Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 2 de xaneiro de 2012 Páx. 50

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 241/2011, do 15 de decembro, polo que se aproba o escudo do Concello de Castro Caldelas.

O Concello de Castro Caldelas, Ourense, considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema municipal para perpetualo coa simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica do escudo, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos dos concellos e doutras entidades locais corresponde á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto no artigo 27.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia, e no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 10 de decembro.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de decembro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobar o escudo do Concello de Castro Caldelas, que figura como anexo, organizado do seguinte xeito:

– En campo de goles, sobre chamas do mesmo perfiladas de ouro, un castelo aberto, de ouro, coa porta superada por un escudo de prata cargado de seis roeis de azur; bordura de azur lisa. Ao timbre coroa real pechada.

– O castelo representa o existente na vila e o señorío que sobre ela exerceron os señores de Monforte de Lemos desde o ano 1336 por concesión do rei don Alfonso XI á liñaxe Castro; os condes de Lemos reedificárono, foi derrubado en parte durante a Revolta Irmandiña e volveu ser reconstruído. As chamas lembran o suceso acaecido durante a invasión francesa, cando en 1810 o xeneral Loison prendeu lume á vila. A bordura de azur alude á tradicional devoción mariana de Nosa Señora dos Remedios.

Ourense o quince de decembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

missing image file