Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 2 de xaneiro de 2012 Páx. 45

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

ORDE do 30 de decembro de 2011 pola que se regula o servizo de acceso electrónico ao recibo mensual de haberes, no ámbito da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

O Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, ten por obxecto, entre outros, o impulso e desenvolvemento dos servizos electrónicos no ámbito da Administración autonómica. Esta norma enmárcase nas actuacións do Goberno galego para impulsar a modernización administrativa e a innovación tecnolóxica, dentro do seu ámbito de actuación e no marco xurídico básico constituído pola Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

O artigo 2.2 do citado Decreto 198/2010, establece: «A Xunta de Galicia debe implantar progresivamente o uso dos medios electrónicos nas comunicacións, relacións, trámites e prestacións de servizos cos cidadáns, así como nas súas comunicacións internas e con outras administracións públicas e institucións».

O Sistema de Información Corporativo de Nóminas xa permite, desde hai tempo, a posibilidade de notificar aos perceptores, por medios electrónicos, os recibos correspondentes ás súas retribucións. Na actualidade, mais do 60% dos empregados públicos incluídos no sistema está a recibir estes recibos a través do correo electrónico. O envío de recibos en papel para aqueles que aínda non solicitaron a remisión en formato electrónico, supón un elevado custo económico para a Administración derivado do gasto en papel e impresión, ademais dunha dificultade organizativa, xa que obriga o centro tramitador da nómina, actualmente o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC) a enviar en lotes miles de recibos a multitude de centros de traballo.

En prol dunha maior eficiencia na xestión, é necesario estender o sistema de posta á disposición do recibo mensual de haberes por medios electrónicos a todos os empregados públicos da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico, para acadar así, un considerable aforro de custos,

Non obstante, deben preverse tamén aqueles supostos en que, por motivos excepcionais, non sexa posible para o empregado público o acceso por medios electrónicos aos recibos xustificativos da percepción de haberes, permitindo para estes casos outras formas de acceso.

Esta orde será de aplicación inmediata a todo o persoal da Administración xeral da Comunidade Autónoma, así como ao persoal das entidades instrumentais do sector público autonómico cuxa nómina se elabore a través do Sistema de Información Corporativo de Nóminas que xestiona o CIXTEC, que pasará a denominarse Axencia Informática para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (AIXTEC), en cumprimento das previsións da Lei 16/2010, do 17 de decembro. Non obstante, tamén se prevé a incorporación paulatina ao sistema de todas as demais entidades instrumentais do sector público. A Consellería de Facenda e o CIXTEC ou a entidade que o substitúa elaborarán un plan para tal efecto, no prazo de dous anos desde a entrada en vigor desta orde.

Tendo en conta o disposto na disposición transitoria terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, tamén se prevé a aplicación da orde ás entidades resultantes dos procesos de transformación das que actualmente se atopan incluídas no sistema.

Por todo o anterior, co obxecto de fomentar prácticas de aforro e impulsar, ao mesmo tempo, a modernización da actividade administrativa,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde ten por obxecto regular o servizo de acceso electrónico ao recibo mensual de haberes por parte de todo o persoal ao servizo da Administración xeral, así como das entidades do sector público autonómico de Galicia para os cales a nómina se elabora no Sistema de Información Corporativo de Nóminas, relacionadas no anexo I, coas excepcións previstas no artigo 5 desta orde.

Artigo 2. Recibo xustificativo da liquidación mensual de haberes.

O Sistema de Información Corporativo de Nóminas, que xestiona o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC) ou a entidade que o substitúa, como resultado do proceso de elaboración e pagamento de haberes, xerará o recibo xustificativo en formato pdf ou outro de similares características, no cal se recollan os datos relativos á liquidación mensual de haberes de cada empregado público.

Artigo 3. Formas de acceso.

Os recibos xustificativos a que se refire o artigo anterior remitiranse a cada perceptor ao seu correo electrónico corporativo.

Os perceptores poderán solicitar a recepción noutra conta de correo electrónico, designándoa a través da Oficina Virtual do Empregado Público ou directamente, por escrito, nos departamentos de persoal do centro ou consellería a que estean adscritos.

Artigo 4. Outras formas de acceso.

Os recibos xustificativos da liquidación mensual de haberes estarán tamén á disposición dos perceptores, logo de verificación da súa identidade, na Oficina Virtual do Empregado Público, no enderezo www.conselleriadefacenda.es/OVempregado

Tamén será accesible desde a páxina web da Consellería de Facenda, desde a páxina web do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC), ou da entidade que o substitúa, e desde o Portal do Empregado (PORTAX) na intranet da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Recibos xustificativos en soporte papel.

Non obstante o anterior, poderase poñer á disposición dos perceptores o recibo xustificativo de liquidación de haberes en soporte papel, cando xustifiquen a imposibilidade de ter acceso a un sistema que lles permita obtelo por medios electrónicos.

Para acollerse a esta excepción, o perceptor deberá xustificar esta circunstancia mediante a presentación dunha declaración responsable perante o departamento de persoal do centro ou consellería a que estea adscrito, de acordo co modelo incluído no anexo II desta orde.

Nos casos en que se presente esta declaración responsable, os departamentos de persoal obterán directamente do Sistema de Información Corporativo de Nóminas os recibos xustificativos de liquidación de haberes en formato papel, os cales quedarán á disposición do perceptor.

Disposición adicional primeira. Plan para a incorporación de todas as entidades instrumentais do sector público ao Sistema de Información Corporativo de Nóminas.

No prazo máximo de dous anos desde a entrada en vigor desta orde, a consellería competente en materia de facenda, en coordinación co CIXTEC ou a entidade que o substitúa, elaborará un plan para a incorporación paulatina ao Sistema de Información Corporativo de Nóminas do resto das entidades instrumentais do sector público autonómico que xestionen a elaboración e pagamento dos haberes do seu persoal por outros medios ou sistemas distintos ao corporativo. A incorporación a este sistema suporá a aplicación inmediata do disposto nesta orde.

Disposición adicional segunda. Aplicación ás entidades resultantes dos procesos de transformación previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro.

Esta orde será tamén de aplicación ás entidades resultantes dos procesos de transformación previstos na disposición transitoria terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que afecten as entidades relacionadas no anexo I.

Disposición derradeira. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2011.

Marta Fernández Currás
Conselleira de Facenda

anexo I
Entidades instrumentais do sector público autonómico que elaboran a nómina a través do sistema de información corporativo de nóminas

– Entidades:

Instituto Galego de Consumo.

Fondo Galego de Garantía Agraria.

Academia Galega de Seguridade Pública.

Axencia Informática para a Xestión Tributaria Económico-Financeira e Contable.

Instituto de Seguridade e Saúde Laboral.

Augas de Galicia.

Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

Axencia Galega das Industrias Culturais.

Servizo Galego de Saúde (Servizos Centrais).

Instituto Galego de Estatística.

Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Escola Galega da Administración Pública.

Consello Galego da Competencia.

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Consello Económico e Social.

Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A.

Consello da Cultura Galega.

Instituto Enerxético de Galicia.

Portos de Galicia.

Consello Galego de Relacións Laborais.

Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos.

Instituto Galego de Promoción Económica.

Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.

Fundacion Centro Galego da Artesanía e Deseño.

ANEXO II
Modelo de declaración responsable

Nome:

Primeiro apelido:

Segundo apelido:

DNI:

Tipo de persoal:(1)

Corpo/Grupo/Categoría:

Que presta os seus servizos na

Consellería/Entidade:

Declara baixo a súa responsabilidade:

Non ter acceso a un sistema que lle permita obter o recibo xustificativo de liquidación de haberes por medios electrónicos, debendo acollerse á excepción prevista no artigo 5 da orde pola que se regula o servizo de acceso electrónico ao recibo mensual de haberes, no ámbito da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que permite nestes supostos a súa recepción en soporte papel.

En..., ... de... de...

Asdo.: ...

Dpto. de persoal da Consellería/Entidade

(1) Tipo de persoal:

Funcionario de carreira

Funcionario interino

Laboral fixo

Laboral temporal