Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Xoves, 28 de xullo de 2011 Páx. 21509

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 27 de xullo de 2011 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escalas de arquitectos técnicos e enxeñeiros técnicos de obras públicas.

De conformidade co establecido no Decreto 437/2009, do 17 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009 (Diario Oficial de Galicia n.º 246, do 18 de decembro), esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe o Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia (en diante TRLFPG),

DISPÓN:

Convocar os procesos selectivos para o ingreso no corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, subgrupo A2, arquitectos técnicos e enxeñeiros técnicos de obras públicas, con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

I. Normas xerais.

I.1. O obxecto dos procesos selectivos será cubrir as prazas do corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escalas de arquitectos técnicos e enxeñeiros técnicos de obras públicas que se sinalan no anexo I desta orde, polos sistemas de promoción interna e acceso libre.

I.1.1. O número total de vacantes reservadas ao sistema de promoción interna ascende ao 30% do total das vacantes da escala de enxeñeiros técnicos de obras públicas e ao 33.3% da escala de arquitectos técnicos. A distribución das vacantes entre os sistemas de promoción interna e acceso libre de acordo con esta reserva reflíctese no anexo I desta orde.

De as prazas reservadas ao sistema de promoción interna non se cubriren, acumularanse ás do sistema de acceso libre.

I.1.2. Os/as aspirantes só poderán participar nun dos dous sistemas. Se da instancia que presenten non se deduce a súa opción, serán excluídos/as nas listas provisionais que se publiquen. De non emendaren o defecto na solicitude, quedarán definitivamente excluídos. Tras a publicación da listaxe definitiva de admitidos e excluídos, non se permitirá ningún cambio de quenda ou calquera tipo de corrección ou aclaración ao respecto.

I.1.3. De conformidade coa disposición adicional sétima do TRLFPG e co Decreto 437/2009, do 17 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009 (Diario Oficial de Galicia n.º 246, do 18 de decembro), do total de prazas convocadas reservaranse para ser cubertas por persoas con discapacidade cun grao de minusvalía igual ou superior ao 33% o número de prazas vacantes sinalado para cada escala no anexo I

Este cota de reserva aplicarase ao sistema de acceso libre.

No suposto de que a praza que figura reservada en cada escala non se cubra, acumularase á cota do 7% da oferta seguinte, cun límite máximo do 12%. Así mesmo, no suposto de que algún/algunha aspirante con minusvalidez que se presentase pola cota de reserva de persoas con discapacidade superase os exercicios pero non obtivese praza, e a súa puntuación fose superior á obtida por outros/as aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluído/a pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral.

De conformidade co disposto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, durante os procesos selectivos darase un tratamento diferenciado ás dúas quendas, no que se refire ás relacións de admitidos/as e excluídos/as, aos chamamentos aos exercicios e á relación de aprobados/as. Non obstante, ao finalizar o proceso elaborarase unha relación única en que se incluirán todos/as os/as candidatos/as que superasen todas as probas selectivas, ordenados/as pola puntuación total obtida, con independencia da quenda pola que participasen.

I.1.4. A este proceso selectivo seranlle aplicable a Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público (en diante EBEP), o TRLFPG e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos dos/as candidatos/as.

Para seren admitidos/as aos procesos selectivos os/as aspirantes deberán posuír, no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como funcionarios/as de carreira, os seguintes requisitos:

I.2.1. Para promoción interna:

I.2.1.1. Idade: non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.1.2. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter os títulos que para cada escala se sinalan no anexo II.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación, de ser o caso.

1.2.1.3. Pertencer como funcionario/a de carreira a algún dos corpos ou escalas integrados no actual subgrupo C1 da Xunta de Galicia (corpo administrativo ou corpo de axudantes facultativos).

1.2.1.4. Ter prestados servizos efectivos como funcionario/a de carreira nalgún dos corpos ou escalas integrados no actual subgrupo C1 da Xunta de Galicia (corpo administrativo ou corpo de axudantes facultativos) desde o cal participen, durante polo menos dous anos, computados desde o ingreso ou desde a integración nel.

Para estes efectos, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de servizos especiais e de excedencia para o coidado de fillos/as e familiares (artigos 54 e 57 do TRLFPG).

I.2.1.5. Capacidade funcional: non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

I.2.1.6. Habilitación: non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso a corpos ou escalas de persoal funcionario, nin pertencer ao mesmo corpo, escala ou especialidade a cuxas probas selectivas se presenten.

I.2.1.7. Ademais dos requisitos anteriores, os aspirantes que se presenten pola cota de reserva de discapacitados terán que ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33%.

I.2.2. Para acceso libre.

I.2.2.1. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.

c) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, e os dos nacionais dalgún Estado ao cal, en virtude dos tratados internacionais da Unión Europea ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

I.2.2.2. Idade: ter cumpridos dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.2.3. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter os títulos que para cada escala se sinalan no anexo II.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación, de ser o caso.

I.2.2.4. Capacidade funcional: non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

I.2.2.5. Habilitación: non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso a corpos ou escalas de persoal funcionario, nin pertencer ao mesmo corpo, escala ou especialidade a cuxas probas selectivas se presenten.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

I.2.2.6. Ademais dos requisitos anteriores, os aspirantes que se presenten pola cota de reserva de discapacitados terán que ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33%.

I.3. Solicitudes.

As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán facelo constar no modelo da solicitude, que será facilitado gratuitamente na internet, e aboar taxa que estea vixente no momento de presentala, que exixe como requisito para participar a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.

O prazo para presentar as solicitudes será de vinte días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (en diante DOG).

1) Forma de cubrir a solicitude:

O modelo de solicitude estará á disposición de todas as persoas que desexen participar no proceso selectivo na páxina web referida www.xunta.es, seguindo a ruta Función Pública-Procesos Selectivos-Xeración e Presentación de Instancias, en dúas modalidades, segundo se dispoña ou non de certificado dixital da Fábrica Nacional da Moeda e Timbre (FNMT) ou DNI electrónico.

Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, os/as solicitantes deberán cubrir todos os datos que aparecen en pantalla e posteriormente validalos e confirmalos.

Os/as aspirantes cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33% a que se refire a base I.1.3 deberán indicalo expresamente na solicitude, e especificar o grao de discapacidade recoñecido polo órgano competente. Estes aspirantes poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necessária, nos termos previstos na Lei 13/1982, do 7 de abril, e no Decreto 437/2009, do 17 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.

Os/as solicitantes das adaptacións sinaladas, poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a necesidade da presenza durante a realización do exercicio de atención médica especializada. Neste suposto deberán presentar, antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia debidamente compulsada do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

2) Forma de aboar as taxas:

Unha vez confirmada a alta da solicitude, o/a solicitante, segundo estea ou non nos supostos previstos, deberá seguir os seguintes pasos:

Exento/a de pagamento. De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentos/as do pagamento:

Do total da taxa:

– As persoas cunha minusvalía igual ou superior ao 33%.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial

Do 50% do importe:

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

Unha vez elixida esta opción, o/a solicitante poderá imprimir a solicitude cuberta e deberá presentar, antes do remate do prazo fixado, orixinal ou copia debidamente compulsada dos seguintes documentos xustificativos da exención do pagamento, segundo os supostos en que se atopen:

– Certificado de minusvalidez.

– Certificado de familia numerosa de carácter ordinario ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

– Certificado expedido pola oficina de emprego en que conste que o/a aspirante figura como demandante de emprego desde, polo menos, seis meses antes da data da convocatoria de probas selectivas de persoal en que solicita a súa participación e non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

A dita documentación deberá ser presentada nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de Correos e demais lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE n.º 285, do 27 de novembro), en diante LRX-PAC.

Nestes supostos, considerarase como data válida a de presentación dentro do prazo da documentación sinalada para acreditar a exención do pagamento.

Non exento/a de pagamento. Os/as solicitantes poderán realizar o pagamento dun dos seguintes xeitos:

Pagamento presencial.

Deberán seleccionar esta opción na pantalla, imprimir o documento de pagamento (modelo AI) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lles facilitará un exemplar selado como xustificante.

Pagamento telemático.

Sen certificado dixital.

Deberán introducir os datos da tarxeta de crédito ou débito na opción de pagamento telemático, e obterán nese momento o xustificante 730 correspondente.

Con certificado dixital.

– Poderán realizar o pagamento con cargo á conta do/a titular do certificado desde a opción de pagamento telemático, e obterán nese momento o xustificante 730 correspondente.

En ambos os casos, considerarase como data válida de presentación da solicitude a da realización da operación de ingreso da taxa, sen que sexa necesario presentar ningún dos documentos xerados nos lugares previstos no artigo 38 da LRX-PAC.

Para a devolución da taxa aboada, os/as solicitantes deberán figurar como excluídos/as nas listaxes definitivas e seguir o procedemento que se sinale na resolución pola que se aproben.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de exclusión por causa imputable aos aspirantes.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento seguindo as instrucións iniciais e seleccionando na pantalla a opción de consulta.

Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, os/as solicitantes poderán poñerse en contacto telefónico co Centro Informático CIXTEC no número 981 54 13 00, das 8.30 ás 20.00 horas, de luns a venres e os sábados das 10.00 ás 14.00 horas.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, o/a titular da Dirección Xeral da Función Pública aprobará as listaxes provisionais de aspirantes admitidos/as e excluídos/as a través dunha resolución que será publicada no DOG e nos lugares determinados pola normativa vixente, con indicación dos seus apelidos, nome e número de documento nacional de identidade, das causas determinantes das exclusións que procedan e do lugar en que se atoparán expostas.

I.4.2. Os/as aspirantes excluídos/as disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no DOG, para emendaren, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderase implícita na resolución pola cal se publique a listaxe definitiva de aspirantes admitidos/as e excluídos/as. Estas listaxes publicaranse na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es).

Unha vez transcorrido o prazo sinalado, o/a titular da Dirección Xeral da Función Pública ditará unha nova resolución pola cal se aproban as listaxes definitivas de aspirantes admitidos/as e excluídos/as.

O feito de figurar na relación de admitidos/as non prexulgará que se lles recoñeza aos/ás aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo. Cando da documentación que deben presentar tras superalo se desprenda que non posúen algún deses requisitos, decaerán en todos os dereitos que puideren derivar da súa participación.

II. Proceso selectivo.

II.1. Procedemento de oposición.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo III desta convocatoria. Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que no momento de publicación no DOG do nomeamento do tribunal do proceso conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente.

II.1.1. Exercicios.

As probas da oposición consistirán na superación dos seguintes exercicios, todos eles eliminatorios e obrigatorios.

II.1.1.1. Primeiro exercício. Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de cen (100) preguntas tipo test, máis tres (3) preguntas de reserva, con catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das cales só unha delas será a correcta, correspondentes ao conxunto do programa.

O tribunal procurará que o número de preguntas garde a debida proporción co número de normas e temas que integran o programa.

Os/as aspirantes procedentes da quenda de promoción interna estarán exentos neste exercicio da parte común do programa.

O exercicio terá unha duración máxima de cento vinte (120) minutos.

Ao remate da proba cada aspirante poderá obter copia das súas respostas. No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e o modelo de corrección coas respostas correctas no mesmo lugar en que se realizou e na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es).

O exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 10 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar esta puntuación mínima, para o cal terá en conta que por cada tres (3) respostas incorrectas se descontará unha correcta.

Este exercicio realizarase no prazo máximo de corenta (40) días hábiles desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.

A data de realización deste exercicio non será anterior ao 1 de decembro de 2011.

II.1.1.2. Segundo exercício. Os aspirantes deberán desenvolver por escrito dous (2) temas, a elixir entre catro (4), obtidos mediante sorteo polo tribunal de entre os que forman a parte específica do programa.

O exercicio terá unha duración máxima de tres horas.

O exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 10 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar esta puntuación mínima.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de 48 horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de 40 días hábiles.

II.1.1.3. Terceiro exercicio. Os/as aspirantes deberán realizar por escrito un suposto práctico de desenvolvemento para elixir entre dous (2) propostos polo tribunal sobre os temas que integran a parte específica do programa.

Para o desenvolvemento deste exercicio os aspirantes poderán servirse de textos legais sen comentarios, excluídos os libros de consulta.

O exercicio terá unha duración máxima de tres (3) horas.

O exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 10 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar esta puntuación mínima.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes, publicarase na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es) o suposto práctico en que consistía o exercicio.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de 48 horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.1.4. Cuarto exercício: constará de dúas probas:

Primeira: tradución dun texto do castelán para o galego proposto polo tribunal.

Segunda: tradución dun texto do galego para o castelán proposto polo tribunal.

O exercicio terá unha duración máxima de sesenta (60) minutos.

O exercicio valorarase como apto ou non apto e para superalo será necesario obter o resultado de apto. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar o resultado de apto.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

Estarán exentos de realizar este exercicio os/as aspirantes que acrediten que, dentro do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar no proceso selectivo, posuían o Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG n.º 146, do 30 de xullo).

Os documentos que xustifiquen a exención (orixinais ou fotocopias compulsadas) deberán ser presentados polos aspirantes que superen o segundo exercicio no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola cal o tribunal faga públicas as cualificacións dese exercicio.

II.1.2. Desenvolvemento dos exercicios.

II.1.2.1. A orde de actuación dos/as opositoras/es iniciarase alfabeticamente polo/a primeiro/a da letra «D», de conformidade co establecido na Resolución da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 29 de xaneiro de 2009 (DOG n.º 24, do 4 de febreiro), pola que se publica o resultado do sorteo realizado, segundo o disposto na Resolución da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 20 de xaneiro de 2009 (DOG n.º 16, do 23 de xaneiro), ao tratarse dunha convocatoria correspondente á oferta de emprego público para o ano 2009.

II.1.2.2. Os/as aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistos de DNI ou outro documento fidedigno que, a xuízo do tribunal, acredite a súa identidade.

II.1.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a dos/as aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas pola Dirección Xeral da Función Pública como colaboradores.

II.1.2.4. En calquera momento os/as aspirantes poderán ser requiridos/as polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

II.1.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que os/as aspirantes que non comparezan serán excluídos/as.

Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

II.1.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG, no taboleiro de anuncios do Servizo de Información e Atención ao Cidadán da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es), con corenta e oito (48) horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

II.1.2.7. O tribunal poderá exixir niveis de coñecemento diferentes para acadar a puntuación mínima necesaria para superar os exercicios para os sistemas de acceso xeral e de acceso reservado a persoas con discapacidade.

II.1.2.8. As puntuacións obtidas polos/as aspirantes nos exercicios do proceso selectivo publicaranse no lugar onde se realizou a proba de que se trate, no taboleiro de anuncios do Servizo de Información e Atención ao Cidadán da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es). Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións.

II.1.2.9. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha/algún aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral da Función Pública para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

No caso de que o/a aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral da Función Pública proporá a súa exclusión do proceso selectivo e o órgano convocante publicará a orde que corresponda.

II.1.2.10. Se o tribunal, de oficio ou con base nas reclamacións que os/as interesados/as poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes ao da realización do exercicio, anulase algunha ou algunhas das súas preguntas, publicarao no DOG.

II.2. A orde de prelación dos/as aspirantes que superen o proceso selectivo virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios da oposición. Non poderá superar o proceso selectivo un número de aspirantes superior ao de prazas convocadas.

Non obstante, para asegurar a cobertura das vacantes, se o tribunal propuxese o nomeamento de igual número de aspirantes que o de prazas convocadas e se producisen renuncias dos/as seleccionados/as antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirirlle unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación as propostas para o seu posible nomeamento como funcionarios/as de carreira. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos dos/as aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deducise que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poidan ser nomeados/as funcionarios/as.

III. Tribunal.

III.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por orde da consellería competente en materia de función pública, e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 7 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta o previsto polo artigo 36 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

III.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da LRX-PAC ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas por Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007 e no acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberá ser comunicada á Dirección Xeral da Función Pública.

O/a presidente/a deberá solicitar aos membros do tribunal e, de ser o caso, ás/aos asesores/as especialistas previstos na base III.9 e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos, unha declaración expresa de non estaren incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, os/as aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorran neles algunha das circunstancias referidas nos termos establecidos no artigo 29 da LRX-PAC.

III.3. A autoridade convocante publicará no DOG a orde correspondente pola cal se nomeen os novos membros do tribunal que substituirán os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

III.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles a partir da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Tal constitución entenderase válida coa presenza da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso do/a presidente/a e do/a secretario/a.

Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

III.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso do/a presidente/a e do/a secretario/a.

III.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na LRX-PAC, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e ao resto do ordenamento xurídico.

III.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura do/a secretario/a e o visto e prace do/a presidente/a.

III.8. O/a presidente/a do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos/as aspirantes, e utilizará para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá aquelas/es candidatos/as en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a identidade do/a opositor/a.

III.9. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas para as valoracións que xulgue pertinentes. Estes asesores/as deberán limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terán voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á Dirección Xeral da Función Pública.

III.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que os/as aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para realizar os exercicios que os/as restantes participantes. Para tal fin estableceranse, para as persoas con discapacidade que o soliciten na forma prevista na base I.3., as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.

Se, durante a realización das probas, o tribunal tivese dúbidas sobre a capacidade do/a aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo a que opta, poderá solicitar o ditame do órgano competente.

III.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador realizada segundo o disposto na base III.1 implicará a autorización da orde do servizo para que os seus membros se poidan desprazar ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

III.12. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de aspirantes aprobados/as que contraveña o establecido será nula de pleno dereito, sen prexuízo do disposto para o efecto na base II.2. desta orde.

III.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante o/a conselleiro/a competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 114 e 115 da LRX-PAC.

III.14. As comunicacións que formulen os/as aspirantes ao tribunal dirixiranse á Consellería de Facenda, Dirección Xeral da Función Pública (edificio administrativo San Caetano. Santiago de Compostela).

IV. Listaxe de aprobados/as, presentación de documentación e nomeamento de funcionarios/as de carreira.

IV.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios da oposición.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes na escala de arquitectos técnicos, acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

– Puntuación obtida no primeiro exercicio.

– Puntuación obtida no segundo exercicio.

– Orde alfabética recollida na base II.1.2.1.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes na escala de enxeñeiros/as técnicos de obras públicas, acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

– Criterio de desempate recollido no artigo 37 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, segundo o cal, ao existir infrarrepresentación feminina nesta escala, o empate resolverase a favor da muller.

– Puntuación obtida no primeiro exercicio.

– Puntuación obtida no segundo exercicio.

– Orde alfabética recollida na base II.1.2.1.

IV.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no DOG a relación de aspirantes que o superaron por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu documento nacional de identidade, e elevará a dita relación á/ao titular da Dirección Xeral da Función Pública para que elabore a proposta de nomeamento.

A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da relación de aprobadas/os, estas/es disporán dun prazo de vinte (20) días naturais para a presentación dos seguintes documentos:

A) Fotocopia compulsada do título exixido na base I.2 ou certificación académica que acredite ter realizados todos os estudos para a súa obtención ou, de ser o caso, documento que acredite fidedignamente a súa posesión ou homologación.

B) Declaración, baixo a súa responsabilidade, de non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso a corpos ou escalas de funcionarios/as, nin pertencer ao mesmo corpo, escala ou especialidade a cuxas probas selectivas se presenten.

No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración xurada ou promesa de non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no seu Estado, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público, segundo o modelo que figura como anexo II a esta convocatoria.

C) Informe sobre o estado de saúde que acredite que o/a aspirante non padece enfermidade nin está afectado/a por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

D) Os/as aspirantes con discapacidade cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33% que superen o proceso selectivo deberán, ademais, acreditar tal condición mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar e, de ser o caso, da Administración correspondente.

A consellería competente en materia de función pública solicitará ao órgano competente a documentación que acredite que os/as aspirantes que accedan por esta cota de reserva reúnen os requisitos de compatibilidade co desempeño das correspondentes funcións.

IV.3. Os/as que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2., non poderán ser nomeados/as funcionarios/as e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

IV.4. Os que teñan a condición de funcionarios de carreira da Administración da Xunta de Galicia estarán exentos de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para obteren o seu anterior nomeamento, e deberán presentar certificación da consellería ou organismo de que dependan para acreditar tal condición, con expresión do número e importe de trienios, así como a data do seu cumprimento.

IV.5. Unha vez rematado o proceso selectivo e cumpridos os requisitos exixidos con anterioridade, os/as aspirantes que o superen serán nomeados/as funcionarios/as de carreira mediante unha orde do/a conselleiro/a competente en materia de función pública. Esta orde publicarase no DOG e indicará o destino adxudicado de acordo coa puntuación total obtida no proceso selectivo.

Os/as aspirantes do sistema de promoción interna terán preferencia sobre os/as do sistema de acceso libre para cubriren as vacantes correspondentes de acordo co disposto no artigo 22.2 do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna.

IV.6. A adxudicación das prazas ás/aos aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base II.2.

IV.7. A toma de posesión dos/as aspirantes que superen cada proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade coas disposicións do TRLFPG e demais normas concordantes.

V. Disposición derradeira.

Esta orde pon fin á vía administrativa e contra ela os/as interesados/as poderán presentar recurso potestativo de reposición, ante o/a conselleiro/a competente en materia de función pública, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na LRX-PAC, ou impugnala diretamente, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2011.

Marta Fernández Currás
Conselleira de Facenda

ANEXO I

Escala

Prazas acceso libre

Prazas promoción interna

Prazas reservadas persoas con discapacidade

Total prazas

Arquitectos técnicos

3

2

1

6

Enxeñeiros técnicos de obras públicas

6

3

1

10

ANEXO II

Escala

Titulación requirida

Arquitectos técnicos

Arquitectura técnica

Enxeñeiros técnicos de obras públicas

Enxeñaría técnica de obras públicas

ANEXO III

Programa que rexerá as probas selectivas para o ingreso no corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escalas de arquitectos técnicos e enxeñeiros técnicos de obras públicas.

– Parte xeral común ás dúas escalas:

1. Constitución española, do 27 de decembro de 1978.

2. Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia.

3. Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia: títulos I a V.

4. Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común: títulos I a X.

5. Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia: títulos preliminar, I, II e III.

6. Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal: títulos I, II, III e VI.

7. Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público: título preliminar e títulos I e II do libro I.

8. Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público: títulos I a V.

9. Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia: títulos I a V.

10. Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non-discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade: capítulos I a III.

11. Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia: títulos preliminar a IV.

12. Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes: títulos preliminar e II.

13. Tratado da Unión Europea: títulos I a III.

14. Tratado de funcionamento da Unión Europea: primeira parte, segunda parte e capítulos 1 e 2 do título I da sexta parte.

– Parte específica da escala de arquitectos técnicos:

1. Código técnico de edificación. Ámbito de aplicación. Partes e contidos. Xeneralidades e exixencias básicas.

2. O contrato de obras: tipos de expedientes de contratación. Formas de adxudicación. Formalización do contrato. Comprobación da implantación.

3. Execución do contrato de obras. Dereitos ou deberes dos contratistas. Aboamentos ao contratista. Modificación do contrato de obras. Recepción e liquidación. Revisión de presos.

4. A normativa galega de habitabilidade.

5. Movementos de terras: implantación; esteamentos e drenaxes; medidas de seguridade.

6. DB_SE :AE, accións na edificación.

7. Formigóns: normativa técnica; consideracións xerais; compoñentes básicos; execución; control de calidade; tipos de formigóns.

8. DB_SI :C Seguridade estrutural: cimentos. Control de execución.

9. DB_SE :A Seguridade estrutural: aceiro. Control de execución.

10. DB_SE :F Seguridade estrutural: fábrica. Control de execución.

11. Carpintaría de taller; normativa técnica; materiais e tipos de carpintaría; control de calidade e condicións de execución.

12. Revestimentos de chans: normativa técnica; materiais e condicións de execución. Revestimentos de paredes e teitos: normativa técnica; materiais e condicións de execución.

13. Instalacións de electricidade: normativa técnica, subministracións en baixa tensión; previsión de cargas; instalacións de enlace; esquemas; acometidas; protección; posta á terra.

14. Distribución de auga fría: normativa técnica; esquemas de trazado da instalación e compoñentes dela. Produción e distribución de auga quente sanitaria: normativa técnica; clasificación dos sistemas de produción; esquemas e compoñentes da instalación.

15. DB_HS Salubridade: protección fronte a humidade. Recollida e evacuación de residuos. Calidade do aire interior. Subministración e evacuación de augas.

16. Instalacións de calefacción e climatización: normativa técnica; clasificación dos sistemas de calefacción; esquemas e compoñentes deles.

17. Instalacións de gases combustibles; normativa técnica; clasificación dos gases combustibles; descrición da instalación.

18. Aparellos elevadores: normativa técnica; xeneralidades; esquemas.

19. Instalacións de telecomunicacións: normativa técnica, xeneralidades; esquemas.

20. DB_SI Seguridade en caso de incendios.

21. DB_HE Exixencias básicas de aforro de enerxía. Eficiencia enerxética.

22. Condicións acústicas nos edificios: normativa técnica; condicións exixibles aos elementos construtivos; control, recepción e ensaios de materiais. Lei e Regulamento de protección contra a contaminación acústica.

23. Iluminación: iluminación interior; iluminación exterior; niveis de iluminación; tipo de lámpadas; magnitudes e unidades de medida.

24. Control de calidade na edificación. As entidades e laboratorios de control de calidade na edificación. Normativa autonómica. Exixencias de control de recepción e execución no código técnico da edificación.

25. Organización da obra: planificación de traballos; tipos e importancia; PERT, GANTT.

26. Seguridade e saúde nas obras de construción: normativa; estudo e plan de seguridade e saúde.

27. Medición e valoración: criterios de medición das unidades de obra; prezos unitarios, auxiliares e descompostos. Valoración de obras en execución e rematadas. Orzamento de execución material e de contrata.

28. Accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas na Comunidade Autónoma de Galicia: normativa.

29. Lei de ordenación da edificación.

30. Principios xerais do urbanismo: os plans e as súas determinacións básicas. As licenzas urbanísticas. A inspección urbanística. Inspección de construcións e levantamento de actas e informes.

31. Valoración das construcións. A depreciación: as súas clases.

32. Valoracións fiscais. Valor catastral (normativa técnica estatal para o seu cálculo). Valor real (normativa técnica autonómica para o seu cálculo).

– Parte específica da escala de enxeñeiros técnicos de obras públicas:

1. As distintas administracións de estradas. Lexislación básica de estradas. Lei de estradas de Galicia.

2. A planificación de estradas. Obxectivos. Estudos básicos. Plans e programas. Os plans de estradas en España.

3. Estudos e proxectos de estradas. Clasificación. Normativa, tramitación e aprobación. Estudo da cartografía e topografía. Estudo da xeoloxía e xeotecnia.

4. O tráfico da rede de estradas españolas. Prospección e avaliación do tráfico. Métodos. Modelos convencionais. Promoción de viaxes. Distribución modal e zonal. Asignación ás redes. Avaliación de alternativas. Capacidade e niveis de servizo.

5. O trazado de estradas: características xeométricas de estradas; normativa; métodos modernos de selección do trazado.

6. O movemento de terras: desmontes e terrapléns. Clasificación e características dos solos; problemas de sustentabilidade de noiros e medidas de estabilización. Túneles de estradas: criterios de proxecto; normativa; conservación e explotación; seguridade.

7. Obras de drenaxe nas estradas. Obras de paso: localizacións, recoñecementos e bases de deseño. Obras normalizadas. Viadutos e pontes. Proxectos e construción. Auscultación, conservación e explotación.

8. Os firmes das estradas de nova construción. Bases de proxecto. Materiais. Unidades de obra. Métodos de cálculo. Selección. A normativa española de proxectos de construción. Rehabilitación de firmes.

9. Explotación de estradas. Información ao público. Sinalización, balizamento, iluminación e defensas. Ordenación e regulación da circulación. Seguridade viaria: problemática e medidas de mellora. Deseño das marxes das estradas. Definición de TCA. Acceso ás estradas: problemática e normativa. Instrución de accesos nas estradas convencionais de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia.

10. Conservación de estradas: organización e métodos de conservación. Vialidade invernal. Conservación con medios propios; a súa organización. Conservación con medios alleos. Conservación integral. A vixilancia das estradas: programación e execución.

11. Os bancos de datos de estradas. Os inventarios de estradas: a súa realización, explotación e posta ao día. As fichas especiais: de firmes e obras de paso. Seguimento e evolución.

12. Obras de estradas: sistemas de execución e organización. Control de obras: xeométrico, cuantitativo e cualitativo. Materiais e maquinaria. Sistemas de realización de control. Sinalización de obras.

13. Marco legal e institucional para a xestión do ambiente en España: antecedentes, situación e perspectivas. A avaliación ambiental estratéxica. A Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente. Normas adicionais para a xestión do ambiente na Comunidade Autónoma de Galicia. Procedementos administrativos.

14. Interpretación no campo internacional. Organismos activos e convenios internacionais de aplicación ao ambiente. Principais directivas da UE en materia ambiental. A Directiva 85/337/CEE sobre a avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos ou privados sobre o ambiente, modificada polas directivas 97/11/CE e 2003/35/CE. A Directiva 2008/1/CE, relativa á prevención e control integrados da contaminación.

15. Lexislación sobre patrimonio arqueolóxico na Comunidade Autónoma de Galicia. Prospeccións extensivas e intensivas. Impactos sobre o patrimonio. Adopción de medidas para a defensa do patrimonio.

16. A política de transportes na Comunidade Autónoma de Galicia. Relación con outras políticas sectoriais.

17. Modos de transporte. Características principais de cada un deles. Vantaxes e inconvenientes. Distribución e coordinación modal.

18. Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas, e os seus regulamentos. A Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

19. A Administración pública da auga. Competencias das distintas administracións en materia de augas e obras hidráulicas. A Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

20. Situación da auga en España. En especial, a situación en Galicia. Planificación hidrolóxica. Balances hidráulicos. Lei do Plan Hidrolóxico Nacional.

21. Calidade da auga. Concepto. Rede de control de calidade. Parámetros máis importantes. Índices de calidade. Verteduras. Directivas comunitarias. Lexislación de augas en relación coa calidade da auga.

22. Augas subterráneas. Hidroxeoloxía. Recoñecementos xeolóxicos e xeotécnicos. Explotación e recarga de acuíferos. Acuíferos sobreexplotados. Tratamento da información.

23. Estudos hidrolóxicos. Métodos de regulación de recursos hidráulicos superficiais e subterráneos. Uso de reservas subterráneas. Utilización conxunta.

24. As enchentes en España: cálculo e hidrogramas. Previsión de enchentes: estado actual e novas tecnoloxías. O programa SAIH. Directriz básica de planificación de protección civil ante o risco de enchentes.

25. O abastecemento e o saneamento. Técnicas de depuración e de potabilización. Reutilización.

26. Condución en lámina libre e en carga. Tipos de canalizacións. Tipos de xuntas. Normas vixentes. Colectores. Emisarios submarinos. Explotación e conservación.

27. Presas: tipoloxías. Vertedoiros, tomas e desaugadoiros. Construción, auscultación, explotación e conservación. Instrución para o proxecto, construción e explotación de grandes presas. Regulamento técnico sobre seguridade de presas e encoros.

28. Os portos españois: clasificación e características. Organización dos servizos de portos. Os portos na Comunidade Autónoma galega. Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia, e o seu regulamento.

29. Obras portuarias exteriores. Diques de abrigo, criterios de selección, métodos construtivos. Atracadas e instalacións non abrigadas. Estudos económicos. Determinación da onda de cálculo: análise de risco e análise determinista.

30. Obras portuarias interiores: obras de atracada, tipoloxía, criterios de deseño. Recheos e pavimentacións. Equipamentos de carga, descarga e manipulación de mercadorías. Criterios de selección.

31. A Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, e regulamento para o seu desenvolvemento e execución. Bens de dominio público marítimo-terrestre: clasificación e definicións e o seu réxime de utilización. Limitacións da propiedade sobre os terreos contiguos á ribeira do mar. Infraccións e sancións.

32. Enxeñaría de costas: dinámica litoral. Defensa e rexeneración de costas e praias: criterios de deseño. Paseos marítimos. Xustificación, criterios de deseño.

33. Os proxectos de obras. A súa autorización. Anteproxectos e estudos previos. Estrutura do proxecto. Pregos de cláusulas administrativas: xerais e particulares. As normas técnicas e os pregos de condicións técnicas. A implantación.

34. Seguridade e saúde na construción e nas obras públicas. Disposicións vixentes. Órganos competentes en materia de seguridade e saúde. Comités de seguridade e saúde. Responsabilidades.

35. O control de calidade. Normativa técnica. Control de calidade nos pregos de condicións. Calidade de materiais e de execución. Laboratorio de control de obras. Probas finais e recepción.

36. A expropiación forzosa. Potestade expropiatoria. Natureza e xustificación. Suxeitos, obxecto e causa. Procedemento xeral expropiatorio. Garantías xurisdicionais.