Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 2 de xaneiro de 2012 Páx. 12

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 13/2011, do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia.

Exposición de motivos

1

Galicia non é allea á crise financeira que tivo o seu inicio no ano 2008 e onde o sector industrial, xerador de emprego e de riqueza, é un dos principais afectados.

Retomar a senda do crecemento, que tivo como principal aliado a demanda interna dun sector agora debilitado, e volver a un novo ciclo de expansión e confianza, sen ser tarefa doada, si debe ser o obxectivo e o propósito dunha sociedade comprometida co seu futuro, coa cohesión social e co benestar dos seus cidadáns.

A crise financeira puxo de manifesto certas debilidades estruturais dun sector industrial galego que, a pesar de todo, segue a estar chamado a formar parte da vangarda en xeración de ideas e en crecemento. Así, no ano 2010, a industria galega, incluíndo a súa rama enerxética, representou un 16,1% do PIB, fronte ao 18,1% da zona euro. A dinamización da nosa economía esixe unha maior presenza da industria na actividade económica. Neste sentido, e na procura da eficiencia dos escasos recursos, o impulso da innovación, da internacionalización e da competitividade amósase como o punto fundamental no que focalizar os esforzos de cara ao sector industrial.

Aínda que a innovación, os procesos de internacionalización e o espírito empresarial poden xurdir sempre dun xeito espontáneo, resulta cada vez máis evidente que, sen un esforzo do conxunto da sociedade pola súa procura, terminan amosándose como calidades/actividades escasas. As administracións públicas non só deben evitar que as devanditas iniciativas se vexan freadas senón que deben estimular a súa aparición e consolidación mediante a eliminación de barreiras legais e da información asimétrica e a contribución á redución dos custos de transacción, fundamentalmente promovendo e facilitando a anticipación ao cambio.

Innovación. A escasa intensidade tecnolóxica supón un lastre para a evolución industrial; nos anos 2009 e 2010 o investimento privado en I+D+i experimentou un retroceso do 8%. A globalización da economía e a entrada en escena de países emerxentes con estratexias agresivas baseadas en custos, especialmente nos laborais, obrigan a buscar factores de competitividade alternativos baseados na calidade e localizados en actividades de carácter singular, de alto valor engadido e de elevada produtividade, que obriga a un esforzo continuado en materia de innovación tecnolóxica e na integración na sociedade da información. Este esforzo será garantía do crecemento e contribuirá a eliminar a diferenza que actualmente existe entre Galicia e o resto de Europa.

A execución do Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015, orientado entre outros aspectos ao fomento da innovación empresarial e á mellora dos centros e plataformas tecnolóxicas, de centros de competencia e de centros de excelencia científica, constituirá unha ferramenta de partida indispensable para desenvolver e vertebrar políticas públicas neste ámbito.

Internacionalización. A reducida presenza do sector industrial galego no mercado exterior tamén é unha quebra persistente na nosa economía, onde a exportación de bens no ano 2010 representou o 13% do PIB, fronte ao 14,3% dos países da zona euro. Resulta esencial que na actual sociedade global, de amplos fluxos comerciais, as empresas galegas se sensibilicen sobre as oportunidades empresariais que proporciona a internacionalización e reorienten as súas estratexias, poñendo maior énfase na busca de mercados exteriores, en especial naquelas áreas xeográficas de maior crecemento potencial ou de maior demanda. Con iso desenvolveranse as estratexias da competitividade e da produtividade, factor este que, en Galicia, durante o período 2000-2008 tan só creceu a un ritmo anual do 1,5%, lonxe do 2,2% da zona euro.

A importancia da internacionalización de alta competitividade é máis relevante no momento económico no que nos encontramos, cunha reducida demanda no mercado interno e cun alto grao de exposición á competencia de países emerxentes. A Xunta de Galicia considera ineludible a aposta polas actividades exportadoras que se leven a cabo especialmente desde o sector industrial, por unha redefinición sopesada dos mercados obxectivos e por unha ampliación da oferta de servizos de rápida implantación nos mercados.

Competitividade. Un 95,5% das empresas galegas son microempresas e máis da metade do total, concretamente o 51,3%, son microempresas que non teñen asalariados. O sector industrial, cun comportamento algo máis favorable, non é alleo, non obstante, a este panorama, que debilita o investimento tecnolóxico, a implantación de estratexias de exportación/internacionalización ou o acceso a unhas condicións idóneas de financiamento, o que redunda, en definitiva, na ausencia de competitividade. Neste sentido resulta necesario favorecer as condicións para que mellore o tamaño das empresas industriais, especialmente as pemes, impulsando o seu crecemento, obxectivo que en parte pode vir dado por un apoio expreso á política de clústers e por unha maior cooperación susceptible de desembocar en fusións ou concentracións empresariais de maior escala.

2

Os obxectivos transversais de innovación, internacionalización e competitividade, aplicables a todos os ámbitos industriais, non son incompatibles co fomento de políticas concretadas en sectores específicos. Neste sentido a política industrial debe prestar especial atención –impulsando a súa excelencia– a aqueles subsectores estratéxicos que, pola súa experiencia exportadora, pola existencia de empresas tractoras, por tradición empresarial ou polo seu potencial crecemento, promoveron a pequena e mediana industria auxiliar, mostrando a súa capacidade de contribuír a un rápido progreso da economía galega. Entre estes sectores, o Plan estratéxico de Galicia 2010-2014: Horizonte 2020 menciona a construción naval, as enerxías renovables, a automoción, o téxtil, a transformación da madeira e a industria da pedra e das rochas ornamentais.

A innovación, a internacionalización e a competitividade empresarial son, xunto coa sostibilidade medioambiental e coa formación do capital humano, os eixes sobre os que debe pivotar calquera política industrial. Estes eixes requiren que as empresas, en especial as pequenas e medianas, dispoñan dun espazo normativo axeitado que lles permita formular expectativas razoables e duradeiras nas que desenvolver os seus proxectos de investimento. É misión da Administración autonómica, e de calquera Goberno, crear e manter un marco legal e de seguridade xurídica capaz de definir un ámbito que permita e facilite o acceso á actividade empresarial en termos de igualdade de oportunidades e de libre concorrencia, mantendo un estímulo a movementos de carácter emprendedor que contribúan ao crecemento económico.

Son moitos os ámbitos normativos relevantes para o impulso da actividade industrial; entre outros, están o laboral, o fiscal, o administrativo, o da Administración de xustiza, o medioambiental, o urbanístico e o da seguridade e da calidade industrial. Esta lei non pretende ser un compendio de todas as materias citadas, algunhas con escasa presenza no feixe de competencias autonómicas, e outras, como a seguridade e a calidade industrial, cunha normativa sectorial completa, adecuada e recentemente revisada.

Esta lei, en cumprimento do sinalado no artigo 3.1.m) do Tratado da Comunidade Europea, desde o principio de subsidiariedade, trata de ofrecer un marco concreto, unha estratexia básica e unha resposta puntual a factores que inciden directamente no fortalecemento da competitividade da industria galega. Para isto adóptanse mecanismos normativos, instrumentos de planificación e compromisos de impulso a políticas de internacionalización e innovación, escenarios que favorecen a participación institucional, a concertación e o diálogo social, e con iso propíciase un contorno favorable á iniciativa e ao desenvolvemento empresarial.

En definitiva, a lei, desde a eficacia e a eficiencia duns recursos públicos sempre escasos, trata de asumir os obxectivos da denominada Estratexia Europa 2020, sobre cuxos principais elementos e obxectivos clave chegou a un acordo o Consello de Europa do 26 de marzo de 2010 e onde a finalidade esencial da Unión Europea –de Galicia tamén– é conseguir un crecemento intelixente, sostible e integrador.

Esta lei cabe concibila como pluridisciplinaria, pois tamén incide, sequera tanxencialmente, en materia urbanística, e é precisamente no fomento e na planificación da actividade económica de Galicia onde adquire maior rango e presenza.

Galicia, en virtude do sinalado no artigo 30.1 do seu Estatuto de autonomía, de acordo coas bases e coa ordenación da actividade económica e nos termos dispostos na Constitución, ten competencias exclusivas en materia, dunha banda, de fomento e planificación da actividade económica e, doutra, de industria, sen prexuízo do que determinen as normas do Estado por diversas razóns.

O concepto da competencia de fomento e planificación da actividade económica de Galicia é o fundamento no que se apoia a lei para establecer as medidas de planificación/promoción industrial que prevé para Galicia, pautas que non resultan contrarias ás que corresponden ao Estado ao abeiro da súa competencia exclusiva sobre as bases e a coordinación xeral da actividade económica –artigo 149.1.13 Constitución–, senón que, destinadas especificamente a mellorar a estrutura da industria galega, son complementarias, concorrentes ou neutras coas estatais existentes, non supoñendo estas interferencia negativa ou distorsión coa ordenación xeral establecida, senón sendo máis ben coadxuvantes.

Sobre estas bases e fundamentos, Galicia, unha vez máis, avanza no uso da planificación rexional como instrumento de política industrial, co fin de establecer unha estratexia integradora orientada a unha dirección sólida a favor do desenvolvemento industrial galego, garantindo a eficacia dos seus recursos económicos e a coherencia de actuacións en distintos ámbitos e establecendo un marco que favoreza a complementariedade das accións públicas e privadas.

3

A parte dispositiva da lei estrutúrase en catro títulos; a parte final inclúe tres disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e tres disposicións derradeiras.

No título I, «Disposicións xerais», delimítase o obxecto e o ámbito da lei e fíxanse os seus fins e principios xerais.

No título II, «Axentes implicados no deseño e na execución da política industrial», individualízanse os actores que interveñen na política industrial galega (a Administración xeral da Comunidade Autónoma, o Instituto Galego de Promoción Económica, as entidades locais galegas, o Consello Galego de Industria –que se crea por esta lei– e os clústers empresariais –que por primeira vez con esta norma gozan dun recoñecemento e regulación legal–) e defínense as súas funcións neste ámbito.

O título III, «Deseño da política industrial galega», consta de tres capítulos. No primeiro, créanse dous instrumentos para garantir a eficacia e a eficiencia das actuacións públicas: a avaliación previa do impacto das actuacións públicas no tecido industrial galego e o estudo do impacto das actuacións públicas nel. No segundo, disciplínanse os instrumentos para a planificación da política industrial galega: o Plan director da industria de Galicia, e os seus desenvolvementos, e os programas de impulso da actividade industrial.

O título IV, «Execución da política industrial galega», céntrase, esencialmente, en regular os proxectos de execución dos programas de impulso da actividade industrial e prevé a figura dos proxectos industriais estratéxicos, destinada a captar investimentos relevantes que melloren o tecido industrial galego.

As disposicións adicionais dedícanse a fixar o prazo para a presentación do Plan director da industria de Galicia, regular determinados aspectos da execución dos programas de impulso da actividade industrial e impedir que a constitución e o funcionamento do Consello Galego de Industria supoñan maior gasto.

Coa disposición derradeira primeira modifícase a Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia, para adecuala á nova regulación contida na lexislación básica estatal, esencialmente na Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria. As disposicións derradeiras segunda e terceira prevén o desenvolvemento regulamentario e a entrada en vigor da lei, respectivamente.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei reguladora da política industrial de Galicia.

Título I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto.

Esta lei ten por obxecto determinar os órganos e as entidades do sector público autonómico competentes para a planificación e a promoción da actividade industrial, disciplinar o réxime xurídico dos clústers en canto axentes do sector privado singularmente relevantes no ámbito da actividade industrial e deseñar os instrumentos precisos para a eficaz e eficiente realización das actividades de planificación e de promoción no ámbito das competencias que o Estatuto de autonomía lle atribúe á Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Definicións.

Para efectos desta lei, enténdese por:

a) Actividade industrial: aquela actividade dirixida á obtención, reparación, mantemento, transformación ou reutilización de produtos industriais e ao envasado e embalaxe, así como ao aproveitamento, recuperación e eliminación de residuos ou subprodutos, calquera que sexa a natureza dos recursos e procesos técnicos utilizados.

Entre outras, considéranse actividades industriais as actividades consistentes na transformación física, química ou biolóxica de substancias ou compoñentes en novos produtos e as que supoñan calquera modificación, renovación ou reconstrución substancial de artigos e produtos acabados ou semielaborados; as actividades das industrias extractivas e de produción e distribución de enerxía e auga; as actividades medioambientais e de tratamento, eliminación, xestión e valorización de residuos; as actividades das industrias da construción; as actividades relacionadas coa distribución de bens e servizos a outros sectores da economía; e as actividades de venda, alugueiro, mantemento e reparación de maquinaria, equipos, material de transporte e outros bens tanxibles.

b) Instalación industrial: conxunto de aparellos, equipos, elementos e compoñentes asociados ás actividades industriais.

c) Empresa: toda entidade, independentemente da súa natureza e forma, que exerza unha actividade industrial.

d) Pequena empresa: aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.

e) Mediana empresa: aquela empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.

f) Clúster empresarial: organismo que vincula diversas empresas, ou entidades vinculadas con elas, como centros de formación ou unidades de investigación públicas ou privadas, que opera nun determinado territorio e no ámbito dunha ou de varias actividades industriais fortemente relacionadas entre si pola existencia de clientes, procesos, coñecementos ou tecnoloxías comúns.

É fin esencial destes organismos colaborar para lograr obxectivos comúns, nomeadamente no desenvolvemento de proxectos que contribúan á creación, acumulación e difusión de coñecemento; na mellora da produtividade, a través dunha maior especialización e complementariedade entre as actividades dos seus asociados; na innovación, a través da investigación conxunta; e na promoción da visibilidade, importancia estratéxica e boa imaxe do seu ámbito.

g) Tecido industrial galego: o conxunto de empresas que operan na Comunidade Autónoma galega.

Artigo 3. Ámbito de aplicación.

Esta lei aplícase ás actividades da Administración xeral da Comunidade Autónoma e dos entes do sector público autonómico con incidencia sobre o tecido industrial galego, en todo aquilo non previsto pola correspondente lexislación específica.

Artigo 4. Fins.

Son fins desta lei:

a) Crear un marco normativo axeitado para a planificación e a execución das políticas industriais.

b) Fomentar a creación e o desenvolvemento da actividade industrial.

c) Promover a mellora da competitividade da industria galega.

d) Estimular a calidade industrial das empresas.

e) Favorecer a internacionalización e a atracción de investimentos no tecido empresarial galego.

f) Atender, en particular, as necesidades das pequenas e medianas empresas.

g) Procurar a cohesión social, o equilibrio territorial, a creación e o mantemento de postos de traballo de calidade.

h) Garantir a participación e o seguimento dos axentes económicos e sociais da Comunidade Autónoma na elaboración das políticas públicas sobre a actividade industrial.

i) Fomentar a creación e o desenvolvemento de clústers empresariais galegos.

j) Potenciar a formación empresarial e laboral.

k) Estimular e favorecer o autoemprego e o emprendemento empresarial.

l) Impulsar a aplicación dos resultados da investigación e o desenvolvemento tecnolóxico na industria e nos servizos dirixidos á produción.

m) Contribuír a potenciar o capital humano das empresas e o desenvolvemento do talento e da creatividade.

n) Impulsar o aproveitamento positivo dos recursos endóxenos.

Artigo 5. Principios xerais.

A regulación contida nesta lei atópase informada polos principios:

a) De liberdade de establecemento para a instalación e a modificación das actividades industriais.

b) De avaliación da eficacia e eficiencia da asignación e do emprego dos recursos públicos.

c) De desenvolvemento sostible e utilización racional dos recursos naturais.

d) De colaboración público-privada e interadministrativa e de concertación social para facilitar a consecución dos seus obxectivos.

Título II
Axentes implicados no deseño e na execución da política industrial

Capítulo I
A Administración xeral da Comunidade Autónoma

Artigo 6. O Consello da Xunta de Galicia.

1. O Consello da Xunta de Galicia é o órgano superior de planificación e execución da política industrial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Correspóndelle ao Consello da Xuntade Galicia:

a) Aprobar as disposicións de carácter xeral en materia de planificación e de execución da política industrial da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Aprobar o Plan director da industria de Galicia.

c) Aprobar a declaración dos proxectos industriais estratéxicos e autorizar a súa implantación.

d) Establecer liñas de cooperación en materia de planificación e de execución da política industrial coas demais administracións públicas.

e) As demais funcións que lle outorgue a lexislación vixente.

Artigo 7. A consellaría competente en materia de industria.

1. A consellaría competente en materia de industria é o órgano da Xunta de Galicia responsable de deseñar a planificación da actuación pública en apoio á industria, así como de executar as funcións públicas relativas á actividade e á promoción industrial, sen prexuízo das competencias específicas que teñan atribuídas as demais consellarías.

2. Correspóndelle á consellaría competente en materia de industria:

a) Realizar as avaliacións previas de impacto das actuacións públicas no tecido industrial galego.

b) Elaborar o estudo do impacto das actuacións públicas no tecido industrial galego.

c) Elaborar e aprobar o proxecto de Plan director da industria de Galicia, así como propoñer a súa modificación parcial.

d) Aprobar os programas de impulso da actividade industrial.

e) Propoñer a declaración dun investimento como proxecto industrial estratéxico e propoñer a autorización de implantación deste.

f) Emitir informe sobre os plans e os programas que afecten de xeito relevante a actividade industrial, nomeadamente os de proxección de redes de infraestruturas.

g) Emitir informe sobre a creación de áreas ou de polígonos industriais que incidan de xeito relevante no tecido industrial galego, de acordo co que se estableza regulamentariamente.

h) Emitir informe sobre a adopción de medidas de fomento da calidade e da seguridade que afecten a actividade industrial.

i) As demais funcións que lle outorgue a lexislación vixente.

Capítulo II
O Instituto Galego de Promoción Económica

Artigo 8. O Instituto Galego de Promoción Económica.

1. Para os efectos desta lei, o Instituto Galego de Promoción Económica é a entidade pública instrumental da Xunta de Galicia que colabora na execución das funcións públicas relativas á actividade de promoción industrial, nomeadamente no ámbito internacional.

2. Ademais das competencias que lle atribúa a súa lexislación específica, en particular no eido da internacionalización, sen prexuízo das competencias específicas que teñan atribuídas os demais órganos e entes públicos instrumentais da Administración xeral da Comunidade Autónoma, correspóndenlle ao Instituto Galego de Promoción Económica as seguintes funcións:

a) A realización de todas as actuacións que resulten necesarias para impulsar a difusión e a promoción internacional das empresas galegas.

b) A prestación de servizos ás empresas galegas que teñan por obxecto a cooperación con elas en relación coas accións que emprendan no seu proceso de internacionalización, sempre que favorezan a consolidación dos seus centros de decisión e do valor engadido en Galicia.

c) O desenvolvemento de actividades e de servizos de asesoramento en materia financeira e aseguramento de operacións de comercio internacional, co fin de mellorar a competitividade e a capacidade de penetración das empresas galegas nos mercados exteriores.

Capítulo III
As entidades locais

Artigo 9. As entidades locais galegas.

As administracións locais galegas, con plena autonomía e baixo a súa propia responsabilidade, no marco do establecido nesta lei, poderán desenvolver cantas actuacións consideren oportunas para a consecución dos fins enumerados no artigo 4.

Capítulo IV
O Consello Galego de Industria

Artigo 10. Creación.

Créase o Consello Galego de Industria como órgano de participación dos axentes públicos e privados implicados na planificación e na execución da política industrial da Comunidade Autónoma e de asesoramento neste ámbito ao Consello da Xunta de Galicia e á consellaría competente en materia de industria.

Artigo 11. Natureza e réxime xurídico.

1. O Consello Galego de Industria é un órgano colexiado no que participan organizacións representativas de intereses sociais, adscrito á consellaría competente en materia de industria, que actúa con plena autonomía no exercicio das funcións que lle corresponden.

2. O Consello Galego de Industria réxese polo disposto nesta lei e polo seu desenvolvemento regulamentario, así como polas normas de réxime interno que aprobe este, no marco da lexislación básica e autonómica sobre órganos colexiados nos que participan organizacións representativas de intereses sociais.

Artigo 12. Fins e obxectivos.

1. O Consello Galego de Industria constitúe o ámbito de intervención dos axentes públicos e privados implicados na planificación e na execución da política industrial de Galicia e ten como fin permitir a cooperación e a colaboración entre eles.

2. O obxectivo esencial do Consello Galego de Industria é posibilitar a axeitada comunicación e transmisión de información entre as persoas membros para acadar, mediante un proceso construtivo de diálogo e de deliberación, a formulación de propostas, informes e estudos tendentes a lograr unha mellor e máis acaída planificación e execución da política industrial galega.

Artigo 13. Funcións.

O Consello Galego de Industria ten as seguintes funcións:

a) Emitir informe sobre o anteproxecto de Plan director da industria de Galicia.

b) Emitir informe sobre o estudo do impacto das actuacións públicas no tecido industrial galego.

c) Realizar propostas en relación cos instrumentos de planificación da política industrial galega, tendentes tanto a mantelos permanentemente actualizados e acordes coas necesidades do tecido industrial galego como a mellorar a súa eficacia e eficiencia.

d) Ditaminar sobre aquelas cuestións que lle consulte o Consello da Xunta de Galicia ou a consellaría competente en materia de industria.

e) Elaborar estudos en materia de política industrial.

f) Aqueloutras funcións que lle sexan atribuídas regulamentariamente.

Artigo 14. Estrutura orgánica.

1. Os órganos do Consello Galego de Industria son o pleno, a presidencia e a vicepresidencia.

2. O Consello Galego de Industria poderá constituír grupos de traballo, integrados polas persoas membros deste e, se se considera preciso, por persoas expertas de recoñecido prestixio, para o desenvolvemento das súas funcións.

Artigo 15. Composición e membros.

1. A Presidencia do Consello Galego de Industria corresponderalle á persoa titular da consellaría competente en materia de industria.

2. A Vicepresidencia do Consello Galego de Industria corresponderalle á persoa titular da dirección xeral competente en materia de industria.

3. O Consello Galego de Industria estará integrado polas seguintes vogalías, nomeadas pola persoa titular da consellaría competente en materia de industria:

a) Tres persoas, coa categoría de director xeral, propostas pola consellaría competente en materia de industria.

b) Tres persoas, coa categoría de director xeral, propostas polas consellarías con competencias vinculadas á actividade industrial.

c) Tres persoas propostas polas organizacións sindicais máis representativas de Galicia.

d) Tres persoas propostas polas organizacións empresariais máis representativas de Galicia.

e) Tres persoas propostas do seguinte xeito: unha polas entidades locais galegas a través da súa entidade asociativa máis representativa, unha polos colexios profesionais que disciplinen profesións vinculadas ao ámbito industrial a través da súa entidade asociativa máis representativa e unha última polas institucións, públicas ou privadas, relacionadas co estudo e coa análise das políticas industriais.

4. A composición do Consello Galego de Industria procurará ser paritaria entre mulleres e homes.

Capítulo V
Os clústers empresariais galegos

Artigo 16. Creación.

1. Os clústers constituiranse de acordo co establecido na lexislación de asociacións.

2. Para a súa inclusión no Rexistro de Clústers Empresariais Galegos, para efectos de poder ser entidades beneficiarias de axudas da Administración autonómica, estes deben cumprir e acreditar, mediante a achega dos documentos que se establezan regulamentariamente, os seguintes requisitos:

a) A súa denominación incluirá a palabra “clúster” e as referencias ao ámbito territorial galego e á actividade industrial na que operan.

b) A súa configuración encaixará na definición contida no artigo 2 desta lei.

c) Non terán ánimo de lucro.

d) Os seus estatutos recollerán expresamente o compromiso dos asociados de colaborar activamente para lograr obxectivos comúns, nomeadamente no desenvolvemento de proxectos que contribúan á creación, acumulación e difusión de coñecemento; na mellora da produtividade, a través dunha maior especialización e complementariedade entre as actividades dos seus asociados; na innovación, a través da investigación conxunta; e na promoción da visibilidade, importancia estratéxica e boa imaxe do seu ámbito.

e) Presentarán un plan estratéxico de actuación, consonte o que se estableza regulamentariamente.

Artigo 17. Rexistro de Clústers Empresariais Galegos.

1. Créase o Rexistro de Clústers Empresariais Galegos na consellaría competente en materia de industria.

2. Este rexistro ten como funcións esenciais:

a) A inscrición como clústers empresariais galegos daquelas entidades cuxas solicitudes sexan resoltas favorablemente, así como a cancelación da dita inscrición, ben por solicitude das entidades inscritas ou ben de oficio, sempre logo da audiencia destas, cando concorra algunha das causas regulamentariamente establecidas, nomeadamente cando unha entidade deixe de reunir as circunstancias que xustificaron a súa inscrición ou cando incumpra as previsións contidas no seu plan estratéxico.

b) A garda e a custodia da documentación entregada polas entidades inscritas, xunto ás actualizacións que se produzan.

c) A expedición da comunicación da inscrición e de calquera certificación sobre os datos e os documentos inscritos nel que resulten necesarios para a participación nas convocatorias de axudas.

3. Regulamentariamente, desenvolveranse os requisitos e o procedemento para a inscrición, a modificación e a baixa de entidades no Rexistro de Clústers Empresariais Galegos.

Artigo 18. Funcións.

Os clústers empresariais galegos:

a) Habilitarán recursos, capacidades e competencias que os seus asociados de xeito individual non poderían acadar.

b) Potenciarán as relacións e as interconexións entre os seus asociados máis alá das que habitualmente poidan ter no tráfico mercantil.

c) Mellorarán o atractivo do territorio no que actúan para o desenvolvemento futuro das actividades produtivas.

d) Desenvolverán proxectos que contribúan á creación, acumulación e difusión de coñecemento.

e) Tenderán á mellora da produtividade a través dunha maior especialización e complementariedade entre as actividades dos seus asociados.

f) Impulsarán a innovación a través da investigación conxunta.

Artigo 19. Axudas destinadas a clústers empresariais.

1. A concesión de axudas destinadas a clústers empresariais galegos terá en conta os seguintes criterios de valoración, que se incluirán nas respectivas ordes de convocatoria:

a) Que o clúster se encontre inscrito no Rexistro Especial de Agrupacións Empresariais Innovadoras.

b) A adecuación do plan estratéxico do clúster ao Plan director da industria de Galicia.

c) A actividade do clúster, en execución do seu plan estratéxico, realizada nos tres anos anteriores á convocatoria da respectiva axuda.

2. Na concesión de axudas destinadas a fomentar a creación de clústers empresariais galegos terase en conta, fundamentalmente, a adecuación do proxecto do plan estratéxico do clúster ao Plan director da industria de Galicia.

Título III
O deseño da política industrial galega

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 20. Avaliación previa do impacto das actuacións públicas no tecido industrial galego.

1. As propostas de plans, programas e proxectos e os proxectos de disposicións normativas con repercusión significativa na actividade industrial serán sometidos a análise pola consellaría competente en materia de industria, co fin de avaliar o seu impacto nesta, de acordo cos requisitos e co procedemento que se determinen regulamentariamente.

2. Esta avaliación terá por obxecto, fundamentalmente:

a) Asegurar o mantemento e a mellora da competitividade industrial, así como a creación de emprego de calidade.

b) Garantir a coherencia normativa e planificadora.

c) Evitar a imposición de cargas administrativas innecesarias ás pequenas e medianas empresas.

Artigo 21. Estudo do impacto das actuacións públicas no tecido industrial galego.

1. A consellaría competente en materia de industria realizará, bienalmente, un estudo dos efectos das actuacións públicas con incidencia no tecido industrial galego, de acordo cos requisitos e co procedemento que se determinen regulamentariamente.

2. Este estudo terá por obxecto determinar:

a) O impacto, positivo ou negativo, das normas e dos plans, dos programas e dos proxectos na actividade industrial, en especial desde o punto de vista da competitividade e da xeración de emprego de calidade.

b) As actuacións de simplificación normativa, co fin de eliminar redundancias e antinomías e de reducir as cargas administrativas, especialmente para as pequenas e medianas empresas.

c) A necesidade de ditar normas para disciplinar cuestións de relevante interese non reguladas neste ámbito ou de implementar determinados plans, programas ou proxectos.

3. O devandito estudo, logo do informe preceptivo do Consello Galego de Industria, será elevado ao Consello da Xunta para a súa ratificación.

Capítulo II
Planificación da política industrial

Artigo 22. Instrumentos para a planificación da política industrial galega.

Son instrumentos para a planificación da política industrial galega:

a) O Plan director da industria de Galicia.

b) Os programas de impulso da actividade industrial.

Sección 1.ª O Plan director da industria de Galicia

Artigo 23. Definición.

O Plan director da industria de Galicia é o documento no que se conteñen as liñas xerais e as directrices básicas da política industrial galega e no que se sinalan os obxectivos e as prioridades sectoriais que se terán en conta na planificación dela, así como os criterios esenciais de intervención que se observarán na execución da política industrial galega.

Artigo 24. Fin e obxectivos.

1. O Plan director da industria de Galicia ten como fin potenciar o desenvolvemento da actividade industrial, baixo parámetros de produtividade, competitividade e calidade, para contribuír ao establecemento dun modelo económico baseado no crecemento sostible, esencialmente a través do uso racional, eficiente e proporcionado das materias e dos recursos naturais, que posibilite avanzar en termos de cohesión económica e social, mediante a creación de postos de traballo de calidade.

2. Constitúen obxectivos esenciais do Plan director da industria de Galicia:

a) Crear as condicións necesarias para a implantación e a creación de empresas que rexeneren o tecido industrial galego, en particular de empresas vinculadas á tecnoloxía, ao coñecemento e á creatividade.

b) Impulsar a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico, en especial promover a I+D+i e as tecnoloxías que precisa a industria galega e favorecer a súa aplicación e a difusión dos seus resultados dentro do tecido industrial galego.

c) Fomentar a internacionalización das empresas galegas.

d) Lograr unha asignación eficiente dos recursos públicos, prestándolles especial atención a aqueles sectores máis relevantes para o desenvolvemento da Comunidade Autónoma.

e) Estimular a captación de investimentos que supoñan un reforzo estrutural do tecido industrial de Galicia.

f) Fomentar a cooperación entre empresas.

g) Contribuír a potenciar o capital humano existente na Comunidade Autónoma, mediante o apoio á mellora da cualificación técnica e empresarial das persoas, ao talento e á creatividade e a través da retención e captación de recursos humanos.

h) A creación e o mantemento de emprego de calidade.

i) Desenvolver actuacións para evitar as deslocalizacións empresariais.

Artigo 25. Contido.

O Plan director da industria de Galicia terá o seguinte contido:

a) Unha análise da situación do tecido industrial galego no momento da súa elaboración e unha proxección da súa previsible evolución, que, en todo caso, levará consigo a realización dos mapas industrial e de infraestruturas de apoio á industria de Galicia.

b) A determinación das liñas xerais e das directrices básicas da política industrial galega para o período de vixencia do Plan director da industria de Galicia que se fixe neste, sinalando os obxectivos concretos e as prioridades sectoriais que se terán en conta na elaboración da planificación de desenvolvemento del, constituída polos programas de impulso da actividade industrial, así como os criterios esenciais de intervención que se observarán na súa execución, todo isto consonte o establecido nesta lei e no seu desenvolvemento regulamentario.

c) A enumeración e a descrición dos concretos programas de impulso da actividade industrial de desenvolvemento do Plan director da industria de Galicia que se implementarán. Na descrición de cada un deles reflectiranse os obxectivos cuantitativos específicos por acadar, o tempo estimado para a consecución dos obxectivos fixados, os indicadores para o seguimento e a avaliación do grao de cumprimento dos ditos obxectivos e os responsables da execución, e propoñeranse medidas ou accións concretas para levar a cabo a dita execución.

d) A determinación dos procedementos de seguimento e de avaliación do Plan director da industria de Galicia e dos programas de impulso da actividade industrial.

e) A descrición do marco económico-financeiro en que se enumeran os investimentos necesarios para levar a cabo o Plan director da industria de Galicia e a súa desagregación por programas de impulso da actividade industrial e por proxectos de execución.

f) As demais previsións que se establezan regulamentariamente.

Artigo 26. Elaboración e aprobación do Plan director da industria de Galicia.

1. Correspóndelle á dirección xeral competente en materia de industria a redacción do anteproxecto de Plan director da industria de Galicia, tendo en conta as necesidades detectadas e os obxectivos fixados no Plan galego de investigación que se atope en vigor, co fin de incrementar as sinerxías e evitar calquera tipo de duplicidade ou contradición.

2. Na redacción do anteproxecto de Plan director da industria de Galicia promoverase a colaboración das diferentes consellarías da Xunta de Galicia, así como dos demais entes, organismos e institucións públicas e privadas relacionadas coa actividade industrial.

3. Sen prexuízo das funcións que lle corresponden ao Consello Económico e Social, a dirección xeral remitirá o anteproxecto de Plan director da industria de Galicia ao Consello Galego de Industria para que este emita, no prazo que se estableza regulamentariamente, o correspondente informe e daralle, para o cumprimento do principio de transparencia administrativa, unha axeitada publicidade ao devandito anteproxecto, de conformidade co que se estableza no desenvolvemento regulamentario desta lei, para garantir a participación na súa elaboración de todas as persoas e grupos interesados.

4. Correspóndelle á persoa titular da consellaría competente en materia de industria a aprobación do proxecto de Plan director da industria de Galicia.

5. A aprobación do Plan director da industria de Galicia correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 27. Modificación parcial do Plan director da industria de Galicia.

No caso de que durante a vixencia dun Plan director da industria de Galicia xurdan circunstancias imprevisibles e de grande impacto no tecido industrial galego, o Consello da Xunta, por proposta da consellaría competente en materia de industria, poderá aprobar a modificación parcial daquel, de acordo co procedemento simplificado que se determine regulamentariamente.

Sección 2.ª Programas de impulso da actividade industrial

Artigo 28. Definición.

Os programas de impulso da actividade industrial son instrumentos de carácter estratéxico nos que, no marco fixado polo Plan director da industria de Galicia, se sinala, en función de concretos fins por acadar, os obxectivos que se prevé alcanzar nun determinado prazo e se determinan os mecanismos e os medios para a súa consecución, coa indicación dos sistemas para avaliar a súa eficacia e eficiencia en tal tarefa.

Artigo 29. Enumeración.

No Plan director da industria de Galicia preverase a aprobación, entre outros que se establezan regulamentariamente, dos seguintes programas: programas de innovación, programas de internacionalización e programas de mellora da competitividade industrial.

Artigo 30. Fins e obxectivos dos programas de innovación.

1. Os programas de innovación terán como finalidade a innovación industrial, a incorporación de tecnoloxías avanzadas nas empresas de Galicia e a xeración de infraestruturas tecnolóxicas de utilización colectiva.

2. Con tal fin, nos programas de innovación deseñaranse e estableceranse os proxectos axeitados para acadar, entre outros que se poidan establecer regulamentariamente, os seguintes obxectivos:

a) Fomentar a introdución da innovación como un elemento esencial na actividade das empresas galegas, en especial, por unha banda, a través do estímulo ao desenvolvemento de proxectos de innovación por elas, e, en particular, polas pequenas e medianas empresas, e, por outra banda, mediante o impulso de dinámicas de colaboración entre as empresas galegas para optimizar os investimentos en innovación.

b) Protexer o emprendemento corporativo como vía de crecemento a través da xeración de empresas desde a empresa.

c) Promover a formación no ámbito da xestión da innovación.

d) Impulsar a creación dunha rede de axentes facilitadores de propostas de proxectos colaborativos de I+D+i.

e) Fomentar a incorporación das TIC na actuación das empresas galegas.

Artigo 31. Fins e obxectivos dos programas de internacionalización.

1. Os programas de internacionalización terán como finalidade a introdución e/ou a consolidación na competencia no ámbito internacional das empresas galegas e a realización das adaptacións estruturais delas que sexan precisas con tal fin.

2. Para iso, nos programas de internacionalización deseñaranse e estableceranse os proxectos axeitados para acadar, entre outros que se poidan establecer regulamentariamente, os seguintes obxectivos:

a) Facilitarlles ás empresas o coñecemento dos procesos de internacionalización empresarial, en particular ás pequenas e medianas empresas, e asesoralas neles.

b) Garantir a capacitación dos cadros técnicos das empresas galegas no eido da internacionalización.

c) Apoiar a implantación de empresas galegas no exterior e a formalización de acordos de colaboración entre empresas galegas e estranxeiras.

d) Promover instrumentos financeiros para apoiar as empresas que teñan como obxectivo a súa internacionalización.

e) Mellorar o coñecemento e a imaxe no exterior dos bens e dos servizos galegos.

f) Captar investimentos procedentes do exterior.

g) Garantir a coordinación de todas as entidades que operen no ámbito da internacionalización.

Artigo 32. Fins e obxectivos dos programas de mellora da competitividade industrial.

1. Os programas de mellora da competitividade industrial terán como finalidade estimular a xeración de valor polas empresas galegas, acadar un axeitado dimensionamento competitivo das empresas galegas, mellorar o posicionamento das empresas galegas nos mercados e poñer á disposición destas as infraestruturas físicas ou tecnolóxicas que precisen.

2. Para iso, nos programas de mellora da competitividade industrial deseñaranse e estableceranse os proxectos axeitados para acadar, entre outros que se poidan establecer regulamentariamente, os seguintes obxectivos:

a) A implantación de sistemas de calidade total e de certificacións nos eidos enerxético e medioambiental.

b) O desenvolvemento de servizos especializados para o apoio no ámbito da capacidade comercial, do marketing, da xestión de recursos humanos e da planificación da produción.

c) O apoio ao desenvolvemento de instrumentos de financiamento para as entidades que teñan por obxecto a promoción industrial e o desenvolvemento tecnolóxico.

d) A promoción, en sectores ou en áreas de actividade emerxentes, ou insuficientemente dimensionados, dunha axeitada capacidade competitiva.

e) O desenvolvemento de infraestruturas físicas e de ámbitos tecnolóxicos que posibiliten un axeitado desenvolvemento competitivo de proxectos industriais.

f) A especialización en actividades de maior demanda, con valor engadido e intensidade tecnolóxica.

Artigo 33. Contido dos programas de impulso da actividade industrial.

Os programas de impulso da actividade industrial, consonte o establecido nesta lei, no seu desenvolvemento regulamentario e no Plan director da industria de Galicia, terán o seguinte contido:

a) A determinación dos fins concretos que se perseguen con aqueles durante o seu período de vixencia, que se fixará neles.

b) Os obxectivos que se prevén acadar, establecidos de forma específica e cuantificada.

c) Un estudo xustificativo sobre a necesidade e a oportunidade do programa en cuestión.

d) Unha memoria de avaliación, coa indicación precisa dos resultados obtidos coa execución de programas anteriores que sexan iguais ou similares.

e) A enumeración e a descrición detallada dos proxectos que se empregarán para a execución e a determinación dos investimentos necesarios.

f) O tempo estimado para a consecución de cada un dos obxectivos marcados.

g) Os indicadores para o seguimento e a avaliación do grao de cumprimento dos ditos obxectivos.

h) Os responsables da execución do respectivo programa.

i) Os procedementos de seguimento e de avaliación.

j) As demais previsións que se establezan regulamentariamente.

Artigo 34. Procedemento de elaboración e de aprobación dos programas de impulso da actividade industrial.

1. Correspóndelle á dirección xeral competente en materia de industria a redacción dos proxectos de programas de impulso da actividade industrial, tendo en conta o disposto no Plan director da industria de Galicia.

2. Correspóndelle á persoa titular da consellaría competente en materia de industria a aprobación dos programas de impulso da actividade industrial.

Artigo 35. Procedemento de modificación dos programas de impulso da actividade industrial.

No caso de que durante a vixencia dun programa xurdan circunstancias imprevisibles e de grande impacto no tecido industrial galego, por proposta da dirección xeral competente en materia de industria, a persoa titular da consellaría competente en materia de industria poderá aprobar a modificación parcial daquel, de acordo co procedemento simplificado que se determine regulamentariamente.

Título IV
A execución da política industrial galega

Capítulo I
Simplificación administrativa

Artigo 36. Limitación das autorizacións e xeneralización do réxime de comunicación previa.

1. Para o exercicio da actividade industrial unicamente poderá requirirse autorización administrativa previa cando resulte obrigado para o cumprimento de obrigas derivadas da normativa comunitaria ou de tratados e convenios internacionais. Nestes supostos, o procedemento de tramitación será o máis sinxelo e áxil posible, facéndose uso, sempre que sexa oportuno, da solicitude de declaracións responsables.

2. Requirirase comunicación previa ou declaración responsable cando así se estableza nunha lei por razóns de orde pública, seguridade e saúde pública, seguridade e saúde no traballo ou protección do medio ambiente, ou cando se estableza regulamentariamente para o cumprimento de obrigas derivadas da normativa comunitaria ou de tratados e convenios internacionais.

Artigo 37. Comunicacións previas e declaracións responsables.

1. Para os efectos desta lei, enténdese por comunicación previa o documento subscrito por unha persoa co que esta pon en coñecemento da Administración autonómica feitos ou elementos relativos ao exercicio dun dereito ou ao comezo dunha actividade, indicando os aspectos que poden condicionalos, e ao que se achega, se procede, a documentación necesaria para o seu cumprimento de conformidade co establecido pola normativa aplicable.

2. Para os efectos desta lei, enténdese por declaración responsable o documento asinado no que unha persoa se identifica e declara, baixo a súa responsabilidade, facendo constar de forma expresa, clara e precisa que cumpre os requisitos establecidos pola normativa vixente para acceder ao recoñecemento dun dereito ou dunha facultade ou para o seu exercicio, que dispón da correspondente documentación acreditativa e que se compromete a manter o seu cumprimento durante a vixencia do devandito recoñecemento ou exercicio.

Capítulo II
Os proxectos de execución dos programas de impulso da actividade industrial

Artigo 38. Execución dos programas de impulso da actividade industrial.

Os programas de impulso da actividade industrial executaranse mediante proxectos que poderán revestir a forma de concesión de subvencións, axudas, incentivos públicos ou outro tipo de medidas, de acordo co que se estableza regulamentariamente.

Artigo 39. Normativa aplicable.

1. Os proxectos de execución dos programas de impulso da actividade industrial someteranse á normativa comunitaria en materia de defensa da competencia.

2. Os proxectos aos que se refire o punto anterior, nos aspectos referentes ao réxime de axudas e subvencións da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, axustaranse ao establecido na normativa sobre subvencións públicas.

Capítulo III
Os proxectos industriais estratéxicos

Artigo 40. Delimitación.

1. Serán considerados proxectos industriais estratéxicos aquelas propostas de investimento para a implantación ou a ampliación dunha ou de varias instalacións industriais que teñan como resultado previsible unha expansión significativa do tecido industrial galego ou a consolidación deste.

2. Para efectos da declaración dunha proposta de investimento como proxecto industrial estratéxico e para determinar a súa incidencia significativa no tecido industrial galego ou o grao de consolidación deste, terase en conta:

a) A súa importancia tecnolóxica.

b) O volume de investimento, que deberá ser como mínimo de 50 millóns de euros; o nivel de creación de emprego, que deberá ser superior a 250 postos de traballo directos; e a diversificación que se introduza no tecido industrial galego.

Artigo 41. Procedemento de declaración.

1. O procedemento para a declaración dunha proposta de investimento como proxecto industrial estratéxico iniciarase por instancia de parte mediante solicitude da empresa interesada dirixida á consellaría competente en materia de industria, achegando a seguinte documentación:

a) O proxecto de implantación ou de ampliación da instalación industrial, incluíndo a regulamentación detallada do uso pormenorizado, volume, características técnicas e funcionais e condicións de deseño e adaptación ao medio ambiente.

b) A memoria descritiva detallada das características técnicas das infraestruturas, dotacións ou instalacións obxecto do proxecto, así como do ámbito territorial afectado. Na devandita memoria incluiranse os planos de situación e localización, á escala adecuada, das instalacións, así como a determinación gráfica do trazado e das características dos accesos viarios e das redes de condución e distribución.

c) Unha memoria na que se xustifique:

– O xeito en que a proposta, de ser realizada, dará lugar a unha expansión significativa do tecido industrial galego ou á consolidación deste.

– A viabilidade económico-financeira da actuación.

d) A idoneidade da localización elixida, así como a relación do contido do proxecto co planeamento urbanístico vixente, coas Directrices de ordenación do territorio mediante a correspondente análise de compatibilidade estratéxica e co Plan de ordenación do litoral.

e) O documento medioambiental que resulte esixible.

f) A relación detallada dos bens necesarios afectados, describíndoos na forma que determina o artigo 17 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

2. Avaliada a documentación presentada, a dirección xeral competente en materia de industria formularalle á persoa titular da consellaría proposta de admisión ou inadmisión a trámite da solicitude presentada.

3. A instrución do procedemento de declaración corresponderalle á dirección xeral competente en materia de industria, que recadará todos os informes que resulten precisos para a avaliación do proxecto, nomeadamente os relativos á súa compatibilidade coa ordenación do territorio e co medio ambiente.

Cando o proxecto afecte terreos que, de conformidade coa lexislación urbanística, deban ser clasificados como solo rústico de especial protección, esixirase o informe favorable do organismo que teña a competencia sectorial por razón do correlativo valor obxecto de protección.

Para todos os actos e trámites, os termos e os prazos serán os mínimos previstos na súa normativa reguladora.

4. Os proxectos a que se refire este capítulo serán sometidos a un trámite de información pública de quince días mediante anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia e seralles aplicable a normativa en materia de avaliación medioambiental. No caso de que se trate de actividades suxeitas á avaliación de incidencia medioambiental, seguirase o procedemento abreviado, considerándose para eses efectos que o proxecto o acomete directamente a Administración autonómica e que leva implícita a declaración de utilidade pública.

5. A persoa titular da consellaría competente en materia de industria, por proposta da dirección xeral, remitiralle ao concello correspondente o proxecto de que se trate, para que no prazo de quince días notifique a súa conformidade ou desconformidade co planeamento urbanístico en vigor.

6. No caso de desconformidade, o expediente seralle remitido á consellaría competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio para a emisión de informe da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia.

7. A persoa titular da consellaría competente en materia de industria elevará o expediente ao Consello da Xunta, que decidirá se procede a declaración da proposta como proxecto industrial estratéxico.

8. Aprobado o proxecto polo Consello da Xunta, a persoa titular da consellaría competente en materia de industria remitiralle ao concello un exemplar do proxecto de implantación ou de ampliación da instalación industrial, e será posible o inicio das obras.

Artigo 42. Efectos da declaración dos proxectos industriais estratéxicos.

1. A declaración dunha proposta de investimento como proxecto industrial estratéxico autorizará a implantación deste e ademais terá os seguintes efectos:

a) A aprobación do proxecto de implantación ou de ampliación da instalación industrial.

b) A non suxeición á licenza urbanística municipal.

c) A declaración de utilidade pública e de interese social do proxecto industrial estratéxico, así como a necesidade e a urxencia da ocupación dos bens e dos dereitos afectados dos que o solicitante da declaración teña a condición de beneficiario da expropiación.

d) A declaración de incidencia supramunicipal para os efectos previstos nesta lei.

e) A declaración de urxencia ou de excepcional interese público para os efectos previstos nesta lei.

f) A declaración de prevalencia sobre outras utilidades públicas.

g) A adxudicación directa de solo empresarial promovido polo Instituto Galego da Vivenda e Solo ou por empresas públicas participadas por este que teñan entre os seus obxectos a creación de solo empresarial, nas condicións establecidas pola normativa sectorial.

h) A concesión de forma directa de subvencións de acordo co disposto na lexislación de subvencións.

i) A imposición ou a ampliación de servidume de paso para vías de acceso, liñas de transporte e distribución de enerxía e canalizacións de líquidos ou gases, nos casos en que sexa necesario, de conformidade coa normativa que as regule.

2. As determinacións contidas nos proxectos industriais estratéxicos terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente.

Disposición adicional primeira. Plan director da industria de Galicia.

No prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei, a dirección xeral competente en materia de industria elaborará un anteproxecto de Plan director da industria de Galicia.

Disposición adicional segunda. Execución dos programas de impulso da actividade industrial.

Co propósito de ampliar o ámbito subxectivo dos programas de impulso da actividade industrial, as convocatorias de proxectos de execución dos devanditos programas poderán prever nas súas bases que as entidades que fosen beneficiarias con anterioridade das subvencións, axudas ou incentivos públicos que constitúen os citados proxectos deban presentar unha memoria de desempeño das actividades que foron realizadas grazas ao apoio público obtido nos tres anos anteriores á correspondente solicitude, para efectos da súa valoración no proceso de selección dos novos beneficiarios, de acordo co que se estableza nas ditas bases.

Disposición adicional terceira. Non incremento do gasto.

A constitución e a posta en funcionamento do Consello Galego de Industria non xerarán aumento dos créditos orzamentarios asignados á consellaría de adscrición.

Disposición transitoria única. Cumprimento dos requisitos para ter a consideración de clústers empresariais galegos.

A aquelas entidades que fosen beneficiarias de axudas en convocatorias anteriores á entrada en vigor desta lei ou a aquelas que o poidan chegar a ser en virtude de convocatorias en curso orientadas a clústers empresariais da consellaría competente en materia de industria non lles será aplicable o contido no artigo 16 ata dous anos despois da entrada en vigor desta lei.

Disposición derrogatoria. Derrogación normativa.

Quedan derrogadas cantas outras disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Modificación da Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia.

A Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia, queda modificada nos seguintes termos:

1. Substitúese en todo o texto da lei a expresión “instalación, ampliación e traslado de establecementos e instalacións industriais” por “instalación, modificación ou posta en funcionamento de establecementos e instalacións industriais”.

2. Modifícase o artigo 1, punto 2, que queda redactado como segue:

«2. O ámbito de aplicación desta lei esténdese a:

a) As actividades dirixidas á obtención, á reparación, ao mantemento, á transformación ou á reutilización de produtos industriais, ao envasado e á embalaxe, así como ao aproveitamento, á recuperación e á eliminación de residuos ou subprodutos, calquera que sexa a natureza dos recursos e dos procesos técnicos utilizados.

b) Os servizos de enxeñaría, deseño, consultoría tecnolóxica e asistencia técnica directamente relacionados coas actividades industriais.

c) As instalacións, os equipos, as actividades, os procesos e os produtos industriais que empreguen ou incorporen elementos, mecanismos ou técnicas susceptibles de producir danos ou prexuízos ás persoas, á flora, á fauna, aos bens ou ao medio ambiente, estean ou non asociados a unha actividade industrial, ou da utilización, funcionamento e mantemento das instalacións ou equipos e da produción, uso ou consumo, almacenamento ou residuos dos produtos industriais.

d) Rexeranse por esta lei, no non previsto na súa lexislación específica:

1. As actividades dirixidas a xerar, distribuír e subministrar enerxía e produtos enerxéticos en todas as súas formas.

2. As actividades de investigación, aproveitamento e beneficio dos xacementos minerais e demais recursos xeolóxicos, calquera que for a súa orixe e estado físico.

3. As instalacións nucleares e radioactivas.

4. As industrias de fabricación de armas, explosivos e artigos de pirotecnia e cartucheira, e aquelas que se declaren de interese para a defensa nacional.

5. As industrias alimentarias, agrarias, pecuarias, forestais e pesqueiras.

6. As actividades industriais relacionadas co transporte e coas telecomunicacións.

7. As actividades industriais relativas ao medicamento e á sanidade.

8. As actividades industriais relativas ao fomento da cultura».

3. Modifícase a letra d) do artigo 2, que queda redactada como segue:

«d) Establecemento: enténdese por establecemento o conxunto de edificios, o edificio, a zona deste ou o espazo aberto destinado ao exercicio dunha actividade industrial, incluíndo as infraestruturas e as instalacións que ten incorporadas, incluíndose neste concepto as empresas de servizos e as entidades ou os axentes en materia de seguridade e calidade industrial».

4. Modifícanse as letras b) e c) do artigo 5, punto 2, que quedan redactadas como segue:

«b) Rexistro Industrial de Galicia.

c) Rexistros de instalacións industriais».

5. Modifícase o artigo 6, que queda redactado como segue:

«Artigo 6. Clasificación dos establecementos e das instalacións industriais.

Para os efectos previstos nesta lei, os establecementos e as instalacións industriais clasifícanse en dous grupos:

a) Grupo I: establecementos e instalacións sometidos a autorización administrativa previa.

Neste grupo inclúense aqueles establecementos e instalacións industriais que para a súa instalación, modificación ou posta en funcionamento requiran autorización administrativa previa da administración competente cando resulte obrigado para o cumprimento de obrigas derivadas de instrumentos xurídicos internacionais e normas comunitarias.

b) Grupo II: establecementos e instalacións sometidos a declaración responsable ou a comunicación ao órgano competente en materia de industria.

Neste grupo inclúense aqueles establecementos e instalacións industriais que para a súa instalación, modificación ou posta en funcionamento requiran dunha declaración responsable ou dunha comunicación ao órgano competente en materia de industria».

6. Modifícanse os puntos 2 e 3 do artigo 7, que quedan redactados como segue:

«2. Para a instalación, a modificación ou a posta en funcionamento dos establecementos e das instalacións industriais do grupo II, seguiranse os trámites e os procedementos establecidos na normativa estatal ou autonómica na materia que lles sexa aplicable.

3. Para a instalación, a modificación ou a posta en funcionamento dos establecementos e das instalacións industriais incluídos no grupo II desta lei, a consellaría competente en materia de industria entregaralle ao interesado un xustificante da presentación da declaración responsable ou da comunicación e, se é o caso, da correspondente documentación, que lle servirá como acreditación do cumprimento das obrigas administrativas, sen prexuízo das responsabilidades dos autores da documentación técnica e das certificacións expedidas».

7. Modifícase o artigo 10, que queda redactado como segue:

«Artigo 10. Rexistro Industrial de Galicia.

Os titulares das industrias, actividades, empresas de servizos e entidades ou axentes en materia de seguridade e calidade industrial que deban estar inscritas no Rexistro Industrial de Galicia, conforme o establecido no regulamento do dito rexistro, comunicaranlle os seus datos á consellaría competente en materia de industria.

No caso de industrias, actividades, empresas de servizos e entidades ou axentes en materia de seguridade e calidade industrial sometidas a procedementos de autorización, declaración responsable ou comunicación, a inscrición no Rexistro Industrial de Galicia será realizada de oficio polo órgano competente a partir dos datos incluídos nos ditos procedementos».

8. Modifícase o artigo 11, que queda redactado como segue:

«Artigo 11. Rexistros de instalacións industriais.

Comunicaránselle á consellaría competente en materia de industria os datos das instalacións industriais que por razón da normativa aplicable deban estar inscritas en rexistros específicos, nos termos establecidos na dita normativa».

9. Engádenselle dúas letras ao artigo 33, punto 3:

«k) A inexactitude, a falsidade ou a omisión de calquera dato ou manifestación de carácter esencial sobre o cumprimento dos requisitos esixidos sinalados na declaración responsable ou na comunicación achegada polos interesados.

l) A realización da actividade sen cumprir os requisitos esixidos ou sen que se realizase a comunicación ou a declaración responsable cando algunha delas sexa preceptiva».

10. Suprímese a letra g) do punto 4 do artigo 33.

11. Suprímese o anexo I da lei.

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento regulamentario.

O Consello da Xunta, no prazo de catro meses desde a entrada en vigor desta lei, elaborará un decreto de desenvolvemento dela, dándolles audiencia por prazo dun mes no correspondente procedemento ás organizacións sindicais e empresariais intersectoriais galegas máis representativas.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de decembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente