Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Xoves, 22 de setembro de 2011 Páx. 27928

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 12 de setembro de 2011 pola que se regula a tarxeta de identificación do persoal ao servizo da Administración de xustiza.

A Carta de dereitos dos cidadáns ante a xustiza establece no seu número 13 que «o/a cidadán/á ten dereito a coñecer a identidade e a categoría da autoridade ou do funcionario que o/a atenda, salvo cando estea xustificado por razóns de seguridade en causas criminais». O respecto aos principios recollidos nesta carta constitúe un dos aspectos fundamentais para conseguir un servizo público de xustiza de calidade e responsable da súa xestión, e así o recoñece expresamente o artigo 435 da Lei orgánica 6/1985, do poder xudicial (LOPX), que, ademais, recolle no seu artigo 497 j) a identificación do persoal.

Se a identificación do persoal é fundamental para asentar os principios de transparencia e atención adecuada que deben presidir as relacións da cidadanía con todas as administracións públicas, incluída a de xustiza, esta necesidade aínda é máis esencial co avance das tecnoloxías da información e comunicación no sector público. Este avance ten o seu reflexo na recente Lei 18/2011, do 5 de xullo, reguladora do uso das tecnoloxías da información e a comunicación na Administración de xustiza, cuxo artigo 21 dispón que as administracións, no ámbito da súas competencias, proverán ao persoal ao servizo da Administración de xustiza de sistemas de sinatura electrónica que poderán identificar de forma conxunta o titular do posto de traballo e o cargo e identificar tamén a oficina ou órgano xudicial en que presta os seus servizos.

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, dispón no seu artigo 18 que a Xunta de Galicia proverá ao seu persoal de sistemas de sinatura electrónica que sexan conformes co establecido na Lei 59/2003, do 19 de decembro, de sinatura electrónica.

Estas previsións, xunto coa implantación progresiva de servizos telemáticos no ámbito da Xustiza, fan necesario establecer unha tarxeta que sirva ao persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia tanto para a identificación presencial como funcionario de Xustiza coma para a identificación electrónica.

Polo anteriormente exposto, despois de negociación na Mesa Sectorial da Administración de xustiza, co informe favorable do Consello Xeral do Poder Xudicial, en virtude do establecido no artigo 33.6 da Lei 1/1983, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, así como no artigo 37.2 e concordantes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no exercicio das competencias que resultan do artigo 20.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co Real decreto 2397/1996, sobre transferencia a esta comunidade de medios para o servizo da Administración de xustiza, e mais cos artigos 471 e 474 da LOPX, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto.

O obxecto desta orde é regular a creación e uso da tarxeta de identificación do persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

Artigo 2. Ámbito subxectivo.

A tarxeta de identificación do persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia será de utilización obrigatoria para os funcionarios, titulares e interinos dos seguintes corpos nacionais:

a) Médicos forenses, cando estean destinados ou presten servizos no Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga).

b) Corpos de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial que dependan organicamente da Xunta de Galicia.

Artigo 3. Finalidades.

A tarxeta terá as seguintes finalidades:

a) Identificación dos seus titulares como persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

b) Identificación electrónica nos termos previstos na disposición adicional primeira desta orde.

c) Acceso aos sistemas de información e comunicación, así como ás dependencias, que se determinen.

d) Xustificación do cumprimento do horario e da xornada laboral.

Artigo 4. Contido.

As tarxetas deberán levar a fotografía do/da seu/súa titular, o seu nome e apelidos, o número do documento nacional de identidade e mais o corpo de funcionarios a que pertence, co formato que se recolle no anexo desta orde.

A nivel tecnolóxico disporá das seguintes capacidades:

a) Chip criptográfico que permitirá o almacenamento de varios certificados dixitais.

b) Etiqueta de identificación por radiofrecuencia (RFID).

c) Banda magnética.

Artigo 5. Titularidade das tarxetas e utilización.

As tarxetas serán propiedade da Xunta de Galicia, que decidirá sobre a súa entrega e revogación nos termos previstos nos artigos seguintes.

Para o/a seu/súa titular a tarxeta é de uso obrigatorio, persoal e intransferible.

Os/as titulares poderán ser requiridos/as para a súa identificación por outros medios cando existan dúbidas sobre a súa identidade ou sobre a utilización correcta da tarxeta.

Artigo 6. Obriga de custodia.

1. A tarxeta de identificación permanecerá sempre baixo o exclusivo control do funcionario ou funcionaria, como responsable único/a da súa custodia, sen que en ningún caso a Xunta de Galicia responda do seu uso fraudulento, indebido, incorrecto ou neglixente.

2. A utilización da tarxeta de identificación por persoa distinta ao seu titular determinará responsabilidade disciplinaria nos termos previstos na Lei orgánica do poder xudicial e na normativa regulamentaria aplicable, sen prexuízo, se é o caso, das responsabilidades civís ou penais.

Artigo 7. Renovación, revogación e suspensión.

1. A renovación das tarxetas de identificación persoal efectuarase en caso de deterioración notable, perda ou subtracción. Tamén se renovarán en caso de cambio de nome ou apelidos do titular ou de cambio de corpo.

2. Para recibir a nova tarxeta será preciso entregar previamente a antiga, agás por motivo de perda ou subtracción, caso en que será preciso achegar canda a solicitude de renovación unha fotocopia da denuncia interposta.

3. Son causas que motivan a revogación da tarxeta de identificación persoal:

a) Perda da condición de funcionario.

b) Exclusión da bolsa de interinos.

c) Obtención de destino fóra do ámbito da Administración de xustiza en Galicia.

d) Suspensión definitiva por máis de dous meses.

e) Excedencia voluntaria.

4. Son causas que motivan a suspensión da tarxeta de identificación persoal:

a) A suspensión temporal, ou a definitiva por tempo non superior a dous meses.

b) O cambio de situación administrativa diferente á de servizo activo, cando non implique a anulación da tarxeta.

c) O cesamento dun interino.

5. Cando un funcionario ou unha funcionaria incorra nalgunha das causas previstas no artigo anterior, deberá obrigatoriamente devolver a tarxeta de identificación persoal á Xunta de Galicia, entregándoa na unidade técnica administrativa competente. En caso de revogación, a tarxeta será destruída; en caso de suspensión, incorporarase ao expediente persoal do/a funcionario/a mentres a causa continúe vixente.

Disposición adicional primeira. Identificación electrónica.

1. A Xunta de Galicia realizará as xestións precisas para incluír no chip criptográfico da tarxeta de identificación os certificados de sinatura que permitan a identificación electrónica como empregado público nos sistemas informáticos ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

2. Os ditos certificados de sinatura electrónica de empregado público só se poderán utilizar no desempeño das funcións propias do cargo ou posto que ocupen os seus titulares, ou para relacionarse con outras administracións públicas cando estas o admitan.

3. Corresponderá ao órgano competente en materia de sistemas de información e comunicación ao servizo da Administración de xustiza en Galicia determinar o contido dos ditos certificados e regular a súa expedición, entrega, renovación, anulación, revogación ou suspensión.

Disposición adicional segunda. Credenciais para a xustificación da condición de funcionario de Xustiza en casos excepcionais.

1. O centro directivo competente en materia de xustiza, logo de informe do Consello Xeral do Poder Xudicial e de negociación cos representantes dos traballadores, regulará os supostos e forma en que, por razóns de seguridade, o persoal ao servizo da Administración de xustiza poderá acreditar a súa condición, categoría e destino utilizando un medio alternativo á tarxeta regulada nesta orde.

2. Ese medio alternativo consistirá nunha credencial –que se entregará exclusivamente para casos xustificados– que, xunto coa imaxe corporativa institucional da Xunta de Galicia e da Administración de xustiza, terá o seguinte contido:

a) Fotografía do/a titular.

b) Código alfanumérico de identificación.

c) Corpo a que pertence.

d) Unidade onde presta servizos.

Disposición adicional terceira. Desenvolvemento da orde.

Facúltanse as persoas titulares dos centros directivos competentes en materia de xustiza e mais de modernización e innovación tecnolóxica para ditaren, no ámbito das súas respectivas competencias, cantas disposicións e instrucións sexan precisas para o desenvolvemento desta norma.

Disposición transitoria primeira. Distribución da nova tarxeta e validez das anteriores.

A distribución da tarxeta será progresiva segundo a planificación que estableza a Xunta de Galicia.

As tarxetas de fichaxe nos lectores de control horario instalados nas sedes xudiciais, así como as tarxetas con chip criptográfico expedidas aos funcionarios de Xustiza con motivo do proceso de implantación do sistema de notificacións telemáticas Lexnet, manterán a súa vixencia entrementres non sexan substituídas polas reguladas nesta orde.

Os documentos de identidade expedidos con anterioridade á data desta orde pola consellería da Xunta de Galicia competente en materia de xustiza para acreditar a condición de médico forense, de xestor procesual e administrativo, de tramitador procesual e administrativo ou de funcionario de auxilio xudicial perderán validez desde a entrega da nova tarxeta de identificación. Así mesmo, quedan sen validez os documentos de identidade expedidos pola dita consellería para acreditar a condición de funcionario dos extinguidos corpos de oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza.

Disposición transitoria segunda. Funcionarios das escalas a extinguir.

As tarxetas de identificación acreditarán a condición de xestor procesual e administrativo, sen distinguir, se é o caso, se o seu titular pertence á escala a extinguir. O mesmo criterio se aplicará respecto dos integrantes das escalas a extinguir de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2011.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Tarxeta de identificación persoal dos funcionarios ao servizo da Administración de xustiza en Galicia

missing image file

(Anverso) (Reverso)