Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Xoves, 29 de decembro de 2011 Páx. 38716

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 27 de decembro de 2011 pola que se publican os modelos normalizados previstos no decreto polo que se regula a certificación galega de competencias dixitais en ofimática.

O Decreto 218/2011, do 17 de novembro, polo que se regula a certificación galega de competencias dixitais en ofimática ten por obxecto regular a certificación galega de competencias dixitais en ofimática e establecer os requisitos para a súa obtención.

O artigo 5.2 do dito decreto determina que a solicitude da certificación galega de competencias dixitais en ofimática se realizará a través do formulario electrónico normalizado, aprobado pola consellería con competencias en administracións públicas, e dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Ademais, o artigo 8 do decreto establece que, unha vez obtida a certificación, poderase acreditar a actualización dos coñecementos en ofimática ben mediante a superación dunha nova proba convocada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ou mediante a presentación de calquera dos certificados ou títulos indicados no punto segundo do artigo 6, sempre que a súa data sexa posterior á certificación xa obtida. Neste caso, expedirase unha nova certificación e deixarase constancia da dita circunstancia no rexistro, tanto na inscrición da primeira certificación como na da nova.

O artigo 9 crea o Rexistro de certificacións galegas de competencias dixitais en ofimática, co fin de simplificar a xestión da certificación e facilitar o seu arquivo e control, adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, no cal estarán recollidos os datos identificativos das persoas que obteñan a certificación.

O artigo 11 do Decreto 218/2011 prevé, ademais, que no caso de perda do certificado poderase emitir, de acordo cos datos que figuren no Rexistro, un duplicado da certificación, no cal se fará constar expresamente a palabra «duplicado».

O artigo 12.1 recolle que o acceso aos datos do Rexistro de certificacións galegas de competencias dixitais en ofimática se exercerá mediante solicitude motivada a través do formulario electrónico normalizado, aprobado pola consellería con competencias en administracións públicas, e dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A tramitación destas solicitudes efectuarase a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, conforme o previsto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Con esta orde cúmprese o establecido na disposición transitoria primeira do Decreto 218/2011, do 17 de novembro.

Á vista do exposto, e en exercicio das atribucións conferidas polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

1. Aprobar e dar publicidade aos modelos normalizados previstos no decreto polo que se regula a certificación galega de competencias dixitais en ofimática, que se inclúen como anexos I e II a esta orde.

2. Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2011.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file