Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Venres, 29 de xullo de 2011 Páx. 21661

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 15 de xullo de 2011 pola que se convocan os premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2010-2011.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece entre os seus principios o de proporcionar unha educación de calidade para todo o alumnado independentemente das súas condicións e circunstancias, xunto coa equidade na súa repartición. Así mesmo, determina que o sistema educativo se orientará, entre outros fins, á consecución dunha educación baseada na responsabilidade individual, o mérito e o esforzo persoal e o desenvolvemento da capacidade do alumnado para regular a súa propia aprendizaxe, confiar nas súas aptitudes e coñecementos e ao desenvolvemento da creatividade, a iniciativa persoal e o espírito emprendedor.

O Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 13 que a dita etapa se organiza de acordo cos principios de educación común e atención á diversidade e que as medidas que se establezan neste ámbito estarán orientadas a responder ás necesidades educativas concretas do alumnado e á consecución das competencias básicas e dos obxectivos da etapa, e non poderán, en ningún caso, supoñer unha discriminación que lles impida alcanzar os devanditos obxectivos e a titulación correspondente.

Conscientes, igualmente, da importancia de recoñecer e valorar publicamente os comportamentos excepcionais dos alumnos e alumnas dos niveis da educación básica, de seguir avanzando na consecución dunha igualdade de oportunidades efectiva, e de procurar un ensino comprensivo e integrador, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para regular e convocar os premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2010-2011,

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

Convócanse en Galicia os premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2010-2011 co obxecto de dar recoñecemento público ao esforzo e dedicación do alumnado desta etapa educativa, reforzar aqueles aspectos que inciden na mellora do sistema educativo e xuntar excelencia con equidade, igualdade de oportunidades e posibilidades de desenvolvemento persoal.

Artigo 2. Número e características dos premios.

1. Poderase conceder ata un máximo de 20 premios.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria contribúe con 7.500 € con cargo á aplicación 09.04.423A.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011. Novacaixagalicia contribúe con 7.500 € segundo o disposto no convenio entre a Xunta de Galicia e Novacaixagalicia do 5 de abril de 2011.

3. A dotación económica de cada premio é de 750 €.

Artigo 3. Requisitos de participación.

Poderá optar aos premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal o alumnado que reúna as seguintes condicións:

1. Cursar durante o curso 2010-2011 cuarto curso de educación secundaria obrigatoria no réxime ordinario en calquera dos centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Estar proposto polo equipo docente para a expedición do título de graduado en educación secundaria.

3. Os alumnos e alumnas que sexan candidatos/as ao premio deberán merecer un especial recoñecemento pola dedicación e esforzo demostrado ao longo da etapa en superar as súas dificultades, ben de tipo persoal, educativas e/ou do contorno familiar e sociocultural, polo que se significan singularmente, e se fan merecedores de optar a esta modalidade de premios.

4. O perfil obxecto destes premios correspóndese co alumnado:

a. Que procede de contornos socioculturais desfavorecidos ou de contornos familiares disfuncionais que supoñan desvantaxe manifesta cara conseguir rematar os seus estudos.

b. En proceso de superación de enfermidades crónicas ou con discapacidades que condicionan o seu rendemento escolar, a súa relación persoal e a súa inserción social.

5. A obtención destes premios non supón incompatibilidade coa obtención doutros galardóns.

6. Cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiario de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da comunidade autónoma segundo indica o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 4. Documentación.

1. O alumnado que, reunindo os requisitos indicados, desexe optar aos premios nesta modalidade, deberá solicitalo na secretaría do centro educativo en que estea o seu expediente académico coa autorización do pai/nai ou representantes legais se son menores de idade.

2. Para formalizar a inscrición deberá presentar a seguinte documentación:

a. Folla de inscrición cuberta segundo o modelo do anexo I desta orde.

b. Declaración responsable de ter ou non ter percibido ou solicitado outras axudas ou premios convocados co mesmo fin polas administracións públicas competentes segundo o modelo do anexo II desta orde, co que se entenderá cumprido o mesmo requisito exixido previamente ao último pagamento, no caso de non producirse variación.

3. Os centros educativos elaborarán e xuntarán á documentación anterior os documentos que de seguido se relacionan:

a. Certificación académica dos estudos obxecto de baremo, onde se reflicte a cualificación final media, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/a director/a do centro educativo en que estea o expediente académico.

i. A nota media será a media aritmética das cualificacións en todas as materias dos catro cursos da etapa. A media aritmética das cualificacións da etapa expresarase con dous decimais, redondeada á centésima máis próxima e en caso de equidistancia á superior, e deberá reflectirse na certificación académica.

ii. Segundo o establecido nas disposicións adicionais do Decreto 133/2007 polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria, para a obtención da nota media non se terá en conta a área de relixión.

iii. As áreas validadas ou exentas non serán tidas en conta para o cálculo da nota media.

b. Informe xustificativo da proposta realizada segundo o indicado no artigo 7. O dito informe será elaborado pola comisión establecida no artigo 6 e nel darase conta das especiais condicións da escolaridade do alumno ou alumna proposto/a.

c. Ademais da documentación anterior, poderá xuntarse canta documentación considere necesaria para acreditar os méritos da persoa candidata.

d. Documento xustificativo da transferencia de datos que se imprimirá, unha vez introducidos os datos do alumnado na aplicación informática http://www.edu.xunta.es/premioseso.

4. Os centros educativos introducirán os datos na aplicación informática http://www.edu.xunta.es/premioseso no prazo de presentación das solicitudes e remitirán a documentación, por correo urxente, ata os tres días seguintes á finalización do prazo de presentación das solicitudes, ao Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, edificio administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela.

5. Sen prexuízo do anterior, o alumnado poderá presentar a documentación indicada no número 2 e 3 deste artigo, na forma prevista no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

6. De acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, se a solicitude non reune os requisitos precisos requirirase o interesado para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, e indicaráselle que, de non facelo, se considerará como desistido da súa petición, e se arquivará esta logo de resolución que deberá ditarse nos termos do artigo 42.1 da citada lei.

7. O alumnado recibirá no seu correo electrónico un código alfanumérico co cal poderá identificarse nas listaxes das candidaturas, nas resolucións e na orde de resolución da convocatoria no DOG.

Artigo 5. Prazo de presentación de solicitudes.

O alumnado que, reunindo os requisitos indicados, desexe optar aos premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2010-2011, poderá solicitalo ata o día 26 de setembro de 2011.

Artigo 6. Comisión para elaborar o informe co perfil do/a alumno/a.

1. Nos centros educativos constituirase unha comisión formada pola dirección do centro, a xefatura de estudos, a xefatura do departamento de orientación e o/a titor/a do/a candidato/a durante o curso 2010-2011 ou na ausencia deste, un/unha profesor/a, preferentemente do/a alumno/a, nomeado/a pola dirección do centro educativo.

2. Esta comisión será a encargada de informar do perfil do alumnado que solicita participar neste premio, tendo en conta o esforzo persoal realizado e as súas dificultades persoais, educativas e/ou do contorno familiar e sociocultural. O informe realizarase sobre a base ao que se refire o artigo 7.

3. O acordo reflectirase en acta.

Artigo 7. Informe co perfil do/a alumno/a.

Co fin de que a comisión de selección prevista no artigo 9 poida analizar a idoneidade das solicitudes, no informe do perfil do/a alumno/a previsto no artigo 4.3.b farase constar:

1. A descrición exhaustiva e razoada das dificultades persoais, educativas ou do contorno sociofamiliar da persoa candidata, que ao xuízo do equipo docente dificultaron o seu desenvolvemento educativo.

2. As medidas de apoio adoptadas polo centro educativo en relación coas necesidades educativas do alumno ou alumna e a súa repercusión no progreso escolar.

3. O grao de consecución das competencias e dos obxectivos da etapa e a persistencia no seu logro, así como a valoración do esforzo persoal.

4. A descrición e xustificación de calquera outra circunstancia que a xuízo da comisión do centro educativo mereza ser tida en conta.

Artigo 8. Publicación das candidaturas.

1. A relación provisional de admitidos e excluídos farase pública nos dez días naturais posteriores ao da finalización do prazo de solicitude, no portal educativo da Xunta de Galicia www.edu.xunta.es/portal, que recollerá a relación dos códigos alfanuméricos do alumnado. Os interesados poderán presentar contra esta as alegacións que consideren oportunas nun prazo de dez días hábiles a partir da data de publicación.

2. O prazo máximo para publicar a relación definitiva de admitidos e excluídos, no portal educativo www.edu.xunta.es/portal, será dun mes desde o día seguinte ao da finalización do prazo de solicitude.

Artigo 9. Comisión de selección dos aspirantes ao premio.

1. Co fin de supervisar e valorar os méritos dos participantes, constituirase unha comisión presidida polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue, a persoa responsable do Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo e ata un máximo de catro vogais máis, pertencentes aos corpos de inspectores de educación ou dos corpos de profesorado de ensino secundario, designados pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Actuará como secretario ou secretaria, con voz e sen voto, un funcionario ou funcionaria da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

2. A comisión de selección valorará as propostas presentadas atendendo aos seguintes criterios:

a. No informe e na documentación complementaria achegada valoraranse as dificultades persoais (ata 4 puntos), as dificultades familiares e socioculturais (ata 4 puntos) e o aproveitamento e esforzo (ata 2 puntos).

b. A nota media das cualificacións obtidas na etapa de educación secundaria obrigatoria.

3. A valoración final expresarase con dous decimais, redondeada á centésima máis próxima e en caso de equidistancia á superior, e será o resultado de sumar o 60% da valoración do punto 2.a e 40% do 2.b deste artigo.

4. A comisión de selección resolverá os empates tendo en conta:

1.º Maior valor da nota media do expediente académico.

2.º Maior puntuación no informe co perfil do alumnado.

5. A comisión de selección poderá declarar deserto algún dos premios.

6. A percepción de asistencias deste tribunal aterase á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda, segundo o disposto no Decreto144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Artigo 10. Resolución provisional da concesión dos premios.

1. A comisión fará pública a relación provisional dos códigos alfanuméricos das persoas propostas para premio no portal educativo www.edu.xunta.es/portal. O alumnado recibirá no seu correo electrónico as valoracións parciais e a valoración final que lle concedeu a comisión de selección.

2. Contra esta poderase presentar reclamación mediante instancia dirixida á presidenta ou presidente da comisión de selección, presentándoa no Rexistro Único da Xunta de Galicia, edificio administrativo San Caetano de Santiago de Compostela, no prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa publicación.

Artigo 11. Resolución definitiva.

1. Unha vez resoltas as reclamacións, a comisión elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación dos premios.

2. O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elevará a proposta feita pola comisión ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, que emitirá a correspondente orde de adxudicación para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia que recollerá a relación de códigos alfanúmericos dos premiados.

3. O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de seis meses desde o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes, tendo efectos desestimatorios a falta de resolución expresa nese período.

4. Contra a devandita orde de adxudicación dos premios poderase interpoñer mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Artigo 12. Obriga dos/as gañadores/as.

1. O alumnado gañador dos premios ten a obriga de someterse ás actuacións de comprobación que poidan efectuar os órganos de comprobación competentes, para o que achegará canta información lle sexa requirida, de acordo co artigo 11 da Lei 9/2007.

2. O alumnado premiado presentará certificación de titularidade dunha conta bancaria con 20 díxitos en que se ingresará mediante transferencia bancaria a dotación do premio. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

3. O beneficiario ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indica o artigo 14 j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo. 13. Información aos/ás interesados/as.

Ademais da información recollida no Diario Oficial de Galicia, o alumnado poderá informarse do proceso e facer consultas no portal educativo http://www.edu.xunta.es/portal, na páxina de inicio da aplicación http://www.edu.xunta.es/premioseso e na Unidade de Atención a Centros (UAC).

Artigo 14. Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación ou resolución no premio concedido, conforme o artigo 23 da Lei 9/2007.

Artigo 15. Transparencia das prácticas da Administración.

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben impugnala directamente na vía xurisdicional ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file