenta unha solicitude de iniciación de clasificación dun monte comunal denominado Tras do Alargo e Carrascal.

O 6 de maio de 2010 o xefe do Servizo de Montes indica en nota interior á secretaria do Xurado de Clasificación de MVMC que os datos achegados pola solicitante permiten identificar plenamente a parcela, que non está clasificada e que consta como o seu titular catastral o Concello de Forcarei.

Segundo. O Xurado Provincial de Montes en Man Común acordou, na súa sesión do 19 de agosto de 2010, incoar o correspondente expediente de clasificación do monte a prol da CMVMC de Vilapouca, parroquia da Madanela de Montes, concello de Forcarei.

O 30 de agosto de 2010 solicítase ao Servizo de Montes a elaboración do informe preceptivo conforme o artigo 20 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 do outubro, de montes veciñais en man común. Con data 29 de setembro de 2010 recíbese o antedito informe preceptivo do Servizo de Montes.

Terceiro. A rexistradora da propiedade da Estrada, en escrito do 28 de outubro de 2010, certifica que o monte denominado Tras do Alargo e Carrascal non figura inscrito no Rexistro da Propiedade.

Cuarto. Á vista da documentación presentada pola solicitante e do informe do Servizo de Montes, o monte obxecto deste expediente obedece á seguinte descrición:

Concello: Forcarei.

Parroquia: A Madanela de Montes.

Lugar: Vilapouca.

Nome do monte: Tras do Alargo e Carrascal.

Cabida: 35.854 m2 aproximadamente (superficie alegada na solicitude).

Lindes:

Segundo información facilitada polo promotor do expediente os seus lindes son:

Norte: Concepción Janeiro e outros propietarios, valo no medio e valo interposto a herdeiros de Soledad Troitiño e outros.

Sur: camiño e herdeiros de José María García.

Leste: parcela do Concello de Forcarei ocupada polo campo de fútbol e, en parte, valo interposto de Soledad Troitiño e outros.

Oeste: valado interposto a Concesina Janeiro e outros propietarios, estrada PO/VP 2004, camiño e Anunciación Seara, Horacio López, María Rosa Janeiro Dapena e outros propietarios camiño en medio.

Sexto. Feitas as comunicacións do artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e aberto o período de audiencia, a comunidade solicitante presentou alegacións ao informe do Servizo de Montes. Nin o Concello de Forcarei, nin particular ningún presentaron alegacións.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter ao abeiro do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, débese entender por montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

Terceiro. O aproveitamento a prol dos veciños de Vilapouca queda acreditado no informe preceptivo do Servizo de Montes cando establece que «la parcela Tras do Alargo... presenta na totalidade da súa superficie unha repoboación recente de piñeiro. A parcela Carrascal... no seu límite oeste localízase unha edificación dunha soa planta, o resto da súa superficie está ocupada por repoboación...».

Cuarto. A CMVMC solicitante presenta, nas súas alegacións ao informe do Servizo de Montes, copias das facturas dos traballos de plantación e de roza do monte comunal de Vilapouca. Ademais, presenta 18 declaracións xuradas de veciños de Vilapouca que afirman ter constancia de que este monte sempre foi aproveitado en exclusiva polos veciños deste lugar. Sobre a «edificación dunha soa planta» que se atopa na parcela Carrascal, trátase do local social da comunidade de montes solicitante, como o acredita un cartel colocado no seu frontal e manifestan as 18 declaracións xuradas dos veciños, así como o informe técnico e a solicitude da CMVMC de Vilapouca, que presenta tamén certificación do balance económico de 1995 en que se inclúen os gastos de materiais para a construción do local.

Quinto. Malia ser o titular catastral do monte obxecto deste expediente, o Concello de Forcarei non presentou alegacións á clasificación do citado monte, e soamente se limitou a remitir a certificación do secretario municipal (co visto e prace do alcalde) de que o anuncio relativo ao inicio do expediente estivo un mes exposto no taboleiro de anuncios do concello, como é preceptivo. Este proceder leva implícito o recoñecemento do carácter veciñal do terreo obxecto do expediente por parte do concello.

En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, este instrutor, en uso das facultades que ten conferidas propón e o xurado acorda, por unanimidade dos seus membros con dereito a voto, clasificar como veciñal en man común o monte denominado Tras do Alargo e Carrascal a prol dos veciños da CMVMC de Vilapouca, parroquia da Madanela de Montes do concello de Forcarei, de acordo cos lindes e cabida reflectidos no antecedente de feito cuarto, e a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes que forma parte inseparable desta resolución.

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte desta notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 10 de xuño de 2011.

Gerardo Zugasti Enrique
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man
Común de Pontevedra