De conformidade co establecido no Decreto 55/2011, do 31 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011 (Diario Oficial de Galicia núm. 66, do 4 de abril), esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe o Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia (en diante TRLFPG),
DISPÓN:
Convocar o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala de letrados, con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:
I. Normas xerais.
I.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir seis (6) prazas do corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala de letrados, polos sistemas de promoción interna e acceso libre.
I.1.1. O número total de vacantes reservadas ao sistema de promoción interna ascende ao 33% do total das vacantes, o que supón un total de dúas (2) prazas.
O número total de vacantes reservadas ao sistema de acceso libre ascende a catro (4).
Se as prazas reservadas ao sistema de promoción interna non se cubrisen, acumularanse ás do sistema de acceso libre.
I.1.2. Os/as aspirantes só poderán participar nun dos dous sistemas. Se da instancia que presenten non se deduce a súa opción, serán excluídos/as nas listas provisionais que se publiquen. De non emendaren o defecto na súa solicitude, quedarán definitivamente excluídos. Tras a publicación da listaxe definitiva de admitidos e excluídos non se permitirá ningún cambio de quenda ou calquera tipo de corrección ou aclaración ao respecto.
I.1.3. De conformidade coa disposición adicional sétima do TRLFPG e co Decreto 55/2011, do 31 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, do total de prazas convocadas reservaranse dúas (2) para seren cubertas por persoas con discapacidade cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33%.
Esta cota de reserva aplicarase ao sistema de acceso libre.
No suposto de que as prazas cubertas por persoas con discapacidade acaden a taxa do 3% das prazas convocadas, as non cubertas acumularanse ás restantes de acceso xeral.
No suposto de que as ditas prazas cubertas non acadasen a taxa do 3% das prazas convocadas, as prazas non cubertas acumularanse á cota do 7% da oferta seguinte, cun límite máximo do 12%.
Se algún/algunha aspirante con minusvalidez que se presente pola cota de reserva de persoas con discapacidade supera os exercicios, pero non obtén praza, e a súa puntuación é superior á obtida por outros/as aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluído/a pola súa orde de puntuación neste sistema.
De conformidade co disposto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, durante o proceso selectivo darase un tratamento diferenciado ás dúas quendas, no que se refire ás relacións de admitidos/as e excluídos/as, aos chamamentos aos exercicios e á relación de aprobados/as. Non obstante, ao finalizar o proceso, elaborarase unha relación única en que se incluirán todos/as os/as candidatos/as que superasen todas as probas selectivas, ordenados/as pola puntuación total obtida, con independencia da quenda pola que participasen.
I.1.4. A este proceso selectivo seralle aplicable a Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público (en diante EBEP), o TRLFPG, o capítulo VIII do Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 120/2006, do 20 de xullo, e polo Decreto 145/2007, do 19 de xullo, e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.
I.2. Requisitos dos/as candidatos/as.
Para seren admitidos/as ao proceso selectivo os/as aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como funcionarios/as de carreira os seguintes requisitos:
I.2.1. Para promoción interna.
I.2.1.1. Idade: non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.
I.2.1.2. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter o título universitario de grao en dereito.
No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación, de ser o caso.
1.2.1.3. Os aspirantes deberán ser funcionarios da Administración da Xunta de Galicia e pertencer ao corpo superior ou ao corpo facultativo superior da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A1, ou ao corpo de xestión ou ao corpo facultativo de grao medio da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, e ter prestado servizos efectivos como funcionario de carreira nun dos ditos corpos durante polo menos dous anos, computados desde o ingreso ou desde a integración naquel. Para estes efectos, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de servizos especiais e de excedencia para o coidado de fillos/as e familiares (artigos 54 e 57 do TRLFPG).
I.2.1.4. Capacidade funcional: non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.
I.2.1.5. Habilitación: non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso a corpos ou escalas de persoal funcionario, nin pertencer ao mesmo corpo, escala ou especialidade a cuxas probas selectivas se presenten.
I.2.1.6. Ademais dos requisitos anteriores, os aspirantes que se presenten pola cota de reserva de discapacitados terán que ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33 por cento.
I.2.2. Para acceso libre.
I.2.2.1. Nacionalidade:
a) Ter a nacionalidade española.
b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.
c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa aplicable a libre circulación de traballadoras/es.
d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións poderán participar os/as seus descendentes e os/as do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.
I.2.2.2. Idade: ter feitos os dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.
I.2.2.3. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter o título universitario de grao en dereito.
No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación, de ser o caso.
I.2.2.4. Capacidade funcional: non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.
I.2.2.5. Habilitación: non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso a corpos ou escalas de persoal funcionario, nin pertencer ao mesmo corpo, escala ou especialidade a cuxas probas selectivas se presenten.
No suposto de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.
I.2.2.6. Ademais dos requisitos anteriores, os/as aspirantes que se presenten pola cota de reserva de discapacitados/as terán que ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33%.
I.3. Solicitudes.
As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán facelo constar no modelo da solicitude que será facilitado na páxina web www.xunta.es e aboar a taxa que estea vixente no momento de presentala, que exixe como requisito para participar a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.
O prazo para presentar as solicitudes será de vinte días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (en diante DOG).
1) Forma de cubrir a solicitude:
O modelo de solicitude estará á disposición de todas as persoas que desexen participar no proceso selectivo na páxina web referida www.xunta.es, seguindo a ruta Función Pública-Procesos Selectivos-Xeración e Presentación de Instancias, en dúas modalidades, segundo se dispoña ou non de certificado dixital da Fábrica Nacional da Moeda e Timbre (FNMT) ou DNI electrónico.
Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, os/as solicitantes deberán cubrir todos os datos que aparecen en pantalla e posteriormente validalos e confirmalos.
Os/as aspirantes cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33% aos cales se refiren as bases I.2.1.6 e I.2.2.6 deberán indicalo expresamente na solicitude e especificar o grao de discapacidade recoñecido polo órgano competente. Estes aspirantes poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria nos termos previstos na Lei 13/1982, do 7 de abril, e no Decreto 55/2011, do 31 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.
Os/as solicitantes das adaptacións sinaladas poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a necesidade da presenza durante a realización do exercicio de atención médica especializada. Neste suposto, deberán presentar antes do remate do prazo fixado o orixinal ou a copia debidamente compulsada do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.
2) Forma de aboar as taxas:
Unha vez confirmada a alta da solicitude, o/a solicitante, segundo estea ou non nos supostos previstos, deberá seguir os seguintes pasos:
● Exento/a de pagamento. De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentos/as do pagamento:
Do total da taxa:
– As persoas cunha minusvalidez igual ou superior ao 33%.
– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.
Do 50% do importe:
– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.
– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas nas cales soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.
Unha vez elixida esta opción, o/a solicitante poderá imprimir a solicitude cuberta e deberá presentar, antes do remate do prazo fixado, orixinal ou copia debidamente compulsada dos seguintes documentos xustificativos da exención do pagamento, segundo os supostos en que se atopen:
– Certificado de minusvalidez.
– Certificado de familia numerosa de carácter ordinario ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.
– Certificado expedido pola oficina de emprego en que conste que o/a aspirante figura como demandante de emprego desde, polo menos seis meses antes á data da convocatoria de probas selectivas de persoal nas cales solicita a súa participación e non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.
A dita documentación deberá ser presentada nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de Correos e demais lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE núm. 285, do 27 de novembro) en adiante LRX-PAC.
Nestes supostos, considerarase como data válida a de presentación dentro do prazo da documentación sinalada para acreditar a exención do pagamento.
● Non exento/a de pagamento. Os/as solicitantes poderán realizar o pagamento dun dos seguintes xeitos:
Pagamento presencial.
– Deberán seleccionar esta opción na pantalla, imprimir o documento de pagamento (modelo AI) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lles facilitará un exemplar selado como xustificante.
Pagamento telemático.
Sen certificado dixital.
– Deberán introducir os datos da tarxeta de crédito ou débito na opción de pagamento telemático, nese momento obterán o xustificante 730 correspondente.
Con certificado dixital.
– Poderán realizar o pagamento con cargo á conta do/a titular do certificado desde a opción de pagamento telemático, nese momento obterán o xustificante 730 correspondente.
En ambos os casos considerarase como data válida de presentación da solicitude a da realización da operación de ingreso da taxa, sen que sexa necesario presentar ningún dos documentos xerados nos lugares previstos no artigo 38 da LRX-PAC.
Para a devolución da taxa aboada, os/as solicitantes deberán figurar como excluídos/as nas listaxes definitivas e seguir o procedemento que se sinale na resolución pola que se aproben.
Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de exclusión por causa imputable aos aspirantes.
O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento seguindo as instrucións iniciais e seleccionando na pantalla a opción de consulta.
Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, os/as solicitantes poderán poñerse en contacto telefónico co Centro Informático CIXTEC no número 981 54 13 00, das 8.30 ás 20.00 horas de luns a venres, e os sábados das 10.00 ás 14.00 horas.
I.4. Admisión de aspirantes.
I.4.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, o/a titular da Dirección Xeral da Función Pública aprobará as listaxes provisionais de aspirantes admitidos/as e excluídos/as a través dunha resolución que será publicada no DOG e nos lugares determinados pola normativa vixente, con indicación dos seus apelidos, nome e número de documento nacional de identidade, das causas determinantes das exclusións que procedan e do lugar en que se atoparán expostas.
I.4.2. Os/as aspirantes excluídos/as disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no DOG para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.
A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderase implícita na resolución pola que se publique a listaxe definitiva de aspirantes admitidos/as e excluídos/as. Estas listaxes publicaranse na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es).
Unha vez transcorrido o prazo sinalado, o/a titular da Dirección Xeral da Función Pública ditará unha nova resolución pola que se aproban as listaxes definitivas de aspirantes admitidos/as e excluídos/as.
O feito de figurar na relación de admitidos/as non prexulgará que se lles recoñeza aos/ás aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo. Cando da documentación que deben presentar tras superalo se desprenda que non posúen algún deses requisitos, decaerán en todos os dereitos que puidesen derivar da súa participación.
II. Proceso selectivo.
O programa que rexerá nas probas selectivas é o aprobado pola Orde do 12 de setembro de 2007, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no DOG núm. 187, do 26 de setembro.
O proceso selectivo constará de cinco exercicios obrigatorios e con eficacia eliminatoria:
– Dous orais de carácter teórico.
– Dúas probas escritas de tipo práctico.
– Unha proba para acreditar a competencia en lingua galega.
Ademais, de acordo co disposto no artigo 54.3º do Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, os aspirantes, con carácter voluntario e non eliminatorio, poderán presentarse a un exercicio de lectura e tradución de linguas estranxeiras. Para estes efectos, e no prazo de dez (10) días hábiles seguintes ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da listaxe definitiva de admitidos e excluídos, os interesados que desexen realizar este exercicio deberán comunicarlle á Dirección Xeral da Función Pública a súa elección do idioma.
Para a exención prevista no terceiro exercicio, os/as aspirantes deberán presentar no prazo de dez días hábiles seguintes á publicación no Diario Oficial de Galicia da listaxe definitiva de admitidos e excluídos, o documento xustificativo (orixinal ou fotocopia debidamente compulsada) de estar en posesión do Celga 4, curso de perfeccionamento de galego ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (publicada no DOG núm. 146, do 30 de xullo).
Esta documentación deberá presentarse nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de Correos e demais lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
II.1 Exercicios.
II.1.1 Primeiro exercicio: consistirá en expoñer oralmente dous temas de dereito civil, un de dereito hipotecario, un de dereito mercantil, dous de dereito procesual, un da primeira parte (temas 1 ao 30) e outro da segunda parte (temas 31 ao 55) e, por último, un de dereito laboral, sanitario e da seguridade social.
Os temas serán designados ao chou e expoñeranse na orde indicada. O tempo mínimo dedicado á exposición de cada tema non poderá ser inferior a cinco (5) minutos.
Para preparar a exposición oral dos temas concederase ao/á opositor/a un tempo de dez (10) minutos.
Unha vez comezada a exposición, o tempo máximo de duración será de setenta (70) minutos.
Cada un dos temas cualificarase de 0 a 5 puntos. Será necesario para superar cada exercicio obter unha cualificación superior á metade da puntuación máxima posible, nos termos previstos na base II.2.7.
Se en calquera momento da exposición dos temas o tribunal, consultado para tal efecto polo/a seu/súa presidente/a e por decisión unánime dos seus membros, aprecia unha manifesta deficiencia de contido, invitará o/a opositor/a a retirarse, indicándolle o motivo, e dará por concluído o exercicio, deixando constancia na acta da sesión correspondente.
Este exercicio realizarase no prazo máximo de corenta (40) días hábiles desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.
A data de realización non será anterior ao 1 de novembro de 2011.
II.1.2. Segundo exercicio: proba voluntaria de lingua estranxeira.
O segundo exercicio consistirá na realización dunha proba de idioma, de carácter voluntario e non eliminatorio.
Esta proba será no idioma comunitario elixido polo/a aspirante. Consistirá nunha lectura ante o tribunal dun texto orixinal, así como na tradución deste. Para tal efecto o tribunal designará o texto sobre o cal se practicará a proba.
Para a verificación deste exercicio o tribunal poderá ser asistido polos asesores/as especialistas que designe.
O tempo máximo de duración será de trinta (30) minutos.
Este exercicio cualificarase de 0 a 6 puntos. Esta cualificación realizarase mediante papeletas, unha por cada membro do tribunal, coa puntuación que ao seu parecer merece, nos termos previstos na base II.2.7.
Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de 48 horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.
II.1.3. Terceiro exercicio, de carácter eliminatorio, constará de dúas probas:
Primeira proba: consistirá na tradución dun texto do castelán para o galego elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.
Segunda proba: consistirá na tradución dun texto do galego para o castelán, elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.
O tempo máximo para a realización do exercicio será de sesenta (60) minutos.
Este exercicio valorarase como apto ou non apto. Será necesario para superalo obter o resultado de apto. Esta cualificación realizarase mediante papeletas, unha por cada membro do tribunal, coa cualificación que ao seu parecer merece.
Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de 48 horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.
II.1.4 Cuarto exercicio: consistirá en expoñer oralmente dous temas de dereito constitucional, comunitario e autonómico, un do 1 ao 28 e outro do 29 ao 43; dous temas de dereito administrativo, un da parte xeral (temas 1 ao 32) e outro da parte específica (temas 33 ao 64); dous de facenda pública, un da primeira parte (temas 1 ao 19) e outro da segunda parte (temas 20 ao 32); e un de dereito penal.
Os temas serán designados ao chou e expoñeranse pola orde indicada. O tempo mínimo dedicado á exposición de cada tema non poderá ser inferior a cinco (5) minutos.
Para preparar a exposición oral dos temas concederase ao/á opositor/a un tempo de dez (10) minutos.
Unha vez comezada a exposición, o tempo máximo de duración será de setenta (70) minutos.
Cada un dos temas cualificarase de 0 a 5 puntos. Será necesario para superar cada exercicio obter unha cualificación superior á metade da puntuación máxima posible, nos termos previstos na base II.2.7.
Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de 48 horas desde a finalización do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.
II.1.5. Quinto exercicio, de carácter práctico e escrito: consistirá en realizar algunha actuación escrita sobre un asunto xudicial en que sexa parte a Administración autonómica. Para o seu desenvolvemento, os/as aspirantes poderán servirse de textos legais e xurisprudenciais.
O tempo máximo de duración será de cinco (5) horas.
Unha vez realizado, será corrixido mediante a súa lectura en sesión pública ante o tribunal, que o cualificará valorando os coñecementos, a orde de ideas e a calidade da expresión escrita, así como a súa forma de presentación e exposición. No desenvolvemento da lectura o tribunal poderá realizar preguntas ao/á aspirante en relación co seu exercicio.
Cada membro do tribunal disporá de copias fotoestáticas dos exercicios para cotexar a lectura efectuada polo aspirante.
Este exercicio cualificarase de 0 a 35 puntos. Será necesario para superalo obter unha cualificación superior á metade da puntuación máxima posible. Esta cualificación realizarase mediante papeletas, unha por cada membro do tribunal, coa puntuación que ao seu parecer merece, nos termos previstos na base II.2.7.
Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de 48 horas desde a finalización do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.
II.1.6. Sexto exercicio, de carácter práctico e escrito, consistirá en informar por escrito sobre algún asunto xurídico en que estea interesada a Administración autonómica. Para o seu desenvolvemento, os/as aspirantes poderán servirse de textos legais e xurisprudenciais.
O tempo máximo de duración será de cinco (5) horas.
Unha vez realizado, será corrixido mediante a súa lectura en sesión pública ante o tribunal, que o cualificará valorando os coñecementos, a orde de ideas e a calidade da expresión escrita, así como a súa forma de presentación e exposición. No desenvolvemento da lectura o tribunal poderá realizar preguntas ao aspirante en relación co seu exercicio.
Cada membro do tribunal disporá de copias fotoestáticas dos exercicios para cotexar a lectura efectuada polo aspirante.
Este exercicio cualificarase de 0 a 35 puntos. Será necesario para superalo obter unha cualificación superior á metade da puntuación máxima posible. Esta cualificación realizarase mediante papeletas, unha por cada membro do tribunal, coa puntuación que ao seu parecer merece, nos termos previstos na base II.2.7.
Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de 48 horas desde a finalización do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.
II.2. Desenvolvemento dos exercicios.
II.2.1. A orde de actuación dos/as opositores/as iniciarase alfabeticamente polo/a primeiro/a da letra «L», de conformidade co establecido na Resolución da Consellería de Facenda do 1 de febreiro de 2011 (DOG núm. 24, do 4 de febreiro), pola que se publica o resultado do sorteo realizado segundo o disposto na Resolución da Consellería de Facenda do 21 de xaneiro de 2011 (DOG núm. 18, do 27 de xaneiro), ao se tratar dunha convocatoria correspondente á oferta de emprego público para o ano 2011.
II.2.2. Os/as aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal.
II.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a dos/as aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas pola Dirección Xeral da Función Pública como colaboradores.
II.2.4. En calquera momento os/as aspirantes poderán ser requiridos/as polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.
II.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que os/as aspirantes quen non comparezan serán excluídos/as.
Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.
O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.
II.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no Diario Oficial de Galicia, no taboleiro de anuncios do Servizo de Información e Atención ao Cidadán da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es), con corenta e oito horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.
II.2.7. A cualificación de cada exercicio realizarase mediante papeletas, unha por cada membro do tribunal, excluíndo as dúas papeletas que conteñan as puntuacións máxima e mínima, sen que en ningún caso poidan ser excluídas máis de unha máxima e unha mínima; sumaranse os puntos consignados en todas as restantes e o total dividirase polo número de papeletas computadas. O cociente obtido constituirá a cualificación.
O/a opositor/a que en calquera exercicio non alcance unha cualificación superior á metade da puntuación máxima posible quedará definitivamente eliminado da oposición.
II.2.8. As cualificacións dos exercicios faranse públicas, no caso dos exercicios teóricos, ao final de cada sesión. Nos exercicios prácticos e nos de idiomas publicaranse conxuntamente, despois de finalizar cada un dos ditos exercicios. O tribunal poderá utilizar para deliberar o tempo que sexa necesario.
As puntuacións publicaranse, en todo caso, no lugar onde se realizou o exercicio, no taboleiro de anuncios do Servizo de Información e Atención ao Cidadán da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es). Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións.
II.2.9. O tribunal poderá exixir niveis de coñecemento diferentes para acadar a puntuación mínima necesaria para superar os exercicios para os sistemas de acceso xeral e de acceso reservado a persoas con discapacidade.
II.2.10. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento ou dúbidas fundadas de que algún/algunha aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral da Función Pública para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.
No caso de que o/a aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral da Función Pública proporá a súa exclusión do proceso selectivo e o órgano convocante publicará a orde que corresponda.
II.3. A orde de prelación dos/as aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa suma das puntuacións obtidas nos exercicios da oposición. Non poderá superar o proceso selectivo un número de aspirantes superior ao de prazas convocadas.
Non obstante, para asegurar a cobertura das vacantes, se o tribunal propuxese o nomeamento de igual número de aspirantes que o de prazas convocadas e se producisen renuncias dos/as seleccionados/as antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirirlle unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación ás propostas para o seu posible nomeamento como funcionarios/as de carreira. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos dos/as aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deducise que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poidan ser nomeados/as funcionarios/as.
III. Tribunal.
III.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por orde da consellería competente en materia de función pública, e a súa composición será a determinada polo artigo 55 do Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, e normativa vixente, tendo en conta o previsto polo artigo 36 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.
III.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da LRX-PAC ou nas Instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas por Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007 e no acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberá ser comunicada á Dirección Xeral da Función Pública.
O/A presidente/a deberá solicitar aos membros do tribunal e, de ser o caso, ás/aos asesores/as especialistas previstos na base II.1.2. e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos unha declaración expresa de non atoparse incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.
En todo caso, os/as aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorran neles algunha das circunstancias referidas nos termos establecidos no artigo 29 da LRX-PAC.
III.3. A autoridade convocante publicará no DOG a orde correspondente pola que se nomeen os novos membros do tribunal que substituirán os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.
III.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles a partir da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Tal constitución entenderase válida coa presenza da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza, en todo caso, do/a presidente/a e do/a secretario/a.
Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle corresponda para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.
III.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza, en todo caso, do/a presidente/a e do/a secretario/a.
III.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na LRX-PAC, nas Instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e ao resto do ordenamento xurídico.
III.7. Por cada sesión do tribunal redactarase unha acta, que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura do/a secretario/a e o visto e prace do/a presidente/a.
III.8. O/A presidente/a do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo, agás aqueles nos que estea prevista a lectura pública ou a exposición oral, sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos/as aspirantes e utilizará para iso os impresos adecuados.
O tribunal excluirá aquelas/es candidatos/as en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a identidade do/a opositor/a, agás nos referidos supostos en que estea prevista a lectura pública ou a exposición oral.
III.9. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas para as valoracións que considere pertinentes. Estes asesores/as deberán limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terán voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á Dirección Xeral da Función Pública.
III.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que os/as aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para realizar os exercicios que os/as restantes participantes. Para tal fin estableceranse para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3. as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.
Se durante a realización das probas, o tribunal tivese dúbidas sobre a capacidade do/a aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo ao que opta poderá solicitar o ditame do órgano competente.
III.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.
Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador realizada segundo o disposto na base III.1. implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.
A Dirección Xeral da Función Pública determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.
III.12. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de aspirantes aprobados/as que contraveña o establecido será nula de pleno dereito, sen prexuízo do disposto para o efecto na base II.3. desta orde.
III.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante o/a conselleiro/a competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 114 e 115 da LRX-PAC.
III.14. As comunicacións que formulen os/as aspirantes ao tribunal dirixiranse á Consellería de Facenda, Dirección Xeral da Función Pública (edificio administrativo San Caetano. Santiago de Compostela).
IV. Listaxe de aprobados/as, presentación de documentación e nomeamento de funcionarios/as de carreira.
IV.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios da oposición.
No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, o tribunal resolverao acudindo á puntuación obtida no primeiro exercicio da oposición e, se se mantén, acudindo aos seguintes pola súa orde. De manterse o empate, resolverase pola orde alfabética a que se refire a base II.2.1.
IV.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no DOG a relación de aspirantes que o superaron por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu documento nacional de identidade, e elevará a dita relación á/ao titular da Dirección Xeral da Función Pública para que elabore a proposta de nomeamento.
A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da relación de aprobados/as, estes/as disporán dun prazo de vinte (20) días naturais para a presentación dos seguintes documentos:
A) Fotocopia compulsada do título exixido na base I.2 ou certificación académica que acredite ter realizado todos os estudos para a súa obtención ou, de ser o caso, documento que acredite fidedignamente a súa posesión ou homologación.
B) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso a corpos ou escalas de funcionarios/as, nin pertencer ao mesmo corpo, escala ou especialidade a cuxas probas selectivas se presenten.
No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración xurada ou promesa de non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no seu Estado, nos mesmos termos o acceso ao emprego público, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria.
C) Informe sobre o estado de saúde que acredite que o/a aspirante non padece enfermidade nin está afectado/a por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.
D) Os/as aspirantes con discapacidade cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33% que superen o proceso selectivo deberán, ademais, acreditar tal condición mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar e, de ser o caso, da Administración correspondente.
A consellería competente en materia de función pública solicitará ao órgano competente a documentación que acredite que os/as aspirantes que accedan por esta cota de reserva reúnen os requisitos de compatibilidade co desempeño das correspondentes funcións.
IV.3. Os/as que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2. non poderán ser nomeados/as funcionarios/as e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.
IV.4. Os que teñan a condición de funcionarios/as de carreira da Administración da Xunta de Galicia estarán exentos de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para obter o seu anterior nomeamento. Deberán presentar certificación da consellería ou organismo de que dependean para acreditar tal condición, con expresión do número e importe de trienios, así como a data do seu cumprimento.
IV.5. Unha vez rematado o proceso selectivo e cumpridos os requisitos exixidos con anterioridade, os/as aspirantes que o superen serán nomeados/as funcionarios/as de carreira mediante unha orde do/a conselleiro/a competente en materia de función pública. Esta orde publicarase no DOG e indicará o destino adxudicado de acordo coa puntuación total obtida no proceso selectivo.
Os/as aspirantes do sistema de promoción interna terán preferencia sobre os/as do sistema de acceso libre para cubrir as vacantes correspondentes de acordo co disposto no artigo 22.2.º do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna.
IV.6. A adxudicación das prazas ás/aos aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base II.2.
IV.7. A toma de posesión dos/as aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade coas disposicións do TRLFPG e demais normas concordantes.
V. Disposición derradeira.
Esta orde pon fin á vía administrativa e contra ela os/as interesados/as poderán presentar recurso potestativo de reposición ante o/a conselleiro/a competente en materia de función pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na LRX-PAC, ou impugnala directamente ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2011.
Marta Fernández Currás
Conselleira de Facenda
ANEXO
D./Dna..., con domicilio en..., con DNI/pasaporte..., declara baixo xuramento ou promete, para efectos de ser nomeado/a funcionario/a do corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala de letrados, que non se atopa inhabilitado/a ou en situación equivalente nin foi sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de …, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.
En (país e localidade)..., ... de... de 201...