Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Xoves, 15 de setembro de 2011 Páx. 27135

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 6 de setembro de 2011 pola que se deixa sen efecto a Orde do 12 de xaneiro, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a concellos de Galicia e ás súas entidades públicas con personalidade xurídica propia, para o equipamento e a mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, co cofinanciamento de fondos Feder.

O 18 de xaneiro de 2011 foi publicada no Diario Oficial de Galicia n.º 11, a Orde do 12 de xaneiro, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a concellos de Galicia e ás súas entidades públicas con personalidade xurídica propia, para o equipamento e a mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, co cofinanciamento de fondos Feder.

Esta convocatoria de axudas foi tramitada conforme o establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, da Consellería de Economía e Facenda sobre tramitación anticipada de expedientes de gastos, quedando a súa eficacia condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011. Con motivo da política orzamentaria, que implica o necesario equilibrio entre ingresos e gastos, resulta necesario efectuar un axuste nos créditos inicialmente asignados aos diferentes centros de gasto que conforman os orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, así como levar a cabo unha revisión da programación e execución dos fondos Feder ante o xurdimento de necesidades novas e non previstas no momento da aprobación da convocatoria de subvencións anteriormente citada.

En virtude do exposto e de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron conferidas

DISPOÑO:

Artigo único.

Déixase sen efecto a Orde do 12 de xaneiro de 2011, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a concellos e ás súas entidades públicas con personalidade xurídica propia, para o equipamento e a mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, co cofinanciamento de fondos Feder.

Disposición adicional primeira.

Contra a presente orde, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ante o conselleiro de Cultura e Turismo, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso- Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional segunda.

A presente orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2011.

Roberto Varela Fariña
Conselleiro de Cultura e Turismo