Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Xoves, 24 de novembro de 2011 Páx. 34730

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

INSTRUCIÓN do 15 de novembro de 2011, da Dirección Xeral de Comercio, sobre a expedición pola autoridade competente en materia de comercio da certificación acreditativa da condición de tenda de conveniencia para os efectos do previsto no artigo 4.b) da Lei 28/2005, do 26 de decembro, de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo e reguladora da venda, a subministración, o consumo e a publicidade dos produtos do tabaco.

A disposición adicional segunda do Real decreto lei 14/2011, do 16 de setembro, de medidas complementarias en materia de políticas de emprego e de regulación do réxime de actividade das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado (publicado no BOE número 226, do 20 de setembro e en vigor desde o día seguinte ao da súa publicación), modifica o artigo 4.b), primeiro parágrafo, da Lei 28/2005, do 26 de decembro, de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo e reguladora da venda, a subministración, o consumo e a publicidade dos produtos do tabaco, que queda redactado nos seguintes termos:

«b) Ubicación. Las máquinas expendedoras de productos del tabaco sólo podrán ubicarse en el interior de quioscos de prensa situados en la vía pública y en locales cuya actividad principal sea la venta de prensa con acceso directo a la vía pública, en las tiendas de conveniencia previstas en el artículo 5.4 de la Ley 1/2004, de 21 de diciembre, de horarios comerciales, que estén ubicadas en estaciones de servicio o que aporten certificación acreditativa de esa condición, expedida por la autoridad competente en materia de comercio, así como en aquellos locales a los que se refieren las letras k, t y u del artículo 7 en una localización que permita la vigilancia directa y permanente de su uso por parte del titular del local o de sus trabajadores».

A nova norma impón ás comunidades autónomas unha obriga que antes non tiñan (a expedición da certificación acreditativa da condición de tenda de conveniencia), sen que a normativa vixente en materia de comercio ou de productos do tabaco estableza o procedemento para a súa expedición.

Por outra banda, na Comunidade Autónoma de Galicia suscítase un problema máis, xa que o artigo 8.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, reitera o disposto para o efecto no artigo 5.4 da Lei 1/2004, do 21 de decembro, de horarios comerciais, engadindo un requisito non previsto nesta, polo que o concepto de tendas de conveniencia non é o mesmo nunha e noutra norma.

Así, o artigo 5.4 da lei estatal establece que:

«Entenderase por tendas de conveniencia aquelas que, cunha superficie útil para a exposición e venda ao público non superior a 500 metros cadrados, permanezan abertas ao público polo menos dezaoito horas ao día e distribúan a súa oferta, en forma similar, entre libros, periódicos e revistas, artigos de alimentación, discos, vídeos, xoguetes, agasallos e artigos varios».

E o artigo 8.2 da lei galega determina o seguinte:

«Para os efectos do establecido por esta lei, enténdese por tenda de conveniencia o establecemento comercial cuxa superficie útil de venda e exposición ao público non supera os 500 metros cadrados e distribúe a súa oferta de maneira semellante entre todos e cada un dos seguintes grupos de artigos: libros, xornais e revistas; produtos de alimentación; discos e vídeos; xoguetes, agasallos e artigos diversos. Estes establecementos deben permanecer abertos ao público, como mínimo, dezaoito horas ao día durante todo o ano. A oferta alimentaria será menor do trinta por cento das referencias e do vinte e cinco por cento da superficie de exposición e venda do establecemento».

Os/as administrados/as xa están a solicitar a expedición da certificación en cuestión. E o feito de que non estea regulado un procedemento para a súa expedición non exime a Administración da obriga de expedila.

A Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio, é o órgano da Xunta de Galicia que ten atribuídas as competencias en materia de comercio, tal e como determinan os artigos 1 e 23 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

A Dirección Xeral de Comercio considera conveniente establecer unha serie de directrices tendentes a coordinar nas catro xefaturas territoriais a tramitación das solicitudes de expedición da certificación acreditativa da condición de tenda de conveniencia.

A urxencia na aplicación da nova norma non permite esperar pola tramitación dunha disposición de carácter xeral que regule a expedición da certificación en cuestión. Por outra banda, considérase conveniente dar información ás persoas interesadas sobre os criterios que seguirá a Administración autonómica no procedemento administrativo correspondente canto aos requisitos e condicións que se deben cumprir para a expedición da certificación, en tanto se procede á aprobación dunha disposición de carácter xeral. A esa finalidade esencialmente informativa responde esta instrución.

Polo exposto, a Dirección Xeral de Comercio dita a seguinte instrución que, de acordo co previsto no artigo 37.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, non ten os efectos propios dunha norma xurídica de natureza regulamentaria. Non obstante, en favor dunha maior transparencia na xestión administrativa e da seguranza xurídica, considérase conveniente a publicación desta instrución para que todas as persoas interesadas poidan coñecer os criterios que seguirá a Dirección Xeral de Comercio nesta materia.

O procedemento consiste nunha declaración responsable da persoa interesada e nunha visita de inspección ao establecemento comercial obxecto da solicitude de certificación. E, á vista do resultado dela, a Dirección Xeral de Comercio procederá, se for o caso, á expedición da certificación solicitada.

Por outra banda, a expedición da certificación debe estar suxeita ao pagamento da correspondente taxa.

O artigo 21.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administraciones públicas e do procedemento administrativo común, establece que os órganos administrativos poderán dirixir as actividades dos seus órganos xerarquicamente dependentes mediante instrucións e ordes de servizo. Cando unha disposición específica así o estableza ou cando se considere conveniente por razón dos destinatarios ou dos efectos que poidan producirse, as instrucións e ordes de servizo publicaranse no periódico oficial que corresponda.

Na súa virtude, e en exercicio das facultades que teño conferidas, dito a seguinte

INSTRUCIÓN:

Primeiro. Obxecto.

Esta instrución ten por obxecto regular a tramitación e documentación que se debe presentar no procedemento administrativo de expedición da certificación acreditativa da condición de tenda de conveniencia, prevista no artigo 4.b), primeiro parágrafo, da Lei 28/2005, do 26 de decembro, de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo e reguladora da venda, a subministración, o consumo e a publicidade dos produtos do tabaco, modificado pola disposición adicional segunda do Real decreto lei 14/2011, do 16 de setembro, de medidas complementarias en materia de políticas de emprego e de regulación do réxime de actividade das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Segundo. Tendas de conveniencia.

Para os efectos do disposto nesta instrución, enténdese por tenda de conveniencia o establecemento comercial cuxa superficie útil de venda e exposición ao público non supera os 500 metros cadrados e distribúe a súa oferta de maneira semellante entre todos e cada un dos seguintes grupos de artigos: libros, xornais e revistas; produtos de alimentación; discos e vídeos; xoguetes, agasallos e artigos diversos. Estes establecementos deben permanecer abertos ao público, como mínimo, dezaoito horas ao día durante todo o ano.

Terceiro. Superficie útil de exposición e venda ao público.

1. Enténdese por superficie útil de exposición e venda ao público toda aquela superficie onde se desenvolvan actividades de vendas e de intercambio comercial.

2. En particular, enténdense incluídos entre os espazos definidos no número anterior os seguintes:

a) Os mostradores, os estantes, as vitrinas, os escaparates, os andeis de bandexas ou góndolas, as illas, as cámaras ou os murais accesibles ao público, destinados á presentación dos artigos, así como os probadores.

b) Os espazos de venda, exteriores e interiores.

c) As escaleiras, os corredores e calquera outro espazo destinado á permanencia e ao tránsito de persoas precisos para o acceso aos artigos.

d) A liña das caixas rexistradoras, así como a zona entre estas e a saída, sempre que nesta se desenvolva algunha técnica de promoción comercial, directa ou indirecta.

3. Exclúense expresamente da superficie útil de exposición e venda ao público aquelas superficies destinadas ás seguintes finalidades:

a) As dependencias ou as instalacións non accesibles ao público en xeral nas cales non se desenvolva actividade comercial directa.

b) As zonas de estacionamento, sempre que nestas non se desenvolva ningunha actividade comercial.

c) As zonas destinadas permanentemente á restauración e ao desenvolvemento de actividades lúdicas.

Cuarto. Procedemento administrativo.

O procedemento que se seguirá na tramitación das solicitudes de expedición da certificación acreditativa da condición de tenda de conveniencia axustarase ao disposto nesta instrución, así como nas normas xerais previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e deberanse seguir os trámites e presentar a documentación que seguidamente se sinala.

Quinto. Inicio do procedemento de expedición da certificación acreditativa da condición de tenda de conveniencia.

1. As persoas titulares das tendas de conveniencia que desexen obter a certificación acreditativa desta condición presentarán unha solicitude de expedición desta certificación dirixida á Dirección Xeral de Comercio, consonte o modelo normalizado que se publicará na páxina web da Consellería de Economía e Industria.

2. A solicitude deberá ir acompañada dos seguintes documentos, orixinais ou en fotocopia compulsada:

1.º Documento acreditativo da identidade da persoa solicitante.

2.º Acreditación da representación da persoa declarante, se é o caso.

3.º Plano a escala do local que ocupe a tenda de conveniencia, con especificación das zonas de distribución, que será acorde coa realidade. O tamaño máximo recomendado será DIN A3.

4.º Xustificante do pagamento da taxa correspondente. A taxa exixible pola tramitación deste procedemento é a establecida no anexo 3 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, para servizos profesionais, modalidade de actuacións profesionais 32.01.00 («informes técnicos e outras actuacións facultativas realizadas por persoal técnico ao servizo da Xunta de Galicia e os seus organismos autónomos cando deban facerse como consecuencia de disposicións en vigor ou dos termos propios das concesións e autorizacións outorgadas; con saída ao campo, 162,20 €»).

3. As solicitudes presentaranse en impresos normalizados, logo do pagamento da taxa 32.01.00, e co seguinte contido:

1.º Identificación da titular, persoa física ou xurídica, así como do/a representante, se é o caso, cos datos necesarios.

2.º Descrición da actividade.

3.º Enderezo do local ou establecemento, e expresión da superficie útil de venda ao público. Para os efectos do cálculo da superficie observarase o disposto no segundo punto.

4.º Declaración responsable da persoa solicitante en que se manifeste que son certos cantos datos figuran nela, que o seu establecemento comercial cumpre cos requisitos establecidos na normativa vixente para a consideración de tenda de conveniencia e que está en posesión da documentación acreditativa dos datos recollidos nela.

Sexto. Instrución do procedemento.

1. Se a solicitude non reúne os requisitos sinalados nesta instrución, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por non presentada a súa solicitude, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Este prazo poderá ser ampliado prudencialmente, até cinco días, por pedimento da persoa interesada ou iniciativa do órgano instrutor, cando a achega dos documentos requiridos presente dificultades especiais.

3. O prazo que se outorgue para correccións ou para achegar a documentación adicional suspenderá o cómputo do prazo establecido para resolver o procedemento de expedición da certificación.

Sétimo. Comprobación dos datos presentados.

1. Unha vez presentada a solicitude, a Administración autonómica realizará a actividade de comprobación dos datos presentados, e poderá pedir aclaracións e a presentación doutros documentos. Para estes efectos, o persoal inspector de comercio ou de consumo, se é o caso, realizará unha visita de inspección ao establecemento en que se desenvolve a actividade comercial obxecto da solicitude de certificación e emitirá un informe sobre o cumprimento ou non dos requisitos exixidos para ter a condición de tenda de conveniencia.

2. A correspondente xefatura territorial da consellería competente en materia de comercio remitirá o informe do persoal inspector á Dirección Xeral de Comercio.

Oitavo. Resolución do procedemento.

1. A Dirección Xeral de Comercio emitirá a resolución pola que se estime ou denegue a solicitude de expedición da certificación.

2. O prazo para resolver o procedemento para a expedición da certificación acreditativa da condición de tenda de conveniencia será de dous meses desde que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Despois de transcorrer o prazo para resolver o procedemento sen que se ditase e se notificase resolución expresa, a solicitude entenderase estimada por silencio administrativo.

3. Excepcionalmente poderá acordarse a ampliación, por unha soa vez, do prazo máximo para a resolución e notificación, mediante motivación clara das circunstancias concorrentes. Esta ampliación non poderá exceder o tempo previsto para a tramitación do procedemento.

Noveno. Recursos.

A resolución do procedemento non esgota a vía administrativa e contra ela cabe interpor, se for o caso, recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de comercio.

Décimo. Entrada en vigor.

Esta instrución entrará en vigor o día seguinte ao da súa sinatura, sen prexuízo da súa comunicación ás xefaturas territoriais da consellería competente en materia de comercio e da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2011.

María Nava Castro Domínguez
Directora xeral de Comercio